“especiais” do CCG

O exilio galego

Nos primeiros días da Guerra Civil, Galicia queda baixo o control dos sublevados. A represión foi durísima e o exilio converteuse na única saída para miles de galegos e galegas que padeceron persecución e cárcere. Fuxiron a Portugal ou a Francia, incluso cara a algúns países africanos como Tunes. Alí, salvo un pequeno grupo que encontrou acubillo, buscaron outros lugares que os acollesen.
En América atopáronse cun amplo conxunto de redes sociais orixinadas e consolidadas pola emigración anterior a 1936. Aínda que as políticas inmigratorias dos países non eran favorables á chegada dos exiliados (agás o caso de México), estas redes puideron facilitar os procesos de desprazamento e a súa inserción socioeconómica e cultural.
Os exiliados cunha cualificación intelectual e técnica superior puxéronse ao servizo dos países de acollida, traballando nas súas universidades e no desenvolvemento de sectores clave da economía, como o industrial, enerxético, manufactureiro ou mecánico. Isto sen contar cos centenares de artistas, escritores ou pintores que ingresaron no mundo académico e cultural, sobre todo en México, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos.
A influencia de intelectuais galegos asentados en Arxentina, como Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela e Rafael Dieste, entre outros, converteu Bos Aires no principal referente da nosa cultura nos anos 40 e 50; o mesmo pasou en Uruguai con Lois Tobío e Manuel Meilán, en México con Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Luís Soto ou en Estados Unidos con Emilio González López, José Rubia Barcia e José Otero Espasandín, por citar algúns dos casos máis coñecidos. Pero tampouco debemos esquecer a presenza dos exiliados e exiliadas anónimas que se dedicaron a refacer a súa vida e a garantir a súa supervivencia material.
O Consello da Cultura Galega organizou no ano 2001 un congreso para difundir o legado destes homes e mulleres e publicou un dicionario biobibliográfico que recolle as biografías dos exiliados e exiliadas máis recoñecidas pero tamén dos anónimos e as actas das xornadas.
Este especial é unha pequena mostra dos documentos e fotografías que o Arquivo da Emigración Galega conserva nos seus fondos para poñer en valor a súa memoria.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.