Historias de ida e volta

Historias de ida e volta


Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.

Arquivo da Emigración Galega (CCG)

Chamada Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega
Chamada Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega

Axúdanos a recuperar o patrimonio documental


Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega


Campaña de recollida das coleccións particulares dos nosos emigrantes. Coñece cómo


  • Arquivo da Emigración Galega

  • Carolina García Borrazás: +0034 881 995 148

  • Teresa García Domínguez: +0034 881 995 143

  • Enderezo electrónico: aemigracion@consellodacultura.gal

  • Documento: Instrucións para colaborar

Alumnos posando diante do edificio principal da Escola Agrícola Pedro Murias en Vilaframil (Ribadeo), anos 50
Alumnos posando diante do edificio principal da Escola Agrícola Pedro Murias en Vilaframil (Ribadeo), anos 50

Pedro Murias Rodríguez fixo fortuna como empresario tabaqueiro en Cuba, onde morreu en 1906. Deixou no seu testamento, entre outros legados, máis de 10 000 pesos ouro para a construción dunha escola agrícola que formase os mozos da súa comarca natal en todos os avances agropecuarios existentes no momento. Tras numerosas vicisitudes, o centro agrícola foi inaugurado en 1922 e converteuse nun centro pioneiro e impulsor do melloramento agrario e gandeiro de toda a Mariña luguesa. A filantropía deste indiano continúa presente na memoria colectiva co funcionamento na actualidade deste centro senlleiro.
Retrato do filántropo ceense Fernando Blanco de Lema, 1892
Retrato do filántropo ceense Fernando Blanco de Lema, 1892

Este indiano emigrou moi novo á illa de Cuba, onde conseguiu triunfar nos negocios. Tras a súa morte na Habana en 1875, lega case toda a súa fortuna á súa vila natal para construír un colexio de primeira e segunda ensinanza, gratuíto para todos os nenos e nenas da comarca. Este centro de ensino, inaugurado en 1886, foi un dos máis modernos da época e estaba dotado de todo tipo de material educativo, laboratorios de física e química, obradoiros, unha biblioteca con máis de 2000 volumes traídos de Cuba e Europa, un gran xardín con especies da flora americana etc. e contribuíu ata hoxe á educación e á modernización da súa contorna.
En 1882, construíuse outro edificio no soar da súa casa natal, que foi escola para as nenas e nenos máis pequenos da vila. Actualmente nel atópase a sede da fundación e un museo co material educativo que se conserva dos seus fondos.
Edificio das Escolas Matías López en Sarria, 2009
Edificio das Escolas Matías López en Sarria, 2009

Este edificio foi construído grazas ao legado do sarriao Matías López y López, quen emigrou a Madrid, onde conseguiu triunfar como empresario chocolateiro. Moi vinculado á súa vila natal, deixou un importante legado no seu testamento: "(...) cien mil para la construcción de un edificio para Escuela pública de niños y niñas del partido municipal que a ellas concurran y las diez mil restantes para el material de las mismas (...)". Desexo que foi levado a bo fin pola súa familia. O edificio escolar foi inaugurado en 1896 e funcionou como centro de ensino durante moitos anos.
Retrato de José García Barbón, gran benfeitor da cidade de Vigo, 1879
Retrato de José García Barbón, gran benfeitor da cidade de Vigo, 1879

José García Barbón y Sola emigrou a Cuba e chegou a ser un dos máis importantes empresarios da illa. Retornou a Galicia en 1884 e acabou instalándose en Vigo, onde deixou gran pegada no seu desenvolvemento económico e cultural. Ademais da construción da Escola de Artes e Oficios, inaugurada en 1900 e que hoxe en día continúa co seu labor de formación educativa, contribuíu con numerosas doazóns a diversas institucións, hospitais e asilos da zona. Non se esqueceu da súa vila natal, Verín, onde financiou a construción e mantemento do Colexio San José de Verín, inaugurado en 1895 e hoxe sede da Biblioteca municipal da vila.
Monumento homenaxe aos irmáns García Naveira na súa vila natal de Betanzos, inaugurado en 1925
Monumento homenaxe aos irmáns García Naveira na súa vila natal de Betanzos, inaugurado en 1925

Juan María e Jesús García Naveira emigraron a Arxentina e alí lograron unha gran fortuna. Ambos os irmáns foron socios nos negocios e tamén na actividade benéfica e filantrópica que levaron a cabo na súa terra natal. Crearon un padroado benéfico-docente para construír un asilo e un edificio escolar, ademais de varias obras públicas. As Escolas García Hermanos foron inauguradas en 1914, dous anos despois da morte de Jesús na Arxentina. Este, no seu testamento, deixou un legado para construír outro centro educativo que levaría o seu nome e que foi inaugurado en 1918. Juan María residiu coa súa familia en Betanzos ata a súa morte en 1933, rodeado do recoñecemento e gratitude dos seus paisanos.
Grupo escolar Barcia en Padróns (Ponteareas), 2011
Grupo escolar Barcia en Padróns (Ponteareas), 2011

Este edificio foi mandado construír polos irmáns José, Benito e Generoso Barcia Boente. De familia moi humilde, emigraron a Iquitos (Perú), onde fixeron fortuna coa extracción e venda de caucho. En 1913 inaugurouse o edificio, que comezou a funcionar como centro de ensino primario en 1915, con todos os adiantos educativos e pedagóxicos. O seu mantemento foi sostido co patrimonio dos doadores ata mediados dos anos 20. Ao morrer Generoso, o último propietario, en 1951, deixou como herdeiros os veciños da parroquia.
Alumnos posando diante das escolas
Alumnos posando diante das escolas "República Argentina" en Cortegada, 1936
Fotografía de Vida Gallega, nº 656, 1936
Este edificio foi construído por iniciativa de Guillermo Álvarez Pérez. Natural de Cortegada, emigrou co seu pai e irmán a Arxentina, onde chegou a ser un recoñecido arquitecto. Sen esquecerse da súa terra, deseñou e financiou a construción deste edificio con numerosas dependencias para ser concello, xulgado, casino e casa-escola. O centro docente foi inaugurado en 1935 e levaba este nome en homenaxe ao país que o acolleu.
Noticia sobre a inauguración das escolas Concepción Yáñez en Ramirás, publicada en <i>Vida Gallega</i>, 1935
Noticia sobre a inauguración das escolas Concepción Yáñez en Ramirás, publicada en Vida Gallega, 1935
Vida Gallega, n. 643, 1935
Rogelio García Yáñez naceu en Freás de Eiras (Ramirás) e emigrou moi novo cara a Arxentina, país no se dedicou ao comercio con grande éxito. Ao seu retorno financiou a construción dun grupo escolar na súa localidade natal, que foi inaugurado en 1935 e cedido ao Concello en 1936 como centro de ensino primario. Tratábase dun magnífico edificio cunha gran extensión de terreo e contaba con todas as modernidades: electricidade, calefacción na vivenda dos mestres e nas tres aulas mixtas; tiña tamén laboratorio, biblioteca e comedor escolar.
Portada de <i>Eco de Galicia</i> da Habana co mapa de Galicia onde se crearan sociedades de instrución, 1923
Portada de Eco de Galicia da Habana co mapa de Galicia onde se crearan sociedades de instrución, 1923
Eco de Galicia, A Habana, n. 187, 1923, portada
Os emigrantes galegos fundaron numerosas asociacións de carácter microterritorial que tiñan como finalidade principal a creación de escolas nos concellos, parroquias e aldeas de referencia. Estas entidades foron constituídas principalmente en Arxentina e Cuba (máis do 90%), pero tamén en Uruguai, Estados Unidos e Brasil. O espallamento pola xeografía galega dános conta da importancia e asentamento que tiñan, aínda que non todas tiveron éxito nas súas iniciativas.
Alumnado e mestre da escola financiada pola Alianza Aresana de Instrucción da Habana, ca. 1905
Alumnado e mestre da escola financiada pola Alianza Aresana de Instrucción da Habana, ca. 1905

A Alianza Aresana, fundada en 1904, foi a primeira sociedade galega de instrución de ámbito microterritorial creada en América. A súa finalidade era construír unha escola para os nenos de Ares, segundo se recolle nos seus estatutos "(...) tendrá por objeto exclusivo, el fomentar y propagar la enseñanza gratuita entre las clases pobres y menos acomodadas de la villa de Ares por medio del establecimiento de escuelas de instrucción elemental".
En 1905 xa mandara cartos para instalar unha escola para nenos e nenas nun local alugado, pagando o soldo do mestre e os materiais educativos. En 1909 inaugura un fermoso edificio no centro da vila que funcionou como centro de ensino primario durante moitos anos.
Edificio escolar La Devesana, no concello de Ortigueira, 2011
Edificio escolar La Devesana, no concello de Ortigueira, 2011

Este concello é un dos municipios galegos con maior número de "escolas de americanos". A pegada da súa emigración é patente en moitas das súas aldeas e parroquias. Este edificio foi inaugurado en 1912 pola Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana, fundada na Habana en 1907 coa finalidade principal da creación e mantemento dun centro de ensinanza na súa parroquia natal. A escola contaba con dúas aulas con capacidade para 90 alumnos de ambos os dous sexos e a ensinanza impartida era gratuíta e laica.
Inauguración do curso escolar na Escola da Tenencia, en Redes, 1915
Inauguración do curso escolar na Escola da Tenencia, en Redes, 1915

Este centro de ensino primario foi fundado pola Agrupación Instructiva de Redes y Caamouco da Habana en 1915. Seguindo a pegada dos seus paisanos aresáns, os emigrantes de San Vicente de Caamouco fundan unha nova sociedade en 1911 para edificar unha escola na súa parroquia. Paralelamente crean unha delegación da mesma en Ares para que xestione a construción do edificio escolar e o seu mantemento. O edificio funcionou como escola gratuíta e laica para as nenas e nenos das aldeas próximas.
Inauguración da casa-escola Enrique Labarta Pose en Pasarela, 1931
Inauguración da casa-escola Enrique Labarta Pose en Pasarela, 1931

Esta escola foi fundada pola ABC del Partido Judicial de Corcubión, entidade creada en Bos Aires en 1922. De ideais agraristas e progresistas, defendía a educación como medio de progreso da súa terra natal. Por iso fomentou a construción de escolas e no bienio 1930-1931 conseguiu inaugurar catro centros de ensino primario en outras tantas parroquias do partido xudicial: Nemiña (Muxía), Suarriba (Fisterra), Pasarela (Vimianzo) e Estorde (Cee), escolas que contribuíron á instrución e educación dos nenos e nenas da contorna.
Regulamento societario de Vivero y su comarca, 1922
Regulamento societario de Vivero y su comarca, 1922

Esta sociedade de instrución e beneficencia foi fundada na Habana en 1910 polos numerosos emigrantes do partido xudicial de Viveiro asentados na illa de Cuba. Tivo como prioridade a creación de escolas en toda a comarca, segundo consta nos seus estatutos "a este objeto pedirá al Estado español la creación de escuelas en los lugares que haga falta (...) previo ofrecimiento del solar saneado, equipo completo, mobiliario y casa vivienda para el maestro". En total sabemos do seu apoio económico na construción e instalación de 57 escolas nas 49 parroquias do distrito viveirense. Polo seu labor a prol da educación e o desenvolvemento da súa terra, o Goberno español concedeulle a Cruz de Beneficiencia de Primer Orden en 1919.
Alumnas e alumnos do colexio da Liga Santaballesa en Vilalba, 1922
Alumnas e alumnos do colexio da Liga Santaballesa en Vilalba, 1922

O alumnado posa co material escolar que lle facilitaba gratuitamente a sociedade promotora. A Liga Santaballesa de Educación e Instrucción foi fundada na Habana en 1907 coa finalidade de construír un centro educativo para as parroquias pertencentes a todo o distrito. En 1914, grazas ao traballo da delegación de Santaballa, comezaron as obras e dous anos máis tarde foi inaugurado como centro de ensino primario, con dúas aulas mixtas, biblioteca, salón de actos e vivenda do mestre/a. Actualmente é un museo escolar e funciona como centro sociocultural e sede da delegación.
Veciños posando diante das obras da escola de Roupar, ca. 1920
Veciños posando diante das obras da escola de Roupar, ca. 1920

Esta escola foi inaugurada un ano máis tarde. A entidade promotora, Sociedad de Instrucción y Protección Hijos de Roupar, foi fundada en Cuba en 1913 coa finalidade de fomentar e propagar a ensinanza. Mentres se constrúe o edificio, aluga unha casa e contrata un mestre para impartirlles clases aos rapaces e rapazas da parroquia. Aínda que a idea e a maior parte dos gastos corrían a cargo das sociedades de emigrantes, en moitos casos os veciños colaboraban co seu traballo ou doazón de material, incluso cedendo terreos para a construción dos edificios escolares.
O colexio Marcos M. de Avellaneda na parroquia de Banga (O Carballiño), 2009
O colexio Marcos M. de Avellaneda na parroquia de Banga (O Carballiño), 2009

Este edificio foi promovido pola sociedade instrutiva Hijos de Banga en Buenos Aires, tamén coñecida como Pro-escuela en Banga, nome que xa nos acredita a súa funcionalidade. Contaba con poucos socios e xa dende o primeiro momento dirixiuse aos seus conveciños para pedir colaboración económica e axuda para levar a cabo a súa tarefa. Finalmente o edificio escolar foi inaugurado en 1931, aínda que continuaron as obras varios anos despois.
Escolas da Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor, 1927
Escolas da Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor, 1927

A Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor fundouse en Bos Aires en 1905 coa finalidade de crear unha escola práctica de artes e oficios, con sección de agricultura e clases de ensino primario. En 1914 inaugurou este edificio escolar, no que se aplicaron os métodos pedagóxicos máis modernos: contaba con numerosas aulas, unha gran biblioteca con libros traídos de América, un comedor gratuíto para o alumnado, laboratorios, un pequeno teatro onde actuaba a súa banda de música, unha imprenta na que os alumnos aprendían un oficio, unha ampla horta de experimentación etc.; incluso tiñan transporte escolar gratuíto, tal como vemos na imaxe. A sociedade financiou tamén todo o mobiliario, material pedagóxico, pagaba o salario do profesorado etc.
Colocación da primeira pedra da Escola de Instrucción Primaria e de Comercio de Bandeira en Silleda, 1928
Colocación da primeira pedra da Escola de Instrucción Primaria e de Comercio de Bandeira en Silleda, 1928

As obras de construción deste edificio comezaron ese ano, conforme os planos enviados dende Bos Aires, de aí a imaxe que estamos a ver. Foi promovida pola sociedade Pro-Escuelas en Bandeira, creada na capital arxentina en 1909. Ata 1927 a entidade non acadou os fondos precisos para comezar as obras. A escola, laica, mixta e gratuíta, foi inaugurada en 1930 e estaba dotada de mobiliario e material educativo enviado dende Arxentina. Neste centro de ensino impartíanse aulas teóricas e prácticas nos gabinetes de física e química, óptica, electricidade, meteoroloxía etc.
<i>Reglamento de las escuelas de la Sociedad Unión del Partido de Lalín en Buenos Aires</i>, 1922
Reglamento de las escuelas de la Sociedad Unión del Partido de Lalín en Buenos Aires, 1922

As sociedades de emigrantes con finalidade instrutiva non só mandaban remesas de cartos para a construción e mantemento das escolas senón que tamén enviaban mobiliario, libros, os planos arquitectónicos dos edificios etc. e impoñían ademais o plan pedagóxico que tiña que ser impartido polos mestres nas aulas. Esta entidade, fundada en Bos Aires en 1921, publica este folleto coas normas e programa pedagóxico que se debía aplicar nas súas escolas.
Cuberta do libro <i>Follas Novas</i> de Rosalía de Castro, editado por primeira vez na Habana, 1880
Cuberta do libro Follas Novas de Rosalía de Castro, editado por primeira vez na Habana, 1880

En 1880 a editorial habaneira La Propaganda Literaria edita este libro de poemas en galego de Rosalía de Castro. A súa obra xa era coñecida en Cuba e a poetisa convértese nun dos símbolos da emigración. No limiar, a autora dedícalles o libro á xunta directiva e membros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, da que era socia honoraria dende 1872. Rosalía contou co apoio económico dos emigrantes galegos en Cuba en diversas ocasións, como en 1883, cando se creou unha subscrición popular para axudala e lle mandaron 1732 pesos ouro. A súa morte provocou unha gran conmoción en toda América. Os galegos de alén mar apoiaron e fomentaron todo tipo de homenaxes á súa figura e obra, sendo os promotores da creación da Casa-Museo de Rosalía en Padrón.
Creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana, 1905
Creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana, 1905
Artigo de prensa
Por iniciativa do ferrolán José Fontenla Leal creouse na Habana esta asociación co propósito fundamental de "promover la creación en Galicia de una ‘academia’ encargada de velar por la conservación y perfección de nuestra lengua, publicar la ‘Gramática’ y ‘Diccionario’ de la misma (...)". O seu primeiro presidente foi Manuel Curros Enríquez, acompañado na directiva por Ángel Barros e Nan de Allariz. Tras a súa fundación, a asociación iniciou unha campaña na prensa da colectividade para dar a coñecer os seus obxectivos, tal e como vemos neste artigo publicado no xornal Galicia. No mes de xullo dese mesmo ano envíalles cartas a diversos intelectuais das catro provincias galegas instándoos á creación da Academia Galega, que foi constituída o 4 de setembro de 1905 baixo a presidencia de Manuel Murguía. A Academia contou dende os seus inicios e ata ben avanzado o século XX co apoio económico dos emigrantes galegos.
Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, ca. 2000
Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, ca. 2000

A súa creación foi iniciativa de Gumersindo Busto, quen emigrou moi novo, primeiro a Montevideo e logo a Bos Aires, cidades en que se formou como avogado e escribán público. En 1904 tivo a idea de crear en Galicia unha Universidad Libre Hispanoamericana, que contase cunha gran biblioteca, co obxecto de difundir o coñecemento en Europa de todo o referente ao continente americano. A través da prensa espallou o seu proxecto en todos os países americanos con presenza galega destacada. E axiña comezou a recibir doazóns de materiais bibliográficos, cartográficos, bandeiras, moedas e medallas, bustos de próceres americanos e todo tipo de obxectos da cultura popular americana. Esta colección multidisciplinar foi enviada a Santiago e inaugurada na súa Universidade en 1909.
Ramón Suárez Picallo dando un discurso diante do monumento a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, 1933
Ramón Suárez Picallo dando un discurso diante do monumento a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, 1933

O 25 de xullo de 1933 foi asinado en Santiago o Pacto de GALEUZCA polas tres nacionalidades históricas da Península. Pola mañá tivo lugar un acto de homenaxe a Rosalía de Castro no que tamén falaron Castelao e Eduardo Blanco-Amor.
Este monumento fora realizado por subscrición popular, para a celebración do 80 aniversario do nacemento de Rosalía. Varias entidades, entre as que se atopaban os centros galegos da emigración, lideradas pola Liga de Amigos de Santiago, iniciaron unha campaña na prensa para erixir un monumento como homenaxe á insigne poetisa. Os cartos chegaban de Bos Aires, da Habana, de Madrid ou de México, mais tamén de todas as provincias galegas, e recadáronse unhas 30 000 pesetas. A escultura, obra de Isidro de Benito e Francisco Crivillés, foi inaugurada na Alameda compostelá en 1917 en medio dunha gran manifestación popular. A figura da escritora, sedente coa cabeza apoiada na man, pensativa, domina o conxunto. No outro lado da estrutura escultórica aparece a alegoría da emigración, representada coa despedida dunha parella de mozos, así como diversas placas colocadas na base do monumento por diversas asociacións de emigrantes.
Coral Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, 1940
Coral Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, 1940

A gran maioría das sociedades de emigrantes galegos creaban, nas súas filas, corais e grupos de música tradicional galega, integrados polos socios. Algúns destes grupos alcanzaban moita sona e participaban nas numerosas festas e reunións culturais e artísticas organizadas polas distintas entidades e asociacións. Recreábase así a tradición musical da patria e difundíanse moitas das obras musicais feitas en Galicia e na emigración.
Celebración dun acto cultural no Teatro Avenida de Bos Aires, 1952
Celebración dun acto cultural no Teatro Avenida de Bos Aires, 1952

A colectividade emigrante era convocada ao longo do ano polas asociacións para asistir aos diversos actos culturais organizados a prol da cultura galega. Neses actos destacaban as actuacións musicais dos diversos grupos societarios, así como representacións teatrais de obras escritas en galego ou con temática popular galega, festivais de poesía, etc.
En ocasións, entidades de distintos países ou colectividades colaboraban na organización dos diferentes eventos, como neste caso, no que vemos a chegada da delegación uruguaia da sociedade Unidos del Partido de Rianjo co seu grupo musical para actuar ante os seus paisanos residentes en Bos Aires.
Díptico das actividades organizadas polos Centro Orensano e o Centro Pontevedrés para conmemorar o Día de Galicia, xullo 1955
Díptico das actividades organizadas polos Centro Orensano e o Centro Pontevedrés para conmemorar o Día de Galicia, xullo 1955

A celebración do Día de Galicia era unha data moi especial para a comunidade emigrada, que participaba en gran número nas diversas actividades organizadas polas asociacións e centros de emigrantes. Aquí vemos un exemplo dos diversos actos que tiñan lugar: ciclos de conferencias de destacados intelectuais da colectividade e tamén de escritores chegados de Galicia, exposicións de pintura galega etc.
Audición <i>Recordando a Galicia</i>. 1947
Audición Recordando a Galicia. 1947

Este programa radiofónico fundárono en Bos Aires en 1945, baixo os auspicios de Castelao e do Centro Betanzos, Maruxa Boga, o actor Fernando Iglesias "Tacholas" e o xornalista Alfredo Aróstegui. Todos eles aparecen fotografados xunto co gaiteiro Manuel Dopazo, os acordeonistas Moreiras, o poeta Avelino Díaz e membros da Coral "Terra Nosa" do Centro Orensano durante unha emisión.
Comezou a emitirse en Radio Prieto, aínda que foi en Radio Rivadavia onde consolidou o seu papel como un dos programas radiofónicos máis representativos da emigración galega. Maruxa Boga, a súa directora durante moitos anos, converteuse nunha das principais comunicadoras da Galicia de alén mar.
Paralelamente, en Uruguai triunfou o programa Sempre en Galicia, fundado en 1950 por Manuel Meilán, Lois Tobío, Xesús Canabal, Pedro Couceiro e Alfredo Somoza e que aínda hoxe se pode escoitar.
Díptico do Ateneo Cultural Curros Enríquez co programa da celebración dun acto artístico-cultural en homenaxe ao poeta, 1953
Díptico do Ateneo Cultural Curros Enríquez co programa da celebración dun acto artístico-cultural en homenaxe ao poeta, 1953

A figura de Manuel Curros Enríquez permaneceu ao longo do tempo como un dos símbolos identitarios da cultura galega. Numerosas asociacións e agrupacións levaron o seu nome e arredor da súa figura celebráronse numerosos actos de homenaxe e difusión da súa obra entre a colectividade.
Recital de poesía galega organizado polo Centro Galego de Bos Aires, 1956
Recital de poesía galega organizado polo Centro Galego de Bos Aires, 1956

Este recital foi dirixido por Eduardo Blanco-Amor, á esquerda, e nel participaron Fernando Iglesias “Tacholas”, Lita Soriano, Anita Fontas, Pilar Lebón e Lito López coa lectura de diversas obras de autores galegos.
O escritor e xornalista Eduardo Blanco-Amor foi unha das figuras máis destacadas da intelectualidade ao servizo da cultura galega no mundo da emigración e do exilio. Emigrou cara a Arxentina en 1919 e dende alí defendeu o ideario republicano e galeguista na prensa da colectividade. Destaca o seu labor na dirección das revistas Galicia e Céltiga e a súa obra literaria, que o converteu nun dos principais novelistas galegos do século XX. Tamén foi autor teatral e fundou unha escola de teatro na Universidad de La Plata e no Conservatorio Nacional Argentino.
Homenaxe a María Casares da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) en Bos Aires (1957)
Homenaxe a María Casares da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) en Bos Aires (1957)

A Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) homenaxeou a esta actriz galega durante a súa visita a Arxentina, como integrante da compañía Théâtre National Populaire. En Bos Aires representou varias obras no Teatro Colón con grande éxito. Para os emigrados galegos e do exilio a súa presenza supuxo unha fonda afirmación colectiva de defensa dos ideais republicanos e galeguistas e provocou diversas homenaxes á súa persoa.
Na fotografía aparece María Casares falándolles aos asistentes nun acto celebrado no restaurante Lar Gallego do Centro Lucense. De esquerda a dereita: Mariví Villaverde, Antonio Baltar, Rafael Dieste, María Casares, Eduardo Blanco-Amor, o Dr. Blanco e a súa esposa.
Retrato de Luís Seoane diante dunha das súas obras, ca. 1950
Retrato de Luís Seoane diante dunha das súas obras, ca. 1950

Luís Seoane é unha das figuras máis sobresaíntes da cultura e da arte galegas do século XX. Foi un destacado intelectual e artista comprometido coa realidade social e cultural do país. Nacido en Bos Aires en 1910, de pais emigrantes, retornou á terra en 1916. Estudou Dereito na USC e integrouse nos circuítos culturais e artísticos, participando ademais nos movementos a prol da república e da autonomía de Galicia. En 1936 tivo que exiliarse e regresou a Arxentina. Alí realizou un inmenso traballo como divulgador da cultura galega con carácter multidisciplinar: como pintor, editor, escritor ou xornalista. Entre outras, fundou e dirixiu a revista cultural Galicia Emigrante e a emisión radiofónica do mesmo nome; tamén creou as editoriais Nova (1943) e Citania (1957). Xunto con Isaac Díaz Pardo participou en 1956 na fundación da fábrica La Magdalena na Pampa arxentina, que sería o xerme do Laboratorio de Formas de Galicia.
Anuncio da colección Dorna da editorial arxentina Emecé, ca. 1940
Anuncio da colección Dorna da editorial arxentina Emecé, ca. 1940

Xa antes do seu exilio, Luís Seoane tivera unha intensa actividade como ilustrador de revistas e libros, traballando tamén no obradoiro tipográfico da Editorial Nós, para a que deseñou as cubertas dalgúns libros. En 1939 comezou a colaborar na editorial arxentina Emecé. Entre 1940 e 1942 dirixiu, xunto co seu amigo Arturo Cuadrado, dúas das súas coleccións dedicadas a temas e escritores galegos. "Dorna" estaba centrada na poesía e baixo o seu cuño publicáronse obras como Rojo farol amante (1940) de Rafael Dieste, Queixumes dos pinos (1940) de Eduardo Pondal, Cantigas de Macías o namorado (1941) e Cancionero popular gallego (1942) de José Pérez Ballesteros. A outra colección denominábase "Hórreo" e publicou sobre todo títulos de autores dos séculos XVIII e XIX, como o Padre Feijoo, Frei Martín Sarmiento ou Enrique Gil y Carrasco.
Visita de Ramón Otero Pedrayo a Bos Aires, 1959
Visita de Ramón Otero Pedrayo a Bos Aires, 1959

Ademais de impartir varias conferencias no Centro Galego e asistir a diversas homenaxes que as entidades galegas lle ofreceron durante a súa visita a Arxentina, D. Ramón participou na Feira do Libro Galego, organizada pola editorial e librería Follas Novas, que fora creada por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda en 1957 co obxectivo de difundir a produción literaria e intelectual galega nas terras americanas.
Na foto aparecen, xunto con Ramón Otero Pedrayo e a súa dona, Virginia Pereira (viúva de Castelao), á beira de Xosé Neira Vilas, e membros mozos da colectividade galega como Perfecto López Romero, Antonio de Brito, Ricardo Palmás, Elsa Fernández, Dora Seco, Carlos Abraira, Pilar Jeremías, Celia Fernández, Anisia Miranda, Muchi Roel e Vidal Pérez Braña, entre outros.
Manuel Puente e Xesús Canabal diante do escaparate de Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1962
Manuel Puente e Xesús Canabal diante do escaparate de Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1962

Manuel Puente e Xesús Canabal foron dous empresarios galegos de éxito que apoiaron economicamente moitas das iniciativas da colectividade a prol da cultura galega. Xa en vida de Castelao, Manuel Puente defendera o seu desexo da publicación dunha "Historia de Galicia". Na visita de Ramón Otero Pedrayo a Arxentina en 1947, este comprometeuse a levar a cabo esta ansiada obra, vello proxecto do Seminario de Estudos Galegos. Tras numerosos atrancos con editoriais e autores, finalmente en 1960 retomouse o proxecto. Otero Pedrayo foi o director da obra e Lois Tobío encargouse da súa coordinación técnica, mentres que Manuel Puente financiou a edición. Colaboraron na obra figuras tan senlleiras como Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Xaquín Lorenzo ou Taboada Chivite. En 1962 saíron publicados os dous primeiros tomos, que son presentados neste lugar emblemático.
Conferencia de Emilio González López na Casa de Galicia de Caracas, 1959
Conferencia de Emilio González López na Casa de Galicia de Caracas, 1959

Emilio González López participou na Feira do Libro Galego realizada en Caracas nese ano cunha conferencia sobre o libro galego. Na mesa, ademais de varios directivos da entidade, podemos ver a escritora galega Pura Vázquez, quen emigrara había pouco tempo a Venezuela, onde participou na puxante vida cultural da colectividade galega alí asentada.
Emilio González López foi un historiador e político galego que tivo que exiliarse coa Guerra Civil. Asentouse en Estados Unidos e traballou como profesor de Historia na Universidade de Nova York, especializado en Historia de España e de Galicia. Dende a súa cátedra formou a numerosos estudosos da nosa cultura, que axudou a espallar nos Estados Unidos.
Revista <i>Vieiros</i> publicada polo Padroado da Cultura Galega de México, 1959
Revista Vieiros publicada polo Padroado da Cultura Galega de México, 1959

Esta revista cultural, de orientación galeguista, pretendía recoller nas súas páxinas "calquera idea literaria artística, filosófica, sempre que fose antifascista e non se apoiase na ditadura". Dirixida polos exiliados galegos en México Luís Soto Fernández, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán, colaboraron nela importantes personalidades da Galicia interior e exterior, que abordaban a realidade galega nos seus diferentes ámbitos: cultural, político, económico e social. Tiña un deseño moi coidado, con numerosas ilustracións, entre as que destacan as reproducións artísticas e debuxos reivindicativos de Castelao, Arturo Souto, Maside, Jaime Quesada, Ledo, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane etc.
Socios de Casa de Galicia. Unidad Gallega de Nova York, desfilando pola Quinta Avenida, 1972
Socios de Casa de Galicia. Unidad Gallega de Nova York, desfilando pola Quinta Avenida, 1972

A celebración anual do Día da Hispanidade en Nova York convocaba a todas as colectividades de emigrantes dos diferentes países asentados en Estados Unidos. A Casa de Galicia, representando a comunidade galega, participaba activamente co seu grupo folclórico e cos socios, levando a bandeira e a música galega polas rúas desta populosa cidade americana.
Díptico de actividades do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, 1974
Díptico de actividades do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, 1974

O Patronato da Cultura Galega foi fundado en xuño de 1964 por un grupo de galegos, entre os que destacaban Manuel Meilán e Xesús Canabal. O seu obxectivo principal era a difusión e defensa da cultura galega en Uruguai. Neste díptico podemos ver as diversas actividades realizadas no seu décimo aniversario: conferencias, exposicións do libro galego e de pintura, ciclo de cine galego e diversas homenaxes a persoeiros da colectividade. Esta entidade publica dende os seus inicios como voceiro social a revista Guieiro. Na actualidade continúa co seu labor cultural.
Cartel deseñado por Luís Seoane para o Festival Céltico celebrado en Bos Aires, 1964
Cartel deseñado por Luís Seoane para o Festival Céltico celebrado en Bos Aires, 1964

Este festival, organizado polos centros provinciais e o Centro Galego de Bos Aires, contou con numerosas colaboracións de delegacións dos países que teñen a cultura celta como referencia, tales que Escocia, Gales, Irlanda e Portugal. O xerme céltico da nosa cultura, xa defendido por Manuel Murguía, continuaba a ser un referente. O espectáculo tivo un grande éxito de público e nel participaron grupos de música e coros das entidades galegas en Arxentina, como o coro "Brétemas e Raiolas" do Centro Coruñés de Bos Aires e os grupos folclóricos "Breogán", "Residentes de Vigo", "Rosalía de Castro", "Arrieiros de Mos" e "Airiños".
Familia galega en Mar del Plata, 1950
Familia galega en Mar del Plata, 1950

José Luis posa coa súa muller e co seu fillo, que acaban de chegar de España (no centro), e coas súas dúas irmás, Sara e Delia. A familia, coma tantas outras familias galegas, xa protagonizara unha experiencia migratoria anterior. Sara e Delia naceron en Arxentina e de moi pequenas viñeron para Ourense, de onde eran naturais seus pais. Alí naceu o seu irmán. Tras a Guerra Civil, a represión e as dificultades económicas obríganas a volver emigrar a Arxentina. Ao nacer alí non tiveron impedimentos para entrar no país e comezar unha nova vida. Anos máis tarde reclaman a seu irmán, que emigra a Mar del Plata en 1949. Ao ano seguinte María del Carmen, a súa muller, xunto co seu fillo conseguen reunirse con el.
Documento de chamada para emigrar a Arxentina, 1949
Documento de chamada para emigrar a Arxentina, 1949

Unha das vías máis empregadas para poder emigrar alén mar era a carta de chamada. Un amigo, un veciño ou un familiar, neste caso a súa irmá, reclaman ao emigrante e comprométense a conseguirlle traballo e un lugar onde vivir. Delia chama ao seu irmán José Luis para que poida emigrar e asentarse no país. Un ano despois el fará o mesmo coa súa muller e co seu fillo, aos que reclama. José traballou como xefe de recepción do Hotel España en Mar del Plata e como fotógrafo; a súa muller Carmen foi modista e costureira. Alí, e anos despois en Bos Aires, formaron unha fermosa familia.
Emigrantes galegos nun ultramarinos en Bos Aires, ca. 1962
Emigrantes galegos nun ultramarinos en Bos Aires, ca. 1962

Na primeira fila aparecen dúas parellas de mozos emigrantes galegos, naturais do concello coruñés de Val do Dubra, que posan na tenda dunha veciña (no centro) que os reclamou e axudou nos primeiros tempos na capital arxentina. A axuda mutua entre paisanos da mesma parroquia ou concello foi sempre unha constante no proceso migratorio dos e das galegas. Acabados de casar, José e Obdulia inician a súa vida en común nun novo país, cheo de oportunidades para asegurar o seu futuro. Alí traballarán e criarán a súa filla ata o seu retorno a Galicia.
Estatística migratoria elaborada polo Consulado de Uruguai en Vigo, 1953
Estatística migratoria elaborada polo Consulado de Uruguai en Vigo, 1953

Para poder entrar no país, os e as emigrantes tiñan que presentar unha serie de documentos ante o consulado do país ao que se desexaba emigrar. Este expediente acredita de maneira moi visual as profesións declaradas polos emigrantes que marchaban cara a Uruguai en 1953. Podemos ver como é moi similar o número de homes e mulleres emigrantes. O elevado número de mulleres e menores débese ao reagrupamento familiar; o marido e pai xa asentado no país reclama a súa familia para estar xuntos. En canto ás profesións, aínda que predominan os e as labradoras, aparecen outras solicitadas para traballar nas fábricas ou na construción, como electricistas, chapistas, canteiros, albaneis, mecánicos, carpinteiros, vidreiros, ferreiros..., e algunhas máis cualificadas, como oficinistas, técnicos de radio, comadroas, dentistas etc. Tamén está presente o sector da hostalaría con camareiros, panadeiros ou cociñeiros. En canto aos oficios considerados femininos, aparecen desagregados as serventas e as modistas, aínda que, se temos en conta os números, moitas delas non aparecen reflectidas, seguramente por declarar que "non traballan" ou que realizan "os seus labores".
Certificado de nacionalidade dun emigrante galego residente en Uruguai, 1957
Certificado de nacionalidade dun emigrante galego residente en Uruguai, 1957

A embaixada de España en Montevideo certifica a nacionalidade deste emigrante galego que reside na capital uruguaia dende 1950, exercendo o seu oficio de cociñeiro. Todo emigrante español residente no estranxeiro estaba obrigado a rexistrarse na embaixada e debía renovar anualmente a súa cédula consular se quería manter a nacionalidade española.
Inauguración do Banco de Galicia en Montevideo, 1956
Inauguración do Banco de Galicia en Montevideo, 1956

O gran número de galegas e galegos asentados en Uruguai levou a uns cantos empresarios galegos –con Xesús Canabal á cabeza– a fundar este banco, que axiña se converteu na principal entidade financeira da colectividade galega deste país e tamén de moitos uruguaios polo seu bo facer. Ademais de funcionar como banco, financiou e promoveu numerosas iniciativas a prol da cultura galega no Río da Prata.
Na fotografía, en primeiro termo aparece Iolanda Díaz Gallego, emigrante lucense que, con 19 anos e cos seus estudos de perito mercantil recentemente rematados, emigrou a Uruguai coa súa nai e irmáns en 1953. Alí integrouse nas sociedades da colectividade e comezou a traballar no Banco de Galicia. Participou activamente nos diversos actos culturais deses anos e foi unha das fundadoras do Padroado da Cultura Galega e do Teatro Popular Galego de Montevideo, así como colaboradora da audición radiofónica Sempre en Galicia.
Certificado de antecedentes penais e boa conduta para poder emigrar, 1951
Certificado de antecedentes penais e boa conduta para poder emigrar, 1951

Para poder saír de España, os emigrantes tiñan que lidar cunha forte burocracia que lles esixía conseguir numerosos documentos que acreditasen a súa filiación, a súa boa saúde e a súa irreprochable conduta como cidadáns, e así poder entrar no país de acollida de maneira legal. Toda esta documentación debía ser presentada ante o consulado do país correspondente para que este emitise a documentación de entrada do emigrante. Un dos certificados que se precisaba era o de antecedentes penais, emitido pola garda civil, que acreditaba a boa conduta "moral, pública e privada" do emigrante e que non tiña antecedentes político-sociais, algo esencial ante o Goberno franquista pero tamén esixido polo país de acollida.
Albaneis galegos traballando nunha obra en Santos, 1953
Albaneis galegos traballando nunha obra en Santos, 1953

Moitos emigrantes da provincia de Pontevedra chegan a Brasil e alí exercen oficios tradicionais da súa terra, como canteiros, albaneis ou ferreiros. Nos anos 50 o país vive un momento de gran crecemento e desenvolvemento industrial que fai que sexan necesarias a construción de infraestruturas esenciais para o seu despregamento económico. Os galegos traballan neste sector, moitas veces en duras condicións e sufrindo os rigores climáticos, pero con bos soldos que lles permiten mandar cartos ás súas familias en Galicia ou crearen alí un novo fogar.
Ficha consular de calificación expedida no Consulado de Brasil en Vigo, 1954
Ficha consular de calificación expedida no Consulado de Brasil en Vigo, 1954

Preciosa, igual que moitas outras emigrantes, chega cos seus dous fillos menores a Brasil reclamada polo seu marido, tal como aparece na ficha consular: "viaja para reunir-se com seu espôso de maneira permanente". O seu concello natal, Santa Comba, é un dos municipios de toda Galicia con maior densidade de poboación emigrada a Brasil. Unha alta porcentaxe das e dos emigrantes galegos asentados en Río de Xaneiro proceden desta zona de Galicia e dos seus concellos limítrofes, Negreira, A Baña e Val do Dubra. A gran maioría dedícase ao sector servizos e á hostalaría, moitos deles como propietarios de negocios hoteleiros, restaurantes, bares e pequenos comercios de alimentación, cos que acadaron unha boa posición económica.
Restaurante propiedade de galegos en Río de Xaneiro, ca. 1959
Restaurante propiedade de galegos en Río de Xaneiro, ca. 1959

As e os emigrantes galegos en Brasil proceden maioritariamente da provincia de Pontevedra, quizais pola súa proximidade con Portugal, o que foi creando ao longo do século XX amplas redes migratorias. Nesta fotografía, Francisco (o segundo pola dereita), emigrante das Neves, aparece cos seus compañeiros no restaurante no que traballaba como camareiro en Río de Xaneiro.
Retrato familiar en Petrópolis (Río de Xaneiro), ca. 1964
Retrato familiar en Petrópolis (Río de Xaneiro), ca. 1964

Benito, no centro, posa cos seus irmáns e cos seus dous fillos nun retrato que mandarán á súa familia en Galicia. Natural de Bueu, emigrou a Brasil en 1954, país onde xa estaban asentados os irmáns maiores. Alí traballou de mecánico e en 1958 casou por poderes coa súa moza de toda a vida. Ao ano seguinte reuniuse con ela en Río de Xaneiro e crearon unha familia co nacemento de dous fillos cariocas.
Certificado médico para poder emigrar a Venezuela, 1958
Certificado médico para poder emigrar a Venezuela, 1958

Certificado emitido polo servizo médico do Consulado da República de Venezuela en Vigo que acredita as boas condicións médico-sanitarias da emigrante e da súa filla. Con el permíteselles iniciar a súa viaxe ao país caribeño e acadar o tan ansiado reagrupamento familiar. O marido de Dolores emigrara un ano antes a Caracas e, xa instalado, reclamou á súa muller e filla para reunir a toda a familia. Como vemos por este certificado, os e as futuras emigrantes tiñan que pasar por uns controis médicos moi exhaustivos para poder entrar no novo país. De feito, Dolores non puido viaxar co seu home en 1957 por un problema oftalmolóxico pois foi rexeitada. Neste segundo informe conseguiu a cualificación de "apta" para poder emigrar.
Familia galega no seu fogar en Caracas, 1960
Familia galega no seu fogar en Caracas, 1960

A familia Santamarina emigrou a Caracas en 1953. O pai, nacido en Lugo, exerceu na capital venezolana a súa profesión de xastre; a súa muller, madrileña, era costureira. Xuntos logran unha boa situación económica que lles permite vivir con todas as comodidades e dar unha educación universitaria ao seu fillo, que chegou a ser médico. Aquí posan nun retrato para a familia ante o televisor, algo moi habitual nos fogares venezolanos, así como os electrodomésticos máis modernos, que se importaban moitas veces dos Estados Unidos e que neses anos só podían desfrutar en España as clases máis acomodadas.
Mécanicos galegos traballando en Los Teques, Venezuela, ca. 1955
Mécanicos galegos traballando en Los Teques, Venezuela, ca. 1955

Maximino (á dereita) era natural de Arzúa e emigrou a Venezuela a mediados dos anos 50. Alí traballou como mecánico e condutor nunha empresa de autobuses no estado de Miranda. As boas condicións económicas dos contratos laborais fixeron que moitos mozos galegos decidisen marchar a este novo país de acollida nas preferencias dos e das galegas para emigrar. O grande auxe do petróleo venezolano e, por conseguinte, as posibilidades económicas que se ofertaban no país caribeño fixeron que Venezuela nestes anos fose o destino americano preferido para iniciar unha nova vida.
Ensinando carpintaría en Puerto La Cruz, ca. 1950
Ensinando carpintaría en Puerto La Cruz, ca. 1950

Bernardo (con chaqueta branca), natural de Fene, posa cos seus alumnos nunha clase de carpintaría na costa venezolana. Bernardo era un experto carpinteiro de ribeira. A oportunidade de formar nas técnicas galegas tradicionais de construción de barcos e espallar os seus coñecementos nun país tan afastado de Galicia, ademais das boas condicións económicas para exercer o seu oficio, levárono a emprender esta aventura migratoria. Con el viaxou a súa familia, que se integrou perfectamente no país.
Na construción dunha estrada en Venezuela, ca. 1960
Na construción dunha estrada en Venezuela, ca. 1960

Co auxe da explotación e exportación petroleira, Venezuela iniciou a modernización das súas infraestruturas. Moitos galegos emigraron para traballar na construción, non só como obreiros ou albaneis senón tamén en postos de alta cualificación, por exemplo enxeñeiros, arquitectos, peritos, técnicos especialistas etc. Moitos deles viñan empregados por empresas españolas ou norteamericanas que o Goberno venezolano contrataba para construír estradas e autoestradas, pontes ou grandes edificios públicos. A gran oferta neste sector e os altos soldos atraían un gran número de traballadores.
Do Val de Barcala a Caracas, ca.1960
Do Val de Barcala a Caracas, ca.1960

Tras unha curta experiencia migratoria en Río de Xaneiro, Antonio decidiu partir cara a Venezuela en 1953. Tras a súa chegada ao país, traballou de camareiro e, uns anos despois, chegou a ser xerente dunha coñecida distribuidora de licores no sector hostaleiro caraqueño. Coma calquera emigrante, o seu propósito era ser dono do seu propio negocio. Co paso do tempo alcanzou o seu obxectivo xunto a outros socios galegos, un restaurante-pizzería no centro comercial “Los Cedros”, da emblemática avenida Libertador. En varias ocasións o dito establecemento serviu de escenario durante as gravacións dalgunha famosa telenovela.
Emigrante galego diante dun pozo petrolífero en Lagunillas, 1961
Emigrante galego diante dun pozo petrolífero en Lagunillas, 1961

Antonio era contable mercantil e emigrou a Venezuela coa súa esposa en 1959. Ambos os dous eran unha parella moza que iniciaban a súa vida en común nun país que lles ofrecía un amplo abano de posibilidades para medrar laboral e economicamente. Na parte de atrás da foto Antonio escribe: "Foto del petróleo que adquirí en mi paso por el Lago de Maracaibo (me deja una renta de Bs. 6000 diarios)". O desenvolvemento da economía venezolana estaba baseado na explotación petrolífera, que naqueles anos estaba en mans privadas. E, como vemos, os emigrantes que estaban en mellor posición económica podían participar mercando accións nas explotacións e obter grandes beneficios.
Recordo para a familia en Galicia, La Guayra, ca. 1956
Recordo para a familia en Galicia, La Guayra, ca. 1956

O coche continuaba a ser un símbolo de boa posición social e as e os emigrantes retratábanse co seu automóbil para amosarlles aos seus seres queridos que a vida lles ía ben. As mulleres venezolanas, e polo tanto tamén as emigrantes, tiñan libre acceso ao mundo laboral e non estaban tan supeditadas ao fogar como as mulleres galegas e españolas durante o franquismo. Moitas delas ocupábanse da súa familia pero tamén se formaban e tiñan traballos en oficinas, tendas, fábricas etc.
Paseando por Caracas, 1958
Paseando por Caracas, 1958

Maximino emigrou a Caracas no ano 1957 e traballou como camareiro en diversos hoteis e restaurantes caraqueños. Un ano despois chegaron ao país a súa muller e a súa filla reclamadas por reagrupación familiar. Aquí o vemos posando coa nena nun lugar emblemático da capital venezolana e do patriotismo do país: o Paseo dos Próceres, que foi inaugurado durante a presidencia de Marcos Pérez Jiménez en 1956 e que se converteu nun lugar de encontro para todos os habitantes de Caracas.
Embarque de refuxiados españois no porto de Sètes (Francia) cara a México, 1939
Embarque de refuxiados españois no porto de Sètes (Francia) cara a México, 1939

Fuxir por Francia foi nos anos da guerra unha saída para os españois que escapaban da violencia e da represión. Pero o grande aluvión de refuxiados en 1939 fixo que as autoridades francesas quedasen desbordadas e promulgasen leis bastante restritivas para a acollida. Os exiliados foron internados en campos de concentración, nun primeiro momento nos de Argelès-sur-Mer e Saint-Cyprien, onde tiveron que soportar unhas condicións moi precarias, sen hixiene, sen apenas comida nin medicamentos e vivindo amoreados en barracóns feitos por eles mesmos. A única saída que tiñan era volver a España, algo imposible para moitos deles, ou intentar entrar nas listas de pasaxeiros dalgún barco fretado por países defensores da causa republicana, como México ou Chile.
Saída de refuxiados cara a México no buque <i>Sinaia</i>, 1939
Saída de refuxiados cara a México no buque Sinaia, 1939

O 13 de xuño de 1939, este buque chegou a México con case 1600 refuxiados españois. Foi a primeira das numerosas viaxes con exiliados que chegaron a América neses anos.
O Goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, en colaboración co SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles), e o Comité Técnico de Ayuda a los Refugiados Españoles encargáronse de organizar a viaxe, concedéndolles pasaporte aos pasaxeiros que fuxían da Guerra Civil. Esta primeira travesía durou 19 días, con dúas escalas en Madeira e Porto Rico, nas que a pasaxe non tivo permisos para poder baixar a terra. Atracou no porto de Veracruz, onde os exiliados foron recibidos con grandes mostras de xúbilo e solidariedade polo pobo mexicano.
Outros buques que transportaron republicanos españois cara a América foron o Ipanema, Mexique, Flandre, Nyassa, Massilia ou o mítico Winnipeg, fretado polo cónsul chileno en Francia, Pablo Neruda.
Carta de Carlos Tobío Fernández aos seus pais, 1939
Carta de Carlos Tobío Fernández aos seus pais, 1939

Nesta carta, Carlos Tobío relátalle á súa familia as difíciles circunstancias da súa saída de España ata chegar a Cuba, onde por fin se reunira con seu irmán Lois. Grazas a ter uns tíos emigrantes na illa, estes irmáns conseguen permiso de entrada en 1939. De todos os modos, o Goberno cubano poñíalles numerosas trabas burocráticas para exercer a súa profesión aos refuxiados republicanos, polo que a súa estadía alí foi ás veces un paso previo cara a outros países máis receptivos, tal foi o caso dos irmáns Tobío Fernández, que marchan a México, ou de José Rubia Barcia, que acaba instalándose nos Estados Unidos.
Carlos Tobío, avogado e profesor, marchou uns meses despois para México, D.F. "reclamado" pola súa irmá María de los Ángeles e o seu cuñado, Pedro Martul Rey, quen con varios exiliados creara o Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón na capital azteca.
Envío de axuda para a República Española, ca. 1938
Envío de axuda para a República Española, ca. 1938

Dende América, moitas das entidades de emigrantes galegos inician diversas campañas e colectas de recollida de cartos e materiais médicos, roupa e alimentos para enviar ao bando republicano. Na Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina creáronse varios comités para o envío de axuda ás zonas máis necesitadas.
A Federación, organismo altamente politizado, defendeu os principios republicanos e nas súas filas atoparon acollida exiliados da esquerda republicana e, en menor medida, os galeguistas. Os refuxiados tamén contaron coa axuda das asociacións microterritoriais para acceder á oferta de servizos mutualistas, de ocio e sociabilidade étnica de base parroquial ou local. O Centro Galego de Bos Aires adoptou unha postura máis ambigua e declarouse defensor da unidade de todos os galegos sen ter en conta a súa ideoloxía; aínda que tamén nas súas actividades culturais contaron con intelectuais exiliados como Luís Seoane, que foi director do seu voceiro social, a revista Galicia.
Ficha de inmigración do goberno mexicano de Lois Tobío Fernández, 1941
Ficha de inmigración do goberno mexicano de Lois Tobío Fernández, 1941

Lois Tobío Fernández, diplomático, escritor e político galego, formou parte do Goberno republicano e tivo que exiliarse en 1938. Tras o seu paso pola Habana, onde conseguiu dar algúns cursos na universidade recomendado polo mesmo Castelao, marcha a México onde comeza a traballar como profesor no Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón. Pouco despois trasládase a Uruguai, país de nacemento da súa muller, onde ambos se asentaron durante vinte anos, ata o seu retorno a España en 1961.
No Río da Prata destacou polo seu labor cultural no seo da colectividade galega, participando en fitos como a fundación do Consello de Galiza (como asesor xurídico de Castelao), o Primeiro Congreso da Emigración Galega en 1956 ou a publicación da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo, ademais de impartir numerosas conferencias e publicar artigos e libros sobre Galicia e a súa cultura.
Amigo persoal de moitos exiliados galegos e españois, mantivo unha intensa relación epistolar que se pode consultar na web do CCG.
Postal enviada por Castelao durante unha estadía en Estados Unidos, 1940
Postal enviada por Castelao durante unha estadía en Estados Unidos, 1940

En xullo de 1936 Castelao atopábase en Madrid presentando nas Cortes o Estatuto de autonomía de Galicia, que acababa de ser aprobado polo pobo galego. Isto salvou a súa vida. Durante a guerra foi comisionado polo Goberno republicano para participar en viaxes de propaganda á Unión Soviética, Estados Unidos e Cuba.
Chegou por vez primeira a Estados Unidos nunha viaxe sen retorno o 26 de xullo de 1938, acompañado da súa esposa, Virxinia Pereira, e doutros galeguistas como Luís Soto. Percorreron todo o país nunha intensa campaña de mitins para recadar fondos e crear unha opinión favorable aos intereses republicanos. Volve noutras ocasións pero polo que lemos na postal que lles envía aos seus amigos en Arxentina, a súa experiencia non foi boa, non se sentiu a gusto nun país cunha lingua e uns costumes tan alleos.
Chegada de Castelao á Habana, 1938
Chegada de Castelao á Habana, 1938

Castelao foi convidado pola Casa de Cultura da Habana a visitar Cuba e impartir diversas conferencias. Chegou en novembro de 1938 e foi recibido de maneira multitudinaria. Viaxou por case toda a illa dando mitins en prazas, teatros ou campos deportivos para acadar apoios e axuda económica para a República española. Ademais participou activamente nas eleccións do Centro Galego da Habana, sendo decisivo o seu apoio á candidatura de "Hermandad Gallega", de esquerdas e pro-republicana, que se impuxo á candidatura valedora dos sublevados franquistas.
Durante a súa estadía, recibiu numerosas homenaxes da colectividade galega en Cuba, como un xantar de despedida no que estiveron presentes 3000 emigrantes, que aplaudiron as súas palabras.
Homenaxe da colectividade galega ao diplomático uruguaio José María Perelló con presenza de Castelao, 1945
Homenaxe da colectividade galega ao diplomático uruguaio José María Perelló con presenza de Castelao, 1945

Castelao realizou varias visitas a Uruguai. En 1940, de camiño a Arxentina, fixo escala en Montevideo, onde recibiu unha cálida homenaxe por parte da colectividade galega alí asentada. En abril de 1943 regresou xunto a Antón Alonso Ríos e Elpidio Villaverde, integrando a delegación galeguista nun acto a prol da República. Será tamén Montevideo onde se faga a presentación do Consello de Galiza.
No verán de 1945, Castelao viaxa de novo para a inauguración no Ateneo de Montevideo da exposición Estampas con parte dos seus debuxos dos álbums Nós, Galicia mártir e Atila en Galicia. A exposición, á que asistiron numerosas personalidades da vida política e artística do país, tivo un grande éxito e repercusión na prensa. Participa tamén na conmemoración do noveno aniversario do plebiscito do Estatuto galego e noutros actos, como a homenaxe feita pola colectividade galega ao cónsul de Uruguai en Vigo, José María Perelló, quen durante a Guerra Civil axudara a numerosos galegos e galegas perseguidas.
Homenaxe da colectividade galega de Bos Aires a Alexandre Bóveda, 1945
Homenaxe da colectividade galega de Bos Aires a Alexandre Bóveda, 1945

Castelao era o símbolo da loita e defensa do galeguismo. Cada un dos seus actos políticos e artísticos eran seguido e apoiado polos galegos residentes alén mar.
En 1945, seguindo unha das súas iniciativas, instáurase a celebración do Día dos Mártires Galegos como unha homenaxe a todos aqueles que foron asasinados e represaliados durante a guerra e a difícil posguerra. E elixe o día 17 de agosto para a súa celebración por ser a data do asasinato do seu amigo e compañeiro na loita galeguista Alexandre Bóveda. O Centro Orensano encárgalle unha obra conmemorativa e realiza unha das súas pinturas máis icónicas, A derradeira leición do mestre, en homenaxe ao seu amigo.
Na fotografía podemos ver a Castelao ante o cadro e un busto a Bóveda, rodeado por Antón Alonso Ríos, Xesús Canabal, Manuel Puente, Fernando Iglesias “Tacholas” ou Maruxa Boga, entre outros.
Acta fundacional do Consello de Galiza, 1944
Acta fundacional do Consello de Galiza, 1944

O 15 de novembro de 1944 constitúese en Montevideo o Consello de Galiza, como un intento de manter a lexitimidade republicana e a reivindicación do autogoberno galego, pois o Estatuto de autonomía, plebiscitado poucas semanas antes do levantamento militar, non chegou a entrar en vigor. Participaban nel como persoeiros os catro deputados galegos das Cortes republicanas, todos eles no exilio: Castelao (quen foi o seu primeiro presidente ata a súa morte en 1950), Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo. Aínda que non todo o exilio o aceptou como representativo, polo excesivo protagonismo dos galeguistas, entre as colectividades americanas tivo unha grande acollida. A súa principal preocupación foi manter viva a memoria do galeguismo e a defensa dos dereitos políticos de Galicia ante os gobernos republicanos e as outras comunidades como a catalá e a vasca.
Reunión dos participantes do Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires, 1956
Reunión dos participantes do Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires, 1956

Aproveitando a celebración do primeiro centenario do Banquete de Conxo, o Consello de Galiza aprobou organizar un gran congreso da emigración galega. Convocaron aos máis destacados persoeiros galegos en América como representantes das colectividades a unhas xornadas que tiveron lugar en Arxentina. Este congreso tivo unha ampla repercusión e aprobáronse numerosas mocións editadas nunhas actas que se poden consultar no noso web.
Na fotografía podemos ver (de esquerda a dereita) a: Alberto Vilanova, Gerardo Álvarez Gallego, Vicente Gómez Paratcha, Alfonso Díaz Trigo, Xavier Bóveda, Rafael Dieste e Laxeiro. De pé: Francisco Comesaña, Ramón de Valenzuela, Lois Tobío, Eduardo Blanco-Amor, Xosé Velo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Luís Seoane, Marcial Fernández, José Núñez Búa, Emilio González López, María del Carmen Soler, Mariví Villaverde e Antonio Baltar.
Retrato de Maruxa Mallo, ca. 1925
Retrato de Maruxa Mallo, ca. 1925

Esta pintora, "musa do surrealismo", foi unha das moitas galegas que tiveron que exiliarse tras a Guerra Civil. Na República xa era unha recoñecida pintora, amiga de destacados intelectuais da época como Rafel Alberti, María Zambrano, Bergamín, García Lorca, Buñuel, Dalí... e xa realizara numerosas exposicións de éxito, coas que ía tendo un nome nos círculos artísticos da capital.
A guerra sorprendeuna en Galicia e tivo que refuxiarse na casa de seus tíos en Viveiro. Conseguiu fuxir a Portugal, onde foi auxiliada por Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Lisboa, que a axudou a preparar a viaxe a Bos Aires. Alí tivo unha intensa actividade como pintora e conferenciante, e chegou a ter moita sona.
Exiliados galegos no barco <i>Marqués de Comillas</i> viaxando cara a Cuba, 1944
Exiliados galegos no barco Marqués de Comillas viaxando cara a Cuba, 1944

Na fotografía podemos ver un grupo de refuxiados galegos camiño do exilio. Na primeira liña, á esquerda, está María Araújo Martínez, máis coñecida como "María a guerrilleira". A nena é a súa filla, Dora Carcaño, quen se convertería nunha figura destacada da revolución cubana. Están tamén a parella formada por Ascensión Concheiro e Francisco Comesaña, cuxa vida serviu de inspiración a Manolo Rivas para o seu libro O lapis do carpinteiro.
María emigrou a Cuba cos seus pais cando tiña dous anos; alí casou e tivo dous fillos, cos que retornou a Galicia en 1927. Muller comprometida, púxose a traballar nunha conserveira en Vigo e afiliouse ao PCE. Ao inicio da Guerra Civil, pasou á clandestinidade e colaborou coa guerrilla antifranquista. Encarcerada, conseguiu saír grazas á intervención do cónsul de Cuba en Vigo, quen lle facilitou a viaxe a illa onde tivo unha intensa actividade sindicalista e de apoio á revolución.
Jovita Pérez cos seus tres fillos e familiares en Portugal. 1948
Jovita Pérez cos seus tres fillos e familiares en Portugal. 1948

A partir de 1946 van ser posibles novas saídas de exiliados e/ou das súas familias, que ademais marchan forzados pola situación política e social, pero tamén para reunirse cos seus.
Jovita, coma tantas mulleres da época, aínda que non estaba implicada directamente nas actividades políticas e antifranquistas do seu home, Pepe Velo, sufriu persecución política e social. Tan pronto o seu marido estivo asentado en Venezuela, reclamou a súa familia e ela decidiu marchar en busca dunha nova vida máis tranquila e dun futuro para os seus fillos. Na foto podemos velos con familiares que acudiron á súa despedida en Valença do Minho, tras seis meses vivindo en Estoril para conseguir a documentación necesaria coa que marchar a Caracas.
Festa de benvida a Francisco Fernández del Riego na súa primeira viaxe a Bos Aires, 1954
Festa de benvida a Francisco Fernández del Riego na súa primeira viaxe a Bos Aires, 1954

No centro da imaxe podemos ver a Virxinia Pereira, viúva de Alfonso Castelao, quen era considerada pola colectividade galega en Arxentina como a depositaria da memoria e da defensa do ideario do seu home. Aparecen na fotografía Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos xunto coas súas donas, Virxinia Pereira, detrás dela está Manuel Puente, Maruxa Seoane, Francisco Fernández del Riego e a súa esposa, Evelina Hervella.
Fernández del Riego, correspondente da revista Galicia do Centro Galego e amigo persoal de Luís Seoane, con quen mantiña unha intensa relación epistolar, fora convidado polo Centro para dar unhas conferencias. Aproveitou a viaxe para tender pontes entre o exilio de alén mar e a Galicia do interior, que nos 50 estaba, a pesar da censura e a represión, a iniciar grandes proxectos na defensa da cultura galega dentro das nosas fronteiras.
Florencio Delgado Gurriarán con Ramón Cabanillas Álvarez en México, ca. 1942
Florencio Delgado Gurriarán con Ramón Cabanillas Álvarez en México, ca. 1942

Florencio e Ramón eran amigos en Galicia, ambos os dous afiliados ao Partido Galeguista e exiliados no país azteca en 1939. Aquí aparecen, posando de maneira divertida, nun día de lecer.
O poeta colaborou no seu exilio con varias organizacións como a Alianza Nacional Galega, o Ateneo de Galicia en México ou O Fogar Galego; ademais, dirixiu a revista Saudade. En 1944 participou como mandatario do Partido Galeguista no pacto Galeuzca, formando parte do Consello de Galiza en México. Tras a fundación do Padroado da Cultura Galega en México, que impulsou a creación da revista Vieiros, participou na súa dirección xunto con Carlos Velo e Luís Soto. En 1963 publicou Galicia infinda e en 1981 Cantaneras. Cinco anos máis tarde saíu editado en México o seu derradeiro libro, titulado O soño dun guieiro.
Carlos Velo conversando cos seus amigos Luis Buñuel, Jeanne Rucar e Gabriel García Márquez, ca. 1970
Carlos Velo conversando cos seus amigos Luis Buñuel, Jeanne Rucar e Gabriel García Márquez, ca. 1970

En 1939 Carlos Velo, cun salvoconduto do exército republicano, pasou a Francia como refuxiado e acabou no campo de concentración de Saint-Cyprien. Grazas aos irmáns Fernando e Susana Gamboa, embarcou rumbo a México no vapor Flandre. Á súa chegada, Velo asume a secretaría xeral do Comité Técnico de Ayuda a los Republicanos Españoles.
En 1942 colaborará na fundación da revista Saudade xunto a Xosé Caridad Mateo, Florencio Delgado Gurriarán e Ramiro Illa Couto e, en 1959, da revista Vieiros. Mentres desenvolve unha destacada carreira no cine mexicano, non perde contacto coa colectividade galega exiliada e participa na fundación do Padroado da Cultura Galega ou preside a delegación do Consello de Galiza en México.
Eduardo Blanco-Amor nunha viaxe a Caracas.  O terceiro pola dereita, de pé, é Xosé Velo. 1952
Eduardo Blanco-Amor nunha viaxe a Caracas. O terceiro pola dereita, de pé, é Xosé Velo. 1952

Xunto a Blanco-Amor, están os exiliados galegos Pepe Velo, Juan Noya Gil e Mariano Otero Castelao. Tamén aparece Manuel Meilán (á beira de Velo), que foi presidente da Irmandade Galega de Venezuela.
Blanco-Amor foi convidado polo Centro Galego de Caracas para ditar unha serie de conferencias sobre a cultura galega. Tamén participou en diversas actividades na Casa de España, onde estaban afiliados moitos dos republicanos españois que residían en Venezuela, no Museo de Belas Artes, na Sociedad de Escritores Venezolanos e na Universidad de Zulia. As súas intervencións tiveron unha ampla repercusión na prensa e foron moi ben acollidas na colectividade galega.
Lorenzo Varela con Valentín Paz-Andrade e Luís Seoane (de costas), reunidos na casa de Ramón Piñeiro, 1977
Lorenzo Varela con Valentín Paz-Andrade e Luís Seoane (de costas), reunidos na casa de Ramón Piñeiro, 1977

Nesta reunión decidiuse a creación do Instituto Galego de Información (IGI). Lorenzo Varela e Luís Seoane, retornados a Galicia, desexaban crear un novo xornal galego e en galego, tal como aparece nos estatutos do IGI.
Foron moitas as actividades e traballos que se levaron a cabo no edificio de San Marcos: deseño de pezas de cerámica, realización e coordinación de exposicións, organización de congresos, traballos de investigación histórica, conservación de importantes fondos bibliográficos e documentais da nosa historia contemporánea e as tarefas editoriais de Ediciós do Castro. Os intelectuais galegos de alén mar traballando xuntos cos da Galicia do interior a prol da cultura do país.
Reunión do Padroado Museo Carlos Maside. Ca. 1975
Reunión do Padroado Museo Carlos Maside. Ca. 1975

Vemos de esquerda a dereita a Ricardo García Suárez, Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Rafael Dieste, Sebastián Martínez Risco, Álvaro Gil, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego e Eduardo Blanco-Amor. Todos eles son membros do padroado para a creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.
A fundación do museo foi un dos proxectos do Laboratorio de Formas. Leva o nome dun dos artistas máis importantes do movemento renovador da arte galega e estaba pensado, segundo Luís Seoane, para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século. Moita desta obra era descoñecida para os galegos e galegas a causa da morte, do exilio exterior ou interior e do esquecemento que sufriron gran parte dos seus membros logo da Guerra Civil e da instauración da ditadura franquista.
Xunta directiva da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, ca. 1926
Xunta directiva da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, ca. 1926

De pé aparecen Eduardo Blanco-Amor e Ramón Suárez Picallo. Este último acababa de chegar da súa viaxe a Europa, na que visitou Galicia e Sada, a súa vila natal. Na sede da FSG impartiu unha conferencia co título de "Impresiones de un viaje por la tierra gallega".
En decembro de 1925, no IV Congreso da Federación, participaron como delegados: Blanco-Amor, da sociedade Hijos de Sanjenjo, e Suárez Picallo, de Nueva Era de Vilanova. Neste congreso destacaron pola súa defensa da nacionalidade e da lingua galegas. Foron nomeados membros do comité de redacción do voceiro social, El Despertar Gallego, do que Blanco-Amor sería director. Na súa etapa como tal impuxo unha liña editorial marcadamente galeguista.
Emblema da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, ca. 1921
Emblema da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, ca. 1921

Tal como indica o nome elixido para a nova entidade, tivo dende os inicios a finalidade expresa de loitar pola emancipación económica, cultural, política e social dos galegos, principalmente dos que vivían do campo. Esta organización defendía o ideario republicano e de esquerdas e o agrarismo rexional. Pronto aparecen disensións entre dous sectores: os que se declaran galeguistas, que priman os intereses de Galicia na súa loita, e o sector socialista, para os que a defensa da república, do obreiro e dos ideais de esquerdas son prioritarios.
O número 1 de <i>El Despertar Gallego</i>, primeiro voceiro federal, 1922
O número 1 de El Despertar Gallego, primeiro voceiro federal, 1922

A necesidade de crear un órgano de expresión propio foi unha das prioridades da Federación acabada de fundar e estaba recollida nos seus estatutos. Este xornal informaba mensualmente sobre o funcionamento da Federación (informes da xunta executiva, consello federal, asembleas, debates, disensións internas etc.) e das actividades das sociedades federadas. O seu primeiro director foi o galeguista Antón Alonso Ríos. Neste primeiro número aparecen reproducidos os estatutos e a declaración de principios aprobados no congreso constituínte.
A publicación, igual que a propia federación, evolucionou dende unha perspectiva socialista a ter unha orientación máis galeguista, moi mediatizada polo comité de redacción, o que provocou numerosas controversias no seo da FSG. En 1930 deixou de publicarse e o Galicia convértese no voceiro social.
Comisión feminina da Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, 1935
Comisión feminina da Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, 1935

A presenza das mulleres no asociacionismo emigrante foi secundaria. Como membros das comisións femininas ou comités de damas participaban nos diversos actos societarios e na recollida de fondos. Recibían con flores aos persoeiros que visitaban a entidade; nos banquetes, festas e bailes eran as encargadas de organizar e servir o xantar, da decoración ou da limpeza final. Destacaron nos actos culturais como membros dos coros e grupos de danza, nos actos teatrais ou nos recitais poéticos.
Aínda que a FSG non tivo unha política de exclusión da muller na toma de decisións, o feito de que non fosen elixidas nas súas propias asociacións como delegadas impedía que puidesen acceder aos organismos federais. A primeira muller delegada na executiva federal foi Isolina del Campo, pola sociedade de Ponte Caldelas en 1951. Outra muller que salientou foi Elsa Castro, da sociedade de Boiro, quen na década dos 60 formou parte da executiva federal.
Escolma de noticias sobre a delegación da emigración durante a República española, 1931
Escolma de noticias sobre a delegación da emigración durante a República española, 1931

Coa chegada da República, os galeguistas da colectividade do Río da Prata cren que é o momento de conseguir as aspiracións nacionalistas para Galicia. O poeta e xornalista galego Julio Sigüenza dende Uruguai e Antón Alonso Ríos en Bos Aires publican na prensa da colectividade a necesidade de enviar unha delegación para participar activamente no proceso electoral constituínte. A FSG toma a iniciativa de mandar a Galicia varios dos seus dirixentes. Ademais dos xa mencionados, viaxaron en maio de 1931 Ramón Suárez Picallo e Pedro Campos Couceiro, e máis tarde fíxoo Eduardo Blanco-Amor, como correspondente de prensa.
Alonso Ríos e Suárez Picallo tiveron un papel moi destacado nas diferentes reunións e actos públicos do nacionalismo galego deses anos. Participaron na Asemblea Republicana da Coruña, da que Alonso Ríos foi nomeado presidente. Por poucos votos non foi elixido deputado das primeiras Cortes republicanas. Si o foi Ramón Suárez Picallo, que destacou polas súas intervencións no Parlamento español, moitas delas centradas na situación económica de Galicia pero tamén nos dereitos dos e das emigrantes. En 1936, Alonso Ríos, membro do Partido Galeguista, logra un escano polo Frente Popular e desenvolveu un intenso labor a prol da aprobación do Estatuto de autonomía.
Grupo de socios e directivos da Sociedad de Nogueira de Ramuín nun acto de apoio á República española, 1938
Grupo de socios e directivos da Sociedad de Nogueira de Ramuín nun acto de apoio á República española, 1938

En moitas das sociedades federadas funcionaban comisións internas de solidariedade que eran coordinadas pola Central Gallega da FSG. Unha vez rematada a guerra, a Federación desempeñou un importante papel na axuda aos refuxiados e a súa repatriación. Neste período a axuda foi enviada aos campos de concentración en Francia; ao tempo que se denunciaba a súa situación, continuaron apoiando aos exiliados que chegaban a Arxentina, facilitándolles permisos de residencia e axudándoos na solución dos problemas burocráticos que se presentaban, así como na obtención de traballo, axudas médicas e sanitarias ou axudas económicas puntuais.
Carta Orgánica da Federación de Sociedades Galegas, 1937
Carta Orgánica da Federación de Sociedades Galegas, 1937

Pouco despois da división da Federación en dúas entidades diferentes, acontecida en 1929, comezaron a xurdir voces favorables para superar as diferencias e volver unirse. Durante o período republicano houbo varios intentos de fusión pero non será ata 1936, coa Guerra Civil, cando se deixen de lado as vellas hostilidades e teña lugar a unión federativa. Esta fusión será ben acollida en xeral polas sociedades de ambas as federacións, que aproban nun congreso extraordinario a súa declaración de principios e novos estatutos, que se poden consultar neste documento.
Camións con mercadorías para axudar á España republicana, 1938
Camións con mercadorías para axudar á España republicana, 1938

Durante a Guerra Civil, a FSG desempeñou un importante papel de apoio ao bando republicano. Tras coñecerse o golpe militar, foi das primeiras entidades da colectividade en mandar axuda monetaria e sanitaria a través da Cruz Vermella. En outubro de 1936 organizou o Comité de Ayuda al Gobierno Español del Frente Popular, que pouco despois pasou a chamarse Central Gallega. Os socios das distintas entidades federadas organizaban numerosas actividades para recadar fondos e enviar alimentos e medicamentos ao bando republicano.
Conmemoración do aniversario da República nun acto multitudinario organizado pola Federación no Teatro Avenida, 1941
Conmemoración do aniversario da República nun acto multitudinario organizado pola Federación no Teatro Avenida, 1941

A FSG celebraba numerosas actividades en que participaban activamente os socios, ben para escoitar mitins de políticos ou persoeiros afíns e como unha maneira de difundir o seu ideario, ben para recadar fondos cos que financiar as súas numerosas actividades a prol dos refuxiados. Cada ano organizaban festivais para conmemorar datas significativas, como o Día de Galicia ou o aniversario da República, e tamén comidas de camaradaría, romarías e festas campestres, bailes familiares etc., reunións coas que afianzaban a unión dos socios. Nestes actos, difundidos no voceiro social, actuaban artistas da colectividade como Maruxa Villanueva, José Vales ou o actor Fernando Iglesias "Tacholas", grupos societarios de coros e danzas, gaiteiros etc.
Socios e directivos da sociedade de Boiro nunha recepción a Castelao na sede da Federación. Ca. 1944
Socios e directivos da sociedade de Boiro nunha recepción a Castelao na sede da Federación. Ca. 1944

O labor de axuda e apoio a causa republicana da FSG foi salientado por Castelao en varios dos seus discursos. Castelao era considerado pola colectividade como o símbolo espiritual da patria e era recibido con entusiasmo en todas as súas visitas ás asociacións galegas. Os e as emigrantes acudían masivamente aos actos públicos nos que participaba. Como delegado do Centro Orensano participou no Congreso federal de 1942. Aínda que mantiña unha boa relación persoal con varios dirixentes da FSG como Alfredo Baltar ou Alonso Ríos, existían diferencias ideolóxicas de cara á política da República no exilio, pois a FSG non compartía a preeminencia do Partido Galeguista. A creación do Consello de Galiza en novembro de 1944 xerou novas diverxencias, aínda que sempre existiu unha liña aberta de diálogo e boa vontade tanto por parte da Federación como de Castelao.
Banquete de camaradaría da Federación de Sociedades Galegas, 1943
Banquete de camaradaría da Federación de Sociedades Galegas, 1943

Na mesa do fondo podemos ver, presidindo o acto, a Xerardo M. Díaz, secretario xeral da FSG, e a Antón Alonso Pérez, director da S.A. Alborada; á súa beira, Francisco Pérez Leiro, deputado nacional arxentino. Alonso Pérez foi outra das figuras destacadas no seo da FSG. Socio e presidente da sociedade de Nogueira de Ramuín, ingresou en 1932 na Federación pola lista do líder nacionalista Manuel Cao Turnes. Declarado socialista e galeguista, participou en diversas executivas co cargo de tesoureiro e foi secretario xeral nos anos 1955-1956, 1958-1959. Foi un dos principais xestores da compra da sede social en Chacabuco e participou nos anos 40 e 50 como orador en numerosos actos e homenaxes.
Romaría da sociedade Hijos de Buján no campo de recreo da Federación, 1954
Romaría da sociedade Hijos de Buján no campo de recreo da Federación, 1954

Aínda que a Federación organizaba diversas actividades sociais para manter a unión dos seus afiliados, as sociedades que a integraban facían pola súa vez moitas actividades festivas de maneira individual nas dependencias federativas ou no campo de recreo federal, como nesta foto. Manter vivos os vínculos de orixe e a sociabilidade entre os paisanos era moi importante para a colectividade emigrada.
Carta do secretario xeral da Federación ás sociedades federadas, 1950
Carta do secretario xeral da Federación ás sociedades federadas, 1950

Xerardo M. Díaz escribe as entidades que forman parte da Federación para que intenten atraer cara ás súas filas os numerosos emigrantes que na década dos 40-50 estaban vindo ao país. Segundo a súa premisa, ao chegar debían asociarse á Federación para deixar de lado os postulados franquistas e adoptar o ideario republicano e democrático que se defendía. Durante o franquismo a FSG continuou realizando actividades de apoio ás políticas antifranquistas e á loita guerrilleira, denunciando con campañas na prensa a situación dos presos políticos e a represión da ditadura.
Nesta carta co emblema da Federación aparece na marxe esquerda a relación de todas as sociedades federadas neses anos.
Actuación do Coro da Federación durante a celebración do 37 aniversario fundacional, 1958
Actuación do Coro da Federación durante a celebración do 37 aniversario fundacional, 1958

Unha das datas máis emblemáticas ao longo dos anos foi a conmemoración do seu aniversario social. Nesta data organizaba, aínda hoxe o fai, numerosas actividades festivas, como unha comida de camaradaría e diversas actuacións nas que participan os coros e grupos de danza da FSG e das sociedades federadas.
Estatutos da sociedade federada Residentes del Municipio de Porriño, 1955
Estatutos da sociedade federada Residentes del Municipio de Porriño, 1955

Esta sociedade creouse o 1 de xuño de 1938 pola fusión de varias entidades do concello do Porriño que existían en Bos Aires: Fomento de Porriño y su distrito, Unión Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño e Hijos de San Salvador de Budiño.
Tras a fusión das dúas federacións en 1936, moitas entidades que formaban parte dunha ou doutra e que pertencían xeograficamente a un mesmo municipio ou comarca estaban obrigadas, polos novos estatutos, a fusionarse pois só podía existir un entidade por cada municipio. Ás veces esta esixencia creou conflitos no seo das asociacións federadas e provocou a saída de socios e entidades da Federación.
Homenaxe a Maruxa Boga no salón de actos da Federación, 1960
Homenaxe a Maruxa Boga no salón de actos da Federación, 1960

De esquerda a dereita podemos ver a Arturo Cuadrado, Alberto Portas (secretario xeral da FSG), Abelardo García, Maruxa Boga (actriz e directora da audición radial Recordando a Galicia), José Gil e Marta Portas. Nos anos 60 a Federación centrou as súas actividades no eido cultural, coa organización de actos como este recoñecemento a unha das figuras máis queridas e valoradas no seo da colectividade emigrada e que moitas veces colaborara coa Federación dende as ondas na reivindicación do papel dos e das emigrantes galegas na sociedade arxentina.
Capa do libro <i>Castelao artista</i>, publicado pola editorial Alborada da Federación de Sociedades Galegas, 1969
Capa do libro Castelao artista, publicado pola editorial Alborada da Federación de Sociedades Galegas, 1969

Este libro de Luís Seoane foi escrito en 1951, pero non foi ata novembro de 1969 cando saíu impreso baixo o selo da editorial da FSG e a dirección de Arturo Cuadrado.
A Editorial inaugurouse en 1949 coa publicación de dous libros: Cos ollos do noso espírito, ópera prima de Francisco Fernández del Riego, e Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, de Plácido R. Castro, Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán. O funcionamento da editorial foi irregular, pois ata 1962 non publicou outra obra, Tres tiempos y la esperanza, de Mª Victoria Valenzuela. En 1969 verán a luz este libro e O que compre saber da lingua galega, de Xesús Alonso Montero. Remata así a considerada como primeira etapa da editorial, caracterizada pola presenza de Luís Seoane como deseñador gráfico e autor das ilustracións dos libros publicados.
Xantar no salón de actos da Federación, 1967
Xantar no salón de actos da Federación, 1967

Na imaxe podemos ver a Arturo Cuadrado, Antonio Quintas e, de pé, Andrés Beade Dopico dirixíndose aos asistentes. Andrés Beade, fillo do último alcalde republicano da vila de Betanzos, emigrou a Arxentina a finais dos 50 por motivos económicos pero tamén pola represión que se vivía en Galicia contra as familias consideradas desafectas ao réxime. Afiliado e dirixente do Centro Betanzos, entrou na FSG nos 60 e foi redactor do Galicia dende 1964. En 1966 foi elixido secretario xeral, cargo que volveu ocupar en 1981; entrementres participou activamente ocupando diversos cargos na directiva federal ata 1983, ano en que retornou a Galicia.
Folleto editado polo 75 aniversario fundacional da Federación, 1975
Folleto editado polo 75 aniversario fundacional da Federación, 1975

Neste folleto podemos ler unha pequena historia social das asociacións federadas nese momento. A caída da chegada de emigrantes cara a Arxentina a partir da década dos 60 e a diminución de socios e entidades federadas provocaron un cambio nas finalidades da FSG. Se ata o momento continuaba a súa loita antifranquista, a chegada da democracia en España fai virar as súas prioridades, centradas agora na defensa das condicións de vida da colectividade emigrada e da cultura galega en Arxentina.
Sede da Federación na rúa Chacabuco, 2020
Sede da Federación na rúa Chacabuco, 2020

Dende a súa fundación a FSG, ocupou diversas sedes alugadas que ían cambiando ben por motivos económicos, ben polas necesidades do seu funcionamento. Coa reunificación federativa, o desexo de ter unha sede propia máis ampla para poder acoller a todas as sociedades federadas levou á creación dunha comisión “Pro-Casa Propia”, dirixida por Antón Alonso Pérez e co obxectivo de recadar fondos para mercar un edificio e acondicionalo para o seu uso. En 1942, tras unha intensa campaña na prensa da colectividade e coa axuda económica do seu principal valedor, consegue mercar un edificio no número 955 da rúa Chacabuco, que hoxe en día continúa a ser a sede federal e onde está instalado o Museo de la Emigración Gallega en la Argentina Francisco “Paco” Lores (MEGA). Neste museo pódense visitar numerosas exposicións e consultar o patrimonio documental desta centenaria institución.
Excursión de emigrantes galegos en Lisboa, 1914
Excursión de emigrantes galegos en Lisboa, 1914

A presenza de emigrantes galegos, sobre todo pontevedreses e ourensáns, en terras portuguesas foi unha constante ao longo do tempo. Compartir fronteira facilitaba o intercambio de traballadores en ambas as dúas "raias" e, como non, a súa integración.
A comezos de 1900 Ramiro Vidal Carrera (sinalado cun X) emigra a Lisboa con 13 anos. Antes xa o fixeran seu pai e tíos e despois os seus irmáns, seguindo a pegada de moitos dos seus veciños. Alí comeza a traballar en varios comercios como aprendiz e mozo para todo. Pouco a pouco vai progresando e chega a ser propietario de varios comercios e negocios hostaleiros. En 1908 foi un dos promotores da fundación da sociedade Juventud de Galicia de Lisboa, unha das máis antigas asociacións de emigrantes galegos de Europa.
<em>Consejos para trabajadores españoles empleados en la República Federal de Alemania</em>, 1963
Consejos para trabajadores españoles empleados en la República Federal de Alemania, 1963

Este folleto foi publicado polo Instituto Federal de Colocación y Paro de Nüremberg en colaboración co Instituto Español de Emigración. Cando asinaba o contrato de traballo, a persoa emigrante recibía un exemplar para ter información sobre as cuestións laborais que podían atopar (condicións de traballo, contratos, dereitos e deberes, sindicatos) pero tamén sobre o reagrupamento familiar, as condicións de vida no país, como facer xiros bancarios a España ou como gozar do tempo de lecer.
Na segunda metade do século XX Alemaña potenciaba a chegada de emigrantes que ocupasen temporalmente os numerosos postos laborais vacantes, xeralmente os máis pesados e menos cualificados. Eran os "gastarbeiter" ou "traballadores invitados" procedentes do sur de Europa.
Zapateiro galego en Paderborn, cidade de Renania do Norte-Westfalia, ca. 1969
Zapateiro galego en Paderborn, cidade de Renania do Norte-Westfalia, ca. 1969

O ourensán Severino Gil emigrou a Alemaña en 1969, con 20 anos acabados de cumprir. Alí traballou no seu oficio de zapateiro, pero axiña conseguiu un contrato na industria metalúrxica Hella en Hannóver, onde estivo varios anos "cortando chapa". No ano 1978 retornou á súa localidade pero volveu emigrar coa súa muller, esta vez a Suíza.
Alemaña promoveu sempre a temporalidade dos seus emigrantes cunha política de atracción de emigrantes varóns, mozos e sen cargas familiares que poñía moitas trabas á reagrupación familiar ou á concesión da nacionalidade.
Grupo de emigrantes galegos na construción en Alemaña, anos 60
Grupo de emigrantes galegos na construción en Alemaña, anos 60

O sector da construción alemán precisaba abundante man de obra, pouco cualificada. A maioría destes traballos eran ocupados por emigrantes galegos, como este grupo de arzuáns que posa na foto diante da urbanización que estaban a construír na cidade de Niedereschach, en Baden-Württemberg, unha das zonas con máis presenza de galegos e galegas.
Moitos destes traballadores viñan contratados a través da Oficina Federal de Colocación e do IEE. Era a chamada "emigración asistida", que estaba regulada por ambos os gobernos. Pero moitos, calcúlase que un de cada tres emigrantes, decidiron marchar pola súa conta, procurando transporte, traballo e aloxamento polos seus propios medios, grazas a maioría das veces aos contactos establecidos previamente por familiares ou coñecidos. Esta emigración "irregular" e que non aparece nas estatísticas oficiais foi intensa na década dos anos 60.
Emigrantes galegas nunha fábrica en Alemaña, anos 70
Emigrantes galegas nunha fábrica en Alemaña, anos 70

Carmen Martínez Rey, natural de Mazaricos, marchou moi nova a Alemaña e comezou a traballar xunto con outras amigas da mesma zona nunha fábrica metalúrxica, onde facían pezas para outras industrias.
En Alemaña as mulleres emigrantes non só traballaron no servizo doméstico e na hostalaría, senón que accederon a postos na industria téxtil e da confección, na industria alimentaria, na eléctrica –manipulación e montaxe de aparatos–, na óptica e na mecánica. Tratábase de tarefas realizadas a miúdo por quendas, arreo e en cadea de montaxe, con salarios situados nos niveis máis baixos da escala salarial, e que os empresarios alemáns trataban de cubrir con mulleres inmigrantes, novas, solteiras e sen fillos.
Manuel Bemposta con dous amigos galegos no seu tempo de lecer, 1972
Manuel Bemposta con dous amigos galegos no seu tempo de lecer, 1972

A situación dos traballadores emigrantes en Alemaña non era tan idílica como ás veces queren mostrar nas fotografías que enviaban ás súas familias. Nesta imaxe vemos a Manuel cun compañeiro da fábrica de automóbiles onde traballaba e un amigo tamén emigrante en Alemaña que estaba de visita. Posan felices nunha cervexaría de Sttugart, cidade onde vivían.
Manuel emigrou en 1972, con 22 anos. Traballou durante dous anos e pico como mecánico na fábrica Auto Thomann KG e tiña varios compañeiros galegos, cos que saía gozar dos días libres. O obxectivo prioritario da maioría dos e das emigrantes era traballar uns anos para aforrar todo o posible e retornar á súa terra para montar un pequeno negocio; coa experiencia e credenciais logradas, tamén podían atopar un traballo máis cualificado e mellor pagado en Galicia.
Permiso de condución internacional dun emigrante galego residente en Alemaña, 1975
Permiso de condución internacional dun emigrante galego residente en Alemaña, 1975

Emilio Villanueva emigrou en 1963 a Hanau (Hesse) para traballar na fábrica de pneumáticos Dunlop. Para emigrar realizou todas as xestións burocráticas a través do IEE en Pontevedra, onde se inscribiu para atopar un traballo. Incluso lle deron a opción de elixir o país de destino. Aínda que el non tiña ningún familiar que estivese en Alemaña, seguiu o consello dun veciño que xa estaba alí e que lle falou das boas condicións laborais do país. Traballou na mesma empresa toda a súa vida laboral, preto de 42 anos.
Cando emigrou, Emilio estaba casado pero a súa muller, embarazada do seu primeiro fillo, quedou en Galicia. Aínda que el viviu en Alemaña ata 2005, sempre estivo cun pé en Galicia; volvía uns meses ao ano coa muller e os seus catro fillos. Como el conta, emigrou co obxectivo de gañar cartos que enviar á súa familia para que esta vivise ben e para aforrar e gozar do seu retiro.
Emigrante galego en Holanda xunto cos seus compañeiros de traballo, ca. 1972
Emigrante galego en Holanda xunto cos seus compañeiros de traballo, ca. 1972

Vicente Castro traballaba na construción en Mos, a súa localidade natal, cando viu un anuncio en que se solicitaba xente para traballar en Holanda. As condicións laborais e o bo salario fixeron que se decidise a emigrar xunto cun compañeiro de traballo de Nigrán. Deixaba en Galicia a súa muller e catro fillos. Marchou cun contrato laboral para traballar nunha fábrica de conservas e matadoiro porcino de Uithoorn, preto de Amsterdam.
Holanda non foi un dos destinos principais dos e das emigrantes galegas cara a Europa pero Vicente considera a súa experiencia de catro anos moi positiva. Adaptouse moi ben, pese ás dificultades do idioma e chegou a aforrar uns cartos cos que volver a Galicia e construír a súa casa. Retornado, grazas á experiencia adquirida, conseguiu un traballo no mesmo sector na súa terra.
De festa cunhas amigas españolas en Eidhoven, ca. 1975
De festa cunhas amigas españolas en Eidhoven, ca. 1975

A emigración de Rosiña foi froito do reagrupamento familiar. Seu pai emigrara nos anos 60 a Holanda cun contrato laboral na fábrica de Philips de Eidhoven e levaba residindo alí uns anos. Cando Rosiña contaba con 16 anos, en 1973, seu pai reclamou a familia e instaláronse na cidade holandesa. Cos anos, ela tamén traballou na mesma empresa por mediación de seu pai.
A integración no país foi complicada, principalmente polo descoñecemento do idioma pero tamén polas grandes diferencias culturais e de modo de vida da sociedade holandesa. Na maioría das ocasións os galegos e galegas mantiñan a sociabilidade circunscrita ás relacións de amizade con outros emigrantes, nos que se apoiaban en caso de necesidade. Rosiña foi socia, xunto coa súa familia, do Centro Español, lugar de encontro, asesoramento e lecer dos españois que residían en Eidhoven.
Permiso de traballo dun emigrante galego en Bélxica, 1975
Permiso de traballo dun emigrante galego en Bélxica, 1975

Con este certificado emitido polo Goberno belga, o emigrante podía exercer calquera traballo e gozaba dos mesmos dereitos laborais que un traballador belga. Juan, mariñeiro de Ribeira, emigrou en 1953 a Bélxica, onde estivo case trinta anos, ata a súa xubilación. Traballaba para unha compañía navieira e tiña a residencia no país; tan só viña a Galicia para visitar a familia cando tiña vacacións.
Na década dos 50 Bélxica precisou man de obra barata e pouco cualificada para cubrir postos no sector mineiro, na industria siderúrxica e na construción. O Goberno belga facilitaba a acollida dos emigrantes ofertando contratos laborais a través do IEE e pagaba a metade dos gastos da viaxe. Moitos emigrantes entraban no país como turistas e xa alí buscaban traballo, pois dese modo dispoñían de máis opcións laborais. A regularización posterior era fácil e da tramitación administrativa ocupábase o empresario, de modo que o emigrante se desatendía da burocracia española.
Reunión festiva de galegos en Anveres, ca. 1963
Reunión festiva de galegos en Anveres, ca. 1963

