“especiais” do CCG

O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea

O navío de pasaxeiros Santa Maria foi o transatlántico portugués máis soado a nivel internacional do século XX. Pertenceu á frota de buques da Companhia Colonial de Navegação (CCN). Este paquebote de luxo foi construído en Bélxica en 1953 e transportou pasaxeiros durante vinte anos, a maioría deles eran emigrantes galegos, españois e portugueses. Realizaba a ruta regular entre Europa e América do Sur, con escala tamén na costa de Florida (EUA). As súas características técnicas e servizos especiais —semellantes ás do seu homólogo, o buque Vera Cruz— non foron as que fixeron que tivese tanto alcance mediático. Malia o prestixio que tiña, sendo o único navío de pasaxeiros portugués que mantiña unha liña de conexión regular entre Portugal e os Estados Unidos, o seu verdadeiro protagonismo obedece a unha acción armada desenvolvida a bordo no mar Caribe na mañanciña do 22 de xaneiro de 1961, bautizada como Operación Dulcinea. Esa acción armada, que derivou no secuestro do Santa Maria, foi cometida por un grupo de activistas políticos galegos e portugueses, fundadores da agrupación denominada DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación / Direção Revolucionària Ibérica de Libertação). Este movemento pretendía crear unha corrente de opinión pública internacional contraria aos réximes ditatoriais vixentes nos dous Estados ibéricos, o salazarista e o franquista. Tentaba desencadear un fenómeno de converxencia política e apoio capaz de derrubar ambas as dúas ditaduras. Ao mesmo tempo, procuraba a liberación dos territorios colonizados por España e Portugal no continente africano. Na captura do buque participaron 24 membros do DRIL. A operación estivo principalmente encabezada polo excapitán portugués Henrique Galvão e dous galegos: Xosé Velo Mosquera, que foi quen concibiu gran parte desta, e o excomandante da Mariña de guerra da República española Xosé Fernández Vázquez, máis coñecido como comandante Soutomaior.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.