Temática: Historias de ida e volta [59]
| Data | Material | Ver |
|---|---|---|
| Data | Material | Ver |
Unha viaxe sen retorno: Pontiac Bonneville 1959, Cidade de Panamá, ca. 1960 |
Ver
Transcripción da Unha viaxe sen retorno: Pontiac Bonneville 1959, Cidade de Panamá, ca. 1960Pontiac foi unha marca de coches producida por General Motors e das máis vendidas nos Estados Unidos, Canadá e México dende 1926. Na imaxe vemos os tres irmáns Barreiro (Francisco, Manolo e Amador), a carón e enriba dun coche do modelo Bonneville, do que eran copropietarios Manolo e Amador. En 1963 deciden realizar unha viaxe a Galicia que duraría seis meses, pero non foron sós, pois o seu automóbil de moda cruzaría o Atlántico con eles. Durante os meses de vacacións percorreron as incontables festas de verán por toda a xeografía galega, rodaron e rodaron causando sensación ao seu paso. Finalmente, ese peculiar e rechamante acompañante quedou en terra, coas súas anécdotas gardadas nun alpendre de Forcarei.
|
|
Reunión familiar nun evento da Asociación de Damas Españolas e Panameñas (ADEP), Colón, Panamá, ca. 1975 |
Ver
Transcripción da Reunión familiar nun evento da Asociación de Damas Españolas e Panameñas (ADEP), Colón, Panamá, ca. 1975Avelina Meleda González, natural de Pazos de Arenteiro, Boborás (Ourense), traballaba como modista en Galicia xunto ao seu home, Jesús, que era xastre. Os cartos daban para vivir mais non para aforrar, polo que comezan a facer plans para emprender a súa propia aventura migratoria, tal como viñan facendo os seus veciños e algúns achegados da familia. O destino elixido foi Panamá e o seu marido decide ir abrindo camiño primeiro para probar sorte e máis adiante mandar buscar a Avelina e as súas fillas, Ana e Marilú. O primeiro ano de estancia no Istmo estivo reunindo cartos para pagar a pasaxe (15 000 pesetas). Mentres, Avelina quedaría en Galicia cosendo día e noite e criando as nenas. Despois as tres marcharon en barco a través da Comisión Católica de Migracións.
|
|
Reunión de amigos en Changuinola, Bocas del Toro, Panamá, ca. 1977 |
Ver
Transcripción da Reunión de amigos en Changuinola, Bocas del Toro, Panamá, ca. 1977A finais dos anos 60 e principios dos 70 existiu unha pequena emigración procedente da comarca do Carballiño cara ao norte de Panamá. Formaron un auténtico monopolio de moblaría en Changuinola, poboado e centro bananeiro máis importante da provincia de Bocas del Toro. María Elena Benedetto Banga (a segunda pola dereita) é natural de Vilachá, concello de Boborás. Filla dun matrimonio formado por un italiano e unha galega, ambos emigrados en Caracas, lugar onde se coñeceron. Os seus país tiveron cinco fillos e María Elena foi única que colleu rumbo a Panamá. Sendo moi noviña, con tan só dezaseis anos, casou con Jaime Sieiro. Coñecéronse nunha das viaxes de verán que facía Jaime á parroquia de Feás (concello de Boborás). En Panamá tiveron tres fillos. O retorno da familia a Galicia fíxose entre 1987 e 1990, primeiro voltou María Elena cos fillos e logo Jaime. Pero, como resulta bastante habitual dentro das familias galegas con polo menos unha experiencia migratoria, o seu fillo Francisco retoma a aventura migratoria cara ao Istmo no ano 2011, co que repite un pouco a historia que a súa nai comezou unha tarde de verán.
|
|
Desfile da Escola Finca 42, a simbiose perfecta, Changuinola, ca. 1985 |
Ver
Transcripción da Desfile da Escola Finca 42, a simbiose perfecta, Changuinola, ca. 1985Jacqueline Sieiro Benedetto, filla de Maria Elena e Jaime, foi unha alumna destacada da Escola Finca 42. Na imaxe pódese apreciar a Jacqueline xunto a outros compañeiros no desfile da escola celebrando os “Días Patrios”, que teñen lugar no mes de novembro, coa bandeira panameña e engalanada cunha cinta sobre o seu uniforme escolar. O feito de levar a bandeira era un privilexio reservado para os mellores alumnos de cada promoción.
|
|
Tres xeracións e un destino, Panamá 1907, 1941 e 1951 |
Ver
Transcripción da Tres xeracións e un destino, Panamá 1907, 1941 e 1951Emilio Barreiro Varela inicia a súa aventura migratoria en 1907, cando marcha para traballar nas obras da Canle de Panamá. O seu periplo migratorio cambia de rumbo e diríxese a Nova York pero intercala tempadas en Galicia ata o retorno definitivo. O seu fillo, Emilio Barreiro Mariño, decide repetir o primeiro destino do seu pai e en 1941 viaxa a Panamá, mentres que a súa muller e fillos permanecen en Galicia. Alí fai traballos de albanelaría e cantaría, e en 1951 manda chamar os catro fillos: Francisco, Gumersindo, Manolo e Amador. Nun principio traballan no sector da construción, ata que en 1953 tres dos catros irmáns Barreiro deciden adquirir en propiedade o famoso restaurante El Gato Negro, situado no barrio de Santa Ana, na cidade de Panamá. O establecemento hostaleiro era moi popular polas saborosas comidas a bo prezo. Comentan algúns clientes panameños que alí aprenderon a comer “garavanzos”, entre outros pratos españois.
|
|
Unha galega na Illa do Encanto, Utuado, Porto Rico, ca. 1980 |
Ver
Transcripción da Unha galega na Illa do Encanto, Utuado, Porto Rico, ca. 1980Cando falamos de emigración galega a Porto Rico o primeiro que nos ven á mente é un grupo de guardeses que probaron sorte nese destino migratorio a mediados do s. XX., posto que crearon un foco de atracción para o resto de paisanos e forxaron un posto importante dentro da rede de tecido comercial da illa. Nesta ocasión atopámonos cun caso diferente que rompe o molde do devandito modelo migratorio. A historia que se desprende desta imaxe fala dun matrimonio mixto, formado pola galega Amalia Dapena Baqueiro e o boricua Eduardo Cintrón Cruz. Coñecéronse nos anos 50, sendo Eduardo un mozo estudante de Medicina, na Universidade de Santiago de Compostela. O destino fixo que casasen e marchasen vivir a Utuado, na illa de Porto Rico. Alí naceron os seus catro fillos: Eduardo, Amalia, María Fernanda e Fabiola. As contrariedades do destino fixeron que o retorno a Galicia fose un acontecemento moi doloroso, marcado polo repentino falecemento do Dr. Eduardo Cintrón Cruz. A volta definitiva de Amalia cos catro fillos adolescentes provocou un novo comezo para todos.