Nesta imaxe vemos a Juan gozando dunhas horas de descanso xunto con varios amigos, emigrantes coma el. Nos anos 60 e 70 a maioría dos españois que chegaban a Bélxica eran galegos e asturianos. Traballaban na construción, na industria do automóbil, do vidro, metalúrxica e na hostalaría. As mulleres emigrantes atoparon ocupación na industria química e farmacéutica e no sector sanitario. As e os galegos eran ben aceptados na sociedade belga, que os consideraba bos traballadores e pouco conflitivos. Unha característica salientable deste país é que as súas leis facilitaban o reagrupamento familiar debido ao problema demográfico que padecían; así, os gobernos tiñan políticas para favorecer a instalación estable dos emigrantes e das súas familias.
Unha viaxe sen retorno: <em>Pontiac Bonneville 1959</em>, Cidade de Panamá, ca. 1960
Unha viaxe sen retorno: Pontiac Bonneville 1959, Cidade de Panamá, ca. 1960

Pontiac foi unha marca de coches producida por General Motors e das máis vendidas nos Estados Unidos, Canadá e México dende 1926. Na imaxe vemos os tres irmáns Barreiro (Francisco, Manolo e Amador), a carón e enriba dun coche do modelo Bonneville, do que eran copropietarios Manolo e Amador. En 1963 deciden realizar unha viaxe a Galicia que duraría seis meses, pero non foron sós, pois o seu automóbil de moda cruzaría o Atlántico con eles. Durante os meses de vacacións percorreron as incontables festas de verán por toda a xeografía galega, rodaron e rodaron causando sensación ao seu paso. Finalmente, ese peculiar e rechamante acompañante quedou en terra, coas súas anécdotas gardadas nun alpendre de Forcarei.
Reunión familiar nun evento da Asociación de Damas Españolas e Panameñas (ADEP), Colón, Panamá, ca. 1975
Reunión familiar nun evento da Asociación de Damas Españolas e Panameñas (ADEP), Colón, Panamá, ca. 1975

Avelina Meleda González, natural de Pazos de Arenteiro, Boborás (Ourense), traballaba como modista en Galicia xunto ao seu home, Jesús, que era xastre. Os cartos daban para vivir mais non para aforrar, polo que comezan a facer plans para emprender a súa propia aventura migratoria, tal como viñan facendo os seus veciños e algúns achegados da familia. O destino elixido foi Panamá e o seu marido decide ir abrindo camiño primeiro para probar sorte e máis adiante mandar buscar a Avelina e as súas fillas, Ana e Marilú. O primeiro ano de estancia no Istmo estivo reunindo cartos para pagar a pasaxe (15 000 pesetas). Mentres, Avelina quedaría en Galicia cosendo día e noite e criando as nenas. Despois as tres marcharon en barco a través da Comisión Católica de Migracións.
O destino definitivo foi a cidade de Colón, na marxe da Canle de Panamá. Ao pouco tempo da súa chegada púxose a coser para as mulleres “americanas” (así lles chaman ás estadounidenses), italianas e gregas. Co paso do tempo lograron establecer o seu propio negocio familiar, unha moblaría na que se vendía de todo. Avelina foi, sen dúbida, unha muller emprendedora, sen medo ao traballo e con tempo para integrarse coa colectividade galega en Colón e co resto de españolas que a través da ADEP, entidade da que tamén foi presidenta, realizaban diversas actividades sociais. As fillas de Avelina e Jesús estudaron nun colexio suízo, pois a súa educación era unha prioridade para ela.
Tres fillos, tres amores. Un día da nai especial. Changuinola, provincia de Bocas del Toro, Panamá, 8 de decembro de 1981
Tres fillos, tres amores. Un día da nai especial. Changuinola, provincia de Bocas del Toro, Panamá, 8 de decembro de 1981

Jacqueline, Francisco e Isabel son tres irmáns nacidos en Panamá e fillos do matrimonio galego formado por María Elena Benedetto Banga e Jaime Sieiro Sieiro. Imos contar aquí un pouco sobre o pioneiro desta aventura migratoria. Jaime marcha primeiro cara a Alemaña (Colonia) e logo dun tempo decide cambiar de rumbo. En 1968 diríxese cara a América, con destino a Panamá. Arredor desta data, a maioría de galegos e galegas collían rumbo a países europeos, pero Jaime fixo o xiro contrario. Foi un dos fundadores do Centro Español de Changuinola, unha pequena poboación da provincia de Bocas del Toro, situada a escasos quilómetros da fronteira con Costa Rica. Alí rexentou a “Mueblería y Joyería Santa Fe”. Os seus clientes eran, sobre todo, traballadores da compañía Chiquita da United Fruit Company.
Reunión de amigos en Changuinola, Bocas del Toro, Panamá, ca. 1977
Reunión de amigos en Changuinola, Bocas del Toro, Panamá, ca. 1977

A finais dos anos 60 e principios dos 70 existiu unha pequena emigración procedente da comarca do Carballiño cara ao norte de Panamá. Formaron un auténtico monopolio de moblaría en Changuinola, poboado e centro bananeiro máis importante da provincia de Bocas del Toro. María Elena Benedetto Banga (a segunda pola dereita) é natural de Vilachá, concello de Boborás. Filla dun matrimonio formado por un italiano e unha galega, ambos emigrados en Caracas, lugar onde se coñeceron. Os seus país tiveron cinco fillos e María Elena foi única que colleu rumbo a Panamá. Sendo moi noviña, con tan só dezaseis anos, casou con Jaime Sieiro. Coñecéronse nunha das viaxes de verán que facía Jaime á parroquia de Feás (concello de Boborás). En Panamá tiveron tres fillos. O retorno da familia a Galicia fíxose entre 1987 e 1990, primeiro voltou María Elena cos fillos e logo Jaime. Pero, como resulta bastante habitual dentro das familias galegas con polo menos unha experiencia migratoria, o seu fillo Francisco retoma a aventura migratoria cara ao Istmo no ano 2011, co que repite un pouco a historia que a súa nai comezou unha tarde de verán.
Desfile da Escola Finca 42, a simbiose perfecta, Changuinola, ca. 1985
Desfile da Escola Finca 42, a simbiose perfecta, Changuinola, ca. 1985

Jacqueline Sieiro Benedetto, filla de Maria Elena e Jaime, foi unha alumna destacada da Escola Finca 42. Na imaxe pódese apreciar a Jacqueline xunto a outros compañeiros no desfile da escola celebrando os “Días Patrios”, que teñen lugar no mes de novembro, coa bandeira panameña e engalanada cunha cinta sobre o seu uniforme escolar. O feito de levar a bandeira era un privilexio reservado para os mellores alumnos de cada promoción.
O mimetismo cultural era tal que, aínda estando lonxe da terra, os emigrantes se esforzaban por realizar actividades para conmemorar datas significativas para eles como colectividade étnica. Así, cada ano os irmáns Sieiro Benedetto vestíanse tamén cos seus traxes de galegos para celebrar o 25 de Xullo no Centro Español de Changuinola, a festa máis grande para os emigrantes e onde se xuntaban entre 20 e 30 rapaces.
Tres xeracións e un destino, Panamá 1907, 1941 e 1951
Tres xeracións e un destino, Panamá 1907, 1941 e 1951

Emilio Barreiro Varela inicia a súa aventura migratoria en 1907, cando marcha para traballar nas obras da Canle de Panamá. O seu periplo migratorio cambia de rumbo e diríxese a Nova York pero intercala tempadas en Galicia ata o retorno definitivo. O seu fillo, Emilio Barreiro Mariño, decide repetir o primeiro destino do seu pai e en 1941 viaxa a Panamá, mentres que a súa muller e fillos permanecen en Galicia. Alí fai traballos de albanelaría e cantaría, e en 1951 manda chamar os catro fillos: Francisco, Gumersindo, Manolo e Amador. Nun principio traballan no sector da construción, ata que en 1953 tres dos catros irmáns Barreiro deciden adquirir en propiedade o famoso restaurante El Gato Negro, situado no barrio de Santa Ana, na cidade de Panamá. O establecemento hostaleiro era moi popular polas saborosas comidas a bo prezo. Comentan algúns clientes panameños que alí aprenderon a comer “garavanzos”, entre outros pratos españois.
“Coman ahora y paguen despúes”, Cidade de Panamá, 1977
“Coman ahora y paguen despúes”, Cidade de Panamá, 1977

Manolo Barreiro, natural de Forcarei, é entrevistado pola revista panameña Más para todos. A popularidade do restaurante El Gato Negro, baixo a rexencia dos irmáns Barreiro, mantívose durante máis de vinte anos e iso foi motivo suficiente para converterse en centro de interese para a dita publicación. Por alí pasaban clientes do todos os estratos sociais, dende persoas sen recursos ás que se lles fiaban as comidas, ata políticos, como o presidente Arístides Royo, líderes revolucionarios, como Che Guevara, ou mesmo o campión mundial de boxeo Roberto Durán, alias “Mano de piedra”. Foi, sen dúbida, un referente para moitos emigrantes galegos acabados de chegar ao Istmo e sen traballo. Alí podían comer sen pagar ata que atopasen unha ocupación laboral. Chegaban cos petos baleiros e moita fame, polo que o réxime de pago ofrecido nese establecemento representaba un verdadeiro alivio físico e moral.
Más para todos, 30 de maio de 1977, ano I, nº 51
Unha galega na Illa do Encanto, Utuado, Porto Rico, ca. 1980
Unha galega na Illa do Encanto, Utuado, Porto Rico, ca. 1980

Cando falamos de emigración galega a Porto Rico o primeiro que nos ven á mente é un grupo de guardeses que probaron sorte nese destino migratorio a mediados do s. XX., posto que crearon un foco de atracción para o resto de paisanos e forxaron un posto importante dentro da rede de tecido comercial da illa. Nesta ocasión atopámonos cun caso diferente que rompe o molde do devandito modelo migratorio. A historia que se desprende desta imaxe fala dun matrimonio mixto, formado pola galega Amalia Dapena Baqueiro e o boricua Eduardo Cintrón Cruz. Coñecéronse nos anos 50, sendo Eduardo un mozo estudante de Medicina, na Universidade de Santiago de Compostela. O destino fixo que casasen e marchasen vivir a Utuado, na illa de Porto Rico. Alí naceron os seus catro fillos: Eduardo, Amalia, María Fernanda e Fabiola. As contrariedades do destino fixeron que o retorno a Galicia fose un acontecemento moi doloroso, marcado polo repentino falecemento do Dr. Eduardo Cintrón Cruz. A volta definitiva de Amalia cos catro fillos adolescentes provocou un novo comezo para todos.
Un guardés máis en Santo Domingo. República Dominicana, ca. 1968
Un guardés máis en Santo Domingo. República Dominicana, ca. 1968

José Manuel Pacheco Lomba, nacido en 1951 e natural da Guarda, emigrou no barco Covadonga á República Dominicana en 1967, coa súa recentemente estreada maioría de idade. Chegou primeiro a Porto Rico, onde o veciño coñecido na súa parroquia como “Fochas” e radicado nesa illa o recolle para levalo ao aeroporto e poder seguir rumbo ao seu destino definitivo, que sería a República Dominicana. José Manuel non era un emigrante habitual daquela época. Non era labrador senón un estudante da Escola Náutica de Vigo que decide marchar detrás de varios curmáns cos que logo prosperaría na illa.
Todo queda entre familia, Santo Domingo, ca. 1968
Todo queda entre familia, Santo Domingo, ca. 1968

Na República Dominicana o guardés José Manuel Pacheco Lomba traballou como empregado na tenda do seu curmán –José Rodríguez Lomba– chamada El Encanto, situada na avenida Duarte 196, nunha das principais arterias de Santo Domingo. A dita tenda foi adquirida polo seu curmán despois de moito esforzo e dedicación, pois comezou vendendo zapatos por todo o país. Co paso do tempo o noso protagonista tamén chegou a ser accionista da empresa. Na actualidade o local deste famoso comercio está ocupado polos Hipermercados Olé.
Emigrantes galegos en Chimbote, 20 de novembro de 1956
Emigrantes galegos en Chimbote, 20 de novembro de 1956

A corrente migratoria de pescadores da Costa da Morte no Perú foi iniciada polo corcubionés Benigno Lago Estévez, quen se converteu nun grande empresario do sector pesqueiro deste país nos anos 40. Para el traballou un pequeno grupo de mariñeiros malpicáns exiliados da Guerra Civil e que estaban refuxiados na costa chilena, preto da fronteira con Perú. Moitos deles chamaron a familiares e veciños, que nos anos 50 foron instalarse na costa peruana. De esquerda a dereita, Luís Santiago, Pepe do Pián e Manuel García, naturais da comarca de Fisterra, xunto con dous compañeiros peruanos, posando diante do barco El Terrible. Pescaban anchoa para as fábricas de fariña de peixe, produto moi demandado como alimento para o gando e Perú foi unha potencia mundial na súa exportación.
A tripulación do pesqueiro Panchés, propiedade de galegos, 1962
A tripulación do pesqueiro Panchés, propiedade de galegos, 1962

No temón, Manuel García, e a estribor, con boina, Saturnino que acababa de chegar a Chimbote reclamado polo seu irmán. Este, xunto con Luís e Francisco Santiago Lago, tiña unha empresa con varios barcos da súa propiedade, como o barco da foto, dedicados á pesca de baixura pola costa peruana. A riqueza pesqueira desas augas e o duro traballo leváronos a acadar o éxito.
A boa situación económica do país provoca que os galegos que vivían alí reclamasen as súas familias e veciños para traballar con eles. As condicións laborais e os soldos que se gañaban neses anos no país andino eran moito mellores que os de Galicia. Ante as boas expectativas de futuro, Saturnino emigrou para traballar como mariñeiro, aínda que el non se dedicaba a este sector en Galicia. En Perú chegou a obter o título oficial de patrón de pesca e pilotar varios barcos de peruanos.
Festa de inauguración da Casa de España en Chimbote, 10 de xullo de 1965
Festa de inauguración da Casa de España en Chimbote, 10 de xullo de 1965

Na fotografía vemos un grupo de galegos, a gran maioría mariñeiros e patróns de pesca, pero tamén mecánicos, electricistas e donos de pequenos negocios, na celebración da fundación da Casa de España de Chimbote. Lugar de encontro da colectividade española, ademais de actividades recreativas –contaba cun bar e restaurante moi utilizado polos socios no seu tempo de lecer–, tamén se xestionaban axudas aos asociados e as súas familias en caso de necesidade. A gran maioría eran galegos, naturais da Costa da Morte (Malpica, Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía ou Camariñas), tamén da zona de Marín e Pontevedra e, mesmo, de Ourense.
Ficha da Comisión Católica Española de Migración dunha emigrante galega para poder emigrar a Perú, 1967
Ficha da Comisión Católica Española de Migración dunha emigrante galega para poder emigrar a Perú, 1967

Mª Angélica, casada por poderes, emigrou a Perú reclamada polo seu marido, quen fixo todas as xestións burocráticas a través da Comisión Católica Española de Migración (CCEM). Esta organización contaba con delegacións nos países de acollida e axudaba a tramitar a documentación para poder entrar legalmente no país de destino. O emigrante podía marchar con carta de chamada e contrato laboral ou por reagrupamento familiar, unha figura legal moi empregada na segunda metade do século XX e que explica a grande afluencia de mulleres, nenos e persoas de maior idade nas migracións destes anos.
Reunión festiva de galegos en Chimbote, 1969
Reunión festiva de galegos en Chimbote, 1969

Os e as galegas estaban plenamente integrados no Perú, pero sobre todo na colectividade española que alí residía. Eran numerosas as reunións sociais que mantiñan e moi forte a rede de solidariedade creada en caso de necesidade. Xuntábanse para celebrar aniversarios, bautizos, vodas ou simplemente ceas de amigos nas que se lembraban da terra e da familia. Pero tamén sabían que podían contar coa axuda de todos en caso de enfermidade ou dunha mala situación laboral.
A emigración galega cara a este país comezou a diminuír a finais da década dos 60 debido a crise no sector pesqueiro. En 1970 produciuse, ademais, un terremoto que arrasou a zona de Chimbote, polo que moitas familias galegas decidiron regresar e comezar unha nova vida na súa terra grazas aos aforros conseguidos.
Unha familia de Brión na cidade australiana de Brisbane, 1970
Unha familia de Brión na cidade australiana de Brisbane, 1970

Na imaxe podemos ver a Marcelino Pose (coa toalla no pescozo) quen marchou en 1966 cara a Australia tras a súa moza, Eugenia Sóñora (sentada á súa beira). Ela e a súa irmá –a muller que ten no colo un neno e que casou co mozo das lentes, de orixe vasca– marcharan uns anos antes na "Operación Marta", organizada polo CCEM. Con este plan emigraron varios centos de rapazas españolas cara a Australia para traballar no servizo doméstico. Eugenia e Marcelino casaron no país austral e asentáronse en Brisbane, onde el traballou na construción. Xa no país, reclamou ao seu irmán José (con camisa branca) para traballar con el, pero este viaxou só, a súa familia quedou aquí. Anos despois, José retornou á súa localidade natal pero antes mandou chamar ao seu fillo maior, que aínda hoxe continúa a vivir en Australia.
Hoxe en día, as novas xeracións seguen a manter unha intensa relación coa súa familia galega.
Fotografía enviada dende Melbourne á familia en Galicia, 1971
Fotografía enviada dende Melbourne á familia en Galicia, 1971

A ourensá Mercedes Barreiro Losada emigrou a Australia a mediados da década dos 60 reclamada polo seu irmán Jesús, que uns anos antes decidira probar fortuna neste país, atraído polas noticias que aparecían na prensa do momento. Alí conseguiu traballo e integrarse nun país onde o idioma e os costumes eran tan distintos aos da súa terra galega. Casou co asturiano Aurelio e en 1971 tiveron un fillo, Javier. Ela retornou coa súa familia e vive na terra do marido, pero o seu irmán non regresou.
A emigración cara a este país estivo fomentada polo IEE e o Goberno australiano coa "Operación Canguro", que abarcou de 1958 ata 1963. A primeira remesa estivo integrada por 159 españois, case todos vascos, pero tamén de Galicia e Asturias. Chegaban cun contrato de traballo por dous anos e despois podían trasladarse ás cidades en busca de mellores condicións laborais e de vida.
Cuadrilla de traballadores galegos no sector eléctrico en Canberra, ca. 1976
Cuadrilla de traballadores galegos no sector eléctrico en Canberra, ca. 1976

Antonio Toubes, natural do Saviñao (Lugo), emigrou a Australia a comezos da década dos 70. Traballou en Sydney e Canberra nunha empresa eléctrica con outros compañeiros españois e italianos. Á marxe dos acordos gobernamentais, os galegos e galegas chegaban ao país ben por chamamento de familiares ou veciños, ben contratados polas empresas e fábricas necesitadas de man de obra cualificada, como lle pasou a Antonio. Instaláronse en cidades como Melbourne, Sydney ou Canberra e traballaron na construción, na hostalaría, montando pequenos negocios etc. No país austral permanecen os descendentes destes emigrantes que se senten australianos pero tamén galegos e galegas, que aman o noso país e a nosa cultura a través dos relatos dos seus.
<em>Guía práctica para los españoles en Canadá</em>, 1970
Guía práctica para los españoles en Canadá, 1970

Esta guía, editada polo IEE en colaboración co Goberno canadense, era entregada aos emigrantes que decidían probar fortuna no país. Nela infórmase aos emigrantes sobre as condicións da viaxe, os contratos laborais e os seus dereitos e deberes como traballadores estranxeiros. Ademais inclúe un amplo vocabulario en inglés e francés, os principais idiomas de Canadá, que podían necesitar para desenvolverse.
Na década dos anos 50 e 60 a emigración a este país foi programada a través do IEE, en colaboración co Goberno canadense. Organizáronse diversos plans para atraer man de obra, como a "Operación Bisonte" (1957), pola que chegaron a Canadá preto de 150 parellas de españois procedentes de Teruel, Ourense, Ávila e Santander maioritariamente, e que foron recrutados como "obreiros agrícolas" para traballar nas granxas das provincias de Quebec e Ontario.
Portada do número 1 de <em>Breogán</em>, publicación societaria do Centro Galego de Montreal, 1972
Portada do número 1 de Breogán, publicación societaria do Centro Galego de Montreal, 1972

Para combater a morriña e axudarse entre eles, a colectividade galega creou varias asociacións, como o Club Hispano de Toronto (1964) ou o Centro Galego de Montreal (1970). Alí reuníanse para bailar un pasodobre ou unha muiñeira ou para xantar comidas tradicionais como un cocido galego ou unha paella. Nestes centros sociais celebráronse vodas, nadais e noitevellas, aniversarios etc.
O Centro Galego de Montreal foi fundado como un centro recreativo e de axuda mutua para a colectividade que alí residía. Pronto conseguiu mercar un edificio para ser a súa sede social (aparece na portada), que aínda hoxe é un restaurante e lugar de encontro dos españois que alí residen.
Para informar aos socios sobre a organización de diversos actos, comezou a publicar en agosto de 1972 este boletín, que ademais contaba con páxinas literarias, noticias sobre a situación da colectividade etc.
O millo como marca americana nos cultivos de Galicia
O millo como marca americana nos cultivos de Galicia

Coma no resto de Europa, o sistema de alimentación e a paisaxe agraria galega víronse transformados pola introdución do millo, cereal procedente de América. Segundo o Boletín de la Real Academia de Historia de 1953, este último chegou a Europa en 1604. Existen varias teorías e numerosos estudos que nos falan sobre os pioneiros en traer o dito cereal a Galicia, as zonas onde se plantou por primeira vez e o primeiro uso que se fixo del. Nesta ocasión non imos deternos na súa historia pero queremos lembrar que tras a súa chegada non tivo boa acollida social. Utilizábase para o consumo dos animais. Co paso do tempo pasou a ser consumido por aquelas familias que non tiñan centeo para facer o pan. Marcábase así certo status social en función do tipo de pan que se consumía nos fogares galegos. Na actualidade esa connotación social negativa desapareceu e simplemente é unha cuestión de gustos. O certo é que Galicia cultiva o 75% de todo o millo forraxeiro español. A gandaría galega produtora de leite sustenta a súa alimentación a base deste gran como fonte de enerxía necesaria para a produción.
O Estanque do Retiro no <cite>Pasatempo</cite>, un museo ao aire libre en Betanzos
O Estanque do Retiro no Pasatempo, un museo ao aire libre en Betanzos

Os irmáns Juan e Jesús García Naveira, tras anos na emigración en Arxentina, retornaron cunha gran fortuna á súa vila natal, Betanzos, e alí deixaron pegada da súa filantropía e xenerosidade.
Un dos seus proxectos máis singulares foi a creación do Pasatempo, un parque temático enciclopédico onde se recollía todo o saber que don Juan foi asimilando nas súas numerosas viaxes e o amor pola terra que o fixo millonario. Cubría unha superficie de 90.000 m2 que integraba un orixinal conxunto de arquitectura, escultura, cerámica e xardíns con especies exóticas. O Pasatempo propiamente abarcaba 8000 m2 distribuídos en cinco niveis conectados por escalinatas e pasadizos tortuosos a través de grutas artificiais. Polos paseos e avenidas proliferaban numerosas fontes e estanques con decoración barroca e ecléctica. Cunha función pedagóxica e simbólica, contaba con monumentos que representaban a canle de Panamá, a Gran Muralla chinesa ou a pirámide de Keops, entre outros, e estatuas de grandes figuras históricas, reproducidas para que fosen admiradas polos seus paisanos.
Balneario e Augas do Lérez, lugar de saúde e ocio
Balneario e Augas do Lérez, lugar de saúde e ocio

Casimiro Gómez (1854) era natural de Cotobade. Emigrou a Bos Aires con apenas 13 anos e fixo unha gran fortuna no sector do coiro e talabartaría. A súa empresa expandiuse por todo o país e fíxose famosa a nivel internacional despois de recibir varios premios nas Exposicións Internacionais de Bos Aires, París e Chicago. Casimiro chegou a converterse nun gran terratenente e criaba o gando do que extraía as peles que lle servirían de materia prima para a fabricación dos seus produtos. O mundo do coiro e talabartaría non foi a súa única iniciativa empresarial, interveu tamén en compañías de seguros, entre outras actividades. Foi fundador e vicepresidente do Centro Industrial Argentino e integrante do consello de administración da Unión Industrial, así como membro importante dos círculos máis selectos da sociedade porteña e de varias sociedades de emigrantes.
En 1900 visitou Galicia, mercou o extenso predio de Monte Porreiro e transformouno nunha rica explotación agropecuaria. Construíu a "Villa Buenos Aires” e converteu o lugar en algo produtivo e atraente, nada máis e nada menos que o Balneario do Lérez. As súas botellas de saúde, as Augas mineromedicinais do Lérez, alcanzaron unha dimensión nacional e internacional. O complexo turístico pasou a ser un centro de reunión de empresarios, nobres e autoridades da época, onde se chegaron a forxar importantes decisións políticas. Casimiro destacou tamén polo seu labor filantrópico na súa terra natal. Morreu en Vigo aos 86 anos.
Un teatro para o pobo de Vigo, 1997
Un teatro para o pobo de Vigo, 1997

O verinés José García Barbón emigrou moi novo a Cuba, onde se converteu nun banqueiro e empresario de éxito. Debido a problemas de saúde, retornou a Galicia en 1884. Nun primeiro momento instalouse na súa vila natal pero en 1889 foi vivir a Vigo. Alí investiu o seu patrimonio nas principais empresas do momento contribuíndo á modernidade e prosperidade da provincia.
Este indiano destacou pronto polo seu labor filantrópico. Realizou numerosas obras benéficas a prol da cultura e da educación, como a construción da Escola de Artes e Oficios ou do Teatro García Barbón. Tamén participou no desenvolvemento urbanístico de Vigo coa construción dun grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome. Convencido da necesidade dun gran teatro para a cidade, doou o soar para a súa edificación.
O edificio actual foi encargado tras a súa morte polas súas sobriñas e herdeiras. Deseñado polo arquitecto Antonio Palacios, inaugurouse en 1927 como Teatro García Barbón en clara homenaxe á súa persoa. Trátase dun edificio monumental inspirado na Ópera de París, de estilo neobarroco e modernista, que funcionaba como teatro, cinematógrafo, auditorio e casino. Hoxe en día continúa a ser un dos epicentros da vida cultural da cidade.
Cheque The Bank of Nova Scotia, Manzanillo, Cuba, 1932
Cheque The Bank of Nova Scotia, Manzanillo, Cuba, 1932

As remesas ou envíos de cartos dun país a outro xeralmente ían dirixidos a familiares para cubrir débedas ou mellorar a súa calidade de vida. Tratábase dun diñeiro que era gañado con moito esforzo e dedicación, gustosamente destinado para apoiar os seres queridos. O retorno dos emigrantes trouxo consigo inxentes cantidades de capital que promoveron a modernización económica de Galicia. Eses envíos internacionais sistemáticos contribuíron á especialización do sistema bancario en Galicia.
Documentación para o retorno, 27 de abril de 1920
Documentación para o retorno, 27 de abril de 1920

No imaxinario do colectivo emigrado sempre estivo presente a aspiración do retorno como indianos, emigrantes ricos que regresan á súa vila ou aldea para vivir do capital acadado nos países de acollida. Mais, evidentemente, isto sucedía en contadas ocasións. Moitos son os que marcharon e moitos menos os que puideron regresar. O retorno prodúcese por múltiples causas: para reunirse de novo coa familia e desfrutar dos aforros conseguidos, porque desexan criar os seus fillos en Galicia, para gozar do seu patrimonio na terra e conseguir o recoñecemento social, por nostalxia etc. Noutras ocasións, coma no caso de Francisco, son os problemas de saúde os que provocan a decisión do retorno. Dáse tamén o caso dos que fracasan e só lles queda poder regresar (moitas veces coa pasaxe pagada polas sociedades mutualistas) e intentar sobrevivir coa familia.
Como vemos neste documento, Francisco Maseda tiña a nacionalidade cubana, probablemente para facilitar os seus negocios na illa. Para poder regresar a Galicia tivo que solicitar os permisos ante o Consulado de España en Cuba. Sabemos que, unha vez en Lugo, volveu recuperar a nacionalidade española.
Portada do xornal <cite>El Emigrado</cite>, financiado pola emigración, 16 de novembro de 1940
Portada do xornal El Emigrado, financiado pola emigración, 16 de novembro de 1940

En Galicia percíbese unha frutífera influencia das ideas e iniciativas políticas vividas en América polos nosos emigrantes. O desenvolvemento do agrarismo e do galeguismo non se pode entender sen este influxo, así como o papel protagonista de moitos retornados na formación de sociedades obreiras e sindicatos na Galicia do momento. É tamén salientable a presenza de xornalistas e escritores vinculados coa emigración na publicación dos xornais editados polas forzas progresistas da nosa terra.
Neste contexto podemos citar a publicación de El Emigrado, que tivo unha gran repercusión na zona estradense e que puido editarse grazas aos envíos económicos dos emigrantes desta comarca residentes en Cuba e Arxentina. Este xornal, fundado en 1920, xurdiu coa idea de facer valer os dereitos dos estradenses en Galicia pero tamén na emigración. Nas súas páxinas, ademais de informar das noticias aquí e noutra beira do Atlántico, defende as ideas agraristas e as causas dos máis desfavorecidos.
Lámina de Castelao, «Eu non quería morrer alá, sabe miña nai?»
Lámina de Castelao, «Eu non quería morrer alá, sabe miña nai?»

Para milleiros de galegos e galegas a emigración foi unha saída segura da miseria que se experimentaba nos seus fogares. O seu impacto económico e social como colectivo viuse reflectido en moitos aspectos: creación de escolas, cemiterios, lavadoiros comunitarios, edificacións de arquitectura indiana, desenvolvemento de empresas familiares etc. No entanto, as historias persoais non sempre tiñan bo final, xa que existían casos en que o emigrante volvía enfermo e endebedado. En numerosas ocasións o fracaso na aventura migratoria provocaba que o retorno non se producise nunca, pois os emigrantes sentían demasiada vergoña se regresaban coas mans baleiras, sen alcanzar o éxito esperado deles.
Cun pé nos dous mundos, fotografía familiar enviada a Francisco Maseda, de viaxe de negocios en Cuba, 26 de xuño de 1926
Cun pé nos dous mundos, fotografía familiar enviada a Francisco Maseda, de viaxe de negocios en Cuba, 26 de xuño de 1926

Desde 1920, ano do seu retorno, Francisco Maseda e a súa familia residen na Devesa, onde mandan construír unha magnífica casa cos adiantos do momento, seguindo os costumes de moitos emigrantes enriquecidos. Francisco continuaba xestionando desde Galicia os seus numerosos negocios e propiedades na illa, coa axuda dun encargado da súa confianza. Cos rendementos do seu patrimonio levou unha vida cómoda de rendista e converteuse nunha figura relevante entre os seus conveciños.
En 1926 e 1934 temos constancia de varias viaxes a Cuba para solucionar problemas cos negocios. A súa familia quedará en Galicia. Nunha destas viaxes, a súa esposa Carmen envíalle esta fotografía, na que aparece cos seus catro fillos (vestidos de mariñeiros) e outros familiares nunha romaría na parroquia de Rinlo.
Unha casa indiana na vila de Ares, 2019
Unha casa indiana na vila de Ares, 2019

Unha das aspiracións dos emigrantes que retornaron ás súas vilas e aldeas era construír unha vivenda que simbolizase o triunfo da súa aventura migratoria e o seu éxito económico. A casa dos indianos na primeira metade do século XX domina no medio rural polo seu deseño e modernidade en moitos servizos que non tiñan as casas tradicionais. Co retorno introduciuse unha arquitectura cosmopolita que se inseriu entre as casas tradicionais de moitas vilas galegas, ademais de xardíns e especies arbóreas exóticas para aquel momento, como poden ser as palmeiras, tan habituais na Galicia actual. Podemos salientar as casas indianas da comarca de Ferrolterra e da Mariña luguesa, aínda que en todas as vilas e aldeas galegas vemos exemplos destacados. Cos cartos da emigración as localidades galegas cambiaron e progresaron. Non só as residencias, senón tamén as escolas, igrexas, fontes, lavadoiros, camiños e parques contaron coas remesas dos emigrantes, que axudaron a modernizar o noso territorio.
Esta casa foi mercada e rehabilitada en 1922 por Nicolás López Cancela, emigrante aresán na illa de Cuba. Trátase dun exemplo dos moitos edificios indianos que hai neste concello.
Carta de Lois Tobío Fernández tras o seu regreso do exilio, 25 de abril de 1963
Carta de Lois Tobío Fernández tras o seu regreso do exilio, 25 de abril de 1963

Os exiliados non podían regresar segundo os seus desexos e posibilidades coma calquera emigrante, senón que estaban supeditados á situación política e as leis do franquismo, que pouco a pouco e, sobre todo, a finais dos 50 e na década dos 60, foron permitindo a volta dos republicanos fuxidos. O forte desexo de volver non ocultaba o temor ás represalias, a non saber como ían ser recibidos ou se poderían adaptarse a un país que deixaron atrás había tantos anos.
Lois Tobío Fernández e a súa esposa, Mª del Carmen Soler, exiliados en Uruguai desde 1941 deciden retornar a comezos da década dos 60, co desexo de que os seus fillos, xa adolescentes, vivisen na terra dos seus pais e coñecesen a familia. Regresaban a un país moi diferente. Isto vese reflectido nas cartas que Tobío escribe relatando as súas experiencias aos amigos que deixou en Montevideo, moitos deles exiliados pero que non regresaron nunca. Achega novas e descricións da situación do país, dando unha visión obxectiva, clara e razoada do que sucede en España e que dista do que se publica nos medios de comunicación.
Fun polo mar e vin polo aire, ca. 1980
Fun polo mar e vin polo aire, ca. 1980

O retorno é un elemento constituínte da propia condición do emigrante, ben se trate dunha simple visita á terra, ou ben dun regreso definitivo. Os adiantos tecnolóxicos nos medios de locomoción fixeron as viaxes máis curtas e en mellores condicións. O tráfico de emigrantes de retorno, sobre todo entre América e España, representou un puntal importante para asegurar a viabilidade das viaxes transatlánticas. Para as empresas aéreas os emigrantes representaron un mercado preferente dos seus ingresos. A liña aérea española Iberia foi intensificando a súa actividade a partir dos anos 50 e non tiña competencia como enlace entre as distintas capitais latinoamericanas e España.
As boas amizades perduran no tempo, Barallobre, 1979
As boas amizades perduran no tempo, Barallobre, 1979

Lola emigrou a Venezuela con apenas 3 anos, acompañando a súa nai, ambas as dúas reclamadas polo pai, que marchara para traballar alí en 1950. Coma tantos emigrantes, os seus pais traballaron e integráronse no país de acollida pero sempre pensando no retorno á súa vila natal e mantendo os lazos afectivos e familiares con Galicia. Lembra que gozou dunha infancia e xuventude moi felices en Puerto La Cruz e Illa Margarita, onde se asentaron. Cando cumpriu 19 anos e pensando que se non regresaba nese momento xa non o faría nunca, os pais decidiron mandala vivir cos seus avós en Barallobre. Aínda que estrañaba os amigos, axiña se adaptou á vida cotiá galega coa súa familia. Anos despois tamén retornaron os pais. Pero Lola seguiu en contacto cos seus amigos e en 1979 recibiu a visita desta amiga venezolana na súa casa en Barallobre.
Nas últimas décadas estase a producir o proceso inverso. Moitos e moitas emigrantes galegas e os seus descendentes retornan a Galicia en busca de novas oportunidades, fuxindo da caótica situación política e económica de Venezuela, un país cheo de oportunidades para todos os galegos e galegas que alí marcharon na segunda metade do século XX.
Asistentes ao Primeiro Seminario do Libro Galego posando diante dun mural de Luís Seoane no Castro, Sada, 1972
Asistentes ao Primeiro Seminario do Libro Galego posando diante dun mural de Luís Seoane no Castro, Sada, 1972

Na fotografía podemos ver a intelectuais galegos retornados do exilio como Rafael Dieste, Alejandro Finisterre e Eduardo Blanco-Amor, xunto con outros que permaneceron en Galicia durante o franquismo como Ramón Piñeiro, Manuel María, Celestino Fernández de la Vega, Euloxio Ruibal, Marino Dónega, Xesús Campos, Manuel Caamaño, Manuel Gallego Jorreto e Isaac Díaz Pardo. Todos eles contribuíron desde ambas as beiras do Atlántico á supervivencia da cultura galega e serviron de guieiros ás novas xeracións do noso país.
Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane foron os promotores do Laboratorio de Formas creado en Arxentina en 1963 como unha institución "para recuperar a memoria histórica co fin de construír o futuro de Galicia". E na súa fundación tivo moito que ver a experiencia de Díaz Pardo na fábrica de cerámica da Magdalena na Arxentina dos anos 50. Alí coñeceu e fomentou amizade con Luís Seoane e con moitos intelectuais galegos exiliados como Arturo Cuadrado, Antonio Baltar, Lorenzo Varela, Lois Tobío ... Xuntos concibiron o proxecto de restaurar a antiga fábrica de Sargadelos para convertela non só nunha fábrica de cerámica senón máis ben nun movemento cultural, social e político a prol do desenvolvemento de Galicia.
<cite>Guía para emigrantes retornados: Galicia</cite> publicada pola Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Dirección Xeral de Emigración, 2002
Guía para emigrantes retornados: Galicia publicada pola Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Dirección Xeral de Emigración, 2002

En resposta ás principais interrogantes que aparecen cando se fan plans de retorno á terra, publicáronse estas guías de orientación práctica, funcionando como ferramentas informativas moi útiles, sobre todo ante a necesidade de realizar trámites que requiren una folla de ruta para conseguir aquela documentación imprescindible para un retorno efectivo. Deste xeito, distintas consellarías, así como a Delegación do Goberno en Galicia, participaron na elaboración de guías coma esta. Entre os contidos delas pódese atopar información sobre: obtención de documentos persoais como o DNI, certificado de nacemento, pasaporte, execución da baixa consular, homologación de títulos, permiso de traballo, acceso ao sistema de ensino en Galicia, axudas para a vivenda, asistencia sanitaria, formación ocupacional, obradoiros de emprego, pensións asistenciais por ancianidade, subsidios de desemprego etc. Na actualidade a función destas guías impresas en papel é complementada con toda a información que facilmente poden atopar os emigrantes na web Galicia Aberta, da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, así como nas súas redes sociais.
Retrato de Xosé Neira Vilas tras o seu retorno de América. Oleiros, ca. 1993
Retrato de Xosé Neira Vilas tras o seu retorno de América. Oleiros, ca. 1993

Na obra de Neira Vilas, un dos escritores máis recoñecidos da nosa literatura, ten un especial influxo a experiencia migratoria. Ademais da súa obra máis icónica, Memorias dun neno labrego, conta con numerosos ensaios e investigacións sobre os galegos en América e os seus logros.
El mesmo emigrou en 1949 cara a Bos Aires, onde contactou coa intelectualidade da diáspora galega. Blanco-Amor, Dieste ou Ramón de Valenzuela foron mestres seus e compañeiros nas asociacións culturais da colectividade, como as Mocedades Galeguistas ou AGUEA. A figura de Neira Vilas está intimamente unida á escritora Anisia Miranda, cubana de pais galegos, coa que casou en Bos Aires en 1957. En 1961 trasládanse a Cuba para participar no proceso revolucionario.
Nos anos 70 e 80 realizan varias viaxes a Galicia e por fin, en 1992, retornan co proxecto de crear un centro cultural na súa casa natal en Gres. É salientable o labor divulgativo da súa obra e da diáspora galega nos centros educativos galegos e a través da Fundación que leva o seu nome.
Serafín Portugal Soto (Piñor de Cea, 1924-Santiago de Compostela, 2021)
Serafín Portugal Soto (Piñor de Cea, 1924-Santiago de Compostela, 2021)

A pesar de non ter ese perfil típico dun emigrante galego, dos que nos anos 50 marchaban a Venezuela con apenas formación e cartos para sobrevivir os primeiros meses, Serafín Portugal non escapou á aventura migratoria que impregnaba a realidade social galega daquel entón, descubrindo novos espazos e identidades. O 5 de xullo de 1954 desembarcou no porto da Guaira, co seu título de mestre e o primeiro ano de Dereito cursado na Universidade de Santiago de Compostela. Os cartos non chegaban para a súa continuidade académica, polo que finalmente escolleu a alternativa fornecida polo feito de emigrar. Aquela viaxe a Venezuela marcaría toda a súa vida. Foi un claro exemplo de integración na nova sociedade caraqueña, de simbiose coa cultura crioula, sen esquecer nunca as súas raíces. Traballou no entón chamado Consejo Venezolano del Niño. Alí foi mestre, guía e titor de adolescentes en situación irregular. Trátase, sen dúbida, dun traballo bastante delicado que precisa moita dedicación. Licenciouse na Escola de Traballo Social da Universidade Central de Venezuela, o que lle facilitou o seu ingreso no Banco Obrero e no INAVI ata a súa xubilación. Foi profesor na Universidade Central de Venezuela e na Metropolitana. A outra marxe da súa vida laboral estaba estreitamente ligada á Hermandad Gallega de Venezuela, formando parte da seu Consello Directivo durante varias lexislaturas. Nos anos 90 retornou a Galicia co seu fillo menor, Félix, e coa súa muller, Graciela Hernández, venezolana “de pura cepa” e a súa fiel acompañante no periplo de volta á terra. Tras o retorno, Serafín publicou cinco libros relacionados coas súas vivencias e experiencias en Venezuela e as doutros galegos que destacaron na colectividade. "Reflexiones sobre emigrantes retornados" foi a súa última publicación, na que trata o fenómeno do regreso a Galicia.
Hostal-restaurante Canaima, Vigo, ca. 1998
Hostal-restaurante Canaima, Vigo, ca. 1998

O retorno das e dos emigrantes galegos non sempre se presenta de igual forma, está determinado baixo condicións diversas, que van desde a situación política e socioeconómica, que exerce de factor de expulsión do país de destino, ata causas moito máis íntimas, como o desexo de retornar á terra por causa da morriña ou simple cambio de etapa vital. En numerosas ocasións o retorno non é de anciáns senón de galegos en idade activa. Nestes casos, o retorno non é só físico, senón que leva consigo experiencia laboral, cartos aforrados e gañas de emprender un negocio propio. Establecementos coma este chaman a atención sobre experiencias vividas lonxe da terra e lémbrannos que para os seus donos pagou a pena volver. A través deses nomes gardan anaquiños doutras terras e recordan a súa condición de emigrantes.
Por fin chegamos! E agora que facemos?
Por fin chegamos! E agora que facemos?

A experiencia laboral adquirida no país de emigración impulsou a moitos emigrantes retornados a establecer o seu propio negocio preto do lugar de orixe ou nas principais cidades galegas. Podemos observar ao longo da xeografía galega numerosas ferraxarías, lavandarías, hostais, bares e restaurantes con nomes dos lugares de destino nos que viviron os seus propietarios na condición de emigrantes. O feito de poñer eses nomes era un indicador de que a súa experiencia na emigración foi satisfactoria e engadíanlle certo carácter emotivo, adquirindo unha especie de connotación de homenaxe ao lugar que os recibiu e do que trouxeron os cartos para montar a súa empresa familiar.
O asociacionismo de emigrantes retornados como ferramenta de integración social
O asociacionismo de emigrantes retornados como ferramenta de integración social

Un dos aspectos menos estudados do fenómeno migratorio é o retorno, sobre todo o caso concreto da integración social dos emigrantes tras o seu regreso a Galicia. As dificultades de adaptación do retornado vanse superando co apoio de familiares e amigos pero tamén existen outros mecanismos para axudar a refacer a nova vida en todas as esferas. Ademais do contorno máis próximo, o asociacionismo forma unha parte importante dentro da organización do novo universo dos galegos e galegas que volven reconstruír o seu novo fogar, atopar unha vivenda ou un traballo se a idade llelo permite. Os intereses comúns fan que se organicen como colectivo específico e creen asociacións de carácter basicamente cultural-recreativo, asistencial e reivindicativo. A participación e o volume de socios non son comparables ao caso das sociedades de emigrantes galegos nos distintos países de destino. Vemos aquí un carné de socio da Asociación de Emigrantes Retornados Marusía, creada en 2001 por un grupo de emigrantes retornados de Suíza.
Acta fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 31 de decembro de 1871
Acta fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 31 de decembro de 1871

O 31 de decembro de 1871 reuníronse nun salón do teatro Albisú da capital cubana un grupo de 37 homes de prol da colectividade galega residente na illa de Cuba co fin de fundar unha entidade benéfica co nome de Asociación de Beneficencia de Naturales de Galicia. Nesta reunión foi elixido D. Ambrosio Tomati como presidente provisional e decidiuse dar a coñecer os seus propósitos para que os emigrantes con máis medios se unisen á dita obra. A súa primeira xunta xeral de socios realizouse o 21 de xaneiro de 1872 no Casino Español e alí aprobouse a comisión para redactar o seu primeiro regulamento social. Ademais foi elixida a primeira xunta directiva, integrada, entre outros, por Juan Mes como presidente, José García Barbón como tesoureiro e Juan Prieto Canel como secretario.
Retratos de varios fundadores e directivos da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1879
Retratos de varios fundadores e directivos da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1879

Nesta composición vemos a directiva de 1879 da entidade formada, de esquerda a dereita, por Francisco Lóriga y Taboada, presidente da entidade; José García Barbón, tesoureiro, e abaixo, Francisco Lamigueiro, vogal, e Juan Álvarez Baldanero, secretario. Todos eles eran destacados membros da colectividade galega asentada na illa. Francisco Lóriga era un importante avogado, que foi senador polas provincias de Santa Clara (1879-1881) e Porto Príncipe (1881-1886). Tamén foi nomeado presidente da Real Audiencia Territorial de La Habana en 1885. Dende os seus postos favoreceu a actividade benéfica e filantrópica da sociedade e apoiou a causa dos galegos e galegas na illa. José García Barbón, importante banqueiro e home de negocios, foi un dos socios benfeitores da entidade, apoiando con parte da súa fortuna moitas das súas actividades. Outras figuras importantes foron Juan Álvarez e Francisco Lamigueiro, que era comandante do primeiro Batallón de Artillaría de Voluntarios da Habana.
Regulamento social, aprobado pola xunta xeral de socios o 21 de decembro de 1879
Regulamento social, aprobado pola xunta xeral de socios o 21 de decembro de 1879

Este regulamento é o máis antigo que se conserva nos fondos documentais da institución e foi dixitalizado na Habana polo Arquivo da Emigración Galega. Con este regulamento aparecen as normas para o funcionamento da entidade, a elección de directivos e os deberes dos socios. O fin primordial da sociedade era “proporcionar socorros a los naturales de Galicia y a los hijos de éstos”, previa solicitude por escrito e acreditación de que vivían na illa de Cuba. Contemplan tamén que se poderá atender aos naturais doutras provincias pero terán prioridade os galegos e galegas e sempre que os fondos o permitan.
Para ser considerados como socios activos debían pagar unha cota mensual de un peso, pero se non pagaban dous recibos consecutivos, eran dados de baixa como tales e xa non podían percibir as prestacións debidas.
Secretaría da entidade, ca. 1922
Secretaría da entidade, ca. 1922

A SBNG alugou varias oficinas onde reunirse para xestionar as súas actividades a prol dos emigrantes máis necesitados pero nunca contou cunha sede social propia, que implicaba numerosos gastos tanto na súa compra coma no seu mantemento. Dedicou todos os seus fondos a axudar aos máis necesitados. Dende a fundación do Centro Galego da Habana, tiveron unha traxectoria moi ligada, compartindo moitas veces directivos e moitos membros eran socios de ambas as dúas entidades. Dende 1922 contou cun espazo no Palacio do Centro Galego, onde se instalou a secretaría e despachos varios. Aínda hoxe ten a súa sede no mesmo edificio. A Beneficencia contaba con acordos co Centro Galego para que os seus socios puidesen acceder aos servizos sanitarios de La Benéfica.
Socio nº 884 da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
Socio nº 884 da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia

Coma no resto de asociacións étnicas, o rexistro de socios é un instrumento imprescindible para o control de ingresos, evolución do número de asociados, organización das distintas actividades e posta en marcha de iniciativas sociais. O proceso de identificación de socios leva consigo a utilización de fichas cos correspondentes datos persoais de cada asociado e asociada. Vemos aquí un exemplo en que este socio ourensán de 44 anos ten adxudicado o número 884 e a súa afiliación coa Sociedad de Beneficiencia de Naturales de Galicia é proposta por dous socios máis antigos. Os datos que se rexistran de cada asociado corresponden ao nome completo, idade, familiares, domicilio actual e os cambios deste en caso de producirse, para poder enviarlle a correspondencia relacionada cos diferentes actos da dita sociedade, convocatorias para asistir ás asembleas da entidade, así como a súa localización por calquera outra razón.
Rexistro de Socorros, 1936
Rexistro de Socorros, 1936

A Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia levaba un rexistro de socios numerados que percibían axudas económicas pola súa difícil situación, moitos deles hospitalizados na Benéfica do Centro Galego da Habana. A información que conteñen os libros de rexistro de socorros fai referencia aos seguintes datos: nome completo dos e das beneficiarias, idade, estado civil, fillos, antigüidade, lugar de orixe (vila, concello, provincia), domicilio, cantidade entregada e algunha observación sobre a súa situación ou denegación da axuda.
A principal fonte de recursos desta sociedade de emigrantes galegos en Cuba era a cota dos asociados, ademais dos ingresos extraordinarios dos seus festivais anuais nos que se realizaban donativos especiais e o legado de distintos socios dos que a SBNG era beneficiaria, unha vez falecidos.
Recibo de solicitude de ingreso na Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1932
Recibo de solicitude de ingreso na Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1932

No Regulamento de 1932 aparece recoñecido que poderán ser socios da entidade, con plenos dereitos, tanto os homes como as mulleres: “podrán pertenecer a esta Sociedad todas las personas de uno u otro sexo que lo soliciten y sean admitidas por la Junta Directiva”. Nos anteriores só se contemplaba que as mulleres podían solicitar axuda á entidade como familiares dos socios inscritos, e non aparecían nos rexistros de asociados agás como viúvas ou fillas orfas dos antigos socios. Así, Amalia Alonso Álvarez solicita a súa inscrición como socia avalada por dous socios.
Os socios estaban clasificados como socios de número: aqueles nacidos en Galicia ou oriúndos, que inscritos na asociación pagaban a súa cota mensual; os protectores, que aínda que non nacesen en Galicia estaban inscritos na sociedade, e os bienhechores, os acreditados como tales pola directiva grazas aos servizos prestados á institución.

Memoria social correspondente ao ano 1931. Aniversario LX
Memoria social correspondente ao ano 1931. Aniversario LX

As memorias sociais constitúen unhas ferramentas informativas que dan conta da organización económica e das actividades e distintas iniciativas emprendidas, neste caso pola Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Nelas a xunta directiva expón aos socios as actividades executadas pola asociación durante todo o ano anterior nos seus distintos ámbitos de actuación, por exemplo: o movemento de socios, solicitudes de socorro e pasaxes para repatriacións, relación de donativos por cota dobre ou extraordinaria, tanto de socios particulares como de distintas asociacións de emigrantes galegos inscritas tamén como socias. Ademais, aparece a relación de propiedades doadas por socios tras o seu pasamento, o capital social e a relación de operacións realizadas para obter o seu incremento.
As festas organizadas pola entidade son descritas con detalle, xunto á relación de donativos recadados durante a súa celebración. Outros datos publicados na Memoria social fan referencia á relación de gastos da entidade, a de profesionais dos distintos ramos que prestaban servizos gratuítos (médicos, dentistas, avogados, notarios ou enxeñeiros) ou a listaxe de socios falecidos.

Festa da Música galega no Gran Teatro Nacional, A Habana 1935
Festa da Música galega no Gran Teatro Nacional, A Habana 1935

Cada 25 de xullo tiña lugar a tradicional Festa de Santiago no Teatro Nacional. Os asistentes podían gozar dun festival de música tradicional galega, ademais dunha función teatral. O diñeiro recadado tras a celebración do acto ía destinado á obra benéfica tan característica da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Esta institución filantrópica leva exercendo a caridade durante toda a súa existencia, prestaba auxilio tanto aos residentes na illa como aos que quedaron en Galicia. A celebración desta festa tiña un dobre propósito: divertirse e axudar aos máis necesitados: “Que la alegría y el contento de este día sea consuelo y alivio de aquellos compañeros nuestros de emigración, que cayeron a nuestro lado, vencidos en la lucha”.
Neste programa do 25 de xullo do ano 1935 contémplase a actuación da Banda del Cuartel General, a Estudiantina Cuba, o concerto da Sociedad Coral de la Habana e da Orquesta Filarmónica de La Habana. Todas estas agrupacións interpretaron música tradicional galega para amenizar este día.

Un Día de Galicia no trópico habaneiro. Festa de Santiago Apóstolo, A Habana, 1941
Un Día de Galicia no trópico habaneiro. Festa de Santiago Apóstolo, A Habana, 1941

Programa festivo da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, con motivo da celebración da Festa de Santiago Apóstolo. Na organización desta tradicional conmemoración do Día de Galicia tamén adoitaban participar todos os compoñentes artísticos da Sección de Belas Artes do Centro Galego da Habana. A dita festa tiña lugar cada 25 de xullo no Gran Teatro Nacional, onde se celebraban funcións teatrais e musicais, como a actuación do coro típico galego da Agrupación Artística Gallega, que amenizaban a citada conmemoración, ao mesmo tempo que se recadaban fondos destinados para os socios máis necesitados.
Un descanso asegurado. Cemiterio Cristóbal Colón, A Habana, 1942
Un descanso asegurado. Cemiterio Cristóbal Colón, A Habana, 1942

Baixo a presidencia de José Moure y Saco adquiriuse o terreo do que chegaría a ser o panteón social da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, concretamente no ano 1933, no emblemático Cemiterio Cristóbal Colón. O comezo das obras tivo lugar dous anos máis tarde e finalizou en 1936 baixo a presidencia de Juan Varela Grande. Debido a que o número de asociados ía en aumento, a sociedade viuse na necesidade de mercar un terreo anexo en 1940, onde se fixeron as obras de ampliación, que rematarían en 1941.

Carta da directiva da SBNG a unha beneficiaria dun auxilio póstumo, 30 de xullo de 1946
Carta da directiva da SBNG a unha beneficiaria dun auxilio póstumo, 30 de xullo de 1946

Nesta carta solicítase a María Grueiro de la Maza, filla dun socio falecido, unha serie de documentos que acrediten a súa identificación así como que o seu pai estaba ao día no pago das cotas sociais para poder percibir a axuda tras a súa morte. Tal e como se recolle nos estatutos sociais, serán beneficiarios deste auxilio as nais, viúvas ou viúvos e fillos menores de ambos os sexos, que acrediten atoparse sen recursos e imposibilitados para o traballo, segundo considere a xunta directiva. A cantidade será en función da antigüidade do asociado, cun máximo de 15 pesos mensuais.

Integrantes do Comité de Damas da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, correspondente ao ano 1944
Integrantes do Comité de Damas da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, correspondente ao ano 1944

No voceiro social da entidade, La Vida Gallega en Cuba, publicábase en todos os números a fotografía dos membros dos comités de damas. Estaban integrados polas socias máis relevantes, moitas delas eran esposas, viúvas ou fillas dos directivos. Elas encargábanse de organizar actividades festivas e recreativas para a recadación de fondos e poder levar a cabo as diversas axudas aos máis necesitados ou para o mantemento do panteón social. Daban ademais prestixio á entidade participando en numerosos actos recreativos e filantrópicas da colectividade.
La Vida Gallega en Cuba. Órgano oficial de la Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 25 de xullo de 1950
La Vida Gallega en Cuba. Órgano oficial de la Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 25 de xullo de 1950

Revista societaria que recolle información sobre temas e actividades da entidade promotora e sobre Galicia (cultura, lingua, historia etc.). Ademais pódense atopar balances financeiros, listaxes nominativas dos contribuíntes, informes sobre o labor social, a distribución de axudas, acordos das Xuntas xerais e directivas etc. Inclúese tamén unha listaxe nominativa das persoas inhumadas no panteón, ofrecendo o nome, idade, data de inhumación e a súa procedencia (cando son galegos identifícase o concello e a provincia).

Aguinaldo de Noiteboa, A Habana, 1949
Aguinaldo de Noiteboa, A Habana, 1949

A chamada Festa do Aguinaldo era celebrada antes do Nadal, co fin de recadar donativos en efectivo e en especies para os paisanos máis necesitados. Destacados membros dos sectores comerciais e sociais facían xenerosas contribucións que se convertían en espléndidos aguinaldos, polo menos durante as tradicionais Pascuas. Os donativos en especies eran proporcionados por membros da colectividade que, en xeral, tiñan o seu propio negocio ou empresa. Como exemplo das ditas especies temos: caixas de leite, queixo, aceite, arroz, figos, barras de goiaba, fariña de millo, azucre, noces, garavanzos, xudías, chícharos, café, viño doce, xabón ou tabaco.
O repartimento do citado aguinaldo tiña lugar o día 24 de decembro a primeira hora da mañá e adoitaba ser nos salóns da planta baixa do Centro Galego da Habana. Distintos asilos tamén eran obsequiados con toda clase de especies e un donativo en efectivo para cada un dos residentes galegos alí recluídos.

Festa da Caridade da Beneficencia Galega, A Habana 1958
Festa da Caridade da Beneficencia Galega, A Habana 1958

Coñecida como a “Grandiosa Romería Gallega” era celebrada no xardín da cervexaría “La Tropical”. Trátase dunha festa moi concorrida que era convocada cada mes de abril. Os membros da colectividade galega na illa eran invitados para asistir a esta festa e pasar bos momentos entre familiares, amigos e demais paisanos. Coa compra da entrada non só quedaba asegurado o divertimento en momentos de ocio para lembrar as tradicións galegas da terra, senón tamén ese gran de area que axudaba a levar “consuelo a muchos infortunados”. A través deste evento, organizado pola SBNG, incrementábanse os fondos para a grande obra benéfica practicada con centenares de “infortunados sin alivio”. O desfile de automóbiles americanos, típicos e rechamantes polo seu deseño moderno e grandes dimensións, era característico. A madriña social da Benéfica e as súas damas de honor saudaban con agradable sorriso desde os flamantes coches coa capota recollida. A caravana partía do Centro Galego da Habana e percorría as rúas da capital ata chegar aos xardíns de “La Tropical”.
A medio día os merendeiros xa estaban ocupados por distinguidas familias de asociados e as súas amizades. A cervexa cubana Cristal, habanos, viño galego, sidra asturiana e empanada galega estimulaban o apetito. Os comensais estaban entusiasmados e cantaban fermosas cancións da terra, amenizadas por grupos de gaiteiros que lles daban o matiz enxebre.
Sobre a unha da tarde as orquestras iniciaban o baile para as persoas que querían seguir desfrutando do día. Tamén comezaba a famosa tómbola, chea de regalos para os máis afortunados.

Recibo do pago da cota social, 1 de xaneiro de 1960
Recibo do pago da cota social, 1 de xaneiro de 1960

Os socios da Beneficencia debían acreditar o pago das cotas do último mes e presentar o seu carné de asociado para poder ser beneficiario dos dereitos sociais. Ademais dos particulares, as numerosas asociacións parroquiais de emigrantes galegos podían asociarse para contribuír aos fondos da entidade. O Círculo Habanero de la Devesa colaboraba coa entidade dende 1934. Neste recibo vemos tamén a boa relación entre as diversas asociacións benéficas e de axuda mutua da colectividade, pois promocionan e animan aos seus socios a inscribirse no Centro Galego e en Hijas de Galicia.

Panteón social de “Naturales de Galicia”, cemiterio Colón, A Habana, 1963
Panteón social de “Naturales de Galicia”, cemiterio Colón, A Habana, 1963

Nesta imaxe aparecen varios membros da SBNG diante do panteón social. Construído en 1936, trátase dun dos máis amplos e vistosos monumentos funerarios do cemiterio Colón. O material empregado para a súa construción foi granito natural noruegués e mármore. Está composto por 472 nichos e ten capacidade para 1121 osarios. Aínda que non se aprecia na fotografía, en cada esquina aparecen esculpidos os escudos das catro provincias galegas e no centro hai unha escultura en bronce que representa a unha familia aflixida.
A maioría dos xardineiros do cemiterio eran galegos, asistían os enterramentos e facíanlles aos panteóns particulares e aos das sociedades un mantemento mensual. Pertencían ao “Club de Jardineros del Cementerio de Colón”, eran sepultureiros de oficio e o seu posto de traballo pasaba dunha xeración a outra. Tiñan unha casa propia cun local para reunións e o resto da edificación destinábano ao alugamento.

Xunta directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia de 1959
Xunta directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia de 1959

Presidida por Rosendo Varela Álvarez, fillo de Juan Varela Grande, un dos máis importantes presidentes da entidade nos anos 40 e 50, esta directiva tivo que asumir un profundo cambio na marcha da entidade. As leis cubanas, tras o triunfo da revolución castrista, non son favorables á existencia deste tipo de entidades benéficas na illa e pasan a gravar con impostos as rendas que estas viñan obtendo polo alugueiro das súas propiedades, polo que os seus ingresos quedaron moi diminuídos.
A Beneficencia contaba, para levar a cabo o seu meritorio labor de axuda aos máis necesitados, cos ingresos pola cota dos socios, pero sobre todo cos fondos recadados nos festivais e romarías organizados para este fin e coas doazóns de antigos socios. Moitos destes legados eran propiedades inmobiliarias que se alugaban e que achegaban unhas rendas importantes para o funcionamento da sociedade.
Co cambio de réxime, víronse reducidos os ingresos e en pouco tempo as súas propiedades foron expropiadas, polo que a súa función de axuda quedou moi dificultada.

Reunión de socios da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, ca. 2002
Reunión de socios da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, ca. 2002

A reunión estivo presidida por Alfredo Gómez Gómez, no centro da fotografía. Alfredo Gómez emigrou a Cuba en 1957 dende Becerreá (Lugo) para traballar co seu tío. Coa súa presidencia logrou manter a sociedade activa. Neste novo milenio a sociedade benéfica ten que loitar co paso do tempo e as circunstancias económicas da illa. A maior parte dos socios son descendentes dos emigrantes galegos e galegas, e enfróntanse a un problema de envellecemento. Por outra lado, as necesidades son cada vez maiores e a consecución de fondos faise moi complicada. A Beneficencia continúa a ter as súas oficinas no antigo palacio do Centro Galego da Habana, onde xestionan as axudas aos seus socios máis necesitados e o mantemento do panteón social, auténtico orgullo para eles.
Buque transatlántico Santa Maria, Tenerife,  ca.1970
Buque transatlántico Santa Maria, Tenerife, ca.1970

O transatlántico Santa Maria foi construído en Bélxica pola Société Anonyme John Cockerill no ano 1953. A Companhia Colonial de Navegação (CCN) foi unha empresa de navegación portuguesa fundada en 1922 e extinguida en 1974, para fusionarse coa Empresa Insulana de Navegação (EIN) e formar a denominada Companhia Portuguesa de Transportes Marítimos (CPTM). O barco tiña dúas hélices, unha potencia de 25.500 cabalos e un custo de sete millóns de libras esterlinas. Transportou milleiros de pasaxeiros de diversas procedencias durante vinte anos. Tiña escalas programadas na súa ruta regular entre Europa, América do Sur e os Estados Unidos (Lisboa – Vigo – Funchal – Tenerife – La Guaira – Curaçao – Everglades – Tenerife – Funchal – Vigo – Lisboa), xunto do seu homólogo, o Vera Cruz. Era o barco máis moderno que atracaba na Guaira (Venezuela), país de destino de milleiros de emigrantes galegos e galegas entre 1948 e 1973. Tiña aloxamento para 8 pasaxeiros en clase de luxo, 148 en primeira clase, 226 en segunda clase, 200 en terceira e 600 en terceira clase suplementaria, un total de 1182 pasaxeiros e 293 tripulantes.
Folleto publicitario do buque Santa Maria, sen data
Folleto publicitario do buque Santa Maria, sen data

A navieira portuguesa Companhia Colonial de Navegação publicaba estes folletos para dar a coñecer as rutas da súa frota de buques de transporte de pasaxeiros entre Europa e América. O Santa Maria, botado en 1953, contaba con todos os adiantos técnicos da época, e era un dos seus barcos máis rápidos e luxosos.
Como aparece neste folleto, o transatlántico cubría principalmente a chamada ruta caribeña, con amarres nos portos de Vigo, Lisboa, Madeira, Tenerife, A Guaira en Venezuela, Curaçao, San Xoán de Porto Rico e Miami. Ofertaba unhas instalacións modernas e de gran calidade, con capacidade de máis de 1100 pasaxeiros e unha tripulación de 293 persoas para os atender coa maior eficacia.
Billete de pasaxe de emigrante para viaxar no transatlántico Santa Maria, 1957
Billete de pasaxe de emigrante para viaxar no transatlántico Santa Maria, 1957

No porto de Vigo embarcaban como pasaxeiros numerosos emigrantes galegos, que viaxaban na súa maioría en terceira clase, coma neste caso, mais tamén en segunda ou primeira, segundo as súas posibilidades económicas.
O barco contaba con todas as comodidades, que facían que a viaxe cara ao novo país de destino permanecese como unha experiencia moi positiva nas lembranzas dos emigrantes que nel viaxaban. Nada tiña que ver a travesía alén mar nesta altura coa que tiveran que padecer milleiros de galegos e galegas no seu traxecto cara a América no século XIX, e aínda na primeira década do século XX.
Cafetaría do Barco Santa Maria, 3ª clase
Cafetaría do Barco Santa Maria, 3ª clase

O transatlántico Santa Maria tiña a categoría de barco de luxo. Os emigrantes galegos e portugueses ocupaban, sobre todo, a segunda e terceira clase. Os camarotes de primeira clase e o resto das instalacións, como comedores ou salóns de festa, eran ocupados polo xeral por pasaxeiros norteamericanos. Ao se tratar dun navío de alta gama, todas as súas instalacións eran confortables. A vida a bordo dos pasaxeiros durante o secuestro padeceu algunhas carencias, como a utilización da auga potable, cuxo uso foi limitado para beber e suprimido para a hixiene persoal. Canto ás comidas, reduciuse o número de pratos nos xantares e ceas. Polo demais, mantíñanse o resto das rutinas, incluídas as do lecer.
<cite>Jornal do “Santa Maria”</cite>, publicado pola tripulación do barco para os pasaxeiros da nave, 1961
Jornal do “Santa Maria”, publicado pola tripulación do barco para os pasaxeiros da nave, 1961

A tripulación do barco publicaba este xornal para informar os pasaxeiros das actividades organizadas para o seu desfrute, ademais de dar consellos de boas maneiras para ter unha boa viaxe, notas de cociña, textos literarios ou noticias de deportes.
Este número, en concreto, foi redactado polo comando que secuestrou o buque e distribuíuse aos pasaxeiros o día 24 de febreiro. Na segunda páxina informaba sobre as intencións do secuestro, e sostiña a lexitimidade do secuestro político do buque e da súa loita contra do réxime de Salazar. Para tranquilidade dos pasaxeiros, deixa claro que aqueles que o desexaren poderían desembarcar nun porto neutral, sen danos de ningún tipo.
No escrito figura que o comando estaba ao mando do capitán Henrique Galvão, como representante do xeneral Humberto Delgado, presidente electo de Portugal, e do DRIL.
Triunvirato ibérico en alta mar
Triunvirato ibérico en alta mar

O 24 de xaneiro pola noite a emisora BBC deu a nova de que o barco “Santa Maria” estaba localizado. Os comandos traballaron toda a noite no comunicado dirixido ao secretario xeral da ONU. Queríase demostrar que o DRIL non quería o botín do barco, senón que as súas aspiracións eran doutro nivel. Na mañá do 31 de xaneiro o Santa Maria tivo contacto visual cun dos buques de guerra estadounidenses que o “coidaban”. O contraalmirante Allen Smith subiu a bordo do Santa Maria, como representante do presidente John F. Kennedy (6ª Frota dos EUA), para negociar xunto cos comandos principais do DRIL, a posibilidade de desembarco. Foi recibido cos himnos portugués, galego e a Marcha de Riego. A xuntanza durou tres horas, tempo abondo para que Smith manifestase en Recife que non se trataba dun acto de pirataría, senón dun movemento revolucionario oposto ás ditaduras española e portuguesa. O 1 de febreiro chegou un telegrama do presidente brasileiro Jânio da Silva Quadros, que autorizaba que o barco atracase en Refice e desembarcasen os pasaxeiros. Antes de chegar ao poder, Jânio Quadros reunírase con Velo, Galvão, Sotomaior e outros membros do DRIL no hotel caraqueño “Tamanaco”. Alí prometeulles que, cando chegase a ser presidente de Brasil, contarían con el para apoiar a causa contra a ditadura.
Xosé Velo Mosquera, o ideólogo da operación (Celanova, 21 de abril de 1916 - São Paulo, 31 de xaneiro de 1972)
Xosé Velo Mosquera, o ideólogo da operación (Celanova, 21 de abril de 1916 - São Paulo, 31 de xaneiro de 1972)

O galeguista Xosé Velo Mosquera tivo unha importante actividade antifranquista, pola que padeceu torturas e o cárcere. Após a súa liberación en 1946 marchou a Portugal, onde de novo foi detido e levado ao Forte de Caxias. A través da organización de dereitos humanos “Unitarian Service” e o apoio do escritor e político venezolano Rómulo Gallegos, obtivo o pasaporte de emerxencia, que lle posibilitou a entrada en Venezuela.
El mesmo consideraba que ata que o réxime de Franco fose derrocado non podería volver á súa terra, como era o seu desexo. Foi un dos fundadores do DRIL, que tiña como obxectivo principal dar cabo ás ditaduras da Península Ibérica. Unha das accións sería a Operación Dulcinea. No seu apartamento caraqueño do Edificio Baute tiveron lugar as xuntanzas de galegos, españois e portugueses membros do DRIL, co fin de unírense e propoñeren o seu propio pacto como alternativa aos réximes de Franco e Salazar. Velo propuxo accións militares, e decidiron así secuestrar o Santa Maria. Durante os días de secuestro do barco, Velo pasaba moitas horas socializando cos pasaxeiros das diversas clases, explicáballes devagar os obxectivos do movemento revolucionario e mais as posibilidades existentes para poder derrubar os réximes ditatoriais. A súa proximidade espertaba moitas simpatías entre os pasaxeiros e abríase un animado debate.
Retrato de José Fernández Vázquez, máis coñecido como <cite>comandante Soutomaior</cite>, ca. 1961
Retrato de José Fernández Vázquez, máis coñecido como comandante Soutomaior, ca. 1961

Militar de formación, foi tenente da Armada republicana durante a Guerra Civil. Unha das súas misións máis coñecidas foi a defensa da ría de Arousa. Durante a II Guerra Mundial estivo en Francia, onde combateu coa Resistencia. Logo de ser apresado, foi internado no campo de exterminio de Auschwitz, onde porén conseguiu sobrevivir. Rematada a guerra exiliouse en Venezuela. Como membro fundador do DRIL, o comandante Soutomaior tivo un papel destacado no secuestro do Santa Maria, pois era o único dos integrantes do comando que tiña coñecementos e experiencia para tripular un barco. Algunhas fontes suxiren que del partiu a idea de navegar en zigzag, para non seren localizados. Despois da liberación do barco obtivo asilo no Brasil e morou uns anos en Cuba, onde traballou como profesor universitario. En 1978 publicou o libro Yo robé el Santa Maria, onde relata as súas experiencias e a finalidade do secuestro. Morreu en Caracas en 1986.
Publicación do Manifesto do Consello Xeral do DRIL, 1962
Publicación do Manifesto do Consello Xeral do DRIL, 1962

O nacemento do DRIL foi unha sorte de resposta ao pacto ibérico asinado polas ditaduras de Franco e Salazar. Autodefiniuse como “Una organización de lucha antifascista, y, por consecuencia, de origen, naturaleza y signo democráticos, integrada por hombres y mujeres de diferentes ideologías políticas, credos religiosos que, comprendiendo la urgente necesidad de derrocar a las tiranías ibéricas, se han unido para obtener la libertad de sus patrias y el derecho a gobernar el producto de su trabajo”. Artigo primeiro da Declaración de principios do DRIL.
O Santa Liberdade durante 12 días, 1961
O Santa Liberdade durante 12 días, 1961

Con este nome foi bautizado o buque unha vez que foi tomado polo DRIL, o que representaba o ideal de liberación dos pobos ibéricos das ditaduras franquista e salazarista, e tamén dos territorios colonizados en Africa por ambos os dous Estados. Esa arela non estivo exenta de momentos tráxicos. A prensa internacional anunciaba o motín a bordo do navío portugués Santa Maria, unha vez que materializou as súa captura e control, cando navegaba próximo á illa de Santa Luzia. Infelizmente, produciuse a morte dun dos oficiais que ofreceu resistencia e outros dous ficaron gravemente feridos. En Santa Luzia deixaron en terra os feridos e varios tripulantes, e o barco continuou cara a un destino “descoñecido”.
Periplo marítimo logo da captura do navío Santa Maria, 1961
Periplo marítimo logo da captura do navío Santa Maria, 1961

Após a toma da ponte de mando e da estación radiotelegráfica, tivo lugar un tiroteo que provocou a morte do terceiro oficial, João José do Nascimento Costa; outras dúas persoas resultaron feridas. Os asaltantes dispararon tamén ao médico do Servizo de Emigración, Cícero Campos Leite, e ao practicante de piloto, João António Lopes. O 23 de xaneiro o buque achegouse á illa de Santa Lucía para desembarcar os dous feridos graves, acompañados de cinco tripulantes. Nun comezo, os dirixentes da Operación Dulcinea pensaron en non facelo, por medo ao navío ser localizado. Isto suporía comprometer a posibilidade de chegar á costa africana, como se planificou no trazado da ruta inicial. Finalmente, valoraron ese feito como unha oportunidade de captar a atención mediática internacional.
Como se podía prever, o día 25 de xaneiro o transatlántico cruzouse cun cargueiro dinamarqués e foi descuberto. Iso permitiu que un avión estadounidense localizase a súa posición unhas horas despois. Finalmente, o 2 de febreiro, o "Santa Maria" fondeou no porto brasileiro de Recife. Ao día seguinte os rebeldes obtiñan o asilo político e o "Santa Maria" regresaba a terras portuguesas.
Avión das Forzas Aéreas norteamericanas escoltando o Santa Maria, ca. 26 de xaneiro de 1961
Avión das Forzas Aéreas norteamericanas escoltando o Santa Maria, ca. 26 de xaneiro de 1961

A intención dos secuestradores era pasar desapercibidos na travesía do barco cara a Africa. O factor sorpresa era clave para o éxito da operación. Porén, logo do desembarco dos tripulantes feridos en Santa Lucía, todo se complicou. E o mundo coñeceu a través da prensa internacional toda a historia.
Os EUA, baixo a batuta dun John F. Kennedy que acababa de asumir a presidencia, decidiu ter a nave baixo vixilancia e control, mais non asaltala, como lle esixía o Goberno portugués. Actuou así de intermediario cos secuestradores, e apoiou a idea de que era un secuestro político e non un acto de pirataría, como defendían Salazar e Franco.
Bono de colaboración do DRIL
Bono de colaboración do DRIL

Os recursos que precisaba o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) non proviñan dunha única fonte de financiamento. Os propios membros da organización colaboraron na tarefa, sobre todo os que tiñan mellor situación económica, como era o caso de Soutomaior. Cumpría conseguir as armas e as pasaxes para subir ao barco. Bonos coma este serviron como doazón para contribuír á causa do movemento revolucionario.
Conferencia de prensa do capitán Henrique Galvão após a entrega do barco ao Goberno brasileiro, 2 de febreiro de 1961
Conferencia de prensa do capitán Henrique Galvão após a entrega do barco ao Goberno brasileiro, 2 de febreiro de 1961

Co paso dos días, a situación no barco era cada vez máis tensa entre os secuestradores e a tripulación. Á falla de combustible e ao racionamento de auga e alimentos engadíronse ás disensións tácticas entre Galvão e o chamado «clan galego», comandado por Velo e o comandante Soutomaior. Despois dunha entrevista con Galvão, o almirante norteamericano Smith decidiu aceptar a proposta de desembarcar a pasaxe e a tripulación en Recife. Contaban coa colaboración do Goberno de Jânio Quadros, amigo do xeneral Humberto Delgado, opositor a Salazar e outro dos dirixentes desta operación. Deste xeito, escoltado por naves da Mariña brasileira, o Santa Maria atracou no porto de Recife o 2 de febreiro, no medio dunha grande expectación dos xornalistas e da poboación local.
Henrique Galvão era un bo comunicador e coas súas declaracións logrou un grande impacto na opinión internacional.
Reportaxe da revista <cite>Paris Match</cite>, 4 de febreiro de 1961
Reportaxe da revista Paris Match, 4 de febreiro de 1961

Nesta capa anunciábase en exclusiva unha entrevista co capitán Galvão, considerado polos medios de comunicación como líder do secuestro, mentres permanecían na sombra as figuras dos outros dirixentes do DRIL, como Xosé Velo e Soutomaior. A entrevista levaba como título "A fantástica aventura de Galvão e dos piratas da revolución".
Aínda que co secuestro do buque non chegaron a levar ao cume o proxecto inicial, desencadear unha loita armada contra as ditaduras ibéricas, si acadaron unha ampla repercusión internacional da súa loita e que a opinión pública internacional se amosase a prol do DRIL. Todos os xornais publicaron amplas reportaxes co relato gráfico do que acontecía no barco e achegaban a imaxe dun grupo de revolucionarios utópicos que perseguían un ideal.
Militares brasileiros e membros do comando do DRIL durante o desembarco en Recife,  4 de febreiro de 1961
Militares brasileiros e membros do comando do DRIL durante o desembarco en Recife, 4 de febreiro de 1961

Secuestradores e soldados posan en boa relación coa bandeira de Portugal en primeiro plano. Logo do desembarco da pasaxe, aínda que nun comezo os secuestradores pensaban continuar a súa viaxe cara ao continente africano, as circunstancias obrigáronos a mudar de plan. A tripulación do Santa Maria tamén desembarcou, e o escaso número de membros do comando, 24 homes, facía imposible que puidesen gobernar a nave. A falla de medios económicos foi un factor determinante, ben como as disensións no grupo. O Goberno brasileiro ofreceulles asilo político se entregaban o barco ás autoridades, condición que os membros do DRIL deron en aceptar.
Pasaporte de Jorge de Soutomaior
Pasaporte de Jorge de Soutomaior

O 7 de febreiro de 1961 Jorge de Soutomaior recibe a documentación oficial no territorio nacional brasileiro. Este documento, expedido polo Serviço de Registo de Estrangeiros da cidade de Recife, garantiu o asilo permanente no Brasil, do que non fixo uso estrito, con Cuba e Venezuela como destinos logo dun tempo.
Morte ou reorganización do DRIL, Caracas, 11 xuño de 1961
Morte ou reorganización do DRIL, Caracas, 11 xuño de 1961

Dalgún xeito, o 3 de febreiro de 1961 comeza unha conta atrás na vida do DRIL. Logo do desmantelamento do movemento armado a bordo do Santa Maria e do desembarco dos membros do DRIL, ren sería igual. A converxencia inicial dos grupos que conformaron o Directorio dexenerou nunha división que se agudizaría cada vez máis. O ambiente de tensión e as desavinzas internas do grupo de comandos derivaron na necesidade de levar a cabo unha “reorganización”, polo que se creou a chamada Comisión de Dirección Colectiva. Exponse aquí a primeira Acta da xuntanza na que se tomaron os primeiros acordos na capital venezolana.
Capa do libro <cite>El asalto al “Santa Maria”</cite>, editado en Caracas en 1966
Capa do libro El asalto al “Santa Maria”, editado en Caracas en 1966

Este libro foi escrito por Francisco Rico, un dos membros do Comando do DRIL e protagonista do secuestro. Nel relata todo o acontecido durante este.
Aínda hoxe fican moitos aspectos deste episodio sen coñecer. Henrique Galvão concedeu numerosas entrevistas, mais apenas mencionou o papel dos galegos na operación. E o Comandante Soutomaior publicou en 1978 un libro sobre o tema.
Grazas á profesora e cineasta Margarita Ledo Andión, co seu documental «Santa Liberdade» de 2004, saíu do relativo esquecemento a importancia do grupo galego nesa aventura revolucionaria. Existen hoxe numerosos traballos de pescuda, realizados por Xurxo Martiz Crespo, Aser Álvarez, Xan Leira e Xavier Montanyà, entre outros, que salientan o protagonismo intelectual e táctico nos feitos do celanovés Xosé Velo.
 Chegada do Santa Maria a Portugal após a súa liberación, 1961-02-16
Chegada do Santa Maria a Portugal após a súa liberación, 1961-02-16

O barco e a súa tripulación foron recibidos con grandes mostras de xúbilo en Portugal. Logo do desembarque en Recife, a tripulación e os pasaxeiros foron trasladados no Vera Cruz, buque da mesma compañía navieira que se encargaría de os levar aos seus destinos. O Santa Maria foi entregado á navieira e o 16 de febreiro atracou no peirao de Alcântara, onde foi recibido por unha gran multitude. Despois de ser arranxado nuns estaleiros en Cádiz, axiña retomou as súas viaxes como barco de pasaxeiros e emigrantes cara a Venezuela, e permanece como un barco mítico no imaxinario popular.
Andrea López Chao, unha mestra galega en Cuba a prol da educación e do progreso das mulleres
Andrea López Chao, unha mestra galega en Cuba a prol da educación e do progreso das mulleres

Pouco se sabe da vida de Andrea López Chao, emigrante na illa de Cuba. Mais ela non foi unha de tantas mulleres sen estudos nin formación que na primeira década do século XX marcharon alén mar para traballar no servizo doméstico. A través da prensa temos noticia do seu labor como docente no Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana, do que chegou a ser directora. Moi integrada na colectividade galega, ocupou o cargo de vicepresidenta da sociedade Hijas de Galicia, entidade centrada na protección e coidado da muller emigrante.
Ademais colaborou activamente no movemento feminista cubano. En 1923 participou, en representación desta entidade, no I Congreso Nacional de Mulleres. Nel interveu cunha conferencia en que defendía o papel da muller como parte fundamental da familia e como elemento esencial para a educación dos fillos, futuros cidadáns; unha idea progresista para a época pois recoñecía o papel da muller na sociedade: “En una palabra, la familia, y en su seno la mujer, es la destinada a educar la generación que crece para honra, defensa y engrandecimiento de la Patria”.
Mercedes Vieito, xornalista pioneira na prensa da colectividade en Cuba, 1922
Mercedes Vieito, xornalista pioneira na prensa da colectividade en Cuba, 1922

A cubano-galega Mercedes Vieito Bouza naceu na Habana, filla duns humildes emigrantes naturais das Somozas que lle fomentaron a identidade galega desde moi pequena. Estes sentimentos de pertenza e orgullo por unha cultura e un país, que non chegou a coñecer ata finais de 1920, aparecen en todos os seus escritos na prensa da colectividade. Mais tamén se consideraba cubana plenamente integrada no seu país de nacemento. Na Universidade da Habana estudou maxisterio, profesión que exerceu coa creación dunha academia chamada "La Aurora" –nome que nos retrotrae ao concello natal dos seus pais–, dedicada ao ensino primario para nenos e nenas.
Como xornalista comezou a traballar en 1903 na revista Galicia, onde asina co pseudónimo de “Zoraida”. En 1910 publicou tamén en Eco de Galicia artigos en que chegaba ao corazón das masas de emigrantes chegadas á illa. Na súa defensa dun rexionalismo patriótico, promoveu cos seus escritos o envío de remesas para a creación de escolas e bibliotecas en Galicia e impulsou o movemento agrarista deste período. De 1930 ata 1934 foi nomeada directora da revista, o que supuxo un fito na prensa da colectividade.
Anisia Miranda, unha vida chea de literatura. Bos Aires, 1959
Anisia Miranda, unha vida chea de literatura. Bos Aires, 1959

Ese ano, aproveitando a visita de Ramón Otero Pedrayo a Bos Aires, na editorial Follas Novas organizaron varias actividades arredor da súa figura e dedicáronlle esta feira.
Anisia nacera en 1932 en Ciego de Ávila, de pais ourensáns. Para que ela puidese estudar, trasladáronse á Habana, onde fixo xornalismo e maxisterio. En 1953 a familia volveu coller as maletas e instalouse en Bos Aires. Alí Anisia integrouse nos círculos intelectuais da colectividade galega e coñeceu ao escritor Xosé Neira Vilas. Casaron en 1957 e ese mesmo ano inauguraron a editorial Follas Novas coa pretensión de promover a literatura galega e ampliar o mercado latinoamericano para os libros escritos na nosa lingua.
Co triunfo da Revolución castrista decidiron marchar para Cuba. Na Habana Anisia realizou un frutífero labor como xornalista e escritora, e chegou a colaborar con Alejo Carpentier na revista Pueblo y Cultura e a conducir un programa de radio; ademais foi cofundadora de dúas revistas cubanas dirixidas ao público infantil: Zunzún e Bijirita. Gozou dun grande éxito como escritora de literatura infantil e xuvenil, labor polo que é moi coñecida nas letras cubanas.
En 1972 viaxou por vez primeira a Galicia xunto co seu marido. En 1992 instaláronse aquí definitivamente e crearon a Fundación Xosé Neira Vilas.
<cite>A Bella Otero</cite> (Valga 1868 - Niza 1965). A raíña valguesa da escena
A Bella Otero (Valga 1868 - Niza 1965). A raíña valguesa da escena

Filla de nai solteira, Agustina Carolina del Carmen Otero Iglesias naceu na parroquia pontevedresa de San Miguel de Valga, o 4 de novembro de 1868. Viviu xunto á súa nai e catro irmáns. Tratábase dunha familia sumida na miseria. A súa nai, Carmen Otero Iglesias, era coñecida como “A piñeira”, pois alimentaba os fillos grazas a recoller piñas no monte e vendelas como combustible para facer lume e dar calor. O seu destino estivo marcado por un suceso nefasto de violencia, pois foi vítima dunha brutal violación no monte Terroeira, sendo aínda unha rapaza preadolescente, de once anos de idade. Logo do acontecido, foi trasladada ao Hospital Real de Santiago, debido a unha aparatosa e preocupante hemorraxia. As secuelas psíquicas e físicas, xunto ao rexeitamento de parte da veciñanza, foron un dos desencadeantes da fuxida da súa localidade. Existen varias versións sobre a forma en que a Bella Otero fuxiu de Galicia e descoñécense os detalles sobre a súa aparición en Barcelona e máis tarde en París. A historia da súa vida está envolta nun halo de fantasía e misterio. Fálase dunha historia de vida chea de datos autobiográficos inventados. O certo é que a súa sona tivo unha repercusión internacional. A Bella Otero logrou moverse en círculos culturais de vangarda da Belle Époque. A súa fermosura, destrezas artísticas, sedutora indumentaria e bo manexo de idiomas abraiaron a poderosos homes da elite; o que provocou que algúns perdesen a cordura e a fortuna. O seu ciclo vital pecharíase dun xeito pouco afortunado, en soidade e sen luxo, debido á súa afección polos xogos de casino, que a levaron á ruína. A pesar da condición económica na etapa final da súa vida, Carolina Otero non esqueceu a súa terra natal —á que nunca máis volveu—, pois deixou unha misiva, dirixida ao alcalde de Valga, na que manifestaba a súa intención de facer beneficiarios de súa herdanza os residentes máis pobres. O dito desexo non se cumpriría, xa que non tiña bens, nin cartos que achegar á comunidade menos favorecida de Valga. A Bella Otero morreu aos noventa e sete anos en Niza, o 10 de abril do ano 1965.
Sofía Casanova,  unha escritora de gran sona no seu tempo
Sofía Casanova, unha escritora de gran sona no seu tempo

Sofía Casanova naceu na Coruña en 1862 e moi nova trasladouse coa súa nai e irmáns a Madrid para que puidesen estudar. Con 15 anos xa asistía a reunións dos círculos intelectuais da capital e será nun destes faladoiros onde coñeza ao seu marido, o profesor e filósofo polaco Vicente Lutoslaswki, co que marchará vivir a Polonia. A actividade diplomática do seu home fai que viaxe a miúdo polas principais capitais europeas e viva os principais cambios históricos de finais do século XIX e primeira metade do XX. Convértese, así, nunha destacada xornalista ao escribir sobre todos os acontecementos que se estaban a producir: o sufraxismo, as loitas sindicais, a formación do Partido Comunista, a revolución rusa e as dúas guerras mundiais. Foi das primeiras periodistas correspondentes de guerra. Nos seus escritos podemos ver que se trataba dunha muller comprometida cos cambios sociais da súa época cunha clara postura pacifista e antibélica. Esta actividade como xornalista será o seu apoio económico tras o repudio do seu home. Tamén escribiu novelas, poesía e obras de teatro.
Ao longo da súa vida, pese a residir por toda Europa, non esqueceu a súa terra galega e pasou tempadas aquí gozando da paisaxe e dos amigos. En 1906, acabada de crear a Real Academia Galega, foi nomeada membro correspondente e en 1952 será declarada por unanimidade académica de honra, o que nos acredita a súa importancia como muller de letras.
Maruxa Mallo (Viveiro 1902 - Madrid 1995). Figura intensa e orixinal de vangarda da preguerra
Maruxa Mallo (Viveiro 1902 - Madrid 1995). Figura intensa e orixinal de vangarda da preguerra

Ana María Gómez González Mallo, así era o verdadeiro nome desta viveirense de nacemento. Formou parte dese grupo de mulleres que fixeron achegas igual de importantes de toda unha xeración, coñecida como a Xeración do 27. A súa condición de filla dun funcionario de aduanas fixo que o seu horizonte se vise ampliado desde pequena. Os destinos adxudicados ao seu pai foron todo un escenario de oportunidades para desenvolver o seu talento innato. Esta circunstancia persoal permitiulle estudar en Madrid, na Escola de Belas Artes de San Fernando. Inmersa nun ambiente cultural efervescente, toma contacto cos membros da Residencia de Estudiantes, como Federico García Lorca, que a introduce nas que el chamaba “Juergas Líricas”. Tratábase de reunións de estudantes nas que se daba renda solta a esas ideas dos que serían, nun futuro próximo, figuras sobresaíntes no panorama artístico español, por exemplo Dalí ou Buñuel, ademais doutros persoeiros transcendentes no mundo da arte, da literatura e do teatro. Maruxa chegaría a ser, sen dúbida, unha desas figuras pois a súa pintura causaba sensación. Na súa obra pictórica as mulleres adquiren un papel preponderante.
Maruxa saía dos patróns de conduta convencionais da época. Facía deporte como símbolo de modernidade e foi unha das pioneiras do chamado “sensombreirismo”, xunto a Margarita Manso, Dalí e Lorca, manifestación de ruptura de convencionalismos imperantes na sociedade madrileña. Desde moi cedo a súa obra pictórica impresiona aos entendidos da arte da época. En 1928 Ortega y Gasset organiza a exposición dunha mostra da obra de Maruxa, nas instalacións da Revista de Occidente, que alcanza eloxios da crítica máis prestixiosa. Vánselle abrindo portas e marcha a París cunha bolsa académica. Alí coñecerá a Miró, Magrit e André Bretón. Este último, pai do surrealismo, mercoulle o cadro titulado El espantapájaros, da serie pictórica “Cloacas y campanarios”. De regreso a España a súa obra afástase do surrealismo e entra nunha etapa marcada polas formas xeométricas, sendo as clases populares galegas a súa inspiración. Fai unha obra plástica en gran formato, na que recolle estampas do traballo do campo e do mar galego. Comparte o ideario da Segunda República, participa nas Misións Pedagóxicas e manifesta preocupación polas reivindicacións sociais, sendo fiel exemplo diso o seu cadro titulado "Sorpresa del trigo", inspirado nunha manifestación do 1º de Maio. Tras o golpe de Estado de 1936, Bos Aires sería o seu primeiro destino no exilio, grazas á axuda de Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Portugal. Neruda e outros intelectuais latinoamericanos serán as súas novas amizades, así como tamén varios membros da comunidade de exiliados galegos, como foi o caso de Luís Seoane. O seu exilio, ao contrario do de moitos galegos e galegas, foi bastante frutífero. Grazas aos seus contactos e recoñecemento artístico, viaxou por América do Sur e expuxo a súa obra en Nova York, París e Arxentina. A súa obra cobra un interese internacional. Nos anos 60 decide retornar a España e atópase con que non ten un lugar de recoñecemento artístico na elite de pintores españois. Os seus amigos máis próximos morreran ou vivían fóra do país. A pesar de todo, ela segue pintando e convértese nunha figura excéntrica e extravagante. Nos anos 80 comézase a reivindicar a súa figura e recibe a Medalla de Ouro de Belas Artes de Madrid. Este acontecemento verase reflectido en Galicia, onde foi condecorada coa Medalla de Galicia. En 1993 o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) abre as súas portas cunha exposición pictórica antolóxica de Maruxa Mallo. En 1995 falece en Madrid esta magnífica pintora galega, figura intensa e irrepetible.

