A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega recibiu na mañá deste mércores os representantes do Grupo Parlamentario do Partido Popular de Galicia (PPdeG). Na xuntanza abordáronse cuestións relacionadas coa situación da lingua galega, a lectura en galego, a accesibilidade á cultura, así como os desafíos e oportunidades que presentan para a cultura galega a intelixencia artificial. O encontro enmárcase na rolda de contactos que a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, está a manter cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. As visitas continuarán este xoves co Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia.
16/09/2026
15/09/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu na mañá deste martes a visita do alumnado de quinto de secundaria do colexio hispano arxentino Santiago Apóstol. No encontro explicoulles o funcionamento da institución e a súa actividade, con especial atención aos recursos e materiais relativos a Arxentina. «É unha visita moi especial que agardamos con moito afecto desde a institución, porque sodes tamén unha parte de Galicia», sinalou Dolores Vilavedra durante a súa intervención.
11/09/2026
A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega recibiu na mañá deste venres a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón. A reunión enmárcase na rolda de contactos que a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, manterá nas vindeiras semanas cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia.
10/09/2026
A sede da institución acolleu na mañá deste xoves a 23ª edición do simposio anual da Asociación Galega de Editores, que leva por título "Apoio institucional ao comercio exterior do sector editorial". A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, participou na inauguración da sesión ratificando o compromiso co sector do libro e a lectura. Na súa intervención anunciou que nas vindeiras semanas se poñerá en marcha o xa anunciado estudo sobre a lectura en galego. Pola súa parte, Fran Alonso, vicepresidente da asociación, lembrou que este ano o encontro pretende coñecer outras experiencias de éxito que están a funcionar para falar de apoio institucional e de comercio exterior.
08/09/2026
“Proxector”, especial de divulgación en lingua galega promovido polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), regresa este mes cunha nova escolma de audiovisuais dedicada á xestión forestal como ferramenta para previr os incendios e favorecer un aproveitamento sustentable do territorio.
14/08/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) expresa a súa satisfacción pola declaración do conxunto patrimonial de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, formalizada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática e publicada hoxe, venres 14 de agosto, no Boletín Oficial do Estado.
14/08/2026
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o vindeiro 22 de setembro, en Santiago de Compostela, o segundo encontro sectorial «A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate». A xornada dará continuidade ao proceso de reflexión iniciado o pasado 14 de xullo e centrarase nos modelos de xestión e dirección dos museos e centros de arte contemporánea, na gobernanza das institucións culturais e nas políticas culturais públicas. A inscrición, xunto co programa completo da actividade, ábrese o vindeiro 7 de setembro. Ademais, desde hoxe habilitouse no web do CCG un cuestionario de dez preguntas que permitirá recoller a opinión do sector e ampliar o número e a diversidade de voces incorporadas á reflexión.
11/08/2026
Non mirar ao Sol sen anteollos homologados, evitar desprazamentos innecesarios, planificar as viaxes e prever posibles retencións, ou organizar puntos de observación seguros e accesibles, con servizos e control de aforo. Son algunhas das recomendacións recollidas no documento Esperando a eclipse total de Sol. Recomendacións para as administracións públicas e a cidadanía, elaborado por un grupo de especialistas en astronomía, meteoroloxía, divulgación científica e saúde visual e presentado polo Consello da Cultura Galega o pasado mes de marzo. Ante a proximidade do fenómeno, o CCG volve poñer o documento a disposición das administracións e da cidadanía como guía para unha observación segura, ordenada e planificada.
11/08/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora ao seu patrimonio documental un fondo sonoro dixitalizado sobre Enrique X. Macías (Vigo, 1958-1995), resultado de varios anos de traballo de recuperación, investigación e dixitalización desenvolvido polo percusionista e investigador Roberto Oliveira-Ogando. A sede da institución acolleu esta mañá o acordo da cesión que asinaron a presidenta, Dolores Vilavedra; o investigador Roberto Oliveira; coa asistencia da alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e do director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo. “É un exemplo de colaboración entre moitas entidades que permite contribuír a preservar o noso patrimonio musical” apuntou a presidenta no marco do acto.