|
|
Un guardés máis en Santo Domingo. República Dominicana, ca. 1968 |
Ver
Transcripción da Un guardés máis en Santo Domingo. República Dominicana, ca. 1968José Manuel Pacheco Lomba, nacido en 1951 e natural da Guarda, emigrou no barco Covadonga á República Dominicana en 1967, coa súa recentemente estreada maioría de idade. Chegou primeiro a Porto Rico, onde o veciño coñecido na súa parroquia como “Fochas” e radicado nesa illa o recolle para levalo ao aeroporto e poder seguir rumbo ao seu destino definitivo, que sería a República Dominicana. José Manuel non era un emigrante habitual daquela época. Non era labrador senón un estudante da Escola Náutica de Vigo que decide marchar detrás de varios curmáns cos que logo prosperaría na illa.
|
|
Todo queda entre familia, Santo Domingo, ca. 1968 |
Ver
Transcripción da Todo queda entre familia, Santo Domingo, ca. 1968Na República Dominicana o guardés José Manuel Pacheco Lomba traballou como empregado na tenda do seu curmán –José Rodríguez Lomba– chamada El Encanto, situada na avenida Duarte 196, nunha das principais arterias de Santo Domingo. A dita tenda foi adquirida polo seu curmán despois de moito esforzo e dedicación, pois comezou vendendo zapatos por todo o país. Co paso do tempo o noso protagonista tamén chegou a ser accionista da empresa. Na actualidade o local deste famoso comercio está ocupado polos Hipermercados Olé.
|
|
Cuadrilla de traballadores galegos no sector eléctrico en Canberra, ca. 1976 |
Ver
Transcripción da Cuadrilla de traballadores galegos no sector eléctrico en Canberra, ca. 1976Antonio Toubes, natural do Saviñao (Lugo), emigrou a Australia a comezos da década dos 70. Traballou en Sydney e Canberra nunha empresa eléctrica con outros compañeiros españois e italianos. Á marxe dos acordos gobernamentais, os galegos e galegas chegaban ao país ben por chamamento de familiares ou veciños, ben contratados polas empresas e fábricas necesitadas de man de obra cualificada, como lle pasou a Antonio. Instaláronse en cidades como Melbourne, Sydney ou Canberra e traballaron na construción, na hostalaría, montando pequenos negocios etc. No país austral permanecen os descendentes destes emigrantes que se senten australianos pero tamén galegos e galegas, que aman o noso país e a nosa cultura a través dos relatos dos seus.
|
|
O millo como marca americana nos cultivos de Galicia |
Ver
Transcripción da O millo como marca americana nos cultivos de GaliciaComa no resto de Europa, o sistema de alimentación e a paisaxe agraria galega víronse transformados pola introdución do millo, cereal procedente de América. Segundo o Boletín de la Real Academia de Historia de 1953, este último chegou a Europa en 1604. Existen varias teorías e numerosos estudos que nos falan sobre os pioneiros en traer o dito cereal a Galicia, as zonas onde se plantou por primeira vez e o primeiro uso que se fixo del. Nesta ocasión non imos deternos na súa historia pero queremos lembrar que tras a súa chegada non tivo boa acollida social. Utilizábase para o consumo dos animais. Co paso do tempo pasou a ser consumido por aquelas familias que non tiñan centeo para facer o pan. Marcábase así certo status social en función do tipo de pan que se consumía nos fogares galegos. Na actualidade esa connotación social negativa desapareceu e simplemente é unha cuestión de gustos. O certo é que Galicia cultiva o 75% de todo o millo forraxeiro español. A gandaría galega produtora de leite sustenta a súa alimentación a base deste gran como fonte de enerxía necesaria para a produción.
|
|
O Estanque do Retiro no Pasatempo, un museo ao aire libre en Betanzos |
Ver
Transcripción da O Estanque do Retiro no Pasatempo, un museo ao aire libre en BetanzosOs irmáns Juan e Jesús García Naveira, tras anos na emigración en Arxentina, retornaron cunha gran fortuna á súa vila natal, Betanzos, e alí deixaron pegada da súa filantropía e xenerosidade.
|
|
Retrato de Xosé Neira Vilas tras o seu retorno de América. Oleiros, ca. 1993 |
Ver
Transcripción da Retrato de Xosé Neira Vilas tras o seu retorno de América. Oleiros, ca. 1993Na obra de Neira Vilas, un dos escritores máis recoñecidos da nosa literatura, ten un especial influxo a experiencia migratoria. Ademais da súa obra máis icónica, Memorias dun neno labrego, conta con numerosos ensaios e investigacións sobre os galegos en América e os seus logros.
|
|
Serafín Portugal Soto (Piñor de Cea, 1924-Santiago de Compostela, 2021) |
Ver
Transcripción da Serafín Portugal Soto (Piñor de Cea, 1924-Santiago de Compostela, 2021)A pesar de non ter ese perfil típico dun emigrante galego, dos que nos anos 50 marchaban a Venezuela con apenas formación e cartos para sobrevivir os primeiros meses, Serafín Portugal non escapou á aventura migratoria que impregnaba a realidade social galega daquel entón, descubrindo novos espazos e identidades. O 5 de xullo de 1954 desembarcou no porto da Guaira, co seu título de mestre e o primeiro ano de Dereito cursado na Universidade de Santiago de Compostela. Os cartos non chegaban para a súa continuidade académica, polo que finalmente escolleu a alternativa fornecida polo feito de emigrar. Aquela viaxe a Venezuela marcaría toda a súa vida. Foi un claro exemplo de integración na nova sociedade caraqueña, de simbiose coa cultura crioula, sen esquecer nunca as súas raíces. Traballou no entón chamado Consejo Venezolano del Niño. Alí foi mestre, guía e titor de adolescentes en situación irregular. Trátase, sen dúbida, dun traballo bastante delicado que precisa moita dedicación. Licenciouse na Escola de Traballo Social da Universidade Central de Venezuela, o que lle facilitou o seu ingreso no Banco Obrero e no INAVI ata a súa xubilación. Foi profesor na Universidade Central de Venezuela e na Metropolitana. A outra marxe da súa vida laboral estaba estreitamente ligada á Hermandad Gallega de Venezuela, formando parte da seu Consello Directivo durante varias lexislaturas. Nos anos 90 retornou a Galicia co seu fillo menor, Félix, e coa súa muller, Graciela Hernández, venezolana “de pura cepa” e a súa fiel acompañante no periplo de volta á terra. Tras o retorno, Serafín publicou cinco libros relacionados coas súas vivencias e experiencias en Venezuela e as doutros galegos que destacaron na colectividade. "Reflexiones sobre emigrantes retornados" foi a súa última publicación, na que trata o fenómeno do regreso a Galicia.