Maruxa Villanueva (A Barrela-Carballedo, 1906 - Santiago de Compostela, 1998)
Maruxa Villanueva (A Barrela-Carballedo, 1906 - Santiago de Compostela, 1998)

María Isaura Vázquez Blanco, máis coñecida como Maruxa Villanueva, naceu na Barrela e iniciouse no canto da man da súa nai. En 1926, con tan só vinte anos, cruza o charco cara a Arxentina seguindo a dous irmáns que se anticiparan na aventura migratoria. En Bos Aires desenvolvería o seu talento como cantante e actriz, non sen antes traballar como dependenta nun comercio téxtil, como o facía calquera outra muller emigrante galega da época. O desenvolvemento da súa carreira artística foi impulsado da man dun matrimonio formado polo pianista vasco Juan Gueresta e a súa muller, a cantante galega Esperanza Blanco. En 1936 deixa o seu traballo no sector do comercio debido ao éxito alcanzado, sobre todo entre a colectividade galega residente en Bos Aires. Maruxa colaborou de maneira activa nas actividades desenvolvidas a favor da República española levadas a cabo pola colectividade emigrante na cidade. Nese tempo coñece ao dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán, que a convidou a cantar na estrea da obra Se o sei… non volvo á casa, que tivo lugar no famoso Teatro Maravillas. Casou con Daniel pero non sería un matrimonio estable. Formaron a Compañía de Teatro denominada Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva, coa que se estreou "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao. Ademais deste último, Maruxa Villanueva tiña amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco-Amor e Fernando Iglesias “Tacholas”, entre outras figuras destacadas da cultura galega alén mar. O seu retorno a Galicia foi intermitente, regresa en 1949 pero, ao fallar os seus plans de traballo, volve a Bos Aires en 1958, para retornar definitivamente en 1962. Esta vez desempeñaría un importante labor na Casa Museo Rosalía de Castro, da man do Dr. Agustín Sixto Seco, presidente do Padroado Rosalía de Castro. Converteuse nunha especialista no mundo rosaliano e coidadora da dita Casa Museo. Recibiu numerosas distincións polo seu labor activo na difusión da cultura galega fóra e dentro de Galicia. Finou en Santiago de Compostela aos noventa e dous anos de idade, o 24 de novembro de 1998.
Maruxa Boga e Clotilde Iglesias nunha homenaxe a Castelao no Teatro Bambalinas de Bos Aires, xullo de 2000
Maruxa Boga e Clotilde Iglesias nunha homenaxe a Castelao no Teatro Bambalinas de Bos Aires, xullo de 2000

Mª Josefina Boga Romaní, máis coñecida como Maruxa Boga, foi a voz por excelencia dos e das galegas na sociedade arxentina. Filla de emigrantes, naceu en Bos Aires en 1916. Cun profundo amor pola terra dos seus pais, desde moi nova participou nos festivais e recitais organizados polas asociacións galegas, nos que se intentaba preservar e defender a identidade cultural e lingüística de noso. Con 17 anos comezou a traballar na radio coa actriz Maruxa Villanueva e en 1941 participou na estrea mundial de Os vellos non deben de namorarse, que supuxo un fito para a nosa cultura.
Foi unha das fundadoras do programa de radio Recordando a Galicia. Este espazo semanal, creado en 1945 para defender e valorizar a imaxe da colectividade galega emigrada na sociedade arxentina, estivo en antena ata 1984. Por el pasaron as principais figuras da cultura do exilio e da emigración. Maruxa Boga converteuse nun símbolo da identidade de miles de emigrantes galegos e galegas que poñían a radio todas as semanas para escoitala.
Nesta imaxe está acompañada por Clotilde Iglesias, filla de Fernando Iglesias “Tacholas”, o seu compañeiro de tantos proxectos culturais e co que chegou a montar unha compañía teatral galega.
Virxinia Pereira Renda. Muller de ideas propias,  confidente de pensamentos e ideais
Virxinia Pereira Renda. Muller de ideas propias, confidente de pensamentos e ideais

Virxinia Nicolasa María de Gracia Pereira Renda naceu na Estrada, o 20 de outubro de 1884. Filla de Peregrina Renda López e de Camilo Pereira Freigenedo, avogado de renome que encarrilou a súa educación contratando un mestre particular. En 1907 certas circunstancias familiares levaron a Virxinia a visitar con certa frecuencia a cidade de Santiago de Compostela, pois nela tiña fixada a residencia a súa irmá Sara, casada con Alfredo Pérez Viodi. Alí coñeceu ao que sería o seu compañeiro de vida, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, con quen casaría na Estrada no ano 1912. A aparición dunha desafortunada doenza ocular condicionaría o destino profesional de Castelao, afastándoo da práctica médica, que nunca chegou a exercer. A vida de Virxinia Pereira estivo marcada pola perda do seu único fillo, Afonso Xesús, que faleceu en 1928 con tan só catorce anos de idade. Co levantamento contra a República e o inicio inminente da Guerra Civil, Virxinia e Castelao comezaron o seu periplo por distintos lugares como Badaxoz, Valencia, Barcelona, a Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba ou París. A súa condición nada tivo que ver coa vida acomodada propia da muller dun galeno. Na súa peregrinaxe con Castelao produciuse unha sutil participación de Virxinia en varios actos públicos (Nova York e Uruguai), chegando a substituílo na homenaxe a Manuel Irujo en Arxentina (1948). Durante o seu exilio en Bos Aires (1940), o matrimonio foi moi ben acollido. Castelao continuou coa súa carreira política e misión propagandística, ademais de desenvolver todas as súas facetas de artista global (novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte...). En todas elas estivo Virxinia presente, quen compartiu o seu fiel compromiso co galeguismo. De coidadora do seu fillo pasou a exercer de enfermeira do seu home. Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 e Virxinia tivo que reiniciar un novo periplo cheo de reivindicacións, para que non morrese a súa memoria e o que iso representaba para Galicia. A partir dese momento a vida de Virxinia transcorrería entre Bos Aires e Galicia. Finalmente morreu en Madrid o 23 de decembro de 1969 e os seus restos descansan, xunto aos do seu querido fillo, no cemiterio de Figueroa.
María Casares, símbolo e referente do exilio galego, en 1957
María Casares, símbolo e referente do exilio galego, en 1957

Filla de Santiago Casares Quiroga, último presidente do Goberno da República, con 14 anos tivo que fuxir a Francia coa súa nai. Alí viviu o seu exilio, tal como relata na súa biografía, Residente privilegiada, na que fai alusión ao permiso de residencia que lles outorgou o Goberno francés.
Estudou interpretación e chegou a converterse nunha das grandes damas do teatro francés. No cume da súa brillante carreira, viaxou a Arxentina coa compañía do Teatro Nacional Popular, dirixida por Jean Vilar. Para todos os galegos emigrados e exiliados a súa presenza e actuacións teatrais supuxeron momentos de afirmación colectiva e de orgullo. María Casares, ademais dunha actriz de gran sona, era unha muller que defendía nas súas declaracións as súas ideas republicanas e democráticas. E, como non, amosábase orgullosa da súa condición de galega, como podemos ler nunha entrevista realizada nesta viaxe por Víctor Luis Molinari, a quen lle afirma: «En este futuro yo me veo en Galicia, por los caminos de Galicia, representando para mi pueblo y dándole a él lo mejor de mi espíritu».
Nesta visita a Bos Aires participou en varios eventos coa colectividade: fixo unha ofrenda floral á estatua de Rosalía de Castro no Centro Galego e recibiu diversas homenaxes de varias entidades como o Centro Lucense, AGUEA ou o Consello de Galiza, con cuxos membros aparece retratada.
O Consello da Cultura Galega ten publicado un libro de María Lopo no que podemos coñecer máis en profundidade a súa vinculación coa súa terra natal baixo o título de O tempo das mareas. María Casares e Galicia.
María Valverde. Unha das grandes voces líricas da nosa terra
María Valverde. Unha das grandes voces líricas da nosa terra

Esta artista galega, nacida en Santiago de Compostela, triunfou como cantante de ópera nos mellores teatros de Europa. Cunha excelente formación musical e dona dunha fermosa voz de contralto, debutou no Teatro Social de Milán coa ópera Il Trovatore. Triunfa axiña e actúa nos mellores teatros. A súa fama permitiulle integrar no seu repertorio a música galega tradicional e nas súas actuacións interpreta cancións populares galegas con grande éxito.
Tras un duro periplo camiño do exilio, instálase en Montevideo co seu home, o médico xienense Virgilio Garrido. Continúa a actuar nos principais teatros e desenvolve unha intensa actividade como docente. Muller progresista, estivo moi vinculada coa colectividade galega exiliada en Uruguai.
Pouco antes da súa morte en 1959, Xosé Neira Vilas publica en Galicia Emigrante unha entrevista na que podemos ler sobre a súa brillante carreira na que destaca a súa saudade de Galicia e a pena por non poder volver á terra. O escritor define a María como unha “galega íntegra, sin eufemismos, [que] deu xerarquía á nosa canzón popular, a que levou nos beizos polos máis prestixiosos escearios do mundo”.
Ana Kiro (A Castañeda-Arzúa, 1942 – Mera 2010)
Ana Kiro (A Castañeda-Arzúa, 1942 – Mera 2010)

María Dolores Casanova González naceu na Castañeda (Arzúa) o 24 de xaneiro de 1942. Con tan só dezaoito meses os seus pais levárona vivir a Barcelona. O seu pai, José Casanova Novás, era garda civil e fora destinado á Cidade Condal. Como a maioría das familias de emigrantes galegos no resto de España, a de María Dolores visitaba cada verán a súa aldea natal. Aos seis anos de idade foi vivir á Castañeda coa súa avoa paterna durante un ano. A súa convivencia coa avoa Dolores marcou fondamente a súa identidade cultural e persoal. Durante aquel ano vivindo na Castañeda aprendeu a “ser galega”; a Galicia labrega exerceu unha forte influencia no que, máis adiante, sería unha extensa e brillante carreira musical. De volta a Barcelona e sendo menor de idade, foi ás agachadas coa súa irmán a un programa radiofónico dominical de Sant Feliu de Llobregat, no que deixaban participar libremente e mostrar o talento artístico a toda persoa que o desexase. Resultou gañadora do concurso pero os seus pais truncaron, nun primeiro momento, o que sería o impulso para comezar unha carreira artística.
Foi un exemplo máis de muller independente que sacou adiante soa á súa filla, froito dun primeiro matrimonio que tan só durou tres anos. A partir da súa separación escolleu recoñecerse a si mesma e buscar firmemente o seu desenvolvemento como cantante. Non foi un camiño doado. Cando non tiña galas traballaba vendendo xabón americano. Así continuou ata alcanzar unha estabilidade laboral que lle permitirá sufragar todos os gastos e incluso aforrar cartos. O traballo era duro e a loita ás veces facíase eterna. Pouco a pouco todo comezou a harmonizarse a favor, de maneira que a partir de 1966, ano en que gravou coa discográfica Belter, a carreira de Ana Kiro fíxose imparable.
Galicia Terra Meiga (Belter, Barcelona, 1974), de Manuel Muñiz, foi a canción coa que introduciu o galego nos seus álbums, conquistando a propios e alleos alí onde chegaba . En dúas semanas vendéronse máis de 100.000 casetes. As letras e compases das súas cancións renderon culto aos costumes e á lingua galega na súa faceta de canción lixeira, que finalmente foi a súa marca de distinción. Ana Kiro converteuse nunha icona entre a colectividade emigrante que residía dentro e fóra de España. Nas súas viaxes a América leváballes un “suspiro da nosa terra”, como ela dicía, aos emigrantes galegos. Un exemplo do seu éxito foi a enorme multitude que acudiu ao concerto que deu en Caracas, organizado pola Hermandad Gallega de Venezuela, nada menos que 24.000 galegos na súa actuación.
Maruxa Seoane, compañeira de vida e obra de Luís Seoane, 1962
Maruxa Seoane, compañeira de vida e obra de Luís Seoane, 1962

María Elvira Fernández López era coñecida por todos como Maruxa Seoane. Ela viviu sempre á beira do gran pintor e intelectual galego Luís Seoane, acompañándoo en todas as vicisitudes vitais polas que tiveron que pasar e apoiándoo en todas as súas iniciativas. Xuntos no exilio e xuntos no retorno ata a morte do artista.
Grazas ao seu empeño, en Galicia podemos contar e gozar da Fundación Luís Seoane, que se encarga de difundir e preservar a obra do xenial artista. Ela mesma se ocupou de recuperar gran parte dos seus cadros e debuxos e traelos a Galicia para todos os galegos e galegas.
Foron mozos desde que eran moi cativos e sempre estivo ao seu carón. Mesmo cando, tras o estalido da Guerra Civil, Seoane tivo que fuxir a Arxentina, ela toma, pouco despois, o camiño do exilio para reunirse con el e tan pronto chega a porto casan para que as autoridades arxentinas permitan a súa entrada no país. Pasa a ser unha ama de casa dilixente e unha excelente anfitrioa para os seus numerosos amigos e colegas, así como a súa asistente no seu traballo como pintor, a súa axudante e mecanógrafa... e tamén colaborou activamente na edición da revista Galicia Emigrante, onde se encargou das seccións de “Gastronomía”, “Moreas de Humor” e “A Ramallada Florida” (dedicada á cultura popular galega, cantigas, refráns, trabalinguas...). Foi, así mesmo, unha presenza constante e participativa nas actividades culturais e sociais da colectividade.
Elsa Fernández. A defensa da cultura galega das novas xeracións da emigración
Elsa Fernández. A defensa da cultura galega das novas xeracións da emigración

Elsa Fernández González, filla de galegos nada en Arxentina, viviu desde moi nova o amor profundo por Galicia e a saudade por unha terra que nunca chegaría a visitar.
Sempre vinculada coas actividades culturais das entidades galegas, traballou como administrativa no Centro Galego, onde coñeceu a Luís Seoane e a Eduardo Blanco-Amor, co que chegará a ter unha grande amizade. Foi tamén secretaria da Comisión de Damas do Hogar Gallego para Ancianos e participou en numerosas iniciativas culturais como AGUEA, a Asociación Argentina de Hijos de Gallegos ou, xunto a Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas, na editorial Follas Novas. De feito, en 1961, cando eles marchan para Cuba, queda ao cargo da editorial e continúa a organizar a Feira do Libro Galego. Representou en Arxentina as editoriais galegas Galaxia e Bibliófilos Gallegos e xestionou un espazo radial chamado Mirador Bibliográfico Galego, no que lía textos da literatura galega. Colaborou tamén nas revistas Galicia Emigrante e Vieiros, onde podemos ler algúns dos seus artigos.
A súa morte prematura, con apenas trinta anos, conmocionou a toda a colectividade. En 1965, como homenaxe, a editorial Alén Mar publicou de maneira póstuma un libro cos seus poemas titulado Lonxanía, en cuxa edición colaboraron Luís Seoane, Laxeiro, Ricardo Palmás, Carlos Zubillaga e Basilio Losada.
Pura Vázquez, mestra e poetisa (Ourense, 1918 - 2006)
Pura Vázquez, mestra e poetisa (Ourense, 1918 - 2006)

O seu nome completo era Carmen Pura Vázquez Iglesias. Naceu en Ourense en 1918. Como acontecía en moitas familias da época, Pura pertencía a unha familia numerosa. A nai era ama de casa e o pai empregado de Correos. A Coruña foi o lugar que acolleu a toda a familia e lle brindou unha mellora das condicións económicas. Quen ía dicir que aquela nena tan delicada de saúde chegaría a romper moldes a través da súa produción literaria en lingua galega e das súas ensinanzas como mestra. Transcorrendo xa a súa adolescencia e de volta no seu Ourense natal, Pura manifesta unha preferencia polas letras que a fai gozar da lectura e escritura, moitas veces creada por ela mesma. Recibe apoio do seu pai, quen, ante o entusiasmo que Pura manifesta, lle regala a súa primeira máquina de escribir. Comezou con trece ou catorce anos publicando na revista La Zarpa. Estes primeiros traballos foron orientados por Otero Pedrayo.
Co estalido da Guerra Civil, o pai de Pura, socialista, pasará tres anos en prisión e o seu mozo Sindo perderá a vida na Batalla do Ebro. Serían tempos difíciles nos que a familia se sostiña co soldo de mestra que percibía a súa irmá Dora. Estudou Maxisterio na Escola Normal de Mestres da Coruña. Dedicarase á docencia no seu destino de Segovia e o seu traballo de mestra non interrompería a súa produción literaria. Debido a certos problemas de saúde, autorizan o seu traslado a Madrid. Na capital coñecería a moitos escritores e intelectuais de renome. Pura atopouse inmersa nun ambiente propicio para publicar os seus escritos nas revistas poéticas españolas de vangarda, e comeza a desenvolver o seu talento no eido da literatura infantil e xuvenil. En 1955 apuntouse á aventura migratoria como unha emigrante galega máis. O seu destino foi Venezuela. A capital caraqueña converteuse nun lugar onde Pura exerceu a docencia aos máis pequenos, entre outros traballos que puido desenvolver. Alí bríndaselle a oportunidade de ampliar o seu círculo de amizades coa intelectualidade galega residente no país e publicará tamén parte da súa obra literaria. As súas colaboracións transcenden as publicacións españolas, xa que as editoriais venezolanas tamén lle fixeron un oco. En Caracas ten varias ocupacións, como a de secretaria na Aseguradora Nacional ou arquiveira no Instituto de Cooperación Educativa. A súa permanencia en Caracas foi intermitente pois veu a Galicia e a Madrid en varias ocasións, pero o retorno definitivo a España tivo lugar en 1969. Casa con Manuel Batanero Almazán, mestre de profesión, o 16 de febreiro de 1975. Dez anos máis tarde o seu home morre a causa dunha grave enfermidade. Este acontecemento fai que Pura decida pouco tempo despois establecerse en Galicia definitivamente. Logo dun tempo de inactividade, volve escribir e publicar artigos en xornais e o seu labor literario continúa ata case o seu falecemento, producido en Ourense o 25 de xullo de 2006. Entre a súa prolífica produción literaria atópanse obras como: Trece poemas a mi sombra (1959), A saudade e outros poemas (1963), Os Aldán foron a América (1996) e Terra matria dos soños (1999).
Mariví Villaverde, memoria do exilio galego,  ca. 1979
Mariví Villaverde, memoria do exilio galego, ca. 1979

A experiencia vital de María Victoria Villaverde Otero estivo marcada polo exilio. Filla de Elpidio Villaverde, o último alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa e deputado nas Cortes da República, tivo que exiliarse coa súa familia en Francia. Alí coñeceu a Ramón de Valenzuela. A II Guerra Mundial obrigou a familia a buscar un novo país de acollida e marchou cara a Arxentina. Ata 1944 non volve reunirse co seu mozo, que estaba no cárcere como preso político. Tras a súa voda en Vilagarcía e debido á represión franquista, deciden en 1949 marchar para Bos Aires. Alí traballa nas representacións de teatro galego da Federación de Sociedades Gallegas e dirixe xunto con Arturo Cuadrado o xornal Galicia, onde publica algúns artigos co pseudónimo de “Mª V. Arealonga”. Hai que destacar tamén as numerosas iniciativas que realizou a prol da defensa da muller emigrante na colectividade.
En 1962 a editorial Alborada de Luís Seoane publica a súa obra máis coñecida, Tres tiempos y la esperanza, na que dá testemuño do que foi a República e o exilio para tantos e tantas galegas. En 1966 retorna coa súa familia definitivamente a España e instálase en Madrid pero con Galicia sempre presente.
Iolanda Díaz Gallego, sempre en movemento pero coa mente en Galicia
Iolanda Díaz Gallego, sempre en movemento pero coa mente en Galicia

Naceu en Sarria en 1934. A nai de Iolanda xa vivira de solteira en Uruguai cos seus padriños, que non tiñan fillos, e retornou con eles en 1931. O pai dela tamén tivera experiencia migratoria pero en Cuba, onde tan só estivo durante tres anos. Casan en Galicia e montan un ultramarinos e casa de comidas. Ambos eran republicanos e o pai de Iolanda viuse obrigado a fuxir, nunca máis souberon nada del. Os padriños de Iolanda marchan de novo a Uruguai en 1941. En 1953 a nai e dous irmáns de Iolanda marchan tamén a terras uruguaias, non sen antes “darlles estudos” aos fillos. Iolanda obtivo o título de Perito Mercantil na Escola de Altos Estudos Mercantís da Coruña, con tan só 19 anos. A súa nai dixéralle: “Iremos de aquí cando ti, que es a maior, remates a carreira, porque entón vas ser como o soporte”. Iolanda marchou cun certificado de penais falso, xa que ningunha muller cunha carreira podía saír ao estranxeiro se non fixo o Servizo Social. Se non tiña o certificado de penais non lle daban o pasaporte. De modo que un xoieiro de Sarria, que viñera de Arxentina, axudouna facendo unha carta en que constaba que ela estaba traballando para el como serventa. Aos seis días de chegar a Monteviedo, Iolanda xa estaba traballando na emblemática tenda London París, na sección de importación e exportación. A súa preparación académica permitiulle traballar no Banco de Galicia, posto que lle facilitou a oportunidade de coñecer moitas persoas influentes, entre as que atoparía varios membros do grupo de exiliados galegos que traballaban desde fóra por e para Galicia.
A través dun galego que traballaba nos Laboratorio Icu-Vita, Iolanda coñeceu a Meilán, quen estaba dirixindo unha emisión radial en Radio Carve, escoitada desde o sur de Brasil ata o norte de Arxentina. Na onda CX16 de Radio Carve, chegaríase a emitir o importante programa Sempre en Galicia, que comezou a retransmitirse cada domingo en lingua galega desde Montevideo desde o 3 de setembro de 1950. Iolanda participou asiduamente desde entón no dito programa radial, amosando os seus dotes artísticos, durante vinte e catro anos. Tamén tivo un papel activo na fundación do Teatro Popular Gallego e do Patronato da Cultura Galega, entre outras moitas actividades de dinamización da cultura e lingua galegas. En 1976 a familia retorna a España e establécese na cidade de Barcelona. Iolanda continuou alí co seu labor de difusión e posta en valor da identidade cultural galega, por exemplo coa creación da asociación de emigrantes “O Penedo”, entre outras actividades.
Antía Cal. Mestra e pedagoga vocacional
Antía Cal. Mestra e pedagoga vocacional

Nacida na Habana o 18 de abril de 1923, Antía Cal Vázquez era filla de emigrantes galegos orixinarios de Muras. Os seus nomes eran: Vicenta Vázquez e Xosé Cal. Viviu alí cos seus pais ata os nove anos. Sempre comentaba que nesta etapa foi moi feliz en Cuba. Estivo escolarizada no Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana. Preocupado pola educación dos fillos, Xosé decide enviar a Galicia á súa muller con eles no barco Cristóbal Colón en 1932, mentres que el permanecería na illa durante 15 anos máis. Tras a chegada a Galicia, o seu fogar foi a casa dos avós maternos, no Mesón Muras, da que conserva moi gratas lembranzas. Antía continuou cos seus estudos no Colexio Dequidt da Coruña, no que tivo boa adaptación. Santiago de Compostela, a onde se mudaron en 1939, sería o seu novo destino familiar. Antía estudou alí, primeiro, Comercio e Maxisterio e, logo, Xeografía e Historia. En 1944, con 21 anos de idade, coñece o que sería o seu marido, o Dr. Antón Beiras, oftalmólogo de Vigo que estaba realizando unha investigación sobre o estrabismo. Deciden casar en 1947 e Antía pon unha condición: ela tamén tiña que atopar traballo. Mentres o dito traballo non aparecía, Antía acompañou a Antón nunha viaxe de estudos por varios países europeos. A estadía que tiveron en Xenebra marcou profundamente a visión de futuro de Antía. Asistiu a un acto do recoñecido pedagogo Pestalozzi, no que descubriu as novas tendencias no desenvolvemento da metodoloxía pedagóxica expostas pola UNESCO. Eses novos coñecementos serían de grande utilidade, tanto para o seu desenvolvemento profesional como para aplicalos na educación dos seus fillos. Despois da citada experiencia, o matrimonio decidiu enviar os seus fillo a cursar a Educación Primaria no Reino Unido. Ela chegou a cumprir o soño de fundar a Escola Rosalía de Castro en Vigo en 1962, na que aplicou todos os coñecementos adquiridos cunha perspectiva educativa revolucionaria, avanzada e un tanto cosmopolita. En 1968 morreu Antón Beiras e Antía quedou viúva con catro fillos e coa responsabilidade de dirixir a súa escola. A metodoloxía aplicada no seu centro educativo rompía co ensino tradicional, sendo unha escola bilingüe, co inglés como segunda lingua, e mixta. O uso do galego normalizouse, sobre todo nas zonas comúns, a pesar da prohibición franquista do seu uso nas aulas. Foi galardoada con varios premios e no 2006 a editorial Galaxia publicoulle as súas memorias: Este camiño que fixemos xuntos.
Antía Cal morreu en Moaña (Pontevedra), o 30 de marzo de 2022. O seu legado pedagóxico pasará, sen dúbida, a formar parte da Historia da Educación en Galicia.
Ánxeles Alvariño. O legado científico dunha pioneira galega, precursora na investigación oceanográfica mundial
Ánxeles Alvariño. O legado científico dunha pioneira galega, precursora na investigación oceanográfica mundial

Ánxeles Alvariño González naceu en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916. Desde ben pequena caracterizouse por ter unha grande inquietude intelectual. O feito de ser filla dun médico e dunha pianista facilitou, sen dúbida, un ambiente familiar propicio e aberto a fomentar todo tipo de aprendizaxe. En 1933 remata os estudos de Bacharelato Universitario en Ciencias e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Os seus estudos de Ciencias Naturais na Universidad de Madrid vense interrompidos polo peche das aulas, motivado pola Guerra Civil. En 1940 casa con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra Española e Cabaleiro da Real e Militar Orde de San Hermenegildo, e dous anos máis tarde nace a súa filla, María de los Ángeles, que chegou a ser unha recoñecida arquitecta e urbanista radicada nos EE. UU.
En 1941 realiza un Máster en Ciencias Naturais con Honores na Universidad de Madrid e imparte clases como profesora de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía, en colexios universitarios en Ferrol ata 1948. En 1951 obtén o Certificado de Doutoramento en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal na Universidad de Madrid. Entre 1950 e 1957 é destinada como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía (laboratorio oceanográfico de Vigo). A súa carreira profesional desenvólvese dun xeito espectacular, obtén varias bolsas para realizar investigacións sobre o zooplancto en Inglaterra baixo a dirección de Frederick S. Russell e Peter. C. Corbim. Ánxeles Alvariño foi a primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Participou en varias expedicións e cruceiros científicos no Atlántico e Pacífico, en buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España e México. Durante o período 1956-1957, pasa a formar parte do equipo de investigacións científicas sobre zooplancto na Woods Hole Oceanographic Institution de Massachusetts. No ano 1967 doutórase en Ciencias pola Universidad de Madrid coa tese: "Los quetognatos del Atlántico. Distribución y notas esenciales de sistemática". A súa carreira continúa sen pausa, sendo requirida pola Scripps Institution of Oceanography (La Jolla, California) para efectuar investigacións sobre plancto, correntes e dinámica oceánica, onde estivo entre 1958-1969. En xaneiro de 1970 obtén o cargo de Bióloga Investigadora no recoñecido Southwest Fisheries Science Center (NOAA).
Ánxeles pasa a ser unha muller precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños, os indicadores planctónicos para correntes oceánicas e para a pesca. Falece en San Diego (California), o 29 de maio de 2005. Desde Galicia fíxose un recoñecemento da súa importante figura, con tres condicións confluentes: a súa traxectoria profesional, a súa condición de muller e de galega.
Nélida Piñón. Escritora e xornalista orgullosa da súa   proxenie galega
Nélida Piñón. Escritora e xornalista orgullosa da súa proxenie galega

Nélida Cuíñas Piñón naceu en Río de Xaneiro no ano 1937. É descendente de galegos polos catro costados. De pai galego e nai carioca, filla de galegos. Daniel Cuíñas Cuíñas, emigrante de Cotobade, era o seu avó materno e foi un referente extraordinario para esta recoñecida escritora. O coñecemento do “mundo galego”, como ela mesma sinala, deulle a oportunidade de afondar na súa pertenza a dúas culturas, a consolidar unha identidade híbrida que tanto enriquece a alma. Na súa nenez Nélida viaxa a Galicia cos seus avós maternos e cos seus pais, onde permanece durante case dous anos. A escritora cualifica este ciclo como o máis feliz da súa vida, cheo de aprendizaxes, doutras linguas e paisaxes. Desfrutou da vida no agro dun xeito intenso e conserva aínda na súa memoria todas esas experiencias tan frutuosas. O seu anhelo sempre foi ser escritora e aquela experiencia en Galicia marcaría parcialmente a súa obra literaria. Un fiel exemplo atopámolo no seu libro La república de los sueños (1984), no que recrea o fenómeno da emigración galega e todo o que representa como tal.
En 1957 obtén o título de Licenciada en Xornalismo pola Pontificia Universidade Católica do Rio de Janeiro. Desde entón a súa carreira profesional non fixo máis que subir chanzos cara ao éxito absoluto e transcendente. Comeza o seu labor como correspondente na revista Mundo Nuevo e a súa colaboración na revista Cadernos Brasileiros. No mundo literario iníciase coa súa novela Guía-mapa de Gabriel Arcanjo, publicada en 1961, e segue con publicacións como Tempo das frutas (1966), Sala de armas (1973), Fundador (1969) ou A casa da paixão (1972). Por outra banda, Nélida asume a responsabilidade de dirixir varias institucións, como o Laboratório de Criação Literária da Universidade Federal do Rio de Janeiro (1970) ou a Divisão Cultural do Departamento de Cultura de Estado do Rio de Janeiro, entre outras. Ademais foi membro e profesora de diferentes institucións de carácter internacional. Tal é o caso de Phi Beta Delta Honor Society (1993, Universidade de Miami), o Conselho Nacional dos Direitos da Mulher do Rio de Janeiro ou a Academia de Filosofía de Brasil (2006).
En 1996 é nomeada presidenta da Academia Brasileira de Letras. Recibiu numerosos galardóns durante a súa longa carreira profesional, entre os que se pode destacar: o Premio Internacional Menéndez Pelayo (2003) e o Premio Príncipe de Asturias das Letras (2005). Ten publicados case unha trintena de libros e na actualidade aínda continúa coa súa produción literaria.

Retrato do filántropo José García Barbón y Sola, ca. 1908
Retrato do filántropo José García Barbón y Sola, ca. 1908

Co seu retorno a Galicia en 1884, comeza a ser un dos maiores benfeitores da súa vila natal (Verín) e da cidade de Vigo, onde se instalou coa súa familia anos despois. A revista Vida Gallega, de gran difusión na cidade olívica, publicou no seu primeiro número unha reportaxe sobre o filántropo na que se destacaban todas as accións benéficas no eido educativo e cultural que se realizaran na cidade grazas ao seu mecenado. Foi coñecido polas súas múltiples iniciativas a prol da mellora das condicións de vida das clases traballadoras e da súa formación, pois era defensor da educación como un medio esencial para o progreso dos pobos, seguramente influído polas súas experiencias como emigrante en Cuba.
Acta fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, 1872
Acta fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, 1872

Cando xurdiu a idea de crear unha institución benéfica, protectora e asistencial para os galegos máis necesitados que residían en Cuba, José García Barbón era un prominente empresario da colectividade galega asentada na illa. Como tal apoiou a iniciativa e formou parte da súa directiva, da que ocupou o cargo de tesoureiro durante doce anos, ata o seu regreso a Galicia por problemas de saúde.
Nese posto ocupouse de ampliar os recursos económicos da entidade, promovendo os investimentos en varios bancos da capital habaneira e a compra de bens inmobles que achegaban rendas para socorrer os emigrantes máis desvalidos, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade ou pagar a súa repatriación. En numerosas ocasións, ante a falta de fondos, aparecen recollidas, nas actas sociais, doazóns do seu propio patrimonio para cubrir necesidades perentorias. Como recoñecemento ao seu labor, na Xunta Xeral de socios do 3 de febreiro de 1884 foi nomeado “socio bienhechor”.
Panorámica da praza García Barbón de Verín, 1918
Panorámica da praza García Barbón de Verín, 1918

Cando regresou a Galicia instalouse en Verín. Dono dunha gran fortuna, realizou numerosos investimentos en negocios que, ademais de darlle beneficios, tamén contribuíron á modernización e progreso da súa vila natal e dos seus habitantes. Entre eles podemos mencionar a constitución dun Banco de Crédito Agrícola ou a construción dun hotel balneario no manancial de Cabreiroá. En 1892 entregou 4.000 pesetas para o estudo do trazado do ferrocarril de Verín a Ourense e anos despois foi o promotor e un dos principais accionistas da empresa de coches de liña Automóbiles Ómnibus de Verín, S. A. e da empresa Electra de Verín S. A., que en abril de 1905 comezou a subministrar electricidade a toda a comarca.
A súa actividade benéfica destacou pola súa implicación na mellora das condicións de vida da súa veciñanza co financiamento de diversas obras públicas e educativas. Por todo ese labor a prol dos seus veciños, a corporación municipal nomeou unha praza co seu nome. En 1931 inaugurouse nesta praza un busto seu, obra do escultor Enrique Barros. Verín rendeulle tributo de gratitude ao seu filántropo nunha cerimonia á que asistiu a súa familia, sempre moi vinculada coa vila e coa obra do seu antepasado.
O Colexio San José de Verín, unha obra educativa de referencia para os verineses, 2008
O Colexio San José de Verín, unha obra educativa de referencia para os verineses, 2008

En 1884 e acabado de chegar de Cuba, García Barbón realizou varias doazóns á escola pública da vila para mercar material educativo e o pago do soldo do mestre. Axiña se decatou de que os seus cartos terían mellor rendibilidade no eido educativo coa construción dun edificio escolar para todos os nenos da bisbarra. Con este proxecto intentaba paliar o problema de analfabetismo que neses anos existía non só en Verín senón en toda Galicia. Inaugurado en 1895, a súa xestión e actividade docente foron entregadas polo seu fundador á orde relixiosa de Lasalle, que defendía presupostos pedagóxicos como o respecto polo ensino na lingua do alumnado, a didáctica colectiva, a gratuidade e especialización en materias presentes na formación mercantil, comercial e bancaria, eidos que García Barbón consideraba puntuais para o progreso de Galicia. Con magníficas instalacións e mobiliario, o colexio tiña tres aulas, que pouco despois, pola gran demanda de alumnado, pasarían a ser catro, e vivendas para os mestres; na planta baixa había unha capela e contaba ademais cun patio de ampla extensión e horta. Funcionou como centro de ensino ata 1970 e na actualidade é a sede da biblioteca municipal e centro de actividades culturais do concello.
Hotel Balneario de Cabreiroá, un complexo arquitectónico no que a saúde e o lecer bailan ao mesmo son
Hotel Balneario de Cabreiroá, un complexo arquitectónico no que a saúde e o lecer bailan ao mesmo son

As propiedades beneficiosas das augas do manancial de Cabreiroá eran ben coñecidas polos veciños da zona desde finais do século XIX. O manancial e os terreos circundantes, necesarios para construír as instalacións do balneario, foron mercados por José García Barbón en 1904, quen obtivo a certificación científica das propiedades beneficiosas das súas augas. Estas foron declaradas como augas mineromedicinais polo doutor Santiago Ramón y Cajal e tiveron unha cualificación moi positiva do Charing Cross Hospital. En 1906, unha vez declaradas augas de utilidade pública, créase a planta de envasado e, un ano despois, inícianse as obras de construción do Hotel Balneario de Cabreiroá, que se converte nun referente europeo. Na imaxe vemos un grupo de persoas que gozan da música diante da buvette ou tamén coñecida como pavillón de augas. O balneario non era só un centro para mellorar a saúde dos seus visitantes, senón tamén un espazo de ocio e diversión no que a burguesía socializaba e facía reunións para realizar acordos de negocio. O Hotel Balneario de Cabreiroá funcionou con grande éxito ata 1936.

Augas de Cabreiroá (Verín)
Augas de Cabreiroá (Verín)

«El agua mineral natural Cabreiroá es bacteriológicamente pura y de excelentes condiciones higiénicas… Es absolutamente pura, sin manipulaciones químicas ni agregados artificiales».
A publicidade que se lles daba ás augas de Cabreiroá e ao seu Hotel Balneario achegaba completa información sobre os beneficios recibidos a partir do seu consumo, nun contorno inigualable, cheo de confort e diversión, como é o caso desta imaxe. Outros anuncios incluso ilustraban o retrato do Dr. Ramón y Cajal, quen certificou que se trataba dunha auga mineromedicinal. Ademais, os anuncios publicados tamén daban conta dos premios internacionais, como os de París, Xénova e Bruxelas, recibidos en 1908. O certo é que chegou a ser a marca de auga máis exportada cara a América.
Home familiar, dos seus e para os seus!
Home familiar, dos seus e para os seus!

Pouco se sabe dos asuntos privados de José García Barbón, agás que volveu solteiro da Habana. Unha figura importante na súa vida foi o seu tío Luciano, guía intelectual que lle marcou o camiño cara a un éxito practicamente asegurado, tendo en conta tamén a condición de traballador constante que o caracterizaba.
O tío Luciano era un asturiano que, coma tantos outros, chegou á Habana e traballou como dependente na “plaza vieja”. Empregou os primeiros pesos gañados en negocios produtivos. Aínda que nun principio se afirmaba que era solteiro, parece que varias fontes documentais fan constar que estaba casado con Casimira Díaz de Bustamante, filla dun home moi influente e de gran poder económico na illa de Cuba. Luciano García Barbón chegou a ocupar un dos primeiros postos na listaxe dos máis poderosos propietarios de extensos predios de cultivo e banqueiros privados da cidade da Habana. Foi un dos maiores accionistas do Banco Español en 1856. O Banco Barbón figuraba entre os máis importantes da illa. Tamén fixo unha inxente fortuna, aproveitando o filón de oportunidades xurdidas mediante o tráfico clandestino de escravos africanos pois era, entre outras cousas, propietario de grandes enxeños.
Talvez a curta idade á que partiu José García Barbón cara a Cuba xogou a favor dunha boa integración no seu destino migratorio. Con todo, o paso do tempo non permitiu que esquecese a súa terra natal, nin a familia que quedaba en Galicia. Sempre amosou o seu desexo de levar unha vida familiar. Retornou a Verín en 1884 e despois pasou a residir na cidade de Vigo, pero non o fixo só senón que levou á súa irmá Carlota, viúva e con catro fillos. Alí mercou un enorme predio que bautizou co nome de Vista Alegre e construíu dous palacetes, un para el e outro, de maiores dimensións, para a irmá e sobriños. Sempre fiel protector dos seus, como demostrou poñendo ao seu sobriño Feliciano Salgueiro García Barbón a cargo da empresa de Cabreiroá en 1907.

Escola de Artes e Oficios de Vigo, a obra filantrópica de José García Barbón máis destacada
Escola de Artes e Oficios de Vigo, a obra filantrópica de José García Barbón máis destacada

Inaugurada en 1886, iniciativa da Sociedad de Socorros Mutuos La Cooperativa, a Escola de Artes e Oficios de Vigo constituíu unha peza esencial no desenvolvemento da cidade olívica. En 1888 pasou a ser de titularidade municipal.
José García Barbón realizou varias visitas á sede fundacional da escola, na rúa do Circo, e puido comprobar a estreitura e certa incomodidade na que se impartían os contidos curriculares. O filántropo era ben consciente da importancia que tiña a instrución da xuventude, con medios axeitados e métodos de ensino práctico actualizados. Decidiu dotar a Escola dunha edificación acorde cos principais obxectivos de formación de obreiros especializados. A súa idea era partir dunha base sólida e para iso o mellor era achegar medios axeitados nunhas instalacións amplas, céntricas e esteticamente espléndidas, deseñadas polo arquitecto francés Michel Pacewicz, quen atendeu, de maneira exhaustiva, cada detalle da edificación financiada polo filántropo verinés.
O edificio principal abriu as aulas no curso 1900-1901 e no ano 1904 ergueuse o segundo edificio, coñecido familiarmente como “Anejo”. A partir dese momento, os talleres imprimiron carácter aos contidos prácticos impartidos nas aulas, cun profesorado altamente motivado a compartir os seus coñecementos.
Aínda que o labor educativo estaba enfocado especialmente á xuventude viguesa obreira, tamén se instruía aos alumnos denominados “estudantes”, que eran aqueles que non acreditaban unha condición de obreiros. As respectivas sociedades obreiras foron grandes impulsoras do funcionamento da Escola de Artes e Oficios, pois animaban aos obreiros a acudir ás aulas sen reparo ningún.

A profesionalización do ensino práctico. Un paso adiante no progreso de homes e mulleres
A profesionalización do ensino práctico. Un paso adiante no progreso de homes e mulleres

O período de maior matrícula na Escola de Artes e Oficios de Vigo foi entre 1910 e 1930. O ensino gratuíto fíxose efectivo en 1908 para obreiros de ambos os sexos e fillos de obreiros. Ata entón había que pagar 5 pesetas polos dereitos de matrícula. As mulleres entraron na Escola en 1900, en horario de mañá.
O traballo da muller chegou a presentarse como unha evidente necesidade, dado o inicio do desenvolvemento industrial da cidade de Vigo. A matrícula feminina incrementouse ininterrompidamente ata os anos 20, pero sempre foi menor en número que a dos varóns. Aínda que o ensino técnico da muller estivo contemplado desde o primeiro momento, o currículo non era común para ambos os sexos. Este feito quedaba reflectido nos plans de estudos, nos horarios e nas aulas separadas. Coa chegada da II República chegan a formarse clases mixtas con certas materias comúns. Aínda así, o ensino non era concibido de igual forma para alumnos e alumnas. Os varóns tiñan as materias de: Física e Química, Aritmética, Xeometría e Álxebra, Mecánica, Contabilidade, Construción, Debuxo de proxectos, Modelado, Dereito mercantil etc. As mulleres recibían contidos de materias como: Debuxo industrial e de figura, Corte de vestidos ou Contabilidade industrial.
Á parte de completar a instrución primaria en caso de necesidade, as mulleres aprendían e perfeccionaban oficios como os de modista, sombreireira, bordadora, taquimecanógrafa, secretaria ou debuxante. As familias burguesas tamén matriculaban as súas fillas na Escola de Artes e Oficios, para que adquirisen unha instrución elemental completa, así como tamén unha boa caligrafía, habilidades musicais etc.
A cidade de Vigo engalanada. Pezas arquitectónicas que unen cultura e arte
A Biblioteca Pública Municipal García Barbón, un espazo común ao alcance de toda a cidadanía, Vigo
A Biblioteca Pública Municipal García Barbón, un espazo común ao alcance de toda a cidadanía, Vigo

Esta dependencia forma parte das instalacións da Escola de Artes e Oficios. De feito, a Biblioteca Pública García Barbón e o Laboratorio de Química foron dúas dependencias imprescindibles no seu proxecto educativo. O dito espazo constituíu durante moito tempo a única biblioteca pública da cidade. Inaugurouse no curso 1900-1901 e aparecía anunciada nas guías turísticas de Vigo, con toda a información pertinente sobre o seu enderezo e horarios de atención ao público.
Na primeira sede da rúa do Circo había unha pequena biblioteca, que só era para o uso do profesorado e alumnado da escola. D. José García Barbón, a propósito da construción do novo edificio para a Escola, decidiu que a nova biblioteca estaría aberta a todo tipo de usuarios. Foi instalada na planta baixa do edificio e tiña unha entrada independente de acceso ao público en xeral. Aínda que contiña maioritariamente libros e revistas acordes coas materias impartidas nas aulas, tamén se podían atopar publicacións de índole filosófica, política, económica e sobre avances científicos actualizados. A atención aos usuarios era de 11.00 h a 13.00 h e de 19.00 h a 21.00 h. Chegou a ter 5.855 lectores e case 12.000 volumes á disposición do alumnado, profesorado, investigadores e persoas motivadas pola lectura en xeral.
O influxo de José García Barbón na cidade de Vigo
O influxo de José García Barbón na cidade de Vigo

O proxecto do edificio da Escola de Artes e Oficios de Vigo data do ano 1887 e é obra do arquitecto francés Michel Pacewicz pero foi asinado por Dimas Vallorba por razóns de tipo administrativo. O primeiro edificio sitúase nunha parcela que fai esquina a dúas rúas, o que ocasiona que o impacto visual sexa maior. Despois da inauguración do edificio propúxose a súa ampliación en 1904. García Barbón engade un edificio anexo ao proxecto arquitectónico e fai entrega ao Concello de Vigo da correspondente escritura de doazón. Sen dúbida, trátase dunha importante contribución ao desenvolvemento económico da cidade, en calidade de formación práctica especializada nos distintos sectores industriais e comerciais que se estaban desenvolvendo na Galicia deses anos.

Avenida de García Barbón, ca. 1909
Avenida de García Barbón, ca. 1909

O Concello de Vigo acordou poñer o nome de “Avenida de García Barbón” ao que, naquel entón, era un tramo da estrada onde estaba enclavado o fermoso predio Vista Alegre, no que vivía o filántropo. Esta acción tivo que realizarse unha vez falecido este benfeitor, xa que en vida se negou a tal feito e dixo que se iso acontecía el marcharía da cidade de Vigo. Certamente, a modestia tamén era unha das súas características persoais, pois rexeitaba todo alarde de publicidade.
Enterro multitudinario de José García Barbón en Vigo, 1909
Enterro multitudinario de José García Barbón en Vigo, 1909

De maneira repentina, o 7 de marzo de 1909 morre á idade de 78 anos na súa casa familiar de Vista Alegre. A noticia espallouse por toda a cidade de Vigo e o seu enterro foi unha mostra de dor e respecto de todas e todos os vigueses, que asistiron masivamente aos actos fúnebres.
A noticia foi portada dos principais xornais galegos, como Vida Gallega, que subliñaba nunha ampla reportaxe sobre o pasamento a gratitude dos habitantes de Vigo ao seu benfeitor: “Todo el comercio de Vigo cerró sus puertas. Las sociedades recreativas enlutaron las fachadas de sus casas. Los espectáculos públicos fueron suspendidos. Vigo hizo un alto en su marcha de trabajo, para expresar su gratitud al hombre que más hizo por la cultura de sus clases populares [...]”.
José García Barbón e o sentimento de gratitude popular
José García Barbón e o sentimento de gratitude popular

Tras a morte de José García Barbón y Sola, xornais e revistas nacionais e internacionais fixéronse eco do suceso e do pesar sentido, sobre todo polos habitantes de Vigo e comarca. A presenza da súa figura como filántropo e mecenas tivo moito impacto na súa cidade adoptiva. O seu excelente labor de benfeitor deixou unha pegada perenne, que constitúe un elemento máis na configuración da identidade cultural en Galicia. Era un home benevolente que pasaba rapidamente a executar accións de alto poder resolutivo, cubrindo carencias económicas e sociais, nunha comunidade desmotivada pola falta de recursos económicos e culturais. A cidade de Vigo non se podería definir sen a marca García Barbón, que transcende o puramente arquitectónico, representando o ideal dun pobo que merecía a fortuna de acceder ao que máis dignifica ao ser humano: a educación e o traballo.

Portada coa noticia do pasamento de José García Barbón no xornal habaneiro <cite>Galicia</cite>, 3 de abril de 1909
Portada coa noticia do pasamento de José García Barbón no xornal habaneiro Galicia, 3 de abril de 1909

A noticia da morte do filántropo foi difundida na prensa da colectividade galega alén mar. O eco foi amplo en Cuba, a onde el emigrara sendo un rapaz de 13 anos. Tras o seu regreso a Galicia, viaxou en varias ocasións á illa por negocios e mantivo as súas amizades alí. O xornal Galicia, un dos máis importantes da prensa galega deses anos, publicou na portada do seu número 14 a noticia da defunción e aproveitou para facer unha exaltación da súa figura e de todas as accións benéficas e filantrópicas que realizara en ambos os dous países. No artigo, asinado polo xornalista Prudencio Canitrot, correspondente do xornal en España, podemos ler: “Este filántropo meritísimo por más de un concepto, merece nuestra gratitud y nuestro elogio, porque sin ostentaciones corruscantes, consagró su vida al engrandecimiento de su tierra, que amó siempre como un verdadero patriota y realizó en su obra de filantropía una provechosa labor de cultura y educación que le granjeó el cariño de sus paisanos [...]”.
Incendio do antigo Teatro Rosalía de Castro de Vigo, 1910
Incendio do antigo Teatro Rosalía de Castro de Vigo, 1910

Este teatro fora ideado en 1880 por un grupo de empresarios vigueses, como José Elduayen, Antonio Sanjurjo Badía, Antonio López de Neira, Estanislao Durán ou Benigno Barreras, entre outros, coa intención de crear un gran teatro para a cidade, seguindo o exemplo doutras cidades europeas. Apoiados polo Concello, encargáronlle o proxecto ao arquitecto Alejandro Sesmero, que se inspirou nun teatro á italiana, moi popular naqueles tempos. Tras numerosas vicisitudes de tipo económico, foi inaugurado o 15 de setembro de 1900 coa estrea da ópera Aída. Pero a súa xestión sempre tivo problemas de liquidez e poucos anos despois tivo que pechar.
En 1904 o edificio foi vendido á casa comercial Viuda e Hijos de Simeón García, que o quería converter nos seus almacéns. Coñecedor do feito, García Barbón decidiu mercalo e investir parte do seu patrimonio para que os habitantes da cidade de Vigo puidesen continuar gozando do seu teatro. Revitalizado pola xestión do filántropo, converteuse nun lugar emblemático da cidade.
Un ano despois da morte de García Barbón, durante o entroido, produciuse un grande incendio que destruíu o edificio.
O Teatro García Barbón, un gran edificio para unha cidade moderna e de progreso, 1997
O Teatro García Barbón, un gran edificio para unha cidade moderna e de progreso, 1997

O mantemento do Teatro Rosalía de Castro fora un dos legados máis queridos do filántropo. Sabedoras do agarimo que o seu tío lle tiña ao proxecto, as súas sobriñas e herdeiras decidiron recuperalo e encargar un novo edificio como homenaxe póstuma á súa figura. O encargado do seu deseño foi o coñecido arquitecto Antonio Palacios. Este magnífico edificio é un dos exemplos máis relevantes do seu talento.
De estilo neobarroco, dentro da corrente modernista de principios do século XX, estaba inspirado na Ópera de París e no Teatro Arriaga de Bilbao. Foi pensado para ter diversas funcións culturais: o propio teatro, destinado a grandes representacións de ópera e obras teatrais, zarzuela, comedia, concertos de música clásica etc. Contaba tamén cun auditorio, a “Sala Rosalía de Castro”, no que se proxectaban películas e pequenas actuacións de teatro e bailes populares; tamén tiña varios salóns destinados a casino e restaurante. Dispón dunha gran cristaleira para iluminar o vestíbulo e unha grandiosa escaleira que conecta as diferentes estancias do edificio, feito todo cos mellores materiais construtivos. Tras a súa inauguración en 1927, axiña se converteu no epicentro da vida cultural de Vigo.
Homenaxe da cidade de Vigo ao seu benfeitor, 1927
Homenaxe da cidade de Vigo ao seu benfeitor, 1927

Todas as fontes consultadas falan da humildade de García Barbón e das súas negativas aos intentos de recoñecemento que se lle quixeron tributar en vida. En 1927 a corporación municipal de Vigo organizou unha grande homenaxe na súa honra polas obras benéficas que realizara na cidade. A pegada que deixou nas numerosas xeracións que estudaron na Escola de Artes e Oficios da cidade ou que asistiron ás representacións no teatro que leva o seu nome son unha realidade aínda na actualidade. O 28 de setembro dese ano inaugurouse unha estatua do prócer realizada polo escultor Francisco Asorey. Foi un acto multitudinario que contou coa presenza dos reis de España e de todas as autoridades da cidade, ademais dos veciños anónimos que tanto ben recibiran polo seu mecenado. Fóronlle concedidas a título póstumo as Cruces de Beneficencia e de Isabel a Católica como recoñecemento e agradecemento polos seus servizos a prol da educación e da cultura dos seus conveciños.
Alfonso D. Rodríguez Castelao, Rianxo (1886) - Bos Aires (1950)
Alfonso D. Rodríguez Castelao, Rianxo (1886) - Bos Aires (1950)

A obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse foi estreada en 1941, no Teatro Mayo de Bos Aires, pola compañía Maruxa Villanueva, fundada e dirixida por Manuel María Varela Buxán. Esta peza literaria é unha obra referencial da cultura galega e foi suficiente para consagrar a Castelao como un dos dramaturgos galegos do exilio. Trátase dunha farsa en tres lances ou actos independentes, tres historias que rematan co mesmo desenlace. As citadas historias están configuradas cun mesmo esquema dramático e uns caracteres fixos: o vello namorado, a moza, o mozo rival do vello e, finalmente, a morte deste último. O propio autor dirixiu a súa obra, repetida con posterioridade en Montevideo. Tamén deseñou os figurinos, escenarios e caretas pintadas da súa propia man. Foi unha peza insólita no panorama teatral da época e constitúe unha das obras do exilio galego que merece salientarse. En 1953 foi publicada en Vigo pola Editorial Galaxia e reeditada en 1968.
Manoel D. Varela Buxán, A Estrada (1909) - Lalín (1986)
Manoel D. Varela Buxán, A Estrada (1909) - Lalín (1986)

O estradense Manoel D. Varela Buxán emigrou cara a Arxentina en 1930 e axiña se converteu nun dos principais animadores do teatro galego no país. Actor e director en varias compañías dramáticas, escribiu numerosas pezas teatrais, todas elas de corte costumista e humorístico, aínda que non exentas de certa crítica social e anticaciquil. Fundou a compañía de teatro galego Aires da Terra, coa que estreou en 1938 a súa primeira obra como autor, Se o sei... non volvo a casa, con grande éxito na colectividade. Casou coa actriz Maruxa Villanueva e con ela acadou grandes triunfos nas súas actuacións. Ambos os dous empregaron o teatro como canle de identidade étnica dos galegos e galegas de alén mar.
En 1950 voltou a Galicia. No ano 1977 publicou un volume con dúas das súas obras teatrais máis recoñecidas, A xustiza do muiñeiro e Se o sei... non volvo, nunha coidada edición con cuberta de Laxeiro. É tamén autor de O ferreiro de Santán, Taberna sen dono, O cego de Fornelos...
Ramón Rey Baltar, Padrón (1882) - Gerli, Arxentina (1969)
Ramón Rey Baltar, Padrón (1882) - Gerli, Arxentina (1969)

Este médico de profesión emigrou a Bos Aires en 1914 e integrouse en varias asociacións da colectividade. Moi vinculado coa defensa da República e do galeguismo, en 1939 a Central Galega d'Axuda ao Frente Popular Hespañol publicou este poemario que trata o drama da Guerra Civil e as terribles consecuencias que están a sufrir os partidarios da República. A gaita a falare está considerado o primeiro libro galego de poesía civil no exilio e conta con ilustracións de Castelao, Manuel Colmeiro e Luís Seoane, autor desta ilustrativa cuberta. Os beneficios da súa venda foron destinados á compra de víveres e roupa para enviar ás forzas republicanas.
Emilio Pita, A Coruña (1909) - Bos Aires (1981)
Emilio Pita, A Coruña (1909) - Bos Aires (1981)

Emilio Pita Robelo emigrou con doce anos ao Río da Prata. De formación autodidacta, foi un poeta e musicólogo moi recoñecido no seo da colectividade. Coa proclamación da II República volveu a Galicia, onde tomou contacto co Partido Galeguista e o nacionalismo galego.
Tras o seu regreso a Bos Aires, en 1942 publicou Jacobusland, o seu primeiro libro de poemas, que conta con ilustracións de Castelao. Trátase dun libro que pon de relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia, inmerso nunha nostálxica visión da natureza galega e de gran riqueza poética. Foi considerado por moitos como o primeiro libro testemuño da Guerra civil.
En 1972 Ediciós do Castro realizou unha edición facsimilar desta obra para a súa difusión na nosa terra.
Florencio Delgado Gurriarán, Córgomo (1903) - Fair Oaks, Estados Unidos (1987) et. al.
Florencio Delgado Gurriarán, Córgomo (1903) - Fair Oaks, Estados Unidos (1987) et. al.

Este libro fora publicado en 1943 na capital mexicana por iniciativa do Partido Galeguista. Trátase dunha antoloxía de textos poéticos cos que se quería homenaxear aos “compañeiros caídos na Guerra Civil española”. O editor literario desta obra colectiva foi Florencio Delgado Gurriarán, quen achegou catorce poemas da súa autoría. Tamén colaboraron Ramón Cabanillas Álvarez, fillo do poeta, Emilio Pita, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Bieito Búa Rivas e Ramón Rey Baltar, todos asinando con pseudónimos. Hai tamén un poema de Concepción Lamas Barreiro (Chita Lamas), considerada polo profesor Xesús Alonso Montero como a primeira voz feminina do exilio galego.
O Consello da Cultura Galega realizou unha edición facsimilar deste libro como homenaxe ao poeta Florencio Delgado Gurriarán e nomeadamente a todos os exiliados republicanos. Pódese consultar esta obra na súa páxina web.
Luís Seoane, Bos Aires (1910) - A Coruña (1979)
Luís Seoane, Bos Aires (1910) - A Coruña (1979)
Fardel de eisilado
O seu autor, Luís Seoane, foi o paradigma do intelectual polifacético, unha das personalidades máis activas e creativas da nosa cultura. Como defensor da integración de todas as artes, destacou en todas as iniciativas que emprendeu: pintor, debuxante e ilustrador; editor; escritor: poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta ou crítico literario; e promotor de multitude de iniciativas a prol da cultura galega.
A súa obra poética iniciouse en 1952 coa publicación de Fardel de eisilado, libro en que relata, dende a súa visión máis persoal, a epopea anónima da emigración galega e do exilio, vítimas da situación sociopolítica que se estaba a vivir. Considerado como a primeira obra de poesía social da posguerra, é un libro icónico da lírica galega cheo de ideais sociais e artísticos, no que prevalece unha linguaxe prosaica con remorsos épicos.
Lorenzo Varela, A Habana (1916) - Madrid (1978)
Lorenzo Varela, A Habana (1916) - Madrid (1978)

Habaneiro de nacemento e fillo de emigrantes orixinarios de Monterroso (Lugo). Este xornalista e poeta foi membro das Mocedades Galeguistas e pertenceu ao Partido Obreiro de Unificación. Participou tamén nas Misións Pedagóxicas. Durante a Guerra Civil foi combatente no bando republicano e, rematada a guerra, exiliouse primeiro en México e despois en Bos Aires. Lorenzo Varela destaca entre os máis importantes poetas galegos do exilio. Ademais dos seus títulos en castelán, publicou en lingua galega Catro poemas para catro gravados (1944) e Lonxe (1954), editado por Ediciones Botella al Mar, de Bos Aires, creada e dirixida por Luís Seoane e Arturo Cuadrado. De feito, neste fermoso libro, baixo a dirección gráfica do propio Seoane e de Manuel López, conflúen as mans destes tres grandes artistas do desterro, pois os versos de Lorenzo Varela veñen acompañados polos gravados en madeira de Seoane e por unha presentación en prosa poética de Arturo Cuadrado. Como cabe deducir do seu título, o autor introduce o tema do exilio e a emigración, da nostalxia, do desarraigamento e da morte. Esta obra, da que hoxe expoñemos a súa cuberta, foi reeditada en 1979 por Ediciós do Castro, con limiar de Rafael Dieste.
Ernesto Guerra da Cal, Ferrol (1911) - Lisboa (1994)
Ernesto Guerra da Cal, Ferrol (1911) - Lisboa (1994)

Aínda que naceu en Ferrol, a infancia de Ernesto transcorreu en Quiroga (Lugo) e logo, xa entrando na adolescencia, marchou para Madrid, onde viviu ata os 24 anos. Estudou alí e tamén nos Estados Unidos, país que o acolleu no ano 1939 e lle permitiu desenvolver o seu talento como profesor, crítico, ensaísta e poeta, que o fai alcanzar unha relevancia internacional. Chegou a ser catedrático de Linguas e Literaturas Románicas na Universidade de Nova York. Ao mesmo tempo dirixiu o Departamento de Español e Portugués da mesma universidade.
O seu coñecido e monumental libro Lengua y estilo de Eça de Queirós data do ano 1954. Lúa de Alén Mar: 1939-1958 é o seu primeiro poemario, foi publicado por Galaxia en 1959 e nel recolle unha escolma da súa obra lírica a partir de 1939. A presenza quiroguesa resulta evidente xa que a meirande parte dos poemas supoñen un paseo pola súa infancia. Dicía que Galicia era a “única patria do meu esprito”. Como afirma Jacinto do Prado Coelho no limiar, Ernesto Guerra da Cal “enriqueceu o patrimonio de Galegos e Portugueses, estreitou ainda mais os laços que nos unem, fez-nos mais conscientes do que somos”.

Antón Zapata García, Laxe (1886) - Bos Aires (1953)
Antón Zapata García, Laxe (1886) - Bos Aires (1953)

Antón Zapata emigrou con 17 anos cara a Arxentina, onde transcorreu toda a súa vida, sempre estrañando a súa terra e o seu mar. Foi un dos grandes poetas da colectividade emigrada en Bos Aires. Á súa chegada comezou a compoñer versos e a escribir artigos, con preferencia de temas nacionalistas, nas principais cabeceiras da prensa da colectividade. Converteuse nun referente como poeta, participando asiduamente nos actos culturais das entidades galegas nos anos 30 e 40. En 1954, tras a súa morte, a editorial coruñesa Roel publica o seu único libro, A roseira da soidade. A edición estivo supervisada polo autor e consta de 72 poemas, de moi diversas épocas, algúns xa publicados en xornais pero corrixidos ou ampliados e outros moitos inéditos. O libro foi prologado por Ramón Otero Pedrayo e a cuberta é obra de Manuel Abelenda. A poesía de Antón Zapata está chea de referencias ao mar, aos mariñeiros e aos costumes da costa galega, nomeadamente da súa Costa da Morte natal.
Celso Emilio Ferreiro, Celanova (1912) - Vigo (1979)
Celso Emilio Ferreiro, Celanova (1912) - Vigo (1979)

Considerado unha das figuras máis representativas da poesía galega, Celso Emilio xa era un poeta social galeguista consagrado cando embarcou rumbo a Venezuela, no transatlántico Santa María, o 22 de maio de 1966 e con 54 anos cumpridos. Obras como O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955) e a sobranceira Longa noite de pedra (1962) foron proba diso. El mesmo definía a súa poesía, máis que como poesía social, como “comprometida, de testemuño e de denuncia” e manifestaba unha enorme preocupación polo destino de súa “matria” Galicia.
En terra caraqueña desenvolveu a súa propia literatura do exilio. Coma en tantos galegos, esta experiencia migratoria fixo fondo efecto nel. A través da súa faceta de escritor ofreceu unha visión profunda e íntima do transo que supón o desterro. A súa visión persoal foi cualificada por moitos como de “radical autenticidade”. Autodefiníase como “home de conviccións políticas simples”, a favor da “liberdade, a verdade, a xustiza e a unidade”. Sempre falaba desde o ”nós” e non desde “min”. A obra de Celso Emilio Ferreiro titulada Viaxe ao país dos ananos (1968) reflicte a confrontación do esperado versus o atopado na súa convivencia coa colectividade galega en Venezuela. Pensaba que a emigración galega era un “país en marcha”. A través desta obra manifestou a súa repulsa por un determinado sector da emigración, nada progresista, co que non foi posible alcanzar unha convivencia ideolóxica. Celso Emilio foi un axente activo dentro da Hermandad Gallega de Venezuela, a pesar das desavinzas e desenlace final pois foi expulsado desta sociedade o 24 de xuño de 1968.
Obra colectiva de Lois Tobío Fernández, Viveiro (1906) - Madrid (2003); Plácido R. Castro del Río, Corcubión (1902) - Cambados (1967) e Florencio Delgado Gurriarán Córgomo (1903) - Fair Oaks, Estados Unidos (1987)
Obra colectiva de Lois Tobío Fernández, Viveiro (1906) - Madrid (2003); Plácido R. Castro del Río, Corcubión (1902) - Cambados (1967) e Florencio Delgado Gurriarán Córgomo (1903) - Fair Oaks, Estados Unidos (1987)

Esta antoloxía xurdiu nun certame literario convocado pola Federación de Sociedades Gallegas, (FSG), no que participaron escritores exiliados ben coñecedores da poesía universal e das linguas orixinais nas que foran escritas. Entre eles Lois Tobío, destacado galeguista, tradutor e xornalista exiliado en Montevideo, Florencio Delgado Gurriarán dende México e Plácido Ramón Castro del Río dende Inglaterra. A calidade dos seus traballos levou á Federación a publicalos como unha obra colectiva que saíu do prelo en 1949. Contaba coa tradución de 57 textos poéticos, dos cales 24 eran obra de Plácido Castro, 13 de Gurriarán e 20 de Lois Tobío. Na nómina de autores traducidos figuran os escritores románticos ingleses Shelley, Keats, Tennyson e Longfellow e os franceses Baudelaire, Verlaine, Paul Bourget, Rimbaud, René Laporte e Louise de Vilmorin, entre outros. No limiar, redactado por Tobío, deféndese que a lingua e a literatura galegas se enriquecen polo contacto con outras literaturas pois “a voz de Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia”. Esta obra serviu para divulgar a moitos destes poetas entre os e as galegas.
Alejandro Finisterre, Fisterra (1919) - Zamora (2007)
Alejandro Finisterre, Fisterra (1919) - Zamora (2007)

Alejandro Campos Ramírez foi máis coñecido como "Alejandro Finisterre", nome que toma da súa vila natal. Exiliado en Francia e despois en Ecuador, Guatemala e México, foi poeta, editor, xornalista e inventor, sendo coñecido popularmente por crear o xogo de mesa do futbolín. Na súa frutífera época mexicana dedicouse ás artes gráficas e á edición. Fundou e dirixiu a Editorial Finisterre Impresora, dende a que editou a revista do Centro Galego de México e unha antoloxía de libros de poesía de autores exiliados españois e escritores americanos, como León Felipe –de quen foi testamenteiro literario–, Juan Larrea, Francisco Ayala, Américo Castro, Max Aub, María Teresa León, Ernesto Cardenal etc.
Outro dos seus proxectos foi a edición de Compostela. Revista de Galicia. O número 1, o único publicado, é un volume de 908 páxinas, ricamente ilustrado, que contén vinte traballos –ensaios, poemas, críticas literarias...–, entre os que podemos destacar un artigo de Luisa Carnés sobre Rosalía de Castro e a edición case completa de Cantares gallegos como apéndice; o Paralelo de las lenguas castellana y francesa do Padre Feijóo, cunha análise de Amancio Bolaño; ou a reprodución fotográfica da Colección de estampas..., gravados de Pietro Bombelli sobre a vida do franciscano frei Sebastián de Aparicio, impresas en México en 1789.
Eduardo Blanco-Amor, Ourense (1897) - Vigo (1979)
Eduardo Blanco-Amor, Ourense (1897) - Vigo (1979)

Eduardo Blanco-Amor, un dos grandes xornalistas galegos en Arxentina, foi tamén autor de poesía e de numerosas obras de teatro. En 1959 publicou A esmorga, novela escrita en galego que foi editada en Bos Aires, pola imposibilidade da Editorial Galaxia de facelo debido á prohibición da censura franquista. O libro, traído a Galicia clandestinamente, acada pronto unha importante sona e sinala un fito histórico na renovación da nosa narrativa. Axiña foi considerada como a gran novela social da posguerra. A lingua popular empregada contrasta co galego requintado e por veces artificial doutros escritores do momento. A condición social dos personaxes e o ambiente marxinal en que se desenvolve a acción fan que se considere como unha novela social, chea de violencia e crueldade nalgunhas pasaxes. E destaca no texto a chuvia e as paisaxes urbanas de Auria, a ficticia cidade onde se desenvolve, recreación literaria de Ourense, a cidade natal do autor.
Rafael Dieste, Rianxo (1899) - Santiago de Compostela (1981)
Rafael Dieste, Rianxo (1899) - Santiago de Compostela (1981)

Republicano e galeguista, escritor e xornalista rianxeiro, Rafael Dieste foi un autor teatral de primeira orde. En 1917 iniciou a súa primeira aventura migratoria cara a Tampico (México), onde residía o seu irmán Antonio. A dita experiencia durou menos dun ano e decidiu volver a Galicia cos cartos do premio literario gañado, froito da convocatoria realizada polo Casino Español de Zampico. Tras a súa volta retomou os estudos de Maxisterio e comezou a forxar a súa faceta como escritor en distintas publicacións periódicas, mesmo chegou a ser secretario da Asociación de Prensa de Vigo. Ingresou no Seminario de Estudos Galegos en 1927. Formou parte da elite intelectual de Galicia ata o seu traslado a Madrid en 1930. Participou nas Misións Pedagóxicas como director do Teatro Guiñol. Exiliado desde 1939, viviu en cidades diversas como París, Bos Aires ou Cambridge. Durante o seu exilio en Arxentina publicou ensaio, teatro e filosofía. Foi docente de Literatura Galega na Agrupación Gallega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA).
Rafael Dieste foi autor de obras como Dos arquivos do trasno e Historias e invenciones de Félix Muriel. Esta última foi publicada en Bos Aires en 1943 pola Editorial Nova. A obra consta de nove narracións de variada extensión. É unha sucesión de contos na que Félix Muriel transita por todos eles, de maneira máis ou menos explícita, adoptando distintas posicións dentro dos relatos.
Silvia Mistral, A Habana (1914) - México D. F. (2004)
Silvia Mistral, A Habana (1914) - México D. F. (2004)

Esta xornalista e escritora era filla de nai galega e pai catalán. O seu nome era Hortensia Blanch Pita, aínda que é máis coñecida polo seu alcume literario, Silvia Mistral. A súa obra Éxodo: diario de una refugiada española (1940) representa un documento de gran valor histórico por tratarse dun dos primeiros diarios publicados nos que se relata a experiencia vital derivada da traumática situación bélica e do exilio republicano. Nela recolle fragmentos do diario, as vivencias na Barcelona bombardeada, a súa partida cara a Francia (é unha das mulleres refuxiadas na localidade mineira de Gard en 1939) e o seu exilio a México. A visión da crueldade humana reinante nos campos de refuxiados e o drama do exilio quedan plasmados a través da súa narrativa. As letras desta escritora foron a ferramenta para lidar coa dor desprendida pola Guerra Civil e o posterior exilio. A primeira edición desta obra autobiográfica realizouna Ricardo Mestre, parella de Silvia Mistral, e foi publicada pola editorial anarquista Minerva, fundada en México por el mesmo xunto a Miquel A. Marín e Ramón Pla Armengol. O barco Ipanema foi testemuño da acción realizada por un grupo de exiliados galegos que partían de Francia cara á México. Silvia Mistral conta de primeira man o acto simbólico que significou a negativa a romper o vínculo coa terra, mediante o lanzamento ao mar dunha botella que contiña a seguinte mensaxe: “A vista do Fisterre, recibe, pobo galego, o saudo garimoso dos que niste intre dooroso van care o exilio. Non perdades esperanzas, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante tres anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares”.
Xosé Neira Vilas, Gres, Vila de Cruces (1928 - 2015)
Xosé Neira Vilas, Gres, Vila de Cruces (1928 - 2015)

A súa infancia e adolescencia transcorreron na súa vila natal e con 21 anos iniciou a súa aventura migratoria en Arxentina, grazas a un parente que residía en Bos Aires e que se encargaría de guialo en todo o proceso. Neira Vilas foi un emigrante máis na riada de galegos que participaron na corrente migratoria cara a América durante a posguerra. Alí traballou nun almacén doutro paisano galego procedente da Coruña. Na capital bonaerense descubriu autores e libros aos que nunca tería acceso en España. Os cartos que lle sobraban eran investidos na adquisición de publicacións diversas que espertaban o seu interese. Tamén comezou a ler a produción literaria de galeguistas como Luís Seoane, Rosalía de Castro, Pondal ou Curros. Neira Vilas empezou a relacionarse cos exiliados galegos da cidade onde residiu durante 12 anos. Ese tempo foi máis que suficiente para aprender deles, chegaren a ser amigos e compañeiros. Homes como Luís Seoane, Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela, Antón Baltar, Rafael Dieste e outros axudárono a descubrir unha nova Galicia, o significado da República e a crueldade da guerra. Traballou con eles na defensa da causa galega, editando libros e organizando actos culturais e patrióticos. Contraeu matrimonio con Anisia Miranda en 1957 e marcharon xuntos en 1961 a Cuba, onde desenvolveron unha intensa actividade cultural. A súa narrativa está inscrita na novela realista de temática social e espírito crítico. A Galicia emigrante e a Galicia rural constitúen os dous eixes principais da súa obra literaria. Memorias dun neno labrego (1961) forma parte do denominado “Ciclo do neno”, dentro do que é a súa produción narrativa. Neste libro, Balbino, narrador e protagonista, é un neno labrego que deixa plasmadas as súas preocupacións no seu diario.
Antón Alonso Ríos, Silleda (1887) - Bos Aires (1980)
Antón Alonso Ríos, Silleda (1887) - Bos Aires (1980)

Antón Hipólito Alonso Ríos foi mestre, escritor, líder da Federación Agraria da Provincia de Pontevedra, participante activo na campaña polo Estatuto de Galicia, entre outros moitos roles exercidos sempre como galeguista dentro e fóra de Galicia. Emigrou moi novo a Arxentina. En terra bonaerense exerceu a súa profesión de mestre e foi artífice da Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales de Bos Aires. Fundou o xornal El Despertar Gallego, que máis tarde pasou a ser Galicia. Logo do triunfo da República en 1931, volveu a Galicia con Suárez Picallo. En 1936 foi elixido deputado a Cortes por Pontevedra. Bicou ceo e inferno, este último como un fuxitivo para eludir a morte case asegurada por mor do golpe de Estado e a consecuente ruptura do réxime político republicano. Durante tres anos deambulou por longos camiños. Chegou ata a fronteira norte de Portugal baixo a falsa identidade de Afranio do Amaral. Durmiu á intemperie en numerosas ocasións e realizou traballos que nunca antes fixera (cavar viñas, podar, catar as colmeas ou segar a herba). Ese foi o seu primeiro exilio. Finalmente conseguiu cruzar a Portugal e, coa axuda do seu amigo e paisano Enrique Blanco, agardou a oportunidade para partir cara a Arxentina; foi este o seu segundo exilio.
Alonso Ríos foi un dos creadores en Montevideo do Consello de Galiza, o 15 de novembro de 1944, xunto a Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey e Ramón Suárez Picallo, coa finalidade de “gardar, manter e defender a vontade do povo galego…”. Consagrouse tamén como autor de varias novelas e ensaios publicados no exilio. Como exemplo presentamos aquí a cuberta do volume de relatos titulado Da saudade. Amore, corte e misticismo (1956), con manifestacións narrativas de apego á terra, romanticismo, lirismo, a natureza e paisaxe como protagonistas e mesmo pegadas de misticismo. O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte (1979) foi outra das súas obras autobiográficas.
María Victoria Villaverde Otero, Vilagarcía de Arousa (1922) - Ribadumia (2017)
María Victoria Villaverde Otero, Vilagarcía de Arousa (1922) - Ribadumia (2017)

Esta obra autobiográfica narra as experiencias de Mariví Villaverde (tamén coñecida polo apelido do seu marido) durante a República, a Guerra Civil e o exilio coa súa familia en Francia e Arxentina, así como os seus anos no réxime franquista tras a súa volta a Galicia para casar con Ramón de Valenzuela. Nestas memorias relata, cunha profunda nostalxia, os fitos e ideais do período republicano e os seus recordos dunha infancia e xuventude feliz; tamén a loita e o sufrimento nos anos de exilio, baixo unha mirada feminista de defensa do papel das mulleres e da igualdade de xénero. Tres tiempos y la esperanza foi publicado en Bos Aires en 1962, prologado por Arturo Cuadrado, con quen a autora colaborara moitos anos no xornal Galicia da FSG. En 1987, xa retornada a España coa súa familia, Ediciós do Castro volve publicar esta obra na colección facsimilar Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia; e no 2002 a editorial A Nosa Terra publica estas memorias, en galego, na súa colección Mulleres.
Ramón de Valenzuela Otero, Silleda (1914) - Sanxenxo (1980)
Ramón de Valenzuela Otero, Silleda (1914) - Sanxenxo (1980)

Ramón de Valenzuela foi membro do Partido Galeguista e colaborador do Seminario de Estudos Galegos. Pasou da fronte “nacional” á republicana e estivo na cadea despois da guerra. Marchou a Arxentina en 1949, onde viviu ata 1966.
Non agardei por ninguén (Bos Aires, 1957; Madrid, 1976; Vigo, 1989) foi a primeira novela do autor e formou parte da colección Mestre Mateo, da Editorial Citania de Bos Aires. A súa segunda edición correu por conta da Editorial Akal e a terceira por Xerais. Constitúe a primeira novela galega sobre a Guerra Civil española. Trátase dunha peza máis da narrativa baseada nas experiencias vividas na contenda civil. Constitúe unha obra de gran valor literario e tamén como documento histórico.
Silvio Santiago, Vilardevós (1903) - Santiago de Compostela (1974)
Silvio Santiago, Vilardevós (1903) - Santiago de Compostela (1974)

A súa actividade sindicalista levouno ao cárcere durante a Guerra Civil, fuxiu a Portugal e despois colleu rumbo a Caracas. Foi un dos autores máis destacados da narrativa no exilio, cunha clara preferencia polos temas da Guerra Civil, seguindo unha perspectiva memorialística cun ton testemuñal. Vilardevós (1961) é unha novela autobiográfica sobre a súa infancia e mocidade, con personaxes e anécdotas que xiran arredor da súa vila natal. O silencio redimido (1976) é outra das pezas narrativas de Silvio Santiago que achega valor á literatura galega no exilio, censurada polo franquismo e publicada na democracia.
Pedro Murias Rodríguez (Santa Eulalia da Devesa, 1840 - A Habana, 1906)
Pedro Murias Rodríguez (Santa Eulalia da Devesa, 1840 - A Habana, 1906)

Pedro Murias, rico comerciante e industrial, foi un dos primeiros en converter os primitivos “chinchales” en verdadeiras fábricas de tabaco. Estivo moi vencellado coa colectividade galega residente na illa, sendo tesoureiro e vogal do Centro Galego da Habana e membro protector da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia.
Foi unha das figuras máis representativas no mundo da manufactura tabaqueira da illa de Cuba e a sona do seu produto chegou a ser referente en países como Francia e Inglaterra. Tamén realizou outras operacións financeiras, froito da diversificación dos seus activos e investimentos. Ademais de destacar polo seu labor filantrópico en Galicia, representado basicamente pola construción dunha escola agrícola na Devesa, Pedro Murias foi moi coñecido en Cuba por múltiples accións. Entre os moitos méritos recoñecidos publicamente pódese salientar o feito de ser merecedor do ingreso como membro da Orden Civil de Beneficencia en 1898, a instancia do gobernador civil de Pinar del Río, polos seus feitos de heroísmo, virtude e abnegación:
Destruidas por Maceo a principios de 1896 muchas propiedades y poblaciones huyeron infinidad de infelices sin medios de subsistencia, refugiándose en la playa de Dimas donde por orden del Sr. Murias se proporcionó a todos alimentos, vestidos, medicinas y viviendas…
Habiéndoles invadido la epidemia variolosa, mandó médicos para su curación, asistió él mismo á muchos enfermos y gracias a sus cuidados, con exposición de su vida, libró la de muchos semejantes, llegando a poblar dicha playa más de tres mil quinientas personas por lo que, serán libradas de los ataques de los insurrectos, atrincheró el contorno de la población, creó guerrillas montadas y dos compañías de voluntarios; construyó una torre heliográfica; fabricó dos hospitales para los soldados…, construyó un muelle, una iglesia, un cementerio, una escuela, oficina de farmacia, un almacén de géneros alimenticios a precios baratos…

«O tabaqueiro bo é un artista», ca. 1890
«O tabaqueiro bo é un artista», ca. 1890

Resulta de todos coñecida a sona mundial e o rol desenvolvido pola industria tabaqueira na illa de Cuba no século XIX. Á altura de 1890, na Habana había 100 fábricas que se dedicaban á manufactura do tabaco e 24 á construción de caixóns de cedro, onde eran colocadas as bitolas. Todo ese traballo corría a cargo duns 10 000 obreiros, pois non había outro medio de manufactura que as mans destes. Os adiantos extraordinarios da mecánica quedaban reservados para a fabricación específica de cigarros.
Na zona urbana fabril por excelencia, en pleno centro da Habana, Pedro Murias chegou a ocupar o seu propio espazo, que non pasaría desapercibido aos ollos de camiñantes e compradores do seu xénero, tan distinguido na época. En 1886 adquiriu o terreo sobre o que construiría 2263 metros cadrados do precioso edificio en que instalou dúas fábricas da súa propiedade: La Meridiana e Pedro Murias.
La Meridiana: motor do progreso indiano
La Meridiana: motor do progreso indiano

Pedro Murias chegou a engrosar a listaxe dos máis importantes fabricantes de tabaco da illa de Cuba. En 1860 aínda non estaba rexistrado como tal. Non obstante, en 1874 xa adquirira a fábrica e marcas da Compañía de Tajo y Quevedo e estableceu La Meridiana como a primeira marca principal, que posteriormente ampliaría, a medida que progresaba o seu negocio. Da fábrica procedían os tabacos de mellor calidade e prestixio. En 1890 Pedro Murias embarcouse no segundo proxecto empresarial, materializado mediante a compra da segunda fábrica, La Devesa. En 1892 creou a súa terceira fábrica, denominada Pedro Murias, reafirmándose como marquista de identidade propia e asegurando unha vez máis a garantía de calidade.
«Dios dote á Vuelta Abajo de algunos Pedros Murias»
«Dios dote á Vuelta Abajo de algunos Pedros Murias»

O 23 de xuño de 1817 decretouse o desestanco do tabaco en Cuba, a liberación do cultivo, manufactura e comercialización do produto. Este acontecemento propiciou a focalización do negocio do tabaco como mobilizador de grandes capitais. A expansión do cultivo da planta acelerouse na rexión occidental da illa, que alcanzou gran popularidade e foi coñecida co nome de “Vuelta Abajo”. O tabaco de Vuelta Abajo non tiña rival no mundo pola súa calidade. Comezaron a proliferar as manufacturas polo centro e leste do país.
A marca de Pedro Murias en tabaco e cigarros estendía a súa sona por Europa e tamén entre certos círculos estadounidenses. O seu consumo elevouse en 1890 a un número aproximado de 6 000 000 de tabacos, distribuídos nunha clasificación de vinte bitolas. Pedro Murias coñecía moi ben o complexas que eran as faenas do agricultor nas veigas, ata poder poñer o tabaco en condicións de elaboración. A tenza das veigas era una garantía da calidade do produto. Posuía miles de hectáreas co fin de consolidar os predios para os seus florecentes negocios de exportación. Non só se limitou á produción dun variado número de produtos, ademais do tabaco, senón que foi un promotor importantísimo do progreso da zona, sobre todo do termo municipal de Mantua, para beneficio dos seus poboadores.
Un distintivo con nome propio, expresión gráfica da formación da identidade das marcas de Pedro Murias
Un distintivo con nome propio, expresión gráfica da formación da identidade das marcas de Pedro Murias

A fabricación de tabaco levou consigo a promoción dunha serie de industrias auxiliares que funcionaban como pezas clave na cadea de produción, para a súa posterior comercialización. Oficios representados polo caixoneiro, o litógrafo, o carpinteiro, o ebanista etc. víronse favorecidos pola elaboración do tabaco. Xurdiu, deste xeito, un tipo de traballador máis cualificado que o común da época. Perfiláronse, así, as tarefas especializadas dos escolledores, fileteadores, rezagadores, torcedores etc. Pedro Murias pertenceu a un grupo de empresarios cada vez máis reducido que contaba cunha maior dispoñibilidade de recursos para a elaboración do seu tabaco.
A exportación foi o maior atractivo para os fabricantes de tabaco. E, como “unha cousa leva á outra”, o negocio da litografía tamén comezou a se desenvolver dun xeito vertixinoso. Os diversos deseños das bitolas distintivas de cada fabricante convertéronse nunha manifestación artística en toda regra. Atópase, ademais, a ornamentación das caixas de madeira de cedro que lles serven de envase, con fermosas etiquetas pegadas no interior, constituíndo un documento gráfico que reflicte escenas costumistas e modas da época.
Esta “marquilla” que mostramos aquí identifica a parte da produción de Pedro Murias. Representa unha escena que recrea o encontro, intercambio e convivencia dos dous mundos.
«El que los prueba una vez, los fuma siempre»
«El que los prueba una vez, los fuma siempre»

O crecente consumo de tabaco traspasou fronteiras, supuxo a expansión da economía tabaqueira cubana e un incremento notable da riqueza produtiva da illa. O indiano devesán atopábase entre os mellores representantes do sector de Cuba. A marca Pedro Murias estaba extraordinariamente acreditada no mercado internacional, co seu nome e apelido como distintivo industrial. A publicidade das distintas marcas que Pedro Murias tiña en propiedade aparecían anunciadas na prensa da colectividade galega residente en Cuba, así como tamén nos principais xornais e publicacións especializadas no mundo do tabaco publicadas dentro e fóra da illa.
«Dimas o San Pedro de Murias». Planos presentados para o proxecto de construción dun peirao e almacén concedido a Pedro Murias, situado na Enseada de Dimas, Mantua, Pinar del Río, 1891
«Dimas o San Pedro de Murias». Planos presentados para o proxecto de construción dun peirao e almacén concedido a Pedro Murias, situado na Enseada de Dimas, Mantua, Pinar del Río, 1891

Pedro Murias foi o artífice da construción dun dique na enseada de Dimas (termo municipal de Mantua), zona onde se concentraba a súa actividade agrícola. Quedaba, así, resolto o problema de comunicación co porto da Habana para o transporte das súas colleitas de tabaco desde os seus predios de cultivo localizados en Pinar del Río, provincia tabaqueira por excelencia. A construción dun almacén para depósito de mercancías tamén foi iniciativa deste indiano. Na imaxe pódense observar os planos de ambas as construcións.
As autoridades non dubidaron en afirmar a conveniencia e utilidade das obras e outorgaron a súa correspondente autorización. Estas non serían as únicas construcións que o indiano devesán encargaría para un desenvolvemento máis axilizado da zona. Expoñemos aquí as palabras escritas por Waldo Álvarez Insua, na súa obra publicada en 1897 baixo o título El problema cubano:
D. Pedro Murias, fabricante de tabacos de los más ricos y opulentos, era dueño en Río-Seco de una colonia que llevaba su nombre: tenía su iglesia, botica, médico, maestro de escuela, tiendas de comestibles y géneros y unas novecientas familias, que sumaban un total de tres mil y pico almas, todas las que se dedicaban al cultivo de la planta del tabaco…
Testamento de D. Pedro Murias y Rodríguez outorgado na Habana o 22 de maio de 1892
Testamento de D. Pedro Murias y Rodríguez outorgado na Habana o 22 de maio de 1892

Pedro Murias contaba ao final da súa vida cun importante patrimonio valorado en preto de 600 000 pesos ouro. No texto especifícanse polo miúdo as propiedades –algunhas das cales xa non estaban no seu poder– que legaba a cada un dos herdeiros. Os principais beneficiarios foron os seus sobriños, Maximino Debén e Rodrigo Díaz de la Rocha. Ademais deixa legados a varios familiares e amigos e a dúas nenas orfas da Casa de Beneficencia da Habana; tamén a dúas asociacións galegas en Cuba das que fora socio e directivo, o Centro Galego da Habana e a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, que se dedicarían a prol dos emigrantes máis desfavorecidos.
Pero a doazón máis importante vai destinada á súa parroquia natal: ademais de varias doazóns pecuniarias para os veciños máis necesitados, deixa disposto un capital de 10 000 pesos ouro e varias propiedades inmobiliarias, con cuxas rendas se debía financiar a construción dunha escola “para contribuir al mayor adelantamiento agrícola de mi patria”.
Esta filantropía está relacionada coa intención de permanecer na memoria dos seus veciños como protector dos máis necesitados e promotor do progreso educativo e económico da súa terra natal. É a súa maneira de acadar a inmortalidade.
Alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias posan diante do edificio principal, sen data
Alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias posan diante do edificio principal, sen data

A construción do primeiro edificio, que estamos a ver na imaxe, comezou en 1920. Trátase do inmoble principal, onde estaban situadas as aulas e demais dependencias para o ensino e o profesorado. Edificio de grandes dimensións, estaba formado por un corpo central de planta baixa, primeiro andar e faiado e dúas ás a cada lado. Na planta baixa, á esquerda estaban as aulas, os servizos e unha estancia para o profesorado; na dereita, as dependencias da Dirección da escola, a cociña, o comedor e un almacén de víveres. A súa ornamentación é moi sobria, con numerosos vans e ocos resaltados con molduras. Na fachada destaca a dobre escalinata, que lle dá monumentalidade ao conxunto, cunha fonte central con cabeza de dragón e unha araucaria que lle achega un eixe simétrico.
O centro educativo foi inaugurado o 8 de novembro de 1922 e era tradición que no inicio do curso escolar o alumnado se fotografase na escalinata para enviar as imaxes á xunta de patróns na Habana.
Materialización do soño indiano de Pedro Murias
Materialización do soño indiano de Pedro Murias

A idea de terra e progreso estaba intimamente relacionada coa experiencia obtida por Pedro Murias no agro cubano. Deixa como legado a fundación da escola agrícola que levaría o seu nome, nunha das mandas testamentarias redactadas por el mesmo con data do 22 de maio de 1892. Alí manifestou estar “deseoso del mayor adelantamiento agrícola de mi patria”. Un centro educativo pioneiro e que “forzosamente” tiña que ser construído dentro dos límites da Devesa, a semellanza da Colonia Agrícola de Ruysselede en Bélxica.
Presentamos aquí algúns planos orixinais que especifican detalladamente varias dependencias da escola, na que se deberían conseguir os obxectivos marcados por Pedro Murias, como o de facer posible a formación técnica e instrumentalización para que a veciñanza adquirise aprendizaxes prácticas sobre labores agrícolas, e a explotación axeitada e rendible do medio agrario. Cada estrutura estaba destinada a cumprir unha función previamente establecida.
Acto de colocación da primeira pedra na segunda fase construtiva do recinto escolar Pedro Murias, 1925
Acto de colocación da primeira pedra na segunda fase construtiva do recinto escolar Pedro Murias, 1925

