“especiais” do CCG

Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos

Só unha de cada tres persoas que se dedican á investigación científica é muller. As mulleres representan soamente o 22% dos profesionais que traballan no sector da intelixencia artificial e o 28% das persoas que se gradúan en enxeñaría. Só 19 mulleres foron galardoadas con premios Nobel de Ciencias desde 1901.

Segundo o Informe da UNESCO sobre a Ciencia de 2021, ás mulleres concédenselles menos fondos para a investigación que aos homes e teñen menos posibilidades de promoción. Igualmente, no sector privado, as mulleres teñen menor presenza na dirección das empresas e nos postos técnicos das industrias tecnolóxicas. A era dixital, baixando un chanzo, afonda no crecemento da brecha de xénero e nas desigualdades económicas e sociais de forma xeral.

Invisibilización, falta de recoñecemento, exclusión dos círculos profesionais... As barreiras seguen a ser hoxe explícitas e implícitas, coma nos tempos en que lles tocou vivir ás mulleres das que falamos neste especial. Son doce vídeos sobre referentes no avance da ciencia e do coñecemento, pioneiras que nos abriron fendas, non sen dificultades, para que nós as ensanchemos.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.