“especiais” do CCG

O poder transformador do deporte

A actividade física regular ten múltiples beneficios, tanto para a nosa saúde física como mental: fortalece os músculos, mantén as articulacións en forma, prevén enfermidades cardiovasculares, axuda a durmir mellor, mellora o humor e a memoria e protexe o cerebro contra enfermidades neurodexenerativas coma o alzhéimer. Pero o deporte é tamén unha poderosa ferramenta de transformación e inclusión social, e por iso en 2013 as Nacións Unidas proclamaron o 6 de abril como o Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, co obxectivo de poñer o foco sobre o papel que pode xogar o deporte no eido dos dereitos humanos e do desenvolvemento económico e social.

Neste novo especial de Proxector ofrecémosche unha escolma de recursos que che permitirán profundar na historia e nas principais características dalgunhas prácticas deportivas, algunhas moi pouco coñecidas, como a esgrima histórica ou os birlos celtas. Tamén seleccionamos algunhas pezas que nos falan dos beneficios do deporte para o benestar físico e mental e, para pechar a entrega, atoparás información sobre as Ciencias do Deporte no sistema universitario galego.

Imaxe da portada: Liga Galega de Traiñeiras. IX Bandeira Feminina Concello de Oleiros, 2024.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.