“especiais” do CCG

Cando o pobo fai festa: celebracións e patrimonio inmaterial

O Entroido tradicional galego (celebración á que tamén fan alusión as formas antroido, entroiro, entruido ou entrudio) é unha das manifestacións máis sobranceiras do noso patrimonio cultural inmaterial. Ao longo deste mes de febreiro e ata pasada a primeira semana de marzo de 2025, peliqueiros, cigarróns, pantallas, felos, boteiros, troteiros, volantes, madamas ou choqueiros percorrerán vilas e aldeas do país para convidarnos a gozar desta festa ancestral antes de que a Coresma marque os seus ritmos de contención.

Xunto co Entroido, un amplo abano de manifestacións lúdicas e culturais (lendas, refráns, contos, recitados, festas cíclicas, regueifas, xogos tradicionais, danzas... e mais un idioma milenario) constitúen un tesouro intanxible construído de xeito colectivo polo pobo galego. Desde Proxector achegámosvos unha pequena mostra dese valioso legado que temos a honra de herdar e o compromiso de preservar, para que o poidan seguir celebrando as xeracións que virán.

Imaxe da portada obtida de Prol, Iria: Entroido ilustrado.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.