“especiais” do CCG

As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba

A creación de asociacións étnicas de diversa tipoloxía (mutualistas, benéficas, recreativas, instrutivas, agraristas…) vén dada pola solidariedade e empatía dos e das nosas emigrantes, sobre todo cos compatriotas máis desfavorecidos, fronte ás adversidades que atopaban nos países de acollida. A partir do último terzo do século XIX, alén da fundación dos grandes centros asistenciais e benéficos, comezan a aparecer na prensa da colectividade noticias e anuncios de grupos de veciños asentados alén mar que solicitaban axuda e apoio en forma de subscricións económicas a prol da súa localidade natal. Fomentábase así a unión da emigración orixinaria dun determinado lugar, parroquia, municipio ou comarca para enviar remesas coas que cubrir necesidades puntuais ou mellorar algúns aspectos da vida cotiá dos seus paisanos.
Nas primeiras décadas do século XX prodúcese a eclosión do movemento asociativo galego en todos os países de acollida, especialmente en Arxentina e na illa de Cuba. A primeira sociedade de ámbito local constituída como tal foi a Alianza Aresana de Instrucción, fundada na Habana en 1904. O seu exemplo espallouse axiña e, así, foise establecendo unha mesta rede de asociacións microterritoriais baixo as denominacións «Hijos de» ou «Naturales de», co obxectivo principal de mellorar as condicións de vida da veciñanza e familiares que quedaran aquí. Querían fomentar o progreso do terruño e para iso dedicáronse a construír e manter centros de ensino, promover melloras na atención sanitaria ou nas redes de comunicación e saneamento…, sen esquecer o apoio ao agrarismo e á loita anticaciquil. Nos países de acollida a axuda mutua entre socios e socias, as actividades recreativas e a defensa da cultura e da identidade galegas tamén tiveron unha ampla cobertura.
Este novo especial de Historias de ida e volta amosa algúns dos fitos acadados por estas asociacións creadas en Cuba. O Arquivo da Emigración Galega (AEG) ten contabilizadas preto de 200 sociedades de ámbito local fundadas na illa principalmente entre 1904 e 1918, o que nos dá idea da súa relevancia. Hoxe en día 43 destas asociacións continúan a traballar a prol dos seus socios, unidas baixo a denominación de Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios y Parroquias de Galicia. Algunhas manteñen a súa propia singularidade, como é o caso de Naturales de Ortigueira, Monterroso y Antas de Ulla ou La Aurora de Somozas. Todas elas contan co recoñecemento da galeguidade outorgado pola Xunta de Galicia.
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, leva realizado numerosas actividades de difusión da memoria histórica deste fenómeno, como a organización das exposicións Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración ou Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia. Dende a súa creación, unha das prioridades do AEG é a recuperación e salvagarda da documentación xerada por estas asociacións (libros de actas, regulamentos e estatutos, fotografías sociais, folletos e publicacións periódicas…), que nos permite estudar e dar a coñecer todo o seu legado. Gran parte destes fondos están dixitalizados e poden ser consultados, ben de maneira presencial, ben na nosa páxina web.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.