O exilio galego
Nos primeiros días da Guerra Civil, Galicia queda baixo o control dos sublevados. A represión foi durísima e o exilio converteuse na única saída para miles de galegos e galegas que padeceron persecución e cárcere. Fuxiron a Portugal ou a Francia, incluso cara a algúns países africanos como Tunes. Alí, salvo un pequeno grupo que encontrou acubillo, buscaron outros lugares que os acollesen.En América atopáronse cun amplo conxunto de redes sociais orixinadas e consolidadas pola emigración anterior a 1936. Aínda que as políticas inmigratorias dos países non eran favorables á chegada dos exiliados (agás o caso de México), estas redes puideron facilitar os procesos de desprazamento e a súa inserción socioeconómica e cultural.
Os exiliados cunha cualificación intelectual e técnica superior puxéronse ao servizo dos países de acollida, traballando nas súas universidades e no desenvolvemento de sectores clave da economía, como o industrial, enerxético, manufactureiro ou mecánico. Isto sen contar cos centenares de artistas, escritores ou pintores que ingresaron no mundo académico e cultural, sobre todo en México, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos.
A influencia de intelectuais galegos asentados en Arxentina, como Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela e Rafael Dieste, entre outros, converteu Bos Aires no principal referente da nosa cultura nos anos 40 e 50; o mesmo pasou en Uruguai con Lois Tobío e Manuel Meilán, en México con Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Luís Soto ou en Estados Unidos con Emilio González López, José Rubia Barcia e José Otero Espasandín, por citar algúns dos casos máis coñecidos. Pero tampouco debemos esquecer a presenza dos exiliados e exiliadas anónimas que se dedicaron a refacer a súa vida e a garantir a súa supervivencia material.
O Consello da Cultura Galega organizou no ano 2001 un congreso para difundir o legado destes homes e mulleres e publicou un dicionario biobibliográfico que recolle as biografías dos exiliados e exiliadas máis recoñecidas pero tamén dos anónimos e as actas das xornadas.
Este especial é unha pequena mostra dos documentos e fotografías que o Arquivo da Emigración Galega conserva nos seus fondos para poñer en valor a súa memoria.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


