Galicia onde todo retorna
O feito migratorio en Galicia é un elemento inherente á súa identidade cultural. Sería imposible entender a actualidade contemporánea da nosa comunidade sen ter presente este fenómeno. Se atendemos ás cifras oficiais ‒sen ter en conta a emigración clandestina–, cabe lembrar que entre 1810 e 1970 se estimou unha partida cara ao exterior de 2.250.000 emigrantes, que colleron distintos rumbos co fin de probar sorte e construír futuro. Coa crise do petróleo, a partir de 1973, a emigración masiva chegou á súa fin e deu paso á chamada emigración de retorno, tanto desde os principais receptores do continente americano como desde os países europeos que brindaron oportunidades de superación a milleiros de galegas e galegos.Neste especial tócanos atender ao que nun principio parecía a última etapa dun proceso pechado, pero o certo é que, unha vez iniciado o ciclo, nunca conclúe por completo. Experiencias e afectos nacidos na emigración son transferidos dunha xeración a outra para continuar impregnando a identidade desa “Galicia Exterior” que se leva dentro, aínda que o retorno sexa un feito que forme xa parte do noso pasado.
Non debemos esquecer que retornar significa emigrar de novo aínda que, ás veces, os propios emigrantes non teñan plena conciencia diso. Unha gran maioría non ten dúbida da súa decisión de regresar á terra, incluso antes de emprender a súa aventura migratoria. Canto máis duradeira sexa a estancia no país de destino, máis se complica o retorno, por moi desexado que este sexa. Moitas persoas marcharon soas e voltan con toda unha familia formada no estranxeiro. Os seus fillos e netos, nacidos na sociedade de acollida, chegan a Galicia cheos de ilusión, en idades ás veces complicadas e cunha identidade híbrida.
O proceso de retorno parece menos duro que cando os e as emigrantes partiron cara a países descoñecidos por primeira vez, pero non sempre é así. Cando saíron de Galicia eran mozos e mozas cunha capacidade de adaptación social máis flexible. Cando volven, en moitos casos, xa non son tan novos e chegan con costumes adquiridos doutra cultura, outro clima, outros olores, sabores e sons. A natural comparativa en situacións cotiás entre "alá" e "aquí" faise unha constante que dura bastante tempo, o que non quere dicir que o desexo de regresar ao que consideran “o seu lugar” se desvaneza, pois a morriña é un sentimento que sempre prevalece.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