07/08/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) será distinguido como Entidade Arraiana 2026 no marco das IX Xornadas Arraianas, que se celebrarán este sábado, 8 de agosto, en Entrimo (Ourense). O recoñecemento, promovido polo Colectivo Arraianos, pon en valor o compromiso da institución coa investigación, difusión e preservación da cultura e da memoria compartida dos territorios de fronteira entre Galicia e Portugal.
19/07/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) ofreceuse como espazo de encontro, mediación e coordinación para contribuír ao fortalecemento da rede de Centros de Estudos Galegos (CEG), unha das principais ferramentas para a difusión internacional da lingua e da cultura galegas. A proposta formulouse no marco da xornada “Os Centros de Estudos Galegos a debate”, que reuniu o pasado venres no Consello especialistas de universidades europeas e americanas, persoal lector e responsables de políticas de internacionalización lingüística para analizar a situación actual da rede e identificar posibles liñas de mellora.
17/07/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, mantivo este venres un encontro co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para abordar os detalles da proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A presidenta congratulouse de que o documento recollese unha parte importante das propostas formuladas polo CCG no documento de conclusións do foro Un país coa súa lingua, presentado o pasado mes de outubro, aínda que que se aprecian diferenzas no alcance dalgunhas medidas e nos instrumentos previstos para a súa aplicación. No encontro estaba tamén presente Valentín García, secretario xeral da Lingua.
16/07/2026
Mery Pais (Santiago, 1990), Julia Huete (Ourense, 1990), Rosendo Cid (Ourense, 1974), Manuel Quintana Martelo (Santiago, 1946) e Yolanda Dorda (Barcelona, 1975) son os cinco artistas que se incorporan a Atalaia, plataforma web de creación contemporánea galega que promove a Sección de Arte e Creación Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG). Entrevistas, biografías e unha escolma da súa obra incorpóranse á plataforma que pretende contribuír a dar a coñecer a plástica galega.
16/07/2026
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, doce exemplares de Rosalía, revista mensual. Trátase do primeiro ano de vida da publicación editada pola delegación de Santiago de Cuba do Centro Galego de Cuba.
14/07/2026
A creación dunha mesa sectorial permanente como canle de diálogo entre o sector das artes visuais e as administracións, a necesidade de reforzar a gobernanza independente e a autonomía das institucións culturais, a recuperación dun plan director para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o cumprimento do Código de Boas Prácticas e a incorporación de mecanismos de transparencia nos procesos de selección figuran entre as principais conclusións do primeiro encontro sectorial titulado “A xestión dos espazos expositivos en Galicia”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Estas propostas completaranse coas achegas do segundo encontro, previsto para o 22 de setembro, e servirán de base para un informe final que o CCG presentará no último trimestre do ano.
10/07/2026
“Escola, cultura e territorio” é o proxecto co que o Consello da Cultura Galega (CCG) e as deputacións da Coruña e de Lugo promoverán e darán visibilidade ás iniciativas culturais que se desenvolven en ámbitos non urbanos. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, xunto coas responsables das áreas de Cultura de ambas as deputacións, Natividade González e Iria Castro, respectivamente, asinaron na sede do Consello un protocolo de colaboración para impulsar esta iniciativa, que carece de dotación económica específica e que se concretará este ano no desenvolvemento de seis actividades. “Abrimos así un camiño para percorrer en común, que demostra que a colaboración entre institucións é posible e que parte do convencemento de que a cultura é unha ferramenta de cohesión social”, salientou Dolores Vilavedra.
09/07/2026
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) abre o ciclo “Soster o noso” para crear un espazo de reflexión e de achegamento arredor do patrimonio dos lugares contando coa xente que o coñece de primeira man e que traballa para mantelo vivo. O ciclo comeza en Fornelos de Montes coa xornada “A serra do Suído. A memoria gandeira entre as pedras” na que diferentes especialistas abordan o pasado e futuro do patrimonio gandeiro. Teresa Nieto, Paula Ballesteros e David García coordinan esta sesión que inclúe unha sesión de relatorios e un roteiro pola serra. A xornada non se emite en directo pero será gravada e as intervencións subiranse ao web corporativo e a canle de YouTube.