A grandiosidade do proxecto provocou que a construción dos edificios se levase a cabo en dúas fases. Unha vez rematado o edificio principal, en 1925 comezan as obras doutras edificacións destinadas a almacéns, palleiras, cortes para o gando, vivendas do persoal, talleres e incluso unha estación meteorolóxica.
Para o acto de colocación da primeira pedra desta segunda fase organízase un acto público ao que asisten autoridades e persoeiros vinculados coa emigración en Cuba. Entre eles destaca a presenza de Francisco Pego Pita, indiano natural de Ortigueira, presidente do Centro Galego da Habana e que como tal presidía a xunta de patróns da fundación, como deixara escrito Pedro Murias.
Monumento dedicado a D. Pedro Murias situado na entrada do recinto escolar, ca. 1930
Monumento dedicado a D. Pedro Murias situado na entrada do recinto escolar, ca. 1930

En 1929 remátase a construción de todos os edificios que forman a escola agrícola fundada polo filántropo. Como homenaxe e recoñecemento, a xunta de patróns mandou erixir este monumento que lembra a figura do indiano. Na placa pódese ler «La Junta de Patronos de esta escuela radicada en La Habana ha levantado este monumento en honor a la memoria de su fundador Don Pedro Murias y Rodríguez».
O seu desexo de figurar na memoria colectiva dos seus paisanos converteuse nunha realidade e o seu labor benéfico era enxalzado non só na comarca de Ribadeo, senón en toda Galicia. A prensa do momento destaca esta magnífica obra educativa e loa a figura do filántropo Pedro Murias xunto cos legados dos irmáns García Naveira en Betanzos, o ceense Fernando Blanco de Lema ou o verinés García Barbón, entre outros indianos acaso menos coñecidos, que tanto ben fixeron polo progreso da nosa terra.
Lembranza dos ribadenses á memoria de Pedro Murias, ca. 1934
Lembranza dos ribadenses á memoria de Pedro Murias, ca. 1934

A comisión delegada da Devesa foi creada pola fundación habaneira en 1919 para ter un maior control sobre as obras e o funcionamento da escola agrícola pois, debido á distancia, era moi difícil desde Cuba organizar os traballos, controlar os gastos e lograr que se impuxesen as súas ideas para a boa marcha do proxecto. Estivo integrada ao longo dos anos por persoeiros políticos e económicos da Mariña, moitos deles emigrantes enriquecidos retornados de Cuba, polo que se pode considerar que a escola agrícola foi tamén obra destes "habaneiros". O seu nomeamento como membros da comisión era unha honra e sentían como un deber axudar para que o legado do indiano chegase a bo fin. Supoñía, ademais, acadar prestixio social e unha reafirmación na elite da comarca. Desde 1934 e ata 1949, a comisión estivo presidida por Ramón Maseda Villamil, emigrante retornado de Cuba.
Nesta imaxe podemos ver varios membros desta comisión delegada con autoridades e persoeiros da sociedade ribadense posando ante o monumento a Pedro Murias.
Clases prácticas de agricultura do alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias, anos 20
Clases prácticas de agricultura do alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias, anos 20

No regulamento da fundación habaneira de 1913 aprobouse a organización da escola agrícola e o proxecto pedagóxico que se quería implementar. As materias debían estar relacionadas coa agricultura seguindo os estudos máis modernos e dispoñía de xeito expreso que tiñan prioridade os coñecementos prácticos e aplicables ao medio en que vivían sobre as clases teóricas, con aulas impartidas por enxeñeiros agrícolas. Como vemos, tratábase dun plan moi ambicioso que, de aplicarse, suporía un grande avance na capacitación agropecuaria dos futuros labregos da comarca ribadense.
Pero a realidade foi moi distinta. O primeiro director da escola, Enrique Suárez Couto, cambiou o plan pedagóxico segundo as necesidades que el percibía na comarca. Prevaleceu a gandaría dedicada á produción leiteira, coa mellora das crías a través de cruzamentos con outras razas. Como complemento, a modernización da agricultura estaría baseada na rotación de cultivos das especies máis acordes co clima e o chan da comarca mariñá. Nas terras da escola, o alumnado encargábase da semente cíclica de remolacha, patacas, millo, coles, nabos e avea, moitas veces destinada a alimentar o gando.
Educación activa no agro: alumnos nunha clase práctica, anos 20
Educación activa no agro: alumnos nunha clase práctica, anos 20

A Escola Agrícola Pedro Murias foi un centro pioneiro, enfocado a abrir o acceso e abano de posibilidades para os rapaces da súa comunidade de orixe. O ingreso na escola garantía a experiencia directa do alumnado nos labores do agro. Os coñecementos prácticos ían engarzados de xeito directo cos teóricos. Esta metodoloxía facía que a aprendizaxe se consolidase sobre os terreos dedicados a tal fin, seguindo de xeito directo todos os procesos, desde a composición e preparación da terra, plantar as sementes, sistemas de rego e drenaxe, ata a colleita dos froitos. En canto á cría dos animais, o seu manexo nas granxas, alimentación e aproveitamento tamén formaban parte do proceso ensino-aprendizaxe do alumnado.
«Velo para crelo»: o coñecemento práctico do que produce a terra
«Velo para crelo»: o coñecemento práctico do que produce a terra

A aplicación práctica dos coñecementos teóricos era unha premisa ou base para conseguir a aprendizaxe efectiva do alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias. O plan de estudos, previamente establecido, contemplaba materias como Análise e Prácticas Agrícolas, Xeoloxía e Mineraloxía Agrícola ou Agrimensura e Nivelación. Materias como Álxebra, Debuxo, Física e Química ou Historia Natural non escapaban do currículo e eran impartidas sempre en relación coa agricultura e gandaría. Porén, o plan de estudos sufriu numerosas modificacións desde que comezou a funcionar a escola agrícola como tal, en 1928. O certo é que as decisións tomadas pola xunta de patróns, encargada de materializar o proxecto do indiano devesán, non foron acatadas con rigor. A idea da creación e posta en marcha do centro sobranceiro que o indiano devesán tiña en mente quedou esvaída por diversas circunstancias.
Para ter un mellor coñecemento sobre a evolución de todo o proceso de funcionamento deste centro de formación agrícola recomendamos consultar a obra de Ana Cabana (2006): Pedro Murias, tabaqueiro na Habana, indiano na Devesa.
Memoria anual da Fundación Escuela Agrícola «Pedro Murias» publicada na revista habaneira <cite>Eco de Galicia</cite>,  1934
Memoria anual da Fundación Escuela Agrícola «Pedro Murias» publicada na revista habaneira Eco de Galicia, 1934

Pedro Murias deixara disposto a constitución dunha fundación encargada de levar a bo fin o seu proxecto educativo. Esta fundación contaría con personalidade xurídica propia e residiría na Habana e para a súa xestión creouse unha xunta de patróns integrada por cinco persoeiros destacados da colectividade.
Esta xunta posuía amplas facultades no plano económico pois era a encargada de elaborar os orzamentos, de aprobar as contas de gastos e de investir os recursos económicos legados polo indiano onde lle parecese máis vantaxoso para aumentar o capital inicial. As directrices da xestión do legado, que aprobaban nas súas reunións nas dependencias do Centro Galego, debían someterse unha vez ao ano a “exame popular”, pero ningunha institución ou particular tiña dereito a pedir explicacións destas. A súa única obriga era publicar a principio de cada ano un informe detallado sobre todos os acordos e accións executadas durante a anualidade anterior nun xornal de tirada importante en Cuba. Quedaban así expostos á crítica social e da prensa cubana, pero non se prevía ningún tipo de control ou sanción en caso de mala xestión.
O retorno simbólico do filántropo á súa parroquia natal, ca. 1950
O retorno simbólico do filántropo á súa parroquia natal, ca. 1950

Unha das mandas testamentarias do indiano foi que os seus restos mortais repousasen na súa parroquia natal. Deixou disposta unha cantidade de cartos para a construción dun mausoleo no cemiterio da Devesa, onde debía ter "o repouso eterno", pero este desexo non se realizou ata os anos 50.
A demora está relacionada cos atrancos que se xeraron arredor da construción dun novo camposanto na Devesa. Nos anos 20, os veciños aproban a súa construción e a xunta de patróns da Habana decide que o mausoleo debía erixirse no novo cemiterio. Este non se remata ata os anos 40 e de novo xorde unha polémica entre a fundación e Maximino Debén, sobriño e herdeiro do filántropo, sobre quen debía encargarse do traslado dos seus restos desde a necrópole de Colón da Habana, onde fora enterrado. Esta disputa xudicial tivo amplo eco nos xornais ribadenses. Finalmente será a xunta de patróns quen sufrague o mausoleo por valor de 13 900 pesetas.
O enterro definitivo de Pedro Murias nos anos 50 converteuse nun verdadeiro acto de homenaxe á súa figura e acudiron gran parte da veciñanza, as autoridades locais, membros da comisión delegada e o alumnado da escola que o indiano fundara.
Vista xeral das instalacións da Escola Agrícola Pedro Murias no século XXI
Vista xeral das instalacións da Escola Agrícola Pedro Murias no século XXI

A única condición que puxo Pedro Murias para a súa fundación filantrópica foi que debía estar radicada na parroquia da Devesa. A compra deste extenso predio tivo lugar entre 1916 e 1924, período en que a fundación mercou no lugar de Vilaframil unhas 65 parcelas de preto de 15 hectáreas, formado por monte baixo, prados, terreos de labradío e secaño etc. Levou tempo acondicionar os terreos para uso agrícola e gandeiro e para a construción das numerosas dependencias pois houbo que sanear as zonas pantanosas, construír camiños, cavar e repoboar o monte, demoler lindes, instalar mecanismos de regadío... En 1929 o recinto estivo rematado.
O obxectivo principal da escola era impartir ensinanza aos nenos da parroquia e contribuír á difusión das melloras agrícolas e gandeiras entre os labregos da comarca. Labor que continúa hoxe en día. Tras a rehabilitación levada a cabo pola Xunta de Galicia, dispón de terreo para prácticas, aula de lácteos, invernadoiros, alpendre de maquinaria, naves para gando vacún e para instalacións agrarias, talleres, residencia, comedor, laboratorio, sala de informática, biblioteca etc. Os e as alumnas de ciclo medio reciben aulas teóricas e realizan prácticas en empresas do sector agroforestal da comarca. O obxectivo prioritario é animar as novas xeracións a apostar polo rural galego para favorecer o relevo xeracional e a modernización do sector.
O legado de Pedro Murias na actualidade
O legado de Pedro Murias na actualidade

Tras un longo declive en que o centro educativo chegou a pecharse e as instalacións e os terreos quedaron practicamente abandonados, en 1993 a Xunta de Galicia retoma o proxecto de Pedro Murias. Comeza ese ano a rehabilitación das instalacións e apróbase a creación dun centro de formación profesional dedicado á formación e experimentación agroforestal para que os e as estudantes galegas coñezan de primeira man as novidades do sector e contribúan á modernización e progreso do rural galego. Por suposto, este centro mantén o nome do indiano iniciador do proxecto a comezos do pasado século. Galicia e a comarca da Mariña honran a este filántropo a través da continuidade da súa obra. Cen anos despois, o nome de Pedro Murias permanece na memoria colectiva como un referente nos estudos agrarios de Galicia.
Primeira xunta directiva da Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión, 1923
Primeira xunta directiva da Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión, 1923

Fotografía dos membros da directiva fundacional, na que podemos ver sentados, de esquerda a dereita, a Lino Baliña, que ocupaba o cargo de tesoureiro; José Quintáns Pazos, vicepresidente; Casto M. Insua, presidente; o secretario, Manuel Areas Blanco, e Vicente Graíño, contador. De pé están J. M. Castro, nomeado prototesoureiro, e os vogais Jaime Lires, Jesús Pose, José Santos Soto, Daniel Caamaño Moreira, Manuel F. Fernández, Faustino Luaces e Manuel Fariña.
Baixo o seu mandato, o 27 de xaneiro de 1923 foron aprobados os primeiros estatutos, en cuxo artigo 1 se impuxo o criterio de que podían pertencer á sociedade todos os emigrantes naturais de todos concellos do partido xudicial e non só os de Muxía e Cee, como fora a idea inicial. A sociedade chamouse Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión, denominación que deixa ben clara a súa finalidade agrarista e instrutiva. En 1927 aprobouse o cambio de nome da entidade, que pasa a ser Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión (en diante ABC, tal como é coñecida popularmente).
Inauguración do curso escolar na casa-escola de Pasarela en Vimianzo, 1932
Inauguración do curso escolar na casa-escola de Pasarela en Vimianzo, 1932

Nos seus primeiros estatutos aparece como unha das súas principais prioridades «procurar la creación de escuelas de instrucción primaria, industriales y de artes y oficios, tendiendo al mejoramiento de las existentes, creando premios y estimulando todo aquello que este comprendiendo en el orden cultural […]».
Como vemos, para a sociedade, a educación dos seus veciños e veciñas é esencial para o progreso da terra natal. En xuño de 1929 apróbase a creación de centros escolares en todos os concellos do distrito xudicial de Corcubión e realízase un sorteo para decidir a orde na construción dos edificios. O delegado da Sociedade en Galicia, Juan Díaz Fernández, escollía o lugar onde se edificarían, seguindo os criterios de necesidade e acceso do maior número de alumnado posible.
No concello de Vimianzo foi Pasarela o lugar elixido. Alí foi inaugurada esta escola en 1931 co nome do escritor e poeta de Baio Enrique Labarta Pose como homenaxe. Moitos dos seus poemas aparecen publicados en Alborada, o seu voceiro social.
A primeira escola fundada pola ABC na aldea muxiá de Nemiña, 2007
A primeira escola fundada pola ABC na aldea muxiá de Nemiña, 2007

No ano 1929 a entidade inicia o seu proxecto educativo coa decisión de construír nunha primeira fase catro escolas nos concellos de Muxía, Vimianzo, Fisterra e Cee. O primeiro centro escolar en ser rematado estaba en Nemiña.
As catro casas-escolas que constrúe son moi semellantes arquitectonicamente: edificios dunha soa planta dividida en dúas partes: unha era a escola propiamente dita e a outra era a vivenda do/a mestre/a. Para conseguir luminosidade e ventilación natural a fachada principal está cuberta de grandes fiestras, sen elementos decorativos agás unha placa conmemorativa co nome da escola, o número da orde de construción e o nome da sociedade.
Esta escola levaba o nome de Manuel Areas Blanco, en memoria dun dos socios fundadores da ABC que ocupou varios cargos directivos. Natural de Lires (Cee), morreu en 1928 e deixou unha fonda pegada nos seus conterráneos.
A casa-escola de Estorde (Cee) rehabilitada, 2009
A casa-escola de Estorde (Cee) rehabilitada, 2009

A elección de Estorde para construír a escola vén precedida de polémica, pois desde a corporación preferíase outra localización. A doazón de 1000 pesos e da madeira necesaria para a súa construción por parte de Marcial González, directivo da ABC e natural desta aldea, fixo que a sociedade optase por este lugar. A escola inaugurouse en 1931 e na fachada principal aínda se conserva unha placa de mármore na que podemos ler «ESCUELA MARCIAL GONZÁLEZ, Nº 4 DE LA "ABC DEL PARTIDO DE CORCUBIÓN" DE BUENOS AIRES». Funcionou como aula de primaria ata os anos 80, cando a falta de alumnado provocou o seu peche. En 2006, o Concello de Cee promoveu a súa rehabilitación e a do seu recinto.
Sempre prevaleceu o desexo da asociación de contribuír a desterrar o analfabetismo na Costa da Morte, polo que primaban as condicións hixiénicas e pedagóxicas sobre a arquitectura dos edificios. Ademais do capital necesario para mercar os soares e construír o edificio, a sociedade doaba parte do mobiliario e o material escolar; a veciñanza colaboraba co seu traballo e coa achega dos materiais necesarios. Os concellos, usufrutuarios dos edificios, eran os encargados de contratar os mestres.
Noticia da fusión de dúas sociedades irmás, <cite>Alborada</cite>, 1938
Noticia da fusión de dúas sociedades irmás, Alborada, 1938

A maior parte dos fundadores da entidade eran naturais dos concellos de Cee e Muxía e pensaban nos seus conterráneos como socios da nova sociedade. Axiña xurdiron voces que defendían a necesidade de incluír todos os concellos da comarca e así ter un maior peso e influencia para acadar os seus obxectivos. Aínda que se intentou que a representación de cada municipio fose equitativa para evitar agravios, en xaneiro de 1923, un grupo de socios naturais de Muxía liderados por Manuel Pose Oreiro, en desacordo con esta iniciativa, deciden separarse e crear unha nova entidade que se chamará Sociedad Cultural y Agraria Residentes del Distrito de Mugía. Isto supuxo un conflito entre ambas as entidades e nos seus voceiros sociais podemos ler artigos e cartas en que cada sociedade manifesta as súas razóns para esta separación. En 1935 comeza a frutificar a idea dunha fusión e finalmente, en 1938, aprobouse a ansiada unificación, que foi considerada como a mellor opción para a súa supervivencia. Os socios da entidade muxiá, xa moi poucos, só puxeron como condición a compra dun local social que se fixo en 1940.
Primeira sede social da ABC del Partido de Corcubión, na rúa Venezuela, 2164, Cidade Autónoma de Bos Aires
Primeira sede social da ABC del Partido de Corcubión, na rúa Venezuela, 2164, Cidade Autónoma de Bos Aires

Esta foi unha das sociedades microterritoriais establecidas en Bos Aires con maior afluencia e número de socios, pois xa en 1924 contaba con 600 aproximadamente. A súa sede social, situada na rúa Venezuela, 2164, moi preto do Centro Galego de Bos Aires, foi adquirida en 1940. A ABC del Partido de Corcubión consolidaba así un dos obxectivos de toda sociedade étnica de emigrantes. Nela funcionan a administración, a biblioteca e as demais estancias onde se desenvolven actividades de carácter cultural e formativo.
En 1962 a entidade adquire unha segunda propiedade; trátase da segunda sede de recreo social, situada na rúa Bartolomé Cruz, 1871, na cidade bonaerense de Vicente López. Representa o espazo recreativo por excelencia desta destacada asociación que na actualidade conta con 900 socios das tres categorías establecidas pola entidade: activos, vitalicios e de mérito.
Os socios colaboran na construción do seu campo de recreo, ca. 1954
Os socios colaboran na construción do seu campo de recreo, ca. 1954

A partir de 1940, co incremento de socios, a comisión directiva aluga un amplo predio na localidade de Vicente López, para destinalo á organización de actividades recreativas e lúdicas. Estas instalacións, con parrillas e un gran parque con árbores, enchíanse e énchense cos socios e socias e os seus convidados as fins de semana e na época estival. No Campo Corcubión teñen lugar numerosas festas campestres e asados, así como as diversas celebracións festivas da entidade como o seu aniversario, as festas patronais de cada concello ou os famosos «carnavales», de gran sona entre a colectividade galega de Bos Aires dos anos 50 e 60.
O éxito é tan grande que se decide mercar a propiedade e a mediados dos anos 50 comeza unha intensa campaña entre os socios para obter financiamento. Grazas ao apoio económico do empresario Perfecto López, directivo da sociedade, asinouse o 8 de agosto de 1962 a escritura de propiedade desta sede recreativa, hoxe cunhas instalacións ampliadas e modernizadas.
As Grandes Festas Campestres da ABC del Partido de Corcubión, Bos Aires, 1950
As Grandes Festas Campestres da ABC del Partido de Corcubión, Bos Aires, 1950

As Grandes Festas Campestres son ben coñecidas pola colectividade galega residente en Bos Aires debido á súa amenidade e boa organización. Na sede de Vicente López, coñecida como Campo Corcubión, organízase unha gran cantidade de actos de índole variada. A Comisión de Festas, xunto coa de Damas e demais socios voluntarios, traballa cóbado con cóbado na organización dos diferentes eventos, co fin de alcanzar unha maior comodidade e entusiasmo por parte das socias, socios e demais simpatizantes da ABC del Partido de Corcubión. Moitas persoas concorren cada ano aos pícnics, ceas de camaradaría e festivais musicais, entre outras moitas actividades. As celebracións son máis rechamantes na tempada de verán, nas que non faltan as cantareiras e o seu emblemático grupo de música tradicional Alborada.
O emblemático Campo Corcubión, distintivo da ABC del Partido de Corcubión, ca. 1963
O emblemático Campo Corcubión, distintivo da ABC del Partido de Corcubión, ca. 1963

Non cabe dúbida da importancia que ten para esta entidade a sede recreativa coñecida como Campo Corcubión. Anos antes de ser adquirida en propiedade, era alugada para realizar celebracións de toda índole. Nela nenos e maiores gozaban do tempo de lecer, particularmente durante os meses de verán. As festas tradicionais galegas, o Entroido e os aniversarios continúan tendo lugar nas súas coidadas e modernizadas instalacións, onde socios e simpatizantes rememoran acotío os signos da identidade cultural, con bailes e música popular galega, facendo honra da súa orixe.
<cite>Lunch</cite> de celebración de fin de curso organizado pola comisión directiva da ABC del Partido de Corcubión, Bos Aires, 1950
Lunch de celebración de fin de curso organizado pola comisión directiva da ABC del Partido de Corcubión, Bos Aires, 1950

A profesora de costura, corte e confección Elsa Martínez Santos celebra a fin de curso xunto ás súas alumnas. A comisión directiva agasalla ao grupo cun sinxelo ágape e un pouco de música para celebrar o dito acontecemento. Un exemplo das famosas «Notas Gráficas» publicadas na revista Alborada, na que se dá conta das actividades formativas e da vida social que delas se desprende, a través da organización de grandes e tamén pequenas celebracións como a que ilustra esta imaxe, que reflicte a satisfacción de ter rematada a tarefa de capacitación levada a cabo pola directora deses cursos.
Memoria social do ano 1950, Bos Aires, 1951
Memoria social do ano 1950, Bos Aires, 1951

A revista Alborada, no seu empeño en ter a todas as socias e socios ben informados sobre o funcionamento da ABC del Partido de Corcubión, publica desde os seus inicios as convocatorias ás asembleas de socios. No artigo 22 dos estatutos da entidade inclúese o proceso de citación para as ditas asembleas, tanto ordinarias como extraordinarias, para o cal eran indispensables as circulares impresas remitidas a domicilio e a súa publicación no órgano xornalístico representativo da asociación. Estas convocatorias adoitan ir acompañadas pola Memoria na que a comisión directiva rende contas das súas accións desenvolvidas durante o ano anterior. Temos aquí un exemplo da Memoria correspondente ao ano 1950, na que se referencian as principais actividades, traballos realizados para a ampliación e mellora das instalacións no Campo Corcubión etc. O estado de solidez económica da entidade é outro punto que se desenvolve nesta dita Memoria anual, que inclúe a xustificación de gastos extra efectuados.
Destaca tamén a celebración do 25º aniversario da revista Alborada e a gran difusión alcanzada fóra das fronteiras arxentinas, pola súa calidade e a altura intelectual de moitos dos seus colaboradores.
As festas recreativas cos diversos motivos de celebración tamén son descritas con detalle na Memoria, así como as accións benéficas para socios necesitados, as homenaxes en que participa a entidade xunto a outras asociacións homólogas de emigrantes galegos ou a celebración por primeira vez do Día de Galicia en Bos Aires.
Como é habitual, tamén se dá conta do movemento de socios da entidade, as doazóns recibidas para o seu mellor funcionamento, as chamadas «medallas estímulo» como incentivo para captar socios etc.
Castelao na celebración do 26º aniversario fundacional da ABC, 1948. <br>ABC caracterízouse pola súa acción progresista e defensora do ideario republicano e galeguista. Durante a Guerra Civil será unha das sociedades que colabora coa Cruz Vermella e a Federación de Sociedades Gallegas no envío de axuda ao bando republicano e aos exiliados que arribaban a terras arxentinas
Castelao na celebración do 26º aniversario fundacional da ABC, 1948.
ABC caracterízouse pola súa acción progresista e defensora do ideario republicano e galeguista. Durante a Guerra Civil será unha das sociedades que colabora coa Cruz Vermella e a Federación de Sociedades Gallegas no envío de axuda ao bando republicano e aos exiliados que arribaban a terras arxentinas

A ABC caracterízouse pola súa acción progresista e defensora do ideario republicano e galeguista. Durante a Guerra Civil será unha das sociedades que colabora coa Cruz Vermella e a Federación de Sociedades Gallegas no envío de axuda ao bando republicano e aos exiliados que arribaban a terras arxentinas. Coa chegada ao país de Alfonso R. Castelao comeza unha intensa relación entre a entidade e o político e artista. A súa amizade con directivos da ABC como Perfecto López fai que asista a numerosas actividades culturais e festivas da entidade nas que era convidado de honra, como podemos ver na imaxe. A ABC organizou varias homenaxes tributadas ao político, como o banquete de despedida cando foi nomeado ministro da República e marcha a París e, como non, ao seu regreso.
A morte do «guieiro da patria» foi moi sentida no seo da entidade. O traslado dos seus restos ao cemiterio de Chacarita foi realizado por amigos e directivos das sociedades máis afíns ao ideario galeguista, e Perfecto López como representante da ABC portou o cadaleito.
<cite>Alborada. ABC del Partido de Corcubión</cite>. Cuberta que conmemora o 80º aniversario da publicación, 1922-2002
Alborada. ABC del Partido de Corcubión. Cuberta que conmemora o 80º aniversario da publicación, 1922-2002

Un dos firmes propósitos desta importante asociación de emigrantes galegos en Bos Aires foi a edición dunha revista, como órgano xornalístico representativo. Así, o 25 de xuño de 1925 a comisión directiva fai a proposta de editar Alborada, que sería o voceiro da ABC del Partido de Corcubión. Esta publicación sempre foi transmisora non só das actividades propias da entidade, senón tamén de numerosos artigos e discursos de destacados persoeiros da cultura galega que pasaron pola súa sede social, como por exemplo Castelao, Antón Alonso Ríos ou Avelino Díaz, entre outros.
Deixamos aquí un extracto das palabras do seu director Antonio Díaz Novo con motivo do seu primeiro aniversario: «portavoz de las ansias y de las aspiraciones de una colectividad pletórica de virilidades y de entusiasmos patrióticos, que quiere manifestarse en toda su pujanza. Recoje en sus columnas cuanto tiende a engrandecer a su comarca de origen, a sus hombres y a sus instituciones […]».
Comisión de Damas da ABC del Partido de Corcubión, Bos Aires, 1983
Comisión de Damas da ABC del Partido de Corcubión, Bos Aires, 1983

A participación activa das mulleres na organización de actos festivos, así como o seu apoio incondicional en iniciativas a favor de toda clase de melloras nos servizos prestados ás persoas asociadas e da consecución de calquera proxecto impulsado pola xunta directiva, constitúe un labor inherente á comisión feminina da ABC del Partido de Corcubión desde a súa a fundación.
Nesta imaxe aparecen o presidente, Manuel Suárez Trigo, e o vicepresidente, Manuel Paz, que destacan o gran labor desenvolvido pola Comisión de Damas desta entidade.
Mantendo as tradicións alén mar, 1997
Mantendo as tradicións alén mar, 1997

Entre as numerosas actividades recreativas que realiza a ABC queremos destacar, pola súa tradición artesá, a creación en 2010 dunha escola de encaixe de palillos de Camariñas á que asisten numerosas socias. As alumnas reciben clases nas instalacións do Campo Corcubión desde marzo ata decembro. Os seus traballos son expostos durante a celebración das festas da Virxe da Barca, patroa de Muxía, que os seus conterráneos en Arxentina celebran co mesmo entusiasmo que na terra natal.
As palilleiras recuperan así esta arte, que transmiten ás novas xeracións nun país e nun contexto moi diferentes á súa terra nai. O mantemento das tradicións e do patrimonio cultural da Costa da Morte é unha das prioridades da asociación.
Visita de representantes das institucións galegas na sede da ABC, 2009
Visita de representantes das institucións galegas na sede da ABC, 2009

Ao longo destes anos a entidade tivo e ten unha estreita relación con Galicia nunha historia de ida e volta. Non só os directivos e mais os socios e socias da ABC visitan a súa terra natal, senón que tamén reciben visitas de autoridades galegas que viaxan a Arxentina. Este contacto estreito cos nosos emigrantes é unha tarefa que levan a cabo alcaldes e membros das institucións e do Goberno de Galicia. Nesta fotografía vemos a recepción que se lles fixo aos representantes da Deputación da Coruña. Nesta visita inaugurouse o salón principal da sede social da entidade sita na rúa Venezuela, ampliado e adaptado ás necesidades dos e das socias de maior idade grazas a un convenio asinado coa Deputación.
Grupo de baile Alborada da ABC del Partido de Corcubión
Grupo de baile Alborada da ABC del Partido de Corcubión

Unha das formas de participación das mozas e mozos da ABC del Partido de Corcubión que contribúen ao seu desenvolvemento social e mesmo persoal é o fomento do deporte e a promoción da formación de grupos folclóricos. A través desta práctica achéganse, dun xeito lúdico e ameno, os valores culturais e a lingua galega á mocidade. Música tradicional e lingua como compoñentes configuradores da identidade cultural. Prodúcese así un proceso de retroalimentación, de feedback, xa que eles tamén funcionan como elementos de difusión da cultura galega, tanto en Arxentina e no resto de países que acollen emigrantes galegos como na propia Galicia.
Nesta imaxe estamos ante varios integrantes do Cuerpo de Baile y Música Gallega Alborada, formado en 1995. Encárganse da animación de festexos, representación da Galicia exterior en festivais internacionais etc. Un gran traballo de investigación e moitas horas de ensaio están detrás de grupos coma este, pois, aínda que os rapaces sexan descendentes de galegos na súa maioría, existen aspectos que só coñecían medianamente, polo que tiveron que aprender moito para poder alcanzar resultados tan satisfactorios.
Salón de Usos Múltiples Juan Graíño, cidade de Vicente López, Provincia de Bos Aires, 2011
Salón de Usos Múltiples Juan Graíño, cidade de Vicente López, Provincia de Bos Aires, 2011

Aos propósitos de beneficencia, cultura e recreación da ABC del Partido de Corcubión súmase o deporte. Vese así ampliada a esfera de interacción social entre os asociados e, neste caso, o resto da comunidade arxentina. Esta obra recibiu o apoio da Deputación da Coruña e tamén foi impulsada polo intendente de Vicente López Enrique García. A cancha, en principio, está destinada para a práctica de fútbol sala e voleibol, e nela teñen lugar numerosas competicións amigables co equipo da ABC del Partido de Corcubión.
Directiva da ABC del Partido de Corcubión, grande anfitrioa, 2009
Directiva da ABC del Partido de Corcubión, grande anfitrioa, 2009

As directivas da ABC del Partido de Corcubión caracterizáronse, desde os seus inicios, polo seu alto grao de actividade e iniciativas que impulsaron á entidade a seguir subindo os banzos propios dun arduo traballo en equipo.
As boas relacións coas autoridades autonómicas de Galicia constitúen un dos seus distintivos. Nesta imaxe aparece Salvador Fernández Moreda, quen foi lexislador e presidente da Deputación Provincial da Coruña. A súa visita foi acollida con fervor pola xunta directiva na sede de recreo social situada en Vicente López. Alí puido observar as melloras e ampliacións realizadas nas instalacións grazas á axuda recibida durante o seu mandato.
Acto de homenaxe á ABC del Partido de Corcubión na escola de Suarriba, en Fisterra, 2019
Acto de homenaxe á ABC del Partido de Corcubión na escola de Suarriba, en Fisterra, 2019

O meritorio labor do Concello de Fisterra pola rehabilitación da casa-escola de Suarriba, construída en 1930, viuse coroado por un acto de recoñecemento á entidade arxentina coa recuperación e colocación da antiga placa de mármore que tiña a escola e que se perdera. Así, agora na fachada principal do antigo centro educativo podemos ler, como outrora, «“ESCUELA JUAN DÍAZ FERNÁNDEZ”, Nº 3, DE LA “ABC DEL PARTIDO DE CORCUBIÓN” DE BUENOS AIRES».
Cando se inaugurou, a escola chamouse así en homenaxe e recoñecemento ao gran labor do delegado da ABC en Galicia Juan Díaz Fernández. Mestre nacional e pai dun dos seus directivos, Antonio Díaz Novo, realizou todas as xestións precisas cos veciños e cos municipios para a construción das escolas proxectadas desde Arxentina.
Este emotivo acto contou coa presenza do presidente actual da ABC, Carlos O. Ameijeiras, varios socios e socias que viaxaron desde Arxentina para asistir ao evento, autoridades de varios dos concellos vinculados coa entidade e da Xunta de Galicia e veciñanza.
Ferdinand de Lesseps, figura pioneira dun proxecto errado
Ferdinand de Lesseps, figura pioneira dun proxecto errado

O francés Ferdinand de Lesseps, diplomático de carreira e empresario, foi a figura pioneira que deu comezo á materialización dunha idea que viña circulando desde tempos da colonización española, tal como amosaban os estudos topográficos ordenados polo rei Carlos I de España en 1534. Foi recoñecido como “O milagre de Suez” ou “O grande enxeñeiro” desde 1869, polo traballo realizado na construción da canle de Suez (Exipto). Parecía a persoa idónea e pedíronlle que se ocupase do proxecto de construción da canle de Panamá, aínda que non era propiamente un enxeñeiro, senón un diplomático, como fora seu pai, Mathieu de Lesseps. A compañía presidida por Ferdinand, denominada Compagnie Universelle du Canal Interocéanique, fundouse o 31 de xaneiro de 1881. A persoa que en realidade se encargaría da supervisión diaria dos traballos sería o seu fillo Charles. Namentres, Lesseps intentaba conseguir financiamento para o ambicioso proxecto de construción da canle, a través da venda de accións da compañía, entre outros movementos.
A despregadura de maquinaria e man de obra nun terreo pouco explorado, á falta de plans de previsión —especialmente en materia de financiamento e medios técnicos—, e a mala organización e malversación de fondos orixinaron certa desconfianza, a partir da cal se levaron a cabo exhaustivos exames do estado financeiro, os activos e as condicións técnicas, o que acabou coa empresa. Deste xeito, o 21 de outubro de 1894 créase unha nova compañía denominada Compañía Nueva del Canal de Panamá. A pesar de todo, catro anos despois a situación era insostible e as prórrogas outorgadas polo Goberno colombiano non foron suficientes, o que levou a que en 1898 se producisen as primeiras tomas de contacto con Estados Unidos.
A herdanza da “canle francesa”, ca. 1889
A herdanza da “canle francesa”, ca. 1889

Entre as causas polas que o proxecto francés desembocou nun fracaso e desventura, ademais das sinaladas máis arriba, atópase a insistencia en seguir co proxecto de construción dunha canle a nivel. O feito de encontrarse coas características “case letais” propias da selva panameña, sen apenas coñecementos para combater as enfermidades tropicais, supuxo unha cifra de 22 000 traballadores falecidos como mínimo. A pesar diso, os franceses deixaron un considerable legado, froito dos esforzos empregados durante sete anos. Os traballos herdados pola ICC á súa chegada ás obras foron: 15 millas de canle en estado de servizo do lado do Atlántico e 4 millas do lado do Pacífico, 33 quilómetros de canle completamente rematados, 500 máquinas de vapor, 1000 carretas, 150 quilómetros de raís, 250 canoas, escavadoras, dragas, guindastres e ferramentas de varias clases.
O presidente Roosevelt, un cambio de rumbo na historia, 1906
O presidente Roosevelt, un cambio de rumbo na historia, 1906

Baixo a presidencia de Theodore Roosevelt, Estados Unidos desempeñou un papel crucial no liderado da política internacional. O máis relevante do seu mandato foi a construción da canle de Panamá. O claro obxectivo de lograr a expansión de Estados Unidos no Pacífico levouno a iniciar unha serie de tramitacións relativas ao control da vía interoceánica e, por conseguinte, do istmo. O secretario de Estado, John Hay, persuadiu o embaixador colombiano, Tomás Herrán, para que asinase un tratado no que constase que Colombia cedía a Estados Unidos o usufruto durante 99 anos de 10 quilómetros de terreo, por 10 millóns de dólares e unha anualidade de 250 000 dólares. O tratado coñeceuse como Tratado Hay-Herrán e foi ratificado polo Senado norteamericano o 17 de marzo de 1903. Con todo, o Congreso colombiano rexeitou a dita ratificación o 12 de agosto dese mesmo ano. Este feito provocou que Estados Unidos se posicionase a favor dos independentistas panameños, sobre todo para alcanzar o seu obxectivo principal, que consistía en obter a autoridade absoluta sobre o proxecto da canle e, por conseguinte, o control de certo territorio. Así, logrouse canalizar a independencia do departamento colombiano de Panamá para convertelo na nova República de Panamá, o 3 de novembro de 1903. En maio de 1904, mercados os dereitos e propiedades da compañía francesa por un valor de 40 millóns de dólares, Estados Unidos faise cargo das obras da canle interoceánica. Dez anos despois, o 15 de agosto de 1914, a canle de Panamá abríase ao comercio marítimo mundial; iniciábase o tráfico marítimo e permitíase o establecemento da comunicación interoceánica entre o Pacífico e o Atlántico.

Panamá e os novos plans de acción para a súa canle.
Panamá e os novos plans de acción para a súa canle.

A través do tratado asinado por Philippe Bunau Varilla e John Hay en Washington o 18 de novembro de 1903, coñecido como Tratado Hay-Bunau Varilla, Panamá pasaría a converterse nun novo destino para os emigrantes galegos e demais españois. O artigo XII do tratado fai alusión ao dito fenómeno:
«El Gobierno de la República de Panamá permitirá la inmigración y libre acceso a las tierras y talleres del Canal y a sus obras auxiliares a todos los empleados y obreros de cualquiera nacionalidad que estén contratados para trabajar en el Canal o que busquen empleo en él o que de cualquier manera estén relacionados con el mencionado canal y sus obras auxiliares, con sus respectivas familias, y todas esas personas estarán exentas del servicio militar de la República de Panamá».
A partir de entón, miles de traballadores de diferentes nacionalidades comezarían a súa andaina migratoria cara a Panamá. Tras a chegada dos norteamericanos, púxose en marcha un plan inmediato de organización social do traballo, no que estarían directamente implicados factores como, por exemplo, a nacionalidade, o nivel de rendemento dos empregados nas obras, a súa disposición espacial en función deste ou a clasificación dos tipos de aloxamento para vivendas, hospitais, comedores, escolas etc.
Presentamos este mapa da zona da canle para ofrecer unha mellor visión xeral e aproximada do territorio onde se executaron as obras de construción da canle e foron repartidos os miles de emigrantes galegos contratados para tal fin.
<i>Payday</i> ou día de cobro dos <i>silver roll men</i> (Isthmian Canal Commission), ca. 1909
Payday ou día de cobro dos silver roll men (Isthmian Canal Commission), ca. 1909

A importación, categorización e ordenación espacial dos traballadores constituíu un dos primeiros pasos do procedemento norteamericano, xunto ás medidas urxentes de saúde pública destinadas á erradicación, principalmente, da malaria e da febre amarela. Os norteamericanos adoptaron un sistema de distribución da forza laboral con claras connotacións de segregación racial. Para os traballos denominados de “pico e pa” utilizaban traballadores importados de distintas nacionalidades. Neste caso, a dita segregación aparecía enmascarada polo pretexto da variada procedencia dos obreiros, con costumes e linguas diferentes, ambos posibles factores capaces de entorpecer o ritmo rápido e fluído que tiña que reinar ao pé de obra. A categorización da forza de traballo configurouse basicamente da maneira seguinte: os traballadores adscritos á categoría de gold roll e os adscritos ao silver roll. Esta clasificación baseábase no sistema de pagamento salarial (en ouro ou prata) que implantara Estados Unidos para o proxecto da canle de Panamá.
Por unha banda estaban os empregados do gold roll, que eran estadounidenses brancos (médicos, enfermeiros, patólogos, asistentes de laboratorio, químicos, farmacéuticos, enxeñeiros, operarios de distintas especialidades etc.). En definitiva, tratábase de ocupacións que requirían distintos graos de cualificación. Percibían o seu salario en ouro norteamericano e a súa xornada laboral era de oito horas, con dereito a seis semanas de vacacións.
Por outra banda atopábanse os traballadores da categoría silver roll, que farían maioritariamente traballos de “pico e pa” (pick and spade). Nesta categoría entraban os obreiros europeos e antillanos, que eran os unskilled laborers ou obreiros non cualificados. Cobraban un salario en prata panameña e tiñan xornadas de dez horas. Esta última condición ía variando en función da nacionalidade dos obreiros. Os galegos percibían o seu salario en moeda de ouro.
Nesta imaxe vemos como acoden os traballadores do silver roll aos vagóns en que se repartían os salarios, o payday.
Mesmo status pero diferentes salarios, marcando diferenzas
Mesmo status pero diferentes salarios, marcando diferenzas

A pesar de pertencer antillanos e europeos á categoría silver roll ou “nómina de prata”, existía unha diferenza notable a nivel salarial. Por regra xeral, os obreiros europeos cobraban entre 16 e 20 centavos por hora, namentres que os antillanos podían cobrar 7, 10, 13, 16 ou 20 centavos por hora. Cabe sinalar que se descubriu a existencia de 751 tipos de pago diferentes entre os empregados do silver roll e duns 400 entre os adscritos á categoría gold roll.
Os obreiros europeos dispoñían duns 25 comedores onde se lles cobraba 40 centavos ao día. Os antillanos comían nos chamados “ranchos”, facían fila para que lle deran a comida e buscaban calquera recanto do descampado para sentarse a comer.
O desconto salarial referido ás comidas afectaba, sobre todo, aos solteiros ou sen familia na zona da canle, xa que os grupos familiares adoitaban abastecerse de alimentos e cociñar pola súa conta. Existían economatos rexentados por norteamericanos, cantinas e tamén fondas explotadas, nalgunhas ocasións, por emigrantes españois que non traballaban de forma directa nas obras da canle e que formarían parte desa masa migratoria da que falabamos con anterioridade.
John F. Stevens, peza clave no plan de contratación de traballadores galegos nas obras da Canle de Panamá (1905-1907)
John F. Stevens, peza clave no plan de contratación de traballadores galegos nas obras da Canle de Panamá (1905-1907)

John F. Stevens, natural de West Gardiner (Maine, Nova York), foi nomeado enxeñeiro xefe da Isthmian Canal Commission o 1 de xullo de 1905, tras a repentina dimisión de John F. Wallace o día anterior. O 27 de xullo dese mesmo ano chegou a Colón e observou o desafío que tería que superar. O panorama non era moi alentador, pois a simple vista o que primaba eran traballadores desorientados, escavadoras, o ferrocarril articulado parado etc. Un dos comentarios que fixo tras a primeira observación da atmosfera reinante foi: “Na zona da canle reina a confusión, a febre amarela e o medo”. Os traballadores deambulaban desorientados polas obras, sen un guía que os dirixise.
Foi un home sumamente resolutivo e a súa estratexia de traballo baseábase na eficacia. Para iso, convenceu persoalmente ao presidente Roosevelt da conveniencia de construír unha canle mediante o sistema de esclusas e non a nivel, como se planificara con anterioridade. Os principios básicos defendidos por Stevens facían referencia á realización do saneamento, habilitación de todas as instalacións necesarias para albergar os traballadores, sen distinción, e os servizos indispensables para vivir. En definitiva, quería dispoñer dunha man de obra ben alimentada, saudable e con vivendas confortables, pois sabía que estas circunstancias creaban adherencia e certo apego ao lugar de traballo para evitar o abandono laboral.
Un dos principais problemas considerados por John F. Stevens foi a retirada eficaz de terra e roca escavadas, o que implicaba unha remodelación do antigo ferrocarril e a colocación de redes ferroviarias bidireccionais para o transporte múltiple. Estes obxectivos só serían alcanzados conseguindo unha man de obra que reunise unhas características non fáciles de atopar, polo que tiña especial interese en recrutar traballadores españois, especialmente nos procedentes de Galicia, aínda que tamén presentaba conformidade cos do resto do norte de España.
Labores de saneamento para erradicar as pragas. Miraflores, ca. 1906
Labores de saneamento para erradicar as pragas. Miraflores, ca. 1906

O coronel William Crawford Gorgas, director do Departamento de Sanidade da ICC, foi un dos primeiros membros desta Comisión en chegar a Panamá e fíxoo co firme propósito de combater os criadeiros de mosquitos para lograr a súa erradicación. A primeira Comisión da Canle non lle deu o seu apoio nun asunto de tanta importancia, pois opinaba que a solución se alcanzaría só coa pavimentación, instalación de sumidoiros nas rúas e recollida sistemática do lixo. En realidade, a razón principal da súa negativa atendía a unha política de restrición económica.
Máis adiante, co nomeamento de Jonh F. Stevens como enxeñeiro xefe, o Dr. Gorgas atoparía o apoio que levaba tanto tempo esperando. Gorgas era especialista en enfermidades tropicais. Conectaba moi ben con Stevens e os dous coincidían na necesidade prioritaria de “sanear primeiro e escavar despois”, para facer remitir a situación de insalubridade reinante no istmo.
Levouse a cabo un plan de saneamento de toda a zona da canle, que incluía as cidades de Panamá e Colón. Combater os criadeiros de mosquitos era primordial, pois a febre amarela e a malaria estaban acabando con miles de vidas. O ritmo das enfermidades que afectaban aos traballadores era realmente alarmante. Foron imprescindibles os labores de colocación de mallas de cobre nas ventás e portas, potabilización da auga, fumigación das vivendas, depósito de aceite en augas estancadas (cunetas, latrinas…) para que as larvas quedasen sen osíxeno, drenaxe de pantanos e limpeza da vexetación arredor dos poboados.
Recrutamento dos emigrantes galegos en Cuba.  Carta do enxeñeiro xefe John F. Stevens dirixida ao presidente da Administración da canle de Panamá, T. P. Shonts (14 de febreiro de 1906)
Recrutamento dos emigrantes galegos en Cuba. Carta do enxeñeiro xefe John F. Stevens dirixida ao presidente da Administración da canle de Panamá, T. P. Shonts (14 de febreiro de 1906)

A finais de 1905 comezouse cos preparativos para realizar a contratación de emigrantes españois e o resto de europeos. Stevens tiña coñecemento da boa sona dos galegos, pois eran considerados “duros e traballadores”, reputación adquirida nas obras ferroviarias da illa de Cuba. Nun principio o seu obxectivo era facerse cuns 4000 ou 5000 destes obreiros naturais de Galicia. Para evitar dar pasos en falso, decidiu optar por facer un experimento que non requirise moito desembolso económico e aforrar tempo de chegada dos galegos a Colón.
Antes de iniciar a campaña de contratación en España, Stevens explicoulles persoalmente o seu plan aos membros do Senado. Comentaron varias experiencias vividas en distintas obras en países como Guatemala e Honduras e incluso falaron da man de obra chinesa, á que Stevens lle tiña moita estima. Finalmente, as autoridades amosaron o seu acordo con el na decisión de actuar con cautela e levar a cabo o ensaio cos galegos da Habana. Estes homes estarían a proba durante un mes e medio, para valorar o seu rendemento e carácter. Se finalmente as expectativas se cumprían, sería nomeado un axente especial en representación da Comisión da Canle Ístmica para proceder a un recrutamento directo desde Galicia.
“Gallegos at home”, <i>New York Daily Tribune</i>, 25 de febreiro de 1906
“Gallegos at home”, New York Daily Tribune, 25 de febreiro de 1906

De acordo co que conta este xornal neoiorquino de 1906, dise por aí que Galicia ten a “raza” de homes máis resistente de España e que, a pesar do paso do tempo, segue a reinar nela a pobreza. Considérase apta como man de obra para a construción da canle de Panamá. Os galegos son fortes e capaces de traballar duro, baixo o sol e durante longo tempo. Son persoas acostumadas a marchar lonxe da súa terra para realizar traballos manuais como os da sega de Castela e tamén de América do Sur ou Portugal. A súa lingua non é a lingua castelá, e están máis ligados aos portugueses que aos españois.
A importación de man de obra galega e as súas condicións de vida nas obras da canle de Panamá
A importación de man de obra galega e as súas condicións de vida nas obras da canle de Panamá

A oferta realizada pola Comisión da Canle de Panamá era bastante tentadora, pois todo parecía beneficioso para o emigrante.
Lendo estas condicións de contratación e seguindo o cambio monetario de 1907, aquel galego que decidise emigrar a Panamá con toda a pasaxe adiantada pola Comisión precisaría case 11 meses de traballo para pagar o importe completo da viaxe. Mensualmente descontábanselle 24 pesetas do seu soldo para pagar o traslado de España ata Colón. En canto a débeda fose saldada coa ICC, se facía horas extra diariamente, cos domingos incluídos, a súa capacidade de aforro veríase incrementada e podería abandonar o proxecto cando lle interesase. Esta última idea, a de non estar obrigados a permanecer nas obras, levou consigo unha serie de malentendidos e desavinzas coa Comisión da Canle, pois moitos traballadores desexaban renunciar ao traballo para retornar a España, volver emigrar a outros países de América ou quedar nas cidades terminais de Colón ou Panamá probando sorte con algún negocio. De todos os xeitos, os emigrantes contratados tiñan primeiro que liquidar a viaxe, previamente facilitada pola ICC.

Balance dos traballadores europeos recibidos en Colón, onde os galegos son maioria, 1906
Balance dos traballadores europeos recibidos en Colón, onde os galegos son maioria, 1906

Le Roy Park foi o enviado especial que representaba a ICC como executor do recrutamento dos emigrantes españois. A súa figura entra en escena unha vez que o Goberno norteamericano e a Comisión da Canle de Panamá acordan dar o segundo paso e consentir á iniciativa liderada por Stevens para realizar o recrutamento directamente en Galicia. Na cidade de Vigo estableceu o seu centro de operacións, ao amparo do coñecido consignatario galego Estanislao Durán, quen tivo un papel moi activo desde o principio, ao encargarse de todo o referido ás distintas viaxes realizadas desde o porto de Vigo, coa Royal Steam Packet Company. A súa implicación chegou ata o punto de pagar a publicación de 10 000 folletos para repartilos polas aldeas durante a campaña publicitaria da compañía norteamericana.
Nesta carta, con sinais manuscritos, faise un reconto dos traballadores europeos recibidos para o seu ingreso nas obras. Aparecen datos como o nome do barco, a data de chegada, a cantidade de homes por nacionalidade e o poboado asignado a cada grupo. Ademais, infórmase sobre os barcos que se atopan en ruta. A maioría dos buques transportaban emigrantes galegos. Pódense observar cales eran os portos de saída deses barcos que se atopaban en ruta: Vigo, Santander e Bordeos.
O Orinoco e os galegos privilexiados da lista de embarque
O Orinoco e os galegos privilexiados da lista de embarque

A intervención na campaña de captación de emigrantes non se cinguiu soamente ao repartimento do folleto propagandístico polas aldeas. A estratexia do “boca a boca”, incluso difundida a través do envío de cartas previamente filtradas, era de vital importancia. Existía certa manipulación da realidade que funcionaba como unha táctica de márketing para asegurar a continuidade do proceso de recrutamento.
O axente Le Roy Park pediulle a Jackson Smith (xefe do Departamento de Traballo, Vivenda e Subministracións da ICC) que se encargase de ter “contentos” uns emigrantes galegos concretos. Os seus nomes e apelidos ían anotados nunha carta para que fosen ben identificados unha vez que desembarcasen en Colón. Aínda que os apelidos non estaban ben escritos na dita misiva, ían incluídos correctamente na lista de embarque do vapor Orinoco, que partiu cara a Colón o 14 de setembro de 1906. A finalidade de tal petición era lograr que os “emigrantes escollidos” servisen de portavoces das boas condicións en que vivían as cuadrillas de españois na zona da canle. Así, escribiríanlles aos seus familiares e veciños dándolles boas noticias e, incluso, invitándoos a emigrar a Panamá.
Temos aquí a tradución dun extracto da carta do axente Park (Vigo) a J. Smith (Culebra, Panamá):
«Querido señor,
Achégolle a lista de nomes dos pasaxeiros do barco Orinoco que parte hoxe cara a Colón. Estes homes foron coidadosamente seleccionados de diferentes vilas e aldeas de Galicia, e teñen no seu poder (aínda que eles non o saben) promover ou interromper a nosa operación de recrutamento de españois. Por cada un destes homes hai de 200 a 500 nos diferentes lugares dos que eles proceden, esperando escoitar o que estes homes conten sobre o clima, o traballo, se se paga ou non o prometido etc. Se temos bos informes deses homes, non creo imposible poñer 5000 españois alí a finais de decembro e quizais máis.
Suplícolle unha cousa, que lles paguen os seus soldos puntualmente, […]. Se ten alí un home diplomático, Stewart pode facelo, sería conveniente establecer unha especie de censura sinxela, nas cartas que escriben estes homes, e a petición deste diplomático, se son satisfactorias envíanse a Estanislao Durán, en Vigo, e déixaselles para que as manexen os seus axentes. […]
Le Roy Park
1. “José González Álvarez”,
2. “Antonio Lozana Aeirez”,
3. “Manuel Conseiro”,
4. “Rosando Louis Rodríguez”,
5. “Marcos de Miguel Alonzo”.»

Poñendo nomes e apelidos dos galegos na canle de Panamá: as listaxes de contratados chegados desde o porto de Vigo
Poñendo nomes e apelidos dos galegos na canle de Panamá: as listaxes de contratados chegados desde o porto de Vigo

Presentamos aquí as listaxes dos galegos recibidos no porto de Colón e aos que se lles asignaba, o mesmo día de chegar, a súa localización nos campamentos repartidos por toda a zona da canle. Cada un dos nomes da relación de galegos contratados ía acompañado dun número, que se correspondería co seu metal check, que consistía nunha especie de matrícula ou ficha metálica coa numeración gravada e que cabía no peto. Cada número pertencía a un obreiro e recollía toda a información persoal referida ao tipo de traballo asignado, a situación nas obras e o salario. Había que presentala para recibir o soldo e obter acceso a varios sitios nas obras. A chapiña metálica era personalizada, pero eran frecuentes as suplantacións de identidade, polo que a Comisión da Canle levaba un control o máis exhaustivo posible.
Os nomes e apelidos pódense ler con claridade, pois as listaxes eran escritas á máquina. As datas de mostra que presentamos neste especial son as seguintes:
1906: 10 de xuño, 29 de outubro, 12 e 18 de novembro
1907: 9 de xaneiro, 9 de setembro (e relevado o día 21, despois de 12 días de corentena) e 18 de novembro
1908: 14 de xullo
A pesar das prohibicións, a corrente migratoria ao istmo continúa
A pesar das prohibicións, a corrente migratoria ao istmo continúa

Baseándose nos informes dos axentes consulares, o Consello Superior de Emigración decide propor ao Goberno que prohiba temporalmente a emigración a Panamá. As razóns fan referencia ao grao de insalubridade e o aumento de enfermidades como o paludismo, cunha alarmante afección xeral e miles de ingresos hospitalarios. Outras das razóns obedecen á ausencia dun convenio internacional relacionado cos accidentes laborais, os cales ocorrían alí a diario de forma continua, ou as dificultades lingüísticas que impedían manter unha comunicación fluída cos capataces norteamericanos.
A pesar da insistencia por parte da Comisión da Canle de Panamá en soster unha imaxe ideal sobre as condicións laborais dos emigrantes españois nas obras, os medios xornalísticos, as misivas dos propios emigrantes e os testemuños directos dalgúns galegos retornados do istmo alcanzaron un peso maior. Finalmente, tivo lugar a prohibición temporal de emigrar a terras ístmicas, mediante a publicación do Real decreto do 12 de novembro de 1908. Talvez tamén tivese algo que ver nesta decisión do Goberno español o feito de que Italia decretase a mesma prohibición un ano antes.
O caso foi que, lonxe de desistir debido aos impedimentos legais impostos ás compañías navieiras e os seus consignatarios, o axente Le Roy Park seguiu buscando excepcións para que as concedese o Goberno español. Namentres cambiaban as cousas a Comisión da Canle empregaba estratexias paralelas. Lograba o recrutamento dos traballadores, á marxe da antedita prohibición, por portos europeos aos que non estaba prohibido emigrar, como foi o caso de Bordeos. Os intereses económicos para os norteamericanos e consignatarios españois estaban por riba de calquera norma lexislativa gobernamental.
Fichas de rexistro dos traballadores galegos na canle (<i>metal check</i>)
Fichas de rexistro dos traballadores galegos na canle (metal check)

A solicitude do metal check como empregado do silver roll na zona da canle recolle certos datos persoais de identificación, cos que sería fácil alcanzar unha clasificación dos traballadores galegos por zonas de procedencia. Non obstante, a maioría das veces no campo “lugar de nacemento” os funcionarios adoitaban poñer só “España”, co que a orixe destes quedaría diluída. Neste caso, un tanto illado, podemos observar que o obreiro é galego, nacido en Ourense. Chegou ás obras no verán de 1908. Parece ser que foi un dos que non retornaron inmediatamente despois da inauguración da canle de Panamá e que traballara como capataz. O formulario recolle se está alfabetizado ou se simplemente sabe debuxar o seu nome. Percibe un salario de 65 dólares e ten mutilado o cuarto dedo da man dereita. Este último detalle pódese apreciar no reverso do formulario, onde aparecen as súas pegadas dactilares. Nas obras da canle producíanse numerosos accidentes, había moitas explosións de dinamita, polo que eran usuais os cortes, queimaduras e traumatismos durante o manexo da maquinaria pesada e as cargas de roca, ferro etc.
O tipo de formulario varía dependendo do ano. Algúns recollen tamén o estado civil do traballador e se ten familia na zona da canle.
«Group of Gallegos»
«Group of Gallegos»
Fot. Nº 241-C
Entre 1906 e 1908 arredor de 12 000 traballadores europeos foron contratados polos axentes da canle de Panamá, o que non quere dicir que non chegasen máis deles ás obras fóra deste tramo temporal. Distintos informes da ICC recollen estatísticas por separado, nas que se distinguen os traballadores non recrutados en España como empregados “non contratados pola Comisión”. Esta circunstancia lévanos á conclusión de que o volume de emigrantes galegos e do resto do territorio español na canle de Panamá supera notablemente os 8798 contabilizados pola Comisión.
O incremento da forza laboral importada pola Comisión da Canle de Panamá superou os 45 000 homes. Os obreiros españois constituíron un 19,50 % do total de obreiros estranxeiros importados pola ICC. Ocuparon o primeiro posto dentro do grupo de europeos, seguidos polos italianos e os gregos. O grupo de obreiros antillanos foi o máis numeroso (31 071), dos cales a maioría deles eran naturais de Barbados. O resto procedía de países latinoamericanos, como o propio Panamá, Costa Rica e Colombia. Tendo en conta só o país de procedencia e non a nacionalidade, atopámonos cunha poboación orixinaria de 97 países na Canal Zone.

Comedores con nome propio <i>Gallegos’ mess hall and kitchen</i>. Plano dun comedor, cociña e dormitorio
Comedores con nome propio Gallegos’ mess hall and kitchen. Plano dun comedor, cociña e dormitorio

Esta é unha mostra máis da presenza dos galegos na canle. Dado o volume de galegos contratados para as obras da canle, supoñemos que quedaron un pouco solapadas as especificidades de orixe para o caso dos traballadores orixinarios doutras partes de España. Así, os procedentes de León, Asturias, Bilbao, Zaragoza, Santander, Ávila, Barcelona, Valencia, Málaga, Almería ou Madrid quedaban un pouco diluídos nas distintas cuadrillas chamadas “de gallegos”.
Existían tamén almacéns en todas as localidades e campamentos da franxa ístmica e na liña do ferrocarril de Panamá. Os habitantes da zona eran abastecidos con alimento, roupa e outros artigos de primeira necesidade. Ademais das tendas retallistas, en Cristóbal operaban cámaras frigoríficas, de fabricación de xeo, de panadaría ou de torrefacción de café. Un tren de 21 vagóns saía ás 4:00 da madrugada diariamente coa mercancía diversa.
Os obreiros galegos eran definidos polos seus superiores como traballadores “duros” e “comellóns”. Temos aquí un exemplo de varias comidas feitas por cociñeiros galegos, “Gallego cooks”, proporcionadas pola Comisión da Canle Ístmica, por 40 centavos, moeda estadounidense.
ALMORZO: xamón (1/2 libra), pan (1/2 libra), patacas (1/2 libra) e café
XANTAR: sopa, carne fresca (1/2 libra), garavanzos (1/4 libra), fabas (1/4 libra), patacas (1/2 libra), macarróns (1/12 libra), pan (1/2 libra) e té
CEA: sopa, estufado de res, garavanzos (1/4 libra), patacas (1/2 libra), arroz con fabas, sobremesa (compota de mazá, ameixa, melocotón, froitos secos etc.), pan e café

Descanso escaso e pouca reflexión, 1911
Descanso escaso e pouca reflexión, 1911

A información que aparece no folleto publicitario da Compañía da Canle de Panamá, para persuadir os galegos a emigrar ao istmo, non concordaba coa realidade alí atopada polos traballadores. Esta imaxe dá conta das condicións xerais nas que os obreiros de “pico e pa” se atopaban á hora de tomar o merecido descanso nocturno, logo dunha durísima xornada. Pódese observar o dormitorio colectivo dos traballadores europeos, coas liteiras, os seus efectos persoais gardados en pequenos baúis, a roupa tendida e ningún calzado no chan.
Deixamos aquí a tradución dun pequeno extracto desa parte da publicidade pouco fiable:
«Para levar a feliz termo todos os traballos desta obra colosal, o Goberno de Estados Unidos nomeou unha comisión que se chama Comisión da Canle de Panamá. Esta Comisión […] acordou […] a construción de bonitas e hixiénicas casas para obreiros, amplos e cómodos hoteis onde se lles servirán as comidas a aqueles […] inmellorables condicións de comodidade e hixiene nas vivendas e hoteis destinados aos obreiros […]».
Na zona […] establecéronse 17 poboacións con modernas construcións pintadas de branco e dotadas de abundante auga potable, retretes modernos, baños etc., que fan que o aspecto destas poboacións sexa moi pintoresco e dun conxunto fermoso. Hai fábricas de xeo e servizo de carros refrixeradores entre Colón e Panamá.
Obreiros galegos en plena faena, ca. 1906
Obreiros galegos en plena faena, ca. 1906

Podemos facernos unha idea de como era o ritmo de traballo dos galegos nas obras se atendemos á figura dos cronometradores e capataces que controlaban o rendemento de cada obreiro. A información recollida era dirixida aos oficiais de cada división, que dispoñían de “inspectores do tempo” funcionando como auditores. Chegaban sen aviso previo ás diferentes zonas e inspeccionaban os famosos libros de “rexistro do tempo” que tiñan os capataces, de forma que exercían un dobre control. A frecuencia das visitas adoitaba ser de dúas ou tres veces ao día, polo que os ditos inspectores estaban toda a xornada dun sitio a outro. Non resulta difícil imaxinar a dureza do traballo realizado por estes homes, baixo unhas condicións climáticas case infernais, con sol e moita auga durante a longa época de chuvias, e baixo unha doutrina de cariz militar, ademais da dificultade dunha lingua estraña.
Aínda que a Comisión ofrecía a posibilidade de levar as familias para vivir na zona da canle, a maioría dos galegos non escolleron esa opción e a única compañía que tiñan alí eran os paisanos cos que, cóbado con cóbado, axudaron a levantar a obra de enxeñaría máis grandiosa do século XX.
O viveiro Josefa do Chao coa súa tripulación na badía da Habana, ca. 1900
O viveiro Josefa do Chao coa súa tripulación na badía da Habana, ca. 1900

Este barco de pesca, máis coñecido como viveiro, era propiedade de Manuel Suárez Casteleiro, nacido en Redes, que emigrou moi novo á illa de Cuba e acabou convertido nun importante empresario da pesca cubana. A maioría da tripulación dos seus barcos estaba formada por emigrantes aresáns. Este barco tivo como patróns a José Prego (veciño seu), que aparece na fotografía coa súa tripulación, e anos máis tarde ao seu paisano Isidoro Ríos.
Os viveiros eran barcos de vela de dous ou tres paus, cunha eslora de vinte a trinta metros, e tiñan a particularidade de albergar nas súas bodegas tanques cheos de auga de mar que se renovaba constantemente por uns furados no costado. Alí conservábase a pesca (pragos, chernas…) ata que chegaban a porto; o peixe pasábase a unhas cachuchas (especie de gaiolas de madeira) que se mergullaban no mar para mantelo vivo ata a súa venda no peirao co fin de alcanzar así mellor prezo.
Ata os anos 40 non se introduciron as técnicas do frío para conservar o peixe; será daquela cando predominen os barcos neveiros que pouco a pouco levará á desaparición destes barcos.
Facendo o corpo ao novo mar. A badía da Habana co Morro ao fondo, ca. 1906
Facendo o corpo ao novo mar. A badía da Habana co Morro ao fondo, ca. 1906

Ernesto López Naveiras, grande estudoso da emigración aresá a Cuba, describe claramente o que se atopaban os mozos da comarca de Ferrol cando navegaban nos seus viveiros para amigarse co mar do golfo de México: «Había que ser moi bo mariñeiro para facerse con estes barcos nun mar cheo de correntes, ventos, ás veces endiañados, e costas que os arrecifes de coral facían perigosas e dificultaban o acceso aos peiraos na busca de abrigo. […] As mareas eran de vinte días se collían un bo majal [banco de peixes] que producía nese tempo quince mil quilos de peixe…».
Segundo palabras do propio autor, as zonas de pesca abranguían as augas do litoral mexicano do cabo Catoche ata o límite occidental de Tabasco e fronte ao litoral de Florida.


Un día de traballo: o patrón Manuel Martínez ao temón cos seus mariñeiros, de pesca polo Caribe
Un día de traballo: o patrón Manuel Martínez ao temón cos seus mariñeiros, de pesca polo Caribe

Os viveiros eran barcos pesados con dificultade para manobrar, polo que precisaban unha tripulación con experiencia e competente. Por iso os donos dos barcos preferían contratar os mariñeiros da comarca de Ferrol, que, aínda que emigraban moi novos, xa sabían do duro traballo no mar. A marea, que duraba de media uns vinte días aínda que variaba segundo a situación dos bancos pesqueiros e da cantidade conseguida, comezaba no peirao dos Cocos en Casa Blanca, onde os viveiros estaban fondeados e onde vivía a maior parte dos mariñeiros galegos. A vida destes mariñeiros era difícil: á dureza do traballo e da climatoloxía do golfo engadíanse unhas condicións laborais pouco favorables. Moitos conseguiron subsistir co seu traballo e formaron alá unha familia; outros, con máis sorte, víronse recompensados e puideron retornar á súa terra cuns aforros que lles permitiron construír ou amañar as súas casas, dar estudos aos fillos, montar un pequeno negocio ou gozar dunha vellez sen atrancos.
Viveiristas de Caamouco na hora de xantar, Casa Blanca, badía da Habana, s.d.
Viveiristas de Caamouco na hora de xantar, Casa Blanca, badía da Habana, s.d.

A cantidade de galegos que formaban a tripulación dos viveiros era variable en función do tamaño da embarcación. As campañas de pesca da cherna e do prago, en augas do golfo de México, eran unha fonte de recursos económicos moi importante para os mariñeiros. Á hora de falar sobre os pescadores galegos procedentes das rías de Ferrol e Ares é preciso mencionar a coñecida Compañía Cubana de Pesca y Navegación, con Segundo Casteleiro como presidente. En 1919 esta empresa pesqueira tiña unha frota de 47 barcos-viveiro e cada un deles tiña unha capacidade para soportar de 80 a 150 toneladas de pesca. Ademais, contaba cunha ampla infraestrutura composta polo molle dos Cocos en Casa Blanca, vivendas para os seus empregados, talleres de reparación e varios almacéns.
Na imaxe vemos como a tripulación toma un descanso para xantar no barco, case todos co seu chapeu e camisa de manga longa para protexerse do sol tropical da illa, con suficiente comida nas potas e o viño, que non podía faltar.
<cite>Guadaños</cite> que cruzan a badía da Habana
Guadaños que cruzan a badía da Habana

Entre a multitude de voces e usos peculiares da illa de Cuba atópase un termo moi vencellado coa emigración galega procedente de Ares. A palabra é guadaño, así definida no Diccionario provincial de voces cubanas (Esteban Pichardo y Tapia, 1836): «Bote pequeño con carroza, de que se usa en el trafico de algunos puertos de la isla, principalmente en el de la Habana, donde es mas comun y general la palabra».
Moitos dos chamados guadañeros ou tamén boteros eran mariñeiros aresáns que conducían esas pequenas embarcacións de remo e velas con teito semicircular. Transportaban pasaxeiros e mercancías dun lado a outro da badía da Habana. Os embarcadoiros da capital eran os de Regla, Casa Blanca e A Habana, que, ao mesmo tempo, marcaban o traxecto de navegación.
O historiador Ernesto López Naveiras foi descubridor das reviravoltas deste oficio exercido por moitos redenses na illa de Cuba.
No estaleiro de Gabriel Palmer en Casa Blanca, 1913
No estaleiro de Gabriel Palmer en Casa Blanca, 1913

Para manter en boas condicións a frota pesqueira había que contar con varadoiros e bos estaleiros onde se arranxaban e construían os barcos ou se adaptaban para que funcionasen como viveiros. Na fotografía podemos ver a Gabriel Palmer, en primeiro plano, de orixe mallorquina, cos seus homes de confianza inspeccionando a construción dun neveiro que se chamou Nando Palmer. Palmer era o dono dun dos mellores estaleiros de Cuba no que, ademais de construír barcos, confeccionaban velas e redes e facían as cachuchas para conservar o peixe nos peiraos, ou servía de almacén para os aparellos. Moitos dos seus traballadores eran galegos.
Carné de socio do Centro Galego da Habana do mariñeiro de Redes José Pazos Deus, 1939
Carné de socio do Centro Galego da Habana do mariñeiro de Redes José Pazos Deus, 1939

A miúdo, se tiñan posibilidades, os emigrantes galegos, tamén os aresáns, facíanse socios das grandes sociedades benéficas galegas creadas na illa: a Beneficencia de Naturales de Galicia e/ou o Centro Galego da Habana. Estas grandes entidades ofrecíanlles os servizos sanitarios, educativos e benéficos que precisaban para vivir con tranquilidade en Cuba. Grazas ao Centro Galego podían, en caso de continxencia, acceder a uns servizos médicos de primeira calidade. Nuns traballos tan duros como os de mariñeiro ou pescador era moi necesaria esa cobertura sanitaria. Tamén contaban cunha sección de educación que lles permitía asistir a clases nocturnas, ben para aprender a ler e escribir, ben para ampliar os seus estudos, co fin de así ascender na súa profesión, como por exemplo conseguir o título de patrón.
José Pazos Deus emigrou da súa Redes natal a Cuba moi novo e xa en 1913 conseguira o título de patrón de pesca para traballar «desde el Puerto de La Habana a Cabo de San Antonio». Seguramente para facilitar o seu traballo e integración na illa, ese mesmo ano conseguiu a cidadanía cubana. Pero nunca deixou de formar parte da colectividade e continuou vinculado coas asociacións creadas para a protección e axuda mutua dos emigrantes galegos.
«Ferretería Casteleiro, Vizoso y Cía.», 1918
«Ferretería Casteleiro, Vizoso y Cía.», 1918

Un dos establecementos comerciais de emigrantes de galegos na Habana foi a ferraxería dos aresáns Casteleiro e Vizoso. Pola súa actividade vertixinosa, este negocio foi representativo do éxito absoluto ao que aspiraba calquera emigrante da época, razón suficiente pola que valería a pena a aventura migratoria lonxe da súa terra.
Segundo Casteleiro foi un dos xerentes desta empresa, coñecido home de negocios e moi reputado nos círculos sociais de illa, con varios cargos representativos pola súa actividade mercantil e tamén destacado no eido do asociacionismo étnico da Habana, pois formaba parte das directivas do Casino Español, do Centro Galego etc. A outra parte da xerencia formábana Gaspar Vizoso Cartelle e Francisco Vizoso Cancela, que tamén eran figuras recoñecidas no sector do comercio habaneiro pola súa experiencia e seriedade.
Tratouse dunha empresa que destacaba pola súa filosofía no trato cos empregados e polas estratexias avanzadas de comercialización. Importaba a maioría da mercancía de Estados Unidos, Francia, Inglaterra, España e Italia, favorecendo as relacións comerciais con eses países. Os seus empregados iniciábanse como aprendices, alí adquirían coñecementos especializados e moitos deles incluso chegaron a alcanzar un grande éxito profesional. Unha peculiaridade do edificio da sede central, situado na Habana Vella, era que a súa terceira planta estaba dedicada a cociña, comedor e habitación para os empregados que o requirisen.
Unha xornada de lecer: dependentes aresáns da ferraxería Casteleiro, Vizoso y Cía., ca. 1920
Unha xornada de lecer: dependentes aresáns da ferraxería Casteleiro, Vizoso y Cía., ca. 1920

Coa prosperidade do negocio, Segundo Casteleiro e Gaspar Vizoso, os seus propietarios, contrataron mozos da súa comarca natal, ben da súa familia ou ben fillos de veciños da súa máxima confianza. Ao chegar á Habana, estes rapaces instalábanse no magnífico edificio sede da ferraxería. A empresa, cunha política de axuda mutua e promoción dos seus empregados, encargábase de inscribilos no Centro Galego para que tivesen atención sanitaria e educativa e, dependendo da súa capacidade e interese, ocupábase da súa educación nas horas libres, con clases de idiomas, contabilidade… e mesmo cursos de formación comercial no estranxeiro.
Na fotografía aparecen retratados Ángel Bello Amado, Bernardo Bello Vizoso e Bienvenido Bello Amado (sentado), todos naturais de Redes, e mais Gaspar Calvo Vizoso, de Franza (Mugardos). Estes mozos traballaban e gozaban do seu tempo libre xuntos. Todos tiveron unha longa vida laboral na empresa, na que escalaron postos de responsabilidade: desde auxiliares de tenda ascendían a dependentes e, se demostraban iniciativa e valían, pasaban a ser encargados e delegados das tendas creadas por toda a illa ou a ocupar postos na administración e oficinas. Algúns incluso acabaron formando parte da empresa, como Gaspar Calvo Vizoso, quen chegou a ser xerente. Coa formación e experiencia na ferraxería outros independizáronse e lograron ser propietarios do seu propio negocio.
Ángel Bello Amado, natural de Redes, traballando na delegación da Ferraxería Casteleiro, Vizoso y Cía. en Ciego de Ávila, ca. 1915
Ángel Bello Amado, natural de Redes, traballando na delegación da Ferraxería Casteleiro, Vizoso y Cía. en Ciego de Ávila, ca. 1915

Esta ferraxería axiña se converteu nun negocio florecente grazas ao crecente desenvolvemento da economía cubana de principios de século. Cuba era unha potencia exportadora de azucre e tabaco e precisaba modernizar as instalacións das explotacións, ademais das vías de comunicación por todo o territorio. A bonanza económica provocou que as vendas se disparasen e a compañía de venda de materiais e maquinaria agrícola e naval creou delegacións por toda a illa, con pequenos almacéns preto dos puntos onde se xeraba a demanda de material ferraxeiro.
Na fotografía vemos a Ángel Bello Amado, empregado da ferraxería que foi trasladado da Habana a un almacén da empresa en Ciego de Ávila, preto dun enxeño azucreiro que demandaba os seus produtos. Nese vehículo trasladábase para ofertar os materiais nas mellores condicións e prezos e así evitar a competencia.
Bar restaurante El Escorial, A Habana
Bar restaurante El Escorial, A Habana

José Torrente López (ca. 1855) era betanceiro de nacemento de pai aresán e residiu en Ares desde meniño. Entrado xa o último terzo do século XIX e apenas sendo un adolescente, emigrou á illa de Cuba. Como moitos galegos asentados na Habana, José conseguiu desenvolverse no sector hostaleiro. Pertenceu a esa clase de emigrantes que non se limitaron a buscar o éxito individual, senón que trasladaron esforzos que repercutiron positivamente na súa comunidade de orixe.
Con trinta anos xa era integrante da loxa masónica habaneira coñecida como Hijos de la Viuda. Polo seu certificado, cualificado de «Gran Maestro», dedúcese que era un home solvente e profesionalmente estable. O feito de pertencer á mesma loxa que o presidente da Alianza Aresana de Instrucción, Domingo Troche, talvez foi o detonante que derivou na súa participación formal como socio da entidade dende febreiro de 1906, sendo anteriormente socio «non asinante» da acta de constitución da Alianza Aresana de Instrucción.
O seu compromiso con esta entidade societaria mantívose desde a súa fundación e transcendeu á súa morte, pois os seus descendentes seguiron participando como socios ata 1927. Esta imaxe corresponde ao establecemento hostaleiro deste aresán, El Escorial, situado na Habana e que tiña moita sona na cidade.
Aponte y Rojo, molle de Regla, A Habana, ca. 1904
Aponte y Rojo, molle de Regla, A Habana, ca. 1904

Algúns emigrantes orixinarios das parroquias de Ares non chegaron a traballar directamente no mar, senón que se dedicaron a outros mesteres con menos sacudidas pero realmente pouco levadíos. Para os propietarios das carboeiras e almacéns de carbón, esta era unha boa fonte de ingresos. Só precisaban un espazo libre e leña, que sacaban de calquera monte próximo. Era o combustible económico e de alto rendemento utilizado en toda a illa.
Arredor dun 60 % das vendas era para os donos, e os vendedores sacaban ínfimas ganancias. Contan algúns destes que percorrían A Habana de canto a canto: barrios como Marianao, El Cerro, Palatino, La Víbora e Santos Suárez eran algúns puntos da ruta de repartición do galego Xesús Herba, natural de San Xoán de Piñeiro (1910), quen traballaba para un veciño da súa aldea repartindo carbón nun carretón arrastrado por dous cabalos casa por casa. Tras dous anos repartindo esa negra mercadoría, decatouse de que o del era o mar e marchou aos viveiros despois de que o convencesen varios rapaces de Mugardos, Redes, Fene e Pontedeume de que era a mellor opción.
Esta imaxe aparece parcialmente un dos depósitos de carbón da compañía Aponte y Rojo. Tratábase da distribuidora principal de carbón na Habana. Ducias de coches de cabalos saían cada mañá cargados de carbón e os seus vendedores levaban cestas de esparto cargadas ás costas para fornecer as cociñas da capital cubana. Luciano Rojo López naceu en Redes en 1880. Emigrou a Cuba e chegou a ser unha figura destacada na Habana no negocio do carbón. O seu socio era o gaditano Francisco Aponte Freire. Rojo retornou a Galicia en 1919, onde mandou construír a súa residencia, coñecida como a Casa Grande de Redes, caracterizada polo luxo e fastosidade.
Acta de constitución e bases da sociedade Alianza Aresana de Instrucción da Habana, 1905
Acta de constitución e bases da sociedade Alianza Aresana de Instrucción da Habana, 1905

A Alianza Aresana de Instrucción foi a pioneira das sociedades de ámbito local creadas con finalidades instrutivas e benéficas para o seu concello ou parroquia natal. A partir dela comezaron a agromar centos de asociacións deste tipo, tanto en Cuba como en Arxentina e outros países de acollida, que tanto ben fixeron pola educación e o progreso da nosa terra.
Como aparece escrito, a reunión fundacional tivo lugar no domicilio de Domingo Troche López, un dos seus promotores e que foi elixido o seu primeiro presidente. O seu obxectivo era «hacer un llamamiento a todos los nativos de la villa de Ares con el fin de fundar en su pueblo natal un colegio de Instrucción elemental para niños […] a fin de fomentar y difundir la instrucción de que tan necesitada está aquella villa entre la clase pobre y menos acomodada […]». Outros aresáns destacados que estiveron no xerme deste proxecto foron Cándido Mugía Callobre, José A. Fernández, Darío e Antonio Bugallo, Ildefonso Mugía, Maximiliano Bello, Miguel Bendamio, Manuel García Curbeira, Nicolás López González… No documento podemos ler, ademais, as condicións e o plan educativo da futura escola.
Para conseguir máis fondos créanse delegacións da Alianza nos lugares con maior presenza de aresáns: na illa de Cuba, en Sagua la Grande e en Isabela de Sagua; en Veracruz (México); en Tampa (Estados Unidos), e no mesmo Ares.
Poñendo en marcha un soño: sinatura da escritura de compra do solar para construír o edificio escolar en Ares, 1906
Poñendo en marcha un soño: sinatura da escritura de compra do solar para construír o edificio escolar en Ares, 1906

Na imaxe aparecen os directivos da Alianza Aresana de Instrucción tras a sinatura da compra do solar na vila de Ares para edificar un centro escolar da súa propiedade.
A sociedade habaneira, pouco despois da súa fundación e a través da súa delegación en Ares, aluga unha casa na vila que debe acondicionar para cumprir os requisitos dunha escola moderna. Contrata un mestre para que imparta as clases de educación primaria aos nenos máis necesitados da vila. Esta escola foi inaugurada o 1 de xullo de 1904 e contaba con preto de cen alumnos, que tamén podían asistir a clases nocturnas.
O gran número de alumnos e a boa marcha económica da entidade posibilitan a aprobación do proxecto de construción de «dos colegios modernos para ambos sexos». En 1906 a Alianza merca unha finca rústica coñecida como Huerta de Caruncho, cunha superficie de preto de mil metros cadrados. A correspondencia entre a delegación de Ares e a sociedade habaneira é intensa: de Cuba chegan varios proxectos arquitectónicos ata que finalmente o 6 de xullo de 1908 se coloca a primeira pedra nunha festa á que asisten todos os alumnos da escola e os veciños e veciñas da vila.
O edificio escolar da vila de Ares construído polos seus emigrantes, 2008
O edificio escolar da vila de Ares construído polos seus emigrantes, 2008

Este magnífico edificio é o mellor símbolo para lembrar a todos os seus emigrantes e todo o ben que estes fixeron para o progreso e modernización dos seus veciños e veciñas. A edificación ten unha clara inspiración indiana, cunha rica decoración que lle proporciona uniformidade ao conxunto pese a ter varias fases na súa construción. Tal como podemos ler na memoria social da Alianza Aresana de 1908, decídese «construir el aula de los niños, la más urgente para trasladar a ella a los alumnos que se encuentran ya escolarizados, en la segunda el aula de las niñas y en la tercera el módulo de unión entre ambas. Esta subdivisión del proyecto se debe a que la disponibilidad económica actual no permite abordar el total de la obra. [...] El importe de la obra realizada asciende a 7773 pesetas, en las que se incluye mobiliario y material escolar».
As escolas Alianza Aresana foron inauguradas o 15 de novembro de 1908 como centro de ensino primario para os nenos da vila. Hoxe en día os aresáns e aresás poden gozar do edificio que funciona como centro sociocultural que leva como homenaxe o nome dos seus promotores.
Dando conta aos socios do labor de dirección e administración da Alianza Aresana de Instrucción, 1909-1910
Dando conta aos socios do labor de dirección e administración da Alianza Aresana de Instrucción, 1909-1910

Temos aquí a relación de traballos realizados por esta sociedade de emigrantes aresáns durante os anos 1909 e 1910. Na memoria preséntanse datos relacionados coa contabilidade e o estado xeral da entidade, a programación da construción da aula de nenas sobre o plano do grupo escolar, a ornamentación de fachadas, o mobiliario e útiles escolares mercados, o calendario de exames etc.
Xúntase tamén o informe da Comisión Glosa da Alianza Aresana de Instrucción correspondente aos anos arriba mencionados, no que se analizan os gastos da escola. En definitiva, o estado da sociedade en todos os sentidos: recadación de cotas sociais, contas bancarias, capital social, gastos da escola, gastos ocasionados na Habana ou donativos dalgúns socios entusiastas, entre os que cabe destacar a bandeira cubana para que ondee no edificio escolar da Alianza Aresana.
Na memoria preséntanse os habituais datos nominativos, tales como: relación de membros da Xunta Directiva de 1909 a 19010 e da Xunta de Propaganda, membros delegados en Sagua (Cuba) e Veracruz (México), membros da Comisión Administrativa de Ares e nomes dos socios existentes, falecidos e beneméritos.
Cabe destacar un escrito inserido nesta memoria social da Alianza Aresana, asinado por Mercedes Bieito Bouza, titulado «Mi saludo» e do que extraemos unhas palabras:
«Cabe á los aresanos la alta honra, el orgullo legítimo de haber sido los iniciadores entusiastas de ese movimiento salvador que se nota desde hace algún tiempo entre los gallegos emigrados, movimiento tendente á un fin nobilísimo que se exterioriza fundando escuelas en nuestros campos […], allí donde la negligencia de los poderes públicos ha descuidado ese deber.
Inauguración da Escola da Tenencia, Redes, concello de Ares, 1915
Inauguración da Escola da Tenencia, Redes, concello de Ares, 1915

No ano 1912, o presidente da delegación de Caamouco, representando a Agrupación Instructiva de Redes y Caamouco da Habana, asina a compravenda do predio de dous ferrados e medio chamado A Tenencia, por un valor de 1604 pesetas. Esta entidade promotora tiña a intención de construír alí un edificio escolar que ofrecese contidos educativos novidosos aos rapaces e rapazas da zona, cos mellores materiais e nunhas óptimas condicións de aprendizaxe. En 1913 asínase o contrato de obra, que estivo a cargo de José Calvo Pérez. Finalmente, a construción da escola levouse a cabo por un valor de 18 060 pesetas.
O 8 de agosto de 1915 as aulas abriron a súas portas a 150 alumnos, e D. Eugenio Vidal e Dª Esperanza Iglesias foron os mestres encargados do ensino. O plan de estudos estaba suxeito a materias como: Lectura, Escritura, Aritmética, Historia e Xeografía, Agricultura, Xeometría, Contabilidade Mercantil, Labores etc. Ademais, recibían coñecementos de fisioloxía, astronomía ou hixiene, por petición da sociedade fundadora. A fermosa edificación alberga na actualidade a Agrupación Instrutiva de Caamouco.
Nesta imaxe aparecen os membros da delegación da sociedade promotora en Caamouco: Nicolás Noche, Francisco Bello, Antonio Bello, Daniel Villar e os mestres Esperanza Iglesias e Eugenio Vilar. Deixamos aquí un fragmento do discurso pronunciado polo secretario da Sociedad de Instrucción Redes y Caamouco, E. Busqués (publicado na sección «Baturrillos», a cargo de Joaquín N. Aramburu, no Diario de La Marina, 27 de outubro de 1917). Este extracto ilustra sentimentos, desexos e accións:
«[…] obra hermosa, que un pequeño número de hombres trabajadores —casi todos pescadores de La Habana— han sabido realizar con patriotismo y amor a la niñez, respondiendo así al noble pensamiento que hace tiempo expusieron a sus convecinos unas cuantas personas de buena voluntad.
Todos los que aquella aldea estábamos convencidos de lo deficiente o casi nula que resultaba allí la enseñanza oficial. Y al hacerse público el propósito, acudimos al llamamiento y a los pocos años de habernos constituido en sociedad, vemos realizados nuestros deseos, teniendo un edificio propio que ha costado cuatro mil duros, y sabiendo que todos los niños de la parroquia llenan las aulas, para cuyo, para cuyo sostenimiento recaudamos recursos suficientes. […] Todo esto lo hemos estado haciendo en silencio, sin alardes, sin jiras y sin bombos de prensa: simplemente contribuyendo todos los hijos de Redes y Caamouco a las colectas con lo que ha permitido la fuerza económica de cada uno».
Alumnado e mestres da Escola da Tenencia
Alumnado e mestres da Escola da Tenencia

O testemuño de Manuel Varela Casteleiro —mariñeiro redense dos que nunca volveron á terra— ilustra moi ben as circunstancias de moitos rapaces de Redes que non podían asistir ás clases de maneira continuada, o ambiente laico e a introdución dos adiantos tecnolóxicos na escola aos que, talvez, non se lles sacaba o máximo proveito:
«Fun algo á escola, que por certo era galeguista cen por cen; a aula dos nenos chamábase “Curros Enríquez”, e a de nenas, “Rosalía de Castro”. Pagábana dende Cuba, e nada de purgatorio, nin arcanxos, nin trinidade, que son cousas de cada un na súa casa, pero non da escola, digo eu. Eso sí, un día chegóu unha máquina de coser e outra de escribir, e anque non se lles deu moito uso alegróunos aquelo e falamos dos veciños que andaban por Cuba e se acordaban de nós… Pero, cada probe, chacho, enterra a seu pai como pode, e eu iba á escola cando chovía, e no bo tempo laboriscaba no agro ou botando a rede […]» (extracto das entrevistas realizadas por Xosé Neira Vilas para o seu libro Galegos no Golfo de México).
Nesta imaxe pódese observar o grupo escolar de alumnos e alumnas da Escola da Tenencia, patrocinada pola Sociedad Instructiva Redes y Caamouco. Os discentes de todas as idades, uniformados co mandil escolar, posan para o fotógrafo diante das bandeiras de España e de Cuba.
Regulamento social da Agrupación Instructiva Redes y Caamouco, A Habana, 1920
Regulamento social da Agrupación Instructiva Redes y Caamouco, A Habana, 1920

Desde principios do século XX a creación dun movemento cultural activo, por parte dos emigrantes galegos residentes en América, viuse materializada a través da fundación de sociedades de instrución. O fin era común a todas elas: a construción dun espazo educativo no que as novas xeracións tivesen acceso gratuíto aos coñecementos que lles permitisen alcanzar a máxima autonomía posible, cun espírito de liberdade, tolerancia e entrega ao traballo.
A Agrupación Instructiva Redes y Caamouco foi constituída en 1911 por un grupo de veciños de San Vicente de Caamouco residentes na Habana. Este regulamento social, aínda que non é o primeiro, mantén no seu artigo 1 a necesidade de «fomentar y propagar gratuitamente la enseñanza entre los habitantes de Caamouco, Prov. de la Coruña (España) y las Parroquias colindantes, estableciendo las Escuelas de Instrucción y dirección inmediata de una Delegación que al efecto se establecerá en la citada Parroquia de Caamouco». Tamén expón minuciosamente as funcións, obrigacións e dereitos da directiva, dos socios, da delegación de Caamouco, do profesorado e do alumnado.
Os alumnos e alumnas da Escola da Tenencia eran conscientes do que fixeron os seus veciños emigrantes en Cuba polo seu futuro. Foi este o caso de Leopoldo Blanco, natural de Caamouco e nacido en 1908, quen comentou nunha entrevista realizada por Xosé Neira Vilas: «Vir dar a tan lonxe, se cadra para non volver, véndose en figuras cada día para ir vivindo, a cobadazos con todo, e enriba adicarse a xuntar, centavo a centavo, para facer unha escola na aldea de orixe, é cousa de mérito».
Unha das casas indianas que se conservan na vila mariñeira de Ares, 2020
Unha das casas indianas que se conservan na vila mariñeira de Ares, 2020

Esta fermosa casa foi construída a finais dos anos 20 do pasado século sobre a antiga casa familiar dos Ramos Bugallo, situada nunha das principais rúas de Ares. Foi herdada polas irmás Josefa e Sara, casadas cos emigrantes aresáns en Cuba Arturo Fuentes Rodríguez e Emilio Fernández López, que ao regresar decidiron instalarse na súa vila natal. En realidade estamos a falar de dúas vivendas separadas por unha medianeira e cuxas fachadas teñen un esquema compositivo moi similar que lles aporta unidade. Destacan as grandes galerías de estilo modernista con vidros de cores e molduras decorativas, obra do recoñecido carpinteiro aresán Ángel García. Tamén hai que salientar as cornixas e os ornamentos de forxa de clara inspiración modernista.
Este é un exemplo das moitas casas que os emigrantes da zona levantaron para vivir ou para pasar tempadas tras o seu regreso de Cuba. Estas casas eran o soño de todo emigrante cando regresaba, como símbolo do seu ascenso social e económico.
Directiva fundacional de Xuventude de Galicia, 1909
Directiva fundacional de Xuventude de Galicia, 1909

Os fundadores desta sociedade de emigrantes galegos residentes en Lisboa, creada en novembro de 1908, elixen unha directiva que se encargará de poñela en funcionamento. Axiña comeza unha campaña de difusión entre a colectividade para atraer novos integrantes e acadar o apoio dos seus membros máis destacados.
Na imaxe vemos a primeira directiva de Xuventude de Galicia. De esquerda a dereita, sentados: José Lorenzo Cuevas, que ocupaba o cargo de vicepresidente; Manuel Álvarez Cobas, como presidente; e Ramiro Vidal Carrera, primeiro secretario. De pé: Francisco Sánchez, xornalista e correspondente de Vida Gallega en Lisboa; Marcelino Outerelo Rocha, contador; Emilio Mobilla Rodríguez, tesoureiro, e Ramiro Martín y Martín, segundo secretario. Todos eles eran emigrantes cunha posición consolidada na vida económica e cultural do país veciño.
Carné de socio número 1, 1908
Carné de socio número 1, 1908

Ramiro Vidal Carrera foi un dos principais promotores da nova entidade, tal como aparece publicado na prensa do momento, e tiña o orgullo de ser o seu socio número 1. En palabras do propio Ramiro publicadas en La Voz de Breogán (decembro 1958, nº 8), «tratamos de formar ambiente adecuado para llevar a feliz término la fundación de un Centro en que pudiéramos recordar la amada terriña, levantando una bandera de cultura y amor entre todos los gallegos, cultivando la música y el canto regional y en fin, limar en lo posible, las densas aristas de orden social y cultural con que nuestros Gobiernos nos dejaban emprender el quizá provechoso, pero siempre triste camino de la emigración».
Nos primeiros estatutos sociais consta a condición de ser galego como requisito fundamental para formar parte da agrupación. Só poderían ser socios os «individuos mayores de 18 años nacidos en las cuatro provincias españolas y son: Coruña, Lugo Orense y Pontevedra; los hijos de estos nacidos en el extranjero […]. Para ser admitido, es indispensable gozar de buena conducta […]». Entre as obrigas, debían pagar a cota social para o mantemento económico da entidade, e tanto eles como as súas familias tiñan dereito a gozar das actividades festivas e culturais que se organizasen.
<cite>Rondalla</cite> social, 1909
Rondalla social, 1909

Nun primeiro momento o desexo dos fundadores da nova entidade de emigrantes era organizar unha rondalla para actuar nas diversas reunións festivas que se facían no seo da colectividade galega en Lisboa. Así, no número 3 da revista Vida Gallega dáse información da fundación de Xuventude de Galicia con estas palabras: «Aquellos paisanos nuestros han levantado una bandera de cultura. Van a consagrarse a las tareas artísticas. Van a hacer música gallega, a recordar a la patria entonando sus canciones amadas, las que nos siguen fuera de la terriña como himnos de amor a lo que jamás podemos olvidar […]». Nos primeiros anos este orfeón estivo dirixido polo compositor e pianista de orixe galega, Alfredo Motta, que aparece retratado no centro da fotografía. Portando a bandeira galega, no centro da imaxe, vemos a Ramiro Vidal. Outros compañeiros da agrupación musical e socios do centro eran Domingo Ribas, Indalecio García Eiró, Benigno Fernández Pérez, Ramón Carrera Carballo, José Lorenzo Cuevas, José Bermúdez Ramírez, Albino Lorenzo Cuevas, Evaristo Besada Santos ou Domingo Fernández Pereira.
Foron famosas as súas actuacións na vida cultural lisboeta, que aparecen referenciadas na prensa galega e portuguesa da época.
Primeiros Estatutos sociais, 17 de maio de 1910
Primeiros Estatutos sociais, 17 de maio de 1910

Un ano despois da fundación da entidade, os socios, cada vez máis numerosos, reunidos en asemblea en maio de 1910 aproban os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade. Aínda que nun primeiro momento a idea era crear unha sociedade recreativa para fomentar a irmandade e solidariedade entre os membros da colectividade galega asentada na capital portuguesa, axiña se amplía o seu radio de acción á instrución como un medio para acadar a integración social e obter mellores oportunidades laborais dos seus membros no país de acollida. Así, no artigo 3 sinálase: «Para cumplir su objeto, la Sociedad contribuirá con todas sus fuerzas morales e intelectuales para que la colonia gallega en Lisboa alcance, en no lejano tiempo, el mayor grado posible de cultura y progreso, facilitando a sus miembros aquí asociados cuantos medios legales de ilustración, distracción y recreo estime conveniente para ese fin, así como también para estrechar entre sí los vínculos de amistad, paisanaje y protejer moralmente a todos aquellos que sean víctimas de arbitrariedades e injusticias».
Xornada de camaradaría dos socios de Xuventude de Galicia, 17 de maio de 1914
Xornada de camaradaría dos socios de Xuventude de Galicia, 17 de maio de 1914

Na imaxe podemos ver un grupo de emigrantes galegos gozando dunha xornada de lecer nunha excursión pola contorna de Lisboa. Non esquecen os seus costumes e a música da gaita, do tambor e do tamboril axuda a que a reunión sexa do máis festiva. Unha das prioridades da entidade é acadar a solidariedade e unión entre os galegos residentes na capital portuguesa e a organización deste tipo de reunións contribuía a fomentar a amizade entre os seus membros.
Homenaxe ao filántropo Agapito Serra Fernández, 1931
Homenaxe ao filántropo Agapito Serra Fernández, 1931

Agapito Serra foi un de tantos emigrantes galegos que tivo que marchar cara a Portugal en busca de novas oportunidades. Nado no concello pontevedrés de Covelo, a elección do país de emigración vénlle dada polas fortes cadeas migratorias dos seus veciños e familiares en Portugal. Grazas ao seu esforzo chegou a ser un importante home de negocios no sector da hostalaría e da alimentación. Con todo, non esqueceu a súa terra natal e mandou construír na súa aldea natal unha escola «con capacidad para setenta alumnos y casa habitación correspondiente para el maestro con todas las comodidades». A Casa-escola San José foi inaugurada en 1923 e hoxe en día continúa a funcionar como un centro de verán para os e as veciñas do lugar.
En agosto de 1931, como recoñecemento ao seu labor filantrópico, organizóuselle unha homenaxe na que se inaugurou un busto no recinto escolar creado por el. Na estatua pódese ler: «AL FILÁNTROPO / Don Agapito Serra Fernández / HOMENAJE / de sus amigos y admiradores / 18 AGOSTO 1931». Nese acto participaron varios membros de Xuventude de Galicia, entidade que el favoreceu en vida.
Banquete polo aniversario da fundación de Xuventude de Galicia, 23 de novembro de 1935
Banquete polo aniversario da fundación de Xuventude de Galicia, 23 de novembro de 1935

Nos anos 30 a asociación estaba plenamente integrada na vida social e cultural de Lisboa. Era moi recoñecida polos propios portugueses e as súas reunións aparecían referenciadas non só na prensa da colectividade española senón tamén na nacional. Contaba con numerosos asociados, entre os que estaban os membros máis destacados da colectividade. Aínda que mantiña a súa acción solidaria cos máis necesitados, primaba a súa finalidade recreativa como medio para manter os lazos de unión de todos os emigrantes galegos que alí residían. Periodicamente organizaba festas, xantares e homenaxes a intelectuais e persoeiros destacados, tanto galegos como portugueses, como podemos ver nesta imaxe.
Un trisco de Galicia en Lisboa
Un trisco de Galicia en Lisboa

O conxunto coral e artístico denominado Anaquiños da Terra foi creado en 1955, formado por un grupo de rapaces e rapazas entusiastas e amantes da música e do baile tradicional galego. Foi a primeira agrupación coral galega existente en Portugal. As súas representacións musicais atenden a unha reafirmación da identidade cultural da colectividade galega residente en Lisboa.
Nesta imaxe aparecen os compoñentes do grupo acompañados polo seu director, Artemio Lage Carracedo, no seu debut o 6 de xaneiro de 1956. Desde a súa consolidación o grupo comezou a participar na Rádiotelevisão Portuguesa e na Emissora Nacional.Tamén actuou no Coliseo, o maior teatro de Portugal, e en moitos outros espazos da cidade de certa relevancia.
Os seus alalás, pandeiradas e muiñeiras gustan tamén aos portugueses, amantes das variadas e harmónicas expresións folclóricas galegas.
Nadal entre parentes e paisanos, Lisboa, 1956
Nadal entre parentes e paisanos, Lisboa, 1956

Como o resto das sociedades de emigrantes galegos no exterior, Xuventude de Galicia vén organizando desde a súa configuración as celebracións máis tradicionais e emotivas sinaladas cada ano. As festas do Nadal en compañía de familiares e paisanos alivian a distancia da terra de orixe e reforzan os lazos de confraternidade dentro da colectividade. Este tipo de celebracións adoitaban ser amenizadas pola agrupación coral e artística Anaquiños da Terra, con representacións teatrais e bailes para o divertimento dos socios e socias de todas as idades.

