“especiais” do CCG

Escolma para ver e escoitar Química por Marcelino Maneiro Maneiro

Como contan no vídeo Que che ensinou a química?, a química está en todo, abrangue moitas áreas de coñecemento. Por iso en Proxector atopamos un feixe de pezas audiovisuais que presentan contidos tan variados baixo o eixo da química.

No ámbito biolóxico e da saúde, no vídeo de Carmela Cela ponse en relevo a transcendencia das cadeas de reaccións químicas controladas que suceden no noso organismo para manternos con vida.

Grazas á investigación de moitos químicos, como Ignacio Ribas, sabemos que podemos modular esas reaccións inxerindo distintos compostos activos. No vídeo da RAGC repásase como Ribas foi un referente mundial, dende a súa cátedra na Universidade de Santiago, na extracción de produtos naturais con aplicacións farmacolóxicas a partir de especies vexetais autóctonas.

Entre estes compostos, a investigación atopou que, nalgunhas ocasións, tiñámolos na aparencia coa mesma fórmula pero actividades contrapostas: os isómeros. O concepto de isomería está explicado con sinxeleza nun dos vídeos desta escolla.

A humanidade leva dende a súa orixe acumulando coñecemento sobre aqueles compostos que nos curaban ou reducían a dor das lesións. Lara Rouco repasa no vídeo titulado O ouro... só nas xoias? a actividade farmacolóxica dun dos elementos que máis fascinación xerou aos humanos.

Outras veces atopámonos con compostos ou elementos cun efecto prexudicial para os organismos. Na escolla tamén se fala dos problemas da intoxicación con chumbo que deriva nun envelenamento coñecido como saturnismo. No magnífico docudrama co título O radio e Marie Curie, gañador do concurso O meu elemento, tamén se trata tanto o lado escuro do radio como se comenta como a radioterapia ten salvado moitas vidas.

A radioactividade causou a anemia aplásica que truncou a vida de Marie Sklodowska-Curie debido á exposición ao radio durante a súa investigación no laboratorio. O certo é que a experimentalidade constitúe a cerna da química, o coñecemento constrúese a partir do traballo no laboratorio. En Proxector atopamos múltiples pezas de desenvolvemento de prácticas e técnicas de laboratorio, moitas delas ligadas ao Proxecto Funil do grupo CienciaNOSA. Como exemplo, temos o vídeo Técnica de destilación por arrastre con vapor, cun título menos suxestionable ca outros pero que acumula centos de miles de visitas. Tamén a Sociedade Xuvenil Galega de Química ten elaborado vídeos atractivos de experimentación como o da Extracción de cafeína a partir de grans de café.

A química tamén quere dar resposta a algúns dos retos actuais da humanidade, en particular no eido das enerxías renovábeis. Unha das propostas de Proxector convídanos a aprender da fotosíntese das plantas para xerar un combustible renovábel como é o hidróxeno. Noutro dos vídeos explícannos o proceso de obtención deste elemento mediante a electrólise da auga. Outra vía é valorización dun contaminante como é o CO₂ para producir un combustible como o ácido fórmico.

En definitiva, estes e outros moitos vídeos de Proxector axúdannos a aproximarnos a esta ciencia central, case sempre de xeito ameno e divulgativo, e comprobar as súas múltiples implicacións nos procesos que nos envolven.

Marcelino Maneiro Maneiro
Profesor de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.