A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e Mar Lorenzo, decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), inauguraron na sede que a facultade ten no Campus Vida a mostra expositiva Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia. O acto tivo lugar na mañá deste xoves, 8 de febreiro (12:00 horas), e nel participou tamén o comisario da mostra, Vicente Peña Saavedra. A exposición, que documenta o importante labor educativo desenvolto pola emigración galega nas súas parroquias natais, permanecerá aberta ata o próximo 29 de febreiro.
08/02/2024
07/02/2024
“Xornalismo con perspectiva” é o título da nova sesión do ciclo EscriturAs, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión, Fernanda Tabarés e Joana Bonet debaterán arredor de se o xornalismo é un ámbito propicio para a loita feminista. A cita terá lugar mañá, 8 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa das Campás (Pontevedra). A sesión, coordinada por Inmaculada López Silva e Rexina Rodríguez Vega, é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.
07/02/2024
José Gil Gil (Barxa, As Neves, 1870 – Vigo, 1937) acadou un gran prestixio como fotógrafo grazas, sobre todo, aos seus retratos de estudio, aínda que destacan tamén as reportaxes gráficas que realizou para diferentes revistas e xornais. Xunto coa fotografía, converteuse nun dos pioneiros do cine galego, profesión á que se dedicou con intensidade a partir da segunda década do século XX e que se concretou na produción de máis de cento cincuenta cintas audiovisuais. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Vítor Vaqueiro.
06/02/2024
“Escolma para ver e escoitar química” é o título do novo especial Proxector de autor, no que é unha persoa especialista do tema quen se encarga de facer a selección dos vídeos. Nesta entrega, Marcelino Maneiro Maneiro, profesor de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), escolma doce recursos audiovisuais sobre a presenza e implicacións que ten a química nos procesos que rodean a vida cotiá das persoas. Proxector é unha iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa USC.
31/01/2024
Francisco Javier Río Barja (Lugo, 1919 – Santa Cruz de Tenerife, 2011) consolidouse como unha figura sobranceira da investigación e da didáctica da xeografía galega, disciplina á que dedicou toda a súa vida. Estivo vinculado ao Consello da Cultura Galega (CCG) como membro do seu Plenario entre 1983 e 2011, período en que ocupou tamén unha cadeira como académico numerario da Real Academia Galega. Asina a súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o CCG, Xosé Ramón Fandiño.
26/01/2024
O proxecto expositivo Afonso X e Galicia, producido polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, recala no Edifici Històric da Universitat de Barcelona (UB). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da UB, Joan Guàrdia; o vicedecano de Investigación e Relacións Internacionais da Facultade de Filoloxía e Comunicación da UB, Josep Solervicens, e o comisario da exposición, Antoni Rossell, inauguraron a mostra nun acto que contou tamén coa actuación do grupo de gaitas da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà. Ao remate, Antoni Rossell e Luciano Pérez, do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), realizaron unha visita guiada á exposición, que permanecerá aberta ata o próximo 22 de febreiro.
25/01/2024
A Televisión de Galicia emite este xoves, 25 de xaneiro (23:00 horas), na súa segunda canle (TVG2) o documental Pensar o mundo dende Galicia: 40 aniversario do Consello da Cultura Galega. A peza, realizada pola produtora audiovisual Tamboura Films, recompila os principais fitos, acontecementos destacados e obxectivos acadados polo Consello da Cultura Galega (CCG) dende a súa creación no ano 1983.
24/01/2024
O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, incorpora a entrada de Elisa Díaz Riva (Santiago de Compostela, 1914 – Cidade de México, ?). Química de formación, dedicou a súa vida profesional ao ensino, primeiro en Barcelona e, posteriormente, no exilio en México. A súa é un “exemplo de carreira truncada por culpa da Guerra Civil e a posterior ditadura”. Así o subliña a autora da súa biografía, Carlota Guede Pujales.
