“especiais” do CCG

150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia

Neste ano celébrase o 150 aniversario fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana. O Consello da Cultura Galega, con este especial, quere conmemorar esta efeméride coa difusión de parte dos fondos documentais da sociedade que se conservan no AEG e poñer en valor o seu legado a prol da colectividade galega asentada en Cuba.
A creación desta lonxeva entidade respondeu a unha crecente demanda e necesidade dos integrantes da colonia galega na illa, cada vez máis numerosa no último terzo do século XIX, que reclamaban unha solución para os milleiros de emigrantes que, por problemas de saúde ou de falta de traballo e recursos económicos, se vían abocados á indixencia e ao desamparo. Para evitar que se convertesen nun problema de orde pública ou que quedasen no máis completo abandono, un pequeno grupo de emigrantes de gran renome no sector das finanzas, o comercio ou a empresa, secundados por numerosos compatriotas solidarios, decidiu agruparse e crear unha sociedade benéfica seguindo o exemplo da colectividade catalá, que en 1840 creara a Sociedad de Beneficencia Catalana.
Así, o 31 de decembro de 1871 fundouse a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (en diante SBNG). No seu primeiro regulamento definíase como unha institución benéfica, caritativa, protectora e asistencial, con tres prioridades básicas: socorrer con doazóns mensuais os paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e asumir a repatriación para os que tivesen que retornar. Co paso do tempo as súas actividades iranse ampliando no campo cultural e de axuda mutua, sendo moi importante a construción dun gran panteón no cemiterio Colón da capital cubana, onde descansan miles de socios da entidade.
Os fundadores pretendían tamén dignificar o papel dos galegos e galegas na illa ante os cubanos e os emigrantes doutras nacionalidades. Comezan, así, a reivindicar a cultura galega como algo distintivo, organizando festivais de música, conferencias e homenaxes a grandes escritoras como Rosalía de Castro, Virginia Felicia Aubert ou Juana Mª de Vega, ás que nomearon como socias de honra da sociedade. Anualmente, cada 25 de xullo, celebraban a festividade do Día de Galicia cunha gran festa e un desfile polas rúas habaneiras.
Ao longo do século XX o prestixio da entidade mantívose na colectividade. A SBNG estivo moi vinculada ao Centro Galego da Habana, en cuxo palacio dende 1922 pasou a ocupar un despacho, onde aínda hoxe atende, na medida das súas posibilidades, as necesidades dos e das socias. As circunstancias tras a revolución cubana cambiaron e os seus bens foron expropiados, pero a entidade permaneceu activa, conservando e xestionando o panteón social e mantendo a chama de Galicia nas súas actividades.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.