Noticias

Gabinete de Comunicación (CCG). Rexistros331 a 360 de 445
19/03/2024

As conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística destacan a rendibilidade da lingua galega para o sector económico

“O uso do idioma galego na actividade comercial é moi rendible”, pois representa “un motor económico para as persoas propietarias e traballadoras” e tamén “para quen subministra produtos ou presta servizos complementarios na contorna”. Así o subliñan as conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza anualmente para reflexionar arredor da situación da lingua galega en diferentes ámbitos. O documento coas conclusións xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web do CCG.
14/03/2024

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza o legado das intérpretes galegas na diáspora

Con motivo da estrea en Galicia de Manuela Rey is in da house, obra teatral producida polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional São João, o Teatro Nacional Dona Maria II e o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Intérpretes galegas na emigración e no exilio. Coordinada por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, Cristina Domínguez Dapena e Fran Núñez, a cita terá lugar este venres, 15 de marzo (16:15 horas), no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Non haberá emisión en directo, pero gravarase a sesión e subirase posteriormente á hemeroteca do CCG.
13/03/2024

Victoria Quintero fala de xénero e patrimonio nunha nova sesión do ciclo Pensarmos

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 14 de marzo (18:00 horas), unha nova sesión do ciclo Pensarmos. A antropóloga e profesora Victoria Quintero é a convidada nesta ocasión para reflexionar arredor das desigualdades de xénero que existen na esfera patrimonial. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, desenvolverase de xeito presencial na sede da institución, pero tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
13/03/2024

O Álbum de Galicia suma a entrada de Pencha Santasmarinas

Pencha Santasmarinas (Santiago de Compostela, 1943–2019) dedicou a súa traxectoria vital e profesional ao servizo público. Foi unha activa militante a prol da defensa do territorio, do mar e dos dereitos das mulleres, un ámbito en que loitou por mellorar as condicións de vida de mariscadoras e redeiras. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Encarna Otero.
12/03/2024

O Consello da Cultura Galega dedica unha xornada aos compositores Manuel Balboa, Enrique Macías e Xan Viaño

Balboa, Macías e Viaño. Creación musical galega a finais do século XX é o título da xornada que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 13 de marzo (16:30 horas), na sede da institución. Nela, diversos especialistas analizarán a figura destes tres compositores. Inaugurarán a cita a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez Dapena. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.
11/03/2024

A nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural analiza os xacementos invisibles da Prehistoria

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 12 de marzo (17:00 horas), a 43º edición dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Baixo o título “Visibilizar o invisible. Que facer cos xacementos perecedoiros da Prehistoria en Galicia”, analizarase a problemática que rodea este tipo de patrimonio e debaterase arredor das posibles medidas que contribuirían á súa conservación e protección. Inaugurarán a xornada a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da actividade xunto con Rosa Benavides. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional, pero tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
07/03/2024

A entrada do Colectivo María Castaña incorpórase ao Álbum de Galicia

O Colectivo María Castaña estivo integrado por seis profesoras de ensino medio. Mantivo a súa actividade entre os anos 1991 e 2001, durante os cales a agrupación desenvolveu un importante labor a prol da visibilización das mulleres na historia. Foi “un traballo común, que supuxo unha importante contribución e un avance para o ensino”, mais tamén para a procura “dun mundo máis xusto, igualitario e crítico”, no que se eliminase “a visión androcéntrica e patriarcal da historia da humanidade e de todas as súas manifestacións”. Así o indica Guillermina Domínguez Touriño, integrante do colectivo e autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
06/03/2024

Unha xornada analiza a representación da maternidade no cine e na literatura

No ronsel do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Ficcións da maternidade: entre imaxes e palabras. A cita terá lugar este xoves 7 de marzo (ás 16:15 horas), na sede da institución e contará coas intervencións de Álvaro Gago e Jaione Camborda, cineastas, e de María do Cebreiro e Yolanda Castaño, escritoras. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
06/03/2024

A mostra As xeracións do Monserrat inaugúrase esta tarde en Vigo

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, xunto co alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, e o secretario territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo, Fernando González Abeijón, inauguran esta tarde (ás 20:00 horas) na Casa das Artes a exposición As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. No acto participará tamén Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega. A mostra, comisariada por Xesús Fraga e con deseño de Pepe Barro, constrúe un relato do fluxo migratorio cara ao país británico a través de fotografías, documentos e obxectos pertencentes aos seus protagonistas. O proxecto expositivo poderá visitarse na cidade olívica ata o próximo 26 de maio.
05/03/2024