Paseo fluvial nocturno, Lisboa, 6 de xullo de 1956
Paseo fluvial nocturno, Lisboa, 6 de xullo de 1956

A bordo do vapor Lisbonense os mozos e mozas de Xuventude de Galicia pasan divertidos momentos durante o paseo fluvial organizado pola entidade. O embarque realizouse no molle da Ribeira das Naus e, nesta ocasión, o baile estivo amenizado pola orquestra Costa Rita, grupo musical asiduo na maioría das festas da colectividade galega en Lisboa.
Celebración infantil no luns de Entroido, 1958
Celebración infantil no luns de Entroido, 1958

A organización de festas tradicionais era unha das actividades que desde os seus inicios serviron para manter a unión dos socios. O Entroido foi unha delas. Cada ano organizábanse na súa sede, durante unha semana, distintos actos en que os socios se disfrazaban, comían orellas e filloas e bailaban ao son da música tradicional. O luns estaba dedicado aos máis pequenos, as novas xeracións deses emigrantes, nacidos en Portugal pero con Galicia e os seus costumes sempre presentes.
Nesta imaxe vemos os nenos premiados na celebración do ano 1958. Vestidos co traxe tradicional, nuns casos galego, noutros portugués e incluso andaluz, os nenos seguro que gozaban da festa.
Perpetuando a lembranza a Rosalía, Padrón, 1957
Perpetuando a lembranza a Rosalía, Padrón, 1957

A colectividade galega residente en Lisboa participou no acto de inauguración do monumento erixido polos padroneses emigrados a Uruguai en recordo a Rosalía de Castro, poeta inmortal para o pobo galego. Foi un acto moi concorrido, no que tamén estivo presente a comisión delegada de Xuventude de Galicia, xunto ás autoridades e o resto de personalidades representativas da elite cultural galega. O presidente do Centro Galego de Lisboa depositou o escudo floral ao pé do monumento da escritora, realizado polo escultor José Mateos.
Concurso de «Señorita Juventud de Galicia 1959», 29 de marzo de 1959
Concurso de «Señorita Juventud de Galicia 1959», 29 de marzo de 1959

O papel tradicional da muller no seo desta entidade ao longo do século XX estivo condicionado pola realidade social do momento histórico. Como na maioría das asociacións galegas de emigrantes espalladas polo mundo, as mulleres tiñan un papel pouco definido e escasamente visible. Representaban a institución na vida cultural da cidade e colaboraban na obtención de fondos en casos de necesidade dos socios, así como na organización das diversas celebracións, ademais de seren parte integrante e activa dos seus grupos de baile, música e teatro. Nos estatutos sociais non se recollía a figura de asociada: as mulleres só podían participar nas actividades societarias como familiares dos socios (esposas, fillas ou nais). Actualmente as mulleres son socias de pleno dereito, participan no día a día da institución e ocupan cargos nas súas directivas.
Na imaxe vemos as mozas gañadoras do concurso de señoritas que se organizaba cada ano na sede social. As gañadoras tiñan que representar a Xuventude de Galicia nas diversas celebracións que se organizaban ese ano no seo da colectividade española.
Representación deportiva de Xuventude de Galicia, 13 de xuño de 1956, Campo da Aliança, Campolide, Lisboa
Representación deportiva de Xuventude de Galicia, 13 de xuño de 1956, Campo da Aliança, Campolide, Lisboa

Esta fotografía foi tomada un día moi sinalado para os mozos galegos residentes en Lisboa. Trátase do primeiro partido oficial do Deportivo Juventud de Galicia, equipo de fútbol representante da asociación Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Festexaban o día de santo Antón e entre as actividades programadas atopábase o partido de fútbol contra o equipo do Instituto Espanhol de Lisboa para disputar a Taça Juventud de Galicia.
Prensa da colectividade galega en Lisboa, 1988
Prensa da colectividade galega en Lisboa, 1988

O Galego é unha revista societaria creada en 1988, coincidindo co oitenta aniversario da fundación da sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Toma o seu nome da primeira publicación en Lisboa escrita en galego e dirixida por Gumersindo la Rosa en 1881. Como o seu voceiro oficial, recolle noticias sobre as súas actividades, incluída a reprodución da memoria social dese ano. Así mesmo, ten un contido claramente cultural, nun intento de difundir a nosa cultura entre os galegos emigrados, polo que abundan os artigos sobre Galicia, a súa música, literatura, lingua, xeografía ou historia. Está escrita en castelán e portugués con algunhas colaboracións en galego.
Ao longo dos seus 114 anos de existencia Xuventude de Galicia tivo unha intensa actividade editorial. Publicou numerosas revistas con cabeceiras como Juventud de Galicia, Heraldo de Galicia, La Voz de Breogán, Boletín de Xuventude de Galicia ou Galicia ó Lonxe. Pódense consultar datos sobre elas e mesmo ver exemplares no Repertorio da Prensa da Emigración Galega no web do Consello da Cultura Galega.
«Galego sempre, en todos os sitios», Manuel Cordo Boullosa (Lisboa, 5 de decembro de 1905 - 6 de abril de 2000)
«Galego sempre, en todos os sitios», Manuel Cordo Boullosa (Lisboa, 5 de decembro de 1905 - 6 de abril de 2000)

«Aprendí todo de la vida gallega y salí de Galicia cuando no había nadie en mi aldea que no tuviera una becerra o una vaca, y no había un metro cuadrado de terreno que no estuviese cultivado porque se vivía de eso […]. Nas noites de gran tormenta eu tiven que saír a buscar áuga. Eu levaba comigo un faroliño de man e un saxiño e, mesmo cando a tormenta apagaba o faroliño, eu tiña que seguir».
A figura de Manuel Cordo Boullosa é un exemplo de vertixinoso progreso persoal sen despegarse das súas raíces familiares, ben fixadas na terra galega. Fillo dun matrimonio de emigrantes galegos en Lisboa, Leocadia Boullosa Muñoz e Manuel Cordo Martínez, ambos naturais do concello de Ponte Caldelas (Pontevedra), Manuel naceu en pleno Chiado o 5 de decembro de 1905. Cando apenas fixera o seu primeiro ano de idade a morte da súa nai irrompe na súa vida e produce un cambio de rumbo substancial. O pai decide mandalo a Galicia (lugar de Caritel), onde vivirá ata os oito anos.
Aos 18 anos enfermou de tuberculose e recuperou a saúde nun sanatorio suízo. Alí tiña moito tempo libre e dedicouse a aprender inglés e literatura francesa e alemá de maneira autodidacta. Retornou pasados catro anos e xa non era o mesmo mozo, pois «había estado en otro mundo al que no había tenido acceso antes».
A industria do petróleo foi o seu forte como home de negocios, de maneira que chegou a ser un magnate lisboeta de recoñecido prestixio a escala internacional dentro deste sector financeiro. Con 28 anos Manuel Boullosa funda a empresa petrolífera portuguesa SONAP e súa profesión fixo que vivise en varios países temporalmente, tal é o caso de Francia, Mozambique, República Sudafricana ou Brasil, país onde estivo intimamente ligado á banca (Banco Pinto de Magalhães).
A súa acción filantrópica tivo alta repercusión, tanto para as novas xeracións naturais de Ponte Caldelas como para a colectividade galega residente en Lisboa. Realizou múltiples doazóns en favor da súa terra de orixe, entre as que salienta a de 1 400 000 pesetas para levar a cabo a construción do edificio escolar da vila, que levaría o seu nome.
A destacada acción en beneficio dos socios e socias de Xuventude de Galicia foi a doazón, en 1988, do fermoso palacete do século XIX que constitúe a súa emblemática sede social, localizada na rúa Júlio de Andrade, 3, da capital lisboeta.
Un palacio do século XIX, refuxio dos emigrantes galegos en Lisboa
Un palacio do século XIX, refuxio dos emigrantes galegos en Lisboa

O Salón Nobre da sede social de Xuventude de Galicia, localizado na rúa Júlio de Andrade da capital portuguesa, leva o nome da nai de Manuel Cordo Boullosa, chamada Leocadia Boullosa Muñoz. A súa maxestade e beleza asombra a calquera visitante. Trátase dun espazo destinado a exposicións de distinta índole (pintura, fotografía, escultura etc.) e outro tipo de actividades, como presentacións de publicacións, conferencias...
As dependencias desta entidade teñen espazos reservados para a biblioteca, salón de festas, sala de reunións, restaurante ou salóns para as distintas clases impartidas no centro: percusións tradicionais, baile galego, lingua galega, cantaría etc.
Merecida homenaxe a Manuel Cordo Boullosa, Lisboa, 1995
Merecida homenaxe a Manuel Cordo Boullosa, Lisboa, 1995

O 18 de xuño de 1995 o socio honorario Manuel Cordo Boullosa foi homenaxeado por Xuventude de Galicia, entidade que tanto lle debe a este benfeitor. El foi o promotor e artífice da compra da actual sede social, adquirida en propiedade en 1988. É unha figura venerada por todos os socios e socias, considerada por moitos como o «patriarca» dos galegos de Lisboa. Socio número 1 benemérito e honorario, a grandeza da súa obra filantrópica sería relembrada de maneira simbólica a través dun busto de granito galego acompañado dunha placa que atribúe o seu nome ao edificio.
O acto estivo cargado de emocións, tanto para os socios e autoridades participantes como para o propio homenaxeado. Boullosa afirmou: «O Centro Galego continua a mostrar a grandeza das letras galegas ao mundo, e para que Portugal conheça o alto valor intelectual do povo galego».
O insigne filántropo manifestou un profundo sentimento que atendía á súa orixe e que reproducimos seguidamente: «O respeito e gratidão a meus antepassados, a lembrança saudosa da gente boa da minha aldeia, dão a explicação do oferecimento desta casa do Centro Galego».
Expresións de afecto das visitas máis esperadas
Expresións de afecto das visitas máis esperadas

Este libro de visitantes de Xuventude de Galicia está cheo de sorpresas. Numerosos intelectuais galegos foron sempre recibidos con agarimo e entusiasmo por parte da colectividade residente en Lisboa. Á sede social de Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa achegáronse destacados persoeiros que deixaron neste libro as súas expresións de afecto e agradecemento pola boa acollida percibida.
Esta entidade organiza, desde os seus inicios, actos de diversa índole, nos que sempre fixo partícipe a membros da elite intelectual galega, ben para renderlle homenaxe ao seu importante labor como fonte de coñecemento e repercusión social, ben para participar na celebración daqueles acontecementos importantes, sempre relacionados coa cultura e lingua galegas.
Podemos atoparnos coa dedicatorias de Lugrís Freire, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Manuel María, Filgueira Valverde ou Carlos Casares, entre moitos outros.
Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, sede de manifestacións culturais de vangarda
Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, sede de manifestacións culturais de vangarda

Esta asociación de emigrantes galegos en Lisboa mantense conectada coa sociedade galega e portuguesa e manifesta unha continua e mutua consonancia co seu interese polas artes plásticas, a música, a danza ou as conferencias de distinta índole, entre outras actividades. Froito dese interese pola difusión cultural, adoita organizar diversas e variadas exposicións. Nesta fotografía vemos como os visitantes gozan con atención da mostra titulada Só 4, pintura con outra arte, acollida no Salón Nobre Leocadia Boullosa.
Gumersindo Busto Villanueva, gran filántropo compostelán (Santiago de Compostela 1872 - Bos Aires 1937)
Gumersindo Busto Villanueva, gran filántropo compostelán (Santiago de Compostela 1872 - Bos Aires 1937)

Fillo de María Manuela Busto y Villanueva, este compostelán naceu en 1872, na parroquia de San Martiño de Laraño. Pouco se sabe sobre a súa infancia e preadolescencia en Galicia, agás que ingresou no Seminario de Santiago e cursou os tres primeiros anos de Latinidade. Como moitos galegos da época, Gumersindo non escaparía á tentación de emprender a súa propia aventura migratoria. En 1887, con tan só 15 anos, embarcou cara a Uruguai, o seu o primeiro destino migratorio e onde desempeñou varias ocupacións, como telegrafista no Ferrocarril Central de Uruguai, mestre dunha escola rural en Tacuarembó e asistente nunha notaría en Montevideo. Esta última experiencia marcou o seu ingreso na Facultade de Dereito da Universidad de Montevideo en 1892. Nese mesmo ano Gumersindo marchou para Arxentina e volveu exercer de telegrafista no Ferrocarril de Bos Aires e Rosario. Coa intención de continuar cos seus estudos, decide solicitar traballo no Rexistro da capital ata conseguir o grao de escribán público da cidade de Bos Aires, en 1898. Dende entón a súa carreira profesional consolidouse cada vez máis. O 11 de maio de 1896 contrae matrimonio coa arxentina Felisa Gallardeo e forman unha familia numerosa de oito fillos varóns, dos que o segundo, chamado Julio César, seguiu os seus pasos profesionais e rexeu con el a notaría dende 1933.
O seu crecemento intelectual e profesional non fixo que emocionalmente se desligase da súa terra, senón todo o contrario. Coa mente sempre nela, Gumersindo Busto promoveu unha serie de iniciativas para estreitar lazos entre América e España, entre as que destacou o seu proxecto de creación da Universidad Libre Hispanoamericana, nado en 1904. Finalmente, só puido levar a cabo un dos elementos que complementaban ese grande ideal e que consistía na organización e fundación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, froito de grandes esforzos e unha incansable persistencia e dedicación persoal, a cal foi inaugurada 22 anos despois, en 1926.
De emigrante común a distinguido letrado da cidade de Bos Aires
De emigrante común a distinguido letrado da cidade de Bos Aires

Gumersindo Busto chegou a América en plena adolescencia, con todos os cambios físicos e cognitivos inherentes a esa etapa da vida. Como a moitos rapaces da época que embarcaron cara a América, tocoulle madurar dun xeito case repentino e acelerado. A súa interpretación da contorna social foi rápida, e integrouse ao mundo laboral a unha idade temperá. Desenvolveu oficios pouco comúns, tendo en conta as características da maioría dos emigrantes galegos da época. En Bos Aires, no seu segundo e definitivo destino migratorio, Gumersindo Busto exerceu o notariado como rexente do Rexistro de Contratos nº 125 e chegou a ser docente no Instituto de Aspirantes ao Notariado. No quefacer diario da súa profesión, o seu despacho destacaba polo impecable manexo de xestións referidas a contratos civís e comerciais, préstamos hipotecarios, tramitacións testamentarias e administración de propiedades.
Defensa de Gumersindo Busto da doutrina do hispanoamericanismo
Defensa de Gumersindo Busto da doutrina do hispanoamericanismo

Baixo o título «¿Qué es el Hispanoamericanismo?» Gumersindo Busto avoga neste artigo pola cooperación entre os pobos hispanos, a nivel tanto cultural e educativo como económico.
Non se podería entender a creación da Biblioteca América sen coñecer as correntes ideolóxicas que dominaban a finais do século XIX e primeiras décadas do XX na vida cultural americana e española. O rexeneracionismo —doutrina protagonizada polas clases medias profesionais que loitaban pola modernización de España defendendo a acción privada fronte á pública— e o hispanoamericanismo —coa reafirmación do hispano fronte ao mundo anglosaxón e unha valorización da influencia española na cultura dos países americanos— estaban moi presentes nos escritos da época. Home culto e progresista, Busto participou activamente en varias institucións que defendían esta ideoloxía. Foi socio da Unión Ibero-Americana e de asociacións galegas en América como a Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor, que destacou polos seus logros instrutivos e culturais. Neste contexto cobra sentido o seu soño de levar a cultura e o saber americanos ao centro do saber de Galicia, a USC.
Primeiro número do <cite>Boletín de la Biblioteca «América» de la Universidad de Santiago de Compostela</cite>, febreiro de 1910
Primeiro número do Boletín de la Biblioteca «América» de la Universidad de Santiago de Compostela, febreiro de 1910

Este boletín foi publicado en Bos Aires a partir de 1910 e tivo continuidade ata 1936. Creouse tras a frustración de Gumersindo Busto por non poder inaugurar a Biblioteca América nese ano tan significativo para Arxentina, o seu país de acollida migratoria e un dos principais países doadores. Foi un medio máis para dar a coñecer os traballos realizados a prol da fundación da Biblioteca e tamén serviu como medio publicitario do proxecto para así atraer máis doantes coa publicación dos seus nomes e relación de doazóns. Tamén publicaban artigos de contido cultural e reproducían as noticias da prensa do momento sobre o proxecto. Unha vez editado, o Boletín enviábase ás redaccións de gran parte dos xornais e revistas de España e de todo o continente americano para que o seu labor tivese ampla repercusión.
Fraguando un soño coa mente na súa terra
Fraguando un soño coa mente na súa terra

Gumersindo Busto pretendeu fundar a Biblioteca América co obxecto de que o alumnado dos distintos niveis de capacitación académica tivese a oportunidade de coñecer canto producía a intelectualidade hispanoamericana nos seus diferentes aspectos: científico, literario, histórico, xeográfico, antropolóxico, artístico etc.
Para dar a coñecer a súa obra, enviaba unha carta de petición de colaboración aos directores de numerosos xornais dos distintos países de interese, acompañada do exemplar dun folleto e, máis tarde, do Boletín, no que se publicaban todas as adhesións de institucións hispanoamericanas e particulares, xunto coa listaxe de doazóns recibidas para o proxecto. Deixamos aquí o contido dunha carta remitida a La Correspondencia de Puerto Rico (9 de maio de 1909):
«Muy señor mío: Conmemorando el centenario de la independencia americana, se inaugurará en la Universidad de Santiago de Galicia, España, una biblioteca americana denominada “América”, formándola las obras estadísticas, y mapas que sean donados por los que simpaticen con este pensamiento de difusión intelectual en la madre patria y de verdadera confraternidad hispano americana. Para obra tan buena, me permite rogar del señor director quiera dignarse a contribuir con el envío permanente á dicha biblioteca del diario de su digna dirección.
Ruégole quiera tener la bondad de informarme del resultado de esta solicitud, para su anotación en el catálogo que se lleva con ese fin.
Soy del señor director muy atto. y S.S. Gumersindo Busto».
Membros da Comisión Protectora da Biblioteca América de Bos Aires, 1935
Membros da Comisión Protectora da Biblioteca América de Bos Aires, 1935

Dende 1909 Busto promove a creación dunha extensa rede de delegados afíns ao seu proxecto nos diferentes países americanos, tirando moitas veces de amizades persoais e de intelectuais recoñecidos; é así como se amplía o número de doantes e de fondos en case todo o continente. En 1913 crea na capital arxentina a primeira Comisión Protectora, integrada por persoeiros da colectividade emigrada e da intelectualidade porteña. Tiña por obxecto prioritario a difusión do ideario da creación da Biblioteca América. Tamén se ocupaba de financiar a edición do Boletín e a encadernación das obras recibidas para poder envialas á USC, así como de conseguir fondos para o seu envío a Galicia. Neses anos crea ademais unhas Comisións de Damas (as máis coñecidas en Bos Aires e Montevideo) co encargo, primeiro, de confeccionar bandeiras dos seus respectivos países para enviar á Biblioteca, e posteriormente tamén acadaron apoios e doazóns.
Na imaxe aparece Gumersindo Busto sentado (á dereita) en compañía dos seus máis fieis colaboradores. Ao fondo podemos ver tres dos seus fillos, colaboradores entusiastas do seu magno proxecto.
Carta manuscrita de Gumersindo Busto ao decano da Facultade de Filosofía e Letras da USC, José González Salgado, con data do 9 de agosto de 1925
Carta manuscrita de Gumersindo Busto ao decano da Facultade de Filosofía e Letras da USC, José González Salgado, con data do 9 de agosto de 1925

Gumersindo Busto mantiña activa correspondencia con varios membros do profesorado da Universidade que apoiaban o seu proxecto e as súas ideas americanistas. Esta carta é a resposta a unha anterior na que fora convidado a organizar unha expedición de intelectuais afíns para asistir aos festexos do Ano Santo compostelán que se celebraría en 1926. Relata os trámites para organizar a viaxe a Galicia. Sería unha excursión turística máis que relixiosa (non hai que esquecer que a sociedade arxentina da época se caracterizaba polo seu laicismo). Tamén fala dos contactos para buscar financiamento con ese fin.
Finalmente Gumersindo Busto non puido realizar esta viaxe e aínda por riba tampouco chegou a asistir á inauguración da Biblioteca América. O claustro da USC non tivo o detalle de pagar a pasaxe e estancia do filántropo.
Carretando coñecemento dunha beira á outra do Atlántico
Carretando coñecemento dunha beira á outra do Atlántico

O proxecto de difusión da cultura hispanoamericana e da fraternidade entre os pobos liderado por Gumersindo Busto non estivo exento de dificultades, esforzos e sacrificios. En diversas ocasións a Comisión Protectora da Biblioteca América manifestou que os resultados non eran tan alentadores como se esperaba. Con todo, este insigne galego non desistiu nin un intre do seu propósito de continuar coa procura de adhesións e donativos. Logrou incluso que se fixesen varios traslados de materiais sen cargos. As coleccións conseguidas, xunto ao seu equipo de apoio, finalmente chegaron ao porto de Vigo. Diminutas sementes, moedas, libros e obxectos de maior envergadura foron embalados coidadosamente para chegar ao seu destino en perfecto estado de conservación. Así, a Universidade de Santiago de Compostela foi recibindo un legado de temática americanista sumamente valioso non só para Galicia senón tamén para o resto de España.
Outra natureza por descubrir
Outra natureza por descubrir

O concepto que tiña Gumersindo Busto de transmisión do coñecemento, a través do material recompilado para a Biblioteca América, abranguía non só a colección bibliográfica, numismática ou cartográfica, senón tamén o patrimonio referido á historia natural de América, polo que tería representación propia unha considerable mostra de fauna, flora e minerais procedentes do fermoso continente americano. A colección zoolóxica estivo representada principalmente por animais disecados, fundamentalmente aves (196), seguidas de mamíferos (7), anfibios (3) e tamén algúns réptiles. Ademais conta cunha colección botánica e de mostras de minerais. O destino definitivo de todo o material foi o Museo de Historia Natural da universidade compostelá.
Labor meritorio ao servizo da comunidade investigadora e estudantil
Labor meritorio ao servizo da comunidade investigadora e estudantil

En poucos anos Gumersindo Busto conseguiu contactar de maneira efectiva con escritores, xornalistas, académicos e gobernos de todos os países americanos. Reuniu milleiros de libros e xornais, manuscritos, mapas, planos, estatísticas etc., material que foi enviado a Santiago de Compostela para crear o acervo da Biblioteca América. Ademais, ampliou o seu proxecto estendendo o seu desexo á formación dunha gran mostra expositiva na que figurasen as bandeiras de cada nación do continente americano. As primeiras recibidas foron as de Arxentina e Uruguai, deseñadas e bordadas polas damas de ambos os países. Tamén poden contemplarse bustos de diversos próceres americanos, doados pola Comisión de Damas arxentina e por Gumersindo Busto, por exemplo os de Mariano Moreno, José de San Martín, Bernardino Rivadavia, Bartolomé Mitre ou Nicolás Avellaneda.
A colectividade galega de América faise eco da iniciativa cultural
A colectividade galega de América faise eco da iniciativa cultural

Esta revista da colectividade galega en Cuba, Eco de Galicia, é un exemplo da difusión e importancia que lle deron os galegos á iniciativa promovida por Gumersindo Busto, pois eran conscientes da repercusión bilateral que tiña a realización do proxecto. Non se trataba só de agregar unha compoñente de excelencia á Universidade de Santiago de Compostela, senón tamén de facilitarlle o coñecemento á comunidade estudantil sobre todo o concernente ao continente americano, fornecéndoa de recursos didácticos como folletos, libros, planos, mapas, cartas xeográficas, moedas, medallas, exemplares da fauna americana, utensilios propios das civilizacións indíxenas etc.
Asistentes á inauguración da Biblioteca América
Asistentes á inauguración da Biblioteca América

A Biblioteca inaugurouse o 26 de xullo de 1926. Ese día tivo lugar un acto en que estiveron presentes o director xeral de Ensinanza e todo o equipo reitoral, ademais das principais autoridades da cidade e delegados de moitas das repúblicas americanas que achegaran fondos á Biblioteca, mais non Gumersindo Busto. Ese mesmo día en Bos Aires a elite intelectual da cidade organizou un banquete na súa honra. Busto mandou unha carta, que leu o decano da Facultade de Filosofía e Letras, na que se percibe a súa emoción polo soño acadado: «[…] a Galicia, tierra de mis recuerdos afectuosos; a Santiago, hogar solariego, depositario de cotidianas oraciones, tributo el homenaje de mi corazón. A su ilustre Universidad, a sus hombres de ciencia, maestros de las nuevas generaciones, todo mi respeto y el caudal de mi esfuerzo tenaz, representado por el haber de la Biblioteca América, creada como un símbolo fraterno entre España y las repúblicas americanas».
Recoñecemento ao tesón e filantropía de Gumersindo Busto
Recoñecemento ao tesón e filantropía de Gumersindo Busto

Poucos meses despois da inauguración oficial da Biblioteca América, o claustro de profesores da USC outorgou a Gumersindo Busto o título de doutor honoris causa. Na acta da reunión pódese ler: «La obra del Sr. Busto es grande por su valor intrínseco; de singular trascendencia por contribuir a estrechar los vínculos de intelectualidad entre la América española y su antigua Metrópoli y extraordinariamente meritoria por el colosal ejemplo de constancia dado en una incesante, inteligente y costosa labor de más de veinte años, durante los cuales no decayó un momento la inquebrantable fe de Busto, que no dejó de trabajar ni un solo día en la empresa de aumentar el caudal de su Biblioteca Museo». Aínda que este título foi solicitado en 1927, non será concedido ata outubro de 1934.
Uns anos antes, en 1925, o claustro solicitara ao Goberno español a Gran Cruz de Isabel a Católica para o filántropo.
Estatutos da Comisión Protectora da Biblioteca-Museo América. Bos Aires, 1935
Estatutos da Comisión Protectora da Biblioteca-Museo América. Bos Aires, 1935

Como xa se indicou con anterioridade, A Biblioteca América, fundada por Gumersindo Busto o 30 de xuño de 1904, foi incorporada á Universidade de Santiago de Compostela pola Real orde do 11 de novembro de 1909 e inaugurada oficialmente o 26 de xullo de 1926. Temos aquí o Estatuto da corporación, que data de 1935. No seu artigo 2º obsérvanse claramente os seus obxectivos, dos que destacamos o máis xeral:
«Esta institución tiene por objeto contribuir a la mejor realización de los fines perseguidos por el fundador, sintetizados en el mayor entendimiento, por medio de la fraternización cultural, entre los pueblos americanos y España. Por eso, su principal acción será la de difundir cuanto atañe al progreso intelectual y material de los mismos, por medio del libro, conferencias, exposiciones e informes, tanto en la Biblioteca América como en otros centros de los pueblos americanos».
Portada do primeiro catálogo dos fondos da Biblioteca América
Portada do primeiro catálogo dos fondos da Biblioteca América

Se ben as relacións de Gumersindo Busto co claustro universitario non foron as mellores, o filántropo atopou dende moi cedo apoio nos diferentes xefes da Biblioteca universitaria e nos seus traballadores, que axiña se puxeron á súa disposición. Tanto Manuel Feijoo Poncet como José Mª de Bustamante y Urrutia contribuíron de maneira destacada ao éxito do proxecto: grazas á súa dilixencia, os libros e materiais que se ían recibindo foron gardados e catalogados de maneira independente ao resto dos fondos da Biblioteca Xeral, o que permitiu manter a súa identidade como fondo especial.
O inxente traballo de catalogación destes fondos foi dirixido por Bustamante y Urrutia co apoio expreso do decano Ciriaco Pérez Bustamante, ambos os dous destacados americanistas. O primeiro catálogo, realizado de maneira parcial, foi publicado pola USC en 1927. Nos anos posteriores publicáronse outros dous catálogos alfabéticos de autores, en 1929 e en 1931. Non será ata 1992, coa celebración do V Centenario do Descubrimento de América, cando de novo se retome a idea de reeditar, actualizar e informatizar un novo catálogo, tarefa esencial para a súa difusión e uso entre os investigadores e estudantes.
A Liga de Damas Católicas de Uruguay e a súa valiosa contribución ao proxecto galego da Biblioteca América
A Liga de Damas Católicas de Uruguay e a súa valiosa contribución ao proxecto galego da Biblioteca América

Laura Carrera de Bastos, presidenta da Liga de Damas Católicas de Uruguay, foi unha importante figura de apoio ao movemento que Gumersindo Busto iniciou en Bos Aires. Ela participou de maneira activa en todo o proceso de recompilación, selección e traslado de libros e obxectos destinados a enriquecer os fondos da Biblioteca América. Laura e outras mulleres da alta sociedade uruguaia bordaron o sol dourado na súa bandeira, coa hasta de prata cicelada. Tamén foi agasallo exclusivo desta comisión un precioso álbum coas páxinas engarzadas persoalmente por estas damas. Ademais, destaca a doazón do busto en bronce fundido de José Enrique Rodó (1872-1917) por parte da Comisión Pro-Acercamiento Intelectual Iberoamericano, creada no seo desta asociación.
Triste noticia para a colectividade galega emigrada: o pasamento de Gumersindo Busto
Triste noticia para a colectividade galega emigrada: o pasamento de Gumersindo Busto

Gumersindo Busto morre en Bos Aires o 21 de xuño de 1937 sen chegar a ver fisicamente o proxecto da súa vida, a Biblioteca América. A noticia do seu pasamento tivo unha gran repercusión na prensa arxentina e galega. A maioría dos xornais da colectividade emigrada en América rendéronlle unha última homenaxe ao filántropo compostelán que dedicou gran parte da súa vida e da súa fortuna persoal a apoiar o desenvolvemento da universidade da súa terra como un medio de progreso para Galicia. Neste artigo da revista Galicia, órgano oficial do Centro Galego de Bos Aires, do que fora socio e directivo, podemos ler: «El fallecimiento de don Gumersindo Busto enluta, no solo a Galicia, [...] sino también a toda la América hispánica, ya que casi toda su vida fue consagrada a difundir el conocimiento y los valores de los países nacidos de la madre patria». A título póstumo a USC concedeulle un vítor como recoñecemento ao seu labor de impulsor e alma mater da Biblioteca América.
O Pazo de Fonseca, sede da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, <cite>ca. </cite> 2000
O Pazo de Fonseca, sede da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, ca. 2000

En 1909 Gumersindo Busto visita Santiago como delegado de Arxentina na Exposición Regional de Galicia e no Congreso de Emigración. Nesas datas contacta con diversos políticos e persoeiros da vida galega para presentar e axilizar o seu proxecto de creación da Biblioteca América. Consegue que o Ministerio de Instrución Pública promulgue unha real orde na que dá corpo legal á creación da Biblioteca e na que insta a Universidade a situala na sala de reunións do claustro universitario. O profesorado axiña se opón a esta idea e reclama ante o Ministerio coñecer a natureza e valor dos fondos que se enviarían, así como buscar outros locais máis axeitados, segundo eles. Todo este asunto provocará a demora na súa inauguración.
Finalmente a maior parte dos fondos da Biblioteca América queda situada en varias salas do Pazo de Fonseca, onde tamén se atopa a Biblioteca Xeral da universidade compostelá. Este magnífico edificio renacentista foi sede universitaria dende o século XVI e hoxe en día continúa a ser centro da vida cultural e estudantil da cidade.
Un espazo permanente de transmisión de coñecemento da USC
Un espazo permanente de transmisión de coñecemento da USC

O fervor con que traballou Gumersindo Busto na obra de creación dun espazo único e distinguido, dedicado a conectar as dúas beiras do Atlántico a través da fundación da Biblioteca-Museo América, foi o inicio dun enriquecemento da Universidade de Santiago de Compostela, mantido ao longo do tempo. Don Busto, como moitos lle chamaban, buscaba en gran medida esa excelencia que distinguise a universidade compostelá, para que fose digna de alarde institucional, orgullo e satisfacción por ofrecer un ben educativo e cultural a toda a comunidade galega.
«Por amor a España, a Galicia y América, ¡Quiera el cielo que este aleteo constante de libros sobre el mar, sea anuncio de próximas glorias comunes en la alta misión que la Historia ha reservado a la inagotable vitalidad de la Madre y al vigor de raza de las Hijas!». Gumersindo Busto
A Biblioteca América constitúe unha sección anexa á Biblioteca Universitaria da USC e cobra suma importancia no seo da institución polo seu contido de valiosos fondos de carácter interdisciplinario e hemerográfico e de fontes de referencia. O seu acervo variado continúa medrando e supera os 37 000 volumes.
Celebración do centenario da Biblioteca América (1904-2004)
Celebración do centenario da Biblioteca América (1904-2004)

En 2004 a USC organizou diversas actividades para conmemorar o centenario da creación da Biblioteca América e homenaxear o seu creador. Uns anos antes a profesora de Historia de América da USC Pilar Cagiao Vila comezou a dirixir un proxecto de investigación sobre esta biblioteca titulado «100 años de relaciones culturales España-América Latina» e encargouse, xunto co seu equipo, de facer unha nova catalogación temática e pormenorizada dos seus fondos.
Neste centenario organizáronse numerosas actividades a prol do coñecemento da Biblioteca e do seu promotor: publicáronse varias investigacións e libros, entre os que destaca este coordinado pola profesora Cagiao, no que se analiza a historia da creación da Biblioteca América e o contexto histórico no que foi ideada, así como a catalogación temática dos seus fondos. Tamén se realizaron unha serie de ciclos de conferencias e un coloquio internacional sobre bibliografías americanistas singulares. Ademais, contou cun programa de concertos a partir dos documentos musicais orixinais existentes nos fondos. Tamén tivo ampla difusión unha magnífica exposición sobre a Biblioteca.
Conservar e divulgar este acervo bibliográfico, museístico e cultural é unha tarefa que a USC leva a cabo dende hai décadas.
Figuras representativas dunha vila: os irmáns García Naveira, Betanzos
Figuras representativas dunha vila: os irmáns García Naveira, Betanzos

En 1983 trasládase a escultura marmórea dos filántropos García Naveira ata a praza que leva o seu nome, con motivo do cincuentenario do falecemento de Juan. Trátase dunha estatua que estaba situada orixinalmente na parte baixa do parque do Pasatempo. A escultura representa a Jesús sinalando os edificios do asilo e as escolas creadas por ambos os benfeitores, mentres que Juan escoita polo auricular dun teléfono. Sospéitase que a realización do monumento correu a cargo da Federación de Sociedades Obreiras de Betanzos (agricultores, canteiros e carpinteiros, entre outros oficios), en sinal de agradecemento aos irmáns García Naveira, e tamén que foi unha obra encargada ao artista S. Sbricoli.
Retrato do filántropo Jesús García Naveira, ca. 1910
Retrato do filántropo Jesús García Naveira, ca. 1910

Nacido en Betanzos o 11 de setembro de 1852 no seo dunha familia humilde de labradores, emigrou con apenas 18 anos a Arxentina, reclamado polo seu irmán maior, Juan María, quen, instalado no país, comezaba a ter unha posición desafogada. Os dous irmáns convertéronse en socios en diversos negocios relacionados co comercio téxtil e de importación. Jesús tamén desenvolveu unha intensa actividade financeira e na banca: foi director do Banco Español de Río da Prata, vicepresidente da Cámara Española de Bos Aires e conselleiro-delegado de varias compañías de seguros.
Xa na elite económica do país, casou con Carmen Echevarría y Olaverri, dama arxentina de orixe vasco-francesa, coa que non tivo descendencia.
Na década de 1890 regresa a España e instala a súa residencia en Madrid, aínda que fai frecuentes viaxes a Arxentina para xestionar os seus negocios. Mantén unha íntima relación co seu irmán, a quen visita a miúdo en Betanzos e con quen deseña un amplo abano de actividades filantrópicas a prol dos seus veciños e veciñas a través da creación en 1908 do Patronato Benéfico-Docente García Hermanos, co que financiaron a construción e o mantemento dun asilo e do edificio escolar do mesmo nome.
O 24 de marzo de 1912, nunha das súas viaxes a San Nicolás de los Arroyos, perde a vida vítima dun accidente de tráfico.
Estampa familiar do indiano Juan María García Naveira en Betanzos, ca. 1925
Estampa familiar do indiano Juan María García Naveira en Betanzos, ca. 1925

Juan María García Naveira (Betanzos, 16 de maio de 1849 – 9 de marzo de 1933), orfo de pai, decide, como moitos dos seus veciños, tomar o camiño da emigración e en 1869 marcha en busca dun futuro mellor a Arxentina. Alí traballa en diversos oficios e un par de anos despois, xa encarrilada a súa economía, manda chamar o seu irmán pequeno Jesús. A traxectoria profesional de ambos os dous continúa paralela e chegan a ser uns importantes homes de negocios. Hai varias fontes que atribúen a súa gran fortuna á venda duns terreos en Bahía Blanca para a construción da liña de ferrocarril.
Como o seu irmán, casa cunha dama da elite bonaerense, María Iribarne Lescort, coa que terá tres fillos: Águeda, Joaquina e Juan Jesús. Na imaxe podemos velo no centro xunto coa súa muller e os seus fillos, netos e outros familiares.
En 1893 regresa coa súa familia a Galicia e instala a súa residencia en Betanzos, onde vivirá como un indiano, respectado pola súa riqueza e apreciado polo seu gran labor benfeitor a prol das clases máis desfavorecidas da súa vila natal: as mulleres (financiou a construción de dous lavadoiros públicos), os nenos e nenas (coa construción e o mantemento das escolas García Hermanos) e os vellos e enfermos necesitados (coa construción dun asilo, do Sanatorio San Miguel e dun edificio como centro de asistencia para nenas con discapacidades psíquicas ou físicas). Un dos seus proxectos máis orixinais foi a creación do parque público do Pasatempo
Escola e asilo García Hermanos, a protección dos máis vulnerables
Escola e asilo García Hermanos, a protección dos máis vulnerables

A vontade filantrópica dos indianos García Naveira vén ilustrada principalmente a través da creación do asilo e as escolas García Hermanos. Con ese obxectivo quedou constituída unha fundación benéfica de «patronato particular perpetuo», por escritura pública do 23 de agosto de 1908. O capital de base, achegado a partes iguais polos dous irmáns, foi de 500 000 pesetas. O predio para a construción de ambos os edificios anexos foi cedido polos dez concellos do partido xudicial de Betanzos. No artigo primeiro dos estatutos do Patronato Benéfico-Docente García Hermanos recóllese a súa natureza e finalidade xeral:
«Los Sres. D. Juan y D. Jesús García Naveira constituyen en favor de los pobres del partido judicial de Betanzos, bajo la denominación de Asilo García Naveira y Escuela García Naveira, una doble institución benéfica de Patronato particular, con el respectivo fin de proporcionar albergue, alimento, vestido y asistencia médica á los ancianos sexagenarios, y alimento, educación y enseñanza á la juventud».
Ademais dos seus fundadores, a Xunta do padroado estaba constituída por Juan J. García Iribarne, fillo de Juan; Eduardo González García, sobriño de ambos; o párroco Jesús Leiceaga Bernat, e Joaquín López Folla, veciño de Betanzos.
O filántropo betanceiro Juan María García Naveira nunha visita ao asilo de anciáns, ca. 1915
O filántropo betanceiro Juan María García Naveira nunha visita ao asilo de anciáns, ca. 1915

Os Estatutos de la Fundación Benéfica Asilo García Hermanos y Escuela García Hermanos publicados en 1908, recollen os requisitos para a admisión de usuarios do asilo, que sería rexido preferentemente polas Hermanitas de Ancianos Desamparados ou outra comunidade homóloga:
«1.º Parientes de los fundadores hasta décimo grado
2.º Naturales de la ciudad de Betanzos
3.º Naturales de cualquiera otro pueblo del partico judicial
Los dementes, los que padezcan enfermedad contagiosa ó repugnante y los que tengan vicios notorios, no serán admitidos en el Asilo».
Escolas García Hermanos, por unha escola aberta que amplíe horizontes para os brigantinos máis novos (inauguradas o 2 de setembro de 1914)
Escolas García Hermanos, por unha escola aberta que amplíe horizontes para os brigantinos máis novos (inauguradas o 2 de setembro de 1914)

Os irmáns García Naveira, como outros indianos enriquecidos, aproveitaron a prosperidade propia para promover o desenvolvemento educativo, cultural, social e material do seu lugar de orixe. Un exemplo ben representativo foi a construción e o mantemento das escolas para os nenos e nenas das clases máis desfavorecidas de Betanzos. As escolas García Hermanos eran coñecidas como escolas do asilo, pois estaban a carón deste. O edificio tiña instalacións independentes para cada sexo, tanto as aulas como os espazos de recreo. Os horarios tamén estaban diferenciados e procurábase que os varóns saísen con media hora de antelación con respecto ás rapazas.
As materias que se impartían ían enfocadas a coñecementos elementais de lectura, escritura, doutrina cristiá e nocións de historia sagrada, ademais de gramática castelá, ortografía e aritmética. Se o orzamento o permitía, o ensino estendíase a materias referidas ao comercio, a industria e as artes. O alumnado recibía vestimenta e calzado gratuíto, ademais dunha comida diaria. Distribuíanse tamén premios entre os máis aplicados e con menos de vinte faltas de asistencia; tratábase, así, de evitar o absentismo escolar, tan común na época, xa que os fillos de familias labregas dedicaban máis tempo aos traballos agrícolas que á adquisición de novas aprendizaxes.
Para ingresar como alumno ou alumna requiríase:
«1.º Tener la edad mínima de cuatro años, poder hablar correctamente, moverse con libertad y valerse por sí mismo en la comida.
2.º Ser pobre, natural de este partido, no padecer enfermedad contagiosa ni de exterior repugnante, ó que exija medicación y cuidados especiales, y acreditar haber sido vacunado. Se dará siempre preferencia a los huérfanos».
A partir de 1915 foron incluídas as clases nocturnas para ambos os sexos, tamén gratuítas. O horario era de 18:00 h a 20:00 h, nas aulas de ensinanza primaria e baixo as directrices dos mesmos docentes que impartían as clases diúrnas.
Regulamento das escolas García Hermanos, Betanzos, 1915
Regulamento das escolas García Hermanos, Betanzos, 1915

Ao parecer, a dirección do centro de ensino era responsabilidade de Juan García Naveira. A finalidade era aplicar un modelo educativo progresista nun contorno académico agradable e estimulante para o alumnado. Tratábase dun modelo pedagóxico que xa se viña empregando naquelas escolas que se atopaban baixo o patrocinio da Institución Libre de Ensinanza, dirixida por Giner de los Ríos.
O mestre tiña que estar ben cualificado e ter perceptible vocación, para procurar unha educación integral que atendese non só ás necesidades de instrución nos distintos contidos, senón tamén á interacción humana dentro das aulas. O regulamento que aquí se presenta establece as obrigas do persoal docente, entre as que podemos destacar:
«1.º Iniciar y proponer las mejoras y adelantos que les dicte su celo por la enseñanza.
2.º Captarse las simpatías y el cariño de sus discípulos, dispensándoles constante y solícita atención y trato afectuoso, sin menoscabo del respetuoso ascendiente moral que sobre ellos deben ejercer.
3.º No desalentar al alumno porque se equivoque en sus trabajos de cualquier orden que sean: antes bien, con la mayor afabilidad se les acostumbrará á pensar y reaccionar, dando siempre mucha importancia á cada avance, por pequeño que sea, realizado por el educando en el terreno de la investigación».
O profesorado contaba co apoio de axudantes para un mellor desempeño das súas funcións.
Lavadoiro público das Cascas, servizo e socialización das mulleres brigantinas (inaugurado o 17 de agosto de 1902)
Lavadoiro público das Cascas, servizo e socialización das mulleres brigantinas (inaugurado o 17 de agosto de 1902)

Outra das numerosas obras filantrópicas dos irmáns García Naveira foi a construción do lavadoiro das Cascas, edificado na beira do río Mendo. Na actualidade aínda se pode intuír a fermosura desta infraestrutura, de grande utilidade para os habitantes do Betanzos da época:
«Hoy se hizo la entrega oficial del lavadero construido á expensas de los filántropos hijos de Betanzos D. Jesús y D. Juan García Naveira. El edificio es hermoso y está muy bien distribuido. Ha costado 70 000 pesetas. Todo el vecindario de Betanzos y los forasteros que aquí se encuentran acudieron al acto de entrega y bendición del edificio. También acudió el Ayuntamiento, entre mazas, las Sociedades agremiadas y el clero con cruz alzada. D. Jesús García Naveira manifestó que entregaba el edificio al Ayuntamiento a beneficio de las clases desheredadas, creyendo que se llenaba un vacío que se sentía en la ciudad. El alcalde contestó agradeciendo tan importante donativo. El capellán do honor D. Santiago Guerrero, dedicó también al acto elocuentes frases. Como madrina asistió la distinguida esposa del Sr. Linares Astray. Terminado el acto se formó la comitiva que acompañó á la señora de Linares é hijos y á doña Emilia Pardo Bazán, hasta el magnífico hotel que los Sres. Naveira poseen en la plaza de Ariones. Esta noche se celebrarán animados bailes en las sociedades de recreo. Mañana se verificará la gira a Caneiros». Extracto da autoría de Faginas.
O descanso final: noticia do regreso dos restos do filántropo Jesús García Naveira a Betanzos, 1917
O descanso final: noticia do regreso dos restos do filántropo Jesús García Naveira a Betanzos, 1917

A noticia da morte de Jesús García Naveira acaecida de forma repentina en 1912 en Arxentina conmocionou a toda a sociedade betanceira e galega. Xa recoñecido o seu labor filantrópico e benéfico xunto co seu irmán Juan, as homenaxes e tributos aparecen en toda a prensa do momento. Con motivo do seu falecemento, as Sociedades Obreiras de Betanzos organizaron unha velada literaria na que numerosos intelectuais da comarca loaron a súa figura e obra.
No seu testamento deixa un importante legado a beneficio do padroado presidido polo seu irmán Juan, así como outras doazóns para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas: 50 000 pesetas para construír unha escola municipal; a mesma cantidade a favor das Sociedades Obreiras de Betanzos, coa que mercaron unha casa que se converterá en Casa del Pueblo sede dos obreiros; 100 000 pesetas para repartir entre 200 familias pobres da vila, e outros legados para familiares e amigos. O total supuxo máis de 1 220 000 pesetas.
En 1917, os seus restos mortais foron trasladados a Betanzos e soterrados nun mausoleo erixido na capela do asilo que mandara construír. A noticia tivo amplo eco na prensa, como neste artigo de Vida Gallega, no que o xornalista menciona todas as súas obras benéficas e o recoñecemento dos seus paisanos «[…] De la Coruña y de todos los pueblos inmediatos acudieron millares de personas a los actos fúnebres, sobre cuya grandeza se destacaron muchos testimonios de la ingenua, fértil y hondísima gratitud de las clases más humildes, las más favorecidas por la generosidad de los hermanos García Naveira».
Un magnífico edificio para as escolas municipais Jesús García Naveira, 2009
Un magnífico edificio para as escolas municipais Jesús García Naveira, 2009

No testamento de Jesús García Naveira aparece especificado o legado de 50 000 pesetas para a construción dun novo edificio educativo para a vila. Debía ser unha escola municipal de ensino primario para os nenos e nenas da localidade. A única condición para construíla era a cesión por parte do Concello do soar no Picardel, preto da igrexa de San Francisco.
Axiña se inician os trámites para levar a cabo os desexos do filántropo, quen foi declarado fillo predilecto de Betanzos. O deseño do edificio encargouse ao recoñecido arquitecto coruñés Rafael González Villar. O 17 de agosto de 1917 colocouse a primeira pedra nun acto con grande asistencia popular. Un ano máis tarde foi inaugurado e funcionou durante boa parte do século XX como centro de primeira ensinanza para moitos dos nenos e nenas do municipio, complementando a función docente da outra escola creada polos dous irmáns García Naveira. Hoxe en día continúa con esa función instrutiva que tanto promoveu este indiano.
Para coñecer as características arquitectónicas do edificio pódese consultar a páxina web As Escolas da Emigración do CCG. Hoxe en día, tras unha restauración, continúa a ser un dos edificios máis fermosos da vila betanceira.
A casa familiar dos García Naveira en Betanzos, 1998
A casa familiar dos García Naveira en Betanzos, 1998

Esta espléndido edificio encádrase no estilo ecléctico que dominaba a arquitectura de principios do século XX. Construído na praza do Campo, centro da vida urbana de Betanzos, axiña destacou pola súa grandiosidade, pola modernidade dos seus servizos e polos materiais da súa construción, con exteriores de granito de Parga e mármore e con interiores de caoba e doutras madeiras exóticas. O seu deseño foi obra do recoñecido arquitecto Juan de Ciórraga, que introduciu un estilo historicista de influencias francesas. A casa foi inaugurada en 1900, uns anos despois da chegada de Juan a Betanzos, e converteuse no fogar habitual e punto de reunión da familia. Continúa a destacar no urbanismo da vila como centro dunha praza que foi rebautizada como praza Irmáns García Naveira, en clara homenaxe a eles. En 1937, mortos xa os filántropos, o Concello de Betanzos colocou na súa fachada unha placa de mármore como agradecemento pola xenerosidade e filantropía dos irmáns Juan María e Jesús coa súa vila natal.
A praza Irmáns García Naveira, centro da vida social e económica de Betanzos, ca. 1928
A praza Irmáns García Naveira, centro da vida social e económica de Betanzos, ca. 1928

Os veciños e veciñas de Betanzos, beneficiarios da xenerosidade e altruísmo de Jesús e Juan María García Naveira, organizaron diversos actos de recoñecemento e agradecemento polo seu labor a prol dos máis desfavorecidos. Grazas ao seu legado construíronse numerosos edificios para mellorar a vida diaria dos máis necesitados da sociedade betanceira e que puideron gozar xeracións futuras.
Como xusta recompensa o Concello solicitou en 1912, pouco despois da morte de Jesús, a concesión da Gran Cruz da Orde Civil de Beneficencia ao rei Afonso XIII, «por su probado amor al pobre y al necesitado», que se lle impuxo a Juan en 1913 nun grande acto público. En 1925 a praza do Campo, onde estaba situada a vivenda da familia, pasou a denominarse co nome dos filántropos como símbolo do agradecemento de todo un pobo polo seu labor a prol das melloras na vila. Juan gozou tamén en vida, en 1929, dunha homenaxe popular polo seu nomeamento como fillo predilecto da cidade.
Entrada principal do Pasatempo: o soño de Juan García Naveira, ca. 1925
Entrada principal do Pasatempo: o soño de Juan García Naveira, ca. 1925

A imaxe permítenos intuír a beleza e magnificencia deste parque. Esta entrada do Carregal estaba limitada por un fermoso enreixado que se erguía sobre un baseamento granítico e un portalón de gran prestancia, obra de ferreiros da comarca baixo a dirección de José Fernández Montero, como imitación das reixas do Palacio de Versalles, segundo algúns autores. Destacan as esculturas de mármore de Carrara de dous impresionantes leóns que servían como gardiáns do recinto. Nesta entrada existía ademais unha pequena edificación que funcionaba como despacho de billetes para os visitantes, pois para poder acceder había que pagar un módico prezo, e no que tamén se podían mercar postais. Tiña, pois, un claro servizo público: os cartos recadados servían para o mantemento do Patronato Benéfico-Docente García Hermanos, que se ocupaba do funcionamento do asilo e das escolas do mesmo nome.
A creación deste parque foi un empeño persoal de Juan García Naveira, polo que tamén era coñecido entre os betanceiros como «Horta de don Juan». Comezou o proxecto en 1893 e ata a súa morte foi engadindo elementos e espazos para enriquecelo. Ocupaba un terreo extenso de preto de nove mil metros cadrados con dúas zonas ben diferenciadas: a zona baixa, unha chaira dunhas oito hectáreas, e unha segunda zona, que ascende polo outeiro e está configurada en cinco terrazas escavadas, cunha superficie aproximada dunha hectárea. Estes niveis estaban conectados por escalinatas e pasadizos a través de grutas artificiais. Todos tiñan explanadas axardinadas e miradoiros para o gozo dos seus visitantes. O parque non tiña un plan arquitectónico pechado; foi ideado por Juan e construído baixo a dirección de Francisco Sanmartín Murias, mestre de obras que plasmaba as ideas do indiano coa axuda de artesáns locais. Con este proxecto o indiano deu traballo a centos de obreiros da comarca, que ademais contaban cunhas horas ao día para instruírse de maneira gratuíta cun mestre do padroado.
Para pasear e aprender: o paseo dos Emperadores Romanos no Pasatempo
Para pasear e aprender: o paseo dos Emperadores Romanos no Pasatempo

Este parque enciclopédico, en palabras de Luís Seoane, é un orixinal conxunto de arquitectura, escultura, cerámica e xardinaría, con diversidade de materiais empregados na súa construción: mármore, cemento, pedra, conchas, azulexos, vexetación etc. Destacan no conxunto as numerosas fontes e estanques e mais os grupos escultóricos de gran factura. Incluso chegou a ter un pequeno zoolóxico con especies exóticas.
Unha vez traspasada a entrada, podíase pasear por unha especie de avenida na que estaban distribuídos doce bustos feitos en mármore de Carrara que representaban unha ducia de emperadores romanos. Neste paseo axardinado podíase atopar a Xulio César, Augusto, Calígula, Claudio, Vespasiano, Traxano, Tito, Caracalla ou Hadriano. A idea tomouna Juan García Naveira, durante unha viaxe por Italia, no Museo do Capitolio de Roma. Con estas copias intenta reproducir toda a historia do Imperio Romano para que os seus paisanos, sen posibilidade de viaxar, puidesen gozar delas. A función pedagóxica e recreativa é clara: sábese que o alumnado das escolas creadas polos irmáns García Naveira visitaba a miúdo as instalacións do parque e que os mestres organizaban clases (de xeografía, de historia natural, de relixión, de historia…) sobre os elementos deste. Os visitantes admiraban así obras que nunca terían oportunidade de coñecer in situ as pirámides exipcias, a canle de Panamá, cadros reproducidos da historia americana, bustos de emperadores ou de papas…
O Parque do Pasatempo de Betanzos, máis que un capricho indiano
O Parque do Pasatempo de Betanzos, máis que un capricho indiano

A curiosidade e o afán de sabedoría leva os irmáns García Naveira a viaxar por varios países. Acompañados de Rogelio Borondo, bo amigo betanceiro, viaxan a lugares emblemáticos e estimulantes, onde coñecen parte da súa historia, arte, cultura, natureza e industria. Os tres amigos, nun periplo de dous meses de duración, visitan Francia, Suíza e Italia. Borondo escribe a obra titulada
Memorias de un viaje improvisado (1900), que recolle a crónica dos lugares visitados.
Temos aquí unha vista parcial do coñecido como Estanque do Retiro, de case setecentos metros cadrados e cinco metros de profundidade. O seu nome alude ao de Madrid. Está repleto de cunchas de variada procedencia, froito da afección de coleccionista de Juan García Naveira, quen durante as súas viaxes se encargaba de reunir unha inxente cantidade delas. O estanque ten unha forma elíptica e do centro emerxe unha illa que contén un templete ecléctico, debaixo do cal se pode apreciar unha fonte na que dúas ninfas baleiran a auga dos seus cántaros. Cada elemento ten similitude e parece unha reprodución dun homólogo noutros países. Figuras como a dun tritón e unha serea asoman abeirando o templete. Os visitantes podían apreciar cada elemento con atención desde o banco que limita o perímetro da illa e que conta cunha ornamentación peculiar, entre a que destacan elementos como a Torre de Hércules ou un par de indíxenas remando na súa embarcación.
Unha peseta ben vale a pena…
Unha peseta ben vale a pena…

A iniciativa de elaboración dun vistoso álbum de postais, titulado Álbum de postales a beneficio del Asilo García-Hermanos, foi unha boa idea para recadar fondos destinados ao sustento do asilo García Hermanos. Sabemos da existencia de dúas series de dez postais cada unha. A serie B (11-20) contén: a Fonte de Cupido, a Fonte de Neptuno, o xardín-comedor, o xardín-dormitorio, a Gruta e Estanque do Retiro, a Fonte das Catro Estacións, o Pavillón e unha vista parcial, a Gruta da Recoleta, a Fonte da Agricultura e a fermosa Fonte Florentina que aparece nesta imaxe.
Gozando do Pasatempo de Betanzos, ca. 1930
Gozando do Pasatempo de Betanzos, ca. 1930

Na denominada Terraza do Mestre, cunha fermosa vista panorámica de Betanzos, hai un miradoiro panorámico que permite ver como sae o sol por detrás da cidade e como ilumina toda a zona. O lugar está presidido por esta enorme escultura coñecida como León Colosal e cuxas medidas podemos intuír na imaxe grazas ao home que aparece subido enriba.
A figura está construída en formigón armado de cemento Portland, un material novo, sobre todo na Galicia deses tempos. O león representa a vitoria, a forza e a orde universal. Hai que sinalar que moitas das figuras do Pasatempo son copias extraídas de diversas referencias: de produtos seriados e vendidos nas fábricas de fundición artística, de obras dos museos visitados polos García Naveira e mesmo de publicacións existentes na súa biblioteca.
Desa maneira queda explícita a función didáctica deste parque, que parece unha «finca-museo» —tal como se denominaba no xornal Vida Gallega (1922)— na que a percepción sensorial do visitante era global: as figuras escultóricas impactaban visualmente e a vexetación enriquecía o conxunto co seu perfume.
Noticia do pasamento do filántropo Juan María García Naveira, 1933
Noticia do pasamento do filántropo Juan María García Naveira, 1933

Juan García Naveira tivo unha vida longa e produtiva. De ser un neno pobre e con escasa formación pasou a converterse, grazas á emigración, nun home emprendedor e moi rico, así como —o que para el era esencial— nun home instruído. Con todo, nunca esqueceu a súa terra natal e, tras o regreso en 1893 coa súa familia, instalouse en Betanzos. Alí, e ata o final da súa vida, xa feitos os 84 anos, dedicouse a numerosos proxectos a prol dos seus paisanos máis necesitados.
O 9 de marzo de 1933 morre rodeado do cariño e recoñecemento de todos. A súa morte aparece reflectida na prensa da época, como vemos neste artigo cun título que expresa claramente a admiración de todos os seus contemporáneos. Noutros xornais, como en La Voz de Galicia (10 de marzo de 1933, portada), publícanse necrolóxicas como a asinada por Tomás López de la Torre, na que se pode ler: «Fue el filántropo por antonomasia. Frente a la típica sordidez del capitalismo local, destacó su generoso desprendimiento ininterrumpido. Su vida en Betanzos fue una maravillosa lección de amor al terruño y al prójimo. De trato llano, modesto, sin afectación se complacía en la relación amistosa con los humildes. Pródigo millonario, a nadie lastimó con sus riquezas, antes procuró aliviar con ellas las dolencias y desigualdades humanas. En pocas ocasiones podrá decirse con mayor justicia que el pueblo está de luto».
Fonte da Agricultura, Parque do Pasatempo de Betanzos
Fonte da Agricultura, Parque do Pasatempo de Betanzos

No espazo que ocupa a vistosa Fonte da Agricultura destaca a escultura dunha campesiña, ataviada co traxe tradicional mariñán, portando un anciño ao lombo. Esta fonte está no Muro da España Monárquica e as súas 18 Fillas Republicanas, ao que se lle atribúe a representación da independencia das colonias españolas en América. Debaixo da figura da campesiña había tres alegorías: a industria, o progreso e o comercio. Nesta fotografía aparecen varios membros da familia García Naveira gozando do recinto, cos seus estimulantes elementos ornamentais dotados de significado.
O Parque do Pasatempo de Betanzos ante novos tempos e merecidas oportunidades
O Parque do Pasatempo de Betanzos ante novos tempos e merecidas oportunidades

A construción do Parque do Pasatempo comezou en 1893 e contaba nada menos que con nove hectáreas de superficie para desenvolver un soño multipropósito. Non se trataba só dun espazo para acadar o enxalzamento perpetuo da figura de Juan García Naveira e da súa familia, senón de transmitir coñecemento a partir das experiencias vividas tras percorrer países de medio mundo, ensinanzas plasmadas en cada recanto do elaborado recinto para o deleite dos seus visitantes. O Pasatempo resultou, sen dúbida, un recurso pedagóxico inherente ás escolas fundadas polos irmáns García Naveira, sen parangón en España. A súa decadencia comezou coa morte de Juan García Naveira en 1933. Desde entón, nada quixo ser tan grande para quedar tan pequeno.
Varios historiadores afirman que existe a posibilidade de que o parque se convertese nun campo de concentración de prisioneiros republicanos de Betanzos durante a Guerra Civil. Unha vez rematada a guerra, o parque enciclopédico foi sometido ao esquecemento. En 1986 pasou a ser propiedade do Concello de Betanzos, o que, nun principio, non garantiu a súa rehabilitación e posta en valor, senón a utilización de varios espazos para funcións alleas ás orixinais e a desaparición de varias infraestruturas presentes nese tesouro recreativo. Nos anos noventa habilitouse para o uso público e comezou a construción dun auditorio ao aire libre. En 2017 o Concello solicitou á Xunta de Galicia que O Pasatempo se declarase ben de interese cultural, petición que se resolveu favorablemente tres anos despois, mediante o Decreto 23/2020, do 6 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural o Parque do Pasatempo de Betanzos (A Coruña).
Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos del Partido de Lalín, 1910
Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos del Partido de Lalín, 1910

Seguindo os pasos da súa homóloga antecesora en Arxentina e a instancias dela, esta sociedade de emigrantes procedentes da comarca de Deza foi fundada na cidade da Habana coa finalidade de protexer e axudar os seus asociados e co obxectivo, entre outros, de construír un hospital-asilo en Lalín, secundando deste xeito os conterráneos pioneiros da iniciativa que residían en Bos Aires. Así pois, o domingo 20 de marzo de 1910, hai 113 anos, aprobouse a creación da Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos del Partido de Lalín, con sede no edificio do Centro Galego da Habana.
Cándido Lamas, Manuel Lorenzo e Maximino López encabezaron o seu comité organizador, ademais doutros socios fundadores que representaron os concellos de Silleda, Lalín, Carbia, Agolada, Rodeiro e Dozón. Deles saíu a primeira xunta directiva baixo a presidencia de Cándido Lamas, destacado membro da colonia dezá en Cuba.
Nesta imaxe pódese percibir a boa disposición dos membros da xunta directiva para afrontar o gran reto proposto polos paisanos residentes en terras bonaerenses.
O labor fecundo e incansable da Alianza Aresana de Instrucción, 1906
O labor fecundo e incansable da Alianza Aresana de Instrucción, 1906

Ás oito da noite do 20 de marzo de 1904, na fermosa cidade da Habana, tivo lugar a xuntanza fundacional desta sociedade de emigrantes galegos orixinarios da vila de Ares. Domingo Troche, quen foi o presidente fundador, fixo un chamamento a todos os seus paisanos residentes na illa para manifestarlles o desexo e a necesidade de «fundar en su pueblo natal un colegio de instrucción elemental para niños». Deste xeito e coa antedita finalidade, a Alianza Aresana de Instrucción converteuse nunha sociedade étnica pioneira entre as numerosas asociacións microterritoriais galegas que se fundarían na illa.
A este ambicioso proxecto uniríanse as delegacións homólogas creadas en Sagua (Cuba), Veracruz (México) e Tampa (Estados Unidos). En Ares, os delegados desta asociación encargaríanse de seguir as indicacións dos seus compatriotas residentes en Cuba.
Para un maior coñecemento sobre a historia das escolas creadas por esta asociación de emigrantes, pódese consultar: «As escolas da emigración: un proxecto do Arquivo da Emigración Galega».
Expoñemos aquí un fragmento do balance semestral da xunta directiva (1 de xuño a 31 de decembro de 1905), así como os detalles concernentes á creación da escola na vila de Ares.
A música como elemento de unión e de identidade cultural: a Rondalla Ferrolana, A Habana, 1908
A música como elemento de unión e de identidade cultural: a Rondalla Ferrolana, A Habana, 1908

Na primeira década do século XX comezaron a agromar numerosas asociacións étnicas de implantación localista. Os emigrantes da comarca de Ferrol residentes na Habana comezaron a reunirse para organizar actividades festivas e culturais coa música como elemento definidor. Formaron unha rondalla que realizou numerosas actuacións no seo da colectividade galega da capital cubana. O 14 de xuño de 1909 os seus integrantes decidiron constituír unha asociación baixo a denominación de Ferrol y su Comarca, coa finalidade de crear e manter centros de ensino en cada un dos concellos da comarca. Este ambicioso obxectivo tivo que moderarse, e só temos constancia dos seus numerosos envíos de cartos para a construción dunha escola con todos os adiantos hixiénicos e educativos en Moeche. Foi dedicada ao ensino primario e chegou a contar no ano da súa inauguración, 1920, con 60 alumnos, que recibían un plan didáctico baseado nas máis modernas teorías pedagóxicas.
Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa, polo engrandecemento cultural e moral dos fillos da súas parroquias, <cite>ca.</cite> 1933
Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa, polo engrandecemento cultural e moral dos fillos da súas parroquias, ca. 1933

Na acta fundacional desta sociedade barcalesa, creada na Habana en 1907, recóllese un obxectivo prioritario: «fundar una escuela en el punto más céntrico de Barcala, escuela en la que se proporcionará educación e instrucción a la niñez y juventud de ambos sexos». Entre os seus socios fundacionais figura o seu presidente, Romualdo Negreira Gosende, e o resto de membros da xunta directiva: Manuel Pastoriza, Francisco Ferreiro, Aureliano Mouro, Ramón Negreira, José Negreira, Generoso Negreira, José Mª Barbazán, Juan Suárez, Cipriano Casabiella, Segundo Negreira, Manuel Baña, José Leis, Manuel Negreira, José Negreira Gómez e Modesto Suárez.
Despois de varias desavinzas e deliberacións referidas ao lugar axeitado para construír as escolas, finalmente optouse polas parroquias con maior número de socios: San Vicenzo de Aro e Santa María de Covas, no concello de Negreira, e polo lugar de Seoane, no concello da Baña. Ata 1921 non comezaron as obras da primeira escola financiada pola sociedade, situada en Aro. Continuaron coa de Covas e xa na década de 1930 construíron a de Seoane. O 18 de agosto de 1922 o inspector Manuel Díaz Ron concedeu o permiso de apertura das Escuelas Barcalesas, promovidas pola Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa da Habana.
Na imaxe que aquí amosamos aparece un grupo representativo dos emigrantes asociados á Unión Barcalesa coas súas familias. Esta sociedade segue a funcionar baixo a presidencia de Manuel Rodríguez Barreiro.
Fonte e lavadoiro público de San Xoán de Río, financiados pola Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo Unión Trivesa, 1933
Fonte e lavadoiro público de San Xoán de Río, financiados pola Sociedad de Instrucción, Protección y Recreo Unión Trivesa, 1933

Esta sociedade comarcal foi fundada na Habana o 12 de xuño de 1921 polos emigrantes naturais do concello da Pobra de Trives. Foi creada coa finalidade de socorrer os asociados necesitados de axuda por motivos diversos: enfermidade, accidente, invalidez física para o traballo ou necesidade de repatriación a Galicia. Como o resto de asociacións étnicas, entre os seus obxectivos tamén figuraba a realización de actividades que contribuísen ao fomento da confraternidade entre os naturais do partido xudicial da Pobra de Trives e os demais paisanos residentes na illa, incluídos tamén os que eles chamaban fillos de Cuba e os procedentes doutras partes de España. Os variados actos culturais e de recreo eran as actividades máis recorridas á hora de recadar cartos para o fondo social da entidade.
Nesta imaxe aparece a delegación encargada de inaugurar, en 1933, a fonte e o lavadoiro en San Xoán de Río, financiados con cartos de Unión Trivesa, baixo petición previa da veciñanza da parroquia.
Recibo do Centro Galego da Habana polo alugueiro das súas instalacións, 1 de xullo de 1933
Recibo do Centro Galego da Habana polo alugueiro das súas instalacións, 1 de xullo de 1933

A maioría das asociacións microterritoriais galegas creadas na illa de Cuba destinaban os seus recursos económicos (conseguidos co pago das cotas dos socios, con investimentos ou coa organización de actividades festivas) a envialos á súa parroquia ou municipio de orixe e non consideraban necesario ter unha sede social en propiedade. O Centro Galego da Habana, dono dun grandioso edificio no centro da capital cubana, poñía os seus salóns á disposición destas asociacións para levaren a cabo as xuntanzas de socios e socias e diversas actividades culturais. Tamén cedía escritorios ou pequenos despachos, situados nos espazos da súa secretaría, nos que as entidades instalaban as súas oficinas para as reunións das directivas e para gardar a documentación das súas actividades.
A entidade Calo y Viduido, Sociedad de Instrucción, Recreo y Socorros Mutuos, creada na Habana o 20 de agosto de 1920, tiña asinado un contrato de arrendamento co Centro Galego, como a gran maioría das sociedades de ámbito local. Por estes servizos o Centro cobraba un pequeno alugueiro: dous pesos mensuais que se pagaban semestralmente; esta cantidade foi variando co paso do tempo.
Sociedad de Instrucción y Beneficencia Hijos del Ayuntamiento de Cerdido,  1939
Sociedad de Instrucción y Beneficencia Hijos del Ayuntamiento de Cerdido, 1939

Esta sociedade foi fundada na Habana en 1907 polos emigrantes naturais do concello de Cerdido baixo o nome de Pila Ancha. Fomentar a instrución na súa terra natal e facilitar a unión entre os seus asociados foron dúas das razóns da súa creación. Os seus fins están recollidos no seu primeiro regulamento (1908): «sus fines exclusivos serán fomentar y propagar la enseñanza entre los moradores o habitantes de Cerdido y de las aldeas limítrofes, si fuera posible. A este efecto se abrirán dos escuelas de primera enseñanza, una que funcionará en la parroquia de San Martín de Cerdido y otra en San Antonio de la Barquera». Entre os socios fundadores figuraban: José Piñón Abella, Secundino Candorcia, José Rodríguez, Andrés García Amador, Manuel Durán, José Lamigueiro, Severino T. Solloso, Carlos Bouso, José Couto, Vicente Sueiras, José García Peña, Eduardo Fraguela, José Martínez Piñón, Benito Peña, Manuel Gallego, Tomás Pita, José Candales, Faustino López, Guillermo López, José Pajón, Generoso López Valiño, Antonio Candales (primeiro presidente social), Vicente Candales Piñón, Eliseo García, Vicente Rodríguez Piñón, Benigno López, José Martínez Rodríguez, José Bellón Coba, Benigno Villadóniga, José López, Manuel Villar e Vicente López.
En 1929, coa aprobación dun novo regulamento social, cambia de nome e pasa a denominarse Sociedad de Instrucción y Beneficencia Hijos del Ayuntamiento de Cerdido. Non será ata 1931 cando comece a construír as escolas, mesmo co plano arquitectónico enviado dende Cuba pola entidade. A inauguración destas escolas tivo lugar no ano 1932.
Nesta imaxe aparecen os membros da xunta directiva no acto de toma de posesión en 1939.
A instrución como motor de progreso e modernización: o proxecto educativo da sociedade habaneira San Miguel y Reinante, 1918
A instrución como motor de progreso e modernización: o proxecto educativo da sociedade habaneira San Miguel y Reinante, 1918

As asociacións instrutivas tiñan moi claro o proxecto educativo que querían implementar nos centros educativos que financiaban. Dende A Habana chegaban os regulamentos educativos e demais directrices para a súa aplicación. De carácter progresista e laico, seguindo o modelo da educación cubana, neles constaban polo miúdo todos os aspectos relativos ao funcionamento das escolas: a admisión do alumnado, o tipo de ensinanza, as materias que ían impartirse, os horarios, a contratación e o soldo dos mestres…, sen esquecer todo o relativo á construción dos centros. Para levar a cabo os seus plans contaban con delegacións das sociedades en Galicia, integradas por veciños da súa confianza, moitos deles emigrantes retornados que foran socios en Cuba. Pese a isto, non sempre lograban aplicar os regulamentos polas presións da Igrexa ou dos gobernos municipais, moitas veces en mans de caciques.
Este regulamento é unha clara demostración. Nel pódense ler todas as condicións que esta sociedade poñía para a xestión do centro educativo que acababa de inaugurar na parroquia de Santiago de Reinante: «Esta Escuela será de primera enseñanza elemental ampliada y tiene por objeto desarrollar la actividad e inteligencia de los alumnos haciendo uso de los medios con los que cuenta y de los métodos de la Pedagogía moderna para que reciba la educación e instrucción necesaria a fin de conseguir hombres y mujeres robustos, instruídos, laboriosos e útiles a sí mismos, a sus familias y a la sociedad».
Hijos del Distrito de Sarria, Sociedad de Beneficencia y Protección Mutua, <cite>ca.</cite> 1950
Hijos del Distrito de Sarria, Sociedad de Beneficencia y Protección Mutua, ca. 1950

Os emigrantes naturais do concello de Sarria non ían ser menos que os seus paisanos galegos residentes na Habana e tamén crearon unha sociedade instrutiva e mutualista, concretamente o 1 de febreiro de 1917. Eliseo Pallarés Pérez foi un dos promotores e o primeiro presidente desta asociación étnica microterritorial. Na busca da creación das súas propias escolas para a rapazada da vila de Sarria, en 1921 comezan a tramitación pertinente para a súa construción, co fin de cubrir as necesidades educativas de ensino que tiñan os máis cativos da comunidade de orixe.
Como asociación tamén ofrecían asistencia e auxilio aos socios enfermos ou presos e financiaban a repatriación dos paisanos necesitados que o requirisen por motivos diversos.
A sociedade Hijos del Distrito de Sarria na Habana xa conta con 106 anos de existencia, mantén as súas raíces galegas e desenvolve actividades que promoven a lingua e os costumes da nosa comunidade.
Esta imaxe reflicte a gran cantidade de mulleres de todas as idades que participaban activamente nas iniciativas da sociedade.
Carné de socia que acredita a pertenza a unha asociación, 1944
Carné de socia que acredita a pertenza a unha asociación, 1944

Moitas das sociedades microterritoriais eran pola súa vez socias das grandes entidades da illa, tanto do Centro Galego da Habana como da Beneficencia de Naturales de Galicia, que podían ofrecer beneficios máis amplos na asistencia sanitaria ou na axuda mutua. Un dos deberes dos socios era o pago da cota, o que se acreditaba co carné correspondente para así poder acceder aos servizos sociais e recreativos das pequenas asociacións, pero tamén aos que ofertaba o Centro Galego ou a Beneficencia. Esta dobre vertente favorecía aos emigrantes, que tiñan así cubertas todas as posibles carencias na sociedade de acollida.
Estas asociacións fomentaron tamén a socialización e o sentimento de veciñanza dos e das nosas emigrantes, mantiveron as tradicións populares de cada parroquia ou comarca e fomentaron nas súas reunións de lecer as relacións de amizade e incluso sentimentais alén mar.
La Baña y su Comarca, Sociedad de Instrucción, Cultural y Benéfica, 1936
La Baña y su Comarca, Sociedad de Instrucción, Cultural y Benéfica, 1936

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello da Baña residentes na Habana. A súa directiva fundacional estivo formada por Jacinto Rodríguez Recarey, presidente; José Suárez Ramos, vicepresidente; José Vilas Recarey, secretario; Manuel Mallón, vicesecretario; Manuel Agra Rodríguez, tesoureiro, e Manuel Cardeso Rey, vicetesoureiro, entre outros membros.
No seu primeiro regulamento social, publicado en 1916, figuran como obxectivos principais: «fomentar la amistad entre todos los hijos de la Comarca, aumentar y propagar la enseñanza, construyendo a este efecto una casa escuela para ser dedicada a la instrucción elemental superior y de comercio, artes y oficios. […] implantará y fomentará las industrias rurales y granjas agrícolas en la cuantía que lo vayan permitiendo los fondos sociales. […] El edificio de la casa escuela será construido en San Vicente de La Baña, o sus cercanías».
Jacinto Rodríguez, como presidente, e José Vilas, como secretario, subscribían o regulamento desta sociedade o 3 de xaneiro de 1915 na Habana. A dirección do Colegio Cuba estivo a cargo do mestre José Juan Fernández Ponte, natural de Tabeirós, concello da Estrada, e residente na vila da Baña. A tramitación dos permisos foise resolvendo entre 1921 e 1922, polo que se calcula que a inauguración oficial foi neste último ano.
Na actualidade, as instalacións en que un día foron atendidas as necesidades educativas de primeiro ensino da veciñanza albergan os servizos do xulgado, rexistro e correos do concello bañés.
Presentamos parte do libro de actas das xuntas xerais da sociedade publicado o 5 de xuño de 1936, cando a presidía Ramón Antelo.
A vida cotiá dunha asociación: xunta xeral de socios da Liga Santaballesa, <cite>ca.</cite> 1950
A vida cotiá dunha asociación: xunta xeral de socios da Liga Santaballesa, ca. 1950

Ademais das reunións semanais ou mensuais das directivas das sociedades para xestionar o seu funcionamento e finalidades, unha vez ao ano, ou en máis ocasións se procedía, convocábase a todos e todas as súas socias a unha reunión para informar das diversas actividades organizadas e do estado da contabilidade social. Nesas xuntanzas aprobábanse as futuras actuacións da entidade. Era un día de festa e de fraternidade para todos.
A Liga Santaballesa de Educación e Instrucción foi fundada en 1907 por un grupo de emigrantes orixinarios da Terra Chá que residían na illa de Cuba. Tivo como finalidade a construción dun edificio escolar para dar instrución aos rapaces e rapazas das parroquias dos concellos de Vilalba e Xermade. Este magnífico edificio foi inaugurado en 1916 e hoxe en día mantén viva a memoria dos seus promotores reconvertido nun centro sociocultural e nun museo pedagóxico coa misión de difundir e salvagardar o seu legado. Ademais, a entidade financiou a construción doutras dúas escolas, no lugar de Barreiro e en San Pedro de Santalla.
O Círculo Habanero de La Devesa, 1914
O Círculo Habanero de La Devesa, 1914

A Sociedad de Instrucción y Recreo Círculo Habanero de La Devesa constitúe unha das primeiras sociedades galegas de adscrición parroquial creadas na illa de Cuba. Foi fundada polos emigrantes orixinarios de Santalla da Devesa o 31 de decembro de 1911. Os seus obxectivos principais eran prestar socorro á veciñanza máis necesitada e recadar fondos para financiar as festas patronais nas respectivas parroquias de orixe, ademais de construír edificios escolares, lavadoiros e cemiterios, entre outras obras filantrópicas de interese para a comunidade. A súa directiva fundacional estaba formada por José Acevedo, primeiro presidente e un dos seus principais promotores e beneficiarios; José R. Alonso, secretario, e Ramón P. Murias, José A. Posada, Julio Raimundo, Melchor Rodríguez, Benito F. Fernández, José F. Fernández, José M. Graña, Ángel Ríos, Antonio Pérez, José Molejón, Isidro Martínez e Benito Fernández, vogais.
En 1919 quedou inaugurada unha primeira escola destinada a ofrecer os servizos educativos gratuítos aos nenos e nenas da Devesa, Rinlo e Vilaframil. En 1921 inauguraron o recinto co edificio social e dúas escolas.
Que mellor maneira de recadar fondos que a celebración de festas e xantares cos paisanos e compañeiros de aventura migratoria. As actividades de lecer eran multifuncionais, pois servían para pasar tempo de lecer e interacción social, reforzadas coas manifestacións de solidariedade coa terra natal. Temos aquí un exemplo, o programa da «Gran Jira» celebrada nos xardíns da cervexaría La Tropical, na que recreaban as tradicións galaicas con bailes, alimentos e bebidas da Galicia natal. A música tradicional galega non podía faltar e deleitaba sempre aos asistentes de todas as idades.