24/01/2024
O ciclo de reflexión e debate Pensarmos, promovido pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza mañá, 25 de xaneiro (18:00 horas), unha nova sesión. Desta volta, a convidada é a editora, escritora e exdeputada Mar García Puig, quen achegará a súa propia experiencia persoal para falar de saúde mental e do poder que ten a cultura como terapia. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e desenvolverase de xeito presencial na sede do CCG, aínda que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
23/01/2024
Urbano Lugrís creou a través da súa obra un universo pictórico singular poucas veces visto na plástica galega. Ao pouco de conmemorarse o cincuenta aniversario do seu pasamento, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica mañá, 24 de xaneiro (17:00 horas), unha xornada do ciclo Revisando a nosa arte a profundar na súa traxectoria artística e vital. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional do CCG, pero tamén poderá seguirse en directo a través do web e as redes sociais corporativas.
19/01/2024
Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941–2021) consolidouse como un dos grandes impulsores e estudosos do teatro galego. Dramaturgo, director teatral e investigador, foi un dos fundadores da Agrupación Cultural O Facho e da Escola Dramática Galega. Ademais, desenvolveu un importante labor como escritor, tradutor e editor, malia que “a súa gran paixón e vocación” foi a música, na que sobresaíu como pianista. Así o subliña Ana Abad de Larriva na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
18/01/2024
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 86 novos números da cabeceira Correo de Galicia. O xornal, editado en Bos Aires entre os anos 1908 e 1945, foi o voceiro da colectividade galega emigrada no Río da Prata. As súas páxinas contiñan información de interese para as persoas emigrantes, así como novas locais e outras sobre a actualidade de Galicia. Os exemplares que se incorporan neste mes de xaneiro corresponden a diferentes números publicados no período 1919-1920.
17/01/2024
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación do libro Cuerpos en rebeldía. Aproximaciones interdisciplinares. O volume, editado por Eulalia Pérez Sedeño e publicado pola editorial Comares, reúne a autores e autoras de diferentes disciplinas para reflexionar sobre a construción da diferencia sexual en ámbitos como a biomedicina, a neurociencia, o dereito, o deporte ou as políticas públicas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación que a obra “partiu dunha actividade realizada polo Consello da Cultura Galega”, como foi a terceira edición da xornada Pensar con orgullo (2022). Xunto a ela, participaron no acto Enrique Latorre, autor dun dos capítulos do volume, e Carme Adán, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do CCG e autora doutra das contribucións.
15/01/2024
Nunha nova itinerancia internacional, a mostra Afonso X e Galicia abre hoxe as súas portas na Sala Falchieri do Dipartimento di Lingue, Letterature e Culture Moderne (LILEC) da Università di Bologna. O proxecto, que realiza un percorrido pola poliédrica figura de Afonso X e a súa particular conexión con Galicia, poderá visitarse na cidade italiana ata o próximo 15 de marzo.
15/01/2024
A sexta entrega de Caligrafías musicais, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera bimestralmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego, difunde neste mes de xaneiro un relatorio de Fernando López-Acuña sobre a zanfona. Na intervención, de case unha hora de duración, o musicólogo detense nas súas orixes e evolución histórica, ao tempo que explica as principais características que a diferencian doutro instrumento da mesma familia: o organistro.
10/01/2024
Luísa Villalta (A Coruña, 1957–2004) destacou como escritora en lingua galega cunha obra na que cultivou diferentes xéneros, como a poesía, a narrativa ou o teatro. Ademais, colaborou con diferentes cabeceiras xornalísticas, elaborou traducións e foi tamén violinista. Cun fondo sentido da xustiza e da conciencia social, sobresaíu “pola forza da súa voz” e por estar “sempre do lado das persoas máis desfavorecidas”, subliña Silverio Cerradelo. El é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), entrada á que hoxe se incorporan novos recursos e materiais. Con esta actualización, o CCG súmase ao recoñecemento de Luísa Villalta como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024.
