“especiais” do CCG

Voceiros da colectividade galega na emigracion

Neste maio de celebración e defensa da nosa lingua e cultura, este especial de Historias de ida e volta presenta unha escolma das cabeceiras de xornais, revistas e boletíns editados pola colectividade galega espallada polo mundo. Foron elixidas para dar certa representatividade a toda a prensa da emigración, nomeadamente ás publicacións feitas polas asociacións dos e das emigrantes galegas nos principais países de acollida durante o século XX.
Unha das características da nosa emigración foi o seu esforzo de integración nas sociedades de acollida mais sen esquecer a defensa da súa propia identidade cultural. Algúns sectores da elite da colectividade emigrada iniciaron no último terzo do século XIX un labor propagandístico e informativo coa edición de xornais e revistas dende os que se artellou unha conciencia política e cultural propia para os e as galegas. Estas publicacións constitúen un valioso testemuño da importancia, evolución e características dos e das protagonistas do fenómeno migratorio. A primeira publicación galega alén mar foi La Gaita Gallega, editada na Habana en 1872 e recuperada por Ramón Armada Teixeiro e Manuel Lugrís Freire en 1885, cando editaron o primeiro xornal escrito na nosa lingua. En 1878 o xornalista Waldo Álvarez Ínsua dirixiu tamén na Habana El Eco de Galicia. Revista Semanal de Ciencias, Arte y Literatura coa finalidade de ser «el defensor de nuestros intereses, de nuestro buen nombre y una prueba de nuestra cultura e ilustración». Ideario similar tiveron outras publicacións posteriores como El Gallego (Bos Aires, 1879), El Eco de Galicia (Bos Aires, 1892), Tierra Gallega (A Habana, 1894), Correo de Galicia (Bos Aires, 1908), Eco de Galicia (A Habana, 1917), Céltiga (Bos Aires, 1924) etc., por citar só algunhas das máis recoñecidas. Xa nos anos corenta e cincuenta ven a luz, froito do labor cultural das e dos exiliados galegos en América, Galeuzca (Bos Aires, 1945), Galicia Emigrante (Bos Aires, 1954) ou Vieiros (México, 1959). No Repertorio da prensa da emigración galega pódense consultar máis de 750 publicacións galegas editadas fóra da nosa terra polos nosos emigrantes.
Neste especial queremos dar a coñecer o importante labor editorial das asociacións de emigrantes tanto en América como en Europa. Cos seus voceiros mantiñan informados aos socios das súas actividades instrutivas, recreativas e culturais, da acción mutualista e solidaria e do funcionamento da entidade, con abundante información sobre a vida cotiá da colectividade; tamén reproducían noticias da prensa galega e española, ademais de poemas e fragmentos de obras literarias de autores galegos recoñecidos. Nos títulos das cabeceiras predominan os termos ‘Galicia’, ‘gallego’, ‘adiante’, ‘airiños’, ‘terra’, ‘alborada’, ‘saudade’…, que nos retrotraen á nosa patria e á nosa lingua, e nas súas páxinas podemos ver fotografías e ler artigos sobre a paisaxe e as vilas galegas, o patrimonio artístico e cultural, as figuras máis relevantes da nosa cultura ou o progreso e a economía de Galicia. O Arquivo da Emigración Galega (AEG), no seu labor de divulgación, organizou en 2015 unha exposición titulada Galicia imaxinada nas revistas da emigración , na que se fixo un percorrido por algunhas das máis icónicas.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.