Xuntanza de camaradaría das e dos membros da sociedade Monterroso y Antas de Ulla, <cite>ca.</cite> 1955
Xuntanza de camaradaría das e dos membros da sociedade Monterroso y Antas de Ulla, ca. 1955

Esta asociación foi fundada en 1911 na capital cubana polos naturais dos concellos veciños de Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei coa finalidade de construír escolas nestes municipios. En 1922, tras numerosos desacordos, os socios orixinarios de Palas de Rei decidiron deixar a entidade e crear unha independente. Isto acontecía en ocasións no seo da colectividade, pois pequenos grupos de asociados considerábanse agraviados na consecución dos seus obxectivos. Estes enfrontamentos e malentendidos levaban á creación de entidades máis pequenas e, polo tanto, con menores posibilidades de actuación.
A asociación primixenia cambia a súa denominación pola actual, pero mantén a finalidade de «propagar y fomentar la enseñanza gratuita contribuyendo a la unión de los socios», tal como aparece no novo regulamento dese ano. Logran financiar a construción de cinco escolas na súa terra natal. Co cambio dos tempos e das necesidades, en 1955 ceden a súa titularidade aos concellos respectivos. Ese ano a directiva social merca un edificio na rúa 10 de Octubre da capital cubana, que pasa a ser a súa sede social, lugar en que hoxe en día continúan a reunirse, con obxectivos culturais e recreativos.
Sociedad Unión de Baleira, <cite>ca.</cite> 1953
Sociedad Unión de Baleira, ca. 1953

Fundada o 16 de febreiro de 1937 na cidade da Habana, esta sociedade foi unha iniciativa dos emigrantes do concello de Baleira que residían na illa. En realidade, un grupo de socios de Juventud de Baleira y su Comarca, debido ao estalido da Guerra Civil española e as profundas diverxencias ideolóxicas existentes, tomaron a iniciativa de desmarcarse e crear unha nova sociedade baixo a denominación de Unión de Baleira. Os seus fins eran comúns a outras tantas sociedades microterritoriais de emigrantes galegos en Cuba, é dicir, procurar a protección moral e material dos seus asociados en situación de risco social e por enfermidade, así como tamén establecer unha boa relación con outras asociacións de intereses comúns.
Nesta imaxe pódese apreciar a Sección de Damas nun acto de recoñecemento polo seu labor, sempre de grande utilidade para o bo funcionamento de Unión de Baleira.
Na actualidade esta asociación conta con arredor de 288 asociados, dos que 6 son naturais de Galicia e o resto, descendentes de emigrantes galegos. Hoxe en día continúa a levar a cabo xuntas xerais de asociados con normalidade, baixo a presidencia de Julio Antonio Gallo Pérez.
Estatutos polos que se rexe a sociedade Naturales de Ortigueira, A Habana, 1941
Estatutos polos que se rexe a sociedade Naturales de Ortigueira, A Habana, 1941

Esta asociación fundouse en 1928, cando comezaba a decaer o agromar societario. Contou ademais coa particularidade de ser creada como unha sociedade de beneficencia e protección mutua, sen incluír a finalidade instrutiva. Isto quizais se debeu a que practicamente cada parroquia do concello de Ortigueira contaba xa cunha asociación que financiara a construción e mantemento de magníficos edificios escolares por todo o municipio. Xa dende moi cedo os e as naturais deste concello residentes na Habana constituíron varias asociacións instrutivas de ámbito parroquial, como a Sociedad de San Adrián, fundada en 1905; La Devesana, en 1907; Puente de Mera, en 1911; San Claudio, en 1912; El Progreso del Yermo, en 1914; Hijos de San Julián de Senra, en 1916, e Hijos de Santa María de Mera, en 1917.
Grazas a elas podemos dicir que Ortigueira é un dos concellos galegos cun maior número de escolas (oito en total) financiadas pola súa colectividade emigrante, das que son exemplo a Escola A Devesana, fundada en 1912; o Escolar de Santiago de Cuiña, de 1923; as Escolas de San Adrián, de 1912, ou os Grupos Escolares de San Claudio e da Senra, inaugurados en 1929.
O crepúsculo do asociacionismo galego en Cuba: directivos da sociedade Progreso de Lousada, A Habana, <cite>ca.</cite> 1957
O crepúsculo do asociacionismo galego en Cuba: directivos da sociedade Progreso de Lousada, A Habana, ca. 1957

Esta entidade foi fundada en 1916 por emigrantes da parroquia de Santo André de Lousada, en Xermade, para construír unha casa-escola no lugar do Pazo, que foi inaugurada dous anos máis tarde. Tamén sabemos da súa colaboración e apoio ao sindicato agrario da parroquia ou do envío de cartos para melloras na súa vila natal, como a construción dunha estrada ou do tendido de electricidade e de teléfono do concello.
En 1957, debido á diminución e envellecemento dos seus socios, decide fusionarse coa sociedade irmá Hijos de Roupar, e xuntan así os seus recursos a prol dos seus socios. Pasan a denominarse Roupar y Lousada e centran os seus esforzos en actividades recreativas e benéficas.
Na imaxe destacan os símbolos patrióticos cubanos: a bandeira en primeiro plano e a fotografía do heroe nacional, José Martí, presidindo a reunión. Xa avanzado o século XX, moitos dos seus socios e socias naceran en Cuba e sentíanse plenamente integrados no país, mais non esquecían a terra dos seus devanceiros.
Sociedad de Instrucción Progreso de Coles, <cite>ca.</cite> 1946
Sociedad de Instrucción Progreso de Coles, ca. 1946

Fundada na Habana o 11 de novembro de 1910, esta sociedade de instrución e socorros mutuos foi creada por un grupo de emigrantes galegos naturais do concello de Coles.
A súa primeira directiva estivo presidida por Manuel García Vázquez e contaba con membros como José Otero, José Rivero, Antonio Cintas, Gerardo González e Aquilino Requejo. A construción dunha escola en Coles foi un claro obxectivo para os asociados desta entidade. Despois dun proceso un pouco complicado, finalmente foi inaugurado un centro educativo o 26 de novembro de 1913, denominado Colegio La Luz. En 1917 o centro escolar contaba con 105 estudantes e, máis adiante, en 1920, engadíase unha nova aula para que as nenas recibisen clase de corte e confección.
A casa do concello de Coles ocupa hoxe as instalacións da antiga escola e na actualidade esta asociación segue a funcionar con normalidade na Habana, presidida por Blas Nabel Pérez-Camejo.
Esta imaxe amosa membros da directiva e asociados de Progreso de Coles compartindo ideas de interese para a sociedade mentres degustan o menú servido en La Tropical, lugar de encontro típico entre os membros de todas as entidades microterritoriais de emigrantes galegos con sede na Habana.
O descanso eterno en terras afastadas, <cite>ca.</cite> 1940
O descanso eterno en terras afastadas, ca. 1940

Na imaxe podemos ver os socios e socias de Hijos del Ayuntamiento de Cedeira no panteón social que posuían no Cemiterio Colón da capital cubana. Unha das prioridades destas asociacións foi ter a propiedade dun panteón funerario no que poder ser enterrados todos os socios que o desexasen, como se se atopasen no camposanto da súa aldea ou parroquia. A distancia e as dificultades para o regreso á terra natal provocan neles a necesidade de saber onde van ser soterrados, onde van permanecer para a eternidade. Nesta situación, o mellor era estaren acompañados dos seus amigos e veciños, compañeiros no soño migratorio. Unha vez inaugurado o panteón, de maior ou menor tamaño e distinción segundo as posibilidades económicas de cada entidade, ano tras ano os socios acudían ao cemiterio para rezar polos seus e ter un momento para recordar a todos e todas as que morreran fóra da súa terra. Como vemos, asistían todos os socios e socias cos seus fillos, que vestían as súas mellores galas para acudir a esta reunión. Na necrópole habaneira pódense ver magníficos exemplos de arquitectura funeraria propiedade de galegos residentes na illa.
Preservación do asociacionismo galego en Cuba: a custodia da súa memoria histórica, 2004
Preservación do asociacionismo galego en Cuba: a custodia da súa memoria histórica, 2004

Co triunfo da Revolución cubana as propiedades do Centro Galego foron expropiadas, incluída a súa magnífica sede social. Ás asociacións que tiñan asinado un contrato de arrendamento para o uso destas instalacións permitíuselles continuar gozando dun espazo para as súas actividades sociais. Destinóuselles un salón cuns armarios onde custodiar os seus documentos, fotografías e recordos, e alí tamén dispuñan dun espazo onde levar a cabo as súas reunións. Aínda que a deterioración e a decadencia son evidentes, a presenza de socios e socias dignifica o lugar.
Vivero y su Comarca é unha das sociedades que teñen a súa sede social alí instalada. Fundada en 1910, foi unha das máis importantes sociedades de instrución da nosa emigración en canto aos seus logros no eido educativo de Galicia. Tivo como prioridade a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro e chegou a custear a construción de 57 escolas nas 49 parroquias do distrito, ademais do mantemento e arranxo de edificios xa existentes, así como o envío de material docente. Na imaxe podemos ver as vitrinas do seu escritorio con fotografías dalgúns destes centros educativos. Por este labor a prol da educación e do desenvolvemento da súa terra, o 30 de abril de 1919 o Goberno español concedeulle a Cruz de Beneficencia de Primeira Clase e a honra de pasar a denominarse «Ilustrísima».
Directivos da sociedade Chantada y su partido, 1919
Directivos da sociedade Chantada y su partido, 1919

Para os emigrantes, formar parte da directiva dunha asociación acreditaba ante a colectividade o éxito da súa experiencia migratoria e supoñía unha reafirmación do seu ascenso social e económico no novo país de acollida. Os emigrantes que lideraban a fundación destas sociedades adoitaban ser persoeiros comprometidos e con boa situación, que eran elixidos por quendas.
Nesta imaxe publicada na revista Vida Gallega aparecen os integrantes da xunta directiva do ano 1919 de Chantada y su Partido, presidida por Manuel Costa (no centro), un dos seus fundadores e quen xa participara na primeira directiva co cargo de contador. Esta entidade foi creada en 1915 e tiña finalidades recreativas e mutualistas, tal como se recollía nos seus estatutos: «construir, cooperar y fomentar la unión de los inmigrantes que un día por causas diversas tuvieron que abandonar su tierra». Na década de 1920 aparecen numerosas mencións na prensa sobre os seus banquetes, reunións sociais e festivais, nos que tiñan moita sona as actuacións do cadro escénico integrado polos seus socios e socias.
Centro Redondela y su Distrito
Centro Redondela y su Distrito

Esta entidade foi fundada o 1 de abril de 1931 como iniciativa dun grupo de galegos naturais de Redondela e residentes en Bos Aires. O resultado esperado non se logrou á primeira, pois estes emigrantes intentaron varias veces materializar os seus intereses en forma de sociedade étnica moito tempo antes, o primeiro en 1909, co intento de crear o Centro Unión Redondelana, o cal non se materializou por falta de adhesións.
En xaneiro de 1913 acordouse a fundación definitiva do Centro Pro-Cultura y Protección de los Hijos de Redondela y su Distrito. O obxectivo deste estaba orientado á fundación de escolas «que respondieran a los tiempos modernos, y proteger a las existentes, fomentar la cultura, auxiliar moral y materialmente». Esta sociedade finalmente foi disolvida en 1918.
Tras unha última tentativa errada en 1923, finalmente o centro quedou reorganizado como Centro de Redondela y distrito en abril de 1931, baixo a presidencia de Manuel Muíños. A entidade ten unha revista social na que dá conta de todas as actividades aos socios para que se manteñan informados.
Estatutos sociais do Centro de Protección Agrícola del Distrito de Salceda, 1935
Estatutos sociais do Centro de Protección Agrícola del Distrito de Salceda, 1935

A fundación desta asociación agrarista xurdiu por iniciativa de Joaquín Fernández Sestelo, farmacéutico de Salceda de Caselas e loitador anticaciquil que fundou o xornal El Despertar, desde cuxas páxinas loitou pola formación de sindicatos agrarios no seu distrito; debido a súa actividade política foi desterrado e tivo que emigrar cara a Arxentina. Alí foi acollido polos residentes da súa comarca e promoveu a idea de crear unha asociación integrada polos residentes en Bos Aires de todas as parroquias do seu concello natal. O 26 de outubro de 1913 é a data fundacional desta entidade, presidida por Constantino Gil e que tiña como obxectivo principal cooperar no desenvolvemento agrario da súa comarca. Así, nas décadas de 1920 e 1930 achegou numerosas remesas económicas ao seu concello destinadas á propaganda agraria e a favor da República e da autonomía de Galicia. Os seus estatutos tamén inclúen a axuda mutua en casos de enfermidade ou necesidade económica para os seus socios e socias e mesmo a repatriación de quen precisase regresar ao terruño. En marzo de 1917 edita La Voz del Centro, un xornal agrarista de grande influencia na colectividade e que anos despois pasa a chamarse El Agrario.
Homenaxe a un dos seus veciños máis ilustres: os socios e socias de Hijos de Rianjo posan diante dun cadro de Castelao, <cite>ca.</cite> 1913
Homenaxe a un dos seus veciños máis ilustres: os socios e socias de Hijos de Rianjo posan diante dun cadro de Castelao, ca. 1913

Esta sociedade foi creada como unha asociación instrutiva o 26 de abril de 1911 coa intención prioritaria de construír unha escola no seu concello natal. En Rianxo nacera o 29 de xaneiro de 1886 Daniel A. Castelao, referente da cultura e identidade de Galicia.
Na imaxe vemos os socios e socias de Hijos de Rianjo admirando un dos seus cadros, que ten como nome Camiño da festa de Guadalupe, a festa da súa patroa. A obra estivo durante uns anos na sede da entidade rianxeira en Bos Aires como unha das súas propiedades máis queridas, aínda que despois pasou a formar parte dos fondos do Centro Galego de Bos Aires.
Os emigrantes do concello de Rianxo crearon varias asociacións na capital bonaerense, como a Sociedad Protectora Agrícola y Cultural del Ayuntamiento de Rianjo (1923) ou o Centro Cultural de Rianjo (1929). Fusionáronse todas en 1930 baixo a denominación de Sociedad Cultural y Protectora de Rianjo. Castelao, durante o seu exilio, estivo moi vinculado a esta asociación, que lle tributou numerosas homenaxes.
Sociedad del Partido Judicial de Arzúa, Mutualidad, Cultura y Beneficencia, <cite>ca.</cite> 1930
Sociedad del Partido Judicial de Arzúa, Mutualidad, Cultura y Beneficencia, ca. 1930

Fundada en xuño de 1923, esta entidade foi froito da fusión entre Sociedad del Partido de Arzúa e Hijos del Partido de Arzúa e no ano 1931 pasou a denominarse Centro del Partido de Arzúa. Esta sociedade agraria foi creada baixo o patrocinio da sociedade Unión Galaico-Americana e dun grupo de emigrantes galegos naturais da Terra de Melide, entre os que se atopaban Manuel Villar, Silvestre Villar, Luis Carreira, Luis Paliño, José Muíña, Andrés Gómez, Andrés García, Luis Agra, Francisco Lata, Manuel Suárez e Bonifacio Botana.
Os seus fins, ademais de agraristas, tamén eran de carácter mutualista: enviaban axudas económicas para contribuír á capacitación dos agricultores galegos, ademais de correr cos gastos para o funcionamento da Liga de Defensa para los Derechos del Pueblo y su Progreso. Cara aos anos corenta centráronse máis no fomento da axuda mutua dos socios necesitados e tamén ofrecían máis actividades recreativas como entidade étnica
Centro Partido de Carballino, anos 30
Centro Partido de Carballino, anos 30

Esta asociación foi creada no ano 1918 baixo o nome de Hijos del Partido de Carballino, pero non foi recoñecida legalmente ata o 8 de xaneiro de 1956.
En 1931 sae publicada a súa revista social Arenteiro. Publicación Oficial de la Sociedad Hijos del Partido de Carballino, na que se publican a memoria, o balance e o movemento de caixa da sociedade, así como festivais e necrolóxicas ou a relación de socios novos durante o ano. Entre os obxectivos que recollen os estatutos de 1957 atópanse os de fomentar a unión entre arxentinos e nativos do partido do Carballiño, soster relacións de amizade e camaradaría coas asociacións afíns e orientar o emigrante nativo do Carballiño á súa chegada á República Arxentina. Para organizar as súas festas e reunións conta cun recreo social da súa propiedade en Bartolomé Cruz, con capacidade para máis de oitocentas persoas.
Esta preciosa imaxe amosa un grupo representativo de socios da época inicial desta sociedade de emigrantes carballiñeses en Arxentina.
Sociedad Residentes del Municipio de Porriño, <cite>ca.</cite> 1940
Sociedad Residentes del Municipio de Porriño, ca. 1940

Os emigrantes do Porriño xa constituíran a súa primeira asociación como grupo étnico en 1916, a Sociedad Fomento de Porriño y sus Distritos. En 1922 nacía Hijos de San Salvador de Budiño e, un ano máis tarde, a Sociedad Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño. A fusión das asociacións anteditas deu como resultado a fundación da Sociedad Residentes del Municipio de Porriño en 1938. A pertenza a unha localidade non foi o motivo principal da súa constitución, senón que existía unha causa maior marcada pola existencia dun propósito de carácter político: a colaboración activa e o apoio material para a campaña de solidariedade co bando republicano na Guerra Civil española. A partir do seu ingreso na Federación de Sociedades Gallegas, esta asociación permaneceu vencellada a outras asociacións de emigrantes galegos de carácter microterritorial. Na actualidade a súa finalidade é de índole recreativa e mutualista.
Nesta imaxe observamos que tamén tiñan entre as súas prioridades compartir tempo dedicado á práctica deportiva dos seus asociados.
Reunión festiva da sociedade Hijos de Silleda de Protección Mutua, <cite>ca.</cite> 1920
Reunión festiva da sociedade Hijos de Silleda de Protección Mutua, ca. 1920

O 15 de agosto de 1908 constituíuse esta sociedade de emigrantes do concello pontevedrés de Silleda residentes en Arxentina. O seu principal obxectivo foi o mantemento dos vínculos de amizade e veciñanza dos seus socios «haciendo revivir los sentimientos de fraternidad nacidos en la infancia». Nos primeiros estatutos prevaleceu a proposta de Antonio Alonso Ríos, un dos seus promotores, quen impuxo a súa finalidade instrutiva, coa creación de escolas nas distintas parroquias como un medio de progreso para os seus veciños e veciñas. A esta asociación deben os silledenses a creación e o mantemento de tres escolas que contribuíron á súa formación educativa. Nelas impartíase un plan educativo redactado por Alonso Ríos, seguindo os postulados didácticos do país de acollida. Desde Arxentina chegaban indicacións para priorizar a calidade da ensinanza, pero tamén para que os edificios dispuxesen de todas as comodidades e medidas hixiénicas máis modernas, ademais de dotar o alumnado de todo o material escolar necesario.
Esta asociación, ademais, financiou numerosas actividades a prol da loita anticaciquil, agrarista e galeguista no concello de Silleda. Para recadar fondos cos que levar a cabo o seu ideario progresista organizaba festivais e banquetes, como o da imaxe, con carácter benéfico.
Convite para a inauguración da sede social de Hijos del Partido Judicial de Lalín, <cite>ca.</cite> 1936
Convite para a inauguración da sede social de Hijos del Partido Judicial de Lalín, ca. 1936

Ter unha sede social en propiedade foi unha das aspiracións das asociacións microterritoriais en Arxentina. Cando se creaba unha destas entidades, a falta de recursos obrigaba as directivas a reunirse ben na casa ou negocio dalgún socio, ben en oficinas alugadas para tal fin. Cando o número de socios e socias crecía, as cotas sociais e os cartos recadados nos festivais e banquetes que organizaban dedicábanse ás necesidades máis perentorias: as axudas mutualistas para os socios máis desfavorecidos, o envío de remesas de cartos a Galicia para a construción de escolas, a loita agrarista e galeguista, o arranxo de estradas e camiños, etc. O logro de adquirir unha sede propia prestixiaba a asociación dentro da colectividade. Por iso, organizábase un grande acto festivo ao que se convidaba a todas as entidades e persoeiros da diáspora galega no país.
Neste documento pódese ver unha relación de todas as asociacións de emigrantes que Hijos del Partido Judicial de Lalín invita para celebrar a inauguración da súa sede social, sita na bonaerense rúa Moreno, nº 1920. Podemos coñecer así máis de 150 asociacións galegas de ámbito local que existían nese momento. Era habitual este tipo de convites para participar nas actividades recreativas das entidades máis afíns.
Asemblea xeral de socios da Sociedad agrícola, cultural y recreativa de Residentes del Municipio de Vedra en Buenos Aires, <cite>ca.</cite> 1920
Asemblea xeral de socios da Sociedad agrícola, cultural y recreativa de Residentes del Municipio de Vedra en Buenos Aires, ca. 1920

Esta sociedade foi creada o 2 de outubro de 1910 por un grupo de veciños do concello de Vedra que emigraran a Arxentina, coa finalidade expresa de «agrupar en su seno a los convecinos de las doce parroquias de Vedra, con el fin de apoyar moral y materialmente los esfuerzos de sus convecinos que luchaban por emanciparse del prepotente caciquismo imperante». A súa fundación tivo unha finalidade agrarista, coa prioridade de mandar axudas ao Sindicato Agrario de Vedra. No eido cultural e educativo destacan as numerosas remesas de cartos enviadas para o funcionamento de varias escolas creadas nos anos vinte nas parroquias de Vedra, tal como se pode ver no apartado As escolas da emigración do web do CCG.
A falta de entendemento nas prioridades provocou que os emigrantes vedreses en Arxentina, como os doutros concellos galegos, fundasen varias entidades de carácter local e co mesmo ámbito de actuación. O Comité Auxiliar de la Sociedad de Agricultores de Vedra en Buenos Aires, que acabaría fusionado con esta sociedade en 1917 e pasa a chamarse Residentes del Municipio de Vedra en Sud-América; a Sociedad Mutua y Auxiliar de Agricultores del Municipio de Vedra (1920); Unión y Progreso de San Julián de Sales (1913); Nueva Era de Vilanova y sus Contornos (1922); Comisión Pro-Escuelas de Puente Ulla (1926), e Cultura y Progreso Parroquial de Vedra (1917), a única que existe na actualidade.
Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Buján, <cite>ca. </cite> 1938
Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Buján, ca. 1938

En 1924 fanse realidade os desexos dun grupo de emigrantes residentes en Arxentina e naturais do concello de Buxán, hoxe parroquia de Val do Dubra. Foi entón cando se constituíron como unha organización civil de carácter mutualista, privado e sen fins de lucro. Os estatutos de 1932 falan de finalidades como as de «proteger a sus asociados; repatiarlos en caso de enfermedad y faltos de recursos; ayudar a procurarles trabajo y prestarles alcance de la institución, como también orientar y servir de guía a los hijos de Buján que a su llegada a este país soliciten el amparo moral de esta sociedad».
En 1937 pasa a denominarse Sociedad Hijos de Buján e, en 1964, Sociedad del Valle del Dubra. Na actualidade coñécese coa denominación Centro Cultural y Recreativo Hijos de Buján en Buenos Aires.
Na imaxe aparece a directiva co cartel identificativo da entidade.
Centro Renovación de Puenteareas: un papel activo a prol da causa republicana, 1942
Centro Renovación de Puenteareas: un papel activo a prol da causa republicana, 1942

En 1924 fanse realidade os desexos dun grupo de emigrantes residentes en Arxentina e naturais do concello de Buxán, hoxe parroquia de Val do Dubra. Foi entón cando se constituíron como unha organización civil de carácter mutualista, privado e sen fins de lucro. Os estatutos de 1932 falan de finalidades como as de «proteger a sus asociados; repatiarlos en caso de enfermedad y faltos de recursos; ayudar a procurarles trabajo y prestarles alcance de la institución, como también orientar y servir de guía a los hijos de Buján que a su llegada a este país soliciten el amparo moral de esta sociedad».
En 1937 pasa a denominarse Sociedad Hijos de Buján e, en 1964, Sociedad del Valle del Dubra. Na actualidade coñécese coa denominación Centro Cultural y Recreativo Hijos de Buján en Buenos Aires.
Na imaxe aparece a directiva co cartel identificativo da entidade.
A educación como fin primordial: o pasado e o presente das escolas da Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor (1914-2014)
A educación como fin primordial: o pasado e o presente das escolas da Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor (1914-2014)

A sociedade promotora deste centro educativo tivo como obxectivo principal, desde a súa fundación en 1905, a creación de escolas na súa comarca natal. Na primavera de 1909 fundou unha escola na parroquia da Ramallosa, que chegou a ter máis de 180 alumnos. Esta escola funcionaba baixo os postulados pedagóxicos de Ignacio Ares de Parga, baseados no modelo educativo arxentino. O éxito en toda a comarca foi enorme e a gran demanda por parte do alumnado para asistir ás súas clases obrigounos a construír un novo edificio escolar, cuxos planos foron deseñados por Jacobo Esténs Romero.
Este magnífico edificio ten planta en forma de U, que xera na parte posterior un amplo patio. Ademais de contar con oito aulas con capacidade para seiscentos alumnos, estaba pensado para dispoñer de numerosos espazos de apoio pedagóxico: biblioteca, laboratorios, gabinete de física e química, enfermaría, un museo de historia natural, aula de música, varios obradoiros (de imprenta, de fotografía, de zapataría e de costura totalmente equipados) e diversas estancias para a vida do profesorado e do alumnado, como cociña, comedor, despachos, dormitorios etc. Nos bloques laterais da zona posterior estaban situadas as oito aulas, con varios roupeiros e aseos para uso do alumnado, ademais de mobiliario práctico e cómodo.
O centro escolar ofertaba clases de instrución primaria, pero tamén de iniciación profesional a varios oficios e de técnicas comerciais, e tamén preparaba o alumnado para o bacharelato.
Actualmente o edificio, totalmente rehabilitado, forma parte do IES Escolas Proval.
Sociedad Saviñao y sus Contornos, anos 40
Sociedad Saviñao y sus Contornos, anos 40

Esta entidade foi fundada en 1928 polos emigrantes naturais do concello do Saviñao residentes en Arxentina. A súa finalidade cultural e recreativa foi a base da súa creación, pero, como a maioría das sociedades étnicas alí establecidas, tamén tiña o ollo posto no outro lado do océano, na súa terra natal. Desde os seus inicios tiña a intención de construír unha torre cun reloxo na vila de Escairón, fin para o cal constituíu unha comisión. No ano 1944, incentivaron aos seus paisanos residentes na cidade de Rosario para que formasen unha sociedade homóloga, coa que tiveron moita vinculación.
Nesta imaxe, na que aparece o estandarte da entidade, pódense observar os membros da comisión directiva xunto a varias damas e os máis cativos do grupo.
Socias do Centro Recreativo del Partido de Becerreá nun pícnic, anos 40
Socias do Centro Recreativo del Partido de Becerreá nun pícnic, anos 40

Esta entidade, fundada en 1927, axiña pasou a formar parte da Federación de Sociedades Gallegas, coa que compartía ideario republicano e agrarista. Foi creada como unha institución recreativa e un centro de cultura e protección para os seus asociados. Para eles era primordial a unión e sociabilidade dos seus membros, tal como acreditaba o seu lema «unidad y confraternidad».
Na imaxe podemos ver unha de tantas festas campestres celebradas polos emigrantes alén mar, neste caso organizada no campo de recreo de Vicente López propiedade da Federación. Alí xuntábanse periodicamente os socios e socias das entidades federadas para manter vivos os lazos de camaradaría e de identidade. Gozaban dunha xornada de ocio seguindo os costumes da súa terra natal (música, gastronomía…) mesturados cos autóctonos do país de acollida, como os asados. Nestes festexos campestres, ademais do lecer que precisaban tras xornadas de duro traballo, lembraban as súas festas patronais e reproducían a solidariedade comunitaria nun contexto perfecto para crear vencellos de amizade e veciñanza. Potenciábase así no imaxinario dos socios e socias a idea da asociación como un referente, un lugar ao que poder acudir en caso de necesidade e no que poder achegar a súa solidariedade cos paisanos máis desfavorecidos.
Unión Residentes de Santiago de Compostela, 1944
Unión Residentes de Santiago de Compostela, 1944

A creación desta asociación de emigrantes galegos remóntase ao ano 1929, cando os galegos naturais da comarca de Santiago de Compostela residentes en Arxentina decidiron xuntar inquietudes e desexos de compartir celebracións e de preservar os seus patróns culturais de orixe. Chegaron a editar a Revista Compostela como medio de divulgación cultural, na que contaron coa participación de destacados persoeiros da cultura galega como, por exemplo: Arturo Souto, Avelino Díaz, Leandro Pita Romero, Ramón Rey Baltar, Gumersindo Sánchez Guisande, Leandro Pita Romero ou Manuel Roel.
En decembro de 1951 ratificouse a fusión das «exsociedades» La Libertad, Sociedad Mutualista y Cultural del Partido Judicial de Santiago de Compostela y sus Contornos e Unión Residentes de Santiago de Compostela.
Nesta ocasión presentamos a vistosa invitación á súa Romería Gallega, celebrada en novembro de 1944.
«A nuestro gran amigo y paisano... con el mayor afecto y admiración», 24 de agosto de 1959
«A nuestro gran amigo y paisano... con el mayor afecto y admiración», 24 de agosto de 1959

Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas, foi un dos actores galegos máis relevantes alén mar, dinamizador da vida cultural da emigración do Río da Prata. Ourensán de nacemento, emigrou cara a Arxentina en 1929. Axiña se integrou na vida cultural das asociacións galegas e participou nos seus festivais e celebracións con actuacións de gran sona. Actor de recoñecido prestixio, tamén no teatro e cine arxentinos, foi unha das grandes figuras da radio galega, fundador con Maruxa Boga e Alfredo Aróstegui da audición radiofónica Recordando a Galicia (1945), que o converteu nunha figura cotiá e familiar para miles de emigrantes. Nunca esqueceu a súa condición de galego e ourensán e durante toda a súa vida estivo vinculado coas entidades galegas, ben como socio, ben actuando e participando nas súas celebracións e festas, sempre na defensa da cultura e identidade galegas, con actuacións memorables cheas de amor e compromiso pola terra nai.
Na imaxe, a sociedade Hijos del Ayuntamiento de Maside y sus Contornos agradécelle a súa colaboración nun dos seus festivais. Esta entidade foi creada en 1915 con fins instrutivos e mutualistas.
A música galega como sinal de identidade cultural alén mar, 9 de setembro de 1948
A música galega como sinal de identidade cultural alén mar, 9 de setembro de 1948

Na fotografía vemos o Coro Castelao, integrado polos socios e socias de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Rianjo, durante a gravación do Himno a Rianjo, escrito polo xornalista e músico José Arcos Moldes. Este himno era música obrigada nas festas organizadas por esta asociación de rianxeiros e rianxeiras en Arxentina.
A sociedade fundouse en 1934 con finalidades culturais e recreativas. O seu obxectivo principal foi «fomentar entre los asociados el arte musical y escénico y todo lo que se considere útil para la elevación del nivel moral, social, cultural y económico de los socios y sus familiares en particular, y en general, ocuparse del mejoramiento de la clase trabajadora», e para iso creou este coro, de gran sona nas celebracións da colectividade.
En 1963 participou na fusión de todas as entidades microterritoriais do concello de Rianxo, para constituír o Centro Ayuntamiento de Rianjo. A fusión foi o instrumento de supervivencia de moitas destas pequenas asociacións en número de socios, que, co paso do tempo e o descenso da corrente migratoria nos anos sesenta, contaban cunha masa societaria moi envellecida e diminuída. En 1986 as e os rianxeiros e noieses, paisanos de concellos veciños, únense e crean o Centro Noia-Rianxo, que hoxe en día continúa co seu labor de defensa da cultura galega e a fraternidade dos seus integrantes.
Centro Betanzos: de simple lugar de reunión a gran centro de axuda para os betanceiros, 1984
Centro Betanzos: de simple lugar de reunión a gran centro de axuda para os betanceiros, 1984

O 15 de setembro de 1897 un grupo de emigrantes brigantinos reuníase nunha casona do extenso barrio bonaerense de Palermo Viejo co fin de celebrar as festas patronais de San Roque. Aquel día foi clave para a historia dos fillos de Betanzos radicados en Arxentina, pois xurdiu a idea do que sería máis adiante a Sociedad Hijos de Betanzos, constituída oficialmente en 1905. Pouco a pouco foron medrando as súas finalidades, as cales se estenderon cara a unha vertente solidaria, ao ofrecer axuda aos galegos e galegas que periodicamente ían arribando a terras arxentinas. Como acontecía con moitas sociedades étnicas, que nalgún momento da súa traxectoria histórica cambiaban de nome, en 1930 a entidade pasou a denominarse Centro Social Betanzos, con sede na rúa Lima, nº 733. Pouco tempo despois produciuse unha escisión entre a colectividade betanceira residente en Bos Aires e en 1931 fundouse unha nova sociedade de emigrantes denominada Centro Cultural Betanzos. Nesta ocasión non podemos deternos nas razóns que provocaron esta separación nin nos demais pormenores da traxectoria desta importante asociación étnica, pero si podemos destacar que despois da Guerra Civil española se produciu unha reunificación dos betanceiros arredor do actual Centro Betanzos. Como representante non só da colectividade betanceira senón do resto de galegos e galegas, a entidade mantivo un compromiso político co apoio á defensa da República e ás familias exiliadas da Guerra Civil española.
Nesta ocasión deixamos unha mostra da revista Centro Betanzos, que ten a súa propia historia. O número corresponde ao ano 1984 e nel pódense coñecer as actividades desenvolvidas con motivo da sempre fiel celebración das festas de San Roque e dos Caneiros.
Fusión tras fusión, a unión que fai a forza: Asociación Hijos de Arentey y Centro Villamarín Perojano, Mutual, Cultural y Recreativa
Fusión tras fusión, a unión que fai a forza: Asociación Hijos de Arentey y Centro Villamarín Perojano, Mutual, Cultural y Recreativa

Dúas asociacións de emigrantes galegos en Arxentina —Centro Villamarín Perojano (1940) e Asociación Hijos de Arentey (1952)— chegaron a un acordo de unión para beneficio común dos seus asociados e constituíron así a que hoxe se coñece como Asociación Hijos de Arentey y Centro Villamarín Perojano, Mutual, Cultural y Recreativa. Esta unión está marcada por unha historia de fusións de entidades antecesoras que se remonta ao primeiro terzo do século XX. Esta última tivo a aprobación do entón chamado Instituto Nacional de Acción Mutual, o 13 de xuño do ano 1990.
Desde a súa sede social, situada na rúa bonaerense Moreno, nº 3281, desenvolve unha intensa actividade como un axente cultural dentro da colectividade galega da capital arxentina. A súa finalidade está marcada polo desenvolvemento da cultura galega a través de divulgación das súas tradicións e folclore, este último encargado á agrupación Miña Terra. As cantareiras de Afolíes e o grupo teatral Alecrín tamén actúan como transmisores sociais da cultura galega en Bos Aires.
Nesta imaxe pódese apreciar un grupo de asociados compartindo bos momentos.
<cite>Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires</cite> (1992)
Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires (1992)

Voceiro oficial dunha das máis importantes institucións da emigración galega na Arxentina, esta revista comezou a súa andaina en 1926 para informar das actividades e servizos que o Centro Galego ofrecía aos seus socios. Galicia destaca pola calidade e sinatura dos seus numerosos artigos sobre a cultura, a política, a economía, o patrimonio ou a literatura galegos, con extensas e interesantes reportaxes sobre a actualidade do momento. Nas súas páxinas pódense ler traballos de escritores galegos e arxentinos, así como de persoeiros da colectividade emigrada, como Antonio Pérez Prado, Ramón Suárez Picallo, Fiz Fernández, Xavier Bóveda, Ramón Rey Baltar, Francisco Camba, Alberto Vilanova Rodríguez, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Valentín Paz-Andrade, Álvaro Cunqueiro, Domingo García-Sabell, Raimundo García Domínguez «Borobó», Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xosé Neira Vilas, Xavier Alcalá ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros moitos; sen esquecer a Luís Seoane ou Eduardo Blanco-Amor, que foron os seus directores. Queremos destacar o labor xornalístico durante as décadas de 1940 e 1950 de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, quen na sección «Noticiero Gallego» informaba sobre os feitos culturais e sociais de Galicia.
<cite>Golada. Boletín editado por la sociedad del Ayuntamiento de Golada</cite> (Bos Aires, 1948)
Golada. Boletín editado por la sociedad del Ayuntamiento de Golada (Bos Aires, 1948)

Moitas das asociacións microterritoriais en América publicaban xornais e boletíns para manter informados das súas actividades aos socios. Moitas tiñan unha tirada pequena e se cadra non contaban con colaboracións tan destacadas; eran froito do traballo e ilusión dun grupo de socios que conseguían editar anualmente un boletín ou unha revista de menos páxinas pero que lograba o seu obxectivo: informar do acontecer societario e manter presentes os costumes e tradicións das súas vilas natais na memoria colectiva dos seus socios e socias. Este boletín é un exemplo deles, publicado con motivo da conmemoración do 18º aniversario da fundación da asociación editora. Nas súas páxinas dábase conta aos socios das diversas actividades realizadas durante ese ano e publicábase a memoria e a contabilidade social correspondente. Ademais, aparecen reproducidos algúns poemas e textos literarios e predominan os artigos sobre a súa vila natal. Para financiarse aparecen numerosos anuncios de negocios de galegos, moitos deles nacidos en Agolada, nunha campaña de publicidade para dar a coñecer aos paisanos a súa actividade e bo facer.
<cite>Alén mar. Revista de la Asociación Argentina de Hijos de Gallegos</cite> (Bos Aires, 1962)
Alén mar. Revista de la Asociación Argentina de Hijos de Gallegos (Bos Aires, 1962)

Esta revista naceu no ano 1961. As súa traxectoria foi moi curta, pois en novembro de 1963 saíu o seu último número. Tivo como directores a Antonio Pérez Prado e a Perfecto López Romero. A súa periodicidade era irregular e o financiamento proviña de fondos particulares. Aínda que non pasaba das oito páxinas, contou coa colaboración de figuras destacadas da cultura galega: Ramón Piñeiro, Basilio Losada, Ricardo Palmás, Domingo García-Sabell, Perfecto López Romero, P. Leirado e o propio Antonio Pérez Prado. Os contidos publicados tiñan un carácter eminentemente cultural, aínda que nalgúns casos tamén reivindicativo da cultura galega na Arxentina e crítico coa situación social en Galicia.
Este grupo de mozos, fillos de emigrantes galegos en Bos Aires, autodefiníase como «nueva y hermosa semilla de la galleguidad en la gran Galicia ultramarina».
<cite>La Vida Gallega en Cuba. Órgano Oficial de la Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia</cite> (A Habana, 1958)
La Vida Gallega en Cuba. Órgano Oficial de la Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia (A Habana, 1958)

Esta revista funcionou como voceiro da Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia, asociación étnica pioneira na illa de Cuba. O seu inicio data de 1950 e publicouse simultaneamente durante catro anos xunto á titulada Vida Gallega, pertencente á mesma entidade. Ata 1960, ano en que deixou de publicarse, recolleu información sobre todas as actividades desenvolvidas pola entidade, ademais de contidos sobre cultura, historia e lingua galegas. O volume de páxinas era considerable en determinadas épocas do ano, tendo en conta que se publicaba a memoria anual da sociedade, na que se daba conta dos balances financeiros, listaxes nominativas das contribucións, informes, axudas prestadas a socios necesitados, persoas falecidas etc.
Caracterízase tamén pola abundancia de imaxes ilustrativas de numerosos actos sociais na cidade da Habana, así como de viñetas e debuxos de motivos galegos, realizados por autores como Castelao ou Cuevas. Nesta ocasión expoñemos esta colorida cuberta da revista do primeiro cuadrimestre do ano 1958, na que aparece a madriña social da entidade.
<cite>Cultura Gallega. Publicación quincenal: Literatura, Arte, Historia, Geografía, Gráfica, Informativa</cite> (A Habana, 1937)
Cultura Gallega. Publicación quincenal: Literatura, Arte, Historia, Geografía, Gráfica, Informativa (A Habana, 1937)

En 1936 sae á rúa o primeiro número desta revista ilustrada de información xeral, creada e dirixida por Adolfo V. Calveiro co obxectivo de divulgar a cultura galega na illa de Cuba. Nas súas páxinas percíbese unha exaltación de Galicia e os seus valores, colocando a figura de Rosalía de Castro como símbolo de identidade nacional (hai un número extraordinario dedicado á súa figura). Colaboran na revista importantes personalidades da cultura galega como Eladio Vázquez Ferro, Fuco G. Gómez, Ramón Marcote, Sinesio Fraga, Eduardo Blanco-Amor, Marcial Valladares, Ramón Fernández Mato, Ramón Otero Pedrayo ou Xerardo Álvarez Gallego, que ofrecen unha visión dos problemas de Galicia dende unha perspectiva galeguista e republicana, liña editorial que se vai abandonando segundo avanza a Guerra Civil española. En 1940 pasa a apoiar a causa franquista e cambia o seu nome polo de Cultura Hispánica, máis acorde co ideario da ditadura.
Cultura Gallega contaba con varias seccións, como «Noticias de Galicia», na que informaba das novas da actualidade galega, ou «Vida social de la colonia», na que relataba a vida cotiá da colectividade, ademais de dar a coñecer as actividades de asociacións senlleiras de Cuba como Hijas de Galicia, o Centro Galego da Habana ou a Agrupación Artística Gallega.
<cite>Guieiro. Órgao do Patronato da Cultura Galega</cite> (Montevideo, 1984)
Guieiro. Órgao do Patronato da Cultura Galega (Montevideo, 1984)

Esta revista, voceiro oficial do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, ten dúas etapas editoriais. O seu primeiro número sae en 1965 como un suplemento a unha carta publicada polas sociedades galegas do Uruguai a prol do uso da lingua galega na liturxia católica. Nos seguintes números e ata 1968 pasa a informar das actividades do Patronato (autoridades, estatutos, visitas, campañas etc.), aínda que cunha clara orientación cultural, como podemos ver nos numerosos artigos que nos achegan a Galicia, á súa lingua (a revista está escrita en galego), á súa historia e á súa literatura, con colaboracións de intelectuais galegos.
Tras un parón de bastantes anos, volve publicarse en 1984 baixo a dirección de Manuel Canabal Fuentes ou Manuel Meilán Martínez, destacados persoeiros da colectividade no Uruguai, moi implicados na directiva do Patronato. Nesta segunda etapa continúa coa mesma liña editorial de portavoz do Patronato da Cultura Galega, que, como o seu nome indica, ten a defensa da nosa identidade cultural como un dos seus principais obxectivos. Na súa portada aparece sempre un autorretrato de Castelao, guieiro do pobo galego.
<cite>Ecos da Terra. Órgano Oficial de Casa de Galicia</cite> (Montevideo, 1992)
Ecos da Terra. Órgano Oficial de Casa de Galicia (Montevideo, 1992)

Esta revista nace en Montevideo no ano 1981, constituída como o boletín informativo da Casa de Galicia e un dos seus difusores culturais. A maioría dos contidos versan sobre Galicia e a presenza dos galegos no Uruguai (actualidade, literatura, historia, notas biográficas, situación da cultura, lingua etc.). Tamén recolle todos os acontecementos sociais e culturais que se celebran na entidade e dá conta polo miúdo das actividades da institución (cursos, conferencias, actividades científicas…).
A cuberta que aquí presentamos correspóndese co número conmemorativo dos 75 anos de existencia da entidade, que foi fundada en 1917.
<cite>Alborada. Periódico de la Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos, Instrução e Recreio</cite> (São Paulo, 1993)
Alborada. Periódico de la Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos, Instrução e Recreio (São Paulo, 1993)

Esta sociedade foi creada en 1898 como Sociedad Española de Socorros Mutuos, coa finalidade de minimizar as dificultades que enfrontaban as e os inmigrantes españois que chegaban a São Paulo. A partir de 1950 cambia a súa denominación pola de Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos, Instrução e Recreio. Ademais, en 1975 pasa a ser integradora das antigas asociacións de emigrantes asentadas na cidade: Casa de Galicia, Centro Asturiano, Instituto Regional Valenciano, Centro Andaluz, Casa Aragón e Centro Dramático Hispanoamericano.
Por medio deste boletín ou xornal étnico queda establecida unha canle propia de comunicación directa coa colectividade española (maioritariamente galega) integrada na sociedade pauleira e a través dela achégase información sobre a terra natal, a prestación de servizos aos socios e socias, cursos de formación e actividades sociais, deportivas e culturais.
En xullo de 1993 publícase este número extra dedicado á colonia galega.
<cite>Hermandad Gallega de Venezuela</cite> (Caracas, 1970)
Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas, 1970)

A Hermandad Gallega de Venezuela, sociedade máis importante e representativa da colectividade galega residente no país, vén publicando revistas e boletíns informativos ao longo da súa historia co fin de manter informados aos seus socios e socias. Nesta ocasión presentamos a cuberta do número especial de Hermandad Gallega, órgano difusor da entidade, dedicado ás festas de Galicia e publicado en agosto de 1970, dez anos despois da súa creación (1960), logo da fusión das seguintes entidades antecesoras: Lar Gallego (1945), Centro Gallego (1948) e Casa de Galicia (1956).
A revista contén abundante información, gráfica e escrita, sobre as actividades de carácter cultural e social desenvolvidas por esta asociación étnica de emigrantes galegos residentes en Caracas, ademais doutros aspectos que fan referencia ás instalacións que prestan servizos aos asociados, relacións institucionais, decisións dos órganos directivos etc. Combina a información propia da prensa institucional con escritos de carácter cultural sobre Galicia, España e Venezuela (literatura, arte, costumes, notas biográficas, artigos de opinión escritos por intelectuais destacados etc.)
<cite>Casa de Galicia. Unidad Gallega</cite> (Nova York, 1958)
Casa de Galicia. Unidad Gallega (Nova York, 1958)

Máis que unha revista como tal, trátase dun «libro-memoria», de periodicidade anual, que nace en 1940 coa finalidade de informar sobre as principais actividades desenvolvidas pola Casa Galicia de Unidad Gallega, sociedade que acolle os e as emigrantes galegas residentes en Nova York.
Nesta publicación aparece a memoria anual das actividades e feitos máis salientables da vida societaria, na que se describe o traballo desenvolvido por cada unha das seccións organizativas que estruturan a entidade (Sección de Intereses, de Ayuda Mutua, de Cultura y Propaganda, de Recreo y Orden, de Arte y Folclore, de Damas e de Juventudes). Ademais de dar conta da intensa actividade desta sociedade a prol da colectividade galega que habita na Gran Mazá, coa presentación dos seus balances económicos dun xeito exhaustivo, contén numerosos artigos sobre Galicia e a súa cultura, economía e historia, redactados por intelectuais galegos de prestixio recoñecido. As súas páxinas contaban con artigos de figuras invitadas a colaborar, tales como Francisco Fernández del Riego (baixo o pseudónimo de Salvador Lorenzana), Ramón Piñeiro, Enrique Santamarina, Manuel María, Carballo Calero ou Salvador García Bodaño, entre outros autores.
<cite>Anduriña. Órgano del Centro Gallego de México</cite> (México D. F., 1984)
Anduriña. Órgano del Centro Gallego de México (México D. F., 1984)

A revista galega máis coñecida editada polos galegos de México é Vieiros. Revista do Padroado da Cultura Galega de México (1959-1968), cun claro ideario galeguista e literario. Porén, queremos dar a coñecer esta outra revista, voceiro do Centro Galego de México, a asociación que acolle o maior número de emigrantes galegos do país azteca. Esta publicación comeza a súa andaina en 1948 cuns claros obxectivos: informar aos seus socios e socias das diversas actividades da entidade, así como das súas propostas e logros, e servir de ponte entre a colectividade emigrada no país e a terra nai. Tamén informa dos feitos máis sobresaíntes da política, economía e cultura de Galicia. Conta con tres etapas editoriais, sempre baixo os auspicios do Centro Galego: unha primeira que empeza en 1948 e dura moi pouco tempo, unha segunda que se inicia en 1973 e unha terceira que comeza en 1990 e chega ata a actualidade.
A portada que mostramos é de febreiro de 1984. Nela aparece recollida a visita ás instalacións do Centro Gallego dun mito para a sociedade mexicana: o actor e cómico Mario Moreno, Cantinflas, que aparece fotografado mentres asina no libro de persoeiros da entidade.
<cite>Revista Deportiva. Centro Gallego de Montreal</cite> (1987)
Revista Deportiva. Centro Gallego de Montreal (1987)

Se a comparamos coa doutros países americanos, a colectividade galega no Canadá é moito menos importante numericamente, pero aínda así nos seus principais lugares de asentamento —Montreal e Toronto— os galegos e galegas crearon as súas asociacións recreativas e culturais e deixaron a súa pegada. Os centros de ambas as dúas cidades publicaron varias revistas e boletíns para informar aos seus socios e socias das actividades e da marcha destas, sempre na defensa da súa identidade. Ademais dos voceiros sociais que se poden consultar nos fondos do AEG, destacamos, pola súa temática diferente, esta revista, que anualmente informaba e difundía as actividades deportivas desenvolvidas polos socios do Centro Galego de Montreal, ademais de recoller as noticias de interese das actividades deportivas que se organizaban nesta cidade canadense.
O voceiro oficial desta asociación chamado Breogán, nome de raíces celtas e galeguistas, foi editado en 1972 pero tivo unha escasa duración. En 1974 edita Aturuxo, publicación divulgativa coa que se pretende «informar ós galegos residentes en Canadá, de novas sobre feitos e obras da terra galega, as súas xentes e as súas cousas» e que presta unha especial atención á cultura, relatos, gastronomía e biografías de intelectuais galegos.
<cite>Lonxe da Terriña</cite> (Santiago de Chile, 1995)
Lonxe da Terriña (Santiago de Chile, 1995)

Con saída anual, este voceiro do Lar Galego de Chile comeza a editarse en 1989. Con abundantes fotografías (da entidade editora pero tamén das paisaxes e do patrimonio cultural galego), a revista pretende servir como medio para promover a finalidade e as actividades da institución e «ser el centro de unión de nuestra colectividad para mantener vivas la cultura y las tradiciones de la Galicia ancestral». Contén numerosos artigos, entrevistas e escritos que se poden agrupar en cinco grandes liñas temáticas: histórico-cultural, social, política, a Galicia actual e as actividades do Lar (complementadas cunha reportaxe fotográfica). Tamén ten abundante publicidade, principalmente anuncios de tipo comercial, entre os que podemos citar as panadarías e industrias vinculadas a estas, sector en que a presenza de galegos é moi importante no país.
Como antecedente desta revista o Lar Galego de Chile xa publicara en 1980 Lar. Revista de la Juventud, creada con finalidades moi parecidas e obra da mocidade da asociación, de aí o seu nome.
<cite>A Lareira. Voceiro da Casa de Galicia, Asociación cultural</cite> (París, 1986)
A Lareira. Voceiro da Casa de Galicia, Asociación cultural (París, 1986)

A mediados do século XX a tendencia migratoria galega foi cambiando na elección dos países e comezou a etapa europea. Francia foi un dos destinos principais.
Nos anos setenta, a Casa de Galicia de París xa publicara varios boletíns en que informaba aos socios e socias das súas actividades. En 1984 edita o primeiro número de A Voz da Lareira. Voceiro da Casa de Galicia, que a partir do seu número 4 (1985) cambia de nome e pasa a chamarse A Lareira. Esta revista ten como obxectivo informar sobre temas de interese para as e os emigrantes galegos asentados na capital francesa. Unha parte importante da publicación está dedicada a temas referidos a Galicia e á súa cultura, historia, lingua etc., asumindo un compromiso cultural e político de carácter nacionalista, tal como vemos nesta portada dedicada á celebración do Día da Identidade Galega, con referentes culturais como Rosalía de Castro, Castelao, Concepción Arenal e Alfonso X o Sabio. Tamén analiza a situación da emigración; cómpre resaltar a información específica ofrecida aos traballadores galegos sobre seguridade social, pensións e xubilacións en España e en Francia. No resto da publicación descríbense as actividades da asociación con numerosas fotografías.
<cite>Fogar de Breogán. Voceiro do Centro Galego de Hannover</cite> (1988)
Fogar de Breogán. Voceiro do Centro Galego de Hannover (1988)

Os galegos e galegas residentes na capital alemá do estado da Baixa Saxonia, concretamente en Hannover, tamén contaron co seu voceiro, titulado Fogar de Breogán. Foi creado en 1988 como órgano de difusión do Centro Galego de Hannover, de curta extensión e publicado en lingua galega. Informaba sobre as diferentes actividades organizadas pola entidade editora. Contaba tamén con escritos sobre arte, cultura e tradicións galegas, así como cunha sección de pasatempos.
Nesta ocasión amosamos unha cuberta en que aparece unha viñeta humorística de Quessada, que ilustra a forma en que un galego elixe o seu destino migratorio.
<cite>Revista de A Nosa Galiza</cite> (Xenebra, 1988)
Revista de A Nosa Galiza (Xenebra, 1988)

Este xornal aparece en 1973 cunha tirada inicial de 375 exemplares e os seus contidos en lingua galega. Foi creado pola Sociedade A Nosa Galiza, asociación étnica de emigrantes galegos residentes en Xenebra. A través das súas páxinas os socios e socias son debidamente informados sobre as actividades desenvolvidas pola entidade, xunto a outros temas de interese para a colectividade galega. Ao longo da súa historia sofre algúns cambios, e en marzo de 1988 reedítase e publica contidos literarios como relatos e poesías, ademais de obras inéditas da autoría de fieis colaboradores desta asociación galega en Suíza.
<cite>Alborada. Órgano del Centro Gallego de Barcelona</cite> (1956)
Alborada. Órgano del Centro Gallego de Barcelona (1956)

O Centro Galego de Barcelona comeza a editar en 1948 esta revista como «portavoz oficial de nuestra entidad y un eco espiritual del basto mundo de la galleguidad y un balcón de cultura y de arte gallegos al que puedan asomarse los intelectuales amigos de Galicia». Dende esa data pasa por varias etapas editoriais ao longo dos anos: a primeira vai dende marzo de 1948 ata 1952; a segunda abarca dende xullo dese ano ata 1956; a terceira vai de 1961 a 1968; durante uns anos deixa de publicarse ata 1974, ano en que comeza a cuarta etapa; a quinta vai dende 1986 ata 1989 e en 1995 comeza de novo a súa andaina.
De edición esmerada, nas súas páxinas pódese atopar información da acción cultural realizada polo centro (na sección «Labor cultural»). Conta tamén con numerosos artigos de contido variado sobre Galicia, con páxinas dedicadas á literatura (contos, poesía, estudos sobre escritores), á cultura popular galega e a cuestións referentes á lingua galega; opinións e vivencias persoais dos emigrantes galegos en Cataluña; artigos sobre personalidades galegas; etc., sen esquecer a cultura e as realidades catalás que están a vivir. Neste número en concreto, de xullo de 1956, podemos admirar na súa portada unha obra do pintor e gravador galego Julio Prieto Nespereira, cuxo orixinal se conserva na sede do Centro Galego.
<cite>Mundo Gallego. Revista del Centro Gallego de Madrid</cite> (1996)
Mundo Gallego. Revista del Centro Gallego de Madrid (1996)

Esta revista aparece por primeira vez en xuño de 1952, baixo a dirección de Manuel Fraga de Lis e coa colaboración de destacados persoeiros da cultura galega como Ramón Cabanillas, Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Ramón
O voceiro pasou por varias etapas. A cuberta que presentamos aquí correspóndese coa cuarta época, iniciada en 1996. Ofrece aos seus socios e socias información sobre as actividades máis relevantes organizadas polo Centro Galego de Madrid (homenaxes, exposicións, conferencias etc.), ademais de publicar amplas reportaxes sobre galegos ilustres, cultura, tradicións, literatura e historia de Galicia. Os seus contidos son variados, pois poden atoparse artigos e crónicas de actualidade sobre a vida social, económica e política de Galicia, notas bibliográficas...
<cite>Anduriña. Portavoz del Lar Gallego de Sevilla</cite> (1989)
Anduriña. Portavoz del Lar Gallego de Sevilla (1989)

O órgano difusor da sociedade de emigrantes galegos Lar Gallego de Sevilla nace en 1959, baixo o título de Anduriña, e cesa co seu número de maio-xuño-xullo de 1962. Entendemos que a partir de entón a revista pasa a outra época, coa denominación que aparece na imaxe que expoñemos neste especial. Como a maioría das revistas societarias, a súa finalidade vén marcada pola necesidade de manter informados aos socios e socias sobre as distintas actividades desenvolvidas pola entidade (festivais musicais, concursos, obradoiros etc.). Por outra banda, a publicación achega aos seus lectores a cultura galega a través de páxinas literarias e artigos sobre lingua galega, gastronomía e historia dos lugares máis emblemáticos de Galicia. Tamén teñen lugar as notas de actualidade galega, entrevistas e reportaxes de diversa índole, sen descoidar o tratamento de aspectos da cultura tradicional sevillana.
A continuidade da revista sufriu varias interrupcións, pero non decaeu e na actualidade segue activa. Pódense consultar os números publicados a partir de 2012 na seguinte ligazón: Anduriña. Portavoz del Lar Gallego de Sevilla
<cite>O Xistral. Voceiro do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo</cite> (2001)
O Xistral. Voceiro do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo (2001)

Continuación da revista Vagalume (1981), en 1987 este centro de emigrantes galegos residentes na vila de Barakaldo pasou a editar unha nova publicación baixo o nome de O Xistral. O seu obxectivo era informar sobre o centro: estado de contas, directiva, actividades (entre as que destaca a celebración da Semana das Letras Galegas e do Día de Euskadi) etc. Tamén inclúe numerosos artigos sobre diferentes ámbitos da cultura galega: lingua e literatura galegas na sección «Vendo e aprendendo: vocabulario castelán-galego», historia, cultura popular, reportaxes sobre vilas e lugares de Galicia, rutas turísticas… Complétase con novas de actualidade, colaboracións literarias e outras seccións de carácter máis xeral con informacións deportivas e sanitarias, páxinas de humor e pasatempos. Neste número que amosamos conmemoran o centenario da fundación da asociación. En 1989 o centro publica A Catrapola como voceiro dos intereses dos seus socios máis novos.
A reagrupación familiar como unha das causas da emigración feminina
A reagrupación familiar como unha das causas da emigración feminina

Antonia, como tantas mulleres mariñás, emigra á illa de Cuba en 1937 acompañada da súa nai Eusebia. Por fin ían reunirse co pai, que marchara para A Habana nos anos 20 e traballaba como mariñeiro nos barcos que facían a ruta A Habana-Florida. Tras uns anos de duro traballo, Antonio consegue ter unha certa posición económica e manda ir á súa familia. O ano en que Antonia e Eusebia inician o proceso migratorio é tamén sintomático, a Guerra Civil e a situación económica e social da Galicia deses anos levan a moitos galegos e galegas a fuxir ou cando menos a buscar mellores perspectivas de futuro alén mar. Ao chegar á illa, debían inscribirse no Consulado de España na República de Cuba para poder manter a nacionalidade española. En 1948, por problemas de saúde, nai e filla regresan a Rinlo, a parroquia de Ribadeo de onde partiran había 11 anos. O pai continúa en Cuba ata 1965. Cun pé en ambos os dous mundos, o choque cultural e social debeu ser importante para elas, pero a adaptación no país caribeño foi máis sinxela grazas á presenza de numerosos familiares e veciños que residían alí.
A familia en Galicia sempre no pensamento, Regla 1901
A familia en Galicia sempre no pensamento, Regla 1901

José Louro, emigrante devesán na illa de Cuba, envía a Galicia esta fotografía dedicada á súa nai. Os irmáns José e Luciano Louro emigraron á Habana no último terzo do século XIX e tras moitos traballos chegaron a ser propietarios de varias tendas no sector téxtil. José rexenta unha xastraría e tenda de teas na cidade de Regla, en cuxo interior posa cos seus empregados e algúns clientes e amigos, como o señor sentado nun lugar destacado, con sombreiro e bastón. Todos coas súas melloras galas e amosando a súa bonanza económica.
Sabemos que Luciano rexentaba tamén outra xastraría, camisaría e fábrica de confección de roupa na Habana chamada La Primera del Palatino. Os dous irmáns conseguen triunfar no mesmo sector comercial e de seguro que o apoio mutuo foi clave para o éxito na súa integración social e económica na illa. No AEG consérvanse numerosas fotografías e cartas que José e Luciano Louro envían periodicamente á súa casa na Devesa (Ribadeo) para que os seus pais e irmáns soubesen da súa boa situación económica e coñecesen as súas mulleres e fillos. Moi probablemente estes irmáns emigraron grazas ao esforzo económico dos familiares para pagarlles a pasaxe, esforzo que retribuíron mandando remesas de cartos que cubrisen as súas necesidades económicas.
Recinto escolar do Círculo Habanero de La Devesa, Ribadeo
Recinto escolar do Círculo Habanero de La Devesa, Ribadeo

O 3 de xullo de 1921 constitúese a asociación Círculo Habanero, Comisión Administrativa de La Devesa, na parroquia de Santalla da Devesa (Ribadeo). Entre os seus fins estaba: «Administrar dicho círculo bajo los dos puntos que abraza —instrucción y recreo— debiendo dedicar su mayor atención al funcionamiento de las escuelas con sujección al reglamanto que para su régimen formula y aprueba la Junta Directiva». Este acordo aparece reflectido no regulamento xeral da Sociedad de Instrucción y Recreo Círculo de La Devesa, fundada en 1911 e domiciliada na Habana, baixo a presidencia de José Acevedo Martínez.
Nesta imaxe pódese apreciar o alzado da fachada anterior do Círculo de La Devesa, asinado na Habana polo aparellador Domingo Baños Fernández con data 30 de novembro de 1920. O edificio foi inaugurado un ano máis tarde para funcionar como escola de ensino primario e centro cívico. Chama a atención o uso polivalente que tiña esta edificación pois tamén ofrecía servizos de biblioteca, casino e sala de reunións. No seu frontón triangular figura o nome da sociedade promotora «Círculo Habanero de La Devesa. Sociedad de Instrucción y Recreo». Na actualidade o edificio está rehabilitado e funciona como centro sociocultural.
A Torre dos Moreno, edificio singular de obrigada visita, Ribadeo, ca. 1915
A Torre dos Moreno, edificio singular de obrigada visita, Ribadeo, ca. 1915

Este palacete modernista, considerado como a obra arquitectónica cosmopolita máis destacada de Ribadeo, non falta en ningunha guía turística de Galicia. Foi promovido cara a 1915 polos irmáns Pedro María e Juan Moreno Ulloa, naturais da vila de Ribadeo e emigrantes de éxito na Arxentina. Dedicábanse á explotación do campo en terras da Pampa e coméntase que fundaron un poboado con moeda propia, utilizado fundamentalmente como residencia dos traballadores contratados por eles.
A longa distancia que separaba aos irmáns Moreno da súa terra natal non foi un impedimento para esquecela. Pola contra, destinaron parte da fortuna conseguida en terras arxentinas para favorecer a súa comunidade de orixe. A súa obra filantrópica na vila de Ribadeo foi moi notable. Unha comisión encargouse de tramitar a doazón para a construción dun cantón que levaría o seu nome, hoxe coñecido como Cantón dos Moreno. Tamén foron destinados cartos destes indianos para a reparación de varias rúas da vila, a urbanización da praza do Campo e a reconstrución da capela do Colexio Sagrado Corazón; ademais de importantes donativos ás escolas, o instituto de segundo ensino e centros culturais. En 1932 os seus sobriños fixéronse cargo das doazóns para o cemiterio de Ribadeo.
Esta casa tan singular foi construída baixo as directrices do arquitecto Julián García Núñez e o enxeñeiro Ángel Ardex. Unha das súas peculiaridades é que contaba cun ascensor e un sistema interno de recollida de lixo.
Os irmáns Moreno nunca retornaron da súa aventura migratoria e tampouco tiveron fillos, polo que a propiedade foi repartida entre distintos herdeiros, que non se fixeron cargo do seu mantemento. Finalmente foi adquirida por unha empresa asturiana, que será a encargada da súa rehabilitación para uso hostaleiro.
Colaboración emigrante nas obras públicas da comarca, o cemiterio de Xerdiz en Ourol, 2022
Colaboración emigrante nas obras públicas da comarca, o cemiterio de Xerdiz en Ourol, 2022

Este fermoso e singular cemiterio foi construído en 1908 grazas ás doazóns de moitos dos veciños da parroquia de Xerdiz residentes na illa de Cuba. Dos 110 doantes, cuxos nomes aparecen nunha placa de homenaxe que se conserva, 64 eran emigrantes na Habana e achegaron máis do 75 por cento do custo total da obra.
Este camposanto conta cuns panteóns moi orixinais feitos en cantaría, que teñen unhas columnas moi traballadas e están coroados por cruces, santos, esculturas e diversos motivos relixiosos de gran calidade. Está situado nun espazo presidido por un fermoso cruceiro, na beira da igrexa e da casa reitoral, e conta cun amplo xardín.
Pódese dicir que é un dos cemiterios indianos máis representativos e bonitos da Mariña luguesa grazas á riqueza do patrimonio escultórico, que conserva en moi bo estado, como as cruces latinas e as esculturas que representan as penitencias, a trindade ou as piedades. Hai que destacar o excelente traballo dos canteiros da bisbarra comandados por Francisco Veiga, O Pena de Miñotos, artesán de gran sona.
A instrución como superación persoal e laboral, Pinar del Río, 1930
A instrución como superación persoal e laboral, Pinar del Río, 1930

Na imaxe podemos ver un grupo de alumnos, varios deles son galegos, cos seus diplomas, conseguidos tras finalizar os estudos de Contabilidade na Escola Nacional Mercantil de Pinar del Río. O segundo pola esquerda é Antonio Geada, natural de Alfoz, que emigrara a Cuba na década dos anos 20 do pasado século. A maioría dos emigrantes mariñaos e do resto de Galicia contaban con pouca formación académica. Sabían ler, escribir e as catro regras grazas moitas veces ao gran labor no eido educativo das escolas creadas polos emigrantes por todo o noso país e que na Mariña eran numerosas. Unha vez que chegaban ao país de acollida, o desexo de mellorar as súas condicións laborais lévaos a seguir formándose. Algunhas das principais entidades galegas na illa de Cuba, como o Centro Galego da Habana, crearon escolas para a formación dos seus socios, por exemplo o centro Concepción Arenal, no que se ofrecían cursos de contabilidade, idiomas, prácticas mercantís etc. e que tiveron unha grande acollida na colectividade. Conseguir unha maior formación académica supoñía un gran reto de tempo e esforzo. Vaise creando, así, na mentalidade da colectividade emigrada, unha asimilación clara entre progreso e educación, o que leva a realizar un inxente labor no eido educativo na terra nai.
A perenne pegada de Pedro Murias (Santalla da Devesa, 1840 - A Habana, 1906) na Devesa
A perenne pegada de Pedro Murias (Santalla da Devesa, 1840 - A Habana, 1906) na Devesa

Como xa destacamos no especial de Historias de ida e volta dedicado á figura de Pedro Murias, este indiano devesán non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado que deixou na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade de orixe. A escola levaría o seu nome: Escola Agrícola Pedro Murias. Este indiano foi unha das figuras máis representativas no mundo da manufactura tabaqueira e destinou parte do seu capital hereditario á construción da dita escola, como consta detalladamente no testamento outorgado o 22 de maio de 1892. Nel manifestou que estaba «deseoso del mayor adelantamiento agrícola de mi patria».
A Escola Agrícola Pedro Murias foi un centro pioneiro, enfocado a facilitar o acceso e abrir o abano de posibilidades para os rapaces da súa comunidade de orixe, aínda que quedaron algúns puntos do proxecto sen desenvolver. O ingreso na escola garantía a experiencia directa do alumnado nos labores do agro pois os coñecementos prácticos ían unidos de xeito directo cos teóricos. Actualmente é un Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de referencia nacional.
Inauguración do grupo escolar José María Fernández Montenegro, Cervo, 1931
Inauguración do grupo escolar José María Fernández Montenegro, Cervo, 1931

José María Fernández Montenegro naceu en 1860 nunha parroquia do concello de Cervo chamada Lieiro. Sendo moi novo escolleu o camiño da emigración cara á Arxentina, país onde conseguiu alcanzar un notable éxito económico. O legado deste indiano foi de 60 000 pesetas, que foron destinadas á construción do edificio para albergar o grupo escolar que leva o seu nome, na súa parroquia de orixe. Este legado materializouno a súa viúva, Manuela Goñi Maíste.
A escola construíuse en San Cibrao, sobre un terreo cedido polo Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires. A solicitude para a realización do proxecto foi aceptada en 1929, ano do pasamento de José María. O 26 de xullo de 1931 tivo lugar a inauguración da escola, completamente equipada, e ao acto asistiu a viúva de José María e unha representación destacada da sociedade bonaerense. Na actualidade o edificio serve como sede do Museo Provincial do Mar de San Cibrao.

A escola de Adelán en Alfoz, un dos exemplos do proxecto educativo dos emigrantes do Valadouro en Cuba, 2008
A escola de Adelán en Alfoz, un dos exemplos do proxecto educativo dos emigrantes do Valadouro en Cuba, 2008

Este edificio foi inaugurado en 1933 grazas ás remesas enviadas pola sociedade Hijos del Valle de Oro en La Habana, tal como figura en grandes letras na súa fachada en lembranza do seu labor a prol da educación dos nenos e nenas desta parroquia lucense. Esta sociedade habaneira foi fundada en 1907 co obxectivo prioritario de axudar moral e materialmente a súa terra natal a alcanzar prosperidade a través da educación coa creación de escolas. Ademais desta escola, contribúen na construción de varios edificios escolares nas parroquias de Bacoi, Vilacampa, O Cadramón e Moucide.
A sociedade dá máis prioridade á utilidade e ás prestacións dos centros educativos e menos á suntuosidade. Son construcións sinxelas, de planta rectangular, con cuberta a dúas augas, sen case elementos ornamentais e unha clara simetría baseada no esquema de dobre aula a partir dun eixe central, aínda que neste caso concreto contaba cunha soa aula e a vivenda do mestre no lado oposto. As indicacións pormenorizadas tanto da construción como do proxecto educativo eran enviadas pola sociedade dende A Habana.
Jesús Rodríguez Murias e a escola de Rinlo, Ribadeo, 1912
Jesús Rodríguez Murias e a escola de Rinlo, Ribadeo, 1912

O ribadense Jesús Rodríguez Murias emigrou moi novo a Cuba, onde conseguiu facer fortuna ao dedicarse ao negocio do tabaco na illa. Foi un dos promotores e benfeitores da sociedade Unión Rinlega da Habana. Como lles acontecía ás veces a moitos emigrantes tras o seu retorno á terra natal, Jesús caeu enfermo e faleceu en 1909. O seu legado debía ir destinado á realización de obras benéficas e educativas, como a construción dun edificio escolar en Rinlo. O testamento que deixa dá conta dos seus desexos de contribuír ao benestar da súa comunidade de orixe, concretamente dos máis pequenos e desvalidos, os nenos e nenas da súa parroquia. A escola será cedida á sociedade habaneira Unión Rinlega para o seu mantemento económico. As rendas xeradas polo seu patrimonio tamén serviron para o mantemento do hospital de Ribadeo, así como para os habitantes máis pobres da vila.
O servizo de traída de auga potable no concello de Ribadeo foi financiado co patrimonio de Jesús. As obras remataron en 1916 e tiveron un custo de 50 000 pesetas.
A coñecida como vella escola de Rinlo alberga na actualidade o centro sociocultural para o desfrute da veciñanza da parroquia.
A escola de Magazos, unha das moitas escolas financiadas pola sociedade habaneira Vivero y su Comarca, 2008
A escola de Magazos, unha das moitas escolas financiadas pola sociedade habaneira Vivero y su Comarca, 2008

Unha sociedade de emigrantes que destaca polo elevado número de centros educativos creados na súa terra natal é a Ilustrísima Sociedad de Vivero y su Comarca na Habana. Este título de honra concedeullo o Goberno de España en 1919, ademais da Cruz de Beneficencia de primeira clase.
Esta senlleira entidade foi creada en 1910 por iniciativa dos emigrantes viveirenses Justo Taladrid Catá, Tomás Ramos Riguera, Amando Cora e Antonio Pernas entre outros, que levaron a bo porto o obxectivo prioritario da súa fundación: a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro. Temos constancia da súa intervención económica na construción, arranxo e mantemento de 57 escolas distribuídas por toda a zona mariñá, ademais da súa contribución á compra de material docente e de doazóns para casos puntuais de necesidade tanto das escolas como dos seus veciños e veciñas.
Esta escola, na parroquia de Santa María de Magazos, é un exemplo do modelo arquitectónico que implantaron na construción de case todos os seus centros educativos. Eran edificios dunha soa planta, de forma rectangular, con escasa ornamentación e nos que primaban as numerosas fiestras, que achegaban luminosidade ás aulas, que normalmente eran dúas pois o alumnado separábase por sexos.
Carmen Iravedra, mestra da escola de Burela coas súas alumnas, <cite>ca.</cite> 1950
Carmen Iravedra, mestra da escola de Burela coas súas alumnas, ca. 1950

Non só de Cuba chegaron as remesas para construír escolas na Mariña luguesa. Tamén os mariñaos residentes na Arxentina enviaron cartos para fomentar e promover a educación e a cultura nos seus veciños e veciñas. Ademais dalgúns persoeiros que contribuíron a crear e dotar centros educativos e dos que xa falamos, a sociedade Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires, creada en 1908, tivo un destacado papel neste eido. Grazas ao seu labor a prol da educación e a cultura da comarca construíronse as escolas de Burela, Xove e Cervo; neste último concello tamén axudou na edificación do Grupo Escolar José M. Fernández Montenegro, na localidade de San Cibrao. Por todo isto o Goberno español outorgoulle a Gran Cruz de Beneficencia.
A escola de Burela foi dedicada a centro de ensino primario dende a súa inauguración. Alí formáronse centos de nenos e nenas da localidade. Nos anos 40 a profesora Carmen Iravedra obtivo o seu posto de mestra e encargouse de educar as nenas que alí acudían. Aínda hoxe é lembrada con cariño polas numerosas xeracións que pasaron polas súas aulas.
Escola do Canteiro, Barreiros, 1906
Escola do Canteiro, Barreiros, 1906

A escola do Canteiro funcionou no pasado como centro de ensino primario e como local de reunión do sindicato agrario. Foi fundada en 1906 e promovida por unha sociedade instrutiva de emigrantes procedentes, na súa maioría, da parroquia de San Pedro de Benquerencia e denominada Centro de Benquerencia, Sociedad de Instrucción y Recreo, con sede na Habana.
O edificio que albergaría os alumnos e alumnas da parroquia comezou a construírse en 1906. O 31 de agosto do ano seguinte xa estaba en pleno funcionamento e contaba cuns 65 alumnos. Esta escola foi deseñada seguindo características da arquitectura ecléctica de principios do século XX, coa fachada principal como protagonista, subliñada por unha grande escalinata. Foi un centro escolar gratuíto e de carácter laico ata 1922, ano en que pasou a mans do Estado para que funcionase como escola pública. Na actualidade a edificación está destinada a local sociocultural da Asociación de Veciños de San Pedro de Benquerencia.
Escola de Xove, 1927
Escola de Xove, 1927

A constitución de sociedades étnicas na emigración galega en América está intimamente ligada á idea de proliferación de escolas repartidas por toda a xeografía de Galicia. Co corpo alí e a mente aquí, moitos galegos e galegas vivían pensando na mellora e prosperidade dos familiares e veciños que quedaban nos lugares de orixe. Aínda que non se trata dunha pegada estritamente «indiana» no sentido de filantropía «particular», podemos amosar tamén a pegada colectiva que deixou a colectividade de emigrantes nas súas zonas de procedencia, froito dun traballo en equipo. Moitas veces, lonxe de grandes fortunas pero con grande esforzo e sacrificio, lograban os case os mesmos resultados que calquera indiano de gran renome.
Na Arxentina moitas das sociedades microterritoriais de emigrantes continúan en pé, aínda que os tempos viraron e hoxe cumpren o único obxectivo de manter viva a identidade cultural que une os seus socios á nosa Galicia.
Nesta imaxe apreciamos o edificio da entón escola de nenos e nenas, hoxe ocupada polo alumnado da escola infantil de Xove. Foi construída grazas á intervención do Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires. Segue o modelo arquitectónico doutras escolas fundadas nos concellos veciños de Burela e Cervo pola mesma sociedade. Na fachada principal hai un frontón curvo de granito con pináculos e parapeto e nel aparece a seguinte inscrición: «Centro / Hijos del Partido de Vivero / Buenos Aires». Este edificio escolar foi cedido ao Concello de Xove o 11 de outubro de 1925, tras o remate das obras. Dous anos despois foi a súa inauguración oficial.
O indiano Francisco Maseda coa súa familia pouco antes do seu retorno á Devesa, 1919
O indiano Francisco Maseda coa súa familia pouco antes do seu retorno á Devesa, 1919

Amosamos aquí a historia dos Maseda García como exemplo de moitas familias de emigrantes mariñaos que acadaron o éxito económico e social e retornaron á súa terra natal como uns indianos prototípicos. Francisco Maseda Villamil naceu en 1884 na Devesa e, como moitos dos seus veciños, emigrou á illa de Cuba moi novo, en 1899. Alí tiña familiares con negocios que lle deron traballo e acubillo, tal como el faría máis adiante, o que alimentaba as cadeas migratorias mariñás. Varios dos seus irmáns, María (que retorna a Ribadeo en 1909), José, Jesús e Ramón, tamén tomaron o camiño da emigración e todos se dedicaron con fortuna ao comercio. Dende a súa chegada á Habana comezou a traballar na ferraxaría La Esquina de Tejas, propiedade do seu curmán Antonio Díaz de La Rocha. Alí aprendeu o oficio e, cando este morreu e a súa familia regresou a Galicia, quedou de xerente e persoa de confianza. Cos anos chegou a ser copropietario. Nas primeiras décadas do século XX o negocio é un éxito e ten filiais en varias localidades da illa. Arredor de 1912 casou con Carmen García Rodríguez, filla doutro emigrante da Devesa, e tiveron tres fillos nacidos na Habana: Francisco (1914), José (1916) e Manuel María (1919). Nestes anos Francisco convértese nun home de negocios importante —con propiedades inmobiliarias e accións en varias empresas, ademais da ferraxaría— e nun membro destacado da colectividade galega. É un dos fundadores do Círculo Habanero de La Devesa e socio do Centro Galego. Por problemas de saúde a familia regresou á Devesa en 1920 e alí construíu unha fermosa casa con todas as comodidades do momento. Como tantos emigrantes retornados, viviu das rendas dos seus negocios en Cuba e levou unha vida tranquila cunha posición social destacada.
Carlos Couto Pulido e a súa Villa Modesta, 1911
Carlos Couto Pulido e a súa Villa Modesta, 1911

Carlos Couto Pulido, natural de San Xoán de Vilaronte (Foz), estivo emigrado na illa de Cuba, da que volta a principios do século XX. En 1903 casa con Modesta Couto Samaniego, filla do seu irmán Francisco Lois, que era un adiñeirado tabaqueiro na Habana. A cerimonia celébrase tras o seu retorno a Galicia, na parroquia de San Martiño de Mondoñedo. Non se sabe moito sobre a vida deste indiano focego. O matrimonio tivo dous fillos, Carmen e Ramón. Fontes oficiais mostran que foi suplente do xuíz e do fiscal no primeiro terzo do século XX (en 1915 e 1920), o que demostra que a súa formación académica se orientou cara á rama das ciencias xurídicas. Carlos faleceu en Foz o 25 de novembro de 1932. Nesta imaxe presentamos esta fermosa vivenda, que obedece ao perfil de casas indianas da zona da Mariña lucense. Foi coñecida como Villa Modesta, o que nos fai pensar que a súa construción se realizou en honor á súa muller.
Mercado municipal de Ribadeo, outra obra de filantropía indiana
Mercado municipal de Ribadeo, outra obra de filantropía indiana

Ramón González Fernández (Ribadeo, 1856 - O Porriño, 1925) foi outro indiano ribadense que destacou pola súa obra filantrópica e que, neste caso, non só favoreceu o seu lugar de orixe senón tamén o outro extremo de Galicia, concretamente o concello do Porriño, onde se asentou definitivamente tras o retorno da súa aventura migratoria na Arxentina (1899), país onde alcanzou o enriquecemento económico e persoal.
O destacado indiano pertencía a unha familia acomodada pois era fillo do copropietario dun barco que realizaba a ruta A Coruña-A Habana. Cos seus estudos de Náutica e Comercio rematados e con tan só quince anos, Ramón parte no barco familiar cara a terras americanas. A Arxentina será o país de acollida e Rosario a cidade onde se desenvolverá profesionalmente, como próspero comerciante e conselleiro na sucursal do Banco Español del Río de la Plata. Ademais, converterase nunha destacada figura no seo da colectividade galega e española alí asentada. A súa fortuna en América fíxoa estando solteiro. Un ano despois do seu retorno, con 43 anos de idade casa con Corona González Santos, que era da Laracha e filla dun médico natural de Cotobade destinado no concello de Mos. O mecenado de Ramón González Fernández está repartido entre dúas provincias polas súas circunstancias persoais. Neste especial destacamos unha das obras polas que é máis coñecido polos ribadenses, a financiación da construción do edificio de estilo modernista que alberga o mercado de abastos de Ribadeo, proxecto que non puido ver realizado e que foi materializado pola súa viúva. Podémolo observar nesta imaxe, tomada polo investigador Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez para o catálogo Legado sociocultural da emigración galega, publicado pola Xunta de Galicia en 2002.
A súa acción filantrópica tamén axudou ao mantemento do Ateneo e da biblioteca municipal de Ribadeo. Financiou, ademais, o novo templo parroquial do Porriño, inaugurado en 1913, entre outras moitas contribucións que axudaron a impulsar o desenvolvemento social e cultural de Galicia.
La Argentina, residencia do indiano José Álvarez Fernández na súa aldea natal de Vilaestrofe (Cervo), 2015
La Argentina, residencia do indiano José Álvarez Fernández na súa aldea natal de Vilaestrofe (Cervo), 2015

Pódese dicir que esta vila é o prototipo arquitectónico dunha casa indiana autóctona. O seu promotor foi un emigrante na Arxentina que acadou éxito económico e social. Emigrou a Bos Aires en 1884 e traballou nunha fábrica de tabacos, da que co tempo pasou a ser propietario. Casado cunha muller arxentina, converteuse nun home moi rico e retornou á súa aldea natal preto de 1910. Alí mandou construír unha casa grande, situada na actual estrada que une Sargadelos e San Román de Vilaestrofe. Para levar a cabo este proxecto decidiu contribuír cos seus cartos á construción desta estrada. Os seus veciños e veciñas recoñecerán cun monumento conmemorativo e unha placa o seu labor filantrópico a prol do progreso da comarca.
Nacido nunha casa humilde, decidiu restaurala e ampliala para incluír os elementos modernos e os luxos aos que estaba acostumado, pero tamén como un medio para obter prestixio ante os seus veciños. Arquitectonicamente esta casa, de planta rectangular, constrúese nun volume único, con dúas plantas e unha baixocuberta, coroada por unha cuberta de lousa a catro augas que remata nuns pináculos, típicos da zona. De escasa ornamentación, centrada nas pezas de cantaría das esquinas e nos remarques das fiestras, nas fachadas destacan as galerías, que achegan luminosidade ao conxunto. A casa está situada nun terreo de máis de 90 000 m2, pechado por un enreixado con motivos florais ornamentais. No extenso terreo salienta o xardín, con camelias e dúas grandes palmeiras, especies que nos lembran o continente americano.
A Casa do Señorón, en Ourol, típica casa indiana da Mariña, 2022
A Casa do Señorón, en Ourol, típica casa indiana da Mariña, 2022

Esta casa indiana é tamén coñecida como a Casa das Palmeiras polos fermosos exemplares que a custodian e que se trouxeron expresamente de Cuba. Foi mandada construír nos anos 30 polo emigrante retornado José García Rodríguez, alcumado O Señorón, quizais pola fachenda e riqueza coa que volveu da Arxentina, país onde fixo fortuna. Con esta casa o indiano, como tantos outros, quería testemuñar a súa elevada posición económica, conseguida na emigración.
Unha vez instalado na súa vila natal de Ourol, mandou edificar unha gran casa, similar á que posuía na Arxentina. Trátase dunha fermosa edificación, un dos mellores exemplos de arquitectura residencial indiana deste municipio. O edificio levántase sobre un pedestal, o que xera unha grande escalinata de acceso na fachada principal. De estilo ecléctico na ornamentación con elementos orientalistas, consta de planta rectangular con dous pisos en altura e unha baixocuberta de lousa con pináculos de pedra. A cuberta remata nunha especie de torre que lembra un pagode oriental. A ampla propiedade está rodeada por un muro de enreixado con fermosos elementos florais decorativos.
Escola de San Román de Vilaestrofe, no concello de Cervo, 2008
Escola de San Román de Vilaestrofe, no concello de Cervo, 2008

Esta escola debe a súa existencia ao labor filantrópico do indiano Manuel Candia (Cervo 1850-1930), natural de San Román de Vilaestrofe e que fixo fortuna na Arxentina. Retornou en 1889 e mandou construír esta escola para educar os nenos e nenas da parroquia; ademais das aulas, contaba tamén con vivenda para o profesorado. A súa inauguración data de 1913. Nesta vistosa edificación destaca a fachada principal, cunha escalinata de acceso, moitos elementos decorativos xeométricos nas numerosas fiestras e un frontón curvo con reloxo. Nunha das placas conmemorativas de mármore pódese ler: «Los vecinos de esta parroquia, al filántropo Don Manuel Candia. Año 1913». Nun acto de homenaxe a Manuel Candia ondearon as bandeiras da Arxentina e de Galicia. A el asistiron a corporación municipal, mestres, médicos, párrocos, gardas civís, ademais dos veciños da parroquia de Vilaestrofe e das de Viveiro e Xove, e ofreceuse un banquete para un centenar de comensais nunha das aulas do grupo escolar.
O legado de Manuel Candia López superou as 60 000 pesetas, que serviron tanto para a construción desta escola como para a dotación de material escolar e mobiliario, ademais de para o seu mantemento e o pagamento do persoal docente. Este ilustre indiano tamén colaborou na construción do cemiterio e a estrada que une Vilaestrofe e Burela.
Entre 2001 e 2006 o edificio pasou por un proceso de rehabilitación promovido polo Concello de Cervo.
Retrato de Fernando Blanco de Lema, o filántropo de Cee
Retrato de Fernando Blanco de Lema, o filántropo de Cee

Poucos retratos se coñecen deste indiano e todos foron feitos despois da súa morte. En 1880 os testamenteiros encárganlle a Federico Madrazo, un dos máis grandes pintores retratistas do século XIX, a realización de varios retratos do filántropo. Para a súa execución envían unha fotografía súa dende Cuba.
O retrato reproducido é un óleo (205 x 120 cm) no que Fernando Blanco de Lema aparece de corpo enteiro, cun xesto de meditación e lixeiro sorriso e coa súa man esquerda pousada sobre unha mesa en que hai un libro e varios documentos –nun deles pódese ler: «S. D. Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto, fundador del Colegio y Escuela de Niñas de Sta. María de Cee»–. Nunha esquina aparece a sinatura do pintor e a data da obra (1884). Estaba colocado presidindo o salón de actos do colexio-instituto, baixo un baldaquino para enxalzar a súa importancia como guía da institución. Na Fundación tamén conservan outro de menores dimensións, cun fondo máis difuso e tamén aparece a súa man apoiada nuns documentos; e outros retratos que o pintor fixo dos primeiros testamenteiros do padroado e de Vicente Vázquez Queipo, apoderado en Galicia da Fundación, que dirixiu nos primeiros anos e levou a bo fin os desexos do filántropo.
Outra imaxe moi coñecida do indiano é unha litografía realizada en 1892 polo recoñecido pintor e gravador Bartolomé Maura i Montaner.
Estas pinturas forman parte da magnífica colección artística da Fundación, agora custodiada no Museo que leva o nome do indiano para desfrute dos seus visitantes.
Un legado que perdura no tempo
Un legado que perdura no tempo

Fernando Blanco de Lema era fillo do cirurxián Juan Antonio Blanco. O sostemento e educación de Fernando estiveron sufragados polo seu padriño, o cura párroco de Mazaricos. Tras os acontecementos derivados da invasión dos exércitos napoleónicos, Fernando e os seus irmáns varóns foron acollidos por uns familiares que residían en Ferrol, que promoveron a súa emigración á illa de Cuba á idade de 13 anos. Fernando Manuel estivo máis de vinte anos traballando como dependente nun ultramarinos ata que se decantou polo negocio da ferraxaría, no que obtén importantes beneficios económicos. Alcanzou moita destreza no mundo das finanzas, pois foi socio en varias casas comerciais e accionista do Banco de España, Alianza, Santa Catalina e dos ferrocarrís da illa de Cuba. No único testamento válido, con data do 2 de abril de 1875, Fernando Blanco deixa a maior parte do seu capital para a creación dun colexio de primeiro e segundo ensino en Cee:
«No teniendo herederos forzosos y pudiendo por consiguiente disponer libremente de todos mis bienes, es mi última voluntad instituir fideicomisarios á Don Juan A. Baldonedo y Don Brígido Zavala ya nombrados albaceas para que con dichos bienes y sus productos funden en mi pueblo natal y casa en que nací un Colegio de primera y segunda enseñanza que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal, bien entendido que desde el momento que el Gobierno quisiera encautarse por cualquier evento o causa sea cual fuere de dicho Colegio faculto desde ahora a mis albaceas y fideicomisarios para que los empleen en otras obras benéficas y de caridad en mi pueblo, a cuyo fin les doy facultad amplia y bastante para que por sí o por medio de apoderados los realicen y empleen de la manera y en la forma que juzguen más conveniente conforme á mi voluntad de que ya tienen conocimiento; entendiéndose relevados de toda fianza o caución de que se crea ya el Gobierno ó cualquiera Corporación, Tribunal, Juzgado ó particular con derecho á exigirlas, pues de todo les relevo por la ilimitada confianza que se merecen».
Baixo ningún motivo ou eventualidade se debería incumprir a última vontade deste emblemático filántropo ceense «en bien de la humanidad y para que esta pueda disfrutarlo con la bendición de Dios para eterno descanso de mi alma». O certo é que houbo bastantes dificultades para a localización do edificio e cumprimento da vontade do testador, quen pretendía que o colexio se levantase sobre o soar ocupado pola súa casa natal, nun rectángulo de 6 metros de fronte por 8 metros de fondo.
Materialización da nobreza e xenerosidade de Fernando Blanco de Lema. Cee, 2010
Materialización da nobreza e xenerosidade de Fernando Blanco de Lema. Cee, 2010

Na súa propia loita pola supervivencia e seguridade económica na illa de Cuba, Fernando Blanco notou que a falta de instrución educativa e as dificultades para emprender calquera negocio próspero ían da man. O seu proxecto de creación dun colexio de primeiro e segundo ensino foi un signo de conciencia sobre os efectos derivados da ausencia da preparación para calquera persoa. A primeira noticia que a veciñanza de Cee tivo acerca das súas intencións de beneficiar a rapazada da comunidade foi a súa negativa a vender a súa casa natal, polos anteditos motivos de construción dun centro escolar. A pesar de que non retornou en vida a Galicia, nunca esqueceu as súas orixes e sempre axudou os conveciños que chegaban á Habana, desorientados e sen recursos para manterse mentres atopaban un traballo.
A imaxe dá conta da esplendorosa obra realizada grazas ao legado deste filántropo inesquecible para a comunidade ceense. Esta edificación albergou todo tipo de estudos para que o éxito dos seus alumnos e alumnas fose máis fácil.
A cerimonia da colocación da primeira pedra tivo lugar o 20 de xaneiro de 1881 e a conclusión das obras o 6 de maio de 1884. Este ultimo acontecemento non significou o comezo da actividade docente, que foi inaugurada o 2 de outubro de 1886 cun discurso pronunciado por Dionisio Barreda.
O edificio da antiga «Escuela de Niñas» de Cee: a instrución para as nenas
O edificio da antiga «Escuela de Niñas» de Cee: a instrución para as nenas

Fernando Blanco de Lema deixou especificado no seu testamento que no soar da casa familiar tiña que construírse un edificio que sería un centro de ensino primario e secundario para toda a rapazada da vila de Cee. As características físicas do espazo impediron que se cumprise este desexo e os testamenteiros, xunto coas autoridades municipais, decidiron mercar uns terreos noutro lugar da vila, ao pé do monte da Armada.
A idea do filántropo non foi esquecida e, a pesar das múltiples dificultades, o Padroado aprobou a construción nese lugar simbólico dunha escola de ensino primario. Deseñado polo arquitecto José M.ª Aguilar y Vela, en abril de 1882 comezou a construción deste magnífico edificio de dúas plantas.
O edificio axiña quedou pequeno e en 1913 tivo lugar unha ampliación. Na planta baixa había dúas aulas e no primeiro andar estaba a vivenda da mestra. Na zona posterior estaba o patio de recreo pechado cun muro de pedra e balaústres de ferro, que hoxe é un parque infantil para os pequenos da vila. Ata os anos 80 do pasado século funcionou como centro escolar, despois pasou a ser un centro de actividades culturais e na actualidade é a sede da Fundación Fernando Blanco de Lema e un museo.
Fernando Blanco de Lema: «El coloso de la beneficencia»
Fernando Blanco de Lema: «El coloso de la beneficencia»

Galicia. Revista Semanal Ilustrada foi fundada na Habana en 1902 e dirixida por Vicente López Veiga. Este artigo da citada publicación resalta a grande acción filantrópica de Fernando Blanco de Lema: «[G]igantesta labor de un hombre que aplica su capital en fomentar una de las obras de misericordia más admirables: la de enseñar al que no sabe».
Destaca a gratuidade do ensino no colexio-instituto e escolas de Santa María de Cee, sufragado ata onde chegase o capital destinado a este fin despois do falecemento do seu benfeitor. Ademais amosa a relación de apoderados, testamenteiros e fideicomisarios que se foron encargando de levar á práctica os desexos que deixou plasmados Fernando Blanco como testador: Antonio Vázquez Queipo, Juan Álvarez Baldonedo, Brígido Zavala, Anselmo Rodríguez Y Domínguez, Vicente Vázquez Queipo, Vicente Quiroga Vázquez, Anselmo Rodríguez Cadavid e Emilio Hermida Álvarez.
Profesoras e alumnas desenvolvendo o seu talento musical. Cee, 1910
Profesoras e alumnas desenvolvendo o seu talento musical. Cee, 1910

