“especiais” do CCG

O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica

A filantropía das persoas emigrantes foi un feito esencial no desenvolvemento educativo e cultural da Galicia dos séculos XIX e XX, e en consecuencia do seu despegue económico e da súa evolución social e política. Grazas á creación de centos de escolas construídas coas remesas de alén mar, a sociedade galega puido progresar.
Este especial céntrase na figura e obra do filántropo Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto (Cee, 18 de outubro de 1796 – A Habana, 5 de abril de 1875), un indiano enriquecido na illa de Cuba que non retornou a Galicia pero mantivo sempre na súa memoria afectiva a súa vila natal e as súas xentes. Pódese consultar a súa biografía na web do Consello da Cultura Galega, no Álbum de Galicia. O seu legado, exemplo de xenerosidade e altruísmo, foi xestionado por un padroado encargado de levar a bo termo os seus desexos. Edificáronse dous magníficos edificios –o colexio-instituto que leva o seu nome e a escola de nenas–, que hoxe en día manteñen a súa hexemonía na arquitectura urbana de Cee, vila que progresou grazas á súa xenerosidade. Nestes centros educativos recibiron instrución gratuíta numerosas xeracións de nenos e nenas da comarca de Fisterra cos máis innovadores plans educativos, de clara vocación humanista e científica. Ademais, fomentouse a cultura da bisbarra con cursos de alfabetización para adultos, a concesión de bolsas para o alumnado máis avantaxado, aulas de música e teatro con actuacións para toda a veciñanza ou a apertura da biblioteca do colexio-instituto a toda a poboación. A Fundación Fernando Blanco de Lema sufragou numerosas iniciativas de gran calado para o progreso socioeconómico da contorna: dende a realización de campañas de vacinación ou a instalación dunha farmacia con medicamentos subvencionados ata investimentos en obras públicas como a instalación do teléfono e da luz eléctrica na vila (1906), o arranxo de estradas, a construción dun novo cemiterio...
Con este especial, o Arquivo da Emigración Galega quere difundir a grande obra de filantropía deste indiano, sempre presente na memoria colectiva dos seus paisanos. Na nosa web As Escolas da Emigración Galega pódese coñecer a súa figura e o seu legado educativo.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.