“especiais” do CCG

O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica

Galicia débelles moito a aqueles ilustres filántropos que un día marcharon cara a América. Cun futuro ás veces incerto, lograron saír á boia fóra da súa terra natal e desenvolveron todas as potencialidades e talentos persoais. O feito de facer grandes fortunas era un signo de éxito, pero máis aínda o de compartir inxentes cantidades do seu capital coa comunidade de procedencia. Un dos exemplos máis salientables de acción filantrópica en Galicia foi o representado por José García Barbón y Sola. Era un verinés nacido o 30 de marzo de 1831, na parroquia de Santa María a Maior. Dos seus pais, Victorio e Manuela, pouco se sabe. Ao parecer o pai era un comerciante asturiano asentado en Verín e a súa nai unha traballadora do establecemento.
Coma tantos rapaces da época, José García Barbón emigra sendo apenas un adolescente. A illa de Cuba sería o seu destino, alí desembarca en 1844 con tan só 13 anos de idade. A súa figura non se pode entender se non se fai referencia ao papel representado polo seu tío Luciano, responsable en boa medida do que sería un futuro florecente durante a súa etapa migratoria na Habana. Luciano García Barbón foi quen reclamou ao seu sobriño José. Na Habana brindoulle o apoio que precisaba para desenvolver unha carreira que estaría chea de éxitos financeiros. A súa traxectoria empresarial conseguiu alcanzar un ritmo vertixinoso, pero iso non lle impedía sacar tempo para ocuparse dos asuntos da colectividade galega na illa. Participou, así, na primeira comisión directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (1872) e foi socio impulsor da fundación do Centro Galego da Habana. Os historiadores relatan que obtivo notable recoñecemento na organización masónica cubana. Sempre estaba pendente dos máis necesitados e axudaba aos paisanos e paisanas que atravesaban crúas e penosas situacións.
En 1884 retorna a Verín, con 53 anos cumpridos e moitas gañas de continuar co seu labor social intenso e altruísta, a favor da súa comunidade de orixe. Unha proba diso atopámola na construción do Colexio San José de Verín, a reconstrución da igrexa parroquial, do santuario dos Remedios e moitas máis obras benéficas.
Trasladouse a Vigo en 1894, xunto á súa irmá Carlota, viúva e con catro fillos. Debido a que José García Barbón rexeitaba todo alarde de publicidade, houbo numerosas actos benéficos que pasaron desapercibidos. A Cocina Económica, a Casa de Caridad, o Hospital Elduayen, asilos e numerosos particulares debíanlle gratitude pola protección prestada.
As obras máis salientables levadas a cabo na cidade olívica foron a construción da Escola de Artes e Oficios, xunto á adquisición e recuperación do Teatro Rosalía de Castro. Tamén regalou o terreo para a construción do Asilo del Niño Jesús e contribuíu para edificar as Escuelas Salesianas del Arenal.
Foi un home de negocios ata que a morte o sorprendeu. O afamado Hotel Balneario de Cabreiroá e as augas do mesmo nome, internacionalmente recoñecidas, foron froito da súa creación, xunto á empresa de ómnibus e a Electra de Verín. José García Barbón faleceu o 7 de marzo de 1909 e deixou un legado que hoxe perdura e que debemos trasladar ás novas xeracións.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.