Dous anos despois da inauguración do centro educativo, comezaron a impartirse as clases de música, durante o curso 1888-1889, cunha hora e media de duración. Alumnos e alumnas recibían as clases en días alternos, para non coincidir. O primeiro curso contou con 30 discentes que aprendían solfexo, canto, piano e violín.
A aula de música contaba con abundantes e variados instrumentos de corda e vento e con tres pianos. A formación musical do alumnado faise notoria coa distribución de premios outorgados no centro. O profesorado tiña un alto nivel de preparación, como é o caso do profesor García Jiménez, quen participa na creación do Orfeón de Cee en 1892, constituído por 25 voces.
Clase de Educación Física, 1907
Clase de Educación Física, 1907

No curso 1892-1893 creouse a denominada Cátedra de Gimnástica Higiénica. O colexio recibiu o mellor material para a realización dos exercicios ximnásticos, servido dende a famosa casa construtora parisiense Mrs. Fretè et Cie.: «[U]n magnífico pórtico de dos plataformas, a cuyos extremos se adaptan la escalera inclinada ordinaria y ortopédica y del cual penden mástiles verticales, perchas oscilantes y anillas; trapecio, cuerdas con y sin nudos y con travesaños, escalas de cuerda y de Boisé-Rozé, etc.; en una preciosa barra fija, escalera horizontal, parelelas, trampolines, potro y juegos completos de pesas, de mazas y de barras terminadas por esferas».
Nesta imaxe aprécianse os rapaces cos paus e as bólas que se utilizan no xogo dos birlos, xunto cos instrutores a demais espectadores, incluída a mascota.
Sobre os beneficios da Fundación Fernando Blanco á vila de Cee. Memoria do curso 1893-1984
Sobre os beneficios da Fundación Fernando Blanco á vila de Cee. Memoria do curso 1893-1984

Presentamos esta Memoria escrita e lida por Enrique Ortiz de Lanzagorta y Garrido, profesor e secretario do colexio-instituto de primeiro e segundo ensino de Santa María de Cee. Nela aparece unha detallada información sobre o funcionamento e beneficios académicos obtidos durante o curso 1893-1894.
Tras indicar a importancia de Fernando Blanco na transformación de Cee como vila, ao contar cun colexio para nenos, nenas e adultos «montado a la altura de los mejores de Europa», destácase o importante papel desenvolvido polos testamenteiros-fideicomisarios e apoderados en España á hora de cumprir o encargo do filántropo ceense.
Tamén hai unha relación do persoal facultativo para o antedito curso, xunto coa titulación académica e rama de procedencia de cada un dos membros: director, vicedirector, secretario, profesorado de segundo ensino, especial, de música e de primeiro ensino. Os empregados e dependentes desta institución tamén se mencionan, como é o caso do director espiritual, capelán, médico, farmacéutico, administrador, escribente, telefonista, bedel, carpinteiro e xardineiro.
Constan, ademais, as materias impartidas para o ensino secundario, os estudos aplicados de comercio, clases de adorno (debuxo e música), primeiro ensino, relación do alumnado matriculado e cualificacións alcanzadas, sen esquecer o cadro de honra do correspondente curso.
A capela do colexio-instituto Fernando Blanco de Lema
A capela do colexio-instituto Fernando Blanco de Lema

A pesar dos escasos datos biográficos que temos deste filántropo, todas as fontes acreditan a súa profunda relixiosidade, moi común na época. Algúns dos seus biógrafos atribúen este feito á súa crianza baixo a protección do seu padriño, Fernando Blanco Giance, cura en Mazaricos. No deseño do conxunto arquitectónico do colexio-instituto aparecía a construción dunha capela para uso do alumnado e tamén para acoller os seus restos mortais.
O 19 de agosto de 1887 a capela foi inaugurada ao culto baixo a advocación de san Fernando, en clara homenaxe ao seu fundador. Esta capela foise embelecendo co paso dos anos con esculturas, pinturas e elementos votivos de gran valor artístico. O altar é de mármore branco e está presidido por unha estatua de Fernando III o Santo, xunto cun sagrario de gran suntuosidade e dúas pequenas figuras que representan a Xesús e á Virxe María.
Destacan os seis cadros de temática relixiosa de Francisco Díaz Carreño. O mobiliario, de excelente calidade, está composto por dous confesionarios, un púlpito e varios bancos reclinatorios, ademais dun órgano, mercado en París e que o mestre de música do centro tocaba nas celebracións. Contaba cunha magnífica colección de obras de ourivaría relixiosa: un ostensorio, cálices de prata..., mercados á recoñecida fábrica de Meneses. Nas súas paredes había frescos de gran calidade, obra de Eugenio Villar, e na bóveda unha Gloria celestial pintada por Luis Muriel, pero co paso do tempo perdéronse.
A capela está situada no medio dun magnífico xardín con especies traídas dende Cuba que achegan harmonía e beleza ao conxunto.
O eterno descanso na súa vila natal
O eterno descanso na súa vila natal

Aínda que o filántropo non manifestou o desexo de ser enterrado na súa vila natal, pouco despois da súa morte o concello de Cee, apoiado polos testamenteiros, comezou as xestións para o traslado das súas cinzas dende a Habana.
Os seus restos mortais chegaron a Cee o 3 de xaneiro de 1883 e foron colocados provisionalmente no presbiterio da igrexa parroquial. Toda a veciñanza acudiu á cerimonia de homenaxe e gratitude ao seu filántropo, tal como escribiu o cura: –«[...] en cuyo trayecto he tenido el placer de ver las muchas muestras de aprecio que los dignos habitantes de esta villa, así como también los de Corcubión, han querido tributar al que trabajó toda su vida por el bien de este pueblo, asistiendo después con todo fervor a la misa por su alma».
Para o seu repouso final foi construído este mausoleo en mármore branco e de grande elegancia, segundo lemos na Memoria do curso 1887-1888: «[H]a adquirido este Colegio una joya de incalculable riqueza con haber depositado en su capilla y en el sepulcro a este objeto destinado los restos mortales de su magnánimo fundador D. Fernando Blanco de Lema [...]. La traslación de estas reliquias de la iglesia parroquial [...] a la capilla del Colegio, tuvo lugar el día 7 del pasado abril [1888] en medio de la mayor pompa y solemnidad [...]».
O labor artístico do colexio-instituto Fernando Blanco
O labor artístico do colexio-instituto Fernando Blanco

Dende o comezo do labor docente do colexio Fernando Blanco prestouse especial atención ás artes de representación gráfica, como o debuxo e a pintura. No curso 1886-1887 matriculáronse 54 mulleres e 52 varóns, e unha gran cantidade de alumnos e alumnas recibiron premios polo seu talento artístico. Vemos as clases de Debuxo, para as que se utilizaba unha colección de cabaletes e caixóns-pedestais construídos nos talleres do centro. En 1893 o centro adquiriu unha colección de xesos, de estilos renacentista e gótico maioritariamente.
Outra colección que destacar é a de estatuas e figuras de cabezas e extremidades. Un manequín articulado tampouco podía faltar para o estudo da indumentaria. As ditas coleccións procedían de Madrid e estaban destinadas á clase de «Dibujo, Sección de Copia de yeso y pintura al óleo».
Escola de nenas. Cee, 1917
Escola de nenas. Cee, 1917

Nesta escola impartíanse aulas a párvulos ata os 7 anos e a nenas, de xeito exclusivo, ata os 14 anos. As xestións para a construción do edificio non estiveron exentas de polémica veciñal. O soar da casa natal de Fernando Blanco non era suficiente para levantar unha escola co seu xardín de recreo. Houbo que comprar varias propiedades lindeiras ata chegar aos 935 metros cadrados. A proximidade do cemiterio municipal era outro problema que tivo que resolverse co seu cambio de localización. O 30 de abril de 1882 tivo lugar a cerimonia de colocación da primeira pedra. Finalmente, en 1887 comezou o primeiro curso de ensino primario para os nenos e nenas máis pequenas da vila, con acceso a grandes coleccións de recursos didácticos innovadores e imprescindibles para un bo proceso de ensino-aprendizaxe, cumpríanse así sobradamente as esixencias lexislativas da época.
Alumnos do colexio-instituto Fernando Blanco. Cee, 1928
Alumnos do colexio-instituto Fernando Blanco. Cee, 1928

Este grupo de rapaces posa ante a cámara do renomeado fotógrafo Ramón Caamaño Bentín, nacido en Muxía en 1908. Foi un dos primeiros profesionais que retratou a paisaxe, habitantes, festas e tradicións da Costa da Morte. Considerado un dos mellores fotógrafos do ámbito rural galego, realizou fotografías de verdadeiro interese documental. Na imaxe percíbense as diferentes actitudes na postura dos rapaces, moitos co manual e a libreta escolar nas mans, coa esperanza posta na aprendizaxe e adquisición de coñecementos.
Ensino práctico e científico: o antigo laboratorio de química do colexio-instituto, 1917
Ensino práctico e científico: o antigo laboratorio de química do colexio-instituto, 1917

O proxecto educativo deste centro foi ideado para impartir dous ciclos de ensino. Para a ensinanza secundaria era obrigado crear cátedras científicas en materias de física e química e de historia natural, polo que axiña se construíron e dotaron varios laboratorios co material didáctico máis moderno traído de París ou A Habana en todas estas áreas de estudo. No curso 1890-1891 inauguráronse estes laboratorios, que contaban con profesorado de gran valía, entre o que destacaba o químico e farmacéutico José Casares Gil, quen foi mestre no colexio e chegou a deseñar o gabinete de física.
O gabinete de química estaba integrado por máis de 500 instrumentos de vidro e porcelana e unha boa colección de montaxes completas para a práctica experimental. A estes medios materiais debemos engadir os máis de 400 produtos orgánicos e inorgánicos para as prácticas básicas. Actualmente na exposición permanente do Museo pódese admirar unha pequena mostra destes materiais, na que sobresaen unha colección de frascos en azul e branco con etiquetas vitrificadas e algúns instrumentos que se usaban para as operacións cirúrxicas.
Ademais existían outros gabinetes de agricultura, de física (óptica e acústica, electricidade, pneumática e mecánica) e de historia natural (mineraloxía, paleontoloxía, botánica e zooloxía).
Homenaxe dos emigrantes da Costa da Morte á filantropía de Fernando Blanco de Lema
Homenaxe dos emigrantes da Costa da Morte á filantropía de Fernando Blanco de Lema

Na fotografía pódese ver a primeira portada (que se repetiría en moitos números da publicación) da revista Alborada, voceiro oficial da asociación de emigrantes Hijos del Partido Judicial de Corcubión, fundada en Bos Aires no ano 1922. Nesta simbólica imaxe os emigrantes elixen varias iconas da vida da súa comarca. Amosa o mar e a terra (a pesca, a agricultura e a gandaría, sectores económicos principais da contorna) e o faro de Fisterra, que ilumina e acubilla os seus habitantes; en primeiro termo e como símbolo da cultura e do progreso da bisbarra aparece o edificio emblemático do legado de Fernando Blanco de Lema, o colexio-instituto que leva o seu nome.
No cuño doutra sociedade de emigrantes do partido xudicial, creada na Habana en 1927 co mesmo nome, aparecen os retratos dos dous filántropos máis recoñecidos da contorna: o ceense Fernando Blanco de Lema e o corcubionés José Carrera y Fábregas (que fixo fortuna na Arxentina). Ambos os dous deixaron no seu testamento cuantiosos legados para promover a instrución e a cultura nas súas vilas natais. Para as persoas emigrantes desta terra foron un espello en que mirarse e sentíanse orgullosas deles e agradecidas.
Sempre no recordo: o monumento conmemorativo da vila de Cee ao seu fillo predilecto
Sempre no recordo: o monumento conmemorativo da vila de Cee ao seu fillo predilecto

No imaxinario colectivo da vila de Cee está presente a gratitude cara a este indiano. Grazas á súa cuantiosa doazón a prol da educación e a cultura, esta comarca galega presenta unha porcentaxe moi alta de alfabetización e de formación académica entre os seus habitantes.
En 1973 o Concello encárgalle ao escultor Andrés Barbazán Ferreira un monumento para homenaxear a súa figura e difundila entre as novas xeracións. Os e as veciñas de Cee expresan así o seu agradecemento, tal como se pode ler nunha placa ao pé da estatua: «A Don Fernando. Promotor de la enseñanza. Eterna gratitud. Octubre 1973». A estatua, de corpo enteiro, é de bronce fundido e domina todo o conxunto conmemorativo, que está formado por un pedestal con forma de prisma cuadrangular inserido nun cono invertido, cun amplo baseamento sobre o que van colocadas dúas parellas de figuras alegóricas da infancia e da educación. Instalouse diante da escalinata de entrada ao colexio-instituto. Neses anos a xestión do centro fora traspasada ao Ministerio de Educación e funcionaba como instituto de formación profesional. Ademais desa homenaxe, unha das principais rúas da vila pasou a ter o nome deste indiano exemplar.
Interior do colexio-instituto: a arte como elemento educador
Interior do colexio-instituto: a arte como elemento educador

O ideal educativo da Fundación non se limitaba ao tradicional labor docente. Buscaba non só formar ao alumnado con materias e coñecementos humanísticos ou científicos senón que debía fomentarse un desenvolvemento integral do ser humano, e para iso era necesario cultivar o gusto pola arte e a beleza. A arquitectura dos edificios escolares e todas as adquisicións de obras de arte e elementos decorativos, dende pinturas a gravados, mobiliario etc., tiñan que servir para a finalidade de formar a veciñanza e que gozase da arte na súa vida cotiá. Consérvanse numerosas pinturas e debuxos, obra dos mestres de artes plásticas do colexio así como dos alumnos e alumnas máis destacadas.
En 1903 a Fundación mercou dúas estatuas de xeso para embelecer a escaleira principal de acceso á primeira planta do colexio: unha é unha copia do Sátiro en reposo de Praxíteles; a outra é unha obra orixinal do escultor José Álvarez Cubero, coñecido como o «Canova español», que representa a Ganímedes e que fora premiada en varios certames europeos. Ambas as dúas están flanqueadas por bustos que nos evocan a cultura clásica. No descanso da escaleira, de granito gris, pódese ver unha placa conmemorativa que lembra a figura do filántropo a todo o alumnado e visitantes.
Sala do Museo Fernando Blanco de Lema: salvagarda e difusión do seu patrimonio
Sala do Museo Fernando Blanco de Lema: salvagarda e difusión do seu patrimonio

O edificio da antiga escola de nenas foi rehabilitado en 2001 polo Concello e a Deputación da Coruña e pasou a ser a sede da Fundación e museo que leva o seu nome. No museo, ademais da salvagarda do rico patrimonio artístico e mobiliario que se conservaba, realízase un destacado labor de difusión do legado de Fernando Blanco de Lema. Está aberto ao público e conta con visitas guiadas para grupos de escolares e de todos os interesados.
Seguindo a tradición, a Fundación organiza anualmente concursos (literarios e de debuxo) para os alumnos dos centros educativos da comarca. Dende 2011 concede bolsas aos mellores expedientes académicos do IES Fernando Blanco. Cada ano, arredor da celebración das festas patronais, ten lugar un programa educativo-cultural chamado «O Mes da Fundación», no que hai actividades para gozo de toda a veciñanza como contacontos, concertos de música, obradoiros, ciclos teatrais e de conferencias..., que teñen unha grande acollida de público.
Na planta baixa do Museo pódese admirar nas distintas vitrinas estas magníficas obras artísticas: elementos votivos que antes estaban na capela do instituto e fermosos obxectos como lámpadas ou reloxos de excelente manufactura. Na parede están colgados estes cinco cadros, do pintor romántico Federico de Madrazo. Son os retratos de Fernando Blanco de Lema, custodiado polos seus catro testamenteiros, Juan Álvarez Baldonedo (1875-1879), Brígido Zavala (1875-1883), Antonio Vázquez Queipo (1880-1900) e Anselmo Rodríguez y Domínguez (1883-1900).
Maqueta do corpo humano, un recurso máis para o coñecemento científico do alumnado. Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema, Cee
Maqueta do corpo humano, un recurso máis para o coñecemento científico do alumnado. Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema, Cee

O colexio Fernando Blanco foi dotado cos mellores e máis innovadores recursos pedagóxicos. Inxentes cantidades de capital foron destinadas á compra de material didáctico e mobiliario para dotar o centro: mesas de debuxo, libros de texto, pupitres, maquetas variadas, aparatos de laboratorio para os Gabinetes de Física e Química, material orgánico e inorgánico, exemplares para o Gabinete de Historia Natural, instrumentos e reducidas máquinas para o Gabinete de Agricultura.
Nesta imaxe atopámonos con material pedagóxico destinado para as clases de Organografía e Fisioloxía Humana. Trátase do modelo anatómico coñecido como home clástico do Dr. Louis Auzoux. Os primeiros modelos que chegaron a España recibíronos a Facultade de Medicina de Madrid en 1873 e a de Santiago de Compostela en 1874. Os institutos españois comezaron a súa incorporación para as clases de Fisioloxía e Hixiene a partir de 1868, a través da firma francesa de material científico de Émile Deyrolle.
Celebración do bicentenario do nacemento de Fernando Blanco de Lema
Celebración do bicentenario do nacemento de Fernando Blanco de Lema

En 1996, con motivo do bicentenario do nacemento deste filántropo, organizáronse numerosas actividades para enxalzar a súa figura e difundir a súa memoria. Unha delas foi a publicación por parte da Xunta de Galicia deste libro no que diversos especialistas no tema dan conta da pegada da súa filantropía no eido educativo da comarca e da riqueza do seu patrimonio. Tamén se inaugurou unha exposición, xerme do actual Museo, con fondos artísticos da Fundación.
Nun acto moi emotivo colocouse unha placa conmemorativa na fachada do colexio-instituto e o cronista oficial da vila, Baldomero Cores, impartiu unha conferencia na que glosou a traxectoria do indiano «escultor da súa vida e posuidor dun soño de ouro, esencial con tempo para o debullar da mentalidade deste pobo da Costa da Morte», segundo as súas palabras. Nas seguintes xornadas houbo un ciclo de conferencias e representacións teatrais, seguindo a tradición das actividades culturais que ao longo do século XX levou a cabo a Fundación.
O recordo a figura de Fernando Blanco de Lema sempre está presente nos seus conveciños. Hoxe, calquera persoa que acceda á páxina web oficial do Concello pode visualizar un pequeno vídeo en que se evoca o indiano e a súa acción a prol do avance social e económico de Cee.
Galegos en Tampa, capital mundial do tabaco habano, 1907
Galegos en Tampa, capital mundial do tabaco habano, 1907

Nos anos finais do século XIX constátase unha forte reemigración desde Cuba con destino a Tampa, onde comezaba a crearse unha industria tabaqueira, que en 1890 contaba con catro fábricas. Nesta área, concretamente en Ybor City, levantouse o imperio da industria do tabaco, liderado por varios membros da colectividade española, como Vicente Martínez Ybor ou Ignacio Haya. Entre eles había tamén algún galego, como Peregrino Rey (Cuesta-Rey & Co), nacido en 1863. O groso dos emigrantes naturais de Galicia participaría nesta industria como «escogedores», «torcedores» ou «enrolladores» dos cigarros e puros máis famosos do mundo, pero non todos os emigrantes se ocupaban neste sector de produción. Moitos tiñan outra actividade económica pois eran comerciantes, carpinteiros, hostaleiros etc. A súa procedencia era variada: Lugo, Ribadeo, Viveiro, San Miguel de Reinante, A Fonsagrada, Reigosa, Vilanova, Mondoñedo, Chantada, A Baña, Santa Comba, A Coruña, Ferrol, Ortigueira, Mugardos, Padrón, Ourense ou Pontevedra.
O conflito pola independencia cubana trasladouse a Florida, onde estes emigrantes eran acotío recriminados violentamente polos habitantes tampeños e de Cayo Hueso, onde tamén había manufacturas tabaqueiras. Así, froito dunha necesidade de protección, naceu a iniciativa de crear o Centro Español de Tampa (1891), do que numerosos galegos eran socios.
Nesta imaxe aparece un grupo emigrantes bañenses que residían en Tampa e axudaron a construír o novo cemiterio da parroquia de San Vicente da Baña.
O traballo no mar e nos portos, nicho laboral dos emigrantes  galegos en Nova York, <cite>ca.</cite> 1920
O traballo no mar e nos portos, nicho laboral dos emigrantes galegos en Nova York, ca. 1920

Varios informes da década de 1910 publicados polo Consejo Superior de Emigración falan da presenza destacada de galegos na costa leste dos Estados Unidos: «[H]ay gran número de españoles empleados como marineros, fogoneros, paleros y engrasadores en los buques de la marina mercante americana y dragas y buques del gobierno; en su mayoría de las provincias de Galicia, Santander y Vizcaya». Debido ás duras condicións laborais, moitas veces estes traballos eran un primeiro paso para optar a outras colocacións nunhas cidades en pleno desenvolvemento. Este fluxo migratorio vaise incrementando a través das cadeas migratorias que se establecían con familiares e veciños.
Na fotografía podemos ver a tripulación do barco General R. T. Frank. O primeiro da esquerda, sentado na segunda fila e con camisa branca, é Manuel Sánchez, emigrante coruñés. Marcha a Nova York moi novo, con apenas 16 anos, e alí traballou como axudante de fogueiro en varios barcos. Este buque, dos chamados mine planter, dedicábase á recollida de minas durante a I Guerra Mundial pola costa leste do país. Era un traballo duro e perigoso. Manuel retornou a Galicia en 1920, pouco despois da toma desta fotografía, e grazas aos seus coñecementos de inglés empregouse como conserxe no Banco Pastor.
Un ourensán en Nova York, ca. 1920
Un ourensán en Nova York, ca. 1920

Pedro V. E. naceu no concello ourensán de Bande, concretamente na parroquia de San Xoán de Garabelos. Na primeira década do século XX emigrou á Arxentina e á illa de Cuba, e despois a Nova York, onde residiu durante 10 anos e traballou na construción de camiños de ferro, rúas e grandes avenidas.
Esta imaxe amosa unha postura e vestimenta propias de dous emigrantes de éxito na súa aventura migratoria transatlántica, ataviados de gala con garabata e chaleco. Aínda que non podemos afirmar a citada condición con seguridade, o que si aconteceu foi o retorno de Pedro a Galicia nos anos 30.
Permiso de entrada nos Estados Unidos, 1933
Permiso de entrada nos Estados Unidos, 1933

O mariñeiro galego José P., casado e natural de Cambre, realizou un reingreso nos Estados Unidos no ano 1933, de conformidade coas disposicións da Lei de inmigración de 1924. Estivo residindo en Nova York durante 12 anos pero cunha interrupción temporal. Este documento —expedido polo Departamento de Traballo, Inmigración e Naturalización do Goberno dos Estados Unidos— tiña unha vixencia dun ano. Nel recollíanse as principais características físicas do inmigrante: a súa idade, estatura, cor de pel, peso, complexión, cor de ollos e de pelo e a existencia de cicatrices e outras lesións significativas na cara e no corpo.
Estatutos da sociedade de emigrantes sadenses en Nova York, 1918
Estatutos da sociedade de emigrantes sadenses en Nova York, 1918

Sada foi un dos concellos da costa coruñesa con maior taxa de emigración cara aos Estados Unidos, «o país das oportunidades». O labor de difusión das cadeas migratorias levou a que centos de sadenses elixisen a área de Nova York como lugar para emigrar e non os países con maior tradición migratoria como A Arxentina ou Cuba. Unha vez instalados, estes homes e mulleres non esqueceron a súa terra natal e, coma nos países citados, uníronse para defender os seus dereitos e manter a súa identidade cultural.
O 19 de maio de 1913 é a data de fundación da Sociedad de Instrucción y Apoyo Sada y sus contornos, creada coa finalidade principal de construír un centro educativo laico na súa terra natal. En 1920 comezan as xestións para a construción do edificio escolar, das que se ocupou unha delegación da sociedade en Sada. Ao longo dos anos, a asociación neoiorquina organizou numerosas actividades e festas co fin de recadar fondos para a construción do colexio e a dotación de mobiliario e material educativo. Finalmente, o 4 de setembro de 1927 inaugúrase este magnífico edificio de ensino primario que leva, dende aquela, o nome dos seus promotores. Para coñecer máis datos pódese consultar na nosa web a ficha de Escolas Sada y sus contornos. Grazas á xenerosidade e altruísmo dos emigrantes sadenses a prol das e dos seus veciños podemos admirar este centro educativo, que continúa a funcionar como tal na actualidade.
Celebración do X aniversario fundacional da Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York, 28 de outubro de 1950
Celebración do X aniversario fundacional da Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York, 28 de outubro de 1950

A comezos de 1940 varias das asociacións de emigrantes galegos en Nova York desapareceran ou estaban en declive. O antigo Centro Galicia fora absorbido pola Sociedad de Beneficencia Española, e o Frente Popular Antifascista Gallego (FPAG) –que tivo un papel destacado na defensa da República española durante a Guerra Civil, a través de numerosos envíos de axuda ao bando republicano e da realización de importantes campañas a prol da causa republicana– co final da Guerra Civil perdera o seu papel no seo da colectividade. A figura de Castelao foi clave na idea de crear unha nova asociación étnica que integrase a todos os e as galegas que residían na cidade. En setembro dese ano, pouco despois da marcha do líder galeguista, un grupo de galegos, moitos deles exiliados políticos, entre os que podemos citar a Emilio González, Amado Rincón, Ramón Rodríguez, José Zapata, Dolores López ou Reynaldo Mariña, reúnense para crear a Casa de Galicia, denominación que cambia por mor das autoridades americanas e aparece inscrita como Unity Gallega of the United States.
Unha das súas principais actividades é a celebración do seu aniversario fundacional. Como vemos na imaxe, nesta festa participaban todos os seus socios e socias, directivos doutras institucións étnicas e autoridades da cidade; no acto desfrutaban dun gran banquete presidido polo retrato de Castelao coas bandeiras da República española e dos Estados Unidos.
Galicia Sporting Club, Nova York, 1926
Galicia Sporting Club, Nova York, 1926

Este equipo deportivo formado, na súa maioría, por xogadores galegos radicados en Nova York era moi popular. Foron campións da Liga Hispano-Americana de Nova York e conquistaron a copa Ever-Last en 1926. Neste último torneo interviñeron 65 clubs e era un dos máis prezados que se disputaban na metrópole neoiorquina. O «Galicia», como era coñecido entre a colectividade, acadou gran relevancia entre a numerosa cantidade de participantes. Na imaxe poden observarse os membros do equipo galego posando cos trofeos conseguidos.
<i>Plantel</i> Rosalía de Castro, Nova York, 1946
Plantel Rosalía de Castro, Nova York, 1946

A Sección de Instrucción y Cultura da Casa de Galicia de Unidad Gallega tiña unha intensa actividade cultural, que favorecía a formación educativa dos membros da colectividade galega residentes en Nova York. Entre os numerosos conferenciantes invitados ás charlas organizadas pola dita sección figuran intelectuais como Emilio González López, Federico de Onís, Pedro Dacal ou Leocadio Lobo. As veladas teatrais desta sociedade eran moi coñecidas entre os membros da colectividade. A entidade sempre amosou a súa pretensión de crear un verdadeiro centro cultural de referencia para a comunidade galega e hispana en xeral.
Os membros das distintas directivas que, ao longo do tempo, foron pasando pola Casa de Galicia de Unidad Gallega coincidiron sempre na seguinte afirmación, recollida da memoria conmemorativa do 25 aniversario da entidade: « [L]os emigrantes se reconocen como miembros de una comunidad histórica, cultural y económica, y deciden unirse para defenderse y defender su personalidad en el medio ajeno que les ha tocado vivir», con capacidade para «influir directamente en la evolución de Galicia hacia una meta de prosperidad económica, plenitud social y madurez cultural».
O Coro Airiños de Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York, abril de 1962
O Coro Airiños de Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York, abril de 1962

En 1945 esta entidade, acubillo de todos os galegos emigrantes de Nova York e Nova Jersey, organiza unha agrupación de gaitas e canto para manter viva a identidade cultural e musical no seo da colectividade. Baixo a dirección do mestre Joaquín Alcalá, actúa nas festas e reunións da colectividade e axiña se converte nun dos seus sinais de identidade.
Pero a comezos dos anos 60 o grupo parecía esmorecer e por iniciativa expresa do presidente, Antonio Álvarez, foi reorganizado baixo a dirección do músico Eugenio Lestón. O grupo folclórico da Casa de Galicia pasa a chamarse Coro Airiños. Na imaxe vemos o seu debut nesta nova etapa nas instalacións da Casa de Galicia en abril de 1962. No centro aparece o seu director e os seus compoñentes vestidos co traxe tradicional galego que os identifica e coa bandeira galega cos catro escudos das catro provincias. Interpretaban cancións tradicionais da música galega, na que destacaba o son da gaita dos irmáns Vega, sen esquecer o folclore español, como pasodobres ou xotas. Ademais de actuar nas festas da entidade para conmemorar o Día da Patria Galega, o Día de Galicia, a festividade do Nadal... ou o Día de Acción de Gracias, tamén daban concertos na estación de radio WNYC e no programa La Voz de América, que escoitaba a maioría da colectividade emigrada.
«Reinado de la Simpatía» Nova York,  1946
«Reinado de la Simpatía» Nova York, 1946

No ano 1924 o xornal New York Times describía nunha das súas columnas varias características da colectividade española residente na cidade, destacando o papel das distintas sociedades de emigrantes en función da súa procedencia e resaltando que cada grupo tiña o seu propio centro, onde se organizaban comidas tradicionais, bailes e representacións teatrais. Un dos eventos máis esperados polos socios e socias da Casa de Galicia de Unidad Gallega sempre foi a elección da Raíña das Flores e as súas damas de honor. As tres mozas elixidas representaban a «glorificación» da xuventude feminina na colonia galega residente en Nova York.
Esta imaxe representa o que sería a coroación da Raíña da Simpatía, certame que adoitaba realizarse no mes de maio. Tratábase dun dos acontecementos sociais máis importantes do ano. Nesta imaxe atopamos a rapaza elixida, Olga Álvarez, coas nenas Moscoso e Anduriña Casar. Curiosamente, esta fotografía está dedicada á filla de Xesús Canabal.
Primeira sede da Casa de Galicia de Unidad Gallega, Nova York, 1942
Primeira sede da Casa de Galicia de Unidad Gallega, Nova York, 1942

A Casa de Galicia de Unidad Gallega non só é unha sociedade máis de emigrantes galegos en Nova York, con finalidades e actividades comúns ás súas homólogas no continente, senón que tamén destacou polo seu dinamismo á hora de enviar divisas para disipar o grande impacto da crise económica que reinaba en Galicia durante a posguerra e ofrecer apoio aos exiliados galegos que chegaban a Estados Unidos.
Os seus socios atenderon aquelas causas máis urxentes, como é o caso da construción de centros educativos, asilos, orfanatos etc. Entre as numerosas iniciativas podemos destacar a dos fondos destinados á Cociña Económica da Coruña e ao Sanatorio Marítimo de Oza, onde recibiron asistencia médica nenas e nenos incapacitados de toda España.
O primeiro edificio social da Casa de Galicia de Unidad Gallega foi inaugurado no mes de maio de 1942, en busca da representación da colectividade galega tanto na cidade de Nova York como no resto do país. Non exenta de polémica e sobresaltos, a que os socios chamaban «noso fogar», estaba localizada en 113 oeste, rúa 59.
Mulleres galegas, as protagonistas das cacheladas da Casa de Galicia de Unidad Gallega, Nova York, 1966
Mulleres galegas, as protagonistas das cacheladas da Casa de Galicia de Unidad Gallega, Nova York, 1966

As famosas «cacheladas» —organizadas polo Comité de Damas da Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York— sempre formaron parte das actividades máis populares entre os socios e socias desta entidade. As filloas / freixós nunca faltaban nesta celebración. O seu fin non era puramente recreativo, senón que estaba enfocado á recadación de fondos co fin de levar a cabo os distintos proxectos para promover a defensa da cultura galega e axudar os máis necesitados.
Moitas das galegas pertencentes á primeira xeración de emigrantes estaban casadas e dedicábanse, maioritariamente, aos labores domésticos e ao coidado dos fillos. Pero non sempre se cumpría este patrón, pois en numerosas ocasións incorporábanse ao mercado laboral como traballadoras domésticas, costureiras ou, cando alcanzaban unha maior formación técnica, auxiliares administrativas.
En calquera xeito, a través desta imaxe queremos ilustrar o alto nivel de participación feminina dentro das sociedades constituídas pola colectividade galega radicada na Gran Mazá. Lideraban a organización de actividades de divertimento, a conservación das tradicións gastronómicas galegas e a recadación de fondos económicos para atender as necesidades daqueles que quedaron en Galicia.
Desfile do Día da Hispanidade polas rúas de Nova York, 12 de outubro de 1958
Desfile do Día da Hispanidade polas rúas de Nova York, 12 de outubro de 1958

Os socios e socias da Casa de Galicia de Unidad Gallega participan todos os anos na celebración do Día da Hispanidade, en conmemoración do descubrimento de América. Representan a todos os emigrantes galegos e van vestidos cos seus traxes tradicionais con grupos de bailaríns, gaitas e números da rondalla. Segundo as páxinas do Libro-Memoria que a Casa de Galicia publica anualmente para informar das súas actividades, este desfile sempre ten un grande éxito: «[E]s uno de los grupos que más llamó la atención en el desfile, dándole colorido y alegría, conquistando los aplausos del público». Reivindícase así a identidade cultural propia nunha sociedade tan diversa etnicamente e que avoga pola aculturación.
Nesta fotografía os e as socias desfilan baixo a chuvia cunha pancarta co nome de Galicia en primeiro termo, amosando o orgullo pola súa patria natal. Os emigrantes están cun pé aquí e outro aló, estrañando a súa terra natal idealizada e facendo todo o posible por integrarse nunha sociedade allea aos seus costumes, a súa lingua, a súa comida, a súa memoria e identidade...
Homenaxe a Castelao no seu cabodano, 7 de xaneiro de 1965
Homenaxe a Castelao no seu cabodano, 7 de xaneiro de 1965

En 1946 nunha segunda viaxe que Castelao realizou a Nova York foi nomeado «Primer socio de honor» da Casa de Galicia de Unidad Gallega. A súa figura xa estaba consolidada na colectividade galega alén mar como o guieiro do galeguismo e da defensa dos intereses de Galicia ante o Goberno republicano no exilio, sen esquecer a súa valía como artista e escritor. Era todo un símbolo para os galegos e galegas que vivían fóra das nosas fronteiras.
A súa morte foi un episodio moi emotivo e triste para todos e todas as galegas espalladas polo mundo. A Casa de Galicia, que consideraba a Castelao como un dos seus principais promotores e valedor das súas ideas, celebra dende 1951 un acto na súa honra e memoria. Nesta imaxe de 1965 vemos a Emilio González López impartindo unha conferencia sobre a cultura galega na que fixo unha loa da súa figura.
Emilio González López (A Coruña 1903 - Nova York 1991) foi un dos intelectuais galegos exiliados máis destacados nos Estados Unidos. Foi profesor de Lingua e Literatura Españolas no Hunter College da City University of New York. Alí asumiu a xefatura do Departamento de Linguas Romances e desenvolveu un destacado labor docente e investigador sobre a historia e literatura galegas. Moi vinculado coa colectividade galega alén mar, participaba nas actividades da Casa de Galicia como membro da Sección de Cultura, impartía conferencias e colaboraba con numerosos artigos na súa revista.
Felicitación de Nadal de Juventud de Cecebre aos galegos de Nova York, 1965
Felicitación de Nadal de Juventud de Cecebre aos galegos de Nova York, 1965

Cambre e os concellos limítrofes de Sada, Oleiros e Bergondo da costa coruñesa foron focos salientables da emigración galega cara aos Estados Unidos; de aí pódese explicar a chegada dun importante número de veciños da parroquia de Cecebre á cidade dos rañaceos.
Nesta felicitación o grupo escolar Juventud de Cecebre deixa constancia do seu agradecemento pola axuda e colaboración dos socios e socias da Casa de Galicia de Unidad Gallega para o mantemento do seu colexio fundado polos emigrantes da súa parroquia en Nova York.
En 1918, un grupo de mozos naturais desta parroquia, liderados por José García Gómez e José Barral Méndez, fundaron unha sociedade recreativa co nome de La Juventud de Cecebre. A súa finalidade era construír un edificio social recreativo con biblioteca e sala de primeiros auxilios. Aos poucos meses, piden axuda económica aos veciños que estaban emigrados en Nova York. Como resposta a esta petición creouse o 1 de xaneiro de 1919 en Nova York a Sociedad de Instrucción y Recreo La Juventud de Cecebre, co obxectivo de recadar fondos para construír un edificio social na súa terra natal, no que funcionase unha escola de ensino primario para todos os nenos e nenas da bisbarra.
O 8 de outubro de 1922 inaugúrase o edificio social, pero non será ata 1929 cando comecen as aulas na escola de carácter mixto, situada nas dependencias do primeiro andar.
El Miño, Bar & Restaurant, «donde mejor se come y más cumplidamente se atiende a los clientes», Nova York, 1941
El Miño, Bar & Restaurant, «donde mejor se come y más cumplidamente se atiende a los clientes», Nova York, 1941

Os nichos de mercado nos que a maioría dos galegos buscaban unha oportunidade laboral non só dependían das súas habilidades como traballadores, senón tamén da oferta existente segundo a zona onde residían. Ao longo do tempo algunhas ocupacións dos emigrantes sufriron pequenas variacións pero, na súa maioría, estes evolucionaron manténdose dentro dos mesmos sectores. Temos algúns exemplos como a industria tabaqueira, mariña mercante, navieiras estadounidenses e actividades portuarias, hostalaría, construción ou comercio.
Os negocios dos emigrantes galegos fóronse ampliando co paso do tempo nos distintos sectores de actividade, de maneira que as súas pequenas e medianas empresas se volveron máis competitivas. Algunhas delas tamén contaron co apoio das segundas xeracións, que recibiron unha formación académica e profesional no propio sistema educativo norteamericano.
Este anuncio publicitario cobra transcendencia cando coñecemos o nome comercial do establecemento, que fai referencia a Galicia como identificador do negocio do galego Jesús Varela, reforzando así unha marca de identidade e conciencia de orixe. A pegada de Galicia, pouco a pouco, fíxose notar na Gran Mazá, e a mobilidade laboral e social dos emigrantes galegos, donos do seu negocio, foi quedando reflectida en distintos puntos da cidade.
Traballadores galegos na construción, Edison Portland Cement Co., Nova York, 1910
Traballadores galegos na construción, Edison Portland Cement Co., Nova York, 1910

Thomas A. Edison foi unha peza clave na transformación das concepcións da enxeñaría e mecánica da construción civil, e un dos inventores máis importantes e prolíficos dos Estados Unidos. En 1908 inventou as casas prefabricadas e mellorou o cemento, promovendo o seu uso. En 1899 fundou a coñecida como Edison Portland Cement Company. Nesta empresa participou un grupo de emigrantes galegos, tal como ilustra a imaxe, que dá conta dos seus inicios como traballadores no sector da construción. Descoñecemos se estes obreiros participaron nas campañas de sindicalización, tal como facían os inmigrantes mexicanos que traballaban en Chicago na industria do xeo.
Anuncio na prensa dun negocio de emigrantes galegos no distrito de Nova Jersey, <cite>ca.</cite>1990
Anuncio na prensa dun negocio de emigrantes galegos no distrito de Nova Jersey, ca.1990

Na primeira metade do século XX os galegos dedicábanse basicamente a actividades propias do sector servizos, en labores nos barcos e portos ou na construción, tanto de obras públicas (estradas, aeroportos, edificios públicos...), nun momento de crecemento das cidades americanas, como de edificación de casas de particulares e mantemento. Outras vías laborais estiveron na hostalaría (camareiros, cociñeiros, lavalouzas...), nas fábricas e industrias como obreiros de baixa cualificación, no ramo do tabaco...; en definitiva, nos sectores económicos de máis baixa cualificación. As mulleres emigrantes centráronse no servizo doméstico, no sector téxtil ou como limpadoras nos hospitais ou edificios públicos. Na segunda metade do século percíbese unha maior presenza de técnicos profesionais e industriais. Este cambio dáse tanto pola iniciativa e maior formación dos e das emigrantes como pola integración e maior nivel educativo das segundas xeracións. Os fillos e fillas de emigrantes, nacidos no país e con plenos dereitos, séntense americanos e optan aos mesmos estudos e profesións que os seus compatriotas.
A construción foi unha das principais saídas laborais dos emigrantes galegos asentados en Newark e Nova York. É importante destacar como o traballo duro e a propia iniciativa converte moitos destes emigrantes de asalariados en propietarios de pequenos negocios, polo que as súas condicións económicas melloran e pasan a ser membros de pleno dereito da clase media americana.
A identidade propia dos galegos e galegas residentes en California
A identidade propia dos galegos e galegas residentes en California

California foi outro lugar de asentamento dos nosos emigrantes, sobre todo nas principais cidades, como Los Ángeles. Alí creouse nos anos 80 o Círculo Español de Orange County, unha asociación de emigrantes con finalidades recreativas e culturais. O 27 de outubro de 1989, moitos dos asociados de orixe galega xuntáronse na Peña Galicia para defenderen a súa propia identidade cultural, aínda que continuaron vinculados coa sociedade matriz. Nos seus estatutos aparecen ben especificados os seus obxectivos, que van dende promover e fomentar a amizade e convivencia dos galegos e as súas familias ata manter viva a súa identidade cultural mediante todos os medios ao seu alcance coa organización de actividades «típicas gallegas folclóricas, y recreativas con la participación de todos los socios».
Así, organizan bailes, comidas, ciclos de conferencias, concursos literarios sobre a cultura celta, cursos de baile e música galegos... para manter esa unión. Entre todas as actividades destaca a celebración do Día de Galicia. Nestas reunións ten moito éxito a actuación da súa banda de gaitas, Anduriña Xove, integrada polos socios e socias. Dende 1991 publica como voceiro societario –e con grande aceptación entre a colectividade emigrada– a revista Anduriña. Portavoz da Peña de Galicia del CEOC-California.
Sede social da Casa de Santa Marta de Ortigueira en Miami, <cite>ca.</cite> 2000
Sede social da Casa de Santa Marta de Ortigueira en Miami, ca. 2000

A maioría dos e das emigrantes galegas residentes no estado de Florida iniciaron o seu proceso migratorio na illa de Cuba. Tras o triunfo da revolución castrista, moitos cubanos e cubanas fuxiron de Cuba e asentáronse neste estado, nomeadamente en Miami. Entre esta numerosa colonia de exiliados había moitos galegos ou de orixe galega.
A Casa de Santa Marta de Ortigueira de Miami foi fundada o 30 de xaneiro de 1972 por un grupo de galegos ou descendentes deste concello coruñés liderados por Antonio Couzo García. Este emigrante fora un dos fundadores da sociedade habaneira Naturales de Ortigueira, creada en 1928 e que aínda hoxe continúa existindo. No seu exilio en Miami decide reproducir esta asociación e os seus valores no seu novo país de acollida. Este centro recreativo, cultural e de beneficencia para os e as asociados foi progresando cos anos e hoxe en día está considerado como a asociación étnica máis importante do sur do estado de Florida. Un dos seus logros máis salientables é a propiedade dunha sede social. Os asociados e as súas familias reúnense habitualmente neste edificio, situado no barrio de North River Drive. Dispón de amplas e modernas instalacións para a organización de eventos festivos, como banquetes e bailes sociais, romarías campestres..., onde se recrean as festas e comidas típicas galegas amenizadas polo seu grupo coral, Aires da Terra. É moi recoñecido o seu restaurante, no que se pode degustar cociña galega e cubana.
Portada do número 1 do xornal <cite>La Tierra Gallega</cite>, A Habana, 8 de abril de 1894
Portada do número 1 do xornal La Tierra Gallega, A Habana, 8 de abril de 1894

No último cuarto do século XIX, no artellamento do movemento asociativo das comunidades galegas alén mar teñen especial protagonismo varios intelectuais e xornalistas galegos emigrados a América que defenden o ideario rexionalista. Manuel Curros Enríquez chega á Habana en marzo de 1894 fuxindo da persecución política que estaba a vivir na Península polas súas ideas republicanas. Será en Cuba onde o seu pensamento irá evolucionando cara a un rexionalismo cultural, influído pola súa experiencia migratoria.
Este semanario foi fundado pouco despois da súa chegada co apoio doutros xornalistas e líderes étnicos residentes na illa, como Ramón Armada Teixeiro, Adelardo Novo, Manuel Lugrís Freire, Galo Salinas ou Nan de Allariz, entre outros. Na súa cabeceira e mais no subtítulo, “Semanario de intereses regionales”, aparecen reflectidas as intencións reivindicativas da cultura galega por parte de Curros e dos seus colaboradores, admiradores da obra rexionalista de Manuel Murguía e Alfredo Brañas. Nas súas páxinas atopamos achegas do seu pensamento político e unha extensa información da vida galega en Cuba e da Galicia peninsular. Destacan as colaboracións literarias e de carácter cultural de prestixiosos autores como Aureliano J. Pereira, Aurelio Ribalta, Federico Maciñeira… A lingua galega está representada pola poesía de Francisco Añón ou Rosalía de Castro.
Curros terá na Habana unha intensa vida pública e cultural e será un dos principais promotores da fundación da Real Academia Galega. As súas ideas contrarias á política cubana do momento provocaron o peche do xornal en 1896. Curros converteuse nun símbolo ideolóxico e cultural para a colectividade emigrada.
O «espíritu rexional» da Galicia emigrante e o himno galego
O «espíritu rexional» da Galicia emigrante e o himno galego

Os símbolos institucionais de Galicia foron oficializados definitivamente a través da Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia, aprobada polo Parlamento galego (DOG nº 120, 23/06/1984). Tal como consta no artigo 1, o himno —xunto coa bandeira e o escudo— simboliza a súa identidade como nacionalidade histórica.
A historia do himno galego non é tan recente como a promulgación da lei que o fixo oficial. En realidade, ten a súa orixe no certame musical organizado polo compositor Pascual Veiga Iglesias (Mondoñedo, 1842 – Madrid, 1906) e o seu Orfeón Coruñés Número 4, levado a cabo na cidade da Coruña en agosto de 1890. Na súa elaboración conxugáronse o poema titulado “Os pinos”, escrito por Eduardo Pondal y Abente (Ponteceso, 1835 – A Coruña, 1917), cunha composición musical do propio Veiga.
O himno galego constitúe un símbolo fortemente ligado ao fenómeno da emigración. A estrea tivo lugar no Gran Teatro da Habana o 20 de decembro de 1907, cando se celebraba unha homenaxe póstuma a Pascual Veiga, alma máter da súa melodía, co fin de recadar fondos para erixir un monumento no seu Mondoñedo natal. Os asistentes ao acto foron testemuñas da maxestade do himno. Podemos imaxinar esa prolongada ovación froito da emoción profunda sentida no gran salón, máis intensa aínda polo feito de ser escoitado tan lonxe da terra.
O 13 de decembro de 1908, o Centro Galego da Habana declarouno himno oficial para todos os actos organizados pola entidade. A partitura pronto chegou a Galicia e a peza musical foi tocada como pasodobre nas festas celebradas nos distintos lugares da xeografía galega. A súa reprodución estivo prohibida durante a ditadura de Primo de Rivera e no franquismo, pero a colectividade galega en América soubo mantelo vivo e difundiuno como elemento constituínte da súa identidade cultural.
Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (A Habana, 1905)
Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (A Habana, 1905)

Os galegos emigrados a América sempre foron conscientes das necesidades e aspiracións da súa terra. Tiveron unha participación moi activa no progreso e desenvolvemento das institucións culturais creadas en Galicia. A colectividade galega residente en Cuba e na Arxentina estivo á cabeza de movementos impulsores do rexurdir cultural e político, que serviron como elementos catalizadores do cambio no contexto social galego.
Unha das iniciativas máis importantes foi a creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, a cal aprobou o seu regulamento na Habana o 15 de xuño de 1905, asinado por Manuel Curros Enríquez (presidente) e Alfredo Nan de Allariz (secretario).
O emigrante ferrolán José María Benito Fontenla Leal (1864-1919) tamén tivo un papel decisivo na fundación da antedita asociación, cuxo obxectivo de creación foi o seguinte: «Constituir en el punto que mejor convenga de Galicia una Academia Gallega ajena á toda idea política y religiosa sin más carácter que el de dar unidad al idioma gallego por medio de la publicación de una Gramática y un Diccionario; estudiar nuestras ciencias; cultivar la literatura y las artes, inclusas las industriales; recoger nuestros cantos populares y nuestros monumentos arqueológicos, y realizando cuanto tienda á enaltecer y glorificar el buen nombre de Galicia».
Esta sociedade sería a xénese da futura Real Academia Galega (1906), da que Fontenla Leal tamén foi impulsor xunto a Murguía e Curros. Nesta imaxe aparece Fontenla Leal xunto ao historiador e literato coruñés Francisco Tettamancy Gastón.
<cite>A Nosa Terra: Idearium das Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal</cite>, 1916
A Nosa Terra: Idearium das Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal, 1916

As Irmandades da Fala foi unha organización de capital importancia na vida política, social e cultural de Galicia, coa que emerxeu o nacionalismo galego. Con ela asumiuse por primeira vez o monolingüismo en lingua galega. A primeira Irmandade da Fala aparece na Coruña o 18 de maio de 1916. Un dos seus fundadores foi o xornalista, escritor e político viveirés Antón Villar Ponte (1881-1936), quen desenvolveu a súa intensa actividade tanto en Cuba como en Galicia. Foi un dos creadores da conciencia social nacionalista, autor de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, obra publicada na Coruña no ano 1916.
O autor manifesta abertamente a súa reivindicación da lingua: «Sen a nosa lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal».
A actividade das Irmandades da Fala mantense entre 1916 e 1931, ano da creación do Partido Galeguista, formado por un grupo sólido de intelectuais moi influentes na cultura galega: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Viqueira, Alfonso D. Rodríguez Castelao ou Florencio López Cuevillas, entre outros. O forte e potente movemento literario fomentado polas Irmandades levou consigo o desenvolvemento dun proxecto pioneiro de planificación sociolingüística sobre o galego. Recibiu o apoio dos sectores galeguistas dentro da colectividade galega residente en América, sobre todo na Arxentina.
A Nosa Terra foi o primeiro voceiro publicado integramente en lingua galega e viu a luz o 14 de novembro de 1916 na Coruña. Tivo como directores a Antón Villar Ponte e Víctor Casas. Dentro do equipo de colaboradores estaban Ramón Cabanillas, Amado Carballo, Leandro Carré, Castelao, Álvaro Cebreiro, Ánxel Casal e Xoán Vicente Viqueira. A súa periodicidade vese afectada pola ditadura de Primo de Rivera e pasa a publicarse unha vez ao mes. No primeiro editorial maniféstase a idea dun «rexionalismo gallego, en gallego, como a nosa bandeira de redención […]. Non hai outro rexionalismo que o que se faga en gallego, e si este non xurde, non xurdirá Galicia».
A importante figura de Basilio Álvarez Rodríguez como impulsor de grandes cambios para Galicia
A importante figura de Basilio Álvarez Rodríguez como impulsor de grandes cambios para Galicia

O movemento agrarista en Galicia artéllase na última década do século XIX e nos primeiros anos do XX, co fin de eliminar os foros, modernizar o sector agrario e conseguir o melloramento das condicións de vida dos labregos e labregas galegas. A figura do sacerdote, xornalista e político Basilio Álvarez (Ourense, 1877 – Tampa, 1943) resulta clave para entender a historia do dito movemento. Este ourensán, o cura de Beiro, foi o máis famoso dos axitadores agraristas de Galicia. Foi promotor, líder e dirixente das organizacións agraristas máis importantes, como é o caso de Acción Gallega (1912) e da Confederación Rexional de Agricultores Galegos (1922).
Como moitos outros promotores do cambio social en Galicia, Basilio Álvarez acudiu á colectividade galega emigrada en busca de apoio económico para a súa campaña. En 1913 embarca cara á Cuba, onde fai amizade con Ramón Cabanillas e publica Abriendo el surco. Na Habana dará a coñecer os esquemas antiseñoriais do basilismo e o mesmo fará en terras arxentinas no ano 1915.
Dende América divulgouse a súa loita agraria e realizáronse varias subscricións co fin de recadar cartos para o mantemento da campaña basilista. Estas últimas eran organizadas polas sociedades étnicas radicadas, sobre todo, na Arxentina, en Cuba, no Uruguai e nos Estados Unidos.
A relación de Basilio Álvarez coa colectividade emigrante non rematou coa consecución dos obxectivos trazados para a súa campaña. En Galicia, tras os acontecementos políticos sucedidos que provocaron o estalido da Guerra Civil, Basilio teme pola súa vida e sae do país; instálase temporalmente en Bos Aires para trasladarse logo á illa de Cuba, onde sofre unha hemiplexía que o deixa paralítico. O Centro Galego encárgase do seu traslado a Nova York, pero finalmente a colectividade galega alí residente decide que o mellor é que reciba atención médica no sanatorio do Centro Español de Tampa, polo que en 1942 chega a Florida coa súa pequena familia. Alí sorprendeuno a morte o 15 de abril de 1943. O seu corpo foi envolto cunha bandeira republicana e enterrado no cemiterio do Centro Español.
Homenaxe de Eduardo Blanco-Amor a Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, 1929
Homenaxe de Eduardo Blanco-Amor a Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, 1929

Eduardo Blanco-Amor foi un dos galeguistas máis activos da emigración en espallar o ideario autonomista e de defensa da cultura galega. En Bos Aires destaca o seu labor xornalístico na prensa étnica, pois dirixiu en diferentes etapas o xornal El Despertar Gallego (1921), a revista Terra (1923), a revista Céltiga (1924), a revista Galicia, voceiro do Centro Galego de Bos Aires, ou o xornal Galicia da Federación de Sociedades Gallegas (FSG), entre outros. En 1926 comezou a colaborar no diario arxentino La Nación, de gran prestixio no país. En 1929 foi nomeado correspondente deste xornal en España, posto que exerceu ata 1931. Durante este período visitou Galicia en numerosas ocasións e coñece a Castelao e outros líderes nacionalistas; a través deles establece unha intensa relación co Partido Galeguista e co grupo Nós.
Na imaxe vemos a Blanco-Amor posando diante do mausoleo de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval. Este panteón fora financiado coas remesas da colonia galega de Cuba e da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Visita o lugar como homenaxe á poeta galega, un dos referentes culturais do pobo galego e símbolo da colectividade de alén mar. Grande orador, Blanco-Amor dará un mitin de propaganda galeguista diante da súa escultura erixida no parque da Alameda de Santiago.
<cite>Almanaque Gallego</cite>, Bos Aires (1898-1927)
Almanaque Gallego, Bos Aires (1898-1927)

Esta publicación bilingüe foi fundada e dirixida polo lugués residente en Bos Aires Manuel Castro López (1860-1927). O xornalista e escritor especialista en estudos históricos era de ideoloxía republicana e galeguista. Foi fundador da revista El Eco de Galicia e da publicación que ilustra esta imaxe, Almanaque Gallego. Deste último foron publicados trinta volumes en que se poden atopar as colaboracións literarias e artísticas de autores de mérito relevante como Manuel Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro, Eduardo Lence-Santar, Eugenio Carré Aldao, Benito Fernández Alonso, Jesús Rodríguez López, José María Cao, Francisco Asorey, Modesto Brocos ou José Seijo Rubio.
Recollemos os obxectivos que o propio Castro López expón no primeiro número do Almanaque Gallego: «Dar á conocer, en las repúblicas del Plata, á la pequeña patria, y en la pequeña patria, el saber, el ingenio y la honrosa acción de sus hijos residentes en estos países».
No seu número do ano 1923 publícase por primeira vez o único relato de Rosalía de Castro en lingua galega, titulado “Conto Gallego”. Sen dúbida, Almanaque Gallego constitúe unha obra de referencia importante que representa, en si mesma, un instrumento de enaltecemento da cultura galega desta e da outra beira do Atlántico.
A edición facsimilar do Almanaque Gallego foi posible grazas a un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Aquelas persoas interesadas na súa consulta poden ler e descargar os seus números neste enlace.
<cite>Suevia: Revista Gallega Regionalista</cite>
Suevia: Revista Gallega Regionalista

O primeiro número desta publicación saíu en Bos Aires no mes de xaneiro de 1913, e nel Joaquín Pesqueira consta como director e J. Pena Bustelo como administrador. Trátase dunha revista ilustrada de carácter rexionalista. Con certa frecuencia aparecen artigos referidos a temas políticos, abordados dende unha orientación galeguista e agrarista. Tamén comparte reflexións de varios autores sobre o fenómeno da emigración galega, ademais de ofrecer información sobre as actividades da colectividade galega en Bos Aires e o acontecido en Galicia.
O seu lema é: «Galleguismo, porque amamos a Galicia y anhelamos, antes que nada en la vida, su bien moral y material […]. Y quisieramos, aquí, donde tanto se comercia con conceptos patrioteros, hacer de nuestro galleguismo un dogma y lo haremos».
Contou coa colaboración literaria de escritores do talle de Antón Zapata García, Eduardo Vicenti, Francisco Camba, Ignacio Ares de Parga, Jesús Rey Alvite, Luis Porteiro Garea, Santiago Miguens Parrado, Federico Ribas Montenegro, Basilio Álvarez, Enrique Labarta Pose, Eugenio López Aydillo, Juan Rof Codina, Ramón Fernández Mato ou Roberto Blanco Torres.
Cabeceira da revista <cite>Nós</cite>, voceiro da sociedade Xuntanza Nazonalista d’Habana, 1921
Cabeceira da revista Nós, voceiro da sociedade Xuntanza Nazonalista d’Habana, 1921

A Xuntanza Nazonalista d’Habana foi creada o 20 de xuño de 1920 por Fuco Gómez, Andrés Rodríguez Orjales, Sinesio Fraga, Tomás Rodríguez Sabio e César Parapar Sueiras, entre outros, todos eles recoñecidos nacionalistas. Na súa declaración de intencións manifestan o obxectivo de seren un «catalizador» no proceso de galeguización das «numerosas sociedades feitas pol-os galegos do desterro, facendo que as que sosteñen escolas, den ós escolantes unha instrucción máis ampla e galeguista», para combater toda clase de prexuízos contra os galegos emigrados «por medio da súa Seución de Cultura e Fala, contestará […] todos cantos traballos sexan pubricados en xornaes e revistas onde se denigre o santo nome de Galicia e as virtudes dos galegos». O seu lema social foi «todo por Galicia e para Galicia». Axiña pasan a defender posturas máis arredistas e a reivindicar a autonomía plena para Galicia —chegan a predicar a independencia— e a instauración da lingua e da cultura galegas nas institucións; tamén avogan por realizar labores de propaganda e de acción política e incluso defenden un ideario feminista por entender que a muller en Galicia debe ter máis dereitos que os que as leis lles conceden.
Para difundir os seus ideais en 1921 publican a revista Nós como o seu órgano xornalístico. Escrita en galego, trátase dunha publicación política que informa das actividades do movemento nacionalista en Galicia e Cuba e fomenta as ideas galeguistas na illa. Tamén ten unha finalidade cultural, coa publicación de artigos sobre a literatura e a lingua galegas.
<cite>Acción Gallega: Publicación Oficial de Casa de Galicia</cite> de Bos Aires (1920-1925)
Acción Gallega: Publicación Oficial de Casa de Galicia de Bos Aires (1920-1925)

Acción Gallega foi a publicación oficial da Casa de Galicia de Bos Aires e estivo dirixida por Rodolfo Prada Chamocín (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980), figura histórica do galeguismo na emigración. O seu consello de redacción contou coa colaboración de Ignacio Ares de Parga, Xavier Ínsua e Eduardo Blanco-Amor, entre outros. Destaca a colaboración de importantes personaxes da emigración con numerosos artigos sobre literatura, economía, política e sociedade galegas, ademais de notas históricas e bibliográficas: Antonio R. de Fraga, Augusto Barcia, E. Correa Calderón, Francisco Lamas, Gerardo Álvarez Limeses, Joaquín Pesqueira, Joaquín R. Rodríguez, José Ramón Lence, Julio Carballo, Manuel del Río Candamo, Miguel Revestido, Tirso Lorenzo, Xaquín Bacelo, Antonio Noriega Varela, Eladio Rodríguez González, Fortunato Cruces, Manuel Castro López, Ramón Cabanillas, Ramón María del Valle-Inclán, Roberto Blanco Torres ou Xavier Bóveda.
Temos aquí o seu primeiro número e facilitamos a ligazón onde se poden consultar os corenta e cinco números dixitalizados, que forman parte do Repertorio da prensa da emigración galega , publicado polo Arquivo da Emigración Galega.
<cite>El Despertar Gallego</cite>, Bos Aires (1922-1930)
El Despertar Gallego, Bos Aires (1922-1930)

El Despertar Gallego forma parte da prensa étnica publicada pola colectividade galega radicada na Arxentina. Foi o “Órgano oficial da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales”, marcado por unha postura política galeguista de esquerda.
O xornal nace en Bos Aires en 1922 e entre os seus propósitos destaca «combatir el caciquismo y alentar al pueblo gallego para su emancipación». Estivo dirixido por Antón Alonso Ríos (Silleda, 1887 - Bos Aires, 1980), quen chegou a ser profesor na capital porteña e fundador da FSGAyC. En 1931 volveu a Galicia xunto a Suárez Picallo, onde participou politicamente como galeguista e seguidor do movemento agrarista. Foi colaborador activo na campaña a favor do Estatuto de Galicia e elixido deputado por Pontevedra en febreiro de 1936, na candidatura da Fronte Popular. Poucos meses despois viuse obrigado a fuxir e chegou a cambiar a súa identidade pola dun esmoleiro portugués, Afranio do Amaral, para protexerse da persecución de que foi vítima. Despois de pasar moitas penurias conseguiu partir cara a Bos Aires dende Portugal. A súa chegada no buque Lipari a terras porteñas materializouse o 29 de xuño de 1939. En 1944 participou xunto a Castelao na fundación do Consello de Galiza que tivo lugar en Montevideo. O seu falecemento aconteceu dun xeito dramático en Bos Aires, polo que non foi difundido con moito detalle por parte da colectividade galega.
<cite>A Fouce: periódico galego</cite> (Bos Aires, 1926)
A Fouce: periódico galego (Bos Aires, 1926)

No Bos Aires das primeiras décadas do século XX os grupos nacionalistas, formados no seo da colectividade galega, amosaban unha actividade moi dinámica que se difundía a través da prensa étnica. Tal é o caso do xornal independentista A Fouce, creado en 1926. Este foi o segundo voceiro en importancia de ideoloxía nacionalista galega, despois de A Nosa Terra.
Na primeira época desta publicación (1926) a entidade editora foi a Irmandade Nazonalista Galega de Bos Aires e na segunda (1930-1936), a Sociedade Nazonalista Pondal. O lema do voceiro explicaba sucintamente o seu ideario:
«Política? Xa falaremos. Pirmeiro percisámol-a Libertade. Calquera que sexa o teu senso político, xunguete a Nos no sagreficio pol-a sua Independenza. A lingua é base, e é a mais genial e nacional obra de arte que cada naçao cria e desenvolve. A escola nazonal galega. Eis, a laboura mais urxente. Cantai galegos o himno xigante dos pobos libres, cantai galegos a idea santa da independencia da nosa Patria (Alfredo Brañas)».
O xornal reproduce colaboracións de destacados intelectuais galeguistas e, en moitas ocasións, resulta controvertido en temas referidos ao Partido Galeguista e outros grupos afíns. No equipo de colaboradores pódese atopar a Antón Zapata García, Bieito Fernández, Camilo Cantón, Clemente López Pasarón, Francisco Lamas Barreiro, Francisco Fernández del Riego, Fuco G. Gómez, Fungueiro, Lino Pérez, Manuel Oliveira, Moisés da Presa, Ramón Villar Ponte, Ricardo Flores, Urbano Hermida, Valentín Paz-Andrade, Vicente Barros, Vicente Risco, Víctor Casas e Victoriano Taibo.
Para saber máis sobre a evolución histórica de A Fouce e o seu papel dentro do xornalismo nacionalista é recomendable consultar o estudo introdutorio realizado polo profesor Xosé M. Núñez Seixas, “A Fouce e o nacionalismo galego en Buenos Aires (1926-1936)”, como introdución á edición facsimilar de A Fouce (Vigo, Nova Galicia Edicións, 1992, vol. I).
A revista <cite>Céltiga</cite>, voceiro dun galeguismo moderado en América, (Bos Aires 1924 - 1932)
A revista Céltiga, voceiro dun galeguismo moderado en América, (Bos Aires 1924 - 1932)

Esta revista cultural ilustrada reaparece publicada en 1924 baixo a dirección literaria de Eduardo Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo e Eliseo Pulpeiro, recoñecidos galeguistas no seo da colectividade. Dende as súas páxinas difundiuse un galeguismo moderado e respectuoso, como se pode ver na sección “Idearium Galeguista”, na que se dá cabida a colaboracións de intelectuais arxentinos e galegos que en Galicia atopaban atrancos para expresaren as súas ideas políticas debido ás restricións da ditadura de Primo de Rivera.
Pódese dicir que Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente na Arxentina entre os anos 1924 e 1932. Nela publicáronse artigos sobre diversidade de temas galegos: por exemplo, nas seccións “Motivos de Crónica” ou “El momento de Galicia” analízase a actualidade galega e da colectividade. A revista, nun intento por achegarlles aos lectores a realidade cultural galega, incluía notas biográficas de artistas galegos, reproducións gráficas da súa obra, comentarios bibliográficos ou colaboracións literarias, así como informacións da colectividade e das asociacións de emigrantes (“Por nuestras sociedades”).
Tras un labor de recuperación, o CCG puxo á disposición dos e das galegas todos os números desta senlleira revista no seu web.
As iniciativas pro-progreso de Galicia: A Residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela, 1928
As iniciativas pro-progreso de Galicia: A Residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela, 1928

A colectividade galega emigrada en América sempre estivo implicada nos distintos proxectos a prol do desenvolvemento da cultura e o progreso de Galicia. Tal foi o caso das numerosas sociedades de instrución fundadas para crear escolas que se foron espallando pola xeografía galega, nas que recibiron formación educativa as novas xeracións.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) tamén se viu favorecida polo fenómeno da emigración galega. O primeiro exemplo que nos vén á mente é a Biblioteca América da USC, iniciativa do galego residente na Arxentina Gumersindo Busto. Porén, non debemos esquecer que non foi a única iniciativa a prol do desenvolvemento do ensino superior en Galicia. A contribución para a edificación da Residencia de Estudiantes no Campo do Mendo (1928) foi un dos proxectos que chegou a bo porto, grazas tamén á colaboración dos nosos emigrantes.
A idea de crear unha residencia universitaria quedou rexistrada nas actas do claustro da USC en 1919. En 1922 o corpo reitor e o propio alcalde da cidade manifestaron o seu desacordo coas partidas orzamentarias enviadas polo Goberno de Madrid. Nun contexto de grave dificultade económica, o claustro da USC considerou a proposta de crear un padroado universitario, realizada dende a outra beira do Atlántico. A colectividade galega do Río da Prata estivo bastante implicada nesta iniciativa.
En 1925 o claustro iniciou o seu traballo de procura de axuda financeira baixo a dirección do profesor Armando Castro Navajas. Finalmente, a idea do proxecto residencial viuse apoiada por decreto en 1926, o que deu pé á creación dos padroados universitarios. Comezou a campaña para recadar fondos económicos encabezada polo Comité pro-Residencia, formado por Pérez Bustamante, Arias Ramos ou Rodríguez Cadarso, entre outros. Os centros galegos de Madrid e América foron invitados a participar na campaña e a contribuír economicamente. O catedrático Roberto Nóvoa Santos aproveitou unha viaxe por América para difundir o proxecto de construción da residencia compostelá. Así, fóronse sucedendo distintos actos benéficos organizados por todos os sectores sociais, entes públicos e privados e tamén particulares. Finalmente, en xaneiro de 1928 tivo lugar a colocación da primeira pedra da nova Residencia de Estudiantes da USC.
Socios e socias de Hijos de Silleda nun mitin galeguista, Bos Aires, <cite>ca.</cite> 1930
Socios e socias de Hijos de Silleda nun mitin galeguista, Bos Aires, ca. 1930

A gran maioría das asociacións de emigrantes de ámbito parroquial ou municipal tiveron como finalidade prioritaria acadar o progreso educativo e cultural dos seus lugares de procedencia, sen esquecer o apoio ás loitas agraristas dos seus compatriotas. Convértense así nun foco de atención preferente para os nacionalistas co fin de propagar as súas ideas entre esta ampla masa social. Ao longo da década de 1920 moitas destas sociedades apoiarán activamente o ideario nacionalista moderado asistindo a mitins e achegando cartos nas numerosas subscricións que se creaban con ese fin. Foi esencial o papel da prensa étnica: os principais xornais e revistas como Correo de Galicia —o xornal de J. R. Lence que tiña un maior número de lectores no seo da colectividade emigrada e que neses anos virou cara a un galeguismo moderado—, Céltiga, El Despertar Gallego etc., os mitins, conferencias e artigos dos intelectuais galeguistas tiveron un amplo eco na colectividade, e cada vez participaba máis público nos diferentes actos a prol da causa galeguista.
Dende as sociedades máis progresistas —vemos na imaxe os socios e socias de Hijos de Silleda nun acto político, co puño levantado en sinal de loita— mandaban cartos a Galicia para axudar a financiar centros educativos e sindicatos agrarios, así como a publicación de libros e folletos de propaganda das ideas nacionalistas no seu lar. Ademais, a nivel particular moitos emigrantes informaban e exhortaban os seus amigos e familiares a favor da República e da autonomía de Galicia nun discreto labor de concienciación.
O galeguismo cultural en Montevideo: o xornal <cite>Arazúa, boletín de la Asociación Protectora de la Cultura Gallega</cite>, 1929
O galeguismo cultural en Montevideo: o xornal Arazúa, boletín de la Asociación Protectora de la Cultura Gallega, 1929

Esta asociación cultural foi creada por un grupo de galeguistas residentes no Uruguai, entre os que estaban Julio Sigüenza, Jaime L. Lorenza, Constantino Sánchez Mosquera, Miguel Barros, Casiano Estévez ou Juan José San Román. Seguidores do labor realizado polo Seminario de Estudos Galegos e pola Real Academia Galega, difunden a súa obra tanto en Galicia como en América e envían numerosas doazóns para o seu sostemento e para a súa acción cultural na terra nai. O Centro Galego, a institución máis importante no seo da colectividade en Montevideo, apoiou a súa creación en 1928. Defendía un galeguismo cultural cuxa finalidade principal era acadar fondos para investir no progreso de Galicia: só a través do coñecemento e defensa da cultura propia, os galegos poderían conseguir o seu desenvolvemento económico e político.
En 1929 comeza a editar como voceiro societario este boletín, que ten unha clara orientación galeguista, sobre todo na sección “Farrapos”, asinada por Sánchez Mosquera. Segundo o editorial deste primeiro número, a publicación debía servir para «despertar entre los gallegos residentes en el Uruguay la creencia y la fe en el renacimiento cultural de su pueblo […] prestándole su concurso moral y material». Nas súas páxinas abundan os artigos sobre Galicia e a súa literatura, historia, arte, arqueoloxía etc., e aparecen descricións das actividades realizadas a prol da nosa terra en Montevideo, Cuba ou Galicia. No marco do seu labor reivindicativo da identidade cultural, reproduce manifestos nacionalistas e diversas colaboracións de autores galegos e uruguaios.
Credencial de Ramón Suárez Picallo como deputado das primeiras Cortes da II República, 1931
Credencial de Ramón Suárez Picallo como deputado das primeiras Cortes da II República, 1931

Tras o triunfo da República e a previsible convocatoria de elección ás Cortes constituíntes, diversas organizacións galeguistas da emigración galega no Río da Prata idean o envío a Galicia dunha delegación de representantes coa misión de influír máis directamente na política galega. Esta proposta foi publicada na Revista del Centro Gallego de Montevideo polo xornalista Julio Sigüenza. A ORGA bonaerense apoia o proxecto coa intención declarada de procurar a unión de todos os galegos, loitar pola recuperación dos dereitos históricos de Galicia mediante o acceso a un sistema de autonomía integral e constituír unha fronte única e compacta nas Cortes. Na lista de representantes acordada coa FSG están Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Pedro Campos Couceiro; de Montevideo viaxará Julio Sigüenza.
Despois de chegar a Galicia, a súa actividade política e social será intensa: participan na Asemblea Pro-Estatuto da Coruña (promovida pola ORGA), na que Alonso Ríos sae designado presidente. El mesmo e Suárez Picallo son elixidos candidatos polo Frente Republicano Gallego (FRG) nas eleccións ás Cortes constituíntes e participan en numerosos actos de propaganda polo territorio galego. Tal como vemos, os resultados foron moi favorables para os republicanos e galeguistas, que conseguiron varias actas de deputado: pola provincia da Coruña saen elixidos, entre outros, Antón Villar Ponte, Emilio González López, Santiago Casares Quiroga e Ramón Suárez Picallo, como acredita este documento. Tamén foron elixidos Castelao e Ramón Otero Pedrayo.
Suárez Picallo, como representante da emigración galega nas Cortes de 1931, tivo un destacado labor no Congreso, con propostas centradas na situación económica de Galicia. Os problemas da agricultura e gandaría en Galicia, a necesaria reforma agraria e o conflito foral protagonizaron algunhas das súas máis coñecidas interpelacións, así como os dereitos dos e das emigrantes. En 1936 foi reelixido deputado na candidatura da Fronte Popular, en representación do Partido Galeguista. Neses anos realizou por toda Galicia unha intensa campaña galeguista participando en asembleas e mitins, escribindo artigos e defendendo o Estatuto de autonomía.
<cite>O Irmandino. Periódico Galego, órgao da Irmandade Galeguista d’o Uruguai</cite>, (Montevideo, 1934-1936)
O Irmandino. Periódico Galego, órgao da Irmandade Galeguista d’o Uruguai, (Montevideo, 1934-1936)

Esta asociación «xurdiu a vida aitiva da coleitividade para espertar na conciencia de todol-os galegos a noción da personalidade de Galiza, como unidade natural de raza, linguaxe, hestoria, xeografía e esprito propios». Foi creada en 1934 por Manuel Meilán, Antón Crestar, Pedro Fernández Veiga, Juan José San Román e outros galeguistas que desenvolvían unha intensa actividade a prol da autonomía de Galicia e do ideario nacionalista dende un punto de vista cultural. Esta sociedade foi considerada como unha sección uruguaia dentro do Partido Galeguista.
O mesmo ano da súa fundación publica o xornal O Irmandino como o seu órgano de expresión. A cabeceira é unha homenaxe á revolta irmandiña do século XV. Escrito en galego, nas súas páxinas podemos ler artigos dos principais líderes do Partido Galeguista e doutros persoeiros, nunha clara ortodoxia nacionalista —a economía galega de Bóveda, a reivindicación de figuras senlleiras como Pondal ou Pardo de Cela, a defensa da escola galega…—, ademais de reproducións de textos literarios. Outros artigos fan referencia ás actividades desenvolvidas pola Irmandade, como conferencias, visitantes, notas biográficas etc.
O xornal ten dúas épocas de publicación cun lapso de vinte e catro anos entre ambas: de 1934 a 1936 e de 1958 a 1961.
Mitin na sede da Federación de Sociedades Gallegas a prol do Partido Galeguista, 1935
Mitin na sede da Federación de Sociedades Gallegas a prol do Partido Galeguista, 1935

A Federación, dende a súa creación, foi unha institución en que coexistían varias vertentes de pensamento progresista e de esquerdas: o agrarismo (de aí o seu nome), o republicanismo, o socialismo reformista e o galeguismo. Na década de 1920 a FSG estivo baixo o liderado de Antón Alonso Ríos ou Manuel Cao Turnes, vinculada nunha primeira etapa á defensa do agrarismo e dos ideais republicanos e de esquerda do PSOE. A inclusión nas súas filas de figuras como Eduardo Blanco-Amor e Ramón Suárez Picallo provocou que cada vez tivese un maior peso o ideario galeguista. A Federación apoiará economicamente as organizacións galeguistas na terra nai e as súas actividades de propaganda. Cede tamén as súas instalacións para a organización de actos progaleguistas, así como o seu xornal oficial (El Despertar Gallego e, a partir de 1931, Galicia) para publicar noticias e artigos a favor da causa.
A chegada da República e a creación do Partido Galeguista (PG) contará co apoio de gran parte das asociacións federadas, cuxos socios están presentes en mitins e actividades organizadas na capital bonaerense. Nesta imaxe vemos a Xerardo Díaz, presidente da Federación, nun acto organizado polos galeguistas na sede federal para acadar apoios e fondos que enviar a Galicia para financiar a participación do PG nas eleccións de 1936. O entusiasmo foi xeral cando se coñeceu o triunfo da Fronte Popular e do PG. Axiña comezou en América a campaña a prol do Estatuto de autonomía de Galicia.
Cartel de propaganda no plebiscito polo Estatuto de autonomía de Galicia, 1936
Cartel de propaganda no plebiscito polo Estatuto de autonomía de Galicia, 1936

Na campaña do plebiscito para o Estatuto de autonomía de Galicia participaron políticos, xornalistas, artistas e intelectuais. Luís Seoane, Camilo Díaz Baliño, Bernardino Vidart ou o mesmo Castelao deseñaron diversos carteis de propaganda a favor do Estatuto. O obxectivo era acadar unha ampla participación do pobo galego nese plebiscito e concienciar os galegos e galegas da necesidade de conseguir a ansiada autonomía política como un medio para lograr o desenvolvemento de Galicia como pobo. Esta campaña tivo un amplo eco na colectividade emigrada, que apoiou economicamente o proceso. Os e as emigrantes mandaban consignas nas súas cartas a familiares e veciños para que desen o si ao Estatuto e a autonomía de Galicia.
Edificio do Plantel Concepción Arenal, o centro educativo das e dos galegos asentados na Habana, 2019
Edificio do Plantel Concepción Arenal, o centro educativo das e dos galegos asentados na Habana, 2019

Na actualidade este edificio continúa a ser un referente no sistema educativo cubano como centro de estudo de numerosas xeracións de nenos e nenas cubanas. O actual Plantel Escolar Concepción Arenal segue levando o nome que lle deran os seus creadores, os emigrantes galegos instalados na illa de Cuba. Isto debe ser un orgullo para Galicia como un símbolo das iniciativas dos nosos paisanos alén mar a prol da cultura e da educación.
O 23 de novembro de 1879 un grupo de persoeiros galegos residentes na Habana fundou o Centro Galego da Habana, Sociedad de Instrucción y Recreo, unha das asociacións da emigración galega máis senlleiras. A comezos de 1880 a directiva aluga como sede social este edificio situado na rúa Prado esquina Dragones, inmoble que pasaría a ser da súa propiedade uns anos despois. Axiña instala unhas aulas no primeiro piso, nas que se imparten cursos nocturnos de alfabetización para os socios e diúrnos para os seus fillos. En 1907 o Centro Galego comeza a construír na rúa Prado un magnífico palacio —inaugurado como sede social en 1914— e, co obxecto de que todos os servizos académicos estean reunidos nun mesmo edificio, aproba reformar a súa antiga sede para instalar alí un gran centro educativo, o Plantel Concepción Arenal, denominación aprobada na asemblea de socios do 16 de decembro de 1914 como homenaxe á gran xurista e pensadora galega, autora —entre outras obras— de La instrucción del pueblo (1878).
Mestres e mestras do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1909
Mestres e mestras do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1909

A sección de instrución do Centro Galego ocupábase de todos os aspectos relacionados coa creación e mantemento das aulas en que se impartía a ensinanza aos socios da entidade. Desde o primeiro momento unha das súas preocupacións foi a contratación dun corpo de profesorado do máis alto nivel educativo. No artigo 14 do seu regulamento aparecían especificadas as esixencias e responsabilidades dos mestres do Plantel. As prazas outorgábanse por concurso de méritos, elixindo sempre os mellores expedientes con acreditación documental da súa formación profesional, ademais de ter en conta a súa boa consideración no seo da colectividade. Aínda que non era unha condición principal, «tendrán derecho preferente a ser profesores de esta sociedad, los gallegos y oriundos de Galicia, y a falta de estos, los de cualquier otra provincia de España». Nos seus programas educativos vemos como se impartía unha ensinanza moderna e participativa do alumnado, seguindo os plans de estudos cubanos. Ao longo da historia desta entidade houbo unha extensa nómina de docentes destacados, como o pedagogo Vicente Fraiz Andión, o escritor Eduardo Núñez Sarmiento ou as mestras Elisa Losada e Andrea López Chao, quen chegou a ser directora do colexio.
Aula de corte e confección do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1919
Aula de corte e confección do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1919

Para asistir como alumno aos cursos deste centro educativo era condición necesaria ser socio do Centro Galego ou familiar dun socio. Para os varóns as clases eran gratuítas, mentres que as nenas (fillas de socios) tiñan que pagar unha pequena cantidade anual. Co tempo tamén puideron acceder os cubanos e os membros doutras colectividades.
Había unha ampla oferta de estudos que se foi estendendo co paso dos anos: de primaria ata o oitavo grao, pero tamén formación profesional (taquigrafía, mecanografía, secretariado comercial, álxebra, idiomas…) e preparación para acceder ao bacharelato. As clases podían ser pola mañá, pero tamén se favorecían as nocturnas debido a que moitos dos alumnos adultos só podían acudir despois da xornada laboral. Tampouco debemos esquecer que a Sección de Belas Artes organizaba clases de pintura, música e danza, de gran sona na cidade.
A partir de 1894 permitiuse o acceso das mulleres á formación educativa do Plantel. Aínda así, os plans de estudo eran distintos para homes e mulleres: había aulas diferenciadas por sexos e as alumnas recibían clases de ensino primario, corte e confección, bordados á máquina, labores domésticos ou secretariado, tarefas que se consideraban «máis propias do seu sexo».
Premio ao esforzo: diploma do Plantel Concepción Arenal, A Habana, curso 1932-33
Premio ao esforzo: diploma do Plantel Concepción Arenal, A Habana, curso 1932-33

Ao rematar o curso escolar, o Plantel celebraba un festival en que se entregaba ás alumnas e alumnos o diploma conforme adquiriran os coñecementos necesarios para superar o curso. Na imaxe podemos ver a acreditación da alumna Margarita Senra, coa cualificación de sobresaínte no seus estudos de taquigrafía, o que lle permitiría obter un posto laboral nunha empresa ou negocio.
É interesante coñecer que a formación educativa deste centro era recoñecida a nivel oficial polo ministerio correspondente do Goberno cubano.
Grupo de alumnas coas súas profesoras, A Habana, curso escolar 1933-34
Grupo de alumnas coas súas profesoras, A Habana, curso escolar 1933-34

Co paso do tempo e en paralelo á modernización da sociedade, foise ampliando o programa de estudos para as nenas e mulleres. As fillas dos emigrantes galegos nacidas na illa de Cuba comezaban os seus estudos de primaria no Plantel e moitas emigrantes acudían aos seus cursos de alfabetización ou mecanografía. Acadaban así unha formación que, segundo os casos, ampliaban ou lles servía para ter unha educación e cultura básicas para o seu futuro. O acceso laboral das mulleres cubanas ao sector do comercio, da pequena empresa ou dos servizos era bastante maior que en Galicia, e as galegas aspiraban a ocupar eses postos de maior remuneración e mellor consideración social, máis aló do sector doméstico, principal nicho laboral para as nosas emigrantes.
Na imaxe vemos as alumnas vestidas co uniforme escolar oficial do colexio. Estes retratos facíanse ao remate do curso como unha lembranza do seu paso pola institución. Moitas delas quedaban vinculadas ao centro, ben traballando como mestras, ben participando nos festivais e actividades que se organizaban para difundir e apoiar o labor educativo do Centro Galego. As súas fillas tamén serán alumnas do centro.
Clase de mecanografía no Plantel Concepción Arenal, A Habana, <cite>ca</cite>. 1950
Clase de mecanografía no Plantel Concepción Arenal, A Habana, ca. 1950

O desexo dos e das emigrantes galegas por mellorar a súa formación foi unha constante na colectividade de alén mar. Pese á loita das sociedades instrutivas que tantos esforzos fixeron no primeiro terzo do século XX para fundar centros escolares en Galicia e paliar os altos niveis de analfabetismo que existían nas vilas galegas da época, moitos dos emigrantes chegaban aos países de acollida con escasa cualificación. Despois dunha dura xornada laboral, asistían a estas clases de formación profesional organizadas en horario nocturno no Plantel do Centro Galego para poder acceder a traballos máis especializados que lles posibilitarían ascender socialmente e gozar dunha mellor posición económica. Alí recibían cursos de mecanografía e taquigrafía, aritmética, contabilidade, cálculo mercantil, xeografía e historia comercial, álxebra, prácticas de oficina, caligrafía e ortografía ou inglés, entre outras materias. As clases nocturnas eran mixtas e contaban con todos os medios metodolóxicos e técnicos para obter un título que acreditase a súa formación nas empresas e negocios nos que querían traballar.
Autobús do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1954
Autobús do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1954

A Sección de Instrución e Cultura do Centro Galego ocupábase de que o alumnado do centro escolar obtivese a mellor e máis moderna formación académica posible facilitando todo o mobiliario e material pedagóxico necesarios para obter os mellores resultados. Tamén poñía á disposición do alumnado medios de transporte para poder acceder ao colexio. Así aparece reflectido na memoria escolar do curso 1954-1955, na que se congratulaba de ter «un magnífico e insuperable servicio de ómnibus nuevos para la mayor comodidad en el transporte de sus alumnos». Este servizo tamén era empregado nas numerosas excursións educativas e festivas que se organizaban durante o curso escolar.
Inauguración da Escuela Galicia, Montevideo, 28 de xullo de 1962
Inauguración da Escuela Galicia, Montevideo, 28 de xullo de 1962

A presenza da colectividade galega emigrada no Uruguai foi moi destacada, así como o seu apoio ás numerosas actuacións a prol da cultura e o desenvolvemento de Galicia. Figuras sobresaíntes foron os irmáns Canabal —con Xesús como benfeitor e pioneiro na defensa do galeguismo e da cultura galega alén mar—, Manuel Meilán, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xosé Fernández Seivane e tantos outros.
En 1961 o galeguista Antón Crestar, coñecido da mestra da aula de sexto grao do centro —un colexio público que, segundo o costume do país, era coñecido como Escuela nº 43—, foi invitado a dar unha conferencia. Tras impartir unha charla sobre Galicia e a súa cultura con grande éxito, no peche do acto o alumnado asistente cantou a canción A rianxeira como homenaxe á terra galega e á colectividade emigrada. Nunha reunión posterior coa Comisión de Fomento comentouse que a escola aínda non tiña nome e Crestar propuxo que se lle dese o nome de «Galicia». Era habitual que os centros educativos do Uruguai levasen o nome dun país, mais non así dunha rexión. Tras numerosos contactos coas autoridades, a Asemblea Xeral do Poder Lexislativo aprobou esta denominación. A partir de aí manifestouse a unión de toda a colectividade para mellorar as condicións da citada escola. Xesús Canabal, á fronte do Banco de Galicia, achegou fondos para levar a cabo obras de acondicionamento, mercar materiais educativos e mobiliario, etc.
O acto de inauguración foi presidido por Maravilla Pérez, esposa de Xesús Canabal, que estaba de viaxe, e a el asistiron numerosas autoridades e unha representación importante da colectividade, orgullosa de que unha escola uruguaia levase o nome da súa terra.
Grupo de alumnos e alumnas da Escuela Galicia, Montevideo, 1962
Grupo de alumnos e alumnas da Escuela Galicia, Montevideo, 1962

Vemos na imaxe un grupo do alumnado máis pequeno desta escola no seu acto de inauguración. Nenos e nenas co seu uniforme portan a bandeira de Galicia. É curiosa a anécdota de que nos actos públicos o estudantado cantaba o himno galego xunto co do Uruguai. Como non era un himno oficial, o consello escolar, do que formaban parte Antón Crestar, Xesús Canabal e Pepe Fernández, buscou a maneira de manter este costume: anunciábase como a interpretación da Canción dos piñeiros e así todo o público asistente honraba a Galicia e a súa cultura. Todos os galeguistas e persoeiros que visitaban a cidade eran convidados a visitar o centro educativo como un símbolo máis da pegada da galeguidade no país. E durante moitos anos os galegos e galegas do Uruguai apoiaron economicamente este centro educativo.
Hoxe en día continúa a funcionar como colexio para os nenos e nenas uruguaias, aínda que noutro edificio.
Escola Curros Enríquez, Montevideo, <cite>ca</cite>. 1970
Escola Curros Enríquez, Montevideo, ca. 1970

O 1 de outubro de 1917 uns cincocentos galegos e fillos de galegos, «con entusiasmo indescriptible», botaron os cimentos da Casa de Galicia de Montevideo, fundada polo baionés José María Barreiro e outros galegos con ideais, para un bo futuro da colectividade alí residente. A Escola Curros Enríquez foi creada pola Sección de Instrución desta sociedade de emigrantes no Uruguai, un gran labor desenvolvido co fin de poder ofrecer formación educativa aos seus socios e socias, á marxe do carácter mutualista e benéfico da entidade. Ao chamado polos asociados «Instituto Social» podían asistir tanto os pais como os fillos dos socios. Entre as materias principais que se impartían na escola constaban as seguintes: dactilografía, aritmética, cálculos mercantís, levanza de libros, taquigrafía, caligrafía e ortografía. O ensino foise ampliado co paso dos anos, coa introdución do curso de inglés. A media de alumnos e alumnas matriculadas nesta escola, co fin de recibir coñecementos para aprender habilidades certificadas que lles permitisen lograr certa mobilidade no futuro ámbito laboral superaba con creces o centenar anual.
Colegio Madrid, Cidade de México, 1941
Colegio Madrid, Cidade de México, 1941

Varios miles de españois, entre os que figuraban moitos galegos, foron obrigados a abandonar a súa patria tras o estoupido da Guerra Civil polo feito de permanecer fieis ao Goberno republicano legalmente constituído. Países como Francia e Portugal serviron principalmente como lugares de tránsito dos exiliados galegos cara a varios destinos americanos de acollida, entre os que destacaron México e A Arxentina. A experiencia migratoria —provocada por factores que escapaban á propia vontade persoal— non lles impediu alcanzar unha integración efectiva e desenvolver iniciativas de moi diversa índole, dada a súa notable formación académica e o seu previo desempeño laboral como profesionais tanto liberais como do corpo de docentes con certa actividade política. O apoio recibido polo Goberno mexicano foi fundamental para lograr o ascenso nos círculos sociais e económicos do país. O presidente Lázaro Cárdenas e o Partido Revolucionario Institucional (PRI) foron pezas claves. Os exiliados españois e galegos crearon institucións de carácter político (Alianza Nazonal Galega), societario, cultural, recreativo etc.
No ámbito educativo os exiliados fundaron centros docentes coñecidos como «colexios do exilio», un dos cales foi o emblemático Colegio Madrid, fundado na Cidade de México en 1941 e exemplo de desenvolvemento do proxecto educativo da Segunda República española, que seguía os valores republicanos de democracia, xustiza e equidade. Durante todas estas décadas de funcionamento logrou consolidarse como unha institución de excelencia académica e innovación pedagóxica.
Nesta imaxe atopamos a María Concepción Pazo Álvarez, profesora estradense, que tivo que deixar o seu traballo como agregada de Inspección en Santiago de Compostela en 1946 para reunirse co seu home, Celestino López López, quen xa levaba dez anos esperándoa na Cidade de México. Alí traballou como mestra de educación primaria no Colegio Madrid ata que retornou a Galicia en 1971.
Pura Vázquez nunha aula de «Kinder», Caracas, <cite>ca</cite>. 1955
Pura Vázquez nunha aula de «Kinder», Caracas, ca. 1955

En 1955 Pura Vázquez, con 37 anos de idade, apuntouse á aventura migratoria rumbo a Venezuela. Desde o principio mantivo unha estreita relación cos centros galegos creados en Caracas e sempre estivo de acordo coa súa fusión, que finalmente tivo lugar coa creación da emblemática Hermandad Gallega de Venezuela.
A capital caraqueña converteuse nun lugar onde Pura Vázquez desenvolveu o seu labor como docente dos escolares máis pequenos, pois estudara Maxisterio na Escola Normal de Mestres da Coruña e tiña xa un notable percorrido profesional non só en Galicia, senón tamén en Segovia, Madrid e outros lugares de España. Traballou nun dos colexios máis modernos de Venezuela e alí coñeceu a verdadeira diversidade racial dos cativos e as distintas procedencias do profesorado. Esta curta experiencia como mestra do xardín de infancia durou un ano e medio, pois axiña se lle presentou unha oportunidade nova relacionada co mundo das letras e o xornalismo en Caracas, onde se publicou parte da súa obra literaria. Pasou a traballar na Escuela de Periodismo da Universidad Central de Venezuela baixo a dirección do seu fundador, o profesor Héctor Mujica. Alí coñeceu presidentes e expresidentes das repúblicas latinoamericanas así como embaixadores de moitos países, e tamén chegou a reencontrarse co seu amigo o escritor e hispanista irlandés Walter Starkie. A súa presenza en Caracas foi intermitente, pois estivo tres veces alí ata a súa volta definitiva a Galicia en 1969.
Recollemos as seguintes palabras sobre Pura, que foron escritas por José Luis López Cid para o xornal compostelán La Noche tras un dos retornos da escritora a Galicia en 1960: «Ruedan los discos de canciones llaneras, álbumes con fotografías, recortes de periódicos, libros; la labor de Pura en Venezuela y sus recuerdos de cinco años nebulosamente confundidos en el baho del trópico. Ella no sabe bien si ha vuelto o si estuvo siempre aquí».
Unidade Educativa Colexio Castelao, Instituto Educacional da Hermandad Gallega de Venezuela, Caracas, 1965
Unidade Educativa Colexio Castelao, Instituto Educacional da Hermandad Gallega de Venezuela, Caracas, 1965

O 17 de maio de 1962 o profesor Amancio Peleteiro presentou —ante a asemblea de socios convocada polo Comité Executivo da Hermandad Gallega de Venezuela— o anteproxecto e informe preliminar para a fundación do Instituto Educacional da Hermandad Gallega. Peleteiro contaba cunha ampla traxectoria docente e desenvolvera un efectivo labor de xestión en Santiago de Compostela. Foi o creador do Colegio e Instituto Minerva en Caracas. O centro impartía clases diúrnas a rapaces de todos os niveis educativos, desde preescolar ata bacharelato. Pola noite o centro atendía as necesidades educativas dos adultos, con clases de bacharelato e contabilidade.
Así chegou a creación do Colegio Castelao, con data fundacional do 7 de agosto de 1965, despois dun arduo labor do Comité Pro-escuelas Castelao e coa colaboración activa da directiva e do conxunto de socios e socias da entidade. A misión do Colegio Castelao consistía en ofrecer unha educación integral e de calidade ás novas xeracións.
Aula de cuarto grao de educación primaria da Unidad Educativa Colegio Castelao, Caracas, 2008
Aula de cuarto grao de educación primaria da Unidad Educativa Colegio Castelao, Caracas, 2008

Nun principio, as actividades académicas iniciáronse sen unha sede propia, e impartíanse clases desde educación infantil, coñecida popularmente como «Kinder», ata os primeiros cursos de educación primaria. Pouco a pouco foise ampliando a cobertura educativa e a partir do curso 1987-1988 acada a etapa de bacharelato. En 1999-2000 o Colegio Castelao estrea nova sede nas instalacións da propia Hermandad Gallega de Venezuela, e nese ano académico conta cunha poboación escolar de máis de catrocentos alumnos. Hoxe esta institución educativa leva 58 anos de andaina e está perfectamente consolidada como tal, cun prestixio crecente na comunidade de acollida.
Na imaxe aparece a profesora Meilán, que tivo unha longa traxectoria como docente do alumnado de primaria. O seu pai, Eduardo Meilán, foi un dos galegos que participaron activamente na iniciativa de creación do Colegio Castelao, do que foi profesor de cultura galega e tamén presidente da Hermandad Gallega en varias ocasións.
«Somos Castelao, somos Hermandad». Alumnado formando fila para entrar ás aulas do Colegio Castelao, Caracas, 2008
«Somos Castelao, somos Hermandad». Alumnado formando fila para entrar ás aulas do Colegio Castelao, Caracas, 2008

Un dos obxectivos principais da Unidad Educativa Colegio Castelao é o de brindar unha educación integral e de calidade aos fillos e fillas dos socios, como forma de apoiar as familias, nun contexto en que se difundan e defendan a lingua e a cultura galegas, ademais de ofrecer un coñecemento profundo dos valores, a cultura e as tradicións de Venezuela.
Esta institución proxecta, mediante o seu exitoso funcionamento, os obxectivos perseguidos desde a súa creación: «Educar, promover, investigar y ejecutar la pedagogía de los saberes en los valores, impartiendo la ciencia, la moral y lo humanístico en niñas, niños, adolescentes y jóvenes […] con una filosofía centrada en una educación moderna».
Inauguración do II Curso de Iniciación Cultural Galega organizado pola Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA), Bos Aires, 1957
Inauguración do II Curso de Iniciación Cultural Galega organizado pola Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA), Bos Aires, 1957

Baixo o título de «Actividad cultural. Los cursos de “AGUEA”» podemos ler na revista Galicia Emigrante unha recensión da inauguración do curso de cultura galega que organiza a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas. Esta sociedade foi fundada en Bos Aires o 22 de xuño de 1956 por un grupo de intelectuais galegos de gran prestixio no seo da colectividade emigrada, entre os que se atopaban Antonio Baltar —quen foi o seu primeiro presidente—, Eduardo Blanco-Amor, Xosé Núñez Búa, Emilio Pita, Xavier Bóveda, Rafael Dieste, Luís Seoane ou Ramón de Valenzuela.
Tiña como finalidade principal a difusión e defensa da cultura galega na capital arxentina, tal como se especifica no seu regulamento: «promover o estudo, desenvolvemento, perfeccionamento e exercicio do idioma galego [e difundir] obras de todo autor que signifiquen unha exaltación para Galicia ou un enriquecemento do seu acervo cultural ou das súas posibilidades vitais». Xa no seu primeiro ano organizou un Curso de Iniciación Cultural Galega, con clases de xeografía, historia, lingua e literatura galegas, impartidas en galego por Eduardo Blanco-Amor, Alberto Vilanova e Ramón de Valenzuela, e que contaron cunha grande asistencia de alumnado das novas xeracións.
Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires
Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires

O 18 de decembro de 1996 constituíuse o Padroado da Fundación Galicia-América, creada grazas á achega do Centro Galicia de Bos Aires e o apoio material da Xunta de Galicia. A súa principal finalidade é a administración e guía do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol. Este proxecto educativo supuxo o afianzamento dos valores que leva consigo a galeguidade, a través dos e das descendentes de emigrantes galegos residentes en Bos Aires. Os obxectivos do Instituto son o fomento do ensino en todos os niveis educativos e a consecución do seu ideario, centrado en «propagar y sostener una educación basada en los principios biculturales argentino-gallegos», a través do coñecemento dos valores culturais do pobo galego, así como da súa lingua, historia e tradicións culturais.
Alumnado do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, 2012
Alumnado do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, 2012

O Instituto Argentigo-Gallego Santiago Apóstol é o primeiro centro educativo galego oficial creado fóra de Galicia. Fundouse en 1998 e localízase no barrio de Once da capital bonaerense. A construción do edificio levouse a cabo en distintas fases, pois as súas infraestruturas fóronse ampliando ano tras ano, o que non impediu o seu funcionamento xa desde o principio, co desenvolvemento das clases nos primeiros graos de educación infantil e primaria. No ano 2005 tivo lugar o comezo do nivel secundario, co que se mantivo o propósito de desenvolver un proxecto educativo bicultural en todos os niveis de ensino. Cada ano, a promoción das rapazas e rapaces egresados do instituto realiza unha viaxe a Galicia para coñecela e materializar os coñecementos adquiridos sobre ela ao longo dos seus anos de estudo no instituto. Visitan institucións públicas e os concellos galegos de procedencia de cada un dos homenaxeados no Día das Letras Galegas, entre outras actividades culturais e recreativas que fan da súa estadía unha experiencia inesquecible.
Aula de informática do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, <cite>ca</cite>. 2015
Aula de informática do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, ca. 2015

O estudantado deste centro educativo ten acceso a un ambicioso plan de estudos no que se imparten as materias curriculares marcadas pola Dirección General de Educación Privada do Ministerio de Educación da República Arxentina. Por outra banda, teñen materias extracurriculares obrigatorias: lingua galega —que aprenden os nenos e nenas desde os catro anos—, literatura galega, e xeografía e historia de Galicia, ademais doutras optativas, como música, teatro, baile galego etc. Deste xeito, cúmprese tamén o obxectivo de seguir un plan o máis parecido posible ao que se imparte na Galicia territorial. As súas instalacións contan con salas de concerto, bibliotecas para cada nivel, aulas de informática, laboratorio de física e química, comedores e salas para conferencias e actos multitudinarios, como a representación de obras teatrais. O ximnasio, as canchas deportivas e a piscina son compartidos co Centro Galicia de Bos Aires.
Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, Salvador de Bahia, 1960
Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, Salvador de Bahia, 1960

Esta sociedade de emigrantes galegos e galegas residentes en Salvador de Bahia foi fundada o 27 de novembro de 1960 co firme compromiso de manter e difundir a identidade galega a través do desenvolvemento de actividades de formación sobre cultura e lingua galegas entre os asociados e todas aquelas persoas interesadas no seu coñecemento, independentemente da súa procedencia.
A Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago mantén unha estreita relación co Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galega - CELGA. Trátase dunha institución cultural creada o 30 de marzo de 1995, a través dun convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade Federal da Bahia, no que tamén participa a Universidade de Santiago de Compostela. A súa finalidade é estimular o intercambio cultural entre Salvador de Bahia e Galicia coa organización de cursos de lingua, literatura e cultura galegas, entre outras actividades. Ademais, a entidade funciona como centro de referencia para a aprendizaxe da lingua española na cidade, pois é un dos centros examinadores do Diploma de Español como Lingua Estranxeira, outorgado polo Instituto Cervantes. Organiza os cursos con grande afluencia de alumnado, o que leva a que moitos asistentes se animen a dar un paso máis e realizar tamén os cursos de lingua galega que alí se imparten.
Nesta imaxe aparece o grupo folclórico de baile de Caballeros de Santiago cos seus certificados de asistencia ao Seminario de Baile Tradicional Galego que tivo lugar en Salvador de Bahia, impartido polo profesor Miguel Sotelo Vidal no ano 2018.

