“especiais” do CCG

Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade

Historicamente, a ciencia empregou a realidade dos homes como estándar universal, ignorando a realidade e as necesidades específicas das mulleres e producindo un baleiro de coñecemento que se coñece como “fenda de datos de xénero”. Incorporar a perspectiva de xénero na investigación non é só unha cuestión de ética e de xustiza social, senón de excelencia e rigor científico. Non facelo produce datos incompletos e, nalgúns casos, mesmo perigosos. Aínda que a omisión de datos de xénero afecta a todas as áreas do coñecemento, dous exemplos concretos do campo da medicina e a industria farmacéutica poden axudarnos a entender a dimensión do problema: segundo o propio goberno estadounidense, máis do 80% dos medicamentos retirados do mercado entre os anos 1997 e 2000 debeuse a que provocaban unha maior toxicidade nas mulleres (algo que non acontecería se non tiveran sido testados case exclusivamente en homes nos ensaios clínicos previos); por outra parte, malia que as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en mulleres a nivel mundial, os diagnósticos tardíos de infartos tamén son máis habituais en mulleres, ao non terse en conta na práctica clínica que os seus síntomas son diferentes.

Neste mes no que se conmemora o Día Internacional da Muller, desde Proxector queremos ofrecer unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade.

Misceláneas temáticas dos fondos documentais do CCG.