Iago Seara Morales

----

Iago Seara Morales

1948 Ourense
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Iago Seara Morales

1948- Ourense

Arquitecto. Titulouse na Escola Superior de Arquitectura de Madrid. Secretario do COAG (1980-1981). É dende 1991-1993 Máster de Restauración pola Fundación Camuñas. Colaborou no nacemento da revista Obradoiro. Foi xefe de servizo de Patrimonio Arquitectónico (1983-1991) e director xeral de Patrimonio Histórico e Documental da Consellaría de Cultura (1991-1993), cando se intentou levar a cabo o Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e se realizaron as exposicións Santiago, Camiño de Europa; Santiago e América e a campaña de 1992-93 para a investigación e restauración do Pórtico da Gloria. 


Realizou obras de restauración ou rehabilitación do patrimonio arquitectónico como a Biblioteca do Parlamento de Galicia, o edificio do Valedor do Pobo en Santiago de Compostela, a rehabilitación da Sala de Armas do Arsenal Militar de Ferrol para aloxamentos de tropa e apoio ás fragatas F-100, a Casa do Gobernador do Castelo de San Felipe de Ferrol, a restauración das cubertas do Pórtico da Gloria (2010-2012) e o Plan Director do Conxunto Catedralicio de Tui (2004) así como varias intervencións restauradoras. Foi asistente de Álvaro Siza (1991-1993) no proxecto e na dirección de obra do CGAC. 


Membro do Consello da Cultura Galega dende 1998 até 2016. Tamén é membro de ICOMOS dende 1995, onde formou parte da xunta directiva nacional de 1997 a 2003, e, dende 2003, é vogal da xunta directiva de Hispania Nostra; na actualidade é o representante da xunta directiva de Hispania Nostra en Galicia. Foi codirector do Máster de Restauración na ETSA da Coruña entre 1996 e 2006. Actualmente exerce como profesor nas materias de Proxectos V e Teoría da Composición e Patrimonio e é colaborador do Máster de Rehabilitación da ETSA e da USC.


De 2010 a 2018 foi codirector do proxecto de restauración do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. Autor do proxecto e director nas obras de restauración e reposición do pináculo da torre do campanario de San Martiño Pinario; consolidación e eliminación do gran contraforte da basílica do mosteiro de Melón; restauración do Mosteiro de Ferreira de Pantón; restauración das cubertas pétreas da Catedral de Santiago de Compostela, nave principal e transeptos (concurso aberto).


Recibiu, entre outros galardóns, o Premio COAG de Obra Nova (1990); o Premio AEPD de Deseño, na V edición; o Premio Internacional Forestalia á Construción en Madeira (2001) na categoría de mellor solución técnica con uso de madeira no I Premio Internacional Forestalia á Construción en Madeira 2001 e a Medalla de Prata da Asociación Española de Amigos de los Castillos (2009).

Iago Seara Morales nas actividades do CCG