08/07/2026
O Pleno da Real Academia Galega (RAG) vén de elixir a Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces 1928 – 2015) como figura protagonista do Día das Letras Galegas 2027. Escritor, editor, investigador, activista cultural, divulgador e referente da literatura galega contemporánea, Neira Vilas estivo marcado pola súa experiencia como emigrante en América. É autor de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega con preto de 40 edicións, e dedicou a súa vida á defensa da lingua, da cultura e da memoria da emigración. O Consello da Cultura Galega (CCG) ten no seu sitio web a disposición da cidadanía numerosos recursos para afondar no seu legado.
07/07/2026
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora ao proxecto “Sextina”, que inclúe rarezas e documentos pouco coñecidos do seu fondo, o catálogo Traballadoras. Trátase dunha publicación da Secretaría da Muller da Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) de 1990 que permite recuperar un testemuño fundamental sobre o traballo das mulleres en Galicia ao longo do século XX.
03/07/2026
“Inicio esta tarefa coa ilusión de quen emprende unha aventura, unha
viaxe cuxa meta é unha Galicia na que se dean as mellores condicións para o desenvolvemento dunhas prácticas culturais que reforcen a democracia, que combatan as desigualdades e que nos axuden a pensar novas formas de vida”. Con estas palabras, Dolores Vilavedra tomou posesión este venres como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) nun acto solemne celebrado na sede da institución. Contou coa presenza do presidente de honra do CCG, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ademais dunha ampla representación do ámbito político, institucional, académico, social e cultural.
viaxe cuxa meta é unha Galicia na que se dean as mellores condicións para o desenvolvemento dunhas prácticas culturais que reforcen a democracia, que combatan as desigualdades e que nos axuden a pensar novas formas de vida”. Con estas palabras, Dolores Vilavedra tomou posesión este venres como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) nun acto solemne celebrado na sede da institución. Contou coa presenza do presidente de honra do CCG, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ademais dunha ampla representación do ámbito político, institucional, académico, social e cultural.
02/07/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, presentou na mañá deste xoves na sede do CCG o proxecto “Otero Pedrayo, unha conversa contigo”, un chatbot conversacional que permite dialogar con Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 – 1976) como se o propio autor respondese. “É un uso cultural da Intelixencia Artificial desde unha perspectiva humanista” apuntou Vilavedra na rolda. Xosé Antón López Silva, oteriólogo e representante da Fundación Otero, mantivo un diálogo coa ferramenta, que non “inventa” a Otero, senón que constrúe cada resposta a partir dun corpus documental verificado —a súa obra ensaística e narrativa, os seus epistolarios, as súas guías de viaxe e a bibliografía crítica—. Un corpus intelectual facilitado pola editorial Galaxia que, en palabras do seu director, Marcos Calveiro, “abre unha nova posibilidade de aprender sobre a obra de Otero”. Manuel Gago, coordinador de proxectos dixitais do CCG, explicou que o proxecto funciona mediante unha arquitectura de recuperación aumentada (RAG, Retrieval-Augmented Generation) que ancora a fala do bot en pasaxes reais e trazables “programado para ser fiel á fonte orixinal”. A presentación encaixa dentro dos proxectos do CCG para este Ano Oteriano 2026.
26/06/2026
“É posíbel un turismo sustentábel?” É o título da xornada coa que a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) xunta este martes (30 de xuño, 9:30 horas) a profesionais do ámbito da economía, a xeografía, o urbanismo, a xestión turística e o desenvolvemento local a reflexionar sobre os posibles modelos turísticos. A cita busca contrastar a análise académica cos casos reais de territorios e comunidades que viven diariamente os efectos do turismo. Dolores Vilavedra, presidenta do CCG, e Celia Pereira, coordinadora da sección e da xornada, abren esta sesión que se pode seguir en directo desde o web e a canle de YouTube do CCG.
