“especiais” do CCG

Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX

A crise económica de 1929 marca o punto final da emigración masiva cara a América. Tras a Guerra Civil e a pesar das medidas restritivas do réxime franquista, comezan de novo as saídas cara ao continente americano grazas á reactivación das cadeas e as redes migratorias existentes nos países tradicionais de acollida.
Isto obriga a que en 1946 o Goberno poña de novo en vigor a Lei de emigración de 1924. Nesta fase convive unha emigración de chamada xunto cunha emigración asistida e organizada en función das normas emanadas de organismos internacionais como o Comité Internacional para as Migracións Europeas (CIME) e as necesidades de man de obra dos países receptores, cos que se asinan convenios bilaterais.
Na década dos 50 e 60, catro países absorben a gran maioría dos e das emigrantes galegas cara a América: Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela. Estes países vivían un momento de crecemento económico e de desenvolvemento industrial que demandaba obreiros cualificados e técnicos especializados, na construción e nas obras de infraestruturas, e traballadores agrícolas. Activouse así unha política selectiva que só permitía entrar nos países a todo aquel que fose reclamado ou levase un contrato de traballo. Numerosos familiares e veciños asentados alí envían cartas de chamada ou contratos laborais, facilitando, deste xeito, todo o proceso burocrático para poder emigrar. Nestas décadas, aínda que continúa o predominio da emigración masculina, hai un aumento considerable da feminina, resultado da política de reagrupación familiar.
Cómpre destacar a importancia de Venezuela como un novo destino a causa do seu rápido crecemento económico, baseado na explotación e exportación das súas grandes reservas petrolíferas, que estimulou a expansión doutras actividades industriais, a construción de infraestruturas e o desenvolvemento do sector servizos.
Nos anos finais deste período aparecen novos destinos en Europa (Alemaña, Francia, Suíza ou Inglaterra), que acabarán por convertese nunha nova realidade migratoria para os galegos e galegas, pero este proceso será analizado noutro especial.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.