“especiais” do CCG

Arquitectura: ciencia, arte e construción social

Son moitos os factores que constrúen unha sociedade; un importante ten que ver coa súa relación co territorio: aproveitamento de recursos, convivencia co medio, artellamento dos elementos que xeran un significado de seu... Co especial que Proxector dedica á arquitectura, apuntamos a tres eixos representados a través de obras civís, relixiosas, paisaxísticas ou industriais.

O científico: atendendo aos procesos técnicos que deron lugar a magníficas obras coma a escaleira de San Domingos de Bonaval ou o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

O artístico: percorrendo estilos desde o románico aos contemporáneos, a través de explicacións e imaxes comentadas por profesionais; por exemplo, o pazo de Oca ou o pazo de Bendaña, os mosteiros da Ribeira Sacra ou a recreación en 3D do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón.

O social: repasando a historia dos castros, a arquitectura mariñeira, a da casa... a denominada “arquitectura popular”, que combina as técnicas sinxelas e os materiais locais, nunha sorte de pacto co medio para o desenvolvemento de ambos os dous.

Non son aspectos disociables, como ben ilustra a carreira de Rita Fernández Queimadelos, a primeira galega en titularse en Arquitectura, en 1940, e figura destacada desde especial de Proxector.

Imaxe: Ponte Maceira, Ames (s. XIII)

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.