25/06/2026
“Fomentar la amistad entre todos los hijos de aquel Término Municipal y aumentar y difundir la enseñanza entre todos los niños de ambos sexos por medio de las escuelas de instrucción elemental”. Estes son os obxectivos que motivaron, en abril de 1911, a un grupo de emigrantes orixinarios do concello lugués de Lourenzá a fundar a “Hijos de Lorenzana. Sociedad de beneficiencia e cultura”. Materiais que axudan a entender a traxectoria desta entidade súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Un especial para por en valor estes fondos documentais e ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.
23/06/2026
A residencia artística Do Picho situada en Palas de Rei acolle este xoves 25 de xuño (a partir das 16:30 horas) a xornada “Territorio e identidade. Apostas dende a ruralidade e o contexto non urbano”. Un encontro organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) que propón reflexionar sobre o papel do territorio na creación contemporánea, poñendo en valor iniciativas que, dende o non urbano, contribúen a ampliar o campo de acción da arte e a complexificar os discursos sobre identidade, pertenza e produción cultural. Paula Cabaleiro, coodinadora da sección e secretaria do CCG, inaugura esta sesión coordinada por Rosendo Cid e Eduardo Valiña. Non se emite en directo pero será gravada.
23/06/2026
«Escritor, mestre e contador; activista do esencial e membro da Xeración Lamote». Así sintetiza Manuel Bragado a traxectoria de Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946–A Coruña, 2018), unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. A súa biografía incorpórase desde hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de perfís biográficos do Consello da Cultura Galega (CCG), nas vésperas do 26 de xuño, data do seu pasamento.
19/06/2026
Máis público, máis actividade, maior produción e perspectivas favorables para o futuro. O sector cultural galego afronta 2026 nunha posición de consolidación pero moi condicionado polo incremento dos custos. Así o reflicte o “Barómetro da Cultura Galega 2026”, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG) do Consello da Cultura Galega (CCG) a partir dunha mostra de 829 entidades de todos os ámbitos da cultura galega. “Este Barómetro amosa unha mellora real pero sen facer unha lectura triunfalista” apuntou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, na rolda de presentación do documento. Canda ela, Håkan Casares Berg, membro da comisión asesora do OCG, destacou que “aínda que o sector traballa máis, non se traduce en máis ingresos debido aos elevados custos que ten para desenvolver a súa actividade”. O estudo revela que, por primeira vez, máis da metade das entidades non solicitaron axuda pública e salienta o papel do galego como un activo importante para o sector. O documento está dispoñible para descarga desde o web da institución.
17/06/2026
A sétima edición de “Pensar con Orgullo”, que organiza o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), pon o foco na diversidade sexual no ámbito da cultura. Baixo o titulo “Crear, programar e mediar dende a diversidade sexual” profesionais da creación, da comunicación, da mediación cultural e da xestión pública para abordar os retos da inclusión da perspectiva LGBT+ no ámbito cultural galego. Ademais, presentarse un avance da Guía de boas prácticas para a programación de actividades culturais con perspectiva LGBT+ que prepara a institución. A sesión, coordinada por Carme Adán, é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e a canle de YouTube do CCG.
16/06/2026
“Innovación nun clima que cambia” é o título da xornada coa que a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) analiza este mércores (a partir das 9:30 horas) o papel da innovación na resposta aos desafíos derivados da crise climática. A sesión, coordinada por Susana Bayo, reunirá especialistas do ámbito científico, tecnolóxico e universitario de centros de referencia como o Instituto Tecnológico de Aragón (ITA), o Institute for Systems and Computer Engineering, Technology and Science (INESC TEC) de Portugal ou o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) de Galicia. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.
15/06/2026
A presidenta en funcións do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a pró-reitora para a Cooperación Internacional da Universidade do Minho (UMinho), Sandra Fernandes, asinaron este venres en Braga un protocolo de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas durante os vindeiros catro anos.
15/06/2026
O Consello da Xunta de Galicia ratificou na sesión deste luns a elección de Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). O decreto publicarase mañá, martes 16 de xuño, no Diario Oficial de Galicia. A toma de posesión terá lugar o vindeiro 3 de xullo nun acto institucional ao que asistirá o presidente de honra da institución e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.