09/01/2024
“Dieta e saúde alimentaria” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta ocasión, escólmanse unha ducia de vídeos nos que especialistas de diferentes disciplinas, como a nutrición, a tecnoloxía dos alimentos ou a bioloxía, explican que produtos son beneficiosos para o ser humano. Ademais, desmenten algúns mitos e alertan das consecuencias que o abuso no consumo de certos alimentos ten para a saúde.
28/12/2023
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 16 números de La Patria Gallega. A revista comezou a editarse na Habana en 1911 e tiña como fin informar sobre a actualidade de Galicia, así como sobre as novas e actividades das asociacións galegas constituídas na illa de Cuba. Os exemplares que se incorporan neste mes de decembro corresponden a diferentes números publicados entre 1911 e 1913. A dixitalización destes fondos foi posible grazas a Lucía Ramos, neta de Tomás Ramos Riguera, fundador e directivo durante anos da sociedade de instrución Vivero y su Comarca.
27/12/2023
Ángel Rodulfo (Baiona, 1880 – Vigo, 1956) compaxinou o seu ministerio sacerdotal cunha ampla actividade no eido da música. Foi compositor, instrumentista, docente e pedagogo musical e, aínda que “adquiriu xusta fama no seu tempo”, na actualidade “forma parte daqueles músicos galegos ‘esquecidos’ que, no entanto, merecen un estudo rigoroso”. Así o subliña Javier Jurado na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
18/12/2023
A publicación Corenta mulleres tecendo xuntas recompila as biografías de figuras destacadas do país, como Constanza de Castro, a filla rebelde do mariscal Pardo de Cela; a modista e emprendedora Rosalía Mera; a cantante María Valverde, ou a futbolista Irene González Basanta. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e mais Carme Adán, coordinadora do libro xunto con Montse Fajardo, presentaron esta mañá a iniciativa. A obra, editada grazas a un convenio entre o CCG e a Deputación da Coruña, xa está dispoñible para a súa descarga.
15/12/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; e o cónsul de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero; xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inauguraron hoxe en Miño a mostra 'Miñenses no Uruguai: Homenaxe a Antón Crestar'. Trátase dunha dobre homenaxe: aos veciños deste concello que emigraron a Uruguai e a Antón Crestar, un dos grandes expoñentes da emigración galega no Uruguai no século XX. Rosario Álvarez destacou a importancia da colaboración cidadá nesta mostra “que nos permite, non só construír a historia de todos eles e renderlles homenaxe, senón tamén coñecer a historia do país”. Mentres tanto, Miranda incidiu en que “é un espello do legado e a resiliencia da comunidade galega en Uruguai, reflectindo nosa rica historia e cultura transatlántica”. A mostra, comisariada por Pilar Cagiao, estará aberta ata o 10 de xaneiro.
15/12/2023
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de incorporar unha nova entrega do seu proxecto Sextina. Nesta ocasión, ponse na rede a Guia básica para mulleres, editada pola Asemblea da Muller de Galiza Nova no ano 1995. A guía foi publicada co patrocinio da Concellería da Muller do Concello de Santiago de Compostela e tiña como obxectivo principal informar as mulleres sobre cuestións relacionadas coa sexualidade, a xustiza e o emprego.
14/12/2023
Nas ás do canto reivindica a unión de música e literatura no Rexurdimento polo centenario de Murguía
Nas ás do canto é o título do proxecto co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe a festexar o centenario de Manuel Murguía (Arteixo, 1833- A Coruña, 1923), figura sobranceira do Rexurdimento. Unha iniciativa que ofrece documentos e recursos musicais para amosar a importancia da unión entre música e literatura neste período destacado para a cultura galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con ensaísta Xurxo Martínez e a musicóloga Margarita Viso presentaron na tarde deste xoves un especial web que deita na rede, entre outros contidos, un repertorio de voz e piano en galego. Rosario Álvarez sinalou que este material permite “afondar no contexto decimonónico en que nace a canción lírica galega contemporánea” ao tempo que amosa que “o Rexurdimento foi moito máis que literatura” segundo apuntou Xurxo Martínez. A presentación do proxecto, cuxos contidos se editarán en forma de libro, estivo acompañada dun concerto no que se interpretaron cinco das pezas musicais incluídas no proxecto.