A nova entrega de Proxector agrupa unha ducia de vídeos sobre a sétima arte

“O cine: a ciencia da ficción”é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). A entrega recompila unha ducia de recursos audiovisuais nos que diferentes profesionais vinculados co sector explican os procesos propios da produción cinematográfica. Ademais, tamén se incorpora a perspectiva de especialistas en tradución e lingüística, que reflexionan sobre a importancia do subtitulado e da accesibilidade, ao tempo que destacan o papel que tivo a dobraxe no proceso de normalización do idioma galego.
05/03/2024

O Consello da Cultura Galega promove varias actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

Co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Consello da Cultura Galega (CCG) programa actividades, conferencias e dixitalización de publicacións históricas ao redor das mulleres galegas. Ao igual que en anos anteriores, organízase coa Filmoteca de Galicia o ciclo Olladas de muller, no que se programan diferentes filmes e curtametraxes realizadas por directoras. Ademais, a hemeroteca feminista A Saia sobe varios exemplares da cabeceira Mulleres Cristiás Galegas, mentres que o Álbum de Galicia incorpora a entrada do Colectivo María Castaña. A estas accións engádese a nova sesión do ciclo Pensarmos, na que se abordará a cuestión do xénero no patrimonio, así como dúas xornadas sobre a representación da maternidade nos discursos artísticos e o legado cultural das intérpretes galegas na diáspora.
29/02/2024

O Consello da Cultura Galega publica os fondos da "Unión Barcalesa"

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega fixo pública a dixitalización de gran parte dos fondos documentais da Sociedad de Instrucción Unión Barcalesa, unha entidade fundada en 1907 que reunía os emigrantes do Val de Barcala (Negreira e A Baña) en Cuba. Os fondos permiten consultar documentos sobre o funcionamento da entidade entre 1907 e o ano 2004.
28/02/2024

As emerxentes leis de dereitos culturais analízanse mañá nunha xornada en Padrón

Os dereitos culturais. Un novo paradigma para a cultura que vén é o título da xornada que terá lugar mañá, 29 de febreiro, ás 10:00 horas, na Casa Museo Rosalía de Castro (Padrón). A cita, organizada pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinada por Alberto de Boiro, ten como obxectivo analizar as últimas leis aprobadas en materia de dereitos culturais. A sesión non se emitirá en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.
28/02/2024

O Álbum de Galicia suma a biografía do poeta e musicólogo Emilio Pita

A poesía e a música foron as dúas grandes paixóns de Emilio Pita (A Coruña, 1907 – Bos Aires, 1981). Autor de numerosos poemas, a súa obra Jacobusland (1942) marcou un fito inaugural na literatura galega de posguerra. Tamén escribiu artigos para diferentes cabeceiras editadas tanto en Galicia como en Bos Aires, nos que manifestou o seu compromiso coa política galeguista e coa defensa e uso do idioma propio. No eido musical, transcribiu e arranxou diferentes composicións patrimoniais galegas e interpretou ao piano a “Muiñeira de Chantada”, sintonía do programa radiofónico Sempre en Galiza. Asina a súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), Xavier Groba González.
21/02/2024

A entrada do artista Xosé Conde Corbal incorpórase ao Álbum de Galicia

Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 – Vilagarcía, 1999) foi un destacado debuxante e pintor cunha fecunda traxectoria, entre a que se contan máis de 1700 gravados e outras tantas pinturas. Acadou unha gran sona grazas á serie de carteis que realizou en homenaxe aos intelectuais da xeración Nós, aínda que sobresaíu tamén cunha produción artística na que captou o urbanismo tradicional das cidades e o mundo da natureza. Foi “o pintor das esencias da terra”, subliña Afonso Vázquez-Monxardín. El é o autor da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
21/02/2024

Rosario Álvarez deposita na nova Biblioteca Rosalía de Castro de Curitiba (O Brasil) unha escolma de obras sobre a autora