1. Os inicios do proceso migratorio: A viaxe

Entre 1850 e 1960 marchan cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. Os galegos, coma tantos outros pobos, deciden marchar da súa terra na busca dunha vida mellor e de novas oportunidades para facer realidade os seus soños. Pero emigrar non era tan doado. Precisaban, ademais de cartos cos que custear a viaxe, unha serie de permisos e documentos tanto para poder saír do país como para entrar na nova terra de promisión. Imos presentar os primeiros pasos dos e das protagonistas para preparar a partida e iniciar a viaxe.

2. Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba

Ningún visitante da Habana queda indiferente ante a visión do magnífico edificio do antigo Centro Gallego de La Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. Pero a grandeza dos nosos emigrantes na illa non foi só a súa construción senón tamén as decisións que foron aprobadas polos seus socios.
Foi creado en 1879 e ata o ano da súa desaparición como asociación en 1960, o Centro Galego levou a cabo un intenso labor educativo, a prol da alfabetización e formación dos seus socios e despois de toda a poboación habaneira, coa creación do Plantel educativo Concepción Arenal. Tamén destacou no ámbito hospitalario e asistencial, sendo propietario dunha das máis importantes organizacións sanitarias da illa, La Benéfica. Que dicir de todas as medidas tomadas para mellorar a vida cotiá dos galegos residentes na illa caribeña.
Con este especial preténdese difundir eses logros e lembrar o seu pasado como máximo referente da colectividade galega residente en Cuba, sen esquecer aos galegos e descendentes que alí viven e manteñen a pegada da cultura galega na illa.

3. De Galicia a América: A chegada a un novo mundo

Dende finais do século XIX e ata mediados do século XX, os galegos e galegas emigraron masivamente cara aos novos países americanos en proceso de industrialización (Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil e mesmo Estados Unidos). A súa emerxente economía, baseada na explotación dos recursos naturais e o desenvolvemento dunha nacente industrialización, precisaba abundante man de obra. Estes países promulgaron leis que propiciaban a chegada de inmigrantes, coas que pretendían poboar amplos territorios baleiros; pero a gran maioría dos galegos e galegas preferiron asentarse nas nacentes cidades, dedicados ao sector servizos, onde percibían máis posibilidades de mellorar laboral e socialmente, e mesmo chegaron a crear pequenas empresas, normalmente familiares. Esta última estratexia facía máis doada a acumulación de aforros e o retorno.
Outro dos factores para a saída masiva dos galegos e galegas cara ao novo mundo foi a influencia das cadeas migratorias: as redes familiares ou de amizade e veciñanza tiñan moita importancia á hora de que unha persoa quixese emigrar e tamén na elección do país de destino. Saber que ao chegar ían contar cun traballo ou axuda para atopalo foi un factor clave. A presenza galega foi esencial para a construción e modernización destes países de acollida.

4. Traballando en América

A inmensa maioría das persoas que decidiron emigrar de Galicia cara a América procedían do mundo rural. Ao chegaren aos países de destino, lonxe de instalarse no campo, acabaron aveciñándose nas emerxentes cidades, que lles ofrecían maiores posibilidades de emprego e obter beneficios económicos a curto prazo. Dado o seu escaso nivel de formación, a maior parte desempeñou traballos pouco cualificados: operarios da construción, limpadores, fogueiros nos ferrocarrís, cargadores nos peiraos, choferes ou empregados no servizo doméstico, sen esquecer aqueles que seguiron preferindo o mar como medio de subsistencia. Destacaron no pequeno comercio de alimentación e na hostalaría, sendo habitual que os seus negocios familiares pasasen ás mans dos fillos ou sobriños reclamados á terra, retroalimentando deste xeito o proceso migratorio.
O obxectivo común era mellorar as súas condicións de vida e axudar as familias que permanecían en Galicia, pero non todos o lograron. A gran maioría viviu modestamente e algúns acadaron o éxito nos seus negocios, co conseguinte ascenso na escala social e económica.
Nesta ocasión amosamos algúns oficios desempeñados principalmente por homes. A muller galega tamén foi protagonista no fenómeno da emigración, realizando diversas ocupacións, ás que dedicaremos un especial monográfico máis adiante.

5. Vida social e tempo de lecer

Os ámbitos de sociabilidade dos galegos e galegas nos países de emigración xorden principalmente da necesidade de interacción con familiares, amigos e veciños. Os espazos máis íntimos, como o propio fogar ou lugares públicos (unha praza ou calquera paisaxe natural), representan escenarios onde se fortalecen as redes sociais primarias, tan necesarias para calquera persoa e máis aínda cando se atopa fóra do seu lugar de orixe.
Os emigrantes contaron ademais cun ámbito de socialización importante como grupo étnico a través da súa afiliación aos centros galegos e ás asociacións microterritoriais. Trátase de entidades societarias multifuncionais centradas no mantemento de símbolos, valores e costumes propios da nosa terra para preservar a propia identidade cultural no país de destino fronte ao colectivo nacional e a outros grupos estranxeiros que alí residen.
Neste especial presentamos unha serie de imaxes que reflicten diversas actividades realizadas pola poboación emigrante no seu tempo de ocio, imaxes que envían a amigos e familiares a Galicia para transmitir unha idea de éxito e de gozo da vida. Calquera actividade no lecer rompe coa rutina diaria de traballo e serve para estreitar lazos familiares e de amizades que, pola súa vez, axudan á integración na sociedade de acollida, aínda que coa terra natal sempre no pensamento.

6. Mulleres galegas na emigración

O papel que a muller galega desempeñou no fenómeno migratorio do noso país é algo incuestionable. A emigración provocou numerosas transformacións na familia tradicional: as chamadas por Rosalía de Castro "viúvas de vivos" permanecen no país como responsables da economía familiar, do fogar e dos fillos, ... pero tamén están as mulleres que emigran cara a outros países en busca dunha vida mellor e se atopan con numerosas dificultades na súa integración, non só como inmigrantes senón tamén por problemas engadidos á súa condición de xénero.
No século XX a presenza feminina vaise incorporando gradualmente ao proceso migratorio. Emigran nas primeiras etapas reclamadas polos maridos, pais ou irmáns, e pouco a pouco a marcha vaise individualizando polas súas propias circunstancias persoais. Funcionan as "cadeas migratorias" e o reagrupamento familiar; non hai que esquecer que a muller se quería emigrar tiña que contar co consentimento paterno ou do cónxuxe.
Unha vez nos países de acollida, as galegas, debido ao seu escaso nivel cultural e profesional, empregáronse nos niveis máis baixos da escala laboral: no servizo doméstico, nos postos menos cualificados das fábricas, na hostalaría, no comercio e nos negocios familiares.
Pero coa emigración tamén tiveron a oportunidade de lograr a súa independencia, formarse, criar e educar os seus fillos nunhas sociedades máis modernas e abertas. E convertéronse en transmisoras da cultura galega e do amor a súa terra para as novas xeracións de galegas e galegos da diáspora.

7. As iniciativas educativas da emigración galega

O forte sentimento de compromiso e solidariedade dos e das emigrantes galegas coa súa terra de orixe provocou un envío constante de remesas que tiveron grande importancia para a modernización de Galicia. Un dos destinos principais destas remesas foi o eido educativo. O ensino converteuse, así, nun vehículo rexenerador e nun resorte de transformación social.
A intervención escolar dos ausentes realizouse en dúas modalidades: os filántropos indianos, que fixeron achegas económicas en forma de doazóns ou herdanzas testamentarias, que abranguían dende pequenas cantidades para contribuíren ao fornecemento de escolas ata importantes legados para a construción e o mantemento de centros educativos. E as asociacións microterritoriais (de ámbito municipal, parroquial ou aldeá) que se foron creando en América con finalidade instrutiva e que custearon a implantación, dotación e financiamento das chamadas "escolas de americanos". A maioría destas sociedades fundaron escolas laicas, gratuítas, con programas de estudos modernos, inspirados nos países de acollida. As modalidades de intervención escolar foron variadas: dende a construción de edificios de nova feitura (nos que se primou a funcionalidade pedagóxica e a hixiene) ou o arrendamento de locais, ata o envío de doazóns para a mellora das infraestruturas ou de materiais escolares. Estas accións funcionaron como resorte para a expansión da rede educativa na Galicia rural e como axente modernizador das aldeas e parroquias.
As imaxes que se amosan son un pequeno exemplo das numerosas escolas creadas pola nosa emigración, moitas das cales continúan a ser "templos do saber", ben como centros de ensino, ben como bibliotecas, centros socioculturais ou casas de cultura. Para saber máis pódese consultar As escolas da emigración e o catálogo da exposición Luces de alén mar do Consello da Cultura Galega.

8. A cultura galega alén mar

A necesidade de sobrevivir cunha personalidade propia fai precisa a reivindicación dunha identidade cultural galega fronte ao crisol de culturas asentadas en América.
A difusión e defensa da cultura galega, tanto en América como en Galicia, pasa a ser un obxectivo prioritario para moitas das entidades de emigrantes. O envío de remesas de cartos para homenaxear a grandes figuras da nosa literatura, da nosa música, mesmo para axudas puntuais en caso de necesidade ou para fomentar a creación e mantemento de institucións culturais en Galicia como a Real Academia Galega ou a Universidade galega, é de todos e todas coñecido. Tamén dende América se impulsan e apoian iniciativas de carácter galeguista como as Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos.
Danse a coñecer ou publícanse as obras literarias nacidas no Rexurdimento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal pasan a ser símbolos da patria; e mesmo numerosas asociacións de emigrantes van tomar o seu nome como homenaxe. E, ao tempo, algunhas das figuras máis destacadas da nosa cultura, como Curros, Ramón Cabanillas, Roberto Blanco Torres, Antón Villar Ponte, Eduardo Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo, entre outros, viviron en primeira persoa o proceso migratorio, e será en América onde crean e publican a súa obra.
Tras a Guerra Civil, América, coa chegada do exilio, convértese no baluarte cultural galego. Mentres Galicia estaba reprimida polo réxime franquista, obrigada ao silencio, as manifestacións culturais en galego frutifican en América –revistas, xornais, audicións de radio, editoriais, compañías de teatro, exposicións de arte, cine...–, o que provoca un renacemento da nosa cultura a partir dos anos 50. Figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Manuel Meilán ou Lois Tobío vertebran a produción artística e cultural deses anos e inflúen nas novas xeracións.
Neste especial presentamos algunhas das iniciativas culturais que se fixeron dende América por e para a Galicia.

9. Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX

A crise económica de 1929 marca o punto final da emigración masiva cara a América. Tras a Guerra Civil e a pesar das medidas restritivas do réxime franquista, comezan de novo as saídas cara ao continente americano grazas á reactivación das cadeas e as redes migratorias existentes nos países tradicionais de acollida.
Isto obriga a que en 1946 o Goberno poña de novo en vigor a Lei de emigración de 1924. Nesta fase convive unha emigración de chamada xunto cunha emigración asistida e organizada en función das normas emanadas de organismos internacionais como o Comité Internacional para as Migracións Europeas (CIME) e as necesidades de man de obra dos países receptores, cos que se asinan convenios bilaterais.
Na década dos 50 e 60, catro países absorben a gran maioría dos e das emigrantes galegas cara a América: Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela. Estes países vivían un momento de crecemento económico e de desenvolvemento industrial que demandaba obreiros cualificados e técnicos especializados, na construción e nas obras de infraestruturas, e traballadores agrícolas. Activouse así unha política selectiva que só permitía entrar nos países a todo aquel que fose reclamado ou levase un contrato de traballo. Numerosos familiares e veciños asentados alí envían cartas de chamada ou contratos laborais, facilitando, deste xeito, todo o proceso burocrático para poder emigrar. Nestas décadas, aínda que continúa o predominio da emigración masculina, hai un aumento considerable da feminina, resultado da política de reagrupación familiar.
Cómpre destacar a importancia de Venezuela como un novo destino a causa do seu rápido crecemento económico, baseado na explotación e exportación das súas grandes reservas petrolíferas, que estimulou a expansión doutras actividades industriais, a construción de infraestruturas e o desenvolvemento do sector servizos.
Nos anos finais deste período aparecen novos destinos en Europa (Alemaña, Francia, Suíza ou Inglaterra), que acabarán por convertese nunha nova realidade migratoria para os galegos e galegas, pero este proceso será analizado noutro especial.

10. O exilio galego

Nos primeiros días da Guerra Civil, Galicia queda baixo o control dos sublevados. A represión foi durísima e o exilio converteuse na única saída para miles de galegos e galegas que padeceron persecución e cárcere. Fuxiron a Portugal ou a Francia, incluso cara a algúns países africanos como Tunes. Alí, salvo un pequeno grupo que encontrou acubillo, buscaron outros lugares que os acollesen.
En América atopáronse cun amplo conxunto de redes sociais orixinadas e consolidadas pola emigración anterior a 1936. Aínda que as políticas inmigratorias dos países non eran favorables á chegada dos exiliados (agás o caso de México), estas redes puideron facilitar os procesos de desprazamento e a súa inserción socioeconómica e cultural.
Os exiliados cunha cualificación intelectual e técnica superior puxéronse ao servizo dos países de acollida, traballando nas súas universidades e no desenvolvemento de sectores clave da economía, como o industrial, enerxético, manufactureiro ou mecánico. Isto sen contar cos centenares de artistas, escritores ou pintores que ingresaron no mundo académico e cultural, sobre todo en México, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos.
A influencia de intelectuais galegos asentados en Arxentina, como Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela e Rafael Dieste, entre outros, converteu Bos Aires no principal referente da nosa cultura nos anos 40 e 50; o mesmo pasou en Uruguai con Lois Tobío e Manuel Meilán, en México con Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Luís Soto ou en Estados Unidos con Emilio González López, José Rubia Barcia e José Otero Espasandín, por citar algúns dos casos máis coñecidos. Pero tampouco debemos esquecer a presenza dos exiliados e exiliadas anónimas que se dedicaron a refacer a súa vida e a garantir a súa supervivencia material.
O Consello da Cultura Galega organizou no ano 2001 un congreso para difundir o legado destes homes e mulleres e publicou un dicionario biobibliográfico que recolle as biografías dos exiliados e exiliadas máis recoñecidas pero tamén dos anónimos e as actas das xornadas.
Este especial é unha pequena mostra dos documentos e fotografías que o Arquivo da Emigración Galega conserva nos seus fondos para poñer en valor a súa memoria.

11. No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina

En setembro de 1921, hai agora cen anos, fundouse en Bos Aires a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, por iniciativa de varios dirixentes da colectividade galega (Antón Alonso Ríos, Manuel San Luis, Enrique Rodal e Joaquín Folgar Lema), nunha reunión para loitar contra o caciquismo. Xa dende as primeiras xuntanzas para a súa constitución prevaleceu o ideario socialista e agrarista dos seus promotores e o compromiso a prol dos sectores sociais galegos máis desfavorecidos.
O 24 de setembro realizouse un congreso constituínte no que se integraron doce das numerosas sociedades parroquiais e comarcais que existían en Arxentina. O 30 de outubro aprobaron a súa primeira Carta orgánica cunha declaración de principios, baseados en textos do Partido Socialista Argentino. En 1927 estaban federadas 40 sociedades, con 5000 socios.
Co tempo xurdiron diverxencias ideolóxicas entre dous sectores da Federación, o que levou en 1929 á súa separación en dúas entidades: a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, de ideario agrarista e galeguista, e a Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, de orientación socialista. A Guerra Civil española provocou a súa reunificación; a nova institución (Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina (FSG) reunía 40 asociacións con máis de 10.000 afiliados. En xaneiro de 1937 creou unha organización propia de axuda e apoio á República española: a Agrupación Gallega de Ayuda al Frente Popular Español, que impulsou un importante movemento de solidariedade e axuda económica á república e aos refuxiados.
A Federación funcionou como un organismo político que traballaba por e para Galicia, sen esquecer os aspectos relacionados coa integración social dos emigrantes. Xa no século XXI, centra a súa actividade cultural na creación do Museo da Emigración Galega (MEGA) como museo, biblioteca e centro de investigación e difusión da emigración galega en Arxentina.
Para conmemorar o seu centenario, o Arquivo da Emigración Galega publica este especial, amosando parte da documentación e do arquivo fotográfico dos seus fondos, para recoñecer e difundir o seu labor de compromiso na defensa dos galegos de aquí e de acolá.

12. A emigración galega a Europa

A partir de 1959, en Galicia produciuse unha inversión de correntes migratorias, ao abandonarse paulatinamente o tradicional desprazamento de poboación cara ao continente americano. Diríxese maioritariamente cara a aqueles países europeos que se atopaban en pleno desenvolvemento industrial e tecnolóxico e que precisaban man de obra estranxeira. Mentres que noutras zonas de España o corte do fluxo migratorio cara a América foi máis radical, o caso galego presentou un período en que se producían correntes simultáneas cara aos dous continentes. Os destinos elixidos foron principalmente Alemaña, Suíza, Francia e Holanda, seguidos do Reino Unido e Bélxica. A procedencia dependía do ano pero en xeral, Ourense foi a provincia protagonista dos fluxos cara a Europa. Entre 1959 e 1973, preto de dous millóns de españois emigraron cara a Europa. As estatísticas utilizadas na maioría dos estudos proveñen do Instituto Español de Emigración (IEE). Estas, loxicamente, non se axustan á realidade de xeito estrito pois habería que atender á emigración non asistida.
A nivel xeral fálase dunha emigración masculina pero a tendencia era variable dependendo do destino, ano e maneira de entrar en cada país receptor. Moitas mulleres galegas incorporáronse á corrente migratoria clandestina e integráronse en nichos de traballo nos que a súa man de obra cobraba un papel dominante. Homes e mulleres desenvolveron a súa actividade produtiva nos sectores secundario e terciario maioritariamente. Non todos os países seguían dinámicas idénticas en canto á acollida, contratación, dereitos laborais ou protección socio-sanitaria.
A integración dos e das emigrantes nos destinos europeos estaba suxeita ás dificultades derivadas das diferenzas culturais, como por exemplo o idioma. Ademais, incluso a distribución espacial e características das vivendas dos traballadores estranxeiros impedían dalgún modo a interacción social coa sociedade de acollida e, mesmo, a propia reagrupación familiar. O grao de integración nas novas sociedades foi relativo, agás os que non chegaron a retornar ou formaron parellas mixtas. Ás veces a liña que separaba as relacións sociais no traballo era moi difusa, xa que se trababa de compañeiros, amigos e mesmo veciños á vez, polo que compartían espazos comúns tanto no ámbito público coma no privado. O tempo de ocio en numerosas ocasións era cambiado por horas extraordinarias de traballo, co fin de incrementar os aforros no menor tempo posible.
A partir de 1973 o mercado de traballo dos principais países de acollida quedou afectado pola crise do petróleo e a conseguinte desaceleración económica. A man de obra estranxeira viu minguadas as posibilidades de traballar e, inclusive, afrontou a rescisión de contratos laborais antes do tempo previsto. A pesar de todo, tras o retorno de protagonistas da emigración exterior continental dos anos 60, non se chegou a romper por completo o vínculo inherente ao propio proceso migratorio. Boa proba diso son os movementos migratorios que se están a producir na actualidade. Moitos dos descendentes dos que foron pioneiros repiten hoxe os mesmos destinos, pero cunha formación académica superior, que lles permite desenvolver traballos máis cualificados.
Neste especial pretendemos ofrecer unha visión xeral do que era a vida cotiá dos emigrantes galegos durante os anos 60 e 70 nos destinos continentais de maior prevalencia.

13. Outros destinos da emigración galega

Cando escoitamos falar da emigración galega sempre pensamos nos destinos tradicionais como: Arxentina, Cuba, Brasil, Venezuela ou Uruguai e, no caso de Europa: Suíza, Alemaña, Reino Unido ou Francia. Pero como hai galegos e galegas ata “na lúa” parafraseando a coñecida canción, este especial vai dedicado a eses países de acollida nos que, se ben a presenza dos galegos non destacou a nivel cuantitativo, si o fixo pola importancia cualitativa adquirida en determinados sectores produtivos da súa economía.
A chegada de emigrantes galegos a países americanos sen tradición migratoria vén dada por diversos motivos, entre os que se atopa a existencia de cadeas migratorias durmidas. Xa a finais do século XIX e principios do XX, en varios destes países viviu unha pequena colectividade galega que conseguiu un certo éxito social e económico, pero que por circunstancias políticas ou económicas, mesmo climáticas e sanitarias, non chegou a constituírse nun foco de atracción para a nosa emigración. Esas cadeas, nun novo contexto, foron reactivadas por circunstancias puntuais como a necesidade de man de obra en determinados sectores produtivos en auxe.
Así, podemos destacar a emigración galega a Panamá, país que xa a comezos do século XX contou con traballadores galegos para as obras de construción da súa canle, onde deixaron unha pegada transcendental que marcou o seu protagonismo dentro do grupo de man de obra europea. Nos anos 50 e 60, o Istmo volveu ser considerado como un destino atractivo, para os galegos e galegas que na súa maioría procedían da comarca do Carballiño e de Forcarei ou da Estrada, entre outros lugares. Chegaron a ese país nun momento de auxe auspiciado pola influencia estadounidense reflectida na súa economía e na xestión desa gran vía de comunicación interoceánica. Outro caso singular foi o dos e das veciñas da Costa da Morte, que neses mesmos anos emigraron cara á costa peruana. O reagrupamento familiar foi unha vía de consolidación e integración da colectividade nestes países.
A emigración asistida por parte do Goberno español das décadas dos 50 e 60 tamén levou a que moitas galegas e galegos optasen por probar fortuna en países descoñecidos para eles, cunha lingua e unha cultura totalmente alleas, como é o caso de Canadá ou Australia.
Neste especial o AEG amosa fotografías e documentos que moi amablemente foron cedidos por algúns dos seus protagonistas.

14. Galicia onde todo retorna

O feito migratorio en Galicia é un elemento inherente á súa identidade cultural. Sería imposible entender a actualidade contemporánea da nosa comunidade sen ter presente este fenómeno. Se atendemos ás cifras oficiais ‒sen ter en conta a emigración clandestina–, cabe lembrar que entre 1810 e 1970 se estimou unha partida cara ao exterior de 2.250.000 emigrantes, que colleron distintos rumbos co fin de probar sorte e construír futuro. Coa crise do petróleo, a partir de 1973, a emigración masiva chegou á súa fin e deu paso á chamada emigración de retorno, tanto desde os principais receptores do continente americano como desde os países europeos que brindaron oportunidades de superación a milleiros de galegas e galegos.
Neste especial tócanos atender ao que nun principio parecía a última etapa dun proceso pechado, pero o certo é que, unha vez iniciado o ciclo, nunca conclúe por completo. Experiencias e afectos nacidos na emigración son transferidos dunha xeración a outra para continuar impregnando a identidade desa “Galicia Exterior” que se leva dentro, aínda que o retorno sexa un feito que forme xa parte do noso pasado.
Non debemos esquecer que retornar significa emigrar de novo aínda que, ás veces, os propios emigrantes non teñan plena conciencia diso. Unha gran maioría non ten dúbida da súa decisión de regresar á terra, incluso antes de emprender a súa aventura migratoria. Canto máis duradeira sexa a estancia no país de destino, máis se complica o retorno, por moi desexado que este sexa. Moitas persoas marcharon soas e voltan con toda unha familia formada no estranxeiro. Os seus fillos e netos, nacidos na sociedade de acollida, chegan a Galicia cheos de ilusión, en idades ás veces complicadas e cunha identidade híbrida.
O proceso de retorno parece menos duro que cando os e as emigrantes partiron cara a países descoñecidos por primeira vez, pero non sempre é así. Cando saíron de Galicia eran mozos e mozas cunha capacidade de adaptación social máis flexible. Cando volven, en moitos casos, xa non son tan novos e chegan con costumes adquiridos doutra cultura, outro clima, outros olores, sabores e sons. A natural comparativa en situacións cotiás entre "alá" e "aquí" faise unha constante que dura bastante tempo, o que non quere dicir que o desexo de regresar ao que consideran “o seu lugar” se desvaneza, pois a morriña é un sentimento que sempre prevalece.

15. 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia

Neste ano celébrase o 150 aniversario fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana. O Consello da Cultura Galega, con este especial, quere conmemorar esta efeméride coa difusión de parte dos fondos documentais da sociedade que se conservan no AEG e poñer en valor o seu legado a prol da colectividade galega asentada en Cuba.
A creación desta lonxeva entidade respondeu a unha crecente demanda e necesidade dos integrantes da colonia galega na illa, cada vez máis numerosa no último terzo do século XIX, que reclamaban unha solución para os milleiros de emigrantes que, por problemas de saúde ou de falta de traballo e recursos económicos, se vían abocados á indixencia e ao desamparo. Para evitar que se convertesen nun problema de orde pública ou que quedasen no máis completo abandono, un pequeno grupo de emigrantes de gran renome no sector das finanzas, o comercio ou a empresa, secundados por numerosos compatriotas solidarios, decidiu agruparse e crear unha sociedade benéfica seguindo o exemplo da colectividade catalá, que en 1840 creara a Sociedad de Beneficencia Catalana.
Así, o 31 de decembro de 1871 fundouse a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (en diante SBNG). No seu primeiro regulamento definíase como unha institución benéfica, caritativa, protectora e asistencial, con tres prioridades básicas: socorrer con doazóns mensuais os paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e asumir a repatriación para os que tivesen que retornar. Co paso do tempo as súas actividades iranse ampliando no campo cultural e de axuda mutua, sendo moi importante a construción dun gran panteón no cemiterio Colón da capital cubana, onde descansan miles de socios da entidade.
Os fundadores pretendían tamén dignificar o papel dos galegos e galegas na illa ante os cubanos e os emigrantes doutras nacionalidades. Comezan, así, a reivindicar a cultura galega como algo distintivo, organizando festivais de música, conferencias e homenaxes a grandes escritoras como Rosalía de Castro, Virginia Felicia Aubert ou Juana Mª de Vega, ás que nomearon como socias de honra da sociedade. Anualmente, cada 25 de xullo, celebraban a festividade do Día de Galicia cunha gran festa e un desfile polas rúas habaneiras.
Ao longo do século XX o prestixio da entidade mantívose na colectividade. A SBNG estivo moi vinculada ao Centro Galego da Habana, en cuxo palacio dende 1922 pasou a ocupar un despacho, onde aínda hoxe atende, na medida das súas posibilidades, as necesidades dos e das socias. As circunstancias tras a revolución cubana cambiaron e os seus bens foron expropiados, pero a entidade permaneceu activa, conservando e xestionando o panteón social e mantendo a chama de Galicia nas súas actividades.

16. O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea

O navío de pasaxeiros Santa Maria foi o transatlántico portugués máis soado a nivel internacional do século XX. Pertenceu á frota de buques da Companhia Colonial de Navegação (CCN). Este paquebote de luxo foi construído en Bélxica en 1953 e transportou pasaxeiros durante vinte anos, a maioría deles eran emigrantes galegos, españois e portugueses. Realizaba a ruta regular entre Europa e América do Sur, con escala tamén na costa de Florida (EUA). As súas características técnicas e servizos especiais —semellantes ás do seu homólogo, o buque Vera Cruz— non foron as que fixeron que tivese tanto alcance mediático. Malia o prestixio que tiña, sendo o único navío de pasaxeiros portugués que mantiña unha liña de conexión regular entre Portugal e os Estados Unidos, o seu verdadeiro protagonismo obedece a unha acción armada desenvolvida a bordo no mar Caribe na mañanciña do 22 de xaneiro de 1961, bautizada como Operación Dulcinea. Esa acción armada, que derivou no secuestro do Santa Maria, foi cometida por un grupo de activistas políticos galegos e portugueses, fundadores da agrupación denominada DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación / Direção Revolucionària Ibérica de Libertação). Este movemento pretendía crear unha corrente de opinión pública internacional contraria aos réximes ditatoriais vixentes nos dous Estados ibéricos, o salazarista e o franquista. Tentaba desencadear un fenómeno de converxencia política e apoio capaz de derrubar ambas as dúas ditaduras. Ao mesmo tempo, procuraba a liberación dos territorios colonizados por España e Portugal no continente africano. Na captura do buque participaron 24 membros do DRIL. A operación estivo principalmente encabezada polo excapitán portugués Henrique Galvão e dous galegos: Xosé Velo Mosquera, que foi quen concibiu gran parte desta, e o excomandante da Mariña de guerra da República española Xosé Fernández Vázquez, máis coñecido como comandante Soutomaior.

17. Memoria e voces femininas da diáspora galega

O pasado día 8 de marzo celebrouse, un ano máis, o Día Internacional da Muller. Aínda hoxe, en pleno século XXI, é preciso continuar coa loita polos dereitos da muller. No mundo actual, tan convulso, continúan, desde os países máis desfavorecidos, os desprazamentos de homes e mulleres para sobrevivir ou en busca dunha vida mellor. Neste especial, o Arquivo da Emigración Galega (AEG) quere dar a coñecer a experiencia migratoria das galegas que no pasado século protagonizaron a diáspora cara a outros países.
Elas emigraron, ben xunto cos seus pais, homes ou fillos, ou ben soas, na busca de novas oportunidades laborais, económicas e de liberdade. En América e nos países europeos industrializados traballaron, formáronse e integráronse nunhas sociedades que lles ofrecían máis posibilidades de acadar os seus soños. Nun proceso tan longo no tempo e tan espallado no espazo, a súa situación foi dispar, pero amosaron o seu pulo e loita para mellorar a súa situación, reunir uns aforros, formar unha familia, educar os seus fillos..., sen esquecer a súa terra natal e os que aquí quedaron. Sempre co pensamento posto nun retorno a Galicia que en moitas ocasións non lograron.
Hoxe toca darlles visibilidade a algunhas desas protagonistas que no seu tempo acadaron sona pola súa traxectoria vital e profesional, pero que non son suficientemente recoñecidas. Son galegas –nacidas en Galicia ou na emigración– que, por amor a terra, defenderon a nosa cultura e identidade fóra das nosas fronteiras e llelas transmitiron ás novas xeracións. Foron escritoras, xornalistas, artistas, educadoras, científicas... ou esposas e compañeiras de vida de intelectuais e políticos galegos que destacaron grazas ao seu apoio.
Con elas homenaxeamos a todas as mulleres galegas emigrantes ou exiliadas. Recuperar a súa memoria e difundila na nosa sociedade é unha das tarefas do AEG. A quen lle interese coñecer máis información sobre elas ou sobre outras moitas mulleres salientables pode consultar na web do CCG o Álbum de Galicia.

18. O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica

Galicia débelles moito a aqueles ilustres filántropos que un día marcharon cara a América. Cun futuro ás veces incerto, lograron saír á boia fóra da súa terra natal e desenvolveron todas as potencialidades e talentos persoais. O feito de facer grandes fortunas era un signo de éxito, pero máis aínda o de compartir inxentes cantidades do seu capital coa comunidade de procedencia. Un dos exemplos máis salientables de acción filantrópica en Galicia foi o representado por José García Barbón y Sola. Era un verinés nacido o 30 de marzo de 1831, na parroquia de Santa María a Maior. Dos seus pais, Victorio e Manuela, pouco se sabe. Ao parecer o pai era un comerciante asturiano asentado en Verín e a súa nai unha traballadora do establecemento.
Coma tantos rapaces da época, José García Barbón emigra sendo apenas un adolescente. A illa de Cuba sería o seu destino, alí desembarca en 1844 con tan só 13 anos de idade. A súa figura non se pode entender se non se fai referencia ao papel representado polo seu tío Luciano, responsable en boa medida do que sería un futuro florecente durante a súa etapa migratoria na Habana. Luciano García Barbón foi quen reclamou ao seu sobriño José. Na Habana brindoulle o apoio que precisaba para desenvolver unha carreira que estaría chea de éxitos financeiros. A súa traxectoria empresarial conseguiu alcanzar un ritmo vertixinoso, pero iso non lle impedía sacar tempo para ocuparse dos asuntos da colectividade galega na illa. Participou, así, na primeira comisión directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (1872) e foi socio impulsor da fundación do Centro Galego da Habana. Os historiadores relatan que obtivo notable recoñecemento na organización masónica cubana. Sempre estaba pendente dos máis necesitados e axudaba aos paisanos e paisanas que atravesaban crúas e penosas situacións.
En 1884 retorna a Verín, con 53 anos cumpridos e moitas gañas de continuar co seu labor social intenso e altruísta, a favor da súa comunidade de orixe. Unha proba diso atopámola na construción do Colexio San José de Verín, a reconstrución da igrexa parroquial, do santuario dos Remedios e moitas máis obras benéficas.
Trasladouse a Vigo en 1894, xunto á súa irmá Carlota, viúva e con catro fillos. Debido a que José García Barbón rexeitaba todo alarde de publicidade, houbo numerosas actos benéficos que pasaron desapercibidos. A Cocina Económica, a Casa de Caridad, o Hospital Elduayen, asilos e numerosos particulares debíanlle gratitude pola protección prestada.
As obras máis salientables levadas a cabo na cidade olívica foron a construción da Escola de Artes e Oficios, xunto á adquisición e recuperación do Teatro Rosalía de Castro. Tamén regalou o terreo para a construción do Asilo del Niño Jesús e contribuíu para edificar as Escuelas Salesianas del Arenal.
Foi un home de negocios ata que a morte o sorprendeu. O afamado Hotel Balneario de Cabreiroá e as augas do mesmo nome, internacionalmente recoñecidas, foron froito da súa creación, xunto á empresa de ómnibus e a Electra de Verín. José García Barbón faleceu o 7 de marzo de 1909 e deixou un legado que hoxe perdura e que debemos trasladar ás novas xeracións.

19. A literatura galega da posguerra en Ámerica

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. A súa condición de galeguista e de exiliado en México foi determinante na súa obra. Coma el, moitos e moitas galegas, escritores, xornalistas, poetas, mestres, artistas... tiveron que fuxir da represión durante a Guerra Civil e tras a derrota da República. Como homenaxe a todos eles, este especial mostra algunhas das obras máis destacadas da nosa literatura creada e/ou editada no continente americano.
Na posguerra a literatura galega mantívose vixente grazas á colectividade emigrada e aos intelectuais exiliados que conseguiron acubillo alén mar. Bos Aires converteuse no principal centro da actividade editorial en galego e as e os escritores e poetas galegos alí asentados difundiron as súas ideas de loita a prol da defensa dos ideais republicanos e galeguistas nas revistas e libros que se publicaban. Un dos seus referentes foi Luís Seoane, que destacou pola súa actividade emprendedora na creación de editoriais e na publicación de varias revistas como Galicia Emigrante. Traballou, xunto con outros exiliados como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, José Otero Espasandín, Xosé Núñez Búa, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo, na defensa e afirmación da identidade cultural galega. Contaron co apoio da colectividade emigrada como Ramón Rey Baltar, Eduardo Blanco-Amor, Emilio Pita, Manoel D. Varela Buxán, Antón Zapata, Avelino Díaz e tantos outros, que contribuíron nesta tarefa coas súas obras e o seu compromiso. Tamén hai que destacar a grande influencia que tiveron Castelao e a súa obra como símbolo e guieiro do galeguismo tras a guerra.
Outro foco cultural galego de relevo deuse en México, arredor da Irmandade Galeguista e o grupo Saudade, que editou a revista homónima. Destacaron polo seu labor cultural os poetas Florencio Delgado Gurriarán, Ramón Cabanillas e Luís Soto, que crearon, xunto co xornalista Ramiro Illa Couto, a revista Vieiros. En Montevideo instaláronse intelectuais de gran valía como Lois Tobío, Miguel Vázquez Valiño, Pedro Couceiro, Arturo Carril ou Eduardo Dieste, moitos deles participaron no Padroado da Cultura Galega, que realizou un destacado labor editorial. En Caracas pódese citar a Xosé Velo, Silvio Santiago ou Celso Emilio Ferreiro; na Habana, a Xerardo Álvarez Gallego ou Fuco Gómez, e nos Estados Unidos, a Ernesto Guerra da Cal, Ramón Martínez López, José Rubia Barcia e Emilio González López, por citar algúns dos máis coñecidos.
Co paso dos anos as relacións entre a Galicia do exterior e o grupo de intelectuais do chamado “exilio interior” vanse facendo máis estreitas e fluídas. Aínda que con diferenzas ideolóxicas, primou o interese na defensa da nosa cultura e a amizade de moitos deles. En América publicábanse obras en galego que estaban prohibidas ou censuradas aquí; dende alí chegaban remesas que impulsaban iniciativas culturais e publicacións de revistas e obras literarias.

20. O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa

Na serie de especiais de Historias de ida e volta que vimos desenvolvendo desde o Arquivo da Emigración Galega (AEG), presentamos a continuación a vixésima entrega, dedicada á figura de Pedro Murias, emigrante destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo, que repercutiu directamente sobre a súa comunidade de orixe e que segue vixente no tempo.
Fillo do matrimonio formado por Xoán e Casimira, Pedro Murias y Rodríguez naceu o 20 de maio de 1840, na parroquia da Devesa, concello de Ribadeo (Lugo). Coma tantos outros galegos, emigrou a América con tan só 16 anos de idade. Cuba sería o destino elixido, no que lle esperaba un futuro próspero e florecente. Alí descubriu un mundo cheo de posibilidades, que lle permitiron desenvolver o seu talento como home de negocios, e mesmo chegou a ser unha figura distinguida no sector da industria do tabaco, un dos motores máis importantes da economía da illa. Se atendemos aos seus inicios, vemos que foron comúns ao resto dos emigrantes galegos procedentes de familias humildes, que seguían os pasos dalgúns familiares predecesores na aventura migratoria.
A súa vida, coma un lenzo en branco, foise enchendo de coñecementos e experiencias que nada tiñan que ver coas anteriormente vividas no seu lugar de orixe. Na Habana iniciouse no mundo tabaqueiro como aprendiz de oficio nos “chinchales” ‒talleres artesáns con poucos operarios‒, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Durante os anos oitenta do século XIX, na capital había máis de cen establecementos comerciais de tabaco e cigarros, con marcas acreditadas a nivel internacional. Pedro Murias chegou a ser fabricante e propietario de varias desas marcas, que formarían parte da gran manufactura de exportación por excelencia (La Meridiana, La Devesa, Pedro Murias etc.). Ademais de ser propietario de grandes extensións de terra dedicadas ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando, Pedro Murias diversificou os seus investimentos en diferentes sectores como, por exemplo, o transporte marítimo costeiro, o ferrocarril, inmobiliario, fabricación de cervexa e xeo, prensa e actividades financeiras vinculadas cos seguros e a banca.
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade. Trátase dunha escola que levaría o seu nome, Escola Agrícola Pedro Murias. A parte do seu capital hereditario destinada á construción da dita escola consta, con todo detalle, no testamento pechado outorgado con data do 22 de maio de 1892. Este adiñeirado benfeitor devesán faleceu na Habana o 9 de novembro de 1906, solteiro e sen descendencia directa.

21. 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión

O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Liderados por Antonio Díaz Novo, Manuel Areas Blanco, Ricardo Montero, Benigno Vieites, Domingo Traba, José Quintáns Pazos e Casto M. Insua, entre outros, fundaron a Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión. A importante colectividade integrada polos e polas emigrantes de Corcubión, Cee, Fisterra, Vimianzo, Muxía, Dumbría, Camariñas e Zas acudiu á chamada dos fundadores e asociouse en gran número á nova entidade, que chegou a contar con máis de 5000 socios na década dos 50, o que nos dá conta da súa importancia no ámbito da colectividade galega en Arxentina.
A defensa e a loita pola modernización da terra que os vira nacer e que tiveran que abandonar en busca de oportunidades foron sempre parte das súas prioridades. A súa unión serviu tamén para acadar protección e apoio mutuo ante as vicisitudes que se lles presentaron no país de acollida: a partir dos anos 30, os socios gozaron de servizos gratuítos de asesoramento legal, asistencia médica e farmacia ou socorros económicos puntuais para os máis desfavorecidos. Sobre todo destaca a súa contribución á educación dos nenos e nenas da comarca, algo esencial para o seu porvir laboral e económico. Na asemblea de socios de xuño de 1929 apróbase un ambicioso plan para construír nove centros escolares, un en cada concello do distrito e o noveno en Bos Aires. Sobre este tema pódese consultar a web As escolas da emigración, que o Consello da Cultura Galega publicou hai uns anos. A ABC chegou a inaugurar catro escolas, pero o seu proxecto educativo freouse polo estalido da Guerra Civil.
Nas páxinas do seu voceiro social, a revista Alborada, creada en 1925 e que hoxe continúa a publicarse, temos ampla información das actividades culturais, benéficas e recreativas levadas a cabo ao longo deste século de existencia.
Na actualidade o seu presidente, Carlos O. Ameijeiras Miñones, continúa co labor dos seus predecesores no cargo e visita a miúdo a terra dos seus antepasados para difundir a memoria histórica da asociación. Na conmemoración do seu centenario, o Consello da Cultura Galega publica este especial para manifestar o seu recoñecemento e parabéns a todos e todas as socias desta lonxeva institución por todo canto ben fixeron pola súa terra e desexarlles unha próspera andaina no futuro.

22. Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)

Durante o primeiro terzo do século XX no mapa da emigración galega figuraban países como Arxentina, Cuba, Uruguai ou Brasil, pois eran os que recibían os maiores continxentes de man de obra procedente de Galicia. Panamá non estaba na lista de destinos prioritarios para a diáspora galega. Non obstante, a principios de século converteríase nun foco de atracción temporal para un número bastante significativo de galegos; a maioría eran homes cun perfil determinado que, sen apenas decatarse, serían grandes protagonistas na historia que abordamos neste especial. O motivo que os levou a iniciar a aventura migratoria cara ao istmo foi participar nas obras de construción dunha canle que uniría dous grandes océanos, o Atlántico e o Pacífico: a canle de Panamá. A súa participación tivo lugar unha vez que Estados Unidos tomou o control da franxa ístmica destinada á execución das obras. Este feito foi propiciado a raíz do abandono e a venda deste ambicioso proxecto por parte da compañía francesa Compagnie Universelle du Canal Interocéanique (1881-1894). As obras foran iniciadas baixo a presidencia do francés Ferdinand de Lesseps, quen anteriormente dirixira a construción da canle de Suez. Os medios técnicos e os esforzos económicos non foron efectivos e derivaron no xurdimento da coñecida como Compañía Nueva del Canal de Panamá, o 21 de outubro de 1894. Porén, varios factores, como unha mala organización financeira e do traballo, o pouco ou nulo coñecemento sobre as enfermidades tropicais reinantes na franxa ístmica e un enfoque técnico desacertado do propio proxecto, derivaron nun fracaso irreversible. Este feito propiciou a intervención de Estados Unidos en 1898, co fin de chegar a liderar o seu propio proxecto, tras as accións intervencionistas para que Panamá acadase a independencia de Colombia, lograda en 1903.
Esa serie de acontecementos produciu un xiro substancial que estimulou a emigración galega a Panamá, fenómeno que non foi casualidade. A boa sona acompañaba os galegos, froito do fantástico rendemento que amosaron nas obras do ferrocarril da illa de Cuba. Este último feito sería un dos desencadeantes de toda esta historia. Para comprender as razóns polas que os homes galegos foron tan buscados e valorados cabe destacar a figura clave de John F. Stevens, o enxeñeiro xefe que se encargou de sacar adiante o proxecto entre 1905 e 1907 e do que falaremos máis adiante.
As estatísticas oficiais da Isthmian Canal Commission (ICC, Comisión da Canle Ístmica), no seu Informe para o ano fiscal finalizado o 30 de xuño de 1914, dan a cifra de 8798 españois, maioritariamente galegos, dun total de 45 107 homes importados pola compañía norteamericana. Esta cifra podería ser superior se temos en conta a emigración espontánea, non “inducida”, chegada incluso clandestinamente ás obras para a súa posterior contratación.
Nesta entrega nº 22 de Historias de ida e volta queremos facer unha pequena homenaxe a eses miles de galegos que traballaron arduamente e que ocuparon o primeiro posto en rendemento e volume dentro do grupo de obreiros europeos contratados pola ICC. A continuación presentamos algunhas imaxes e documentos que axudan a dilucidar, a grandes trazos, a contribución da man de obra galega nesta magna obra de enxeñaría civil.

23. Ares en Cuba: unha emigración mariñeira

Este novo especial vai dedicado a difundir a corrente migración dos pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentados na illa de Cuba desde mediados do século XIX. Os veciños de Redes, de Caamouco, da mesma vila de Ares e tamén de Mugardos, Narón, Miño… dominaron neste tempo o sector da pesca na badía da Habana e mesmo no golfo de México, traballando na frota pesqueira e no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Todos eles viviron e prosperaron co seu duro traballo no mar; os de maior éxito chegaron a ser propietarios de barcos ou a fundar empresas como a Compañía Cubana de Pesca y Navegación, S. A., que chegou a ser unha das máis importantes do sector na primeira metade do século XX.
As cadeas migratorias foron o principal factor que posibilitou a emigración masiva dos naturais da comarca de Ferrol á illa. Funcionaron ademais como un mecanismo de inserción laboral que confluíu na construción de «economías étnicas», caracterizadas pola adscrición maioritaria dos traballadores dunha comarca ou dun concello a uns oficios ou negocios específicos que controlaron na economía cubana ata o triunfo da Revolución. Os emigrantes aresáns, unha vez instalados no país, grazas á chamada e apoio dos seus veciños e familiares, e convertidos xa en propietarios de barcos ou dun pequeno negocio, reclaman pola súa vez outros familiares e coñecidos, aos que axudan a instalarse e conseguir traballo. Así vemos como se repiten os apelidos Casteleiro, Vizoso, Bello, Amado, Cancela, Prego, Ríos, López, Martínez, Blanco, Naveiras, Deus, Veiga…
Estes homes, emigrados moi novos pero coñecedores xa das artes de pesca na súa terra natal, comezan a traballar para os seus paisanos nos viveiros que faenaban na badía habaneira e nas costas de Iucatán, Campeche ou Florida; instálanse no barrio habaneiro de Casa Blanca, no que chegou a existir un enclave de barracas chamado «O Peixiño», cuxo nome evoca a colonia galega que alí vivía. Aínda que a pesca foi o sector maioritario, tamén destacaron no comercio, na hostalería e na explotación do carbón.
Estes emigrantes, con maior ou menor éxito, non esqueceron as necesidades da súa terra. Foron pioneiros na creación de asociacións de ámbito local en Cuba, coa fundación en 1904 da Alianza Aresana de Instrucción, que tiña como obxectivo principal fundar escolas no seu concello de orixe e contribuír ás necesidades dos seus paisanos. Pódense ver algúns dos seus logros na web As Escolas da Emigración do Consello da Cultura Galega.
A súa memoria tamén a percibimos nas rúas das vilas e aldeas da comarca nas casas indianas construídas polos emigrantes retornados, algunhas das cales podemos admirar no especial do CCG Ares Indiano feito en colaboración co Concello de Ares. Con este nome celébrase alí unha festa cultural e lúdica, e xa van cinco edicións, que pretende poñer en valor e gozar do legado histórico dos emigrantes desta vila mariñeira. Non queremos rematar sen recoñecer o meritorio labor cultural e divulgativo da Agrupación Instrutiva de Caamouco e dun dos seus fundadores, Ernesto López Naveiras, alma mater da publicación de A Tenencia, revista de historia local senlleira na cultura galega.

24. Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa

O fenómeno migratorio representa unha constante no imaxinario social galego. As súas influencias vense reflectidas no proceso de configuración da propia identidade de Galicia como pobo. Cando falamos dos diferentes destinos migratorios elixidos por milleiros de galegos e galegas para construír un futuro mellor, véñennos á mente países como Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil ou Venezuela, ademais de Suíza, Francia ou Reino Unido. Se analizamos o comportamento das cadeas migratorias desde moito antes da famosa etapa de emigración masiva, decatámonos de que Portugal ocupa un lugar de considerable importancia, pois foi un destino prioritario para moitos galegos, sobre todo pontevedreses e ourensáns, pola súa proximidade física e cultural. Sen entrar nos condicionamentos socioeconómicos e políticos que influíron na conduta migratoria dos galegos e galegas ao longo da historia, pódese afirmar que a principios do século XVIII comeza a ser numerosa a presenza dos galegos en Portugal, como así o reflicten as distintas crónicas de viaxeiros da época.
A emigración galega tiña fácil acomodo nun país que, xa no século XVIII, viña perdendo habitantes en idade laboralmente produtiva, froito do seu éxodo a Brasil como consecuencia da febre do ouro. Os galegos foron substitutos da man de obra no campo e nas cidades. Calcúlase que a principios do século XVIII había uns 30 000 galegos. Ao longo do XIX, Portugal chegou a ter 80 000 habitantes orixinarios de Galicia, pero a finais do século descendeu a 60 000 aproximadamente. Este descenso estaría marcado por un cambio de rumbo da corrente migratoria, ao converterse América no foco de atracción dos emigrantes galegos.
Nas cidades de Porto e Lisboa atopábanse dous terzos dos galegos emigrados a Portugal. Desempeñaban principalmente traballos de forza, tales como aguadeiros, repartidores de carbón a domicilio e mozos de carga. Tamén eran amoladores ou arranxaban paraugas nas rúas, sen esquecernos da existencia dunha emigración estacional, cuxa principal actividade era a de pedreiro.
Unha característica común á maioría dos emigrantes galegos é a súa alta capacidade de traballo e aforro, co obxectivo do progreso non só persoal, senón tamén das novas xeracións; a gran maioría conseguía que os seus fillos e netos recibisen unha boa formación académica. Existen moitos exemplos de homes e mulleres destacados nos distintos ámbitos de coñecemento e desenvolvemento económico, integrados con éxito na sociedade portuguesa.
Nesta ocasión dedicamos o especial de Historias de ida e volta a eses galegos que lograron crear a «casa galega» en Lisboa, aquela que naceu como iniciativa de 38 mozos entusiastas, iniciadores dun gran movemento asociativo que derivou na fundación, o 8 de novembro de 1908, da Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Sobre a súa historia e o papel desenvolvido polos seus promotores falaremos a continuación.

25. A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto

As remesas dos e das emigrantes galegas contribuíron á modernización social, política e económica de Galicia. Ámbitos prioritarios nese legado foron a educación e a cultura. Dende América chegaron cuantiosas doazóns para a construción e o mantemento de centros educativos e culturais como canle para o progreso da nosa terra.
A finais do século XIX e comezos do XX a corrente rexeneracionista e a defensa do hispanoamericanismo predominan na vida cultural española e das colectividades emigradas en América. Coa celebración do IV Centenario do Descubrimento de América comeza a valoración da cultura americana e do papel de España na súa formación. Así, foméntanse as relacións académicas entre as universidades da Península e de alén mar con intercambio de alumnos e profesores, publicacións e a creación de estudos americanistas.
Neste contexto ideolóxico un emigrante galego feito a si mesmo, Gumersindo Busto Villanueva, pon en marcha a iniciativa de crear unha universidade hispanoamericana que se localizaría en Santiago de Compostela, a súa cidade natal. O 30 de xuño de 1904 publica unha carta na prensa da colectividade en Arxentina pedindo axuda para este proxecto. Trataríase dun centro de estudos superiores co obxectivo de «difundir el conocimiento en Europa de cuanto atañe a América Latina, buscando el beneficio común y el efecto y confraternidad de los países hispanoamericanos». Axiña consegue adhesións de persoeiros e institucións da colectividade e mais de intelectuais e políticos americanos e españois. Non chegou a concretarse, aínda que deu orixe á Biblioteca América.
A partir de 1907 os seus esforzos centráronse na recollida de doazóns de todo tipo de obras científicas e literarias latinoamericanas para crear unha gran biblioteca especializada, que Busto ofreceu á Universidade de Santiago de Compostela (USC). A súa idea era que se inaugurase o 25 de maio de 1910 coa celebración do primeiro centenario da independencia de Arxentina, o seu país de acollida; mais non puido ser, pois a falta dun espazo onde situala e numerosas trabas burocráticas, xunto con certa desidia por parte do claustro, obrigaron a aprazar a data case vinte anos. Non foi tempo perdido. Gumersindo Busto continuou co seu labor de recollida por toda América, grazas a unha extensa rede de delegados e comisións creadas a tal fin. O obxectivo era conformar un fondo xeral no que estivese presente a maior cantidade posible de obras de autores americanos, independentemente da súa temática, para a formación de estudantes e interesados de calquera facultade ou disciplina. O seu carácter enciclopédico define este fondo, que abarca todas as disciplinas científicas da época: 11 400 monografías de todo tipo de temáticas (historia, dereito, literatura, ciencias, medicina, botánica, química…), prensa e revistas, folletos e teses, coleccións de moedas e billetes, exemplares de fauna americana, obxectos etnográficos, láminas, retratos e fotografías, bandeiras, bustos, mapas, vitrinas… foron chegando a Santiago na década de 1920. Finalmente a biblioteca foi inaugurada o 26 de xullo de 1926.
A Biblioteca América, obra dun emigrante, constitúe hoxe en día un legado sen parangón na cultura de Galicia que se debe difundir e poñer en valor na sociedade actual.

26. O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos

Os tesouros de Betanzos están á vista dos seus visitantes, pero non sempre sabemos cal é a historia real que gardan e o motivo da súa existencia. Algúns deles foron creados non só para producir fascinación senón tamén cun claro obxectivo de servir á comunidade. Tal é o caso de varias das numerosas obras filantrópicas dos irmáns García Naveira, dous indianos que fixeron fortuna en Arxentina e decidiron compartir parte do seu éxito no seu lugar de orixe, na procura do alivio dos máis vulnerables e do progreso educativo que abrise novos horizontes para a súa vila. Este especial está dedicado a dar a coñecer a xenerosidade e o amor pola terra presentes en Juan María e Jesús García Naveira, naturais do barrio da Ribeira e fillos de labregos humildes. Como tantos outros galegos —de finais do século XIX e principios do XX—, buscaron saída na emigración para crear un futuro máis próspero, adquiriron coñecementos á marxe dunha educación formal e fixéronse a si mesmos nun proceso de traballo-aprendizaxe típico do fenómeno migratorio da época. Ambos os irmáns son un claro exemplo do altruísmo materializado polos emigrantes máis venturosos, sempre na procura de sementar sobre o chan natal a caridade e a instrución.
En 1869 Juan parte cara a Arxentina. Un par de anos despois Jesús reúnese con el e xuntos chegan a ser destacados comerciantes no sector téxtil e financeiro. Tras vinte e catro anos de emigración, ambos retornan coas súas familias a España, Juan a Galicia e Jesús a Madrid. Este último faleceu en 1912, sendo aínda novo, vítima dun accidente fatal nunha das súas viaxes a Arxentina.
En 1908 fundan o Patronato Benéfico-Docente García Hermanos para a construción do asilo e as escolas García Hermanos. O lavadoiro público das Cascas é outra das obras postas ao servizo dos habitantes de Betanzos, entre as varias que se dan a coñecer neste especial nº 26 de Historias de ida e volta.
Se nos cinguimos ao período 1914-1933, podemos dicir que a acción educativa promovida polos irmáns García Naveira levou consigo o apoio do dereito de acceso á educación das novas xeracións brigantinas. Sen a súa intervención a comarca de Betanzos quedaría, como tantas outras comarcas galegas agrarias, sumida na desigualdade instrutiva das rapazas e rapaces máis desfavorecidos. A obra filantrópica destes indianos reflicte, en certa medida, un ideal de sociedade.
Sen máis interese que o de recibir o agarimo dos seus paisanos, ambos os irmáns manifestaron os desexos de progreso e benestar da súa vila a través dunha peculiar combinación de iniciativas que non só pretendían atender as primeiras necesidades de vellos e novos, senón tamén ampliar a visión do mundo que tiñan os betanceiros. Tal é o caso da creación do famoso Parque do Pasatempo, promovido por Juan García Naveira. A súa construción enmárcase entre 1893 e 1914 e coa súa creación pretendeu compartir vivencias e coñecementos adquiridos a través da súas viaxes por países como Exipto, Francia ou Italia e polo resto de España. Elementos distintivos de importantes cidades e lugares do mundo foron reproducidos nos xardíns deste pintoresco lugar. Á marxe do claro entusiasmo de Juan García Naveira por crear un espazo ampuloso e singular, sen igual en España, podemos dicir que O Pasatempo é un espazo pedagóxico complementario das escolas creadas por estes irmáns, como motor de cambio dunhas prácticas tradicionais pouco competitivas e ancoradas no pasado, atendendo á educación como compoñente do capital humano.

27. As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba

A creación de asociacións étnicas de diversa tipoloxía (mutualistas, benéficas, recreativas, instrutivas, agraristas…) vén dada pola solidariedade e empatía dos e das nosas emigrantes, sobre todo cos compatriotas máis desfavorecidos, fronte ás adversidades que atopaban nos países de acollida. A partir do último terzo do século XIX, alén da fundación dos grandes centros asistenciais e benéficos, comezan a aparecer na prensa da colectividade noticias e anuncios de grupos de veciños asentados alén mar que solicitaban axuda e apoio en forma de subscricións económicas a prol da súa localidade natal. Fomentábase así a unión da emigración orixinaria dun determinado lugar, parroquia, municipio ou comarca para enviar remesas coas que cubrir necesidades puntuais ou mellorar algúns aspectos da vida cotiá dos seus paisanos.
Nas primeiras décadas do século XX prodúcese a eclosión do movemento asociativo galego en todos os países de acollida, especialmente en Arxentina e na illa de Cuba. A primeira sociedade de ámbito local constituída como tal foi a Alianza Aresana de Instrucción, fundada na Habana en 1904. O seu exemplo espallouse axiña e, así, foise establecendo unha mesta rede de asociacións microterritoriais baixo as denominacións «Hijos de» ou «Naturales de», co obxectivo principal de mellorar as condicións de vida da veciñanza e familiares que quedaran aquí. Querían fomentar o progreso do terruño e para iso dedicáronse a construír e manter centros de ensino, promover melloras na atención sanitaria ou nas redes de comunicación e saneamento…, sen esquecer o apoio ao agrarismo e á loita anticaciquil. Nos países de acollida a axuda mutua entre socios e socias, as actividades recreativas e a defensa da cultura e da identidade galegas tamén tiveron unha ampla cobertura.
Este novo especial de Historias de ida e volta amosa algúns dos fitos acadados por estas asociacións creadas en Cuba. O Arquivo da Emigración Galega (AEG) ten contabilizadas preto de 200 sociedades de ámbito local fundadas na illa principalmente entre 1904 e 1918, o que nos dá idea da súa relevancia. Hoxe en día 43 destas asociacións continúan a traballar a prol dos seus socios, unidas baixo a denominación de Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios y Parroquias de Galicia. Algunhas manteñen a súa propia singularidade, como é o caso de Naturales de Ortigueira, Monterroso y Antas de Ulla ou La Aurora de Somozas. Todas elas contan co recoñecemento da galeguidade outorgado pola Xunta de Galicia.
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, leva realizado numerosas actividades de difusión da memoria histórica deste fenómeno, como a organización das exposicións Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración ou Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia. Dende a súa creación, unha das prioridades do AEG é a recuperación e salvagarda da documentación xerada por estas asociacións (libros de actas, regulamentos e estatutos, fotografías sociais, folletos e publicacións periódicas…), que nos permite estudar e dar a coñecer todo o seu legado. Gran parte destes fondos están dixitalizados e poden ser consultados, ben de maneira presencial, ben na nosa páxina web.

28. As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina

Por moitos é coñecida a grande influencia que tivo Arxentina como país de acollida de milleiros de emigrantes galegos, ademais dun considerable número de exiliados que, desde a outra beira do océano, participaron activamente na propia configuración social e política de Galicia e axudaron a consolidar a nosa identidade cultural.
Podemos observar como as estatísticas migratorias arxentinas proporcionan cifras asombrosas referidas ao volume de galegos e galegas que arribaron á terra porteña, ben temporalmente ou ben para permanecer nela o resto dos seus días. Entre 1857 e 1930 máis de dous millóns de españois chegaron a territorio arxentino e máis da metade eran naturais de Galicia. Na segunda vaga migratoria, entre 1946 e 1960, a cifra de galegos que chegaron ao país austral superaba os 100 000. Tras a súa chegada ao novo destino esperábaos unha ardua tarefa de procura de vivenda e traballo en terra descoñecida, o que os levaba a utilizar as redes de apoio e solidariedade constituídas por aqueles paisanos que simplemente se apresuraran máis aínda na súa aventura migratoria.
O asociacionismo étnico desempeñou un papel crucial na integración social dos e das emigrantes na sociedade de acollida e no exercicio da preservación da identidade cultural galega, en contraposición coa arxentina e coa doutras colectividades estranxeiras residentes no país. Os emigrantes galegos utilizaron todas as modalidades de procedencia territorial —rexional, provincial, comarcal, local e mesmo parroquial— á hora de crear asociacións étnicas espalladas polo territorio arxentino. Os obxectivos eran comúns aos do resto de entidades societarias alí creadas, é dicir, de beneficencia e de carácter mutualista, cultural, recreativo, deportivo etc. Este tipo de asociacións servían de guía aos que acababan de chegar e descubrían o mundo urbano, no que se vían multiplicadas as posibilidades de mobilidade social.
Nesta ocasión o especial está dedicado a aquelas sociedades de emigrantes que proliferaron en Arxentina como representantes dun partido xudicial, concello ou parroquia galegos, das que poñemos varios exemplos. Polo seu carácter microterritorial, este tipo de entidades sufrían, con certa frecuencia, procesos complicados de escisión e unión con outras homólogas. Moitas delas ingresaron na Federación de Sociedades Gallegas ou quedaron diluídas no Centro Galego de Bos Aires, segundo os seus intereses e ideais políticos. Ademais de procurar o benestar das súas comunidades de orixe, a maioría delas foron partícipes en proxectos de moita repercusión en Galicia, como a construción das primeiras escolas na súa parroquia, cemiterios, lavadoiros públicos etc.
Foi notoria tamén a participación das asociacións microterritoriais nas iniciativas de carácter político, como a campaña solidaria pola defensa da España republicana, o apoio a refuxiados etc. A distancia oceánica non impediu que diversos avances chegasen ao seu destino. O asociacionismo microterritorial tivo partidarios e detractores, pois tamén foi tachado de «pauperismo minifundista» polos que pedían o «apartamiento de las cosas menudas y finalidades sin trascendencia». De calquera xeito, non hai dúbida sobre a súa importancia e transcendencia como axentes que marcaron parte da historia da emigración galega en Arxentina.

29. Voceiros da colectividade galega na emigracion

Neste maio de celebración e defensa da nosa lingua e cultura, este especial de Historias de ida e volta presenta unha escolma das cabeceiras de xornais, revistas e boletíns editados pola colectividade galega espallada polo mundo. Foron elixidas para dar certa representatividade a toda a prensa da emigración, nomeadamente ás publicacións feitas polas asociacións dos e das emigrantes galegas nos principais países de acollida durante o século XX.
Unha das características da nosa emigración foi o seu esforzo de integración nas sociedades de acollida mais sen esquecer a defensa da súa propia identidade cultural. Algúns sectores da elite da colectividade emigrada iniciaron no último terzo do século XIX un labor propagandístico e informativo coa edición de xornais e revistas dende os que se artellou unha conciencia política e cultural propia para os e as galegas. Estas publicacións constitúen un valioso testemuño da importancia, evolución e características dos e das protagonistas do fenómeno migratorio. A primeira publicación galega alén mar foi La Gaita Gallega, editada na Habana en 1872 e recuperada por Ramón Armada Teixeiro e Manuel Lugrís Freire en 1885, cando editaron o primeiro xornal escrito na nosa lingua. En 1878 o xornalista Waldo Álvarez Ínsua dirixiu tamén na Habana El Eco de Galicia. Revista Semanal de Ciencias, Arte y Literatura coa finalidade de ser «el defensor de nuestros intereses, de nuestro buen nombre y una prueba de nuestra cultura e ilustración». Ideario similar tiveron outras publicacións posteriores como El Gallego (Bos Aires, 1879), El Eco de Galicia (Bos Aires, 1892), Tierra Gallega (A Habana, 1894), Correo de Galicia (Bos Aires, 1908), Eco de Galicia (A Habana, 1917), Céltiga (Bos Aires, 1924) etc., por citar só algunhas das máis recoñecidas. Xa nos anos corenta e cincuenta ven a luz, froito do labor cultural das e dos exiliados galegos en América, Galeuzca (Bos Aires, 1945), Galicia Emigrante (Bos Aires, 1954) ou Vieiros (México, 1959). No Repertorio da prensa da emigración galega pódense consultar máis de 750 publicacións galegas editadas fóra da nosa terra polos nosos emigrantes.
Neste especial queremos dar a coñecer o importante labor editorial das asociacións de emigrantes tanto en América como en Europa. Cos seus voceiros mantiñan informados aos socios das súas actividades instrutivas, recreativas e culturais, da acción mutualista e solidaria e do funcionamento da entidade, con abundante información sobre a vida cotiá da colectividade; tamén reproducían noticias da prensa galega e española, ademais de poemas e fragmentos de obras literarias de autores galegos recoñecidos. Nos títulos das cabeceiras predominan os termos ‘Galicia’, ‘gallego’, ‘adiante’, ‘airiños’, ‘terra’, ‘alborada’, ‘saudade’…, que nos retrotraen á nosa patria e á nosa lingua, e nas súas páxinas podemos ver fotografías e ler artigos sobre a paisaxe e as vilas galegas, o patrimonio artístico e cultural, as figuras máis relevantes da nosa cultura ou o progreso e a economía de Galicia. O Arquivo da Emigración Galega (AEG), no seu labor de divulgación, organizou en 2015 unha exposición titulada Galicia imaxinada nas revistas da emigración , na que se fixo un percorrido por algunhas das máis icónicas.

30. A pegada indiana na Mariña lucense

Dende o Arquivo da Emigración Galega (AEG) levamos dous anos e medio compartindo pequenas pílulas de coñecemento sobre a historia do fenómeno da emigración e o exilio en Galicia a través da publicación de Historias de ida e volta. Este especial é o número 30 e corresponde ao mes de xuño. Aínda que se titula A pegada indiana na Mariña lucense , non só queremos destacar o labor filantrópico e desinteresado que moitos indianos mariñaos realizaron co fin de achegar un maior benestar nas súas parroquias ou concellos de orixe, senón tamén facer unha chiscadela ao labor colectivo desempeñado por aqueles veciños que uniron esforzos mediante a creación de sociedades étnicas microterritoriais no país de emigración a principios do século XX. Estes emigrantes, entre outras obras realizadas, recadaron o capital preciso para a construción e mantemento de escolas en que os máis cativos e cativas recibirían a formación educativa elemental. As entidades societarias funcionaron como motores de progreso cultural en toda Galicia.
De moitos é sabido que a fermosura natural da comarca da Mariña lucense se ve reforzada polas edificacións de estilo indiano repartidas polos seus dezaseis concellos, que ocupan unha superficie de 1660 km2: Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Xove e Viveiro. Pódense contemplar suntuosos palacetes de arquitectura indiana e pintorescas escolas que engalanan a paisaxe mariñá. Os destinos dos seus benfeitores foron principalmente Cuba e A Arxentina, países cheos de oportunidades para os emigrantes máis persistentes no seu empeño de buscar un mellor futuro. Nesta ocasión destacamos a figura dos seguintes indianos: Pedro Murias Rodríguez, Manuel Candia, Jesús Rodríguez Murias, os irmáns Moreno Ulloa, Carlos Couto Pulido, José María Fernández Montenegro, Ramón González Fernández e Francisco Maseda Villamil.
Ademais mencionamos algunhas obras promovidas por varias sociedades microterritoriais como Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires, Círculo Habanero de La Devesa ou Centro de Benquerencia, Sociedad de Instrucción y Recreo.

31. O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica

A filantropía das persoas emigrantes foi un feito esencial no desenvolvemento educativo e cultural da Galicia dos séculos XIX e XX, e en consecuencia do seu despegue económico e da súa evolución social e política. Grazas á creación de centos de escolas construídas coas remesas de alén mar, a sociedade galega puido progresar.
Este especial céntrase na figura e obra do filántropo Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto (Cee, 18 de outubro de 1796 – A Habana, 5 de abril de 1875), un indiano enriquecido na illa de Cuba que non retornou a Galicia pero mantivo sempre na súa memoria afectiva a súa vila natal e as súas xentes. Pódese consultar a súa biografía na web do Consello da Cultura Galega, no Álbum de Galicia. O seu legado, exemplo de xenerosidade e altruísmo, foi xestionado por un padroado encargado de levar a bo termo os seus desexos. Edificáronse dous magníficos edificios –o colexio-instituto que leva o seu nome e a escola de nenas–, que hoxe en día manteñen a súa hexemonía na arquitectura urbana de Cee, vila que progresou grazas á súa xenerosidade. Nestes centros educativos recibiron instrución gratuíta numerosas xeracións de nenos e nenas da comarca de Fisterra cos máis innovadores plans educativos, de clara vocación humanista e científica. Ademais, fomentouse a cultura da bisbarra con cursos de alfabetización para adultos, a concesión de bolsas para o alumnado máis avantaxado, aulas de música e teatro con actuacións para toda a veciñanza ou a apertura da biblioteca do colexio-instituto a toda a poboación. A Fundación Fernando Blanco de Lema sufragou numerosas iniciativas de gran calado para o progreso socioeconómico da contorna: dende a realización de campañas de vacinación ou a instalación dunha farmacia con medicamentos subvencionados ata investimentos en obras públicas como a instalación do teléfono e da luz eléctrica na vila (1906), o arranxo de estradas, a construción dun novo cemiterio...
Con este especial, o Arquivo da Emigración Galega quere difundir a grande obra de filantropía deste indiano, sempre presente na memoria colectiva dos seus paisanos. Na nosa web As Escolas da Emigración Galega pódese coñecer a súa figura e o seu legado educativo.

32. A emigración galega nos Estados Unidos

Estados Unidos non foi un dos destinos prioritarios para a emigración galega, que tivo outras áreas receptoras máis importantes como Cuba, A Arxentina, Uruguai, Brasil ou México, entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX. Os datos numéricos analizados polos investigadores deste fenómeno desvelan que o volume da colectividade española alí residente comezou a medrar de 1900 a 1924, período en que se contabiliza unha entrada legal de 188 414 efectivos, aínda que debemos ser prudentes coas cifras, pois varían moito dependendo da fonte de referencia empregada.
As diferenzas culturais e idiomáticas desempeñaron un papel importante no proceso migratorio cara aos Estados Unidos. Ademais, é preciso considerar a repercusión das diversas leis de cotas (1921, 1924, 1926 etc.), a través das que o Goberno estadounidense aplicaba as restricións relativas ao número de ingresos de cidadáns procedentes de España, o que fixo que o número de visados por «agrupación familiar» fose limitado. Quizais por estes motivos, Estados Unidos é un dos destinos menos estudados da emigración española, en xeral, e da galega, en particular.
Existe unha característica peculiar da emigración galega a terras estadounidenses nos seus inicios: a re-emigración, protagonizada por varóns solteiros na procura de oportunidades laborais, previo paso pola illa de Cuba e outros países de América Latina marcados por unha deterioración política, económica e, polo tanto, social desde finais do século XIX e primeira década do XX. Un dos primeiros exemplos que nos ven á mente é o representado por aqueles traballadores galegos que tiveron que cambiar a industria tabaqueira da Habana pola creada en Tampa, no estado de Florida. Nova York é outro dos estados que máis emigrantes galegos aglutinou, xunto co veciño de Nova Jersey. Tamén hai presenza galega en Luisiana e California.
Aínda que non foi un colectivo destacado polo seu volume, en comparación co resto dos grupos étnicos acollidos nos Estados Unidos, pódese afirmar que os galegos tiveron boa aceptación na sociedade norteamericana, principalmente polo seu espírito de traballo e superación. Aínda así, ás veces o medio tornábase un tanto hostil, sobre todo polas diferenzas idiomáticas e culturais, moi afastadas dos seus propios signos de identidade persoal.
Durante a década de 1930 diminuíu de maneira substancial o fluxo de saídas dos coñecidos como emigrantes económicos. Ademais, fóronse sumando á pequena corrente que se mantiña activa os exiliados políticos amparados pola colectividade galega residente nos Estados Unidos, sobre todo en Nova York. Temos o caso significativo do propio Alfonso Daniel R. Castelao, quen deixou unha pegada profunda na colectividade galega ao seu paso pola metrópole neoiorquina (1938-1940). Sendo ministro do Goberno republicano no exilio, foi o primeiro socio de honra da Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York, entidade que lle manifestou en 1946 o seu desexo da firme adhesión á República. Outros intelectuais galegos exiliados acollidos nos Estados Unidos —aínda que moitos deles por breve período de tempo— foron: Basilio Álvarez, Xosé Castro, Emilio González López, Constantino Fernández Cancio, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Emilio Flores Pérez, Xoán García Gómez, Eugenio Granell, Ernesto Guerra da Cal, Lino Novás Calvo, José Novás García, Virxinia Pereira Rende, José Rubia Barcia, Luís Soto Fernández, Ramón Suárez Picallo, Lois Tobío Fernández, Claro José Sendón ou Eliseo Torres.
Ao longo da historia do fenómeno da emigración galega foise demostrando que o asociacionismo étnico serviu para fortalecer e reforzar as bases da propia identidade cultural a pesar das distancias que, ás veces, se facían infinitas e escapaban da propia imaxinación.
Aínda que a vida asociativa dos galegos nos Estados Unidos tiña un formato máis modesto que noutros países do continente americano, iso non minguou a súa operatividade e compromiso histórico. As entidades societarias alí creadas convertéronse en centros neurálxicos que ían máis alá do puramente mutualista e recreativo. Ademais da emblemática Casa de Galicia de Unidad Gallega da área de Nova York (1940), imos mencionar sociedades de emigrantes máis representativas a nivel microterritorial: Sada y sus contornos, Sociedad de Instrucción y Apoyo (Nova York, 1913), Unión del Porvenir de Taborda-Piñeiro (Nova York, 1918), Centro de Instrucción y Recreo de Bergondo y sus contornos (Nova York, 1924), Socorros Mutuos Muradanos (Nova York e Newark, 1927), Hijos de Palmeira (Newark, 1929), Unión Cultural Bueu, Beluso y sus contornos (Nova York, 1929), Centro Orensano Social Club (Nova Jersey, 1964), Peña Galega-Club España (Newark, 1964), Casa de Santa Marta de Ortigueira (Miami, 1972 ) e Peña de Galicia del CEOC-California (1989). Resulta fácil deducir os lugares de procedencia dos emigrantes a través da denominación das asociacións creadas por eles, así como tamén a evidencia de que o estado de Nova York contaba con maior representatividade para determinadas localidades da costa galega.

33. O galeguismo en América

Unha das características da colectividade emigrante galega foi a creación dun imaxinario colectivo e dunha identidade propia e definida. Os primeiros centros galegos e as máis de catrocentas asociacións de ámbito local ou parroquial tiñan entre os seus obxectivos acadar o progreso de Galicia e preservar a identidade cultural galega nas novas sociedades cosmopolitas. Entre as súas iniciativas está a creación e pulo dos símbolos nacionais de Galicia ou a constitución da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega.
A colectividade galega non permaneceu allea aos cambios políticos que acontecían na Galicia peninsular. O agrarismo, sobre todo tras a viaxe en 1913 do seu líder Basilio Álvarez a Cuba e a Arxentina, imponse no ideario de moitas das asociacións, que converten a loita anticaciquil e antiforal no seu referente ideolóxico.
A fundación da primeira Irmandade da Fala en 1916, que se considera como o xermolo do nacionalismo galego, ten unha importante repercusión alén mar. De América chegan cartos para a publicación de libros e folletos e para a organización de mitins a prol dunha nacionalidade propia, pero sobre todo para a constitución de asociacións cun marcado carácter galeguista. En Cuba créanse, entre outras, a Irmandade da Fala da Habana (1917), a Xuntanza Nazonalista Galega da Habana (1920) ou o Comité Revolucionario Arredista Galego (1921), liderado por Fuco Gómez. En Bos Aires destacan neses anos a Asociación Regionalista “A Terra” e a primeira Casa de Galicia. O galeguismo da Irmandade da Fala na Arxentina significou a aparición dunha nova xeración de activistas políticos e intelectuais que serán o foco de inspiración do futuro político da colectividade emigrada: Eduardo Blanco-Amor, Ramiro Isla Couto, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Pedro Campos Couceiro, Lino Pérez… integran este núcleo galeguista. Todos eles forman parte da Irmandade Nacionalista Galega (1923) e da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales (FSGAyC) (1921), que apoiará economicamente as súas actividades de difusión política. Dende as páxinas da revista Céltiga (1924) e doutros xornais étnicos publícanse artigos que defenden a súa ideoloxía cunha gran repercusión.
Co remate da ditadura de Primo de Rivera hai unha reactivación da actividade política nacionalista. Fúndase na Coruña a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que consegue unificar varias vertentes ideolóxicas nacionalistas e de esquerdas, e que axiña recibe apoios dende A Arxentina. A ORGA bonaerense, baixo o patrocinio da FSGAyC, realiza campañas de propaganda nas páxinas do seu voceiro Galicia a prol da República e do Estatuto de autonomía, e organiza numerosos actos para recadar fondos que enviar a Galicia. Moitas asociacións microterritoriais progresistas (como as de Meira, A Fonsagrada, Meaño, Salvaterra…) publican manifestos a favor da República e da autonomía de Galicia que mandan ás súas vilas de orixe. A participación dos emigrantes tivo o seu principal logro no envío dunha delegación para participar na campaña electoral ás Cortes constituíntes, que acadou un grande éxito que se viu reflectido na elección de Suárez Picallo como deputado.
A constitución do Partido Galeguista en decembro de 1931 recibiu o apoio de gran parte dos emigrantes de alén mar e tivo como eixe máis significativo a intensa campaña a prol do Estatuto e da autonomía de Galicia por todo o continente. O seu triunfo nas eleccións de 1936 foi acollido con grande entusiasmo. Tras o plebiscito do 28 de xuño de 1936, no que se aproba por maioría o Estatuto de Galicia, comezan os trámites para a súa presentación ante as Cortes, pero o estalido da Guerra Civil paraliza o proceso. A guerra tivo un grande impacto na colectividade galega, pois xerou unha forte división nela e unha importante loita polo control político das institucións representativas da emigración. Cómpre destacar as iniciativas de axuda aos refuxiados como precedente da importancia que terán as colectividades emigradas e exiliadas na actividade cultural e política durante a «longa noite de pedra» que se estaba a vivir na Península.

34. A pegada educativa da emigración galega en América

O impacto económico e cultural das e dos emigrantes galegos en Galicia é un fenómeno suficientemente abordado nas distintas publicacións científicas sobre o proceso migratorio. Así e todo, o seu coñecemento continúa perfeccionándose coa ampliación de estudos de investigación, que sempre acaban achegando novos datos e curiosidades e contribuíndo á reconstrución da memoria colectiva da emigración galega.
A saída de milleiros de galegos e galegas ao continente americano provocou o impulso de centos de iniciativas para a construción de escolas —entre outras moitas obras de contribución ao desenvolvemento agrícola, mercantil, industrial, asistencial etc.— que se foron espallando pola xeografía galega e das que demos conta, en varias ocasións, desde o Arquivo da Emigración Galega. A maioría delas foron promovidas como un proxecto de carácter colectivo, mediante as actuacións organizadas polas sociedades de emigrantes galegos en cada país de acollida. Porén, tamén se levaron a cabo proxectos educativos de carácter individual a través da figura dos indianos. O grao de éxito destas iniciativas fala por si só, sen necesidade de entrar en valoracións cuantitativas. As escolas foron creadas en Galicia coa clara finalidade de atender as necesidades educativas de rapazas e rapaces galegos que, talvez, poderían chegar a protagonizar a mesma experiencia migratoria que a dos seus paisanos. Nese caso, trataríase de mulleres e homes novos, dispostos a traballar e que decidirían coller rumbo a novas latitudes, pero con máis ferramentas para desenvolver unha actividade económica próspera no país de destino.
Se falamos sobre a pegada educativa da emigración española e galega en América, podemos observar que a máis estudada foi a deixada polas organizacións de carácter relixioso nos distintos países do continente. Estas construíron unha enorme rede internacional de obras a grande escala que inclúen colexios, escolas de artes e oficios, universidades, centros xuvenís, etc. As ordes relixiosas acadaron unha grande expansión numérica no mundo. Temos como exemplos os xesuítas, salesianos, franciscanos, dominicos, maristas, agostiños ou misioneiros do Sagrado Corazón, entre outros.
Neste especial de Historias de ida e volta falaremos das accións da emigración galega en sentido inverso, é dicir, dos proxectos desenvolvidos pola colectividade galega en América referidos á creación de academias e centros educativos de maior alcance, construídos en varios destinos significativos da nosa emigración como Cuba, A Arxentina, O Uruguai, O Brasil, México e Venezuela. A construción destes centros non foi tarefa doada, pero a súa consecución supuxo a representación dos galegos e galegas como grupo étnico dentro dos países de acollida e tamén cumpriu o propósito de asegurar o vínculo das novas xeracións descendentes de emigrantes coa lingua e cultura de Galicia.