“especiais” do CCG

A pegada educativa da emigración galega en América

O impacto económico e cultural das e dos emigrantes galegos en Galicia é un fenómeno suficientemente abordado nas distintas publicacións científicas sobre o proceso migratorio. Así e todo, o seu coñecemento continúa perfeccionándose coa ampliación de estudos de investigación, que sempre acaban achegando novos datos e curiosidades e contribuíndo á reconstrución da memoria colectiva da emigración galega.
A saída de milleiros de galegos e galegas ao continente americano provocou o impulso de centos de iniciativas para a construción de escolas —entre outras moitas obras de contribución ao desenvolvemento agrícola, mercantil, industrial, asistencial etc.— que se foron espallando pola xeografía galega e das que demos conta, en varias ocasións, desde o Arquivo da Emigración Galega. A maioría delas foron promovidas como un proxecto de carácter colectivo, mediante as actuacións organizadas polas sociedades de emigrantes galegos en cada país de acollida. Porén, tamén se levaron a cabo proxectos educativos de carácter individual a través da figura dos indianos. O grao de éxito destas iniciativas fala por si só, sen necesidade de entrar en valoracións cuantitativas. As escolas foron creadas en Galicia coa clara finalidade de atender as necesidades educativas de rapazas e rapaces galegos que, talvez, poderían chegar a protagonizar a mesma experiencia migratoria que a dos seus paisanos. Nese caso, trataríase de mulleres e homes novos, dispostos a traballar e que decidirían coller rumbo a novas latitudes, pero con máis ferramentas para desenvolver unha actividade económica próspera no país de destino.
Se falamos sobre a pegada educativa da emigración española e galega en América, podemos observar que a máis estudada foi a deixada polas organizacións de carácter relixioso nos distintos países do continente. Estas construíron unha enorme rede internacional de obras a grande escala que inclúen colexios, escolas de artes e oficios, universidades, centros xuvenís, etc. As ordes relixiosas acadaron unha grande expansión numérica no mundo. Temos como exemplos os xesuítas, salesianos, franciscanos, dominicos, maristas, agostiños ou misioneiros do Sagrado Corazón, entre outros.
Neste especial de Historias de ida e volta falaremos das accións da emigración galega en sentido inverso, é dicir, dos proxectos desenvolvidos pola colectividade galega en América referidos á creación de academias e centros educativos de maior alcance, construídos en varios destinos significativos da nosa emigración como Cuba, A Arxentina, O Uruguai, O Brasil, México e Venezuela. A construción destes centros non foi tarefa doada, pero a súa consecución supuxo a representación dos galegos e galegas como grupo étnico dentro dos países de acollida e tamén cumpriu o propósito de asegurar o vínculo das novas xeracións descendentes de emigrantes coa lingua e cultura de Galicia.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.