“especiais” do CCG

Bacterias e antibióticos.
Do laboratorio á clínica

O XIV Día da Ciencia en Galego homenaxea en 2023 ao médico galego Domingo García-Sabell e ao científico británico Alexander Fleming.

Do primeiro temos máis recente a súa actividade cultural, que o levou a relacionarse con Manoel Antonio, Fole ou o mesmo Castelao, e tamén a ser presidente da Real Academia Galega. Mais non é unha traxectoria que poida separarse da que realizou desde os campos da patoloxía psicosomática e dixestiva con compañeiros como Rof Carballo. Entre os seus ideais, sempre estivo o de humanizar a medicina, poñer no centro tanto ao paciente como á persoa. De aí a reivindicación de empregar a lingua propia do doente, o galego no seu caso, para estreitar o vínculo da medicina coa sociedade.

Desde outra óptica, Alexander Fleming iniciou a universalización dos coidados sanitarios co seu achado accidental da penicilina en 1928. Abriu a chamada “Era dos antibióticos”, unha mudanza drástica para a medicina moderna de vital importancia para tratar moitas infeccións bacterianas diferentes e salvar moitas vidas.

“Saúde para todos”
É esta máxima á que nos sumamos para realizar a selección de audiovisuais que podes ver a continuación. Expertos e expertas fálanche das bacterias boas e das malas, de como mudan, reaparecen ou retan o sistema inmunolóxico de persoas e animais. Tamén da relevancia da ciencia na nosa vida cotiá: desde que os laboratorios a sintetizaron nos anos 40, enfermidades sexuais, feridas na pel e enfermidades respiratorias como a pneumonía puideron curarse coa penicilina.

Pechando a nosa escolma, atoparás tamén datos, reflexións e a demostración do valiosa que segue sendo a investigación científica para afrontar o principal desafío ao que actualmente nos someten as bacterias: a resistencia aos antibióticos.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.