Voceiros da colectividade galega na emigracion
Neste maio de celebración e defensa da nosa lingua e cultura, este especial de Historias de ida e volta presenta unha escolma das cabeceiras de xornais, revistas e boletíns editados pola colectividade galega espallada polo mundo. Foron elixidas para dar certa representatividade a toda a prensa da emigración, nomeadamente ás publicacións feitas polas asociacións dos e das emigrantes galegas nos principais países de acollida durante o século XX.Unha das características da nosa emigración foi o seu esforzo de integración nas sociedades de acollida mais sen esquecer a defensa da súa propia identidade cultural. Algúns sectores da elite da colectividade emigrada iniciaron no último terzo do século XIX un labor propagandístico e informativo coa edición de xornais e revistas dende os que se artellou unha conciencia política e cultural propia para os e as galegas. Estas publicacións constitúen un valioso testemuño da importancia, evolución e características dos e das protagonistas do fenómeno migratorio. A primeira publicación galega alén mar foi La Gaita Gallega, editada na Habana en 1872 e recuperada por Ramón Armada Teixeiro e Manuel Lugrís Freire en 1885, cando editaron o primeiro xornal escrito na nosa lingua. En 1878 o xornalista Waldo Álvarez Ínsua dirixiu tamén na Habana El Eco de Galicia. Revista Semanal de Ciencias, Arte y Literatura coa finalidade de ser «el defensor de nuestros intereses, de nuestro buen nombre y una prueba de nuestra cultura e ilustración». Ideario similar tiveron outras publicacións posteriores como El Gallego (Bos Aires, 1879), El Eco de Galicia (Bos Aires, 1892), Tierra Gallega (A Habana, 1894), Correo de Galicia (Bos Aires, 1908), Eco de Galicia (A Habana, 1917), Céltiga (Bos Aires, 1924) etc., por citar só algunhas das máis recoñecidas. Xa nos anos corenta e cincuenta ven a luz, froito do labor cultural das e dos exiliados galegos en América, Galeuzca (Bos Aires, 1945), Galicia Emigrante (Bos Aires, 1954) ou Vieiros (México, 1959). No Repertorio da prensa da emigración galega pódense consultar máis de 750 publicacións galegas editadas fóra da nosa terra polos nosos emigrantes.
Neste especial queremos dar a coñecer o importante labor editorial das asociacións de emigrantes tanto en América como en Europa. Cos seus voceiros mantiñan informados aos socios das súas actividades instrutivas, recreativas e culturais, da acción mutualista e solidaria e do funcionamento da entidade, con abundante información sobre a vida cotiá da colectividade; tamén reproducían noticias da prensa galega e española, ademais de poemas e fragmentos de obras literarias de autores galegos recoñecidos. Nos títulos das cabeceiras predominan os termos ‘Galicia’, ‘gallego’, ‘adiante’, ‘airiños’, ‘terra’, ‘alborada’, ‘saudade’…, que nos retrotraen á nosa patria e á nosa lingua, e nas súas páxinas podemos ver fotografías e ler artigos sobre a paisaxe e as vilas galegas, o patrimonio artístico e cultural, as figuras máis relevantes da nosa cultura ou o progreso e a economía de Galicia. O Arquivo da Emigración Galega (AEG), no seu labor de divulgación, organizou en 2015 unha exposición titulada Galicia imaxinada nas revistas da emigración , na que se fixo un percorrido por algunhas das máis icónicas.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


