“especiais” do CCG

O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos

Os tesouros de Betanzos están á vista dos seus visitantes, pero non sempre sabemos cal é a historia real que gardan e o motivo da súa existencia. Algúns deles foron creados non só para producir fascinación senón tamén cun claro obxectivo de servir á comunidade. Tal é o caso de varias das numerosas obras filantrópicas dos irmáns García Naveira, dous indianos que fixeron fortuna en Arxentina e decidiron compartir parte do seu éxito no seu lugar de orixe, na procura do alivio dos máis vulnerables e do progreso educativo que abrise novos horizontes para a súa vila. Este especial está dedicado a dar a coñecer a xenerosidade e o amor pola terra presentes en Juan María e Jesús García Naveira, naturais do barrio da Ribeira e fillos de labregos humildes. Como tantos outros galegos —de finais do século XIX e principios do XX—, buscaron saída na emigración para crear un futuro máis próspero, adquiriron coñecementos á marxe dunha educación formal e fixéronse a si mesmos nun proceso de traballo-aprendizaxe típico do fenómeno migratorio da época. Ambos os irmáns son un claro exemplo do altruísmo materializado polos emigrantes máis venturosos, sempre na procura de sementar sobre o chan natal a caridade e a instrución.
En 1869 Juan parte cara a Arxentina. Un par de anos despois Jesús reúnese con el e xuntos chegan a ser destacados comerciantes no sector téxtil e financeiro. Tras vinte e catro anos de emigración, ambos retornan coas súas familias a España, Juan a Galicia e Jesús a Madrid. Este último faleceu en 1912, sendo aínda novo, vítima dun accidente fatal nunha das súas viaxes a Arxentina.
En 1908 fundan o Patronato Benéfico-Docente García Hermanos para a construción do asilo e as escolas García Hermanos. O lavadoiro público das Cascas é outra das obras postas ao servizo dos habitantes de Betanzos, entre as varias que se dan a coñecer neste especial nº 26 de Historias de ida e volta.
Se nos cinguimos ao período 1914-1933, podemos dicir que a acción educativa promovida polos irmáns García Naveira levou consigo o apoio do dereito de acceso á educación das novas xeracións brigantinas. Sen a súa intervención a comarca de Betanzos quedaría, como tantas outras comarcas galegas agrarias, sumida na desigualdade instrutiva das rapazas e rapaces máis desfavorecidos. A obra filantrópica destes indianos reflicte, en certa medida, un ideal de sociedade.
Sen máis interese que o de recibir o agarimo dos seus paisanos, ambos os irmáns manifestaron os desexos de progreso e benestar da súa vila a través dunha peculiar combinación de iniciativas que non só pretendían atender as primeiras necesidades de vellos e novos, senón tamén ampliar a visión do mundo que tiñan os betanceiros. Tal é o caso da creación do famoso Parque do Pasatempo, promovido por Juan García Naveira. A súa construción enmárcase entre 1893 e 1914 e coa súa creación pretendeu compartir vivencias e coñecementos adquiridos a través da súas viaxes por países como Exipto, Francia ou Italia e polo resto de España. Elementos distintivos de importantes cidades e lugares do mundo foron reproducidos nos xardíns deste pintoresco lugar. Á marxe do claro entusiasmo de Juan García Naveira por crear un espazo ampuloso e singular, sen igual en España, podemos dicir que O Pasatempo é un espazo pedagóxico complementario das escolas creadas por estes irmáns, como motor de cambio dunhas prácticas tradicionais pouco competitivas e ancoradas no pasado, atendendo á educación como compoñente do capital humano.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.