100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Liderados por Antonio Díaz Novo, Manuel Areas Blanco, Ricardo Montero, Benigno Vieites, Domingo Traba, José Quintáns Pazos e Casto M. Insua, entre outros, fundaron a Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión. A importante colectividade integrada polos e polas emigrantes de Corcubión, Cee, Fisterra, Vimianzo, Muxía, Dumbría, Camariñas e Zas acudiu á chamada dos fundadores e asociouse en gran número á nova entidade, que chegou a contar con máis de 5000 socios na década dos 50, o que nos dá conta da súa importancia no ámbito da colectividade galega en Arxentina.A defensa e a loita pola modernización da terra que os vira nacer e que tiveran que abandonar en busca de oportunidades foron sempre parte das súas prioridades. A súa unión serviu tamén para acadar protección e apoio mutuo ante as vicisitudes que se lles presentaron no país de acollida: a partir dos anos 30, os socios gozaron de servizos gratuítos de asesoramento legal, asistencia médica e farmacia ou socorros económicos puntuais para os máis desfavorecidos. Sobre todo destaca a súa contribución á educación dos nenos e nenas da comarca, algo esencial para o seu porvir laboral e económico. Na asemblea de socios de xuño de 1929 apróbase un ambicioso plan para construír nove centros escolares, un en cada concello do distrito e o noveno en Bos Aires. Sobre este tema pódese consultar a web As escolas da emigración, que o Consello da Cultura Galega publicou hai uns anos. A ABC chegou a inaugurar catro escolas, pero o seu proxecto educativo freouse polo estalido da Guerra Civil.
Nas páxinas do seu voceiro social, a revista Alborada, creada en 1925 e que hoxe continúa a publicarse, temos ampla información das actividades culturais, benéficas e recreativas levadas a cabo ao longo deste século de existencia.
Na actualidade o seu presidente, Carlos O. Ameijeiras Miñones, continúa co labor dos seus predecesores no cargo e visita a miúdo a terra dos seus antepasados para difundir a memoria histórica da asociación. Na conmemoración do seu centenario, o Consello da Cultura Galega publica este especial para manifestar o seu recoñecemento e parabéns a todos e todas as socias desta lonxeva institución por todo canto ben fixeron pola súa terra e desexarlles unha próspera andaina no futuro.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