|
|
Por fin chegamos! E agora que facemos? |
Ver
Transcripción da Por fin chegamos! E agora que facemos?A experiencia laboral adquirida no país de emigración impulsou a moitos emigrantes retornados a establecer o seu propio negocio preto do lugar de orixe ou nas principais cidades galegas. Podemos observar ao longo da xeografía galega numerosas ferraxarías, lavandarías, hostais, bares e restaurantes con nomes dos lugares de destino nos que viviron os seus propietarios na condición de emigrantes. O feito de poñer eses nomes era un indicador de que a súa experiencia na emigración foi satisfactoria e engadíanlle certo carácter emotivo, adquirindo unha especie de connotación de homenaxe ao lugar que os recibiu e do que trouxeron os cartos para montar a súa empresa familiar.
|
|
O asociacionismo de emigrantes retornados como ferramenta de integración social |
Ver
Transcripción da O asociacionismo de emigrantes retornados como ferramenta de integración socialUn dos aspectos menos estudados do fenómeno migratorio é o retorno, sobre todo o caso concreto da integración social dos emigrantes tras o seu regreso a Galicia. As dificultades de adaptación do retornado vanse superando co apoio de familiares e amigos pero tamén existen outros mecanismos para axudar a refacer a nova vida en todas as esferas. Ademais do contorno máis próximo, o asociacionismo forma unha parte importante dentro da organización do novo universo dos galegos e galegas que volven reconstruír o seu novo fogar, atopar unha vivenda ou un traballo se a idade llelo permite. Os intereses comúns fan que se organicen como colectivo específico e creen asociacións de carácter basicamente cultural-recreativo, asistencial e reivindicativo. A participación e o volume de socios non son comparables ao caso das sociedades de emigrantes galegos nos distintos países de destino. Vemos aquí un carné de socio da Asociación de Emigrantes Retornados Marusía, creada en 2001 por un grupo de emigrantes retornados de Suíza. |
|
| 1879-00-00 | Retratos de varios fundadores e directivos da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1879 |
Ver
Transcripción da Retratos de varios fundadores e directivos da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1879 en 00/00/1879Nesta composición vemos a directiva de 1879 da entidade formada, de esquerda a dereita, por Francisco Lóriga y Taboada, presidente da entidade; José García Barbón, tesoureiro, e abaixo, Francisco Lamigueiro, vogal, e Juan Álvarez Baldanero, secretario. Todos eles eran destacados membros da colectividade galega asentada na illa. Francisco Lóriga era un importante avogado, que foi senador polas provincias de Santa Clara (1879-1881) e Porto Príncipe (1881-1886). Tamén foi nomeado presidente da Real Audiencia Territorial de La Habana en 1885. Dende os seus postos favoreceu a actividade benéfica e filantrópica da sociedade e apoiou a causa dos galegos e galegas na illa. José García Barbón, importante banqueiro e home de negocios, foi un dos socios benfeitores da entidade, apoiando con parte da súa fortuna moitas das súas actividades. Outras figuras importantes foron Juan Álvarez e Francisco Lamigueiro, que era comandante do primeiro Batallón de Artillaría de Voluntarios da Habana.
|
| 1879-12-21 | Regulamento social, aprobado pola xunta xeral de socios o 21 de decembro de 1879 |
Ver
Transcripción da Regulamento social, aprobado pola xunta xeral de socios o 21 de decembro de 1879 en 21/12/1879Este regulamento é o máis antigo que se conserva nos fondos documentais da institución e foi dixitalizado na Habana polo Arquivo da Emigración Galega. Con este regulamento aparecen as normas para o funcionamento da entidade, a elección de directivos e os deberes dos socios. O fin primordial da sociedade era “proporcionar socorros a los naturales de Galicia y a los hijos de éstos”, previa solicitude por escrito e acreditación de que vivían na illa de Cuba. Contemplan tamén que se poderá atender aos naturais doutras provincias pero terán prioridade os galegos e galegas e sempre que os fondos o permitan. |
| 1906-04-29 | Balneario e Augas do Lérez, lugar de saúde e ocio |
Ver
Transcripción da Balneario e Augas do Lérez, lugar de saúde e ocio en 29/04/1906Casimiro Gómez (1854) era natural de Cotobade. Emigrou a Bos Aires con apenas 13 anos e fixo unha gran fortuna no sector do coiro e talabartaría. A súa empresa expandiuse por todo o país e fíxose famosa a nivel internacional despois de recibir varios premios nas Exposicións Internacionais de Bos Aires, París e Chicago. Casimiro chegou a converterse nun gran terratenente e criaba o gando do que extraía as peles que lle servirían de materia prima para a fabricación dos seus produtos. O mundo do coiro e talabartaría non foi a súa única iniciativa empresarial, interveu tamén en compañías de seguros, entre outras actividades. Foi fundador e vicepresidente do Centro Industrial Argentino e integrante do consello de administración da Unión Industrial, así como membro importante dos círculos máis selectos da sociedade porteña e de varias sociedades de emigrantes.
|
| 1920-04-27 | Documentación para o retorno, 27 de abril de 1920 |
Ver
Transcripción da Documentación para o retorno, 27 de abril de 1920 en 27/04/1920No imaxinario do colectivo emigrado sempre estivo presente a aspiración do retorno como indianos, emigrantes ricos que regresan á súa vila ou aldea para vivir do capital acadado nos países de acollida. Mais, evidentemente, isto sucedía en contadas ocasións. Moitos son os que marcharon e moitos menos os que puideron regresar. O retorno prodúcese por múltiples causas: para reunirse de novo coa familia e desfrutar dos aforros conseguidos, porque desexan criar os seus fillos en Galicia, para gozar do seu patrimonio na terra e conseguir o recoñecemento social, por nostalxia etc. Noutras ocasións, coma no caso de Francisco, son os problemas de saúde os que provocan a decisión do retorno. Dáse tamén o caso dos que fracasan e só lles queda poder regresar (moitas veces coa pasaxe pagada polas sociedades mutualistas) e intentar sobrevivir coa familia. |
| 1922-00-00 | Secretaría da entidade, ca. 1922 |
Ver
Transcripción da Secretaría da entidade, ca. 1922 en 00/00/1922A SBNG alugou varias oficinas onde reunirse para xestionar as súas actividades a prol dos emigrantes máis necesitados pero nunca contou cunha sede social propia, que implicaba numerosos gastos tanto na súa compra coma no seu mantemento. Dedicou todos os seus fondos a axudar aos máis necesitados. Dende a fundación do Centro Galego da Habana, tiveron unha traxectoria moi ligada, compartindo moitas veces directivos e moitos membros eran socios de ambas as dúas entidades. Dende 1922 contou cun espazo no Palacio do Centro Galego, onde se instalou a secretaría e despachos varios. Aínda hoxe ten a súa sede no mesmo edificio. A Beneficencia contaba con acordos co Centro Galego para que os seus socios puidesen acceder aos servizos sanitarios de La Benéfica.
