“especiais” do CCG

Dez voces para Luz Pozo Garza



A prestixiosa publicación Asymptote -unha das principais revistas literarias online mundiais que conta xa con traballos de 121 países e 103 idiomas nos ámbitos da poesía, ficción, non ficción, drama e entrevistas a persoas da creación literaria e tradución- faise eco da poesía galega contemporánea. Así, vén de publicar unha escolma de poemas de 8 poetas galegos coas súas traducións verquidas ao inglés. Podes ler os versos de Manuel Rivas, Chus Pato, Gonzalo Hermo, Eva Veiga, Luz Pozo, Alba Cid, Lara Dopazo e Ismael Ramos e as súas versións inglesas realizadas por Jacob Rogers, Jonathan Dunne, Lorna Shaughnessy, Kathleen March, Laura Cesarco Eglin, Erin Moure, Neil Anderson, Harriet Cook and Patrick Loughnane. Moitos deles podes mesmo escoitalos nas súas propias voces. Non é o caso de Luz Pozo Garza, a quen a morte veu visitar antes da publicación desta revista. Mais no quixemos deixala sen voz. Nove voces amigas len a súa escolma poética en galego e a tradutora fai o propio coas traducións ao inglés publicadas na revista. Pepe Cáccamo, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Gonzalo Vázquez Pozo, Olivia Rodríguez, Olga Novo, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xesús Alonso Montero, Carme Blanco e Kathleen March conforman estes dez raios de Luz para unha memoria solar. Ao fío da saída de Asymptote e con este especial, o Consello da Cultura Galega quere homenaxear a Luz Pozo Garza, unha poeta xa canónica da literatura galega de todos os tempos. Os seus versos servirán para alumear este verán de nubes e claros.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.