No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
En setembro de 1921, hai agora cen anos, fundouse en Bos Aires a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, por iniciativa de varios dirixentes da colectividade galega (Antón Alonso Ríos, Manuel San Luis, Enrique Rodal e Joaquín Folgar Lema), nunha reunión para loitar contra o caciquismo. Xa dende as primeiras xuntanzas para a súa constitución prevaleceu o ideario socialista e agrarista dos seus promotores e o compromiso a prol dos sectores sociais galegos máis desfavorecidos.O 24 de setembro realizouse un congreso constituínte no que se integraron doce das numerosas sociedades parroquiais e comarcais que existían en Arxentina. O 30 de outubro aprobaron a súa primeira Carta orgánica cunha declaración de principios, baseados en textos do Partido Socialista Argentino. En 1927 estaban federadas 40 sociedades, con 5000 socios.
Co tempo xurdiron diverxencias ideolóxicas entre dous sectores da Federación, o que levou en 1929 á súa separación en dúas entidades: a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, de ideario agrarista e galeguista, e a Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, de orientación socialista. A Guerra Civil española provocou a súa reunificación; a nova institución (Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina (FSG) reunía 40 asociacións con máis de 10.000 afiliados. En xaneiro de 1937 creou unha organización propia de axuda e apoio á República española: a Agrupación Gallega de Ayuda al Frente Popular Español, que impulsou un importante movemento de solidariedade e axuda económica á república e aos refuxiados.
A Federación funcionou como un organismo político que traballaba por e para Galicia, sen esquecer os aspectos relacionados coa integración social dos emigrantes. Xa no século XXI, centra a súa actividade cultural na creación do Museo da Emigración Galega (MEGA) como museo, biblioteca e centro de investigación e difusión da emigración galega en Arxentina.
Para conmemorar o seu centenario, o Arquivo da Emigración Galega publica este especial, amosando parte da documentación e do arquivo fotográfico dos seus fondos, para recoñecer e difundir o seu labor de compromiso na defensa dos galegos de aquí e de acolá.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


