O Portovello, situado na marxe dereita do Miño, preto da desembocadura do río Loña, foi o máis antigo dos dous portos fluviais que servían á cidade de Ourense, e vía principal para o paso de mercancías, fundamentalmente viño, cara a Compostela. Coa reconstrución da Ponte a mediados do século XIII, perde boa parte da súa importancia como vía de paso, protagonismo que recupera en 1431 cando se derruba o arco central da ponte e esta queda intransitable. É neste contexto no que se redacta o Libro do Portovello [ACO] para recoller a documentación do preito no que o cabido e o bispo aurienses disputan o control da barca do Porto Vello e das rendas de pasaxe derivadas do seu uso. O Libro , redactado en galego e, en menor medida, castelán, cunha estilizada letra cortesá, recolle trinta documentos, datados entre 1394 e 1431, estruturados en tres bloques. O primeiro inclúe o nomeamento dos homes bos que actúan como xuíces árbitros do preito e a presentación de procurador, testemuñas e documentación das partes; o segundo está centrado na probanza coa declaración das testemuñas do bispo, e o terceiro recolle a sentenza a favor do cabido, o acatamento do procurador do bispo e a toma de posesión da barca realizada polos representantes capitulares.
Titulo Libro do Portovello
Autoría Beatriz Vaquero Díaz
Francisco Javier Pérez Rodríguez
Presentación Rosario Álvarez
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2020
Edición 1ª Edición
Descrición física 143 p.
Notas Contén: 1. Presentación (p. 8). 2.- Introdución: O control dos pasos do Miño no Ourense medieval: o preito do Portovello (p. 13); O manuscrito e a súa edición (p. 24). 3.- Libro do Portovello (p. 31) . 4.- Índice toponímico (p. 113). 4.- Índice antroponímico (p. 125).
ISBN 978-84-17802-15-8
Depósito Legal C 528-2020
Colección Gallaeciae Monumenta Historica
Materias
Áreas
Código QR