13/12/2023
Lino Braxe (Mugardos, 1962 – A Coruña, 2020) foi un artista multidisciplinar, pois desenvolveu unha traxectoria profesional como poeta, actor, director, artista plástico, locutor de radio e cantante. Ademais, dedicouse á crítica, á investigación e á edición literaria tanto en Edicións Proscritas, o seu selo editorial, como noutras entidades. Este amplo abano de eidos en que desenvolveu a súa actividade converteuno “nunha figura poliédrica da cultura galega”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
12/12/2023
O ser humano ten recoñecido o dereito esencial á vida, así como outros dereitos fundamentais que protexen a súa liberdade e igualdade. A pesar de que estes lles corresponden aos individuos polo mero feito de existir, hai diversos factores que os están poñendo en perigo. Baixo o título “Os dereitos humanos”, o novo especial de Proxector escolma doce recursos audiovisuais que expoñen algunhas das causas que ameazan o dereito á saúde ou á educación da poboación, entre outros. Proxector é unha iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
12/12/2023
A exposición Afonso X e Galicia chega á Univerzita Konštantína Filozofa de Nitre, Eslovaquia, onde foi inaugurada polo seu reitor, Libor Vozár; a vicerreitora de relacións institucionais, Martina Pavlíková; máis o agregado de educación da embaixada de España en Eslovaquia, Joaquín Támara. Á inauguración asistiu un grupo de alumnos de diferentes departamentos desa universidade; o decano de la Facultad de Filosofía, Martin Hetenyi; e o decanato e director comercial de Gestamp en Eslovaquia. A mostra estará aberta ata o 29 de febreiro.
07/12/2023
José Veiga Roel (Betanzos, 1894–1976) cultivou a súa faceta artística nos campos do debuxo e das miniaturas de caligrafía, mais foi a fotografía a disciplina coa que acadou maior difusión e recoñecemento. Concibiu a cámara como unha “ferramenta capaz de traducir pensamentos a imaxes” e a fotografía como unha arte coa que revelar “a realidade oculta”. Así o subliña Vítor Vaqueiro na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.
05/12/2023
"O conxunto de indicadores manexados no presente documento dan conta dunha situación claramente positiva para o ámbito da cultura, pero con algún datos que poderían estar anunciando un cambio de tendencia", conclúe a sétima Conxuntura estatística do ámbito cultural, documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Aínda que en liñas xerais a situación é positiva, no emprego, na exportación e no consumo cultural hai indicadores que amosan unha moderación. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web do CCG.
04/12/2023
O 4 de decembro de 1977 tivo lugar en Vigo unha das maiores concentracións políticas daqueles anos. Foi un chamamento á mobilización contra o modelo autonómico proposto pola UCD cunha fonda repercusión. O cartel daquela mobilización é un dos materiais recollidos no Fondo Miguel Gutiérrez e que xa se poden consultar na rede. O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de dispoñibilizar unha parte do fondo galego que está a ser catalogado polo Grupo de Investigación HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
04/12/2023
O que pode a danza é o novo produto audiovisual co que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega ao sector das artes do movemento. Trátase de oito pezas audiovisuais que nos achegan outras tantas experiencias singulares que amosan as conexións do mundo da danza coa sustentabilidade, co territorio ou coa empresa. Natalia Balseiro é a comisaria deste proxecto, que se acaba de presentar na Casa Vella de Amiadoso, en Ourense, e na Culturgal. A serie está dispoñible desde hoxe no web e nas redes sociais da institución.


