“especiais” do CCG

100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión

O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Liderados por Antonio Díaz Novo, Manuel Areas Blanco, Ricardo Montero, Benigno Vieites, Domingo Traba, José Quintáns Pazos e Casto M. Insua, entre outros, fundaron a Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión. A importante colectividade integrada polos e polas emigrantes de Corcubión, Cee, Fisterra, Vimianzo, Muxía, Dumbría, Camariñas e Zas acudiu á chamada dos fundadores e asociouse en gran número á nova entidade, que chegou a contar con máis de 5000 socios na década dos 50, o que nos dá conta da súa importancia no ámbito da colectividade galega en Arxentina.
A defensa e a loita pola modernización da terra que os vira nacer e que tiveran que abandonar en busca de oportunidades foron sempre parte das súas prioridades. A súa unión serviu tamén para acadar protección e apoio mutuo ante as vicisitudes que se lles presentaron no país de acollida: a partir dos anos 30, os socios gozaron de servizos gratuítos de asesoramento legal, asistencia médica e farmacia ou socorros económicos puntuais para os máis desfavorecidos. Sobre todo destaca a súa contribución á educación dos nenos e nenas da comarca, algo esencial para o seu porvir laboral e económico. Na asemblea de socios de xuño de 1929 apróbase un ambicioso plan para construír nove centros escolares, un en cada concello do distrito e o noveno en Bos Aires. Sobre este tema pódese consultar a web As escolas da emigración, que o Consello da Cultura Galega publicou hai uns anos. A ABC chegou a inaugurar catro escolas, pero o seu proxecto educativo freouse polo estalido da Guerra Civil.
Nas páxinas do seu voceiro social, a revista Alborada, creada en 1925 e que hoxe continúa a publicarse, temos ampla información das actividades culturais, benéficas e recreativas levadas a cabo ao longo deste século de existencia.
Na actualidade o seu presidente, Carlos O. Ameijeiras Miñones, continúa co labor dos seus predecesores no cargo e visita a miúdo a terra dos seus antepasados para difundir a memoria histórica da asociación. Na conmemoración do seu centenario, o Consello da Cultura Galega publica este especial para manifestar o seu recoñecemento e parabéns a todos e todas as socias desta lonxeva institución por todo canto ben fixeron pola súa terra e desexarlles unha próspera andaina no futuro.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.