|
| 1924-00-00 | Lámina de Castelao, «Eu non quería morrer alá, sabe miña nai?» |
Ver
Transcripción da Lámina de Castelao, «Eu non quería morrer alá, sabe miña nai?» en 00/00/1924Para milleiros de galegos e galegas a emigración foi unha saída segura da miseria que se experimentaba nos seus fogares. O seu impacto económico e social como colectivo viuse reflectido en moitos aspectos: creación de escolas, cemiterios, lavadoiros comunitarios, edificacións de arquitectura indiana, desenvolvemento de empresas familiares etc. No entanto, as historias persoais non sempre tiñan bo final, xa que existían casos en que o emigrante volvía enfermo e endebedado. En numerosas ocasións o fracaso na aventura migratoria provocaba que o retorno non se producise nunca, pois os emigrantes sentían demasiada vergoña se regresaban coas mans baleiras, sen alcanzar o éxito esperado deles.
|
| 1926-06-26 | Cun pé nos dous mundos, fotografía familiar enviada a Francisco Maseda, de viaxe de negocios en Cuba, 26 de xuño de 1926 |
Ver
Transcripción da Cun pé nos dous mundos, fotografía familiar enviada a Francisco Maseda, de viaxe de negocios en Cuba, 26 de xuño de 1926 en 26/06/1926Desde 1920, ano do seu retorno, Francisco Maseda e a súa familia residen na Devesa, onde mandan construír unha magnífica casa cos adiantos do momento, seguindo os costumes de moitos emigrantes enriquecidos. Francisco continuaba xestionando desde Galicia os seus numerosos negocios e propiedades na illa, coa axuda dun encargado da súa confianza. Cos rendementos do seu patrimonio levou unha vida cómoda de rendista e converteuse nunha figura relevante entre os seus conveciños.
|
| 1931-00-00 | Memoria social correspondente ao ano 1931. Aniversario LX |
Ver
Transcripción da Memoria social correspondente ao ano 1931. Aniversario LX en 00/00/1931As memorias sociais constitúen unhas ferramentas informativas que dan conta da organización económica e das actividades e distintas iniciativas emprendidas, neste caso pola Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Nelas a xunta directiva expón aos socios as actividades executadas pola asociación durante todo o ano anterior nos seus distintos ámbitos de actuación, por exemplo: o movemento de socios, solicitudes de socorro e pasaxes para repatriacións, relación de donativos por cota dobre ou extraordinaria, tanto de socios particulares como de distintas asociacións de emigrantes galegos inscritas tamén como socias. Ademais, aparece a relación de propiedades doadas por socios tras o seu pasamento, o capital social e a relación de operacións realizadas para obter o seu incremento. |
| 1932-00-00 | Cheque The Bank of Nova Scotia, Manzanillo, Cuba, 1932 |
Ver
Transcripción da Cheque The Bank of Nova Scotia, Manzanillo, Cuba, 1932 en 00/00/1932As remesas ou envíos de cartos dun país a outro xeralmente ían dirixidos a familiares para cubrir débedas ou mellorar a súa calidade de vida. Tratábase dun diñeiro que era gañado con moito esforzo e dedicación, gustosamente destinado para apoiar os seres queridos. O retorno dos emigrantes trouxo consigo inxentes cantidades de capital que promoveron a modernización económica de Galicia. Eses envíos internacionais sistemáticos contribuíron á especialización do sistema bancario en Galicia. |
| 1932-00-00 | Socio nº 884 da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia |
Ver
Transcripción da Socio nº 884 da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia en 00/00/1932Coma no resto de asociacións étnicas, o rexistro de socios é un instrumento imprescindible para o control de ingresos, evolución do número de asociados, organización das distintas actividades e posta en marcha de iniciativas sociais. O proceso de identificación de socios leva consigo a utilización de fichas cos correspondentes datos persoais de cada asociado e asociada. Vemos aquí un exemplo en que este socio ourensán de 44 anos ten adxudicado o número 884 e a súa afiliación coa Sociedad de Beneficiencia de Naturales de Galicia é proposta por dous socios máis antigos. Os datos que se rexistran de cada asociado corresponden ao nome completo, idade, familiares, domicilio actual e os cambios deste en caso de producirse, para poder enviarlle a correspondencia relacionada cos diferentes actos da dita sociedade, convocatorias para asistir ás asembleas da entidade, así como a súa localización por calquera outra razón.
|
| 1932-00-00 | Recibo de solicitude de ingreso na Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1932 |
Ver
Transcripción da Recibo de solicitude de ingreso na Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 1932 en 00/00/1932No Regulamento de 1932 aparece recoñecido que poderán ser socios da entidade, con plenos dereitos, tanto os homes como as mulleres: “podrán pertenecer a esta Sociedad todas las personas de uno u otro sexo que lo soliciten y sean admitidas por la Junta Directiva”. Nos anteriores só se contemplaba que as mulleres podían solicitar axuda á entidade como familiares dos socios inscritos, e non aparecían nos rexistros de asociados agás como viúvas ou fillas orfas dos antigos socios. Así, Amalia Alonso Álvarez solicita a súa inscrición como socia avalada por dous socios.
|
| 1935-00-00 | Festa da Música galega no Gran Teatro Nacional, A Habana 1935 |
Ver
Transcripción da Festa da Música galega no Gran Teatro Nacional, A Habana 1935 en 00/00/1935Cada 25 de xullo tiña lugar a tradicional Festa de Santiago no Teatro Nacional. Os asistentes podían gozar dun festival de música tradicional galega, ademais dunha función teatral. O diñeiro recadado tras a celebración do acto ía destinado á obra benéfica tan característica da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Esta institución filantrópica leva exercendo a caridade durante toda a súa existencia, prestaba auxilio tanto aos residentes na illa como aos que quedaron en Galicia. A celebración desta festa tiña un dobre propósito: divertirse e axudar aos máis necesitados: “Que la alegría y el contento de este día sea consuelo y alivio de aquellos compañeros nuestros de emigración, que cayeron a nuestro lado, vencidos en la lucha”.
