Outros destinos da emigración galega
Cando escoitamos falar da emigración galega sempre pensamos nos destinos tradicionais como: Arxentina, Cuba, Brasil, Venezuela ou Uruguai e, no caso de Europa: Suíza, Alemaña, Reino Unido ou Francia. Pero como hai galegos e galegas ata “na lúa” parafraseando a coñecida canción, este especial vai dedicado a eses países de acollida nos que, se ben a presenza dos galegos non destacou a nivel cuantitativo, si o fixo pola importancia cualitativa adquirida en determinados sectores produtivos da súa economía.A chegada de emigrantes galegos a países americanos sen tradición migratoria vén dada por diversos motivos, entre os que se atopa a existencia de cadeas migratorias durmidas. Xa a finais do século XIX e principios do XX, en varios destes países viviu unha pequena colectividade galega que conseguiu un certo éxito social e económico, pero que por circunstancias políticas ou económicas, mesmo climáticas e sanitarias, non chegou a constituírse nun foco de atracción para a nosa emigración. Esas cadeas, nun novo contexto, foron reactivadas por circunstancias puntuais como a necesidade de man de obra en determinados sectores produtivos en auxe.
Así, podemos destacar a emigración galega a Panamá, país que xa a comezos do século XX contou con traballadores galegos para as obras de construción da súa canle, onde deixaron unha pegada transcendental que marcou o seu protagonismo dentro do grupo de man de obra europea. Nos anos 50 e 60, o Istmo volveu ser considerado como un destino atractivo, para os galegos e galegas que na súa maioría procedían da comarca do Carballiño e de Forcarei ou da Estrada, entre outros lugares. Chegaron a ese país nun momento de auxe auspiciado pola influencia estadounidense reflectida na súa economía e na xestión desa gran vía de comunicación interoceánica. Outro caso singular foi o dos e das veciñas da Costa da Morte, que neses mesmos anos emigraron cara á costa peruana. O reagrupamento familiar foi unha vía de consolidación e integración da colectividade nestes países.
A emigración asistida por parte do Goberno español das décadas dos 50 e 60 tamén levou a que moitas galegas e galegos optasen por probar fortuna en países descoñecidos para eles, cunha lingua e unha cultura totalmente alleas, como é o caso de Canadá ou Australia.
Neste especial o AEG amosa fotografías e documentos que moi amablemente foron cedidos por algúns dos seus protagonistas.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


