Neste informe expóñense o deseño, desenvolvemento e propostas de consolidación da colección especial Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia, promovida polo Consello da Cultura Galega seguindo as liñas de traballo activadas pola súa Comisión de Igualdade.

Desde as súas orixes en 2005, para a Comisión de Igualdade do CCG, a recuperación de fondos e da memoria do movemento feminista de terceira onda emerxe como unha tarefa que cumpría comezar a realizar con certa urxencia e cunha planificación axustada. A importancia dos materiais e documentos creados por colectivos, grupos e organizacións feministas é indiscutible, mais a bibliografía, a pesar de experimentar importantes incrementos nos últimos anos, segue a ser escasa, e a documentación está dispersa e, con frecuencia, desaparecida ou en estado ruinoso.

Esta iniciativa está deseñada para a reunificación parcial, conservación, posta en valor e difusión da documentación e materiais xerados por diferentes grupos e colectivos identificados co feminismo e que desenvolveron e/ou seguen a desenvolver a súa actividade en Galicia desde mediados de século XX. Nas fórmulas de traballo empregadas súmanse experiencias e articúlanse propostas en que se combinan diferentes métodos e técnicas de investigación, documentación, arquivísticas e de conservación ou museísticas. Os traballos requiren dunha exhaustiva identificación e localización de fontes e dun deseño axustado de propostas destinadas a asentar, facilitar e axilizar o desenvolvemento, a difusión e o uso en investigación da colección especial Recuperación da documentación e memoria do MFOG do CCG.
Título Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia
Autoría Carmen Pérez Pais
Mariám Mariño Costales
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2013
Edición 1ª edición
Descrición física 168 p. ; 28 cm.
ISBN 978-84-92923-45-8
Depósito Legal C 539-2013
CCG. Signatura CCG 2013 440
Url externa Catálogo RBG
Colección Documentos & Informes
Materias
Áreas
Código QR