|
| 1936-00-00 | Rexistro de Socorros, 1936 |
Ver
Transcripción da Rexistro de Socorros, 1936 en 00/00/1936A Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia levaba un rexistro de socios numerados que percibían axudas económicas pola súa difícil situación, moitos deles hospitalizados na Benéfica do Centro Galego da Habana. A información que conteñen os libros de rexistro de socorros fai referencia aos seguintes datos: nome completo dos e das beneficiarias, idade, estado civil, fillos, antigüidade, lugar de orixe (vila, concello, provincia), domicilio, cantidade entregada e algunha observación sobre a súa situación ou denegación da axuda. |
| 1940-11-16 | Portada do xornal El Emigrado, financiado pola emigración, 16 de novembro de 1940 |
Ver
Transcripción da Portada do xornal El Emigrado, financiado pola emigración, 16 de novembro de 1940 en 16/11/1940En Galicia percíbese unha frutífera influencia das ideas e iniciativas políticas vividas en América polos nosos emigrantes. O desenvolvemento do agrarismo e do galeguismo non se pode entender sen este influxo, así como o papel protagonista de moitos retornados na formación de sociedades obreiras e sindicatos na Galicia do momento. É tamén salientable a presenza de xornalistas e escritores vinculados coa emigración na publicación dos xornais editados polas forzas progresistas da nosa terra. |
| 1941-00-00 | Un Día de Galicia no trópico habaneiro. Festa de Santiago Apóstolo, A Habana, 1941 |
Ver
Transcripción da Un Día de Galicia no trópico habaneiro. Festa de Santiago Apóstolo, A Habana, 1941 en 00/00/1941Programa festivo da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, con motivo da celebración da Festa de Santiago Apóstolo. Na organización desta tradicional conmemoración do Día de Galicia tamén adoitaban participar todos os compoñentes artísticos da Sección de Belas Artes do Centro Galego da Habana. A dita festa tiña lugar cada 25 de xullo no Gran Teatro Nacional, onde se celebraban funcións teatrais e musicais, como a actuación do coro típico galego da Agrupación Artística Gallega, que amenizaban a citada conmemoración, ao mesmo tempo que se recadaban fondos destinados para os socios máis necesitados.
|
| 1942-00-00 | Un descanso asegurado. Cemiterio Cristóbal Colón, A Habana, 1942 |
Ver
Transcripción da Un descanso asegurado. Cemiterio Cristóbal Colón, A Habana, 1942 en 00/00/1942Baixo a presidencia de José Moure y Saco adquiriuse o terreo do que chegaría a ser o panteón social da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, concretamente no ano 1933, no emblemático Cemiterio Cristóbal Colón. O comezo das obras tivo lugar dous anos máis tarde e finalizou en 1936 baixo a presidencia de Juan Varela Grande. Debido a que o número de asociados ía en aumento, a sociedade viuse na necesidade de mercar un terreo anexo en 1940, onde se fixeron as obras de ampliación, que rematarían en 1941. |
| 1944-00-00 | Integrantes do Comité de Damas da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, correspondente ao ano 1944 |
Ver
Transcripción da Integrantes do Comité de Damas da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, correspondente ao ano 1944 en 00/00/1944No voceiro social da entidade, La Vida Gallega en Cuba, publicábase en todos os números a fotografía dos membros dos comités de damas. Estaban integrados polas socias máis relevantes, moitas delas eran esposas, viúvas ou fillas dos directivos. Elas encargábanse de organizar actividades festivas e recreativas para a recadación de fondos e poder levar a cabo as diversas axudas aos máis necesitados ou para o mantemento do panteón social. Daban ademais prestixio á entidade participando en numerosos actos recreativos e filantrópicas da colectividade.
|
| 1946-07-30 | Carta da directiva da SBNG a unha beneficiaria dun auxilio póstumo, 30 de xullo de 1946 |
Ver
Transcripción da Carta da directiva da SBNG a unha beneficiaria dun auxilio póstumo, 30 de xullo de 1946 en 30/07/1946Nesta carta solicítase a María Grueiro de la Maza, filla dun socio falecido, unha serie de documentos que acrediten a súa identificación así como que o seu pai estaba ao día no pago das cotas sociais para poder percibir a axuda tras a súa morte. Tal e como se recolle nos estatutos sociais, serán beneficiarios deste auxilio as nais, viúvas ou viúvos e fillos menores de ambos os sexos, que acrediten atoparse sen recursos e imposibilitados para o traballo, segundo considere a xunta directiva. A cantidade será en función da antigüidade do asociado, cun máximo de 15 pesos mensuais.
|
| 1949-00-00 | Aguinaldo de Noiteboa, A Habana, 1949 |
Ver
Transcripción da Aguinaldo de Noiteboa, A Habana, 1949 en 00/00/1949A chamada Festa do Aguinaldo era celebrada antes do Nadal, co fin de recadar donativos en efectivo e en especies para os paisanos máis necesitados. Destacados membros dos sectores comerciais e sociais facían xenerosas contribucións que se convertían en espléndidos aguinaldos, polo menos durante as tradicionais Pascuas. Os donativos en especies eran proporcionados por membros da colectividade que, en xeral, tiñan o seu propio negocio ou empresa. Como exemplo das ditas especies temos: caixas de leite, queixo, aceite, arroz, figos, barras de goiaba, fariña de millo, azucre, noces, garavanzos, xudías, chícharos, café, viño doce, xabón ou tabaco.
|
| 1950-00-00 | La Vida Gallega en Cuba. Órgano oficial de la Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 25 de xullo de 1950 |
Ver
Transcripción da La Vida Gallega en Cuba. Órgano oficial de la Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, 25 de xullo de 1950 en 00/00/1950Revista societaria que recolle información sobre temas e actividades da entidade promotora e sobre Galicia (cultura, lingua, historia etc.). Ademais pódense atopar balances financeiros, listaxes nominativas dos contribuíntes, informes sobre o labor social, a distribución de axudas, acordos das Xuntas xerais e directivas etc. Inclúese tamén unha listaxe nominativa das persoas inhumadas no panteón, ofrecendo o nome, idade, data de inhumación e a súa procedencia (cando son galegos identifícase o concello e a provincia).
|
| 1956-11-20 | Emigrantes galegos en Chimbote, 20 de novembro de 1956 |
Ver
Transcripción da Emigrantes galegos en Chimbote, 20 de novembro de 1956 en 20/11/1956A corrente migratoria de pescadores da Costa da Morte no Perú foi iniciada polo corcubionés Benigno Lago Estévez, quen se converteu nun grande empresario do sector pesqueiro deste país nos anos 40. Para el traballou un pequeno grupo de mariñeiros malpicáns exiliados da Guerra Civil e que estaban refuxiados na costa chilena, preto da fronteira con Perú. Moitos deles chamaron a familiares e veciños, que nos anos 50 foron instalarse na costa peruana. De esquerda a dereita, Luís Santiago, Pepe do Pián e Manuel García, naturais da comarca de Fisterra, xunto con dous compañeiros peruanos, posando diante do barco El Terrible. Pescaban anchoa para as fábricas de fariña de peixe, produto moi demandado como alimento para o gando e Perú foi unha potencia mundial na súa exportación.
