“especiais” do CCG

O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa

Na serie de especiais de Historias de ida e volta que vimos desenvolvendo desde o Arquivo da Emigración Galega (AEG), presentamos a continuación a vixésima entrega, dedicada á figura de Pedro Murias, emigrante destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo, que repercutiu directamente sobre a súa comunidade de orixe e que segue vixente no tempo.
Fillo do matrimonio formado por Xoán e Casimira, Pedro Murias y Rodríguez naceu o 20 de maio de 1840, na parroquia da Devesa, concello de Ribadeo (Lugo). Coma tantos outros galegos, emigrou a América con tan só 16 anos de idade. Cuba sería o destino elixido, no que lle esperaba un futuro próspero e florecente. Alí descubriu un mundo cheo de posibilidades, que lle permitiron desenvolver o seu talento como home de negocios, e mesmo chegou a ser unha figura distinguida no sector da industria do tabaco, un dos motores máis importantes da economía da illa. Se atendemos aos seus inicios, vemos que foron comúns ao resto dos emigrantes galegos procedentes de familias humildes, que seguían os pasos dalgúns familiares predecesores na aventura migratoria.
A súa vida, coma un lenzo en branco, foise enchendo de coñecementos e experiencias que nada tiñan que ver coas anteriormente vividas no seu lugar de orixe. Na Habana iniciouse no mundo tabaqueiro como aprendiz de oficio nos “chinchales” ‒talleres artesáns con poucos operarios‒, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Durante os anos oitenta do século XIX, na capital había máis de cen establecementos comerciais de tabaco e cigarros, con marcas acreditadas a nivel internacional. Pedro Murias chegou a ser fabricante e propietario de varias desas marcas, que formarían parte da gran manufactura de exportación por excelencia (La Meridiana, La Devesa, Pedro Murias etc.). Ademais de ser propietario de grandes extensións de terra dedicadas ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando, Pedro Murias diversificou os seus investimentos en diferentes sectores como, por exemplo, o transporte marítimo costeiro, o ferrocarril, inmobiliario, fabricación de cervexa e xeo, prensa e actividades financeiras vinculadas cos seguros e a banca.
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade. Trátase dunha escola que levaría o seu nome, Escola Agrícola Pedro Murias. A parte do seu capital hereditario destinada á construción da dita escola consta, con todo detalle, no testamento pechado outorgado con data do 22 de maio de 1892. Este adiñeirado benfeitor devesán faleceu na Habana o 9 de novembro de 1906, solteiro e sen descendencia directa.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.