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, iniciou este martes unha viaxe institucional por Curitiba. Alí inaugurou na sede que o Instituto Cervantes ten na cidade brasileira a mostra Galicia imaxinada nas revistas da emigración, un proxecto que retrata a Galicia de finais do século XIX e inicios do XX a través da visión da colectividade emigrada alén mar. Após a apertura da exposición, tivo lugar o acto de nominación da biblioteca do centro como Biblioteca Rosalía de Castro, na que Rosario Álvarez depositou diferentes publicacións editadas polo CCG e mais pola Fundación Rosalía de Castro.
15/02/2024

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora varias publicacións editadas pola Casa de Galicia de Montevideo

A Casa de Galicia de Montevideo constituíuse como unha asociación integrada pola colectividade galega residente na capital do Uruguai. Ao longo da súa existencia editou diferentes cabeceiras, coas que buscaba informar sobre a vida societaria e divulgar a cultura galega alén mar. Alma Gallega foi o seu voceiro oficial de 1919 a 1927 e, posteriormente, de 1935 a 1967, tivo unha segunda época. A partir deste ano, a entidade publicou de xeito puntual algúns números para conmemorar os seus aniversarios fundacionais e en 1991 comezou a editar un novo voceiro baixo o nome Casa de Galicia. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de febreiro varios exemplares destas publicacións. En concreto, súmanse dous números da primeira época de Alma Gallega e seis da segunda, dous exemplares conmemorativos do cincuenta e noventa aniversario da entidade e o primeiro número de Casa de Galicia.
14/02/2024

O Álbum de Galicia incorpora a biografía da actriz Fely Manzano

Fely Manzano (Ourense, 1942 – Madrid, 2017) desenvolveu a súa traxectoria profesional como actriz de teatro e audiovisual. Intérprete pioneira, formou parte do elenco de diferentes series galegas, así como de ficcións televisivas producidas a nivel estatal. Ademais, participou en numerosas curtametraxes e películas, fixo anuncios publicitarios e foi actriz de dobraxe. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Ana Abad de Larriva.
08/02/2024

A mostra Luces de alén mar chega á Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e Mar Lorenzo, decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), inauguraron na sede que a facultade ten no Campus Vida a mostra expositiva Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia. O acto tivo lugar na mañá deste xoves, 8 de febreiro (12:00 horas), e nel participou tamén o comisario da mostra, Vicente Peña Saavedra. A exposición, que documenta o importante labor educativo desenvolto pola emigración galega nas súas parroquias natais, permanecerá aberta ata o próximo 29 de febreiro.
07/02/2024

Fernanda Tabarés e Joana Bonet falan de xornalismo e empoderamento feminino no ciclo EscriturAs

“Xornalismo con perspectiva” é o título da nova sesión do ciclo EscriturAs, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión, Fernanda Tabarés e Joana Bonet debaterán arredor de se o xornalismo é un ámbito propicio para a loita feminista. A cita terá lugar mañá, 8 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa das Campás (Pontevedra). A sesión, coordinada por Inmaculada López Silva e Rexina Rodríguez Vega, é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.
07/02/2024

O fotógrafo e cineasta José Gil Gil entra no Álbum de Galicia

José Gil Gil (Barxa, As Neves, 1870 – Vigo, 1937) acadou un gran prestixio como fotógrafo grazas, sobre todo, aos seus retratos de estudio, aínda que destacan tamén as reportaxes gráficas que realizou para diferentes revistas e xornais. Xunto coa fotografía, converteuse nun dos pioneiros do cine galego, profesión á que se dedicou con intensidade a partir da segunda década do século XX e que se concretou na produción de máis de cento cincuenta cintas audiovisuais. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Vítor Vaqueiro.
06/02/2024

Marcelino Maneiro escolma unha ducia de vídeos sobre química no novo especial Proxector de autor

“Escolma para ver e escoitar química” é o título do novo especial Proxector de autor, no que é unha persoa especialista do tema quen se encarga de facer a selección dos vídeos. Nesta entrega, Marcelino Maneiro Maneiro, profesor de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), escolma doce recursos audiovisuais sobre a presenza e implicacións que ten a química nos procesos que rodean a vida cotiá das persoas. Proxector é unha iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa USC.
31/01/2024

