“especiais” do CCG

Memoria e voces femininas da diáspora galega

O pasado día 8 de marzo celebrouse, un ano máis, o Día Internacional da Muller. Aínda hoxe, en pleno século XXI, é preciso continuar coa loita polos dereitos da muller. No mundo actual, tan convulso, continúan, desde os países máis desfavorecidos, os desprazamentos de homes e mulleres para sobrevivir ou en busca dunha vida mellor. Neste especial, o Arquivo da Emigración Galega (AEG) quere dar a coñecer a experiencia migratoria das galegas que no pasado século protagonizaron a diáspora cara a outros países.
Elas emigraron, ben xunto cos seus pais, homes ou fillos, ou ben soas, na busca de novas oportunidades laborais, económicas e de liberdade. En América e nos países europeos industrializados traballaron, formáronse e integráronse nunhas sociedades que lles ofrecían máis posibilidades de acadar os seus soños. Nun proceso tan longo no tempo e tan espallado no espazo, a súa situación foi dispar, pero amosaron o seu pulo e loita para mellorar a súa situación, reunir uns aforros, formar unha familia, educar os seus fillos..., sen esquecer a súa terra natal e os que aquí quedaron. Sempre co pensamento posto nun retorno a Galicia que en moitas ocasións non lograron.
Hoxe toca darlles visibilidade a algunhas desas protagonistas que no seu tempo acadaron sona pola súa traxectoria vital e profesional, pero que non son suficientemente recoñecidas. Son galegas –nacidas en Galicia ou na emigración– que, por amor a terra, defenderon a nosa cultura e identidade fóra das nosas fronteiras e llelas transmitiron ás novas xeracións. Foron escritoras, xornalistas, artistas, educadoras, científicas... ou esposas e compañeiras de vida de intelectuais e políticos galegos que destacaron grazas ao seu apoio.
Con elas homenaxeamos a todas as mulleres galegas emigrantes ou exiliadas. Recuperar a súa memoria e difundila na nosa sociedade é unha das tarefas do AEG. A quen lle interese coñecer máis información sobre elas ou sobre outras moitas mulleres salientables pode consultar na web do CCG o Álbum de Galicia.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.