|
| 1958-00-00 | Festa da Caridade da Beneficencia Galega, A Habana 1958 |
Ver
Transcripción da Festa da Caridade da Beneficencia Galega, A Habana 1958 en 00/00/1958Coñecida como a “Grandiosa Romería Gallega” era celebrada no xardín da cervexaría “La Tropical”. Trátase dunha festa moi concorrida que era convocada cada mes de abril. Os membros da colectividade galega na illa eran invitados para asistir a esta festa e pasar bos momentos entre familiares, amigos e demais paisanos. Coa compra da entrada non só quedaba asegurado o divertimento en momentos de ocio para lembrar as tradicións galegas da terra, senón tamén ese gran de area que axudaba a levar “consuelo a muchos infortunados”. A través deste evento, organizado pola SBNG, incrementábanse os fondos para a grande obra benéfica practicada con centenares de “infortunados sin alivio”. O desfile de automóbiles americanos, típicos e rechamantes polo seu deseño moderno e grandes dimensións, era característico. A madriña social da Benéfica e as súas damas de honor saudaban con agradable sorriso desde os flamantes coches coa capota recollida. A caravana partía do Centro Galego da Habana e percorría as rúas da capital ata chegar aos xardíns de “La Tropical”.
|
| 1959-00-00 | Xunta directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia de 1959 |
Ver
Transcripción da Xunta directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia de 1959 en 00/00/1959Presidida por Rosendo Varela Álvarez, fillo de Juan Varela Grande, un dos máis importantes presidentes da entidade nos anos 40 e 50, esta directiva tivo que asumir un profundo cambio na marcha da entidade. As leis cubanas, tras o triunfo da revolución castrista, non son favorables á existencia deste tipo de entidades benéficas na illa e pasan a gravar con impostos as rendas que estas viñan obtendo polo alugueiro das súas propiedades, polo que os seus ingresos quedaron moi diminuídos.
|
| 1960-00-00 | Recibo do pago da cota social, 1 de xaneiro de 1960 |
Ver
Transcripción da Recibo do pago da cota social, 1 de xaneiro de 1960 en 00/00/1960Os socios da Beneficencia debían acreditar o pago das cotas do último mes e presentar o seu carné de asociado para poder ser beneficiario dos dereitos sociais. Ademais dos particulares, as numerosas asociacións parroquiais de emigrantes galegos podían asociarse para contribuír aos fondos da entidade. O Círculo Habanero de la Devesa colaboraba coa entidade dende 1934. Neste recibo vemos tamén a boa relación entre as diversas asociacións benéficas e de axuda mutua da colectividade, pois promocionan e animan aos seus socios a inscribirse no Centro Galego e en Hijas de Galicia.
|
| 1962-00-00 | A tripulación do pesqueiro Panchés, propiedade de galegos, 1962 |
Ver
Transcripción da A tripulación do pesqueiro Panchés, propiedade de galegos, 1962 en 00/00/1962No temón, Manuel García, e a estribor, con boina, Saturnino que acababa de chegar a Chimbote reclamado polo seu irmán. Este, xunto con Luís e Francisco Santiago Lago, tiña unha empresa con varios barcos da súa propiedade, como o barco da foto, dedicados á pesca de baixura pola costa peruana. A riqueza pesqueira desas augas e o duro traballo leváronos a acadar o éxito.
|
| 1963-00-00 | Panteón social de “Naturales de Galicia”, cemiterio Colón, A Habana, 1963 |
Ver
Transcripción da Panteón social de “Naturales de Galicia”, cemiterio Colón, A Habana, 1963 en 00/00/1963Nesta imaxe aparecen varios membros da SBNG diante do panteón social. Construído en 1936, trátase dun dos máis amplos e vistosos monumentos funerarios do cemiterio Colón. O material empregado para a súa construción foi granito natural noruegués e mármore. Está composto por 472 nichos e ten capacidade para 1121 osarios. Aínda que non se aprecia na fotografía, en cada esquina aparecen esculpidos os escudos das catro provincias galegas e no centro hai unha escultura en bronce que representa a unha familia aflixida.
|
| 1963-04-25 | Carta de Lois Tobío Fernández tras o seu regreso do exilio, 25 de abril de 1963 |
Ver
Transcripción da Carta de Lois Tobío Fernández tras o seu regreso do exilio, 25 de abril de 1963 en 25/04/1963Os exiliados non podían regresar segundo os seus desexos e posibilidades coma calquera emigrante, senón que estaban supeditados á situación política e as leis do franquismo, que pouco a pouco e, sobre todo, a finais dos 50 e na década dos 60, foron permitindo a volta dos republicanos fuxidos. O forte desexo de volver non ocultaba o temor ás represalias, a non saber como ían ser recibidos ou se poderían adaptarse a un país que deixaron atrás había tantos anos. |
| 1965-07-10 | Festa de inauguración da Casa de España en Chimbote, 10 de xullo de 1965 |
Ver
Transcripción da Festa de inauguración da Casa de España en Chimbote, 10 de xullo de 1965 en 10/07/1965Na fotografía vemos un grupo de galegos, a gran maioría mariñeiros e patróns de pesca, pero tamén mecánicos, electricistas e donos de pequenos negocios, na celebración da fundación da Casa de España de Chimbote. Lugar de encontro da colectividade española, ademais de actividades recreativas –contaba cun bar e restaurante moi utilizado polos socios no seu tempo de lecer–, tamén se xestionaban axudas aos asociados e as súas familias en caso de necesidade. A gran maioría eran galegos, naturais da Costa da Morte (Malpica, Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía ou Camariñas), tamén da zona de Marín e Pontevedra e, mesmo, de Ourense.
|
| 1967-00-00 | Ficha da Comisión Católica Española de Migración dunha emigrante galega para poder emigrar a Perú, 1967 |
Ver
Transcripción da Ficha da Comisión Católica Española de Migración dunha emigrante galega para poder emigrar a Perú, 1967 en 00/00/1967Mª Angélica, casada por poderes, emigrou a Perú reclamada polo seu marido, quen fixo todas as xestións burocráticas a través da Comisión Católica Española de Migración (CCEM). Esta organización contaba con delegacións nos países de acollida e axudaba a tramitar a documentación para poder entrar legalmente no país de destino. O emigrante podía marchar con carta de chamada e contrato laboral ou por reagrupamento familiar, unha figura legal moi empregada na segunda metade do século XX e que explica a grande afluencia de mulleres, nenos e persoas de maior idade nas migracións destes anos. |
| 1969-00-00 | Reunión festiva de galegos en Chimbote, 1969 |
Ver
Transcripción da Reunión festiva de galegos en Chimbote, 1969 en 00/00/1969Os e as galegas estaban plenamente integrados no Perú, pero sobre todo na colectividade española que alí residía. Eran numerosas as reunións sociais que mantiñan e moi forte a rede de solidariedade creada en caso de necesidade. Xuntábanse para celebrar aniversarios, bautizos, vodas ou simplemente ceas de amigos nas que se lembraban da terra e da familia. Pero tamén sabían que podían contar coa axuda de todos en caso de enfermidade ou dunha mala situación laboral.
|
| 1970-00-00 | Unha familia de Brión na cidade australiana de Brisbane, 1970 |
Ver
Transcripción da Unha familia de Brión na cidade australiana de Brisbane, 1970 en 00/00/1970Na imaxe podemos ver a Marcelino Pose (coa toalla no pescozo) quen marchou en 1966 cara a Australia tras a súa moza, Eugenia Sóñora (sentada á súa beira). Ela e a súa irmá –a muller que ten no colo un neno e que casou co mozo das lentes, de orixe vasca– marcharan uns anos antes na "Operación Marta", organizada polo CCEM. Con este plan emigraron varios centos de rapazas españolas cara a Australia para traballar no servizo doméstico. Eugenia e Marcelino casaron no país austral e asentáronse en Brisbane, onde el traballou na construción. Xa no país, reclamou ao seu irmán José (con camisa branca) para traballar con el, pero este viaxou só, a súa familia quedou aquí. Anos despois, José retornou á súa localidade natal pero antes mandou chamar ao seu fillo maior, que aínda hoxe continúa a vivir en Australia.
|
| 1970-00-00 | Guía práctica para los españoles en Canadá, 1970 |
Ver
Transcripción da Guía práctica para los españoles en Canadá, 1970 en 00/00/1970Esta guía, editada polo IEE en colaboración co Goberno canadense, era entregada aos emigrantes que decidían probar fortuna no país. Nela infórmase aos emigrantes sobre as condicións da viaxe, os contratos laborais e os seus dereitos e deberes como traballadores estranxeiros. Ademais inclúe un amplo vocabulario en inglés e francés, os principais idiomas de Canadá, que podían necesitar para desenvolverse. |
| 1971-00-00 | Fotografía enviada dende Melbourne á familia en Galicia, 1971 |
Ver
Transcripción da Fotografía enviada dende Melbourne á familia en Galicia, 1971 en 00/00/1971A ourensá Mercedes Barreiro Losada emigrou a Australia a mediados da década dos 60 reclamada polo seu irmán Jesús, que uns anos antes decidira probar fortuna neste país, atraído polas noticias que aparecían na prensa do momento. Alí conseguiu traballo e integrarse nun país onde o idioma e os costumes eran tan distintos aos da súa terra galega. Casou co asturiano Aurelio e en 1971 tiveron un fillo, Javier. Ela retornou coa súa familia e vive na terra do marido, pero o seu irmán non regresou.
|
| 1972-00-00 | Asistentes ao Primeiro Seminario do Libro Galego posando diante dun mural de Luís Seoane no Castro, Sada, 1972 |
Ver
Transcripción da Asistentes ao Primeiro Seminario do Libro Galego posando diante dun mural de Luís Seoane no Castro, Sada, 1972 en 00/00/1972Na fotografía podemos ver a intelectuais galegos retornados do exilio como Rafael Dieste, Alejandro Finisterre e Eduardo Blanco-Amor, xunto con outros que permaneceron en Galicia durante o franquismo como Ramón Piñeiro, Manuel María, Celestino Fernández de la Vega, Euloxio Ruibal, Marino Dónega, Xesús Campos, Manuel Caamaño, Manuel Gallego Jorreto e Isaac Díaz Pardo. Todos eles contribuíron desde ambas as beiras do Atlántico á supervivencia da cultura galega e serviron de guieiros ás novas xeracións do noso país.
|
| 1972-08-01 | Portada do número 1 de Breogán, publicación societaria do Centro Galego de Montreal, 1972 |
Ver
Transcripción da Portada do número 1 de Breogán, publicación societaria do Centro Galego de Montreal, 1972 en 01/08/1972Para combater a morriña e axudarse entre eles, a colectividade galega creou varias asociacións, como o Club Hispano de Toronto (1964) ou o Centro Galego de Montreal (1970). Alí reuníanse para bailar un pasodobre ou unha muiñeira ou para xantar comidas tradicionais como un cocido galego ou unha paella. Nestes centros sociais celebráronse vodas, nadais e noitevellas, aniversarios etc.
|
| 1977-05-30 | “Coman ahora y paguen despúes”, Cidade de Panamá, 1977 |
Ver
Transcripción da “Coman ahora y paguen despúes”, Cidade de Panamá, 1977 en 30/05/1977Manolo Barreiro, natural de Forcarei, é entrevistado pola revista panameña Más para todos. A popularidade do restaurante El Gato Negro, baixo a rexencia dos irmáns Barreiro, mantívose durante máis de vinte anos e iso foi motivo suficiente para converterse en centro de interese para a dita publicación. Por alí pasaban clientes do todos os estratos sociais, dende persoas sen recursos ás que se lles fiaban as comidas, ata políticos, como o presidente Arístides Royo, líderes revolucionarios, como Che Guevara, ou mesmo o campión mundial de boxeo Roberto Durán, alias “Mano de piedra”. Foi, sen dúbida, un referente para moitos emigrantes galegos acabados de chegar ao Istmo e sen traballo. Alí podían comer sen pagar ata que atopasen unha ocupación laboral. Chegaban cos petos baleiros e moita fame, polo que o réxime de pago ofrecido nese establecemento representaba un verdadeiro alivio físico e moral. |
| 1979-00-00 | As boas amizades perduran no tempo, Barallobre, 1979 |
Ver
Transcripción da As boas amizades perduran no tempo, Barallobre, 1979 en 00/00/1979Lola emigrou a Venezuela con apenas 3 anos, acompañando a súa nai, ambas as dúas reclamadas polo pai, que marchara para traballar alí en 1950. Coma tantos emigrantes, os seus pais traballaron e integráronse no país de acollida pero sempre pensando no retorno á súa vila natal e mantendo os lazos afectivos e familiares con Galicia. Lembra que gozou dunha infancia e xuventude moi felices en Puerto La Cruz e Illa Margarita, onde se asentaron. Cando cumpriu 19 anos e pensando que se non regresaba nese momento xa non o faría nunca, os pais decidiron mandala vivir cos seus avós en Barallobre. Aínda que estrañaba os amigos, axiña se adaptou á vida cotiá galega coa súa familia. Anos despois tamén retornaron os pais. Pero Lola seguiu en contacto cos seus amigos e en 1979 recibiu a visita desta amiga venezolana na súa casa en Barallobre.
|
| 1980-00-00 | Fun polo mar e vin polo aire, ca. 1980 |
Ver
Transcripción da Fun polo mar e vin polo aire, ca. 1980 en 00/00/1980O retorno é un elemento constituínte da propia condición do emigrante, ben se trate dunha simple visita á terra, ou ben dun regreso definitivo. Os adiantos tecnolóxicos nos medios de locomoción fixeron as viaxes máis curtas e en mellores condicións. O tráfico de emigrantes de retorno, sobre todo entre América e España, representou un puntal importante para asegurar a viabilidade das viaxes transatlánticas. Para as empresas aéreas os emigrantes representaron un mercado preferente dos seus ingresos. A liña aérea española Iberia foi intensificando a súa actividade a partir dos anos 50 e non tiña competencia como enlace entre as distintas capitais latinoamericanas e España.
|
| 1980-00-00 | Hostal-restaurante Canaima, Vigo, ca. 1998 |
Ver
Transcripción da Hostal-restaurante Canaima, Vigo, ca. 1998 en 00/00/1980O retorno das e dos emigrantes galegos non sempre se presenta de igual forma, está determinado baixo condicións diversas, que van desde a situación política e socioeconómica, que exerce de factor de expulsión do país de destino, ata causas moito máis íntimas, como o desexo de retornar á terra por causa da morriña ou simple cambio de etapa vital. En numerosas ocasións o retorno non é de anciáns senón de galegos en idade activa. Nestes casos, o retorno non é só físico, senón que leva consigo experiencia laboral, cartos aforrados e gañas de emprender un negocio propio. Establecementos coma este chaman a atención sobre experiencias vividas lonxe da terra e lémbrannos que para os seus donos pagou a pena volver. A través deses nomes gardan anaquiños doutras terras e recordan a súa condición de emigrantes.
|
| 1981-12-08 | Tres fillos, tres amores. Un día da nai especial. Changuinola, provincia de Bocas del Toro, Panamá, 8 de decembro de 1981 |
Ver
Transcripción da Tres fillos, tres amores. Un día da nai especial. Changuinola, provincia de Bocas del Toro, Panamá, 8 de decembro de 1981 en 08/12/1981Jacqueline, Francisco e Isabel son tres irmáns nacidos en Panamá e fillos do matrimonio galego formado por María Elena Benedetto Banga e Jaime Sieiro Sieiro. Imos contar aquí un pouco sobre o pioneiro desta aventura migratoria. Jaime marcha primeiro cara a Alemaña (Colonia) e logo dun tempo decide cambiar de rumbo. En 1968 diríxese cara a América, con destino a Panamá. Arredor desta data, a maioría de galegos e galegas collían rumbo a países europeos, pero Jaime fixo o xiro contrario. Foi un dos fundadores do Centro Español de Changuinola, unha pequena poboación da provincia de Bocas del Toro, situada a escasos quilómetros da fronteira con Costa Rica. Alí rexentou a “Mueblería y Joyería Santa Fe”. Os seus clientes eran, sobre todo, traballadores da compañía Chiquita da United Fruit Company.
|
| 1997-00-00 | Un teatro para o pobo de Vigo, 1997 |
Ver
Transcripción da Un teatro para o pobo de Vigo, 1997 en 00/00/1997O verinés José García Barbón emigrou moi novo a Cuba, onde se converteu nun banqueiro e empresario de éxito. Debido a problemas de saúde, retornou a Galicia en 1884. Nun primeiro momento instalouse na súa vila natal pero en 1889 foi vivir a Vigo. Alí investiu o seu patrimonio nas principais empresas do momento contribuíndo á modernidade e prosperidade da provincia.
|
| 2002-00-00 | Guía para emigrantes retornados: Galicia publicada pola Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Dirección Xeral de Emigración, 2002 |
Ver
Transcripción da Guía para emigrantes retornados: Galicia publicada pola Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Dirección Xeral de Emigración, 2002 en 00/00/2002En resposta ás principais interrogantes que aparecen cando se fan plans de retorno á terra, publicáronse estas guías de orientación práctica, funcionando como ferramentas informativas moi útiles, sobre todo ante a necesidade de realizar trámites que requiren una folla de ruta para conseguir aquela documentación imprescindible para un retorno efectivo. Deste xeito, distintas consellarías, así como a Delegación do Goberno en Galicia, participaron na elaboración de guías coma esta. Entre os contidos delas pódese atopar información sobre: obtención de documentos persoais como o DNI, certificado de nacemento, pasaporte, execución da baixa consular, homologación de títulos, permiso de traballo, acceso ao sistema de ensino en Galicia, axudas para a vivenda, asistencia sanitaria, formación ocupacional, obradoiros de emprego, pensións asistenciais por ancianidade, subsidios de desemprego etc. Na actualidade a función destas guías impresas en papel é complementada con toda a información que facilmente poden atopar os emigrantes na web Galicia Aberta, da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, así como nas súas redes sociais.
|
| 2002-00-00 | Reunión de socios da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, ca. 2002 |
Ver
Transcripción da Reunión de socios da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, ca. 2002 en 00/00/2002A reunión estivo presidida por Alfredo Gómez Gómez, no centro da fotografía. Alfredo Gómez emigrou a Cuba en 1957 dende Becerreá (Lugo) para traballar co seu tío. Coa súa presidencia logrou manter a sociedade activa. Neste novo milenio a sociedade benéfica ten que loitar co paso do tempo e as circunstancias económicas da illa. A maior parte dos socios son descendentes dos emigrantes galegos e galegas, e enfróntanse a un problema de envellecemento. Por outra lado, as necesidades son cada vez maiores e a consecución de fondos faise moi complicada. A Beneficencia continúa a ter as súas oficinas no antigo palacio do Centro Galego da Habana, onde xestionan as axudas aos seus socios máis necesitados e o mantemento do panteón social, auténtico orgullo para eles.
|
| 2019-00-00 | Unha casa indiana na vila de Ares, 2019 |
Ver
Transcripción da Unha casa indiana na vila de Ares, 2019 en 00/00/2019Unha das aspiracións dos emigrantes que retornaron ás súas vilas e aldeas era construír unha vivenda que simbolizase o triunfo da súa aventura migratoria e o seu éxito económico. A casa dos indianos na primeira metade do século XX domina no medio rural polo seu deseño e modernidade en moitos servizos que non tiñan as casas tradicionais. Co retorno introduciuse unha arquitectura cosmopolita que se inseriu entre as casas tradicionais de moitas vilas galegas, ademais de xardíns e especies arbóreas exóticas para aquel momento, como poden ser as palmeiras, tan habituais na Galicia actual. Podemos salientar as casas indianas da comarca de Ferrolterra e da Mariña luguesa, aínda que en todas as vilas e aldeas galegas vemos exemplos destacados. Cos cartos da emigración as localidades galegas cambiaron e progresaron. Non só as residencias, senón tamén as escolas, igrexas, fontes, lavadoiros, camiños e parques contaron coas remesas dos emigrantes, que axudaron a modernizar o noso territorio.
|