A entrada de Francisco Javier Río Barja incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Javier Río Barja (Lugo, 1919 – Santa Cruz de Tenerife, 2011) consolidouse como unha figura sobranceira da investigación e da didáctica da xeografía galega, disciplina á que dedicou toda a súa vida. Estivo vinculado ao Consello da Cultura Galega (CCG) como membro do seu Plenario entre 1983 e 2011, período en que ocupou tamén unha cadeira como académico numerario da Real Academia Galega. Asina a súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o CCG, Xosé Ramón Fandiño.
26/01/2024

A presidenta inaugura en Barcelona a mostra Afonso X e Galicia

O proxecto expositivo Afonso X e Galicia, producido polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, recala no Edifici Històric da Universitat de Barcelona (UB). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da UB, Joan Guàrdia; o vicedecano de Investigación e Relacións Internacionais da Facultade de Filoloxía e Comunicación da UB, Josep Solervicens, e o comisario da exposición, Antoni Rossell, inauguraron a mostra nun acto que contou tamén coa actuación do grupo de gaitas da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà. Ao remate, Antoni Rossell e Luciano Pérez, do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), realizaron unha visita guiada á exposición, que permanecerá aberta ata o próximo 22 de febreiro.
25/01/2024

Un documental sobre a historia do Consello da Cultura Galega estréase na Televisión de Galicia

A Televisión de Galicia emite este xoves, 25 de xaneiro (23:00 horas), na súa segunda canle (TVG2) o documental Pensar o mundo dende Galicia: 40 aniversario do Consello da Cultura Galega. A peza, realizada pola produtora audiovisual Tamboura Films, recompila os principais fitos, acontecementos destacados e obxectivos acadados polo Consello da Cultura Galega (CCG) dende a súa creación no ano 1983.
24/01/2024

O Álbum de Galicia suma a biografía da química Elisa Díaz Riva

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, incorpora a entrada de Elisa Díaz Riva (Santiago de Compostela, 1914 – Cidade de México, ?). Química de formación, dedicou a súa vida profesional ao ensino, primeiro en Barcelona e, posteriormente, no exilio en México. A súa é un “exemplo de carreira truncada por culpa da Guerra Civil e a posterior ditadura”. Así o subliña a autora da súa biografía, Carlota Guede Pujales.
24/01/2024

Mar García Puig fala das confluencias entre literatura e saúde mental no ciclo Pensarmos

O ciclo de reflexión e debate Pensarmos, promovido pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza mañá, 25 de xaneiro (18:00 horas), unha nova sesión. Desta volta, a convidada é a editora, escritora e exdeputada Mar García Puig, quen achegará a súa propia experiencia persoal para falar de saúde mental e do poder que ten a cultura como terapia. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e desenvolverase de xeito presencial na sede do CCG, aínda que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
23/01/2024

O ciclo Revisando a nosa arte dedícalle unha xornada ao pintor Urbano Lugrís

Urbano Lugrís creou a través da súa obra un universo pictórico singular poucas veces visto na plástica galega. Ao pouco de conmemorarse o cincuenta aniversario do seu pasamento, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica mañá, 24 de xaneiro (17:00 horas), unha xornada do ciclo Revisando a nosa arte a profundar na súa traxectoria artística e vital. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional do CCG, pero tamén poderá seguirse en directo a través do web e as redes sociais corporativas.
19/01/2024

A biografía de Francisco Pillado Mayor incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941–2021) consolidouse como un dos grandes impulsores e estudosos do teatro galego. Dramaturgo, director teatral e investigador, foi un dos fundadores da Agrupación Cultural O Facho e da Escola Dramática Galega. Ademais, desenvolveu un importante labor como escritor, tradutor e editor, malia que “a súa gran paixón e vocación” foi a música, na que sobresaíu como pianista. Así o subliña Ana Abad de Larriva na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
18/01/2024

Incorpóranse ao Repertorio da prensa da emigración galega novos números do xornal Correo de Galicia

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 86 novos números da cabeceira Correo de Galicia. O xornal, editado en Bos Aires entre os anos 1908 e 1945, foi o voceiro da colectividade galega emigrada no Río da Prata. As súas páxinas contiñan información de interese para as persoas emigrantes, así como novas locais e outras sobre a actualidade de Galicia. Os exemplares que se incorporan neste mes de xaneiro corresponden a diferentes números publicados